Máis de 200 persoas participaron na primeira xornada da campaña de control da tensión arterial e a glicosa en sangue
Xoves 20 de marzo do 2025

Hoxe comezou a campaña de control da tensión arterial e da glicosa en sangue organizada polo curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais que se celebra no Fórum Carballo, subvencionado pola Xunta de Galicia dentro dos plans de formación para as persoas desempregadas. A resposta non puido ser mellor, xa que ao longo da mañá pasaron polo edificio municipal máis de 200 persoas, entre elas boa parte do alumnado, o profesorado e o persoal docente administrativo do propio Fórum.

“O proxecto naceu co obxecto de que as alumnas realizasen prácticas reais sobre os coñecementos que levan adquiridos, pero tamén de achegar á veciñanza da contorna información sobre patoloxías tan frecuentes como a hipertensión e a diabetes”, explicou Helena Varela Castro, mestra de atención sociosanitaria. Tanto ela coma as súas alumnas amosaron certa sorpresa pola elevada afluencia e destacaron a boa acollida que tivo a iniciativa.
Mantén a tensión baixo control é o título da campaña que arrioncou este xoves no propio Fórum Carballo. Ás persoas participantes fixóselles entrega dun caderno que inclúe información práctica sobre a hipertensión e a diabetes, así como espazo para que poidan anotar os resultados dos controis que vaian facendo ao longo de todo o ano. A campaña continuará a semana que vén.