Inicio Carballo ao día Avisos A Concellaría de Mocidade organiza un...

A Concellaría de Mocidade organiza un curso de creación musical con ordenador para as vacacións de Semana Santa

Sábado 22 de marzo do 2025

Atrás quedaron os días nos que era necesario ir a un estudo de gravación para crear, producir e gravar música. Co software actual é posible crear composicións propias en calquera lugar. Pero para dotar á rapazada de ferramentas e impulsar a súa creatividade musical, a Concellaría de Mocidade organiza un curso de creación musical con ordenador que se celebrará aproveitando as vacacións escolares de Semana Santa.

A iniciativa, dirixida a maiores de 14 anos, está deseñada e dirixida por Fanzine Project e será impartida por Francisco Martínez, coñecido artisticamente como Lefrenk, un mozo coruñés que figura entre os produtores máis influentes e prolíferos da escena, con máis de 100 temas editados en selos de diferentes partes do mundo. Xunto a el, os/as participantes coñecerán a interface do programa de creación musical, métodos de traballo, controis xerais do software e o paso a paso para a creación dun novo proxecto.

O curso desenvolverase en catro xornadas de dúas horas, de 17.00 a 19.00 horas, os días 14, 15, 16 e 21 de abril. A aula desta acción formativa tan especial serán as Escolas do Xardín Agra de Caldas. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. Os/as interesados/as poden anotarse a través do formulario que atoparás máis abaixo a partir do luns 24 de marzo.

Programa do curso

  • Clase 1. Configuración de audio, conceptos básicos interface do secuenciador e definición dos parámetros.
  • Clase 2. Creación dun tema desde cero.
  • Clase 3. Montaxe e estrutura.
  • Clase 4. Renderizar o tema, darlle un son coherente para presentar o proxecto ante o público.

Ligazóns

Compartir: