Inicio Carballo ao día Novas En marcha novas actuacións de urbanismo...

En marcha novas actuacións de urbanismo táctico para mellorar a seguridade en dúas zonas con alta intensidade de tráfico

A Concellaría de Mobilidade está a actuar nestes momentos no eixo formado polas rúas Luis Calvo, Pan e Xirona

Xoves 27 de marzo do 2025

A Concellaría de Mobilidade ten en marcha unha serie de actuacións de urbanismo táctico coas que, a través dunha transformación urbana sinxela con elementos de uso temporal, preténdese mellorar a seguridade viaria en zonas con alta intensidade de tráfico. A utilización desta fórmula, que xa se probou con éxito na contorna do CEIP Bergantiños, consiste na utilización de mobiliario urbano, pintura e elementos verdes, principalmente, para crear espazos máis respectuosos co peón.

Nestes momentos está en execución un destes proxectos no ámbito do Pazo da Cultura, onde a intersección de tres rúas con moito tráfico e que son moi utilizadas de xeito peonil por nenos/as e persoas maiores, tanto pola existencia dun parque infantil e unha zona de paseo coma polos servizos que se prestan no propio Pazo da Cultura (conservatorio, escola de idiomas, centro de ocio para maiores...).

O obxectivo básico da actuación é mellorar a seguridade viaria. Con esa finalidade, as rúas Pan e Xirona serán de sentido único, o que permitirá eliminar os perigosos xiros á esquerda, e tamén se reordenará o aparcamento para introducir un carril central de espera na Luis Calvo para facilitar o xiro á esquerda cara a Rúa do Pan. Ademais de mellorar o tráfico, aproveitarase para humanizar a zona dotándoa de árbores e renovando a sinalización.

As obras, que teñen un orzamento de 33.637,90 euros, son executadas pola empresa Mantido.

Actuacións previstas

Na Rúa do Pan, a principal actuación desde o punto de vista do tráfico é a eliminación do carril de circulación en sentido Luis Calvo, o que permitirá crear unha nova ringleira de aparcamento en liña e plantar árbores intercaladas para darlle sombra á vida. Así mesmo, reordenarase o acceso ao aparcadoiro do Pazo da Cultura, eliminando a saída actual cara a Rúa do Pan, e para mellorar o acceso ao Pazo da Cultura crearase unha plataforma elevada en toda a zona frontal, o que permitirá cambiar de beirarrúa a nivel, sen barreiras arquitectónicas.

Na rúa Xirona acometerase unha actuación similar, eliminando o carril de circulación procedente de Luis Calvo para evitar os xiros á esquerda, reordenar a zona de aparcadoiro e introducir árbores. En total está previsto plantar 28 árbores.

Ao converter as rúas do Pan e Xirona en vías de sentido único, tamén poderá actuarse na rúa Luis Calvo, onde se realizará unha reordenación dos aparcamentos, que pasarán de batería a liña, o que permitirá crear un carril central de espera para o xiro á esquerda e crear unha nova zona para estacionamento de vehículos en liña.

Nos próximos meses está previsto acometer outro proxecto de urbanismo táctico na rúa Fomento, que se converterá nunha vía de sentido único, con carril bici, zonas verdes e arborado. As obras teñen un orzamento de 40.000 euros e serán executadas pola empresa Gestal y López.

Compartir: