A Senda do Mar Razo-Baldaio recibe un ano máis o distintivo Sendeiro Azul da asociación ADEAC
O coordinador de Protección Civil, Javier Souto, asistiu ao acto de entrega das bandeiras, celebrado en Murcia
Venres 28 de marzo do 2025

O coordinador do servizo municipal de Protección Civil, Javier Souto, acudiu en Murcia ao acto de entrega das bandeiras que identificarán os sendeiros azuis galardoados este ano pola Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac), a mesma que concede as bandeiras azuis.
Este galardón destaca e recoñece a conservación e a recuperación de sendas e camiños, transformados en valiosos recursos para a interpretación e a educación ambiental, así coma para o desfrute da natureza a través da realización de actividades recreativas, deportivas e turísticas sustentables.
Entre os 154 sendeiros azuis recoñecidos en toda España, conformando unha rede que supera xa os 1.000 quilómetros, figura, un ano máis, a Senda do Mar Razo-Baldaio, un itinerario de 5,5 quilómetros de lonxitude que une o porto de Razo co espazo natural de Baldaio pasando polas nosas praias que ano tras ano veñen revalidando tamén a bandeira azul.
Entre os criterios que determinan a obtención do distintivo Sendeiro Azul téñense en consideración aspectos tales como as características do propio carreiro (lonxitude, trazado ou tipos de firme, entre outras); a presenza de paneis de información, sinalética e infraestruturas para a xestión dos residuos, etc; a conservación e xestión do patrimonio natural e cultural (presenza de hábitats naturais e promoción do carreiro); así como a accesibilidade, a mobilidade ou o desenvolvemento de actividades de educación ambiental.