Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
A Xunta de Goberno Local aproba solicitar subvencións por 52.000 euros para limpeza de praias e sinalización turística

LUZ VERDE PARA O PROGRAMA DE PRIMAVERA ENDANZA

A Xunta de Goberno Local aproba solicitar subvencións por 52.000 euros para limpeza de praias e sinalización turística

Luns 28 de marzo do 2016

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar a solicitude dunha subvención á Deputación da Coruña para o financiamento do servizo de limpeza de praias do Concello de Carballo durante o ano 2016. A administración local formaliza a petición ao abeiro dunha convocatoria do organismo provincial para o sostemento dos gastos derivados da limpeza das praias da provincia da Coruña durante a tempada de verán 2016 por un prazo máximo de tres meses. O total do custo do contrato do Concello de Carballo para ese período é de 42.300 euros, solicitándose unha axuda de 33.840 euros. Fóra da orde do día, recibiu luz verde tamén unha solicitude de subvención á Axencia de Turismo de Galicia para o apoio de investimentos para uso público en infraestrutura recreativa, información turística e infraestrutura turística a pequena escala mediante o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos do mundo rural cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feder) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020. O importe total das axudas solicitadas sería de 18.500,90 euros (IVE incluído). De concederse, a subvención deberá destinarse ao fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural de cara á consolidación da oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.

O Concello vén de rematar a ampliación da pista que une Artes a Ardaña para mellorar a circulación na vía

A MELLORA REALIZOUSE A TRAVÉS DA CESIÓN DE TERREOS

O Concello vén de rematar a ampliación da pista que une Artes a Ardaña para mellorar a circulación na vía

Mércores 23 de marzo do 2016

O Concello de Carballo conseguiu xestionar a ampliación da pista que une as parroquias de Artes e Ardaña, unha vía estruturante pola que, non obstante, a circulación resultaba complicada debido á súa estreitura. O acordo acadado polo goberno municipal cos propietarios dos terreos situados a os dous lados da vía permitiu ensanchar a pista e acadar unha maior amplitude no cruce de Artes, onde, grazas ás cesións, foi posible cambiar o emprazamento da marquesiña e do colector do lixo. Pero, sobre todo, materializouse unha mellora especialmente importante para o transporte escolar. O Alcalde, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, visitaron a obra, xa rematada, e agradeceron aos propietarios dos terreos a súa xenerosidade e a súa boa disposición para poder levar a cabo unha actuación que beneficia a toda a poboación. Cúmprese deste xeito unha demanda histórica por parte dos veciños da zona. Hai que mencionar que o Concello continuará este ano 2016 coa mellora das vías que conectan as parroquias do municipio a través doo Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal, POS 2016, que destinará máis de 800.000 euros á mellora da rede viaria das 18 parroquias do municipio. O obxectivo da actuación é o de realizar un acondicionamento que permita que as estradas estean en condicións óptimas durante moito tempo. O Concello espera, con actuacións sucesivas, que a mellora de toda a rede viaria esta rematada nun prazo máximo de tres anos.

O goberno municipal de Carballo conmemora o Día da Árbore cunha plantación de quince carballos na parroquia de Artes

PLANTACIÓN COLECTIVA O DOMINGO 20 NO REGO DA BALSA

O goberno municipal de Carballo conmemora o Día da Árbore cunha plantación de quince carballos na parroquia de Artes

Sábado 19 de marzo do 2016

O goberno municipal de Carballo volve a manifestar o seu compromiso co medio ambiente. O sábado 19 de marzo súmase á Hora do Planeta co apagado do alumeado público na contorna da Praza do Concello de 20.30 a 21.30 horas, pero ademais tamén conmemora ao Día da Árbore, que oficialmente se celebra o 21 de marzo, cunha plantación de quince carballos na parroquia de Artes. A plantación levouse a cabo na finca adquirida a medias entre a veciñanza da parroquia e o Concello xunto á igrexa de San Xurxo. Este novo exemplo de participación social e de colaboración entre a cidadanía e a administración local, que se suma aos desenvolvidos tamén en Sofán, Berdillo, Ardaña e Oza, permite que os veciños e as veciñas de Artes dispoñan xa dun amplo espazo público de máis de 5.000 metros cadrados cunha situación privilexiada. Unha parte da parcela está acondicionada e pavimentada para poder ser utilizada como aparcamento ou como campo da festa, e na outra, que se mantén como zona verde, foi onde se realizou a plantación de quince carballos, que xa teñen cinco ou seis anos e que contribuirán a crear unha área de sombra para o desfrute da poboación e que, en caso de necesidade, tamén poderá ser usada con outros fins, segundo explicaron o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, durante a visita que realizaron o venres 18 de marzo á plantación.

O Concello de Carballo pechou o exercicio de 2015 cun remanente para gastos xerais de 6,8 millóns de euros

A DÉBEDA FINANCEIRA REDUCIRASE A CERO EN 2016

O Concello de Carballo pechou o exercicio de 2015 cun remanente para gastos xerais de 6,8 millóns de euros

Venres 18 de marzo do 2016

O Concello de Carballo vén de presentar a liquidación do presuposto de 2015 que reflicte un resultado orzamentario de 3.940.1714,35 euros, un remanente de tesourería de 7.042.110,59 euros e un remanente para gastos xerais de 6.844.122,27 euros. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, presentou os resultados acompañado da Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, sinalando que Carballo cumpriu cos requirimentos do plan de estabilidade e que aínda ten que recibir o ingreso este exercicio de 1.133.686,80 euros de fondos europeos polo financiamento do proxecto de abastecemento integral da auga Anllóns-Bardoso, abonado polo Concello e pendente do ingreso da subvención. En todo caso, explica Ferrero, e "a pesar de que os números de Carballo son excelentes examinados cada un por separado", o Concello non poderá incorporar este remanente para emprender novos proxectos ou actuacións, xa que a Lei o impide. Tan só poderá afrontar os gastos dalgúns dos contratos asinados en 2015 que aínda están en proceso de execución e non están certificados nun cen por cen, como é o caso da substitución da cuberta do Pavillón Vila de Noia. Ademais, a Lei estipula que os concellos non poden gastar máis que o crecemento do Produto Interior Bruto (PIB) do Estado, cifrado no 1,3 por cento en 2015. Dado que o Concello investiu o pasado exercicio un índice superior ao 1,3 por cento do seu orzamento, e a pesar de contar cunhas contas saneadas, deberá elaborar un novo plan de estabilidade e realizar un seguimento durante o ano 2016 para controlar que se respecta a regra do gasto que marca a Lei.

As rúas Gran Vía e Vázquez de Parga son as que presentan un maior número de accidentes de tráfico na capital carballesa

A POLICÍA REALIZA XA UN LABOR PREVENTIVO EN PUNTOS ESTRATÉXICOS

As rúas Gran Vía e Vázquez de Parga son as que presentan un maior número de accidentes de tráfico na capital carballesa

Mércores 16 de marzo do 2016

As zonas da capital carballesa nas que se teñen rexistrado un maior número de accidentes de tráfico no ano 2015 son a Gran Vía (con 15 sinistros) e a Vázquez de Parga (con 21 sinistros) con 36 incidentes. A tendencia na Vázquez de Parga continúa en 2016, xa que nos dous primeiros meses do ano segue sendo a vía con maior número de accidentes, con 5. Así o reflicte o informe da Policía Local presentado na Comisión Especial de Seguridade celebrada o martes 15 de marzo con presenza de todos os grupos da corporación. Tanto o Concello como as forzas de seguridade solicitan a peóns e condutores que extremen as precaucións nesas zonas, con gran intensidade de tráfico, e tamén especialmente na confluencia de ditas vías onde se teñen rexistrado 3 dos 36 sinistros. A Concellaría de Seguridade que dirixe Milagros Lantes e a Policía Local recomendan aos peóns que crucen polos pasos habilitados; e aos condutores que repecten a velocidade recomendada, que hai que lembrar que en casco urbano ten un límite de 30 quilómetros por hora. A Policía Local tamén reflicte no informe presentado que xa se está realizando un labor preventivo "nos puntos estratéxicos e onde se rexistraron maior número de sinistros en anos anteriores", ademais da posta en marcha de medidas como aforadores, glorietas de nova construción, cambios no sentido de circulación nalgunhas rúas e implantación do sentido único noutras ou o ancheamento de beirarrúas e mellora do alumeado público. O obxectivo, sinala o informe: "mellorar a fluidez do tráfico e a seguridade".

Luz verde na Xunta de Goberno para os contratos de limpeza viaria e subministro de calefacción por 2,7 millóns de euros

APROBADA A CELEBRACIÓN DA CARREIRA DE ATLETISMO 10K CARBALLO

Luz verde na Xunta de Goberno para os contratos de limpeza viaria e subministro de calefacción por 2,7 millóns de euros

Luns 14 de marzo do 2016

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar dous expedientes de contratación para a realización de servizos no Concello por un importe que supera os 2,7 millóns de euros. O primeiro deles é o contrato administrativo de servizos de "Limpeza viaria e servizos conexos do Concello de Carballo, reservado a centros especiais de emprego e empresas de inserción socio laboral". O obxecto do contrato será o da prestación da limpeza de vías entendendo por limpeza o conxunto de tratamentos que se efectúan na vía pública para manter un bo estado de limpeza e hixiene (varrido, baldeo, baleirado de papeleiras, limpeza de pintadas ou limpezas especiais). Tamén se inclúen servizos como a limpeza, mantemento e conservación do mobiliario urbano: bancos, maceteiros, etc. O orzamento para todo o período de duración do contrato incluídas as posibles prórrogas (4+2 anos) ascende a 2.376.000 euros (IVE incluído). O concurso efectuarase mediante procedemento aberto con varios criterios de valoración e con unha reserva para centros especiais de emprego e empresas de inserción socio laboral. O valor anual estimado do contrato sería de 396.000 euros (IVE incluído), sendo o importe total para os primeiros catro anos do contrato (sen as prórrogas) de 1.584.000 euros. No apartado de contratación tamén saíu adiante o expediente para o contrato de "Subministro por prezos unitarios de calefacción (pellets e achas), con destino a diversas instalacións municipais do Concello de Carballo". Neste caso tamén se trata dun procedemento aberto e o prezo total do contrato, por un período de catro anos, sería de 328.636 euros.

Compartir: