Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Carballo crea o seu propio selo de calidade turística para o sector da hostalería: Carballo Compromiso Calidade ou C3

NO FUTURO ESTÁ PREVISTO AMPLIAR O ÁMBITO AO SECTOR COMERCIAL

Carballo crea o seu propio selo de calidade turística para o sector da hostalería: Carballo Compromiso Calidade ou C3

Xoves 10 de marzo do 2016

Carballo xa conta co seu propio selo de calidade turística: a marca Carballo Compromiso Calidade, ou C3, polas tres ‘ces’ que avalan a creación dunha rede de establecementos hostaleiros que destaca pola súa calidade nos servizos turísticos, polas súas melloras nas pautas de atención ao cliente ou por contribuír a mellorar a percepción de Carballo como destino turístico de calidade. Un total de 20 empresas do municipio participaron nun proceso de validación para acadar este selo que tamén pretende dinamizar esta rede de establecementos turísticos mediante a súa identificación e promoción e a través da colaboración conxunta. Segundo explicou o Concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira, o obxectivo foi o de crear un distintivo de calidade turística que ofreza unha "diferenciación" dos servizos turísticos e hostaleiros ofrecidos en Carballo respecto doutros "competidores directos da zona", por exemplo, en toda a Costa da Morte. A través de Carballo Compromiso Calidade tamén se pretende que as empresas hostaleiras de Carballo que polas súas características concretas se cadra non teñen a posibilidade de optar a unha Q internacional de calidade turística ou a unha normativa ISO teñan a oportunidade de destacar; ademais de achegar un "plus aos servizos que ofrecemos a través dun pacto entre empresas e administración". Regueira quixo transmitirlle os seus parabéns e o seu agradecemento ás empresas participantes xa que manifestou o "orgullo" do Concello respecto dos sectores produtivos do municipio e espera que, dado que a marca C3 terá continuidade, moitas máis empresas se vaian sumando á marca.

O Concello xa prepara Carballo por etapas, a cita gastronómica que terá lugar a finais de maio e primeiros de xuño

A RUTA MANTERÁ OS SORTEOS E O TREN TURÍSTICO

O Concello xa prepara Carballo por etapas, a cita gastronómica que terá lugar a finais de maio e primeiros de xuño

Xoves 10 de marzo do 2016

Xa hai datas para Carballo por Etapas. A ruta organizada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo do Concello de Carballo e a Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober) celebrarase os días 27, 28 e 29 de maio, e 3, 4 e 5 de xuño. O xoves 10 de marzo tivo lugar a primeira reunión co sector da hostalería, na que estiveron representados 12 locais. Por parte do Concello asistiu a técnica de Turismo, Maite Parga, mentres que por parte de Axober estiveron presentes o Presidente, Isidro Varela, e o Secretario, Raúl Cantorna. A cifra de locais incrementarase nos vindeiros días, por unha banda porque xa expresaron o seu interese en participar hostaleiros/as que non puideron acudir á xuntanza de hoxe, e, por outra, porque o prazo de incorporación segue aberto. As persoas interesadas poden dirixirse a Axober (rúa Fomento, 21-23) chamando ao número de teléfono 981 756 313 polas mañás. O esquema de Carballo por Etapas manterá as claves que constituíron o éxito de edicións anteriores. Os locais participantes elaborarán tapas específicas para o evento que servirán os venres pola tarde-noite e os sábados e domingos tanto a mediodía coma pola tarde. Os horarios tampouco varían, de xeito que as tapas estarán dispoñibles como mínimo de 12.00 a 14.00 e de 20.00 a 22.00 horas. O que si cambia é o prezo, que pasa a ser de 1,50 € por tapa. Carballo por Etapas manterá os seus distintivos, como o tren turístico, que fará a ruta polos locais participantes, ou os sorteos de tapas, gorras, camisetas e outro material promocional.

Cheo na primeira xornada do InForum16 dedicada á busca de emprego e ás claves dos procesos de selección das empresas

MAÑÁ 8 DE MARZO O WORKIN CARBALLO CÉNTRASE NA MULLER

Cheo na primeira xornada do InForum16 dedicada á busca de emprego e ás claves dos procesos de selección das empresas

Luns 7 de marzo do 2016

O auditorio do Fórum Carballo quedou hoxe luns pequeno para acoller as xornadas WorkIN Carballo do InForum16, que arrincaron centradas nas claves para a busca activa de emprego e en ofrecer aos e ás demandantes consellos prácticos para afrontar os procesos de selección das empresas. Manuel Rego, de Wittalento SL falou a primeira hora de "A busca de emprego, un paso necesario para emprender o teu propio voo" cos usuarios e usuarias da Bolsa de Traballo Municipal (BDT). A continuación, e logo da inauguración por parte do Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira; e do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, foi a quenda de Mari Pacoret, intermediadora laboral de Eu busco; de Patricia Guitián, técnico de Recursos Humanos de Gadisa; de Fran Castro, responsable adxunto do departamento de calidade do Balneario Baños Vellos; e de Diego Vázquez, Presidente da Asociación de empresarios da Construción Apeco, e xerente da empresa Ramón Vázquez y Reino. Todos eles ofreceron consellos prácticos para levantar "os malos números", en verbas de Regueira, e "para facer que cada vez máis xente poda incorporarse ao mercado laboral". O Alcalde subliñou o feito de que "os actos que se programan dende o Concello teñan unha asistencia tan masiva" pero tamén quixo salientar que a elevada asistencia tamén "reflicte outra realidade como é a do paro". Ferrero resaltou que precisamente a preocupación do Concello polo desemprego foi a que motivou a celebración destas xornadas e convidou aos veciños e veciñas a que participen "en todas as actividades programadas ao longo destes días" e que continúan até o xoves 10.

O inForum 2016 céntrase na xeración de emprego con citas dirixidas a demandantes de traballo, a empresas e ás mulleres

DO 7 AO 10 DE MARZO NO FÓRUM CARBALLO

O inForum 2016 céntrase na xeración de emprego con citas dirixidas a demandantes de traballo, a empresas e ás mulleres

Xoves 3 de marzo do 2016

O inFórum 2016 dedicarase ao fomento do emprego e ao fomento da igualdade de xénero con case unha semana de actividades no Fórum Carballo destinadas a crear un foro no que achegar a todas as partes implicadas na creación e busca de emprego, a difundir o labor da Bolsa de Traballo Municipal (BDT), e a avanzar nos dereitos das mulleres con motivo do 8 de marzo. As xornadas, agrupadas baixo o nome WorkIN Carballo, desenvolveranse entre o luns 7 e o xoves 10 de marzo con obradoiros, charlas, presentacións e encontros cunha orientación eminentemente práctica co obxectivo de "debater, dialogar, aprender" e de ofrecer un espazo que, segundo explica a Orientadora Laboral do Concello, Mila Antelo, "estaban demandando tanto as empresas como os usuarios e usuarias da BDT". O Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, tamén quixo resaltar que o WorkIN Carballo servirá para presentar o novo selo Carballo Compromiso Calidade, unha marca municipal para distinguir aos mellores locais de hostalería do municipio. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, resaltou que o inForum creouse como unha plataforma "para a formación, a emprendeduría e o mundo laboral" e este ano, ademais, buscando a inserción laboral das mulleres nun "compromiso para formentar a súa incorporación igualdade". Todas as citas son de balde, pero dado o aforo do auditorio do Fórum Carballo, onde terán lugar, é necesaria inscrición previa, que pode realizarse a través das redes sociais do Fórum Carballo, do correo electrónico ou do número de teléfono 981 709 011.

A Unidade de Atención Temperá de Bergantiños, con sede en Carballo, atendeu a 85 familias da  comarca en 2015

O SERVIZO REALIZOU MÁIS DE 1.700 PRESTACIÓNS DE APOIO

A Unidade de Atención Temperá de Bergantiños, con sede en Carballo, atendeu a 85 familias da comarca en 2015

Mércores 2 de marzo do 2016

A Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar (Udiaf) de Bergantiños atendeu durante o ano 2015 a 85 familias na súa sede no edificio situado na Avenida Ambulatorio, a carón do centro de Saúde. Este servizo presta asesoramento e información ás familias e apoio ao desenvolvemento de nenos de 0 a 6 anos. Gran parte do seu traballo consiste en coordinarse e colaborar cos profesionais e os recursos que atenden aos nenos e nenas desde outros servizos. O vicepresidente da Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT), Jaime Ponche, e o equipo da Udiaf reuníronse en días pasados no local do servizo, cedido polo Concello de Carballo, para examinar os resultados da actividade asistencial de 2015. A tipoloxía das dificultades atendidas abarca todo o ámbito dos problemas que poidan darse no desenvolvemento infantil: evolutivos, afectivo-emocionais, de conduta, de comunicación e linguaxe, motrices ou cognitivos. En total, durante 2015 foron 85 as familias recibidas no centro bergantiñán, que realizou máis de 1700 prestacións de apoio personalizado e 311 actuacións de coordinación con outros profesionais e recursos. A maior parte das familias atendidas pola Udiaf-Bergantiños ten a súa residencia en Carballo (70 por cento), mentres que un 10 por cen procede de Ponteceso e un 8 por cento de Coristanco. Os outros municipios da comarca representan cifras menores, en xeral en correlación coa súa poboación.

Unanimidade do pleno para a cesión de dependencias que permitirá crear unha oficina para tramitar a renovación do DNI

LUZ VERDE PARA A REURBANIZACIÓN DAS RÚAS PONTE E DESIDERIO VARELA

Unanimidade do pleno para a cesión de dependencias que permitirá crear unha oficina para tramitar a renovación do DNI

Martes 1 de marzo do 2016

O pleno da corporación celebrou o luns 29 de febreiro unha sesión plenaria ordinaria na que saíu adiante co apoio de todos os membros da corporación o acordo para ceder temporalmente o uso de parte das dependencias da Casa do Concello ao Ministerio do Interior (Policía Nacional), para creaar unha unidade de estranxeiría e documentación que permitirá que os veciños e veciñas tramiten directamente en Carballo a renovación do DNI ou a expedición do pasaporte. Por este acordo, os veciños e veciñas non terán a que esperar a pedir cita na unidade móbil que se despraza á vila entre tres e catro veces ao ano ou desprazarse á Coruña ao cuartel de Lonzas ou á xefatura da Avenida Alférez Provisional. A cesión das oficinas, con entrada dende a rúa Cervantes, sería por un prazo de 15 anos e, ademais da cesión do espazo, o Concello achegará o mobiliario e os equipos informáticos necesarios para a posta en marcha do servizo. Outro dos asuntos da orde do día foi a aprobación das actuacións incluídas no Plan de Aforro e Investimento (PAI) da Deputación da Coruña. O importe total do plan é de 596.941,81 euros dos que o Concello achegará 37.252,08, mentres que o organismo provincial achega un empréstito de 559.689,73. Os proxectos de máis contía incluídos no PAI son as reurbanizacións das rúas Desiderio Varela e Ponte da capital municipal, cun custe de 211.158,49 euros no primeiro caso e de 220.530,67 no segundo. O PAI tamén recolle o proxecto para mellorar a capa de rodadura en Cances Grande, por 55.036,32 euros; e un proxecto para reparar rúas do casco urbano por 72.964,25 euros.

Compartir: