Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Concello prepara un amplo programa de actividades con teatro, obradoiros ou inserción laboral arredor do Día da Muller

CITAS ENTRE O LUNS 7 E O VENRES 11 DE MARZO

O Concello prepara un amplo programa de actividades con teatro, obradoiros ou inserción laboral arredor do Día da Muller

Luns 29 de febreiro do 2016

Co gallo do 8 de marzo, Día da Muller, o Concello de Carballo desenvolve un amplo programa de actividades co que pretende afondar tanto no aspecto social coma no laboral arredor da celebración desta data. A colaboración entre as Concellarías de Igualdade e Benestar e Promoción Económica, que dirixen Maica Ures e Xosé Regueira, respectivamente, tamén fará posible achegar as propostas lúdicas, didácticas, formativas, informativas e mesmo reivindicativas a todos os sectores da poboación, dende os escolares ata os máis maiores. A programación arrinca o lujns 7 de marzo con un ciclo de contacontos para o alumnado de Primaria promovido dende a área de Servizos Sociais. O mesmo día comezan no Fórum as actividades vinculadas ao ámbito laboral. Durante toda a mañá desenvolveranse unha serie de talleres informativos e prácticos para usuarias e usuarios da Bolsa de Traballo (BDT), e pola tarde tomarán o relevo empresarios cunha xornada práctica na que poderán participar todos os interesados e interesadas previa inscrición a través das redes sociais do Fórum Carballo, do correo electrónico ou do número de teléfono 981 709 011. O martes 8 incorporaranse ás actividades os/as estudantes de Secundaria. O Día da Muller está prevista para eles a representación de "Tacóns na corda" (na imaxe), un espectáculo teatral con música en vivo co que Verdeveras Expresiones Artísticas intenta rachar coas etiquetas, os estereotipos e os prexuízos que normalmente xiran arredor das mulleres.

Luz verde para o contrato de subministro de aparatos de musculación e outro equipamento para as salas fitness do Concello

APROBADO TAMÉN O CONTRATO PARA A LIMPEZA DO CEMITERIO MUNICIPAL

Luz verde para o contrato de subministro de aparatos de musculación e outro equipamento para as salas fitness do Concello

Luns 29 de febreiro do 2016

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar o "Contrato administrativo por renting de aparatos de cardio, musculación e outros para as salas fitness do complexo deportivo Vila de Noia e do complexo deportivo Carballo Calero". O prezo total de licitación ascende a 111.838,85 euros (IVE incluído) nos que se inclúe a dotación de seis cintas de correr, tres elípticas, tres bicicletas horizontais, oito bicicletas verticais, dez bicicletas de spinning, varios xogos de mancuernas e mobles para colocalas, un banco multiestación, un soporte de discos, un soporte de barras, unha torre de cinco estacións, un contractor pectoral, un bíceps/tríceps, un remo sentado, unha poela alta e remo polea baixa, un extensión/flexión de perna, un femoral tumbado, un multipower, 200 metros cadrados de chan crossfit de 5mm de espesor incluíndo a súa montaxe e a montaxe e instalación de todo o equipamento. A duración total prevista para o contrato é de 48 meses (catro anos). O valor estimado do contrato ao mes é de 2.328,98 euros (IVE incluído). No apartado de contratación tamén saíu adiante o expediente para os servizos de "Limpeza de mantemento do cemiterio municipal de Carballo e servizos de inhumación i exhumación". Neste caso o orzamento do contrato por todo o período de licitación (de catro anos don dúas prórrogas anuais) sería de 210.000 euros (IVE incluído), cun orzamento anual de 35.000 euros. Os labores inclúen traballos de xardinería, limpe, reposición de equipamentos e reparacións de zonas deterioradas.

O proxecto de compostaxe caseira de Carballo Limpo supón a redución de 39 toneladas ao ano en residuos orgánicos

COMEZA A 3ª FASE COA IMPLANTACIÓN EN 25 NOVAS VIVENDAS

O proxecto de compostaxe caseira de Carballo Limpo supón a redución de 39 toneladas ao ano en residuos orgánicos

Sábado 27 de febreiro do 2016

O proxecto de implantación de compostaxe caseira de Carballo Limpo supón unha redución no volume de residuos orgánicos que se depositan nos colectores verdes de 39 toneladas ao ano. Este cálculo tense realizado nas 110 vivendas situadas tanto do medio rural como nas casas da contorna do casco urbano que nestes momentos xa contan co seu propio composteiro. O Concello de Carballo valora estas cifras, que amosan que hai modelos alternativos para o procesamento de residuos que, efectivamente, funcionan. Deste xeito, e a través de Carballo Limpo, o Concello continúa avanzando na redución de residuos sólidos, neste caso na eliminación da fracción húmida, que é a mais pesada e a que máis custe ten no seu tratamento. Ademais, está previsto emprender unha terceira fase no programa de compostaxe caseira, coa implantación en 25 novas vivendas. Nestes momentos aínda hai algunha praza libre para quen queira participar e, coma en convocatorias anteirores, as vivendas que se queden fora desta fase pasarán a unha listaxe de agarda para ser incluídas en accións posteriores. Hai que lembrar que a reducción da 'quinta fracción' tamén é un dos obxectivos do programa Ti tes a chave, posto en marcha recentemente no Concello e no que participan máis de 20 familias do barrio da Milagrosa. Os interesados e interesadas en obter máis información, poden facelo a través do web de Carballo Limpo . O Concello agradece de antemán a colaboración da veciñanza, non só neste proxecto, senón tamén coas chamadas que realiza ao 981 75 49 17 ou en Twitter en @CarballoLimpo.

O pleno aborda a aprobación de dous proxectos para reurbanizar as rúas Ponte e Desiderio Varela da capital municipal

A SESIÓN INCLÚE A CESIÓN DE DEPENDENCIAS PARA A OFICINA DO DNI

O pleno aborda a aprobación de dous proxectos para reurbanizar as rúas Ponte e Desiderio Varela da capital municipal

Venres 26 de febreiro do 2016

A corporación carballesa celebra o luns 29 de febreiro unha sesión plenaria ordinaria do pleno da corporación na que o principal punto da orde do día é a aprobación das actuacións incluídas no Plan de Aforro e Investimento (PAI) da Deputación da Coruña. O importe total do plan é de 596.941,81 euros dos que o Concello achegará un importe de 37.252,08 euros, mentres que o organismo provincial achega un empréstito de 559.689,73 euros. Os proxectos de máis contía incluídos no PAI son as reurbanizacións das rúas Desiderio Varela e Ponte da capital municipal, cun custe estimado de 211.158,49 euros no primeiro caso e de 220.530,67 euros no segundo. No caso da rúa Desiderio Varela a mellora afectará ao treito que transcorre entre a rúa Colón e a Gran Vía, e consistirá na colocación dun firme e acabados similares aos empregados no treito xa mellorado hai anos. O proxecto inclúe a colocación de colectores soterrados na esquina coa Gran Vía. No caso da rúa Ponte o Alcalde, Evencio Ferrero, sinalou que a mellora suporá a substitución das redes de servizos, que no caso das pluviais presentaban problemas decotío, ademais da reforma estética da vía, que será de plataforma única. A actuación realizarase dende a rúa Camiño Novo ata a Luís Calvo e implica a ampliación das beirarrúas, a colocación dunha quincena de árbores, alternando arces, acivros e aligustres, e a creación dunha glorieta na confluencia coa rúa Luís Calvo. Para iso será preciso roubarlle 44 metros cadrados ao solar da familia Calvo Pumpido na rúa Ponte, para o que a familia xa ten outorgado o consentimento.

O barómetro municipal reflicte que a poboación do Concello é de 31.312 habitantes, cun total de 982 altas no padrón en 2015

O COLECTIVO DE ESTRANXEIROS MÁIS NUMEROSO É O DE RUMANÍA

O barómetro municipal reflicte que a poboación do Concello é de 31.312 habitantes, cun total de 982 altas no padrón en 2015

Venres 26 de febreiro do 2016

O Concello de Carballo vén de facer públicos os datos do Barómetro Municipal que recolle as principais variacións en materia de poboación así como de actividade administrativa municipal durante o exercicio de 2015. Os datos actualizados amosan que Carballo conta con 31.312 habitantes, cun total de 982 altas rexistradas no padrón en 2015 e 932 baixas. Do total de veciños e veciñas do Concello, 15.323 son homes (49%) e 15.989 son mulleres (51%). A maioría das altas rexistradas no pasado exercicio son nacementos (230) e maioría das baixas son defuncións (253), aínda que tamén se teñen rexistrado 658 altas de persoas procedentes doutros municipios e 89 de persoas chegadas do estranxeiro. As baixas de habitantes a outros municipios foron 591 e as baixas de xente que marcha a outro municipio 591. O total de modificacións rexistradas no padrón ascende a 2.251. Respecto do rexistro de habitantes estranxeiros, son un total de 576 persoas. O colectivo máis numeroso segue a ser o de rumanos, con 68 persoas, seguido de Uruguai, con 66 e Brasil con 55. Un colectivo que medrou dende finais de 2014 a finais de 2015 foi o de chineses, con catro altas, aínda que o crecemento máis elevado é o de brasileiros e brasileiras, con 8 persoas máis. Respecto da actividade administrativa, hai que mencionar que o Concello ten emitido un total de 9.367 certificados en 2015 e que o número total de vivendas rexistradas no municipio é de 20.378, das que 8.574 constan como deshabitadas. A maioría das vivendas habitadas están ocupadas por dúas persoas (3.100), mentres que hai 23 habitadas por 8 persoas.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe venres 26 de febreiro no DOG a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal

O DOCUMENTO ENTRA EN VIGOR O SÁBADO 27 DE FEBREIRO

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe venres 26 de febreiro no DOG a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal

Venres 26 de febreiro do 2016

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe, venres 26 de febreiro a resolución de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo (PXOM) polo que o sábado 27 de febreiro entrará en vigor a nova normativa urbanística municipal. O documento ten superado tamén hoxe o trámite de publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP). En todo caso, agora ábrese un período de dous meses no que poden interpoñerse recursos contencioso-administrativos ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A Conselleira de Medio Ambiente e Infraestruturas, Beatriz Mato, asinou o xoves 4 de febreiro no salón de plenos da Casa do Concello (na imaxe ese día co Alcalde, Evencio Ferrero) a Orde da Xunta de Galicia que supuxo a aprobación definitiva do planeamento, tan só pendente da publicación no DOG. Despois de case unha década de traballo -que comezou xa en 2007 despois de coñecerse a sentenza anulatoria do PXOM de 2003- e de numerosos trámites que comezaron en 2009 co informe previo da Xunta para a aprobación inicial da primeira versión do novo planeamento, poderá comezar o desenvolvemento de moitos proxectos que até o momento estaban pendentes desta resolución. Toda a documentación do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Carballo está dispoñible para a súa consulta dende o luns 22 de febreiro no web municipal. Os interesados e interesadas poden descargalo clicando aquí.

A Feira das Oportunidades trasládase aos aparcadoiros do Rego da Balsa e volve coa mellor oferta de stocks de tempada

SÁBADO 12 E DOMINGO 13 DE MARZO DE 10.00 A 21.00 HORAS

A Feira das Oportunidades trasládase aos aparcadoiros do Rego da Balsa e volve coa mellor oferta de stocks de tempada

Xoves 25 de febreiro do 2016

Unha carpa na contorna do Rego da Balsa (onde nos últimos anos se tiña celebrado a Oktoberfest) acolle a fin de semana do 12 e 13 de marzo a oitava edición da Feira das Oportunidades. Segundo explica María del Carmen Freire, Xerente do CCA, o cambio de localización responde a un dobre motivo. Por un lado, solucionar os problemas de filtracións de auga que se teñen rexistrado algúns anos na superficie algo irregular do San Martiño; por outro, preténdese rendibilizar o maior número de prazas de aparcamento existentes nesa zona. A Feira das Oportunidades congrega cada ano a unha trintena de establecementos comerciais do municipio que poñen á venda excedentes de tempada, moi por debaixo do prezo de mercado pero cunha excelente calidade e co prestixio engadido do comercio carballés. A cita, excepto pola situación, mantén practicamente as mesmas características que en anos anteriores, cun horario de apertura de 10.00 a 21.00 horas de forma ininterrompida. O orzamento estimado da feira, que conta coa colaboración do Concello a través da Oficina de Promoción Económica, e da Dirección Xeral de Comercio, ascende a 20.000 euros. María del Carmen Freire, xerente do CCA, espera que este ano a feira "contribúa ao beneficio, non só dos comerciantes, senón tamén da hostalería". O Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, confía en que a feira serva para "sacar stocks e sobre todo para equilibrar ingresos e gastos" e espera que a tendencia que comezou en Nadal, cun incremento das vendas durante a pasada campaña, se reflicta nas próximas semanas no comercio local.

O Carballo InterPlay aposta polos contidos en galego e crea un premio de 1.500 euros para o financiamento de novas webseries

ABERTOS OS PRAZOS PARA PARTICIPAR NO CERTAME E NO FORMACIP

O Carballo InterPlay aposta polos contidos en galego e crea un premio de 1.500 euros para o financiamento de novas webseries

Xoves 25 de febreiro do 2016

Hoxe tivo lugar a posta de longo do Carballo InterPlay (CIP), o festival de contidos dixitais do Concello de Carballo, que chega a unha terceira edición ampliando a contía dos premios e mantendo a oferta do FormaCIP, que dende este ano chega tamén á xente miúda. Este ano a cita terá lugar os días 5, 6 e 7 de maio, e Sonia Méndez, directora do festival, manifestou a vontade da organización de manter estar datas no futuro. Unha das principais novidades da terceira edición do CIP é a creación dun novo premio, de 1.500 euros, para o mellor proxecto de webserie en galego. O obxectivo deste premio é "fomentar a creación dixital innovadora, en lingua galega e para o mundo", en palabras de Méndez. O novo galardón, que se resolverá cun pitching en directo durante o festival e cuxa dotación deberá destinarse á produción dos primeiros capítulos da webserie premiada, súmase aos xa existentes: mellor webebserie de imaxe real, mellor webserie de animación, mellor webserie internacional e mellor webserie en versión orixinal en galego con 800 euros e trofeo, para cada categoría, e a escolla do público, con 400 euros e trofeo. Ademais, haberá trofeos para a mellor actriz, o mellor actor e un premio AGAG ao mellor guión. En suma, O III Carballo Interplay repartirá máis de 5.000 euros en premios. As persoas que queiran participar poden facelo dende hoxe mesmo ata o 27 de marzo a través da web www.carballointerplay.com. No mesmo web tamén poden anotarse no FormaCIP, que nestes momentos xa ten listaxe de agarda para algúns dos obradoiros ofertados.

A fotografía

INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN: VENRES 26 ÁS 20.00 HORAS

A fotografía "Praia", do ferrolán Luís Botana Queijo, gañadora do XVIII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís

Xoves 25 de febreiro do 2016

Un total de 160 imaxes de 78 autores e autoras non só de Galicia, senón tamén doutros puntos da Península como Madrid, Valencia, Andalucía, Navarra ou Cataluña teñen participado na XVIII edición do Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, que este ano incrementou a contía dos seus premios ata os 2.300 euros. Os galardoados, seleccionados nunha reunión do xurado celebrada o pasado 19 de febreiro, son os seguintes: o Primeiro Premio, dotado con 1.000 € e diploma, recaeu na fotografía que leva por título "Praia" presentada por Luís Botana Pérez, de Ferrol; como Segundo Premio, dotado con 500 € e diploma, resultou elixida a fotografía que leva por título "Día de lluvia." presentada por José María Beut Duato, de Valencia; o Premio Especial Carballo, dotado con 500 € e diploma, foi para a fotografía que leva por título "Hora bruxa" presentada por Eduardo Verdes Pereira, de A Laracha. Por último, o xurado tamén decidiu outorgar un Accésits, dotado con 300 € e diploma, para a fotografía "Sen título" presentada por Simone Maestra, de A Coruña. A entrega de premios e inauguración da exposición do XVIII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís realizarase o venres 26 de febreiro ás 20.00 horas no 3º andar do Pazo da Cultura. Está previsto que asistan o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, así como membros do xurado e os gañadores e gañadoras desta edición, aos que se fará entrega dos premios.

O Rock e a música tradicional marcan o compás dos Venres Culturais o venres 26 e o sábado 27 de febreiro

AS DÚAS CITAS SON DE BALDE

O Rock e a música tradicional marcan o compás dos Venres Culturais o venres 26 e o sábado 27 de febreiro

Mércores 24 de febreiro do 2016

As actividades dos Venres Culturais 2016 continúan esta fin de semana con dúas novas propostas, neste caso cheas de música. Trátase do Rockarballo e do concerto das Cantareiras Arume co que celebran o seu 25 aniversario, nun programa que vai dende a música máis moderna ata os sons do noso patrimonio inmaterial cos sons tradicionais. A primeira das citas é o venres 26 de febreiro cando volve a cita anual cos grupos de música máis vivos do panorama musical de Carballo e Bergantiños: o Rockarballo. Este concerto consolídase cada ano como unha cita imprescindible para os seguidores dos xéneros máis variados como o rock & roll, pop, soul-blues e música electrónica que se farán ouvir no Pazo da Cultura con ese característico estilo que ofrecen as bandas de Carballo, desde as máis alternativas a outras de carácter máis clásico. Neste único concerto contaremos coas seguintes bandas: Lowcos, Sonseis+, Dude, Killer Cats e, pecharán o concerto, The Cerne. O espectáculo dará comenzo ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura e está dirixido a todos os públicos, amantes e curiosos da música. A entrada é de balde até completar aforo. Rockarballo é unha oportunidade única para tomarlle o pulso e escoitar a evolución e creatividade destas agrupacións así como á música que interpretan. Unha aposta pola diversidade melódica na que, versións de cancións xa coñecidas e novos temas de sinatura propia, completan o programa.

Retómase o proceso de licitación do contrato do Servizo Integral da Auga despois de rexeitarse o recurso contra os pregos

A MESA DE CONTRATACIÓN PODERÍA REUNIRSE ESTA SEMANA

Retómase o proceso de licitación do contrato do Servizo Integral da Auga despois de rexeitarse o recurso contra os pregos

Luns 22 de febreiro do 2016

O TACRC (Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais) vén de considerar "inadmisible por extemporáneo" o recurso interposto pola empresa FCC Aqualia SA o pasado 3 de febreiro contra os pregos para a licitación do contrato de xestión do servizo público do "Ciclo integral da auga do Concello de Carballo". Así o notificou a última hora do venres 19 de febreiro nunha resolución que, segundo explicou hoxe en rolda de prensa a Concelleira de Contratación, Milagros Lantes, permitirá "levantar a suspensión cautelar" sobre o procedemento, que se retomará o antes posible. O obxectivo, sinala Lantes, é que a mesa de contratación poda reunirse para abrir o sobre 1 o venres desta semana (26 de febreiro), ou, en todo caso, a primeiros da seguinte para axilizar a apertura do sobre 2 e que o comité de expertos poda comezar a avaliar o antes posible os aspectos técnicos das propostas presentadas. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, subliña que "é unha boa noticia" a desestimación deste recurso xa que "esta resolución permitirá continuar co procedemento" e que favorecer que o Concello conte cunha nova adxudicataria antes de que remate o contrato actual con Gestagua o próximo 30 de xuño. Ferrero tamén quixo lembrar que dende 2003 todos os grupos da corporación forman parte das mesas de contratación, e tamén quixo resaltar que o servizo do Concello "conta con técnicos moi cualificados". Hai que lembrar que un total de oito propostas de doce empresas (xa que varias concorren como UTEs) optan á concesión deste contrato, que ten un importe de 49.146.070,87 euros (IVE incluído) por un prazo de 20 anos (con cinco de prórroga previo acordo das partes). Máis información sobre a suspensión do proceso, aquí.

Compartir: