Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Os veciños e veciñas de Carballo doaron en 2015 máis de 59 toneladas de téxtil usado para a súa reutilización e reciclaxe

ISTO SUPÓN UN INCREMENTO DO 5 POR CENTO RESPECTO DE 2014

Os veciños e veciñas de Carballo doaron en 2015 máis de 59 toneladas de téxtil usado para a súa reutilización e reciclaxe

Xoves 18 de febreiro do 2016

Os veciños e veciñas de Carballo doaron un total de 59.257 kg de téxtil usado durante o ano 2015 para a súa reutilización e reciclaxe, unha cifra que representa un aumento do 5 por cento respecto do ano anterior (56.688 kg). Os depósitos realízanse a través dos 12 colectores que a organización non gobernamental Humana Fundación Pueblo para Pueblo ten instalados na capital municipal, nos que a cidadanía deposita a roupa, o calzado, os complementos e o téxtil de fogar que xa non utiliza e aos que Humana lles dá unha segunda vida. A recollida de téxtil é un servizo gratuíto para o Concello e representa un aforro importante nos gastos de recollida e eliminación de residuos urbanos. A reutilización e a reciclaxe de téxtil contribúen á protección do medio ambiente, outorgando unha segunda vida a unha peza que doutra maneira iría parar ao vertedoiro: cada quilo de roupa que se reutiliza e non é incinerado evita a emisión de 3,169 kg de CO2, segundo datos da Comisión Europea. Segundo estes parámetros, as 59 toneladas recollidas o ano pasado en Carballo representan un aforro de 187 toneladas de CO2 á atmosfera. Na delegación de Galicia, Humana dispón de 380 colectores que o ano pasado recolleron 2.171 toneladas de téxtil usado. A nivel global, a Fundación recolleu en España 16.800 toneladas. Na actualidade, a Fundación conta con máis de 800 concellos e 500 empresas colaboradoras en España.

O director Ignacio Vilar principia a segunda fase de rodaxe do seu novo filme,

O EQUIPO ESTARÁ NA VILA A PARTIR DO 22 DE FEBREIRO

O director Ignacio Vilar principia a segunda fase de rodaxe do seu novo filme,

Xoves 18 de febreiro do 2016

O director Ignacio Vilar (responsable de filmes como "A Esmorga", "Vilamor" ou "Pradolongo") iniciará a segunda fase da rodaxe da súa nova longametraxe, "Sicixia", na Costa da Morte o vindeiro luns 22 de febreiro. O equipo pasará por Carballo, unha das localizacións escollidas por Vilar para ambientar o seu novo traballo. Esta "historia para escoitar a vida na Costa da Morte", rodada integramente en galego, estará protagonizada por Monti Castiñeiras e Marta Lado. A historia contará ademais con outro protagonista moi especial, a propia Costa da Morte. Co fin de captar a súa esencia en todas as súas facetas, a rodaxe prolongarase ata a Semana Santa. Durante cinco semanas, o equipo de gravación estará rodando en Carballo, e tamén nos concellos de Carnota, Dumbría, Fisterra, Muxía, Camariñas, Cabana de Bergantiños, Cee e Cerceda. Así mesmo, tamén está previsto rodar algunhas secuencias no Gaiás e no Arquivo Sonoro de Galicia (Santiago de Compostela). Nestes momentos xa está finalizada a primeira fase de rodaxe, que tivo lugar na popular Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada), unha festa que pola súa forza e carácter salvaxe serve de prólogo a unha historia de amor e desamor na Costa da Morte. Finalmente, cómpre subliñar que neste proxecto o director Ignacio Vilar aposta por experimentar cun diálogo entre a ficción e o documental. Na imaxe podemos ver ao director no Monte Pindo acompañado por Sandra Montes, axudante de dirección; por Diego Romero, director de fotografía; e por membros da Asociación Monte Pindo Parque Natural.

O III festival de contidos dixitais Carballo Interplay volve os días 5, 6 e 7 de maio e ofrece unha nova edición do FormaCIP

O CICLO FORMATIVO AMPLÍA A SÚA OFERTA A NENOS E NENAS

O III festival de contidos dixitais Carballo Interplay volve os días 5, 6 e 7 de maio e ofrece unha nova edición do FormaCIP

Mércores 17 de febreiro do 2016

A terceira edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo InterPlay (CIP) celebrarase os días 5, 6 e 7 de maio. O CIP, que acadou nas dúas pasadas edicións unha grande repercusión a nivel nacional e internacional, situou Carballo como unha referencia para o público e para os profesionais do sector da creatividade dixital, ao converterse no primeiro concello de España que contou cun festival de webseries e de novos formatos narrativos. O Concello e a organización do evento completan a oferta cun ciclo formativo que se desenvolve nos meses previos, o FormaCIP, que nesta edición amplía a súa oferta tamén á xente miúda. Novas narrativas, marketing dixital, novas tecnoloxías, produción e financiación audiovisual, dirección de actores, robótica para nenos e nenas, Lego Mindstorms, Arduino, paleta gráfica codeco ou emoticonos analóxicos son algúns dos coñecementos que adultos, estudantes, nenos e nenas poderán adquirir no ciclo formativo do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, FormaCIP, dende o vindeiro 12 de marzo ata a mesma fin de semana do Festival. As persoas interesadas en inscribirse poderán facelo no web: . Respecto dos cursos, o Fórum Carballo acollerá a completa oferta educativa do FormaCIP, que comezará o sábado 12 de marzo.

O Concello suspende o procedemento de licitación do contrato de xestión do Servizo Integral da Auga

A SUSPENSIÓN CONTINUARÁ ATA QUE SE COÑEZA A RESOLUCIÓN DO TACRC

O Concello suspende o procedemento de licitación do contrato de xestión do Servizo Integral da Auga

Martes 16 de febreiro do 2016

A Concellaría de Contratación, segundo resolución do luns 15 de febreiro de 2016, informa da suspensión da tramitación do expediente de contratación para adxudicar a xestión do servizo público do Servizo Integral da Auga do Concello de Carballo. O motivo é a tramitación ante o TACRC (Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais) dun recurso especial contra o prego de cláusulas administrativas particulares interposto por parte da empresa FCC Aqualia SA -unha das oito que se teñen presentado ao proceso de licitación-. O pasado venres 12 de febreiro o TACRC remitiulle ao Concello de Carballo unha resolución pola que denegaba a solicitude de suspensión por parte de FCC Aqualia, permitindo a continuación da tramitación do expediente de contratación. Non obstante, e segundo consta na resolución do Concello, "parece unha medida prudente, antes de continuar co procedemento de licitación, coñecer cal será a resolución do TACRC, xa que as súas disposicións sobre o fondo do recurso poderían afectar ao contido das ofertas e a retroacción do procedemento". Hai que lembrar que o "Contrato de xestión do servizo público, baixo a modalidade de concesión, que ten por obxecto o Ciclo Integral da Auga do Concello de Carballo" ten un importe de 49.146.070,87 euros (IVE incluído) por un prazo de 20 anos (con cinco de prórroga previo acordo das partes). O prego de condicións establece un canon base de dous millóns de euros, que as empresas terán a oportunidade de incrementar.

Os Venres Culturais continúan co teatro de Producciones Viridiana e co espectáculo infantil

VENRES 19 E DOMINGO 21 DE FEBREIRO

Os Venres Culturais continúan co teatro de Producciones Viridiana e co espectáculo infantil "Xiqui xoque, fiú fiú!"

Martes 16 de febreiro do 2016

O Concello de Carballo continúa coa programación dos Venres Culturais 2016 con dúas propostas, unha para adultos e outra para toda a familia o venres 19 e o sábado 21 de febreiro. A primeira cita en abrir a fin de semana é a proposta teatral da compañía de Huesca Producciones Viridiana, que presenta o espectáculo "Ligeros de equipaje. Crónica de la retirada". A través de dous actores que interpretan a preto de cincuenta personaxes, ofrecen un traballo emocionante e impactante, que nos atrapa desde o primeiro momento e que ven avalado por unha extensa e exitosa xira por toda España. "Ligeros de equipaje" son os anacos rotos da memoria de alguén que recorda sen querer recordar. Unha historia case esquecida, perdida no tempo. Unha crónica do exilio, de case medio millón de persoas que en 1939 cruzaron a fronteira francesa a través dos Pirineos. Hay que subliñar que Producciones Viridiana é unha das compañías aragonesas máis consolidada, cunha relevante traxectoria na escena nacional. A función comeza ás 21.00 horas e o prezo da entrada éde 4 € con prezo especial con desconto para estudantes e maiores de 65 anos de 3 €. A duración prevista do espectáculo é de 90 minutos. E para finalizar a semana o domingo 21 de febreiro a compañía María Fumaça presenta "Xiqui Xoque, Fiú Fiú!" un concerto-espectáculo para celebrar a vida que ademais aproveita a Asociación Aloumiños para organizar o festival Incluson a partir das 17.00 horas e dar a coñecer o seu labor.

Un total de 22 empresas asinan os convenios de prácticas das Accións Formativas para Desempregados do Fórum

SOLICÍTASE A CELEBRACIÓN DE SETE CURSOS

Un total de 22 empresas asinan os convenios de prácticas das Accións Formativas para Desempregados do Fórum

Luns 15 de febreiro do 2016

O Concello de Carballo informa de que dentro dos cursos que se desenvolverán este ano no Fórum Carballo figuran as Accións Formativas para Desempregados (AFD) programadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta. Unha das condicións para poder solicitalas é que por parte dos concellos estea garantido, mediante convenios con empresas, o período de prácticas que debe superar o alumnado para obter o certificado de profesionalidade. No caso de Carballo xa están asinados os convenios cun total de 22 empresas de diferentes sectores, ás que se suma o propio Concello como entidade acolledora de traballadores e traballadoras en prácticas para dúas das sete accións solicitadas:

  • Administración de servizos de internet
  • Programación de sistemas informáticos
  • Montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión
  • Montaxe de mobles e elementos de carpintería
  • Control de proxectos e obras de construción
  • Soldadura con electrodo revestido e TIG
  • Operacións auxiliares de montaxe de instalacións electrotécnicas e telecomunicacións en edificios

Intensa semana de actividades para o proxecto Apego con obradoiros, contacontos e a festa o domingo con María Fumaça

OS DÍAS 17, 18 E 21 DE FEBREIRO: NA LUDOTECA E NO PAZO DA CULTURA

Intensa semana de actividades para o proxecto Apego con obradoiros, contacontos e a festa o domingo con María Fumaça

Luns 15 de febreiro do 2016

O proxecto Apego para a socialización en galego da infancia vén esta semana cargadiño de propostas que van dende un obradoiro de xoguetes, ata outro de contacontos para nais e pais ata a fin de festa con María Fumaça para conmemorar o Día da Lingua Materna. A primeira das citas é o mércores 17 de febreiro de 17.30 a 19.30 horas na Lucoteca co obradoiro "A xogar con Galileo", para coñecer diversos xogos e xoguetes educativos en galego. Crebacabezas, Escola de Escritura do Xabarín, Peregrinus, Super Vista, etc. Son moitas as propostas que dará a coñecer Galileo Nenos e coas que os máis cativos e cativas poderán xogar. A cita está dirixida a nenos/as de 2 a 6 anos, acompañados por algunha persoa adulta. Participación libre e de balde (non é necesaria inscrición previa). Xa o xoves 18 de febreiro celebramos a primeira sesión de "Había unha vez…", un obradoiro de contacontos para nais e pais. Como contarlles contos ás nosas fillas e fillos? Isto é o que se traballará neste obradoiro práctico para nais e pais con sesións de dúas horas cada unha e que rematará cunha Festa dos Contos. No obradoiro coñeceranse recursos para transmitir mellor, tanto as historias, como as emocións e a lingua; traballarase o xesto e a voz; aprenderanse contos da primeira infancia e sobre temas de interese para a vida diaria; farase un kamishibai e monicreques caseiros, etc. Despois da do día 18 no Pazo da Cultura as sesións seráns os seguintes xoves: 25 de febreiro, 3 e 10 de marzo no mesmo horario, de 17.30 a 19.30 horas.

Adxudicado na Xunta de Goberno Local o contrato de obras para crear unha rede de saneamento no Rodo, parroquia de Oza

APROBADAS AS BASES DO XII PREMIO A ARTIGOS NORMALIZADORES

Adxudicado na Xunta de Goberno Local o contrato de obras para crear unha rede de saneamento no Rodo, parroquia de Oza

Luns 15 de febreiro do 2016

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar a adxudicación do contrato administrativo de obras da "Rede de saneamento do Rodo, parroquia de Oza" por un prezo de 74.052 euros (IVE incluído) a Construcciones Ramón Vázquez y Reino SL. A actuación está incluída no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS 2015) e prazo de execución previsto é de catro meses a contar dende o día seguinte ao da sinatura da acta de comprobación de reformulo. No apartado de contratación, a sesión tamén supuxo a aprobación do contrato administrativo de subministro de "Reacondicionamento de instalacións na Biblioteca municipal Rego da Balsa do Concello de Carballo" con un prezo base de licitación de 39.202,40 euros. Realizarase mediante procedemento aberto con varios criterios de adxudicación e tramitación urxente. Entre os criterios de adxudicación, ademais da oferta económica, terase en conta a proposta de redución do prazo de execución así como o incremento no período de garantía da instalación completa. Esta actuación permitirá que comece a usarse de forma continuada o segundo andar da Biblioteca, nestes momentos a disposición do público só para o desenvolvemento de actividades puntuais. Por último, a sesión tamén supuxo a adxudicación do contrato de subministro, por renting, de catro copiadoras para as oficinas municipais do Concello á empresa Fornecementos Galegos SA por un prezo de 393,25 céntimos ao mes (IVE incluído). A finalización do contrato está prevista o 29 de outubro de 2018.

Aloumiños celebra o seu aniversario co festival Incluson para axudar a crear unha sociedade inclusiva, tamén na cultura

A CITA: O DOMINGO 21 DE FEBREIRO A PARTIR DAS 17.00 HORAS

Aloumiños celebra o seu aniversario co festival Incluson para axudar a crear unha sociedade inclusiva, tamén na cultura

Venres 12 de febreiro do 2016

A asociación Aloumiños, que traballa a prol da inclusión e da atención a persoas con necesidades específicas, celebra pronto o seu aniversario e, non só para festexalo, senón tamén para axudar a que a sociedade traballe tamén a prol desta inclusión, organiza xunto co Concello o festival Incluson. A cita xira arredor de María Fumaça, un proxecto no que traballan artistas como Uxía, Sergio Tannus, Magin Blanco ou Santiago Cribeiro para agasallar a Rui, un neno con capacidades especiais que, como moitos outros, é quen de atopar un mundo no que todo e posible, en especial a maxia e a felicidade. Co gallo deste concerto-espectáculo, Aloumiños quere celebrar o primeiro festival no que todas as diversidades funcionais estean atendidas. Para iso emprenderán unha serie de accións para adaptar tanto a Cafetaría coma os accesos ao auditorio do Pazo da Cultura para que o maior número de persoas posible podan participar en Incluson porque, segundo explican dende Aloumiños "todo o mundo pode pasalo ben". Entre estas medidas está a colocación dunha serie de pictogramas con indicacións que sexan comprensibles para todas as persoas, e que xa pasarán a formar parte do edificio; contar durante toda a xornada cun intérprete de signos que tamén estivo presente na presentación de Incluson; ou repartir unha programación en linguaxe braille. Ademais, haberá un Photocall para que a festa sexa completa e no que todo o mundo poderá sacarse fotos. Non faltedes á cita, na que, ademais, se recadarán fondos a prol desta causa. O domingo 21 de febreiro a partir das 17.00 horas.

O Concello adecúa os parques  infantís con xogos adaptados, unha pista multideporte e o primeiro parque cuberto

TAN SÓ QUEDAN PENDENTES DE REMATAR OS LABORES EN NOVE ESPAZOS

O Concello adecúa os parques infantís con xogos adaptados, unha pista multideporte e o primeiro parque cuberto

Xoves 11 de febreiro do 2016

Nestes momentos xa están rematados os traballos de mellora en 33 dos 42 parques infantís do concello. Así, na ampla maioría deles os labores finalizaron ou están a piques de facelo e ademais seis xa contan coa certificación correspondente. Tan só quedan nove pendentes que tamén serán mellorados en próximos días. Así o reflicte un informe realizado de acordo co proxecto para a adecuación dos parques que comezou en novembro cun orzamento de 95.095 euros. A actuación inclúe a reposición ou substitución de xogos, pezas ou elementos deteriorados -nomeadamente debido ao seu elevado nivel de uso-, e a elaboración dun informe posterior de verificación de que todos os xogos e os parques están en óptimas condicións. Así mesmo este investimento permite poñer a disposición dos nenos e nenas con problemas de mobilidade os primeiros xogos adaptados do municipio, situados na praza Eduardo Pondal (a carón do CEIP Bergantiños). Escolleuse este parque porque este tipo de xogos, polo seu volume, requiren dun amplo espazo que non existe en todos os parques. En todo caso, a intención do goberno municipal é seguir implantándoos onde sexa posible. Nun percorrido polos parques do casco urbano e das parroquias, o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, realizaron unha comprobación dos traballos realizados por Jardinería Arce, SL, empresa adxudicataria do contrato. Coa instalación dos primeiros xogos adaptados, o goberno municipal dá resposta unha necesidade social que estaba sendo demandada polas familias.

O salvaxe oeste cobra vida co espectáculo teatral

NO AUDITORIO DO PAZO DA CULTURA ÁS 21.00 HORAS

O salvaxe oeste cobra vida co espectáculo teatral "Pan! Pan!": este venres 12 de febreiro nos Venres Culturais

Mércores 10 de febreiro do 2016

Tras a festa do Entroido regresa a programación dos Venres Culturais 2016 cunha proposta de teatro para adultos o venres 12 de febrero ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura. Por primeira vez no escenario carballés estará a compañía galega A Panadaría que porá en escena o seu espectáculo "Pan! Pan!". Esta é unha nova compañía integrada por tres novos intérpretes, que con este primeiro e fresco espectáculo de creación propia, recibiron xa diversos recoñecementos, como o premio Xuventude Crea, o Premio María Casares ou o Premio da Crítica 2015. "Pan !Pan!" é unha divertida e tola obra que desmonta e reconstrúe os vellos westerns do remoto oeste a través do antiheroe Harry, un cowboy americano que viaxa de Mississippi a Arkansas perseguindo a un indio salvaxe que raptou á súa muller. Este antiheroe sufrirá moitas aventuras en fedorentas cantinas e en desertos cheos de perigos, nos que redescubriremos o mundo sen lei dos ranchos vaqueiros. Un escenario baleiro, oito personaxes e toda unha banda sonora son os ingredientes desta divertida e tola obra. O prezo das entradas é de 3€ e de 2€ o prezo reducido. Poden reservarse no 981 704 300 de 10.00 a 14.00 horas na Concellaría de Cultura (1º andar do Pazo da Cultura) ou recollelas na billeteira o mesmo día da función a partir das 19.30 horas. A duración prevista do espectáculo é de 60 minutos e a cita está incluída no programa Venres Culturais 2016.

Compartir: