Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
A Xunta e Costas estudarán a posibilidade de limpar os restos deixados polos temporais na boca da lagoa de Baldaio

O OBXECTIVO É FAVORECER A CIRCULACIÓN DA AUGA E O MARISQUEO

A Xunta e Costas estudarán a posibilidade de limpar os restos deixados polos temporais na boca da lagoa de Baldaio

Martes 11 de agosto do 2015

A Demarcación de Costas, a Consellería de Medio Rural e do Mar e a Consellería de Medio Ambiente comprometéronse a estudar a posibilidade de efectuar unha limpeza dos restos e dos elementos arrastrados polos temporais nos últimos anos e que bloquean en parte a boca da marisma de Baldaio para facilitar a circulación normal de entrada e saída de auga da lagoa. É a principal conclusión dunha xuntanza celebrada hoxe na Casa do Concello e na que estiveron presentes o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e Luís Lamas, Concelleiro de Obras e Servizos, en representación do Concello; así como Rafael Eimil, Xefe da Demarcación de Costas da Coruña; Verónica Tellado, Directora Xeral de Conservación da Natureza e José Antonio Grandas, Subdirector de Espazos Naturais, en representación da Consellería de Medio Ambiente; e Susana Rodríguez, Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, en representación da Consellería de Medio Rural e do Mar. Tamén acudiron Isabel Fernández e María José Felípez en representación da Asociación de Mariscadoras Fonte Santa Elena de Baldaio, entidade que solicita a limpeza da entrada da marisma ao considerar que este bloqueo pode acabar coa riqueza marisqueira desta contorna natural, xa que a falta de circulación entre a auga doce e a salgada afoga aos bivalvos que precisan un grao de salinidade máis elevado. Así, na lagoa cultívase ameixa de varios tipos, berberecho, longueirón e mesmo tense probado coa ostra.

A Xunta anuncia que o Plan de Transporte Metropolitano comezará a funcionar en Carballo no mes de setembro

NESTES MOMENTOS TRABÁLLASE NA ADAPTACIÓN DOS VEHÍCULOS

A Xunta anuncia que o Plan de Transporte Metropolitano comezará a funcionar en Carballo no mes de setembro

Martes 11 de agosto do 2015

O Plan de Transporte Metropolitano entrará en funcionamento en Carballo no mes de setembro. Así vén de anuncialo a Directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, nun escrito remitido ao Concello no que traslada que a Xunta está a dar os últimos pasos para a posta en marcha desta iniciativa. Na actualidade, a Dirección xeral está a coordinar coa entidade bancaria responsable a adaptación das oficinas para a comercialización das tarxetas metropolitanas, ao tempo que se traballa na integración das empresas e na adaptación dos vehículos de transporte para a lectura desas tarxetas. O Concello xa ten reservados nos Orzamentos de 2015 un total de 25.000 euros para asumir a achega que lle corresponde para que os veciños e veciñas poidan beneficiarse dos descontos. Cómpre lembrar que a Xunta contribúe co 80 por cento da bonificación no traxecto principal e o Concello co 20 por cento restante. A Xunta tamén asume a bonificación dos transbordos e os descontos adicionais aos usuarios habituais (15 por cento) e ás familias numerosas (20 ou 50 por cento segundo se ten 3 fillos ou máis). Un veciño de Carballo que se desprace ata A Coruña aforrará máis dun euro por traxecto, ao ter que pagar 3,13 euros, no canto de 4,53. Na actualidade a área de Transporte Metropolitano da Coruña está constituída por 14 concellos: A Coruña, Oleiros, Arteixo, Culleredo, Sada, Betanzos, Bergondo, Abegondo, Carral, Cambre, Laracha, Oza- Cesuras, Cerceda e Miño, polo que coa incorporación destes municipios serán 17 os concellos que a integrarán e o número de total de persoas beneficiadas ascende a case 490.000.

O Verán Cultural entra no mes de agosto con Radio Cos, que presentan en Carballo o seu primeiro disco

VENRES 7 A PARTIR DAS 22.30 HORAS NA PRAZA DO CONCELLO

O Verán Cultural entra no mes de agosto con Radio Cos, que presentan en Carballo o seu primeiro disco

Venres 7 de agosto do 2015

O Verán Cultural deixa atrás o exitoso festival "Dando a lata" e continúa no mes de agosto a súa andaina coa música tradicional de Radio Cos, que presenta o seu primeiro disco, "Radio Cos en concerto", o venres 7 de agosto na Praza do Concello ás 22.30 horas. Radio Cos son dous pandereiteiros e cantadores ben coñecidos, Quique Peón e Xurxo Fernándes, a alma dunha banda que fixo evolucionar de forma natural a música tradicional. Referentes no eido da investigación etnográfica de Galicia, as melodías empregadas neste proxecto pertencen aos seus arquivos persoais de gravación e traballo de recuperación que levan recollendo por toda Galicia e arredores dende hai máis de trinta anos. Ademais, vai xa para dez anos que Radio Cos leva percorrendo escenarios europeos como Bélxica, Inglaterra, Escocia, Bretaña e, como non, Galicia transmitindo o seu modo de entender a nosa música tradicional como algo vivo e en constante evolución. Este verán, Radio Cos visita a capital de Bergantiños para presentarnos o seu primeiro disco, concibido con forza e alegría, e formado por temas cun pouso de música e sonoridade tradicional co que mesturan melodías alleas que gardan relación co noso país. A banda confórmana tres músicos que acompañan a Péon e Fernandes, Pedro Lamas á gaita e saxo soprano, Nikolay Velikov no violino e Xan Pampín no acordeón. Todos os amantes da boa música teñen unha cita cos son máis tradicionais na Praza do Concello, de balde. Este concerto conta colaboración da Deputación da Coruña.

A campaña

PARTICIPARON ARREDOR DE 100 NENOS/AS DE ESCOLAS DE BALONMÁN XIRIA

A campaña "Ponlle as pilas ao teu bocata" visitou o CEIP Fogar para poñer de relevo as virtudes das conservas de produtos do mar

Xoves 6 de agosto do 2015

Arredor de cen cativos e cativas das Escolas de Verán de Balonmán Xiria veñen de participar no CEIP Fogar nas actividades da campaña "Ponlle as pilas ao teu bocata", unha iniciativa deseñada pola Consellería do Medio Rural e do Mar coa colaboración de Anfaco-Cecopesca e coordinada na vila polo Concello, que ten como obxectivo poñer de relevo as múltiples virtudes das conservas de produtos do mar, especialmente no marco de campamentos infantís urbanos. A cita consistiu nun obradoiro lúdico pensado para motivar aos cativos e cativas no consumo de produtos do mar en conservas, que fomente o seu interese por este produto e polas posibilidades que ofrece. Así, os produtos do mar son uns alimentos ricos en proteínas, materia graxa, vitaminas e sales minerais e constitúen un dos mais importantes recursos alimenticios. O obradoiro incluíu actividades informativas, xogos e, sobre de todo, unha actividade de elaboración de bocatas a base de conservas, no que os nenos e nenas puideron elixir entre mexillóns, sardiñas e atún, acompañados de pan e tomate, leituga ou millo. Houbo todo tipo de combinacións, dende sardiñas con millo ata atún con todo, pero os bocatas chegaron para todos e todas. Ademais, a actividade tamén serviu para agradecerlle aos cativos e cativas das Escolas de Verán de Balonmán Xiria o seu traballo no Horto Infantil Ecolóxico Municipal, xa que estiveron nas últimas semanas acondicionando un Xardín de Aromáticas para a Escola de Cociña e Hostalería do Fórum Carballo. Esta mañá de xogos e bocatas para fomentar a comida sa e saudable foi o seu premio. Máis imaxes da cita, no Facebook do Concello, aquí.

Senda Nova organiza un ano máis, coa colaboración do Concello, as Xornadas de iniciación á cartografía e orientación

ENTRE O 5 E 8 DE AGOSTO: INSCRICIÓNS DE BALDE

Senda Nova organiza un ano máis, coa colaboración do Concello, as Xornadas de iniciación á cartografía e orientación

Martes 4 de agosto do 2015

O mércores 5 de agosto comeza unha nova edición das Xornadas de iniciación á cartografía e orientación que organiza a Asociación Ambiental Senda Nova coa colaboración do Concello de Carballo. Con esta iniciativa preténdese o achegamento e aproveitamento mínimo dun mapa así como a utilización deste con medios básicos de orientación ao aire libre. A actividade enmarcase no programa de Senda Nova Verán ao Natural 15, unha serie de actividades que estimulan o espírito de convivencia e teñen como denominador común o contacto pleno coa contorna natural. Dentro deste contacto pleno, a interpretación dos mapas a cando o compás constitúe unha destreza básica na vivencia na montaña, coincidindo con que a xeografía é a ferramenta básica para o coñecemento do territorio. O mércores 5, xoves 6 e venres 7 serán as sesións teóricas, mentres que o sábado 8 pola mañá está previsto o desenvolvemento dos exercicios prácticos. Xa hai arredor de 20 persoas anotadas, pero aqueles e aquelas interesados e interesadas en participar, poden apuntarse aínda de xeito gratuíto no teléfono 696 155 232. O programa Verán ao Natural tamén incluíu a celebración de dous roteiros nocturnos no mes de xullo, e inclúe en setembro un ano máis, os días 25, 26 e 27, unha viaxe a Asturias na época de celo dos veados para poder gozar co espectáculo da berrea e durmir en tendas en plena natureza. Pode obterse máis información na páxina web da Asociación Ambiental Senda Nova e no Facebook da entidade, aquí.

Adxudicado o contrato para a

O IMPORTE DOS TRABALLOS SUPERA OS 344.000 EUROS

Adxudicado o contrato para a

Luns 3 de agosto do 2015

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar a adxudicación do contrato de obras para a "Reurbanización na contorna do complexo Vila de Noia, CEIP Fogar e IES Alfredo Brañas", un proxecto que rehabilitará a Zona escolar e deportiva do Chorís con novos servizos, beirarrúas e unha nova pista deportiva. A empresa encargada de realizar os traballos será OVIGA (Obras y Viales de Galicia) SL por un prezo de adxudicación que ascende a 344.420 euros sobre un orzamento de contrata de 466.605,34 euros. O prazo de execución dos traballos, que están incluídos no Plan de Aforro e Investimento 2015 da Deputación da Coruña, é de nove meses a contar dende o día seguinte ao da sinatura da acta de comprobación de reformulo. A actuación consistirá no reacondicionamento das beirarrúas e na actualización dos servizos, incluíndo o saneamento e abastecemento de auga, e os servizos de gas e da rede eléctrica. Regularanse os aparcadoiros, coa súa redistribución, xa que pasarán a estar en batería; e co seu acondicionamento. Crearanse novas áreas de estacionamento, co acondicionamento da que xa está en uso no solar municipal dos depósitos de auga; e, despois do acordo cos propietarios, con outra nova área de aparcadoiros na rúa Vila de Coristanco, preto do CEIP Fogar. Habilitarase unha glorieta para regular a circulación na confluencia das rúas Avenida de Bergantiños e Vila de Corcubión (na imaxe). Plantaranse 34 árbores e crearase unha pista perimetral de 1,5 metros de ancho arredor de toda a mazá para a práctica deportiva. Por último, crearase un novo portalón de acceso ao CEIP Fogar para facilitar a entrada do camión anti incendios.

A Escola Infantil As Landras festexou o seu décimo aniversario coa música de Pablo Díaz e un cadro conmemorativo de Mon Lendoiro

OS NENOS E NENAS DESPEDIRON O CURSO NAS INSTALACIÓNS

A Escola Infantil As Landras festexou o seu décimo aniversario coa música de Pablo Díaz e un cadro conmemorativo de Mon Lendoiro

Venres 31 de xullo do 2015

Aínda que con un pouco de atraso, como ben comentaba a directora do centro, Silvia Sánchez Fernández, a Escola Infantil As Landras vén de festexar hoxe o seu décimo aniversario, conmemorando o seu labor. Á cita acudiron os nenos e nenas matriculados na escola, pero tamén o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a Concelleira de Benestar, Maica Ures; e a Concelleira de Educación, Mar Eirís. A directora aproveitou a cita para agradecer o apoio institucional prestado polo Concello no desenvolvemento do seu labor, e tamén o traballo realizado por todos os equipos anteriores da Escola Indantil dende a súa apertura, en setembro do ano 2004. O sinxelo acto, que contou tamén coa presenza de moitos dos pais e nais dos nenos e nenas matriculados, comezou coa descuberta dunha obra do artista local Mon Lendoiro, un cadro moi colorista e cheo de vida no que o creador presenta a súa propia e particular visión da Escola Infantil, chea de tenrura e de ledicia. E continuou coa actuación de Pablo Díaz, un artista que leva dedicado á música dende os cinco anos e que dende entón ten traballado moito no ámbito dos sons tradicionais, pero tamén, máis recentemente, coa edición de traballos como "Tic, tac" e "Toc, toc", para público infantil. Como dicía Silvia Sánchez, pararemos o seu CD, que reproducen a miúdo, para poder escoitalo en directo. A Escola Infantil As Landras acolle a nenos e nenas de 0 a 3 anos. O servizo ten un límite de 61 prazas por curso académico e está atendido por nove persoas entre persoal docente, educadores e persoal de servizos. Máis imaxes do acto, no Facebook do Concello, aquí

O mural de Emi de las Heras xa conta coa súa propia zona verde grazas ao traballo de APEM no Horto Infantil Municipal

O RESULTADO É UNHA ZONA ACHANZADA CON FLORES E PLANTAS

O mural de Emi de las Heras xa conta coa súa propia zona verde grazas ao traballo de APEM no Horto Infantil Municipal

Mércores 29 de xullo do 2015

Hai uns meses, usuarios e usuarias de APEM (Asociación Pro Enfermos Mentais), a iniciativa Derrubando muros con pintura e o Horto Infantil Ecolóxico de Carballo uníronse baixo un proxecto común: rehabilitar a contorna do mural que a artista carballesa Emi de las Heras realizou nos arredores do Parque Rego da Balsa precisamente para Derrubando muros. A proposta presentouse a finais de marzo, pero as monitoras explican que o traballo se desenvolveu principalmente nos meses de maio, xuño e xullo grazas ao esforzo dun grupo de persoas que se implicaron para poñer en valor a obra artística de Emi de las Heras, pero que tamén colaboraron para visibilizar o labor que se fai en institucións como APEM. Hoxe foi o peche deste traballo e o resultado reflíctese nunha fermosa zona verde achanzada en varios niveis que separa o mural da área de estacionamento do Rego da Balsa. Facendo balance, todas as partes implicadas consideran que os obxectivos están cumpridos: creouse unha pequena e xeitosa área axardinada que separa os coches da obra artística grazas ao emprego de flores e plantas; fíxose máis visible o traballo de APEM e os usuarios e usuarias asumiron o traballo, a responsabilidade e a motivación de rehabilitar un espazo público e urbano, con citas semanais e cotiás; e aproveitáronse as sinerxías xeradas por Derrubando muros, o Horto Infantil e o traballo de APEM. Despois do labor ben feito, toca descansar as próximas semanas, pero os artífices da iniciativa xa están pensando en seguir colaborando en proxectos similares o próximo curso. Máis imaxes da nova zona verde no Facebook do Horto Infantil, aquí.

O Concello apoia as mobilizacións convocadas pola Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo por un prezo xusto para o leite

CONCENTRACIÓN: O 1 DE AGOSTO ÁS 12.00 HORAS EN SANTA COMBA

O Concello apoia as mobilizacións convocadas pola Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo por un prezo xusto para o leite

Mércores 29 de xullo do 2015

O Concello de Carballo apoia as medidas adoptadas pola Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego co obxectivo de conseguir un prezo xusto para o leite. Nunha xuntanza celebrada o luns 27 de xullo á que asistiron representantes de produtores, consumidores, fabricantes de pensos, cooperativas, sindicatos, partidos políticos etc. de numerosos concellos da contorna -incluído Carballo- a Plataforma acordou realizar mobilizacións "ata que as administracións tomen medidas eficaces" para paliar esta situación, subliñan. A proposta recolle varias actuacións para "mobilizar á poboación e sensibilizala dos graves problemas que atravesa o sector lácteo galego". A primeira delas é a realización dunha concentración de tractores en Santa Comba, diante do multiusos, o sábado 1 de agosto ás 12.00 horas. Así mesmo, a plataforma solicita a colaboración dos establecementos comerciais dos concellos da comarca para que pechen de 12.00 a 14.00 horas para manifestar o seu apoio ao sector. Por último, está previsto realizar unha marcha a pé ás 13.00 horas dende o multiusos á Casa do Concello de Santa Comba, onde se lerá un manifesto reivindicativo. Entre as medidas que defende a Plataforma, están a de garantir a recollida de todo o leite producido con prezos que cubran o custo de produción; a posta en valor do leite con orixe galego, pasteurizado e ecolóxico; poñer en marcha medidas de acompañamento ao sector lácteo para facer áxil a defensa xurídica dos seus dereitos; poñer en marcha mecanismos para aclarar os movementos de leite e derivados no mercado; ou implicar a todas as forzas políticas na consecución dos seus obxectivos.

O Concello abre o prazo de inscrición no Programa Concilia para o Curso 2015-2016: entre o luns 3 e o venres 21 de agosto

O OBXECTIVO DO SERVIZO É CONCILIAR A VIDA LABORAL E FAMILIAR

O Concello abre o prazo de inscrición no Programa Concilia para o Curso 2015-2016: entre o luns 3 e o venres 21 de agosto

Mércores 29 de xullo do 2015

O Concello de Carballo informa de que abre o prazo para anotarse no Programa Concilia entre o luns 3 e o venres 21 de agosto. O Programa Concilia é unha medida promovida desde a Concellería de Igualdade e Benestar do Concello de Carballo para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral. Desenvólvese durante o período escolar e consiste na recollida das nenas e os nenos, á primeira hora da mañá no seu centro escolar, antes do comezo do horario lectivo. O obxectivo é responder ás necesidades familiares derivadas do desfase existente entre os horarios escolares e laborais, cubrindo a necesidade de atención antes do inicio das clases pola mañá con persoas debidamente cualificadas, así como ofrecer un almorzo equilibrado (servizo opcional para aqueles nenos/as que o soliciten). As monitoras e monitores atenden ao alumnado, garantindo hábitos de hixiene, e ademais realizando actividades de lecer e tempo libre. O servizo préstase de luns a venres os días lectivos de 7.30 horas ata o momento de incorporación ás clases en cada centro. Tamén se ofrece o servizo nos períodos vacacionais de Nadal, Entroido, e Semana Santa, nas pontes e nos meses de verán. Só terán dereito a estes servizos puntuais os/as usuarios fixos do programa, non os ocasionais. Nesas datas, o servizo ofrécese nos locais da empresa que ten a concesión. Os interesados e interesadas poden descargar máis abaixo nesta mesma nova o cadro de prezos e condicións, así como a folla de inscrición e o folleto informativo do Concilia en pdf.

O Festival Dando a Lata despídese con música na Praza do Concello coa David Dominique Jazz Band

VENRES 31 DE XULLO ÁS 22.30 HORAS

O Festival Dando a Lata despídese con música na Praza do Concello coa David Dominique Jazz Band

Mércores 29 de xullo do 2015

O mes de xullo está a piques de rematar, e con el despídese tamén o Festival Dando a Lata, que conmemora o 75 aniversario Calvo e que está incluído na programación do Verán Cultural 2015. O adeus chega cun último concerto, coa David Dominique Jazz Band o venres 31 de xullo ás 22.30 horas na Praza do Concello. Esta banda creouse para ser un tributo ao swing, polo que o espectáculo será un percorrido polos temas máis coñecidos da época dourada deste xénero con cancións de artistas como Cole Porter ou Duke Ellington. O concerto inclúe clásicos interpretados por Frank Sinatra, Nat King Cole ou Louis Armstrong tales como "I've got you under my skin", "What a wonderful world", "Fly me to the moon" ou "New York Theme". David Dominique conta cunha importante traxectoria musical en Francia e tras vir a España forma esta banda de swing. Dominique é un dos grandes crooner internacionais dos nosos días, e é o artífice desta fabulosa viaxe que transcorre de forma amena e próxima, con sete músicos e cantantes fantásticos (incluíndo batería, piano, contrabaixo, saxo, cantantes e guitarra) que serán os que interpretarán un selecto repertorio asegurando un concerto inesquecible. Ademais do swing, as cancións beben de estilos coma o jazz, a bossa nova, estándares, etc., con músicos profesionais acompañantes de artistas como Marta Sánchez, Los Panchos, Sergio Dalma, Alejandro Sanz, Tamara, Miguel Bosé, David Bisbal, Malú, Soraya, e con cantantes que teñen traxectoria como vocal coaches do coñecido concurso televisivo "La Voz". Todo de balde na Praza do Concello a partir das 22.30 horas.

Compartir: