Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
A Conselleira de Traballo afirma que as obras que permitirán o traslado da Oficina de Emprego ao Fórum estarán listas este ano

ESTÁ PREVISTO QUE BEATRIZ MATO VISITE AS INSTALACIÓNS EN SETEMBRO

A Conselleira de Traballo afirma que as obras que permitirán o traslado da Oficina de Emprego ao Fórum estarán listas este ano

Martes 28 de xullo do 2015

A Consellería de Traballo e Benestar está realizando os trámites necesarios para acondicionar o Fórum e poder efectuar o traslado da Oficina de Emprego de Carballo á nave 2 das instalacións, cumprindo así co acordo asinado o 18 de novembro de 2013 entre a Xunta e o Concello. Así o avanzou a titular deste departamento, Beatriz Mato, nunha entrevista celebrada hoxe co Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Mato afirma que xa está iniciado o procedemento de adxudicación do contrato de obras e a previsión é que os traballos estean rematados neste mesmo exercicio. Segundo o acordo, o Concello realiza unha cesión demanial á Xunta por vinte e cinco anos dunha superficie de 890 metros cadrados na planta baixa e no primeiro andar da Nave 2. Ademais, tamén se permite a utilización dos diversos espazos comúns para o desenvolvemento de diversas actividades como actos, exposicións, obradoiros, etc. O uso será de balde para a administración autonómica, que tan só deberá achegar os gastos derivados de limpeza e mantemento das instalacións. Beatriz Mato tamén se comprometeu a visitar o Fórum no próximo mes de setembro, cando está previsto que xa estean iniciadas as obras de acondicionamento. Poderá así ver o espazo das novas oficinas, así como os talleres das distintas naves, que aínda non tivo a oportunidade de coñecer. Ferrero quixo lembrar tamén durante a xuntanza que Carballo é un dos concellos de Galicia que conta con máis homologacións para a realización de talleres, e brindoulle a colaboración da administración local para que o Fórum acolla no futuro o maior número posible de accións formativas.

Nace

ARREDOR DE 30 FRASES ESTARÁN NAS RÚAS DA CAPITAL MUNICIPAL

Nace

Luns 27 de xullo do 2015

"Arrincarlle un sorriso ao cidadán ou cidadá que deambula, pasea sen rumbo, ou vai apurado por algunha obriga" polas rúas de Carballo. Este é un dos principais obxectivos de "Ruar e rir", unha iniciativa que partiu do coñecido sociólogo e veciño de Carballo Santi Pazos e que foi quen de poñela en marcha coa colaboración da Asociación Cultural Crea Formas e o impulso do Concello. Así, o proxecto pretende usar os pasos de peóns para comunicar "de forma sutil, mensaxes humanistas, didácticas e transmisoras de bos sentimentos que alegren o tránsito dos e das viandantes e que provoquen algún tipo de conversa entre o peón e a rúa", sinala Pazos. O Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, encargado de recoller o testemuño e impulsar a iniciativa, subliña que a idea "é seguir derrubando muros", desta volta, "sorprendendo na nosa contorna" con esta proposta que pretende devolverlle aos veciños e veciñas o seu "dereito á beleza e á liberdade de expresión no espazo urbano". Nunha vintena de zonas de Carballo, entre 25 e 30 frases elaboradas por Santi Pazos e pintadas con spray polos artistas de Crea Formas nos pasos de peóns pretenden axudar a "repensar" a cidade porque "é aquí onde temos que convivir e ser felices", en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero. A proposta recolle unha idea xa reflectida noutras cidades como Murcia ou Madrid, coa arela de darlle aos veciños e veciñas a oportunidade de "que a xente da rúa se implique na transformación que Carballo está sufrindo", porque "as cidades facémolas quen vivimos nelas", salienta Pazos.

O pleno inclúe a cesión ao Concello da estrada provincial DP-1905 como paso previo á reurbanización da rúa Martín Herrera

LENDOIRO, LANTES E EIRÍS PRESIDIRÁN AS COMISIÓNS PERMANENTES

O pleno inclúe a cesión ao Concello da estrada provincial DP-1905 como paso previo á reurbanización da rúa Martín Herrera

Venres 24 de xullo do 2015

A corporación carballesa celebra o luns 27 de xuño a primeira sesión plenaria de carácter ordinario do novo mandato, na que a maioría dos asuntos son de trámite aínda que son trece os que constan na orde do día. Entre eles, destaca o cambio de titularidade por mutación demanial subxectiva a favor do Concello de Carballo do tramo da estrada provincial DP-1905 de Carballo á Feira de Verdillo entre os puntos quilométricos 0,000 (na Praza de Galicia) e 0,540 (á altura da glorieta do Campo da Feira). Trátase dun paso necesario para poder emprender as obras de reurbanización da rúa Martín Herrera e da contorna da Igrexa parroquial, unha obra que está pendente tamén da cesión do espazo por parte do Arcebispado de Santiago. O cambio que debaterá o pleno corrixe, ademais, unha situación anacrónica, xa que, administrativamente, e segundo explica o Alcalde, Evencio Ferrero, non ten sentido que varias rúas situadas no corazón da vila sexan de titularidade provincial. A rolda de prensa para falar dos asuntos da sesión tamén serviu para presentar ás tres concelleiras que presidirán cada unha das comisións informativas permanentes do Concello, dado que a orde do día inclúe a dación de conta dos representantes en cada unha delas. Belén Lendoiro presidirá a Comisión informativa de Facenda, Especial de Contas, Réxime Interior e Contratación; Milagros Lantes a de Planificación Urbana e Mobilidade; e Mar Eirís a de Benestar e Participación Social. Ferrero quixo agradecer a colaboración de todos os grupos políticos municipais á hora de apoiar estas presidencias.

O Concello e Gestagua recomendan un consumo eficiente para redundar no aforro de auga e previr posibles situacións de seca

GARÁNTESE O ABASTECEMENTO, AÍNDA QUE OS NIVEIS DO RÍO SON BAIXOS

O Concello e Gestagua recomendan un consumo eficiente para redundar no aforro de auga e previr posibles situacións de seca

Xoves 23 de xullo do 2015

O Concello e Gestagua, a nova empresa de xestión do servizo público do ciclo integral da auga, veñen de presentar unha campaña "de divulgación do uso racional da auga", en verbas do Concelleiro de Servizos, Luís Lamas. Así, tanto a administración local como a empresa queren subliñar que hai que concienciar á veciñanza sobre "o aforro no consumo do recurso", xa que "estamos a niveis de setembro" no río, explica Ramón Rada, Delegado rexional Norte de Gestagua. Ademais, nestes momentos hai unha alerta por seca hidrolóxica posta en marcha por Augas de Galicia, aínda que a campaña está deseñada dende hai tempo, segundo explica o Alcalde, Evencio Ferrero, co obxectivo de sensibilizar aos veciños e veciñas, de que "a auga tamén é un ben que se acaba", mesmo en Galicia. A iniciativa está orientada para conseguir o aforro no consumo doméstico con pequenos xestos, como non tirar lixo polo inodoro para reducir o número de descargas da cisterna, encher a lavadora e o lavalouzas en cada uso, pechar a billa ao cepillar os dentes, afeitarse ou fregar a vaixela, regar nas horas menos calorosas aproveitando auga sobrante ou de choiva, evitar as fugas nas canalizacións ou non lavar o coche na rúa cunha mangueira, senón con cubo e esponxa ou fregona. Con estas accións, pódese pasar de un consumo diario por persoa de 1.000 a 200 litros de auga. Segundo explica Ferrero, o Concello controla de forma cotiá o nivel da auga do río, e, aínda que polo momento "non estamos esgotando a nosa capacidade de captación" hai que solicitar "un consumo responsable" por parte dos veciños e veciñas.

O Verán Cultural e o Festival Dando a Lata volven o venres 24 coa música infantil do popular grupo Mamá Cabra

NA PRAZA DO CONCELLO A PARTIR DAS 21.00 HORAS

O Verán Cultural e o Festival Dando a Lata volven o venres 24 coa música infantil do popular grupo Mamá Cabra

Mércores 22 de xullo do 2015

Aínda coa estupenda resaca que deixou o Festival pop-rock Dando a lata de Calvo, seguimos co Verán Cultural e seguimos dando a lata, desta volta cunha proposta para os máis cativos e cativas co grupo Mamá Cabra, que presenta o seu novo espectáculo "15 primaveras" dirixido a xente miúda e no que fai un percorrido pola historia do grupo e das súas mellores cancións. Así, a banda tomou unha decisión: encher o mundo de notas musicais de cores vivas con cheiro a campo verde, de historias e sons máxicos. Teatro, música e moita diversión farán que todo o público familiar baile e cante nesta tarde noite de verán. Mamá Cabra é un grupo de música infantil pioneiro na produción de espectáculos musicais pensados para os máis cativos e cativas. A súa história remóntase ao ano 2000, e partíu primeiramente para facer cancións para as clases de Educación musical de Gloria, unha das fundadoras do grupo. Despois de 15 anos de historia, Mamá Cabra consolídase como unha das bandas de música infantil de referencia, teñen editado durante este tempo doce traballos nos que participaron moitísimos músicos que achegaron todos os ingredientes para que a banda puidera medrar e progresar ata chegar a este aniversario que queren festexar enriba dos escenarios. A cita con Mamá Cabra, dentro dos actos para conmemorar o 75 aniversario de Conservas Calvo, é o venres 24 de xullo ás 21.00 horas na Praza do Concello.

Asinado o contrato de obras para crear unha "Rede de saneamento en Outeiro, parroquia de Rus" por 95.000 euros

O PRAZO DE EXECUCIÓN ESTIPULADO É DE CATRO MESES

Asinado o contrato de obras para crear unha "Rede de saneamento en Outeiro, parroquia de Rus" por 95.000 euros

Mércores 22 de xullo do 2015

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e un representante da empresa Exoga (Excavaciones y Obras Públicas de Galicia SA) veñen de asinar esta mañá na Casa do Concello o contrato administrativo de obras para a creación dunha "Rede de saneamento en Outeiro, parroquia de Rus", incluída no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS) 2015. A empresa adxudicataria encargarase dos traballos por un prezo de 95.000 euros, sobre un orzamento de licitación de 107.150,16 euros. A través do proxecto crearanse 819 metros lineais de novas canles e 24 pozos. O prazo de execución previsto é de catro meses a contar dende o día seguinte ao da sinatura da acta de comprobación de reformulo. Hai que lembrar que o POS 2015 ten un importe que supera os 600.000 euros e que esta cantidade destínase a melloras no medio rural para dotar de novos saneamentos que continúen a completar a rede do municipio e para o acondicionamento de vías nas parroquias de Entrecruces, Oza, Rus, Cances, Ardaña, Artes e Sofán. O POS recolle cinco proxectos, ademais do asinado hoxe, entre eles o de "Sobreanchos e reparación en varios camiños das parroquias de Ardaña, Artes, Sofán e Rus no Concello de Carballo", cos que quedarían mellorados arredor do 95 por cento das vías estruturantes do municipio; a "Mellora de capa de rodaruda no lugar de Cances Grande, parroquia de Cances"; a creación dunha "Rede de saneamento en O Rodo, parroquia de Oza"; e a "Reparación dos viais secundarios na parroquia de Entrecruces".

Asinados os contratos de limpeza, desbroce e mantemento de cunetas e de mantemento de espazos urbanos do Concello

O IMPORTE TOTAL DOS TRABALLOS É DE PRETO DE 86.000 EUROS

Asinados os contratos de limpeza, desbroce e mantemento de cunetas e de mantemento de espazos urbanos do Concello

Martes 21 de xullo do 2015

A Casa do Concello vén de acoller o acto de sinatura dos contratos administrativos de servizos de "Mantemento de espazos urbanos do Concello de Carballo" e de "Limpeza, desbroce e mantemento de cunetas dos viais das parroquias de Carballo" por un importe total de 85.889 euros e que veñen de ser adxudicados esta semana en sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local. No primeiro caso, o prezo de adxudicación foi de 33.859 euros sobre un valor estimado do contrato de 48.370 euros, e o prazo de execución dun ano, sen posibilidade de prórroga. O máximo de horas de traballo manual será de 580 horas; e o máximo de horas de traballo mecánico será de 1.150. Os traballos consistirán na limpeza de maleza, residuos, etc., así como na sega de herba mecánica e manual dos seguintes espazos urbanos: Paseo do Bosque, contorna do Cemiterio municipal, aparcadoiros de praias, Festa do Bosque, Circuíto de Motor, Férvedas de Entrecruces e de Rus, Ruta das Férvedas, Ruta dos Muíños, vertedoiro do Polígono, Polígono industrial, Parque Parga Pondal, Muíño do Quinto, recollida de polas da poda, área recreativa de Barís e as seguintes parcelas urbanas municipais: Riotorto, San Cristovo, Pedra Furada, Rúa Brasil, Rúa Muíño, Rúa Camelias, Gran Vía, Rúa Luis Braille, Avenida do Ambulatorio e Fórum. Tamén os Campos da Festa de Rus, Artes, A Brea, Ardaña, Aldemunde, Rapadoiro e Braña do Muíño (Tarambollo). E, por último, os baldíos de Calvos, Sísamo, Bértoa e Portopaio.

Apart, Lowcos e Aula 11 recolleron no Concello os premios como gañadores do Festival pop-rock Calvo Dando a Lata

REPARTÍRONSE 2.650 EUROS EN PREMIOS

Apart, Lowcos e Aula 11 recolleron no Concello os premios como gañadores do Festival pop-rock Calvo Dando a Lata

Luns 20 de xullo do 2015

A Casa do Concello vén de acoller a entrega de premios do Festival Pop-rock Calvo Dando a Lata, unha cita incluída no Verán Cultural 2015 e que tivo lugar o sábado 18 de xullo. Moi bo rollo e gañas de pasalo ben tiña o público que se achegou ao Rego da Balsa para escoitar aos sete grupos participantes: Amenaza de muerte, Aula 11, Killer Cats, Lowcos, Dude, Natijazz e Apart. Dende pasadas as nove da noite e ata máis aló da unha da madrugada ofreceron a súa mellor música enriba do escenario, ata que despois da 1.30 horas pecháronse as votacións do público. Finalmente, e tralas deliberacións e o reconto de papeletas, anunciáronse os gañadores, co 1º Premio con 51 puntos do xurado para Apart (formado por Inés Blanco (voz), Robin Mallo (guitarra), Pedro Ramos (batería), Iago Pardiñas (bajo) e Daniel Barreiro (teclados)) con 1.500 euros; o 2º Premio para Lowcos (Jesús Serrano, Adrián Laíño, Pedro Caamaño, Diego Gende, e Ignacio Ferrero) que acadaron 45 puntos, con 750 euros; e o Premio do Público para Aula 11 (Quillerme Queijeiro, Manuel Eirín, Jaime Regueiro e Juan Rodríguez), que recibiron 108 dos 429 votos do público, e que levaron 400 euros. Representantes das bandas premiadas, escollidas, segundo o xurado, pola súa calidade interpretativa e musical, a posta en escena e a presenza de composicións propias, estiveron na Casa do Concello, onde foron recibidos polo Alcalde, Evencio Ferrero; a Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro; a Concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes; e a Concelleira de Benestar, Maica Ures; co presidente de Conservas Calvo, Luciano Calvo.

Adxudicados os contratos de limpeza, desbroce e mantemento de cunetas e de mantemento de espazos urbanos de Carballo

OUTORGADAS SUBVENCIÓNS POR PRETO DE 15.000 EUROS

Adxudicados os contratos de limpeza, desbroce e mantemento de cunetas e de mantemento de espazos urbanos de Carballo

Luns 20 de xullo do 2015

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de adxudicar os contratos administrativos de servizos de "Mantemento de espazos urbanos do Concello de Carballo" e de "Limpeza, desbroce e mantemento de cunetas dos viais das parroquias de Carballo" por un importe total de 85.889 euros. No primeiro caso, o prezo de adxudicación é de 33.859 euros e o prazo de execución dun ano, sen posibilidade de prórroga. O máximo de horas de traballo manual será de 580 horas; e o máximo de horas de traballo mecánico será de 1.150. No caso da limpeza e mantemento de cunetas, o prezo de adxudicación é de 52.030 euros, cun prazo de execución da limpeza dun máximo de dous meses e unha prestación do servizo de mantemento por un prazo de cinco meses. No apartado de contratación, a sesión tamén supuxo a adxudicación do contrato de servizos de "Asesoría xurídica do Centro de Información á Muller (CIM) de Carballo", por un importe de 24.596,88 euros e un prazo de dous anos, coa posibilidade de dúas prórrogas anuais previo acordo das partes. O contrato inclúe, ademais da asesoría, o desenvolvemento de tres cursos formativos de oito horas en materia de igualdade, violencia de xénero e igualdade laboral. No apartado de subvencións, recibiron luz verde as concesións de tres subvencións, a relativa a particulares para Campamentos de Verán 2015; e, fóra da orde do día, a subvención para a realización de viaxes escolares 2015 e as subvencións para a realización anual do programa de actividades culturais das ANPAs 2015, todas por un total de 14.807,25 euros.

O Verán Cultural chega ao ecuador do mes de xullo co baile de Dancem e o Festival Pop-rock de Calvo no

VENRES 17 E SÁBADO 18 DE XULLO: PRAZA DO CONCELLO E REGO DA BALSA

O Verán Cultural chega ao ecuador do mes de xullo co baile de Dancem e o Festival Pop-rock de Calvo no "Dando a lata"

Mércores 15 de xullo do 2015

Continúan o venres 17 e o sábado 18 de xullo as citas do Verán Cultural e o fan de novo co festival "Dando a lata" que festexa o 75 aniversario de Conservas Calvo e que desta volta presenta dúas propostas ben diferentes. Comezamos o venres coa compañía madrileña Dancem e o seu "Barco de los mundos" (na imaxe), un espectáculo intenso de flamenco con aires contemporáneos cunha posta en escena sorprendente. Teatro, danza, música e circo son os ingredientes fundamentais desta compañía que indaga en diferentes estilos para a creación desta proposta, baseada nunha viaxe mariña chea de aventuras e sorpresas. Músicos en directo con guitarras, caixóns flamencos e violíns e seis bailaríns escenifican unha extraordinaria historia de amor e paixón nun percorrido a ritmo de soleares, bulerías, farrucas, guajiras, seguiriyas e alegrías. Este espectáculo está previsto para as 22.30 horas na Praza do Concello. Xa o sábado 18, o "Dando a lata" cambia de escenario e viaxa ao Rego da Balsa co Festival Pop-Rock Calvo, que ten como obxectivo incentivar e impulsar a creación musical no concello a través dun concurso para grupos de música. O certame está dirixido a calquera persoa que resida, estudie ou traballe en Carballo, sen límite de idade, e está destinado a grupos de pop-rock e outros xéneros musicais derivados do rock'n'roll e o pop. Os premios que se outorgan son tres: os do xurado de 1.500 e 750 euros, e o do público de 400 euros, que ademais poderá gozar coas propostas das bandas participantes. A cita, ás 21.00 horas.

Formalizada a sinatura do contrato de "Subministro da sinalización turística no núcleo urbano de Carballo"

O IMPORTE DA ACTUACIÓN É DE 20.000 EUROS

Formalizada a sinatura do contrato de "Subministro da sinalización turística no núcleo urbano de Carballo"

Martes 14 de xullo do 2015

A Casa do Concello vén de acoller o acto de sinatura -coa presenza do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e de representantes da empresa- do contrato de "Subministro da sinalización turística no núcleo urbano de Carballo", que recaeu en Tevaseñal SA por un importe de 20.802,27 euros. A adxudicataria reduce en 25 días o prazo de subministro, amplía en 60 meses o prazo de garantía até os 120 e aumenta o número de unidades estipuladas para a sinalización por un valor sen custe adicional para o Concello de 7.883,15 euros. O contrato inclúe a dotación de sinalización vertical coas seguintes características: os sinais deben estar realizados en aluminio formando un caixón pechado, selado e estanco para a auga; a parte dianteira estará rotulada segundo os criterios de sinalización turística da Xunta de Galicia e deseñados con acabado reflectinte; e os indicadores terán os extremos redondeados e na parte posterior integraranse raís que faciliten a fixación ao soporte mediante abrazadeiras. Respecto dos postes, tamén deberán estar realizados en aluminio e a parte superior deberá estar protexida con tapón de aluminio para asegurar a súa impermeabilidade. Respecto da aparencia, o perfil, dorso e abrazadeiras do módulo estarán lacadas en cor prata e o soporte estará lacado en cor negro. Os indicadores deben incorporar en zona visible o logotipo do Concello de Carballo na parte posterior, xunto cos logos que figuren en cada poste. O prazo máximo previsto para a execución (subministro e instalación) é de 30 días naturais, contados dende o día seguinte ao de sinatura do contrato.

O Alcalde e o Concelleiro de Promoción Económica escoitan as demandas da Comunidade de Propietarios do Polígono de Bértoa

QUEREN MELLORAR O ALUMEADO OU OS ESTACIONAMENTOS PARA CAMIÓNS

O Alcalde e o Concelleiro de Promoción Económica escoitan as demandas da Comunidade de Propietarios do Polígono de Bértoa

Martes 14 de xullo do 2015

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, veñen de manter unha xuntanza na Casa do Concello co Presidente da Comunidade de Propietarios do Parque Empresarial de Bértoa, Antonio Gómez Caamaño, e co Secretario da entidade, Juan Carlos Fernández Cancela, na que falaron dalgunhas das demandas que os propietarios teñen realizado para mellorar as infraestruturas do polígono carballés. Entre as peticións formuladas, as principais céntranse en tres cuestións. En primeiro lugar, solicitaron a mellora xeral da rede viaria; en segundo, o incremento do alumeado nas zonas verdes do parque empresarial; e en terceiro consideran necesaria a mellora e ampliación da área de estacionamento reservada para camións no polígono. Despois dunha reunión de preto dunha hora, Ferrero e Regueira comprometéronse a estudar estas peticións. Hai que mencionar que nestes momentos a Comunidade de Propietarios do Parque Empresarial de Bértoa conta cunha listaxe de 115 empresas pertencentes a numerosos ámbitos como transportes, alimentación, limpeza, construción, informática, metalurxia, químicos, electricidade, reciclaxe, pinturas, enerxías renovables, fontanería, deseño gráfico etc. A entidade e o Concello manteñen unha relación de colaboración que se ten reflectido con anterioridade en acordos como, por exemplo, axudas para a dotación de novas cámaras de vixilancia para mellorar a seguridade no Parque Empresarial carballés e atender as áreas que naquel momento carecían de cobertura.

Compartir: