Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Un total de 18 persoas participan en Carballo nun Curso de Montaxe e Maquinaria Industrial do proxecto Rede Xiana 2

A PARTE TEÓRICA DESENVOLVERASE NO FÓRUM ATA FINAIS DE AGOSTO

Un total de 18 persoas participan en Carballo nun Curso de Montaxe e Maquinaria Industrial do proxecto Rede Xiana 2

Luns 13 de xullo do 2015

Un total de 18 persoas participan dende hoxe, luns 13 de xullo, e até finais de verán nun curso de Montaxe e posta en marcha de bens de equipos e Maquinaria Industrial do proxecto Rede Xiana 2 no que colaboran o Concello e a Deputación da Coruña. Esta acción formativa vai dirixida a persoas desempregadas dos concellos da Laracha, Cabana de Bergantiños, Carballo, Coristanco, Malpica de Bergantiños, Ponteceso e Santa Comba, e das 18 persoas beneficiarias 11 están empadroadas en Carballo e o resto veñen algún dos outros municipios para os que se ofertou o curso. O proxecto inclúe un programa formativo que combina formación teórica -no Fórum ata finais do mes de agosto- e experiencia laboral en empresas da zona dende que acabe a formación teórica e ata finais de verán. Así, impartirase durante 120 horas lectivas o módulo formativo de Técnicas de montaxe, reparación e posta en marcha de sistemas mecánicos; e unha vez finalizada a formación teórica, o alumnado realizará prácticas profesionais non laborais durante 100 horas en empresas do sector. As persoas participantes formarán parte dun itinerario formativo e de inserción laboral previstos no proxecto a través dos cales poderán recibir a formación adecuada para ás súas necesidades formativas e unha orientación e titorización individualizada de xeito permanente. O obxectivo final é mellorar a profesionalización das persoas desempregadas e a súa inserción no mercado de traballo en termos de calidade e responsabilidade social.

Os grupos políticos municipais avaliaron a proposta para concederlle a Medalla de Ouro do Concello a Conservas Calvo

A EMPRESA CELEBRA ESTE ANO O SEU 75 ANIVERSARIO

Os grupos políticos municipais avaliaron a proposta para concederlle a Medalla de Ouro do Concello a Conservas Calvo

Venres 10 de xullo do 2015

Representantes de todos os grupos políticos con presenza na corporación veñen de manter unha xuntanza na que estudaron a proposta para concederlle a Medalla de Ouro do Concello a Conservas Calvo polo seu labor continuado ao longo dos seus 75 anos de vida a prol do mundo do deporte e da cultura, así como polo seu labor social, en constante colaboración coa administración local e co tecido asociativo de Carballo. O líder do PP, Miguel Ferreiro, xunto con Estefanía Canosa en representación de TEGA, María del Carmen Vila polo PSOE e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, como rexedor e en representación do BNG, estiveron na Alcaldía da Casa do Concello analizando a proposta, que tamén está recollendo apoios por parte das asociacións do municipio. O obxectivo desta distinción é o de recoñecer o espírito de colaboración de Conservas Calvo e a súa dispoñibilidade e man tendida para traballar sempre a prol de Carballo cun inestimable labor de mecenado. Son xa 75 anos traballando por e para numerosas entidades deportivas, sociais e culturais que de non ser polo apoio constante de Conservas Calvo non poderían ter desenvolvido o seu importante traballo nas mesmas condicións e que non terían convertido a Carballo nun municipio de referencia no deporte de base ou na cultura, nomeadamente no teatro, por poñer só algúns exemplos. Nos próximos días os voceiros municipais e as asociacións carballesas seguirán avaliando e estudando a proposta e iranse concretando os pasos que se darán para a concesión desta distinción.

O Concello apoia a música local co Convenio Musical 2015 do que se benefician 31 agrupacións con preto de 20.000 euros

O ALCALDE ASINOU O ACORDO NA CASA DO CONCELLO

O Concello apoia a música local co Convenio Musical 2015 do que se benefician 31 agrupacións con preto de 20.000 euros

Venres 10 de xullo do 2015

O Concello de Carballo vén de asinar, da man do Alcalde, Evencio Ferrero, que estivo acompañado polo Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, o Convenio Musical 2015, un acordo que ten por obxecto contribuír á promoción da música e do folclore que se desenvolve no Concello, difundir o labor que as agrupacións musicais de persoas afeccionadas realizan, así como colaborar coas diferentes entidades que ao longo do ano organizan diversos actos culturais en Carballo. Con esta finalidade, o Concello establece este convenio específico de actuacións cos grupos musicais do municipio para que lles oferten as súas actuacións ás asociacións culturais, asociacións veciñais, comisións de festas ou outras entidades de carácter cultural ou social sen ánimo de lucro. As actuacións deben realizarse no termo municipal de Carballo, deberán ser públicas e gratuítas, e non poderán ser utilizadas en actos políticos ou privados. Un total de 31 agrupacións musicais subscribiron este ano o convenio, das cales, 14 pertencen a asociación culturais, xuvenís ou de veciños. Recibirán un total de 19.930 euros. As entidades participantes clasifícanse nas seguintes categorías: seis grupos de música e danza tradicional (mínimo doce compoñentes); sete grupos de gaitas (mínimo catro compoñentes); catro grupos de cantareiras (mínimo catro compoñentes); cinco masas corais de 10 a 29 compoñentes; tres masas corais de máis de 30 compoñentes; e seis orquestras, conxuntos e bandas de música (mínimo 4 compoñentes).

O Horto Infantil e as Escolas de Verán Xiria acondicionan un xardín de herbas aromáticas para a Escola de Cociña do Fórum

HABERÁ MACETEIROS FEITOS CON RODAS RECICLADAS

O Horto Infantil e as Escolas de Verán Xiria acondicionan un xardín de herbas aromáticas para a Escola de Cociña do Fórum

Xoves 9 de xullo do 2015

O Horto Infantil Ecolóxico de Carballo sae de novo das instalacións da rúa Nardos para seguir acondicionando novos espazos en distintos puntos da capital municipal. Desta volta, ademais, coa colaboración dos nenos e nenas que participan nas Escolas de Verán de Balonmán Xiria, xa que serán elas e eles os que acondicionen un xardín de herbas aromáticas na contorna do Fórum Carballo, xusto debaixo dunha das paredes do mural de Aritz para o Rexenera Fest. O novo espazo realizarase coa axuda de rodas de camións e de turismos que se reciclarán para crear uns maceteiros que se encherán de terra para que podan comezar a plantarse as herbas. O obxectivo deste novo xardín é que poida ser usado polo alumnado da Escola de Cociña e Hostalería do Fórum, e estará deseñado con todas as medias hixiénicas necesarias para que os usuarios e usuarias das instalacións saian directamente a través duns taboleiros e recollan as herbas que precisen para elaborar os seus pratos, sobremesas, bebidas, etc. cumprindo con todos os requirimentos sanitarios. Os nenos e nenas comezaron hoxe xoves 9 pola mañá co seu labor, baixo un calor algo abafante que non impediu que acondicionasen con entusiasmo o novo bancal coa terra necesaria para poder colocar logo as "rodas-maceteiro". Os nenos e nenas das Escolas de Verán colaboran co Horto os luns e os xoves de cada semana, e seguirán acudindo ao Fórum ata que o novo xardín estea completamente rematado. Despois, retomarán o seu traballo na rúa Nardos. Todas as imaxes do novo bancal, en Facebook aquí.

Acordo entre a Xunta e o Concello para abordar as modificacións necesarias que permitan aprobar o PXOM de forma definitiva

NOVA XUNTANZA NA PRIMEIRA QUINCENA DE AGOSTO

Acordo entre a Xunta e o Concello para abordar as modificacións necesarias que permitan aprobar o PXOM de forma definitiva

Xoves 9 de xullo do 2015

Despois dunha intensa e longa xuntanza en Santiago de Compostela, a Xunta, a través da Secretaría Xeral de Urbanismo, e o Concello de Carballo chegaron hoxe a un acordo para abordar as modificacións necesarias, esixidas nunha Orde da Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas do 2 de xullo, e poder aprobar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de forma definitiva. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado da Concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, e de técnicos municipais, reuniuse coa Secretaria Xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, que tamén estivo acompañada por técnicos e mesmo por un representante de Augas de Galicia. Tanto Ferrero como Lantes cualifican a xuntanza como "positiva", e entre os puntos de encontro hai que subliñar a convocatoria dunha nova reunión de traballo para a primeira quincena de agosto. Así, a Oficina Técnica Municipal e o equipo redator comezarán agora a traballar en todos os aspectos do documento que hai que pulir, seguindo as conclusións e as directrices que se marcaron hoxe e, cando estea lista a nova proposta é cando terá lugar ese segundo encontro con técnicos da Xunta para que cando o PXOM volva ao pleno para unha nova aprobación xa non quede ningún outro aspecto que requira corrección ou modificación. Deste xeito, cando o documento se remita de novo á Xunta despois do visto e prace da corporación, non debería haber xa ningún obstáculo para que se produza a aprobación definitiva do planeamento.

O Curso Traballando en lingua visita Carballo un ano máis coa arela de fortalecer a lingua e á xente que traballa a prol dela

ESTE ANO A CITA ABORDA A SITUACIÓN DO IDIOMA NA MOCIDADE

O Curso Traballando en lingua visita Carballo un ano máis coa arela de fortalecer a lingua e á xente que traballa a prol dela

Mércores 8 de xullo do 2015

O Curso de Verán sobre Normalización Lingúística cumpre once anos de traballo a prol do idioma, e tamén oito anos consecutivos desenvolvéndose en Carballo, xa que, en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero, "estamos sempre preocupados pola realidade presente e futura do noso idioma". Arrincou hoxe, mércores 8 de xullo, nun auditorio do Fórum Carballo no que estaban presentes, ademais do Alcalde e alumnado, representantes de todos os organismos que fan posible a celebración desta cita: Xosé Luís Armesto, Reitor da Universidade da Coruña (UDC); Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística; Marisol Ríos, responsable do Servizo de Normalización Lingüística da UDC; e Nel Vidal, presidente da Coordinadora de Traballadores da Lingua Galega (CTNL) e normalizador do Concello de Carballo. Todos eles fixeron fincapé na importancia de celebrar un curso coma este nun momento no que, segundo apuntou Armesto, "por primeira vez na historia menos do 50 por cento da poboación é monolingüe en galego", e no que as cifras de galegofalantes entre os menores de 14 anos que apunta o Instituto Galego de Estatística son alarmantes. Por iso, o Reitor da UDC fai un chamamento ao "rearme moral para reverter o actual estado das cousas" con citas como este curso, que, salienta Nel Vidal, servirá para "fortalecer a lingua, pero tamén a nós para traballar con máis gañas e entusiasmo" e "facernos fortes fronte as adversidades". Unha proba diso é a marcha do proxecto Apego, nacido na anterior edición do curso e na actualidade implantado en doce concellos.

Carballo participa cun equipo de baloncesto nos XI Xogos do Eixo Atlántico que se celebran estes días en Portugal

ACUDIRON DEZ XOGADORES DO ARTAI E DO BASKET XIRIA

Carballo participa cun equipo de baloncesto nos XI Xogos do Eixo Atlántico que se celebran estes días en Portugal

Mércores 8 de xullo do 2015

Carballo participa cun total de dez xogadores do CB Artai e do Básket Xiria dende o domingo 5 e até o venres 10 de xullo en Matosinhos, Porto e Vilanova de Gaia (Portugal) na XI edición dos Xogos do Eixo Atlántico. Un total de 1.700 deportistas teñen asistido á maior mobilización a nivel europeo que existe nun evento destas características e no que hai ata doce modalidades ou disciplinas, entre elas o baloncesto, na que compite o Concello de Carballo. Despois da xornada de inauguración, os nosos representantes comezaron a competición con éxito desigual no seu grupo, formado por catro equipos, incluído o carballés. Así, aínda que se impuxeron ao Vila Real por 48 a 40 no primeiro encontro, logo perderon contra o Porto por 54 a 27. A emoción chegou co terceiro partido fronte ao Lugo, xa que os marcadores estiveron moi axustados, e perdemos cunha canastra no último segundo que deixou o electrónico con 36 puntos para Carballo e 38 para os nosos rivais. Agora o equipo carballés pelexará por estar entre os mellores do posto 9 ao 16, e os nosos rapaces empezaron con bo pé esta tarefa cunha vitoria ante o Barcelos. Polo de agora, as opcións de conseguir o posto noveno permanecen intactas. Está previsto que a delegación de Carballo, presidida polo responsable do Servizo Municipal de Deportes, Francisco García Bello, volva a Galicia o venres 10 de xullo despois de comer, pero aos rapaces aínda lles queda competición por diante. Desexámoslles moita sorte para os partidos que faltan. Os interesados e interesadas poden descargar o cadro de enfrontamentos de baloncesto, clicando aquí.

Comeza en Carballo o Curso de verán da UDC sobre mocidade e lingua que chega á súa edición número once

ENTRE O 8 E O 10 DE XULLO NO FÓRUM CARBALLO

Comeza en Carballo o Curso de verán da UDC sobre mocidade e lingua que chega á súa edición número once

Martes 7 de xullo do 2015

Carballo será, un ano máis, o centro de análise, debate e reflexión sociolingüística e tamén laboratorio de ideas para propor melloras con respecto ao uso e prestixio do galego, neste caso na mocidade. O Curso de verán sobre dinamización lingüística #traballandoenlingua chega neste 2015 á súa undécima edición convertido nun encontro anual estabilizado no que que nos dez anos anteriores se fixeron análises, debates, reflexións e propostas prácticas de cara á mellora do proceso de normalización da lingua galega, traballando o discurso, os argumentos, as accións, a creatividade, a implicación, os métodos, etc. Por exemplo, do encontro do ano pasado, centrado na transmisión interxeracional da lingua, naceu o proxecto Apego, de socialización en galego desde a primeira infancia, xa en marcha en diferentes cidades e vilas do país, incluída Carballo. E nesta XI edición do curso, que terá lugar no Fórum Carballo os días 8, 9 e 10 de xullo, centrarase o traballo en algo moi importante para o presente e futuro da lingua: a mocidade. Así, o programa analizará as mudanzas e afianzamentos lingüísticos na mocidade, cos obxectivos de coñecer e analizar factores, motivos, razóns ou condicionantes que provocan eses cambios e afianzamentos de lingua na adolescencia e mocidade, avaliar experiencias desenvolvidas nese ámbito e propor medidas e accións de intervención. En definitiva, un curso que procura conseguir mellorar o uso e prestixio da lingua na xente moza, un ámbito no que, non, non todo é fume! O programa completo en <www.traballandoenlingua.gal>.

A Xunta emite unha Orde na que se recollen as modificacións precisas para que se produza a aprobación definitiva do PXOM

XUNTANZA O XOVES 9 NA SECRETARÍA XERAL DE URBANISMO

A Xunta emite unha Orde na que se recollen as modificacións precisas para que se produza a aprobación definitiva do PXOM

Luns 6 de xullo do 2015

O Concello de Carballo vén de recibir unha Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas emitida o 2 de xullo sobre a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo (PXOM), na que se recollen as modificacións e subsanacións necesarias para que a Xunta de Galicia lle dea o visto e prazo ao documento. O texto especifica que "o Concello deberá redactar os documentos modificados precisos para emendar as deficiencias sinaladas; e os elevará, logo dos trámites oportunos, ante esta Consellería para a súa aprobación definitiva". O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, explica que o venres 3 de xullo recibiu unha chamada da Conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, para avisar da emisión desta Orde e para concertar xa unha xuntanza entre representantes do Concello e a Secretaria Xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, para avaliar o alcance do informe e traballar para a consecución da aprobación definitiva do PXOM. A reunión está prevista para o xoves 9 de xullo en Santiago. Ferrero explica que se trata dun documento "exhaustivo" que require "prudencia" debido ao seu detalle e que serán os técnicos os que deberán analizalo en profundidade. Non obstante, a Concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, explica que, entre todas as especificacións e modificacións esixidas "non hai grandes complexidades" e que, en todo caso, o detalle da Orde é positivo porque o obxectivo do Concello é "crear un documento con seguridade xurídica" e que "non suceda de novo o que ocorreu co plan de 2003".

A Xunta de Goberno adxudica as obras para a creación dunha "Rede de saneamento en Outeiro, parroquia de Rus"

OS TRABALLOS ESTÁN INCLUÍDOS NO POS 2015

A Xunta de Goberno adxudica as obras para a creación dunha "Rede de saneamento en Outeiro, parroquia de Rus"

Luns 6 de xullo do 2015

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar a adxudicación do contrato administrativo de obras para a creación dunha "Rede de saneamento en Outeiro, parroquia de Rus" (na imaxe), incluída no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS) 2015. A empresa adxudicataria é Excavaciones y Obras Públicas de Galicia SA (Exoga), por un prezo de 95.000 euros, sobre un orzamento de licitación de 107.150,16 euros. O prazo de execución previsto é de catro meses a contar dende o día seguinte ao da sinatura da acta de comprobación de reformulo. Dentro do apartado de contratación, tamén saíron adiante varios expedientes, neste caso tamén doutros proxectos incluídos no POS 2015. Trátase do contrato para crear unha "Rede de saneamento en O Rodo, parroquia de Oza", con un prezo de licitación de 87.133,59 euros (IVE incluído); para a "Reparación dos viais secundarios da parroquia de Entrecruces", con un prezo de 39.878,89 euros (IVE incluído); e dos "Sobreanchos e reparación en varios camiños das parroquias de Ardaña, Artes, Sofán e Rus no Concello de Carballo" con un orzamento de 239.747,96 euros (IVE incluído). Así mesmo, xa fóra do POS, aprobáronse os expedientes do contrato administrativo de obras para unha "Rede de saneamento en Porgolago, parroquia de Bértoa", por un importe de licitación de 68.454,81 euros (IVE incluído); para unha "Rede de saneamento no Añón, parroquia de Bértoa"; por 115.827,87 euros (IVE incluído); e para a "Pavimentación na rúa Lugo e varios espazos urbanos" por 189.934,35 euros (IVE incluído).

Todos os semáforos da capital municipal contan con alumeado LED despois da substitución das lámpadas do da Igrexa de Bértoa

ERA O ÚLTIMO QUE FALTABA POR RECAMBIAR NA CONTORNA DA VILA

Todos os semáforos da capital municipal contan con alumeado LED despois da substitución das lámpadas do da Igrexa de Bértoa

Domingo 5 de xullo do 2015

Dende o martes desta semana todos os semáforos situados na capital municipal e na súa contorna contan con lámpadas de tecnoloxía LED, que reducen o consumo enerxético destes sinais nun 80 por cento. Así o notificou a Policía Local despois da substitución das lámpadas incandescentes do semáforo situado na travesía de Bértoa, no paso de peóns da Igrexa parroquial, por luces LED de consumo reducido. O modelo de semáforo anterior, de tres luces de 200 milímetros e dúas máis destinadas á sinalización para os peóns, viña consumindo unha media de 1230 quilovatios ao ano de electricidade, unha cifra que se verá notablemente reducida. O sistema de díodos tamén redunda nunha maior seguridade para o tráfico, xa que supón unha maior fiabilidade e durabilidade, ademais de que implica unha mellor percepción por parte do ollo humano, xa que os múltiples puntos de luz axudan á captación do sinal. Por último, o mantemento necesario para as luces LED, sinalan dende a Policía Local, é practicamente inexistente. O proceso de substitución das luminarias dos semáforos da capital municipal comezou hai anos co recambio progresivo das lámpadas dos semáforos do centro urbano, estendéndose pouco a pouco as partes máis afastadas do centro. Aínda que o groso do traballo estaba rematado dende hai tempo, dende a Policía Local sinalan que o semáforo de botón da travesía de Bértoa era o último que restaba por substituír, un cambio que consideraban necesario pola súa elevada densidade de tránsito de peóns.

Compartir: