Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Asinado o contrato de arranxo de vías en Razo, Lema, Noicela, Vilela, Rebordelos, Cances, Goiáns, Sísamo, Oza, Bértoa e Carballo

O ORZAMENTO É DE 113.000 EUROS E O PRAZO DE EXECUCIÓN DE TRES MESES

Asinado o contrato de arranxo de vías en Razo, Lema, Noicela, Vilela, Rebordelos, Cances, Goiáns, Sísamo, Oza, Bértoa e Carballo

Venres 3 de xullo do 2015

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de asinar con representantes da empresa adxudicataria o contrato administrativo de obras de "Reparación dos viais secundarios do Concello de Carballo nas parroquias de Razo, Lema, Noicela, Vilela, Rebordelos, Cances, Goiáns, Sísamo, Oza, Bértoa e Carballo". A empresa responsable dos traballos, segundo se aprobou na Xunta de Goberno Local do 22 de xuño, será Construcciones López Cao SL, no prezo ofertado de 113.982 euros sobre un orzamento de licitación de 129.981,35 euros. O proxecto inclúe o arranxo cunha nova capa de rodadura para as vías máis danadas nas parroquias máis ao norte do termo municipal, procedendo o rebacheo de xeito puntual, nos tramos máis deteriorados. As obras consistirán na reparación das fochas, coa preparación da superficie a bachear procedendo á limpeza do burato, formando unha pequena caixa e retirando os produtos sobrantes a vertedoiro; no recheo do burato mediante unha base de firme con macadam, afirmada, estendida e compactada; e na reparación das fochas a base de dobre rega asfáltica sobre firme existente xa pavimentado, con emulsión asfáltica, previa limpeza e varrido. Nas vías con pavimento de formigón, procederase á reparación das fochas mediante ese mesmo material. Estas reparacións mellorarán a vía e evitarán que os danos penetren na capa base danando a estrutura da mesma, pois nese caso a reparación sería moito máis custosa. O prazo de execución previsto é de tres meses a contar dende o día seguinte ao da sinatura da acta de comprobación de reformulo.

Preto de 100 pilotos participan no 7º Campionato de España de Autocross esta fin de semana no Circuíto de Bértoa

AS FINAIS: DOMINGO 5 DE XULLO A PARTIR DAS 12.30 HORAS

Preto de 100 pilotos participan no 7º Campionato de España de Autocross esta fin de semana no Circuíto de Bértoa

Xoves 2 de xullo do 2015

Un total de 96 pilotos conforman a listaxe oficial de participantes que disputarán o 7º Campionato de España de Autocross que se disputa no Circuíto Municipal de Bértoa entre o venres 3 e o domingo 5 de xullo. A proba, cuarta no almanaque do Campionato de España e puntuable para a vitoria final, conta con seis categorías -División I (12 pilotos), División II (12), Off Road Series (9), División III (11), Jr. Car Cross (6) e Car Cross (46)-, con Maikel Vilariño en Car Cross, Darío Calviño en Jr. Car Cross e Perfecto Calviño en División I como pilotos galegos preparados para defender o seu liderado. A cita contará tamén coa presenza de nomes como Tito Rodríguez ou Santiago Ares en División I, pilotos habituais do Campionato de España de Rallyes de Asfalto; os coruñeses Iván Ares ou Iago Caamaño na categoría de Car Cross; o zamorano Ivan Pousado, líder destacado na División II; ou o catalán Joan E. De Maria co formula Speedcar da División III. Respecto dos horarios, como en edicións anteriores, os motores empezarán a soar na tarde do sábado cos primeiros adestramentos e mangas clasificatorias, quedando para a mañá do domingo as semifinais e as finais, estas últimas a partir das 12.30 horas. Non obstante, a cita comeza xa o venres 3 de xullo no Pazo da Cultura a partir das 17.45 horas coa entrega de documentación e verificacións técnicas opcionais para os pilotos que queiran asistir, con verificacións tamén no Pazo o sábado pola mañá de 8.40 a 11.30 horas.

O Concello tramitou un total de 79 expedientes para a limpeza de soares urbanos e parcelas rústicas no que vai de ano

TÉÑENSE REXISTRADO 13 SOBRE VERTEDOIROS INCONTROLADOS

O Concello tramitou un total de 79 expedientes para a limpeza de soares urbanos e parcelas rústicas no que vai de ano

Mércores 1 de xullo do 2015

O Concello de Carballo leva tramitado durante o que levamos de 2015 (con datos actualizados a 30 de xuño) un total de 79 novos expedientes de talas para a limpeza de soares urbanos e de parcelas rústicas en cumprimento da Ordenanza reguladora da limpeza, salubridade e hixiene no termo municipal de Carballo, así como da Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais. Destes expedientes, 43 correspóndense con soares situados no casco urbano, de acordo coa aplicación das ordenanzas municipais; e 23 correspóndense con parcelas rústicas, de acordo coa aplicación da Lei. Ademais, 13 deles refírense a denuncias sobre vertedoiros incontrolados. Hai que mencionar que nos últimos tempos tense rexistrado un repunte de denuncias por parte do Seprona (Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil) respecto de residuos depositados de forma ilegal, que son as que se reflicten nestes datos estatísticos. Respecto das execucións subsidiarias de limpeza, mentres que en todo o ano 2014 se rexistraron un total de 11, en 2015, despois de medio ano, xa se teñen rexistrado 13, con un notable incremento dende 2013, en que se tramitaran tan só 2. Nestes casos, poden impoñerse multas coercitivas e esíxelle aos donos o pago a posteriori dos labores realizados subsidiariamente polo Concello. Tamén hai que mencionar que, na maioría dos casos, ante o primeiro aviso de execución por parte do Concello os donos ou donas dos soares acaban executando a limpeza polos seus propios medios e o Concello case nunca debe responsabilizarse da limpeza da parcela.

Carballo celebrou o pleno organizativo no que se aprobaron, entre outros asuntos, as retribucións ou a periodicidade das sesións

MANTÉÑENSE CINCO DEDICACIÓNS E SÚMASE UNHA MEDIA PARA BENESTAR

Carballo celebrou o pleno organizativo no que se aprobaron, entre outros asuntos, as retribucións ou a periodicidade das sesións

Martes 30 de xuño do 2015

A corporación carballesa celebrou o luns 29 de xullo a primeira sesión plenaria do mandato, logo da toma de posesión, na que se fixaron as regras do xogo para os próximos catro anos respecto da organización e funcionamento tanto do pleno, como das comisións informativas, dos grupos políticos ou do propio equipo de goberno. Durante pouco máis de media hora, na que tamén se acordou a disposición dos membros dos grupos políticos nas cadeiras do salón de plenos, co BNG e o PP máis preto da mesa de presidencia como partidos con maior representación, saíron adiante asuntos como a periodicidade das sesións ordinarias do pleno, as comisións informativas permanentes e órganos colexiados, os representantes da corporación nestes órganos, o réxime de retribucións e indemnizacións, a asignación económica aos grupos políticos, a designación do persoal eventual ou os cargos en réxime de dedicación exclusiva. Precisamente este último punto foi o que xerou máis debate, e saíu adiante cos once votos a favor do BNG, oito en contra de PP e TEGA e a abstención do PSOE. O goberno propuxo continuar coas cinco dedicacións exclusivas do mandato anterior, con Evencio Ferrero e Milagros Lantes con 39.916,52 euros brutos anuais; e Luís Lamas, Marcos Trigo e Xosé Regueira con 35.500 euros brutos ao ano. Neste último caso, á espera de que Regueira tome posesión como deputado provincial e renuncie á súa retribución no Concello en favor da súa dedicación como representante na Deputación. A estas cinco (catro trala renuncia), engadiríaselle a dedicación parcial da nova Concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, con 19.958 euros brutos ao ano.

Asinado con Gestagua o contrato de xestión do servizo público do ciclo integral da auga por un prazo dun ano

RESPECTARANSE AS TARIFAS VIXENTES

Asinado con Gestagua o contrato de xestión do servizo público do ciclo integral da auga por un prazo dun ano

Luns 29 de xuño do 2015

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de asinar na Casa do Concello con representantes da empresa Gestión y Técnicas del Agua SL (Gestagua) o contrato de concesión do servizo público por procedemento aberto con varios criterios de adxudicación que ten por obxecto o "Ciclo integral da auga do Concello de Carballo". No seu momento presentáranse ao procedemento aberto de licitación un total de cinco empresas e a mesa de contratación realizou a escolla a través dun único criterio de valoración, recollido no prego de condicións, que foi o de ofrecer un canon dun mínimo de 100.000 euros que as empresas tiveron a oportunidade de mellorar á alza. O resultado do acto de apertura do sobre B, no que se recollía a oferta económica, reflectiu que a mellor proposta, cunha valoración máxima de 100 puntos, era a de Gestagua por un importe de 360.012 euros. Hai que lembrar que, despois dun intento que non saíu adiante para licitar a concesión por un período de 20 anos e por máis de 58 millóns de euros, acurtáronse os prazos e os importes e decidiuse licitar o servizo por un período dun ano, cun custe para o Concello de 1.700.000 euros máis o 10 por cento de IVE, o que faría un total de 1.870.000 euros. O novo contrato respectará as tarifas e taxas vixentes, que permanecerán inalterables. Até hoxe, día da formalización do contrato, o servizo, cuxa concesión remataba en decembro de 2014, estaba prorrogado con Viaqua, a empresa concesionaria durante os últimos vinte anos. Despois do acto de sinatura, será Gestagua a empresa que xestione o servizo durante os próximos doce meses.

O San Xoán dá os seus últimos pasos esta fin de semana co Rockin', a bROTHERS iN bAND e a Festa do Bosque

VENRES 26, SÁBADO 17 E DOMINGO 28 DE XUÑO

O San Xoán dá os seus últimos pasos esta fin de semana co Rockin', a bROTHERS iN bAND e a Festa do Bosque

Venres 26 de xuño do 2015

Aínda coa resaca do mutitudinario concerto de Auryn, as Festas do San Xoán 2015 non paran e continúan con moita música e rock'n roll. Unha das citas máis esperadas dos festexos é o festival Rockin', este ano cun cartel inmellorable con Cápsula, Tokyo Sex Destruction, Terbutalina, Los Eskizos e os carballeses Arabian Evils. Está previsto que a cita comece sobre as 21.30 horas no Rego da Balsa, detrás da antiga estación de autobuses coa seguinte orde de intervencións (todos os horarios son aproximados): Arabian Evils abren o concerto; seguen Los Eskizos a partir das 22.15 horas; a continuación Terbutalina a partir das 23.15 horas, aproximadamente; ás 00.30 horas Cápsula e como peche, sobre as 1.45 horas, Tokyo Sex Destruction. Ademais, a cita conta coa animación de Dj Antón que lle porá banda sonora ao festival ata que o corpo aguante. A primeira cita festivalera do verán con sons que van do soul ao punk, con rock underground, garaxe, pop e mesmo co rock máis puro. O relevo musical o toman o sábado 27 os galegos bROTHERS iN bAND, a banda tributo a Dire Straits que está xirando por toda España cun enorme éxito. A banda impulsada por Óscar Rosende, cantante e guitarrista, naceu no ano 2008 co único obxectivo de render homenaxe ao son de Dire Straits, pero hoxe é unha banda tributo de referencia nacional e mesmo internacional. Contan que o propio Mark Knopfler asinou varias das guitarras que tocan os Dire galegos nos seus concertos e que o teclista dos Dire Straits, Guy Fletcher, quedou asombrado cando escoitou ao grupo. A cita é na Praza do Concello a partir da 1.00 horas.

Luz verde para a Reparación de viais en Razo, Lema, Noicela, Vilela, Rebordelos, Cances, Goiáns, Sísamo, Oza, Bértoa e Carballo

O PRAZO DE EXECUCIÓN DOS TRABALLOS É DE TRES MESES

Luz verde para a Reparación de viais en Razo, Lema, Noicela, Vilela, Rebordelos, Cances, Goiáns, Sísamo, Oza, Bértoa e Carballo

Venres 26 de xuño do 2015

O luns 22 de xuño tivo lugar a primeira Xunta de Goberno Local do novo mandato, a de constitución, na que, ademais de determinarse os seus novos membros (un total de sete máis a presidencia do Alcalde, Evencio Ferrero) e a delegación de competencias, tamén se aprobaron outros asuntos de interese. O máis relevante foi a adxudicación do contrato administrativo de obras de "Reparación dos viais secundarios do Concello de Carballo nas parroquias de Razo, Noicela, Vilela, Rebordelos, Cances, Goiáns, Sísamo, Oza, Bértoa e Carballo". A empresa adxudicataria será Construcciones López Cao SL, no prezo ofertado de 113.982 euros sobre un orzamento de licitación de 129.981,35 euros. O prazo de execución previsto é de tres meses a contar dende o día seguinte ao da sinatura da acta de comprobación de reformulo. No apartado de contratación, a sesión tamén supuxo a adxudicación do contrato de "Subministro da sinalización turística no núcleo urbano de Carballo", que recaeu na empresa Tevaseñal SA por un importe de 20.802,27 euros. A adxudicataria reduce en 25 días o prazo de subministro. amplía en 60 meses o prazo de garantía até os 120 meses e aumenta o número de unidades estipuladas para a sinalización por un valor sen custe adicional para o Concello de 7.883,15 euros. Por último, no que se refire a contratación, a Xunta de Goberno aprobou a modificación do contrato administrativo de "Mantemento e conservación dos ascensores do Concello de Carballo" para aprobar unha prórroga dun ano no prazo do contrato.

Carballo celebra os días grandes do San Xoán co Concurso de Cachelas, o Descenso do Anllóns e a esperada cita con Auryn

ACTIVIDADES PARA CATIVOS E MAIORES ENTRE O 23 E O 25 DE XUÑO

Carballo celebra os días grandes do San Xoán co Concurso de Cachelas, o Descenso do Anllóns e a esperada cita con Auryn

Martes 23 de xuño do 2015

Por fin a multitude de seguidores e seguidoras de Auryn ven como se achega o seu día grande que coincide cunha das semanas máis importantes do ano en Carballo, as Festas patronais de San Xoán. Así, este grupo que ten unha lexión de seguidoras e seguidores e que está integrado por Blas Cantó, Dani Fernández, Carlos Marco, David Lafuente e Álvado Gango, será o protagonista do concerto do xoves 25 de xuño na Praza do Concello a partir das 23.00 horas. Auryn son cinco vocalistas que levan xa seis anos ofrecendo música pop sobre os escenarios. O seu primeiro álbum, "Endless Road, 7058", saíu á rúa sen o apoio de ningunha discográfica e estivo máis de dous anos na lista de súper vendas. Agora mesmo teñen tres discos xa no mercado, e o tema que máis soa nestes momentos é "Saturday I'm in love". Seguro que enchen a reventar a Praza do Concello. Pero antes, temos o martes 23 de xuño o Concurso de Cachelas e tamén o mércores 25 o Descenso do Anllóns, dúas citas que xa teñen 28 e 18 anos, respectivamente, e que sempre animan o programa de festas. Lembrade, no Concurso de Cachelas repartiranse 1.300 euros, 600 dos cales irán para a cachela clasificada en primeiro lugar; e para o Descenso do Anllóns hai 1.350 euros, e o galardón máis importante será para a embarcación máis orixinal, que levará 300. E non vos esquezades dos pasarrúas, do concerto da Banda Municipal, da procesión, das bombas de palenque e das verbenas, o 24 coas orquestras Tango e SuperHollywood a partir das 23.00 horas e o 25 con Los Satélites ás 00.30 despois de Auryn. A Sanxoanear todo o mundo.

O proxecto Anllóns-Bardoso garante o abastecemento de auga ao municipio en condicións óptimas de cantidade e calidade

A NOVA ETAP COMEZARÁ A FUNCIONAR COA CONEXIÓN Á REDE ELECTRICA

O proxecto Anllóns-Bardoso garante o abastecemento de auga ao municipio en condicións óptimas de cantidade e calidade

Venres 19 de xuño do 2015

A conexión á rede eléctrica e a posterior autorización sanitaria son os únicos trámites pendentes para a entrada en servizo da nova captación de auga a Carballo, deseñada para garantir o abastecemento a unha poboación de 45.000 habitantes -incluídos todos os núcleos cun mínimo de 50 veciños- e a un polígono industrial de 2,5 millóns de metros cadrados. O goberno municipal de Carballo abriu hoxe as portas da instalación a todos os veciños e veciñas e a todos os membros da nova corporación municipal. Nunha visita guiada, o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, e o edil de Terra Galega José Bello Pallas tiveron a oportunidade de coñecer en detalle as características da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) situada ao pé da nova captación. Os representantes políticos estiveron acompañados por técnicos municipais e das empresas construtoras. A captación do río Bardoso sitúase augas arriba da Ponte Carral. Segundo explicou o técnico municipal José Facal, para non afectar ao leito do río, a toma realízase mediante tres pozos filtrantes que facilitan a entrada da auga ao depósito de auga bruta, que ten 1.500 metros cúbicos de capacidade. E aquí é onde ten lugar todo o proceso que fai posible que a auga chegue aos fogares carballeses en condicións óptimas para o seu consumo. Unha vez tratada, tres bombas elevarán a auga dende a ETAP ata o depósito regulador de Seixo Branco a través dunha condución de 1.555 metros de lonxitude. Outra impulsión de 435 metros conecta coa rede de saneamento para bombear os lodos da ETAP, e ademais poderá utilizarse no futuro para as augas residuais das vivendas da zona.

Compartir: