Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O San Xoán segue quecendo motores co Festifolk Costa da Morte: música tradicional con gaitas, Birimbao e Luar na lubre

SÁBADO 20 DE XUÑO ÁS 16.30 HORAS

O San Xoán segue quecendo motores co Festifolk Costa da Morte: música tradicional con gaitas, Birimbao e Luar na lubre

Xoves 18 de xuño do 2015

Nos últimos anos o programa do San Xoán adoita comezar de forma oficiosa coa exposición dos traballos dos creadores e creadoras de Carballo e comarca. E este ano segue quecendo motores cunha cita pioneira que pretende amosar o potencial da música tradicional da comarca máis occidental de Galicia e sobre todo da gaita, o instrumento máis característico da nosa bisbarra: o Festifolk Costa da Morte. Este festival celebra a súa primeira edición reunindo en Carballo ao maior número posible de gaiteiros para mostrar toda a forza da música tradicional e, dalgunha maneira, visualizar e homenaxear a todos cantos dedican o seu tempo libre a continuar dándolle vida á tradición, a potenciala e anovala. Respecto do programa, está previsto que as actividades comecen ás 16.30 horas co desfile de todos os gaiteiros e gaiteiras polas rúas principais de Carballo. Todos interpretarán tres pezas previamente consensuadas con todos os grupos. Unha vez rematado o percorrido, ás 18.30 horas, entregarase o premio ao Gaiteiro do Festifolk. Xusto a continuación, todos os gaiteiros concentrados na Praza do Concello interpretarán ao unísono os tres temas que xa tiñan interpretado polas rúas de Carballo, xunto coa Marcha do antigo reino de Galicia. Ás 22.00 horas iniciarase o festival nocturno, coa actuación de Birimbao, que rematará o seu concerto ás 22.45. E será ás 23.00 horas cando comece a súa actuación Luar na Lubre, nunha xornada de música e festa dedicada por enteiro aos sons galegos de raíz.

As obras do Premio Fotopoético

PODERÁ VISITARSE ATÉ O 31 DE XULLO

As obras do Premio Fotopoético "Carballo, mirando ao mar" invaden o barrio da Lagoa, que acolle unha mostra ao aire libre

Xoves 18 de xuño do 2015

Dende hoxe e até o 31 de xullo todos os veciños e veciñas poderán compartir un anaco de arte na rúa a través da exposición no barrio da Lagoa dunha escolma das obras presentadas ao premio Fotopoético Carballo mirando ao mar, cun especial espazo para os gañadores e gañadoras. A rúa San Xosé, a rúa Lagoa e colindantes servirán de escaparate para a creatividade que os participantes no certame plasmaron nas súas imaxes, poemas e videopoemas. Así, os veciños cederon con moita amabilidade as cristaleiras das súas vivendas para que o Concello colocase uns vinilos nos que se recollen as fotografías e os textos máis representativos de todos os presentados ao concurso. Ademais, a Cafetaría Ágora proxectará nas súas televisións, para poñelos a disposición de quen queira achegarse, os mellores videopoemas presentados ao certame. O acto de inauguración, que contou coa presenza do Alcalde, Evencio Ferrero e do Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, entre outros membros da corporación, serviu para facerlle tamén entrega dos premios aos gañadores e gañadoras, cuxas obras foron escollidas de entre as 109 presentadas ao concurso: o premio á mellor Fotografía valorado en 1250€ recaeu na obra "Baldaio, Paraiso baixo as estrelas", de Marcos Regueira Ramos, de Carballo. O premio ao mellor Fotopoema, valorado en 1250€, gañouno a obra "Serea Silente", de Daniel Ernesto Loncan Araujo e Raquel Santos Álvarez de A Coruña. O premio para o mellor Videopoema, valorado en 1250€, otorgouselle á obra "A miña avoa el", de María Rita Más Ybáñez, de A Coruña.

A carreira 10K Carballo estrea o domingo 21 de xuño o seu novo percorrido coa participación de preto de 1.700 corredores

ESTE ANO INCORPÓRANSE AS CATEGORÍAS BIBERÓN E PITUFO

A carreira 10K Carballo estrea o domingo 21 de xuño o seu novo percorrido coa participación de preto de 1.700 corredores

Mércores 17 de xuño do 2015

Un total de 1.689 persoas participan o domingo 21 de xuño na Carreira 10K Carballo, unha cita marcada dende hai tempo no almanaque do atletismo galego, organizada polo Concello de Carballo a través de Carballo Deporte, e que forma parte do III Circuíto de Carreiras Populares da Deputación, que conta cun total de 25 probas. Destes 1.689 participantes, un total de 1.300 tomarán a saída na categoría de adultos, cubríndose todas as prazas dispoñibles para esta modalidade horas antes de que rematase o prazo de inscrición. Estrean un novo percorrido totalmente urbano máis rápido que o anterior e homologado este ano pola Federación Española de Atletismo. Conta con 10.000 metros repartidos en dúas voltas polas rúas de Carballo e hai que subliñar a eliminación dalgunhas curvas algo bruscas e a incorporación dunha longa baixada pola rúa Vázquez de Parga, o treito máis veloz da proba. Precisamente un grupo de corredores dos clubs carballeses de atletismo e outros a nivel particular, incluído un deportista en cadeira de rodas, reuníronse recentemente para comprobar o trazado (na imaxe). Este ano a 10k Carballo ten moitas novidades, ademais do cambio no circuíto. como o cambio de denominación e de imaxe ou a ampliación das categorías. Por primeira vez ábrese a carreira a pitufos e biberóns, polo que os participantes máis pequenos serán os nacidos no ano 2012. Os primeiros sairán ás 10.00 horas, e os últimos, que serán, precisamente, os biberóns, ás 12.50.

O nacionalista Evencio Ferrero vén de ser proclamado de novo Alcalde de Carballo co apoio dos once concelleiros do BNG

O REXEDOR XA ANUNCIOU AS NOVAS ÁREAS DE GOBERNO NOS CONCELLEIROS

O nacionalista Evencio Ferrero vén de ser proclamado de novo Alcalde de Carballo co apoio dos once concelleiros do BNG

Sábado 13 de xuño do 2015

O líder do BNG e Alcalde de Carballo durante os últimos doce anos, Evencio Ferrero, resultou hoxe reelixido no seu cargo na sesión plenaria de constitución e toma de posesión da nova corporación celebrada ás 12.00 horas na Casa do Concello. A quenda de votacións saldouse co apoio para Evencio Ferrero dos once concelleiros do BNG, que obtiveron a maioría absoluta nos comicios celebrados o 24 de maio. Así mesmo José Bello Pallas, de TEGA, contou co apoio dos tres concelleiros do seu grupo; María del Carmen Vila co dos dous integrantes do PSOE; e os cinco concelleiros do PP votaron en branco, segundo explicou o seu líder, Miguel Ferreiro, por manter a vontade do grupo de facilitar o goberno da listaxe máis votada, neste caso, a do BNG. A mesa de idade da sesión foi constituída polos concelleiros electos de maior e menor idade, neste caso os dous representantes de TEGA, José Bello Pallas e Estefanía Canosa, actuando o primeiro como o presidente da mesa e sendo o encargado de tomar xuramento ou promesa aos concelleiros electos e de presidir a elección do novo Alcalde. Hai que subliñar que hai oito novas caras na recén constituída corporación, dúas por cada un dos grupos con representación. No BNG chegan Maica Ures e Miguel Ángel Vales; no PP Ana María Casais e Héctor García Andrade; en TEGA José Bello Pallas e Andrés Eirís; e no PSOE María del Carmen Vila e Valentín Costa. O recén elixido Alcalde tamén deu a coñecer despois da sesión as delegacións de Alcaldía, así como o nomeamento de Belén Lendoiro como 1ª Tenente de Alcalde en substitución de Milagros Lantes, que será 2ª Tenente de Alcalde.

Carballo acolle o martes 16 e mércores 17 de xuño unhas Xornadas de Posta en Valor e Divulgación da Beiramar do concello

NO FORUM CARBALLO OS DOUS DÍAS A PARTIR DAS 16.30 HORAS

Carballo acolle o martes 16 e mércores 17 de xuño unhas Xornadas de Posta en Valor e Divulgación da Beiramar do concello

Xoves 11 de xuño do 2015

O litoral de Carballo é un tesouro natural que cómpre por en valor. Coa filosofía do desenvolvemento sostible como bandeira, organizaranse, nas tardes do 16 e o 17, as Xornadas de Posta en Valor e Divulgación da Beiramar de Carballo. Será a partir das 16.30 horas no Fórum Carballo. As xornadas van dirixidas tanto a xentes do mar como a público en xeral interesado en afondar nos valores naturais do noso litoral e abondarán en cuestións como a conciliación da conservación dos espazos naturais co desenvolvemento local, a importancia da interpretación do patrimonio á hora de divulgar de maneira atractiva os nosos valores e os valores naturais e culturais da nosa costa. A inscrición é gratuíta e as prazas están limitadas. Ao longo destes dous días serán varias as persoas expertas que compartirán en Carballo os seus coñecementos e experiencias. Na xornada do martes, Antonio Sandoval, da Sociedade Galega de Ornitoloxía, falará dos valores naturais e culturais da Costa da Morteno Concello de Carballo. Carlos Vales, o director do CEIDA, abondará na conservación de espazos naturais e o desenvolvemento local. Araceli Serantes Pazos, da Universidade da Coruña, centrará a súa intervención nos modos efectivos de comunicar e interpretar de maneira atractiva o patrimonio. Xa o mércores, teremos con nós a Rebeca Vázquez, do Ceida, para falarnos de roteiros interpretativos por Carballo. A xornada rematará cunha sesión colaborativa ao redor da conservación, uso e goce da beiramar de Carballo.

O Horto Infantil abre o prazo para anotarse nos obradoiros de verán que terán lugar entre o 29 de xuño e o 31 de xullo

PARA CATIVOS E CATIVAS DE INFANTIL E PRIMARIA

O Horto Infantil abre o prazo para anotarse nos obradoiros de verán que terán lugar entre o 29 de xuño e o 31 de xullo

Mércores 10 de xuño do 2015

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Promoción Económica e Turismo, abre o prazo de inscrición para os obradoiros de verán no Horto Infantil Ecolóxico Municipal situado na rúa Nardos. Estas actividades desenvolveranse do 30 de xuño ao 31 de xullo polas mañás (en dúas quendas en horario de 10.00 a 11.30 ou de 11.30 a 13.00 horas) e están dirixidas a nenas e nenos de Educación Primaria e de Segundo Ciclo de Educación Infantil. Os grupos organizaranse por idades. As inscricións poderán facerse por medio do enderezo <hortoinfantil@carballo.org>; a través do Facebook <www.facebook.com/hortoinfantilcarballo> ou nas propias instalacións da rúa Nardos, en horario de 16.00 a 20.00 horas até o venres 19 de xuño. Todas as actividades son gratuítas, aínda que as prazas están limitadas e os cativos e cativas admitiranse por orde de anotacións. Tamén hai que mencionar que estes días está aberto o prazo de pre inscrición para os obradoiros do curso 2015-16 que comezarán no mes de setembro. O Horto Infantil Ecolóxico de Carballo comezou a súa actividade en maio de 2014 co obxectivo de reflexionar, de forma lúdica, acerca da natureza, o consumo responsable, a alimentación sa ou a reciclaxe e que os cativos e cativas se familiaricen coa contorna natural, así como co mundo do agro e da horta. Entre as súas actividades cotiás está o cultivo de alimentos e flores, a elaboración de produtos fitosanitarios ou o traballo a través da cooperación e a solidariedade.

Carballo celebrou o último pleno do mandato despedindo aos oito concelleiros que xa non formarán parte da corporación

O SÁBADO 13 DE XUÑO ÁS 12.00 HORAS CELÉBRASE A TOMA DE POSESIÓN

Carballo celebrou o último pleno do mandato despedindo aos oito concelleiros que xa non formarán parte da corporación

Mércores 10 de xuño do 2015

A corporación carballesa vén de celebrar a última sesión do mandato, unha convocatoria extraordinaria na que o único punto da orde do día foi a aprobación da acta da sesión anterior. Mais desta volta os contidos da sesión foron o de menos, xa que o pleno serviu para despedir aos concelleiros que non repetirán acta a partir da toma de posesión que terá lugar o sábado 13 de xuño. Son José Daniel Pérez López, Aurelio Núñez-Centeno, Margarita Varela Lema, Juan Carlos Castro Pombo, Ramón Antelo Veiga, José Lado Lamas, Manuel Andrade Cristóbal e José Antonio Viña Patiño. O Alcalde en funcións, Evencio Ferrero, abriu a sesión cunhas verbas de agradecemento para todos os compañeiros de corporación con especial atención aos que marchan e desculpando, en primeiro lugar, as ausencias de Aurelio Núñez-Centeno e Marga Varela ao coincidir a sesión coas súas obrigas como deputados en Santiago de Compostela e en Madrid. Logo tivo palabras para cada un dos concelleiros saíntes. A Juan Carlos Castro, do PP, agradeceulle o "respecto mutuo" que existiu entre eles a pesar do "debate intenso" que mantiveron de cotío, un debate "que quedou sempre dentro da política". Transmitiulle os seus "parabéns" polo seu traballo "feito de forma exemplar" durante os seus 20 anos na corporación. Do mesmo xeito, con Andrade, de TEGA, lembrou os "moitísimos plenos" que levan compartido no Concello e subliñou que "calquera carballés debe recoñecerlle o seu traballo polo benestar de todos" e expresou que, aínda que nos últimos tempos as súas posturas políticas estiveron "cada vez máis apartadas", espera que iso non inflúa no seu "agarimo persoal".

O Concello contribúe ao desenvolvemneto do proxecto Rede Xiana 2 para o fomento do emprego na provincia

NOVO CURSO A PARTIR DO LUNS 13 DE XULLO

O Concello contribúe ao desenvolvemneto do proxecto Rede Xiana 2 para o fomento do emprego na provincia

Mércores 10 de xuño do 2015

O luns 13 de xullo comeza no Fórum Carballo un curso de Montaxe e posta en marcha de bens de equipos e Maquinaria Industrial a través do proxecto Rede Xiana 2 en colaboración coa Deputación da Coruña. Esta acción formativa vai dirixida a persoas desempregadas dos concellos da Laracha, Cabana de Bergantiños, Carballo, Coristanco, Malpica de Bergantiños, Ponteceso e Santa Comba. O proxecto inclúe un programa formativo que combina formación teórica e experiencia laboral en empresas da zona. Así, impartirase, durante 120 horas lectivas, o módulo formativo de Técnicas de montaxe, reparación e posta en marcha de sistemas mecánicos; e unha vez finaliza a formación teórica, o alumnado realizará prácticas profesionais non laborais durante 100 horas en empresas do sector. O Concello de Carballo renova unha vez máis como entidade sede do proxecto Rede Xiana 2, e polo tanto será o encargada de facilitarlles, tanto á Deputación da Coruña como á empresa adxudicataria a impartición desta formación. Así, as instalacións do Forum Carballo acollen a realización íntegra deste curso de fabricación electromecánica. O Concello de Carballo é entidade sede deste proxecto dende o ano 2009 e xa se teñen impartido nas instalacións municipais outros cursos tales como Atención Sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio, Panadería e Bolería, Montador de estruturas metálicas, así como outros obradoiros máis recentes realizados no ano 2013 tales como empregabilidade, habilidades sociais e comunicativas, alfabetización informática, responsabilidade social, novas tecnoloxías, etc.

Adxudicación definitiva en Xunta de Goberno do contrato de xestión do Ciclo integral da auga a Gestagua

Adxudicación definitiva en Xunta de Goberno do contrato de xestión do Ciclo integral da auga a Gestagua

Martes 9 de xuño do 2015

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión extraordinaria, vén de ratificar a proposta de Mesa de Contratación para adxudicar á empresa Gestión y Técnicas del Agua SL (Gestagua) o contrato de concesión do servizo público por procedemento aberto con varios criterios de adxudicación que ten por obxecto o "Ciclo integral da auga do Concello de Carballo". No seu momento, a mesa realizou a escolla a través dun único criterio de valoración, recollido no prego de condicións, que foi o de ofrecer un canon dun mínimo de 100.000 euros que as empresas tiveron a oportunidade de mellorar á alza. O resultado do acto de apertura do sobre B, no que se recollía a oferta económica das cinco empresas que se presentaron ao procedemento, reflectiu que a mellor proposta, cunha valoración máxima de 100 puntos, era a de Gestagua por un importe de 360.012 euros. Hai que lembrar que, despois dun intento que non saíu adiante para licitar a concesión por un período de 20 anos e por máis de 58 millóns de euros, acurtáronse os prazos e os importes e decidiuse licitar o servizo por un período dun ano, cun custe para o Concello de 1.700.000 euros máis o 10 por cento de IVE, o que faría un total de 1.870.000 euros. O novo contrato respectará as tarifas e taxas vixentes, que permanecerán inalterables. Nestes momentos o servizo, cuxa concesión remataba en decembro de 2014, estaba prorrogado ata o mes de xuño con Viaqua, a empresa que tivo a concesión durante os últimos vinte anos. Despois da formalización do contrato nos próximos días, será Gestagua a empresa que xestione o servizo durante os próximos doce meses.

Comezan os traballos para trasladar o monolito da Praza do Concello e situalo entre o quiosco e a Cafetaría Sinagoga

A MUDANZA CULMINARASE DESPOIS DO SAN XOÁN

Comezan os traballos para trasladar o monolito da Praza do Concello e situalo entre o quiosco e a Cafetaría Sinagoga

Martes 9 de xuño do 2015

Está previsto que o mércores 10 de xuño comecen os traballos para efectuar o traslado do monolito que preside a Praza do Concello dende o ano 1986 -hai preto de 30 anos- así como o poste azul situado ao seu carón. Nesta primeira fase dos labores, que está previsto que dure toda a xornada do mércores, procederase a retirar o monolito e a pequena zona verde. Así mesmo, está previsto que o xoves pola tarde, despois de rematada a feira, comecen os traballos para pavimentar o oco deixado pola estrutura, de tal forma que as obras estean rematadas para que o sábado 13 se celebre con normalidade Xogar na Rúa. Non será ata despois das Festas de San Xoán cando se procederá á recolocación do monolito, que se ubicará no parterre que está situado entre o quiosco da Praza do Concello e a Cafetaría Sinagoga. O obxectivo desta actuación é o de transformar o espazo da praza nunha zona expedita, xa que o monolito viña sendo dende hai tempo un atranco para a celebración dos numerosos eventos e actos públicos que se desenvolven de cotío na ágora carballesa, ademais de supoñer un obstáculo para a colocación e manexo das mesas de control instaladas para os numerosos concertos e citas lúdicas que se celebran durante a primavera e o verán. Esta medida, xunto coa reurbanización da rúa Colón, ten como obxectivo acadar un espazo público maior e máis aberto. O monolito é un monumento que o Concello de Carballo realizou no ano 1986 como homenaxe a todos os alcaldes do municipio con motivo do 150 aniversario da súa constitución como Concello. Nel figuran os nomes de todos os rexedores da vila dende 1836.

Compartir: