Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Asinado o contrato para a realización das obras de "Mellora da capa de rodadura no lugar de Cances Grande"

O IMPORTE DOS TRABALLOS É DE 157.000 EUROS

Asinado o contrato para a realización das obras de "Mellora da capa de rodadura no lugar de Cances Grande"

Luns 8 de xuño do 2015

Milagros Lantes, Tenente de Alcalde en funcións en representación do Alcalde en funcións, Evencio Ferrero, así como representantes da empresa adxudicataria Excavaciones Pose SL, con domicilio social en Cabana de Bergantiños, veñen de asinar o contrato administrativo de obras para emprender a "Mellora da capa de rodadura no lugar de Cances Grande, parroquia de Cances". O importe dos traballos ascende a 157.300 euros (IVE incluído) sobre un prezo de licitación de 189.765 euros. O prazo de execución recollido é de tres meses a contar dende o día seguinte ao da sinatura da acta de comprobación de reformulo. As melloras afectan ás pistas de todo o lugar, como pode comprobarse na imaxe nun plano de situación dos traballos, e a actuación está incluída no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS) 2015. Para realizar a actuación, empregarase un firme de cemento por tratarse dun lugar de elevada incidencia patrimonial, considerado pola Xunta como "lugar galego". Trátase da actuación individual máis gravosa do POS e que se realiza porque o lugar xa conta coa dotación de servizos e unha vez mellorado o firme non habería que volver a abrir as vías para realizar novas dotacións no futuro próximo. Hai que mencionar que o POS 2015 ten un importe total de 663.675,60 euros. A cantidade íntegra destinarase a emprender melloras no medio rural para dotar de novos saneamentos que continúen a completar a rede do municipio e para o acondicionamento de vías nas parroquias de Oza, Rus, Ardaña, Artes, Sofán e Entrecruces, ademais de en Cances.

O deseñador Juanlu Fernández anuncia o San Xoán cunha cachela e avanza un programa cheo de música, lecer e deporte

SEMANA ENTRE O 22 E O 28 DE XUÑO

O deseñador Juanlu Fernández anuncia o San Xoán cunha cachela e avanza un programa cheo de música, lecer e deporte

Venres 5 de xuño do 2015

Nas últimas semanas a Comisión do San Xoán xa ten anunciado a maior parte das citas que farán que veciños e visitantes enchan as rúas de Carballo durante todo o mes de xuño e, nomeadamente, durante a semana grande, entre o luns 22 e o domingo 28. Porén, onte desvelouse durante a presentación do programa un dos segredos mellor gardados, o gañador do Concurso do cartel de San Xoán. Desta volta, resultou vendedor o deseñador gráfico de Ferrol Juan Luis Fernández Pérez, coñecido como Juanlu. Realiza unha particular reinterpretación da cachela representativa das festas, como el mesmo afirma "porque levábamos dous anos de sardiña" no cartaz e quería probar sorte volvendo á lumieira. Asegura que nunca se tiña presentado ao certame "porque vía moitísimo nivel", pero á primeira, e competindo con outros 37 traballos de toda Galicia, fíxose co premio de 450 euros que lle entregou Belén Enríquez, de Optica!a Enríquez. Respecto do programa, a Concelleira de Festas en funcións, Belén Lendoiro, asegura que se pretende "aunar modernidade e tradicións ancestrais", incluíndo citas para todos os públicos. A presidenta da Comisión, María José Souto, asegura que "pecha un ciclo" despois de catro anos como responsable do equipo das festas e convida a todo o mundo a que participe. Asegura que se están aproveitando os recursos e "axustando custes" para sacarlle o máximo partido aos 133.000 euros de orzamento. Entre as novidades, anuncia un reforzo nas redes sociais, coa apertura dunha conta de Instagram para que a xente mande as súas imaxes das festas e se compilen na Revista de San Xoán en 2016.

O Concello de Carballo convoca por primeira vez as subvencións a particulares para Campamentos de Verán 2015

PRAZO DE SOLICITUDE: DO LUNS 8 AO VENRES 12 DE XUÑO, INCLUSIVES

O Concello de Carballo convoca por primeira vez as subvencións a particulares para Campamentos de Verán 2015

Venres 5 de xuño do 2015

O Concello de Carballo convoca este verán por primeira vez as subvencións a particulares para Campamentos de Verán 2015. Estas axudas van dirixidas a familias empadroadas no municipio con menores entre 3 e 12 anos ao cargo, coa finalidade de aboar os gastos da inscrición nos campamentos de verán que teñan lugar no termo municipal de Carballo entre o 1 de xullo e o 31 de agosto de 2015. O prazo de solicitude está aberto do luns 8 ao venres 12 de xuño, ambos inclusive. A solicitude debe cumprimentarse e entregarse en horario de 9.30 a 14.30 horas nas oficinas de Servizos Sociais municipais situadas na Praza Médico Eduardo Mariño s/n. As familias poderán escoller destinar estas subvencións a calquera campamento organizado tanto por administracións públicas como por entidades privadas, sempre que estean encadrados dentro do termo municipal (por exemplo, non poderían aplicarse para os Campamentos Deportivos da Deputación). As axudas teñen como obxectivo favorecer a conciliación da vida laboral das nais e pais (ou titores) dos menores mediante o financiamento total ou parcial do custe que supón a inscrición nas actividades. A cantidade que o Concello destina a esta convocatoria ascende a 8.000 euros. Para a súa concesión avaliaranse os factores socioeconómicos, familiares e laborais da unidade familiar, de tal forma que se aplican descontos nas cotas dun 30, 50 ou 100 por cen ata un máximo de 80 euros por neno ou nena. Os interesados e interesadas poden obter máis información en Servizos Sociais, no teléfono 981 704 706.

A UCGAL mantén aberta unha oficina de información ao consumidor no segundo andar da Casa do concello

HORARIO DE 10.00 A 13.30 HORAS PARA DÚBIDAS E CONSULTAS

A UCGAL mantén aberta unha oficina de información ao consumidor no segundo andar da Casa do concello

Venres 5 de xuño do 2015

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), en colaboración co Concello de Carballo, pon en marcha un proxecto dirixido a coñecer a demanda real de servizos de información e asesoramento en materia de consumo nos veciños e veciñas do municipio. Malia que a poboación de Carballo supera os 31.000 habitantes, actualmente o Concello non conta cunha oficina de información ás persoas consumidoras, o que motiva que os propios usuarios e usuarias teñan que desprazarse a concellos limítrofes ou ás sedes do Instituto Galego de Consumo en Santiago ou A Coruña. Con este proxecto, cuxa finalidade é eninentemente estatística, a Unión de Consumidores de Galicia ofrecerá periodicamente ás autoridades municipais cumprida información sobre as materias que levan á veciñanza a se informar nas dependencias municipais en temas relacionados con consumo. Para a correcta avaliación das necesidades de información e asesoramento neste eido, persoal da UCGAL atenderá as demandas das persoas interesadas os luns e os xoves en horario de 10.00 a 13.30 horas no segundo andar da Csa do Concello. Está previsto que o proxecto se desenvolva até o mes de setembro. A Unión de Consumidores de Galicia é unha asociación privada que xurdíu a finais de 1988 co propósito de recoller e servir de canle das reivindicacións do conxunto dos/as consumidores/as e usuarios/as galegos/as na loita por unha progresiva mellora na calidade de vida dos/as cidadáns. A UCGAL desenvolve o seu labor en eidos como sanidade, comercio, servizos, educación, medio ambiente, etc.

A exposición de Alberte A. Pereira "Unha mirada subxectiva do cotián", estará até o 4 de xullo no corredor do Fórum Carballo

SON 30 IMAXES EN BRANCO E NEGRO DE CIDADES EUROPEAS

A exposición de Alberte A. Pereira "Unha mirada subxectiva do cotián", estará até o 4 de xullo no corredor do Fórum Carballo

Venres 5 de xuño do 2015

Praga, Berlín, Viana, Budapest, Lisboa, Porto, Maia, Madrid, Vigo... Son algunhas das cidades e vilas que quedaron atrapadas no obxectivo da cámara e no subxectivo do ollar de Alberte A. Pereira que expón no Fórum Carballo até o 4 de xullo unha mostra de "street photography", fotografía de rúa, froito das viaxes nas que se embarcou dende o 2012 e até o 2014. As súas imaxes transmiten historias e sentimentos e, tamén unha reflexión sobre a incomunicación urbana. As súas fotografías -explica o autor- reflicten o contraste entre a súa vida cotiá nunha vila do sur de Galicia, no Rosal, e eses grandes núcleos urbanos. A exposición "Unha mirada subxectiva do cotián" chega a Carballo despois de percorrer varias cidades e vilas de Galicia e do norte de Portugal, dende a súa inauguración no Rosal, en abril de 2014. Estivo en Santiago, no Carballiño, en Ferrol, en Vigo, en Lisboa, en Monçao e en Paredes de Coura e, proximamente, visitará A Coruña e repetirá na cidade ferrolana. Para montala, non dubidou en acudir ao crowdfunding, co que conseguiu os ao redor de 2.000 euros que precisaba para a montaxe, enmarcados e impresións. Non é a primeira vez que o traballo de Alberte A. Pereira chega á capital bergantiñá. O pasado ano, na exposición no Fórum do colectivo Galiza B/N, entidade coa que colabora, foi incluída unha das súas fotografías que forma parte tamén da actual mostra.

O Atlético de Madrid, o Dépor, o Sp. de Gijón, o Valladolid ou o Celta, no XI Torneo de Fútbol 8 Alevín Concello de Carballo

ENTRE O 12 E O 14 DE XUÑO NO CAMPO MUNICIPAL DE AS EIROAS

O Atlético de Madrid, o Dépor, o Sp. de Gijón, o Valladolid ou o Celta, no XI Torneo de Fútbol 8 Alevín Concello de Carballo

Xoves 4 de xuño do 2015

Atlético de Madrid, Deportivo, Celta, Sporting de Gijón, Real Valladolid, CD Lugo, Galicia Caranza, o suizo Servette FC e as anfitrioas, as Escolas de Fútbol Luis Calvo Sanz, conforman o cartel do XI Torneo de Fútbol 8 Alevín Concello de Carballo, VI Memorial José Luís Vara Olveira. A cita terá lugar entre o 12 e o 14 de xuño no Campo municipal de As Eiroas, nun mes no que pasarán por Carballo, da man de todas as actividades desenvolvidas polas Escolas, 101 equipos e arredor de 1.300 xogadores. O director das EF Luis Calvo Sanz, José Ramón Torres Pichel, explicou que a data de celebración do torneo de Brunete obrigou a modificar a data do torneo, o que impide que este ano o FC Barcelona e o Real Madrid estean presentes. Mais este ano vén un equipo novo, o suizo Servette FC, un club de Ginebra que é o terceiro máis laureado do fútbol helvético. O presidente das Escolas, Luciano Calvo subliñou a progresión do torneo, agora xa nun nivel "moi alto", aínda que, por falta de medios económicos, non chegue ao nivel do AF7 de Vilagarcía, o espello no que sempre quixo reflectirse o trofeo carballés. Aínda así, agredeceu o apoio continuo tanto do Dépor como do Celta, así como o apoio da Deputación durante os últimos anos. Precisamente en nome do organismo provincial estivo na presentación do torneo a súa Vicepresidenta en funcións, Mariel Padín, que lle transmitiu os seus parabéns ás Escolas, á organización e ao Concello pola súa aposta polo fútbol base. Tamén tivo verbas de agradecemento para os patrocinadores da cita.

O deporte toma Carballo o sábado 13 de xuño coa 24 edición de Xogar na rúa: para nenos e nenas na Praza do Concello

A PARTIR DAS 17.00 HORAS

O deporte toma Carballo o sábado 13 de xuño coa 24 edición de Xogar na rúa: para nenos e nenas na Praza do Concello

Xoves 4 de xuño do 2015

Xogar na Rúa cumpre 24 anos e pecha un ano máis o programa de Deporte Municipal en idade escolar no que participan as ANPAs do CEIP Fogar, do CEIP A Cristina, do CEIP Bergantiños, do CEIP Nétoma-Razo, do CEIP Xesús San Luís Romero e do CEIP Gándara-Sofán, así como a ANPA do CEIP Canosa-Rus, coa que colabora o programa xa que a maioría do alumnado é de Carballo. O deporte tomará as rúas o sábado 13 de xuño a partir das 17.00 horas con 16 actividades, como son mini basket, xadrez, pista americana, hóckey, xogos autóctonos, búfalo mecánico, inchable de Pocoyó, casiña de bolas, fútbol sala, atletismo, ciclismo ou capoeira, entre outras. Cada ano, entre 800 e 1.000 nenos e nenas participan nesta cita de entre os 1.000 e 1.300 que tamén acoden habitualmente ao programa de Deporte en idade escolar. Tanto o responsable de Carballo Deporte, Francisco García Bello, como o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, subliñaron que este ano, ao igual que hai oito, Xogar na rúa coincide nun día moi especial, como é o da investidura da nova corporación que, de seguro, poderá observar os preparativos da cita. Ferrero tamén espera que a reforma da rúa Colón estea practicamente rematada nesas datas, e que a Praza do Concello conte con 500 metros cadrados máis de espazo para acoller as actividades. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, resaltou tamén a lonxevidade da proposta, xa que "Carballo mudou, pero Xogar na Rúa xa leva 24 anos facendo que os nenos e nenas da vila xoguen fóra", nunha cita senlleira para os veciños e veciñas.

Xa se coñecen os gañadores do Premio Fotopoético Carballo, mirando ao mar, que repartiu 5.000 euros en premios

ESTÁ PREVISTO ORGANIZAR UNHA MOSTRA COAS OBRAS PRESENTADAS

Xa se coñecen os gañadores do Premio Fotopoético Carballo, mirando ao mar, que repartiu 5.000 euros en premios

Xoves 4 de xuño do 2015

O mércores 3 de xuño falláronse os premios do Premio fotopoético Carballo, mirando ao mar. Este concurso, enmarcado dentro do proxecto Carballo, mirando ao mar, busca achegar os recursos do litoral de Carballo a toda a poboación do Concello e traballar na percepción de que Carballo é un municipio con mar. O xurado do concurso estivo composto por Xosé Regueira Varela, Concelleiro de Turismo, Promoción Económica e Normalización Lingüística, como presidente do xurado; Ángel Cordero Gómez, fotógrafo e Profesor da Escola de Imaxe e Son de A Coruña; Ignacio Romero Sánchez, fotógrafo e, Profesor da Escola de Imaxe e Son de A Coruña; Henrique Hortas López , fotógrafo e Profesor da Escola de Imaxe e Son de A Coruña, Yolanda Castaño Pereira, poeta e comunicadora; Mercedes Queixas Zas, profesora e escritora; Jorge Gende Díaz, xornalista e poeta; e Teresa Parga Ures, Técnico de turismo do Concello, como secretaria, con voz e sen voto. O xurado tivo difícil seleccionar as obras gañadoras entre as 109 obras presentadas no concurso, decidindo fallar os seguintes premios: o premio á Fotografía valorado en 1250€ recaeu na obra "Baldaio, Paraiso baixo as estrelas", de Marcos Regueira Ramos de Carballo, que participou baixo o pseudónimo Noctámbulo 2015. O premio ao Fotopoema valorado en 1250€ gañouno a obra "Serea Silente" de Daniel Ernesto Loncan Araujo e Raquel Santos Álvarez de A Coruña, que se presentaron baixo o pseudónimo Claudia Sol. O premio de Videopoema valorado en 1250€ otorgouselle á obra "A miña avoa el", de María Rita Más Ybáñez de A Coruña que participou como A miña avoa el.

O Día da Muiñeira de Carballo cumpre 34 anos de traballo a prol do baile e a música tradicional xuntando a 400 bailadores

DOMINGO 7 DE XUÑO A PARTIR DAS 18.00 HORAS

O Día da Muiñeira de Carballo cumpre 34 anos de traballo a prol do baile e a música tradicional xuntando a 400 bailadores

Mércores 3 de xuño do 2015

O domingo 7 de xuño celebrarase en Carballo a XXXIV edición do Día da Muiñeira, unha cita que leva máis de tres décadas traballando pola conservación da música e o baile galegos. Nesta ocasión, máis de 400 bailadoras e bailadores daranse cita na Praza do Concello ás 18.00 horas, chegando en pasarrúas desde a Avenida de Bergantiños. Ás entidades habituais súmanse este ano outras que se achegan por primeira vez a este evento carballés. En total, serán 16 as agrupacións participantes: Xiradela de Arteixo, Semente Nova de Oleiros, Arume de Verdillo, Troula do Ortegal, O Candil de Sísamo, Donas e Galáns de Ferrol, San Campio de Cances, Anpa Mencer do Colexio Graxal de Cambre, San Martín de Razo, Rosalía de Castro de Cacheiras, Santa María de Torás da Laracha, Agrocovo de Esteiro, Agrupación Breogán de Brens-Cee, Asociación Recreativa e Cultural de Coiro (A Laracha), Lembranzas de Bergantiños e a entidade organizadora: Asociación Cultural Nemeth. A peza que interpretará a Banda de Gaitas Lembranzas de Bergantiños para o baile conxunto será a Muiñeira de Aranga. Ao finalizar o baile conxunto, varias das asociacións participantes subirán o escenario para continuar coa mostra do seu traballo a prol da recuperación de bailes, músicas e vestiario tradicional. Haberá agasallos para as entidades e merenda para tódolos participantes. O acto conta coa colaboración do Concello de Carballo e Protección Civil, e co patrocinio de Panadaría Forno Novo, Gumi golosinas, Confitería San Luis e Mercadona.

O Concello e Senda Nova coordinan en Carballo a IV Limpeza Simultánea de Praias da asociación ecoloxista Adega

DOMINGO 7 DE XUÑO ÁS 10.30 HORAS NAS SAÍÑAS

O Concello e Senda Nova coordinan en Carballo a IV Limpeza Simultánea de Praias da asociación ecoloxista Adega

Mércores 3 de xuño do 2015

O Concello e a Asociación Ambiental Senda Nova coordinan en Carballo a IV Limpeza Simultánea de Praias que organiza a Asociación Ecoloxista Adega para conmemorar o Día Mundial dos Océanos e que se realiza en numerosos puntos da costa galega entre o 5 e o 7 de xuño. Trátase dunha xornada na que os voluntarios e voluntarias que desexen unirse á iniciativa contribuirán a retirar lixo e residuos do mar e das praias. O lixo mariño é un dos graves problemas ambientais aos que se enfronta o planeta, as principais causas son: a insostibilidade dos modelos de consumo e produción da nosa sociedade, as malas estratexias na xestión dos nosos residuos e a falta de sensibilización da poboación. Todo iso fai que cada ano dez millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos. Moito deste lixo provén da industria do mar (pesca, extraccións, etc.), pero unha grande parte chega a través dos ríos, debido a unha mala xestión en terra. Estes residuos teñen graves consecuencias para a os ecosistemas mariños, máis de 1.000.000 de aves mariñas e 100.000 mamíferos e tartarugas morren cada ano enredados ou por inxesta do lixo mariño. Tamén pode afectar directamente á saúde humana, xa que moitos destes produtos conteñen substancias tóxicas, bioacumulativas e persistentes, que entran na cadea alimentaria. A contribución de Carballo para axudar a mellorar esta situación será no areal das Saíñas. As persoas interesadas están convocadas o domingo 7 de xuño a partir das 10.30 horas. Pode obterse máis información a través do enderezo electrónico <sendanova@hotmail.com> ou no 696 155 232.

Compartir: