Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
A Bolsa de Traballo Municipal conta con preto de 2.000 persoas desempregadas inscritas dende que arrincou en 2012

NESTES ÚLTIMOS DÍAS TÉÑENSE REXISTRADO 10 OFERTAS DE EMPREGO

A Bolsa de Traballo Municipal conta con preto de 2.000 persoas desempregadas inscritas dende que arrincou en 2012

Martes 2 de xuño do 2015

A Concellaría de Formación e Emprego dirixida en funcións por Marcos Trigo informa de que a Bolsa de Traballo municipal (BDT) conta xa con 1.950 desempregados e desempregadas que se teñen inscrito no servizo dende o seu nacemento en novembro de 2012. Só nos últimos días a BDT rexistrou un total de 10 ofertas emprego o que supón, por un banda, unha mostra da boa evolución económica do sector produtivo-empresarial da contorna, o aumento progresivo de empregos nas pequenas e medianas empresas e polo tanto un maior enriquecemento para toda a cidadanía; por outro lado, deixa patente o apoio e confianza do sector empresarial na Bolsa de Traballo, na súa maneira de intermediar entre a oferta e a demanda dunha forma áxil, rápida e eficiente. Así mesmo, hai que mencionar que a BDT rematou o venres 22 de maio o curso de Preparación para as Competencias Clave de nivel 2 formado por preto de 50 alumnos e alumnas. O sábado 23 de maio, trasladáronse a Silleda para examinarse nas competencias de lingua galega, lingua castelá e matemáticas a través da convocatoria pública da Xunta de Galicia. Esta convocatoria permite o acceso aos cursos de formación profesional para o emprego con certificado de profesionalidad de nivel 2 e 3. Os resultados provisionais destas probas publicaranse o 6 de xuño. Tamén hai que mencionar que o xoves 21 de maio a BDT formalizou o convenio para a realización de prácticas profesionais non laborais en centros comerciais Carrefour para 4 alumnas do curso de Auxiliar de comercio.

A campaña

ESTÁ DIRIXIDA A NENOS E NENAS DE 5 A 12 ANOS; ABERTAS AS INSCRICIÓNS

A campaña "Da praza ó prato" do Grupo de Acción Costeira Costa da Morte visita o Mercado Municipal o sábado 13 de xuño

Martes 2 de xuño do 2015

O Mercado de Carballo acolle o sábado 13 de xuño de 10.30 a 12.00 e de 12.30 a 14.00 a campaña do Grupo de Acción Costeira GAC-3 da Costa da Morte "Da praza ó prato". Poderán participar nela nenos e nenas de 5 a 12 anos, con un aforo máximo de 25 cativos e cativas por quenda (na imaxe unha das citas realizadas noutra vila pertencente ao GAC). Calquera poderá anotarse gratuitamente nesta actividade que mestura aprendizaxe da tradición e da cultura mariñeira coa gastronomía local. A cita consiste en realizar una excursión pola praza de abastos e un obradoiro de cociña, da man dun chef con experiencia e de carácter afable para tratar cos rapaces xunto con dúas monitoras. No Mercado explicaraselle aos nenos e nenas o tipo de peixes e mariscos á venda, o seu método de captura e todos os procesos que pasan dende que o peixe está no mar ata que o temos preparado para a súa degustación. Logo desta andaina con fin educativo, reservarase un espazo no Mercado para o obradoiro de cociña, cun mesado de traballo e útiles para o bo desenvolvemento da actividade. Levaranse a cabo receitas con base mariñeira, con materia prima do territorio de primeira calidade, co fin de seguir ensinando aos cativos e cativas as bondades dos produtos do mar. Os interesados e interesadas en inscribir aos seus nenos e nenas deben dirixirse ao correo electrónico ou ben ao teléfono 981 707 378 de luns a venres de 8.30 a 15.00 horas. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

Carballo acolle a 1ª Xuntanza Amigos dos Clásicos na que arredor de 100 vehículos se unen cun fin solidario

DOMINGO 7 DE XUÑO: MOSTRA NO SAN MARTIÑO A PARTIR DAS 17.00H

Carballo acolle a 1ª Xuntanza Amigos dos Clásicos na que arredor de 100 vehículos se unen cun fin solidario

Martes 2 de xuño do 2015

Máis de 90 vehículos participan o domingo 7 de xuño na 1ª Xuntanza Amigos dos Clásicos de Carballo, unha cita que une o gusto polos coches antigos e a solidariedade nunha xornada cun intenso programa. Así, os participantes congregaranse ás 9.30 horas no Pazo de Vilardefrancos, para partir ás 11.00 a percorrer as principais rúas da capital municipal, amosando os coches nun espectacular desfile. Logo, dirixiranse a Razo e farán unha parada con refrixerio no Art Surf Camp. O xantar está previsto para as 14.00 horas no campo de golf Golpe & Eventos, en Baldaio. Por último, todos os veciños e veciñas que o desexen poderán gozar cunha exposición dos vehículos no Parque do San Martiño a partir das 17.00 horas e até as 21.00. A pasada semana os organizadores xa amosaron un dos vehículos máis espectaculares que poderán verse na mostra, un Cadillac Eldorado branco -un modelo célebre por ser o favorito de personaxes como Elvis Presley-, que paseou pola Praza do Concello e que tiveron a oportunidade de ver ao detalle o Alcalde en funcións, Evencio Ferrero; e o Concelleiro de Deporte en funcións, Marcos Trigo, xunto con representantes da organización, Óscar Martínez Cameán e Jose Antonio Fernández Seoane. Ademais de ser unha cita para os amantes dos coches clásicos, a xuntanza tamén ten un carácter solidario, xa que todos os participantes achegan, a modo de inscrición, unha doazón simbólica de alimentos non perecedoiros e produtos para bebés que serán entregados na Cruz Vermella de Carballo para que sexa repartido entre as persoas máis necesitadas.

"Arte na rúa" transforma a Praza do Concello nun escaparate no que expoñer o labor dos creadores de Carballo e a contorna

SÁBADO 4 DE XULLO DE 12.00 A 14.00 E DE 17.00 A 20.30 HORAS

"Arte na rúa" transforma a Praza do Concello nun escaparate no que expoñer o labor dos creadores de Carballo e a contorna

Martes 2 de xuño do 2015

O colectivo Crea Formas transformará o sábado 4 de xullo a Praza do Concello de Carballo para convertela nun escaparate no que os veciños e veciñas poderán ver o labor artístico dos creadores da vila e da súa contorna e gozar con el. O artista Mon Lendoiro, un dos organizadores da cita, explica que o obxectivo é "dedicarlle un día á arte" e "amosar ao aire libre todas as cousas que se están a facer en Carballo" en relación con este mundo, xa que moitas veces dende Crea Formas descobren que a xente descoñece o intenso movemento artístico que nos últimos anos se está a desenvolver en Carballo. Durante toda a xornada, pola mañá de 12.00 a 14.00 horas e pola tarde de 17.00 a 20.30 horas, a Praza será un fervedoiro de actividade, con obradoiros para cativos e cativas e tamén para persoas adultas sobre debuxo, fotografía, estampación, poesía, barro, danza, papiroflexia ou teatro -coa colaboración da Aula de Teatro Municipal- entre outros; con actuacións en directo de teatro, baile, música ou mesmo cun recital poético; e cunha mostra permanente na que ensinar os traballos dos creadores e creadoras. O obxectivo, subliña Lendoiro, é "ocupar cada recuncho da Praza e do Xardín con algunha actividade relacionada co mundo artístico". Os interesados e interesadas en participar nos obradoiros poden inscribirse previamente, xa que nalgúns hai límite de prazas, no enderezo <creartenarua@gmail.com> ou no teléfono 636 947 165. Crea Formas está constituída por un total de 38 creadores de Carballo e a súa contorna que abordan disciplinas como pintura, escultura, cerámica, fotografía, gravado, etc.

O xornalista Luis Fraga será o encargado de ler o pregón das Festas de San Xoán 2015 o luns 22 de xuño

NADO EN FERROL, PASOU MOITOS VERÁNS NA PRAIA DE RAZO

O xornalista Luis Fraga será o encargado de ler o pregón das Festas de San Xoán 2015 o luns 22 de xuño

Luns 1 de xuño do 2015

A Comisión de Festas de San Xoán vén de anunciar que o pregoeiro deste ano será o coñecido xornalista Luis Fraga, quen será o encargado de abrir oficialmente as celebracións o luns 22 de xuño. Aínda que é natural de Ferrol, Fraga está moi relacionado con Carballo xa que pasou boa parte da súa infancia veraneando na praia de Razo e precisamente comezaba as súas vacacións coincidindo coas Festas de San Xoán. Ademais, principiou a súa longa e prestixiosa andaina xornalística tamén en Carballo, nos estudos de Antena 3 Radio na vila, onde agora están as instalacións de Radio Voz Bergantiños. Respecto do seu curriculum, Luis Fraga é Máster en Investigación Aplicada á Comunicación pola Universidade Rei Juan Carlos e licenciado en Xeografía e Historia pola UNED. Despois de comezar a súa andaina xornalística en Carballo, traballou como locutor para a Cadena Ser en Ferrol e tamén como reporteiro en Antena 3 TV. Desde o verán de 2004 estivo presentado "Las Noticias de la Mañana" de Antena 3 ata setembro de 2012 e estivo vinculado a Antena 3 durante 18 anos, ata que regresou a Galicia para traballar no magazine "Boas Tardes" da Televisión Galega. No seu blog, <elblogdeluisfraga.com>, preséntase como unha persoa que se dedica á comunicación, á tele, á radio, á docencia, á comunicación empresarial, ou ás novas formas de publicidade. Asegura que vive entre Madrid e Galicia e que lle gusta "ler o xornal e tomar o café polas mañás no bar; andar en bici polas cidades, e ir a ver o mar aínda que chova a chuzos". Seguro que tamén lle gusta dar o pregón das Festas de Carballo. Aquí o esperamos.

Adxudicadas en Xunta de Goberno as obras de

ÁBRESE O PROCESO PARA INSTALAR UNHA NOVA CALDEIRA DE BIOMASA

Adxudicadas en Xunta de Goberno as obras de

Luns 1 de xuño do 2015

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar a adxudicación co contrato administrativo de obras para a "Mellora da capa de rodadura no lugar de Cances Grande, parroquia de Cances", actuación incluídan o Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS) 2015. A empresa encargada de realizar os traballos será Excavaciones Pose SL, con enderezo social en Cabana de Bergantiños, por un importe de 157.300 euros (IVE incluído) sobre un prezo del licitación de 189.765 euros. O prazo de execución recollido é de tres meses a contar dende o día seguinte ao da sinatura da acta de comprobación de reformulo. Tamén no apartado de contratación, a sesión supuxo a aprobación do expediente para o Contrato administrativo de subministro de "Instalación de caldeira de biomasa para a mellora da eficiencia enerxética na piscina municipal Carballo Calero" (na imaxe). O sistema de adxudicación estipulado é o de procedemento aberto con varios criterios de adxudicación con un prezo base de licitación de 299.693,59 euros. Os criterios de adxudicación será a oferta económica, así como a redución no prazo de execución do contrato e o incremento no período de garantía da instalación. Recibiu luz verde, así mesmo, o expediente para o contrato de "Subministro dun vehículo industrial (km.0) con caixa volquete e grúa para Brigada de Obras do Concello de Carballo" a través dun procedemento aberto cun único criterio de adxudicación, centrado na oferta económica máis baixa. O prezo base de licitación é de 54.450 euros.

O Autocross Carballo reúne o 30 de maio aos mellores pilotos galegos, cun total de 74 inscritos nas catro categorías

NO CIRCUÍTO MUNICIPAL DE BÉRTOA A PARTIR DAS 9.00 HORAS

O Autocross Carballo reúne o 30 de maio aos mellores pilotos galegos, cun total de 74 inscritos nas catro categorías

Venres 29 de maio do 2015

Despois dos traballos de mellora do firme realizados nas últimas semanas, o Circuíto de Motor de Bértoa está listo para unha nova temporada do Campionato Galego de Autocross. Este sábado, día 30, a instalación municipal acollerá a primeira carreira do ano, organizada pola Escudaría Máis Motor coa colaboración do Concello de Carballo. O mércores 27 de maio pechouse o prazo de inscrición, e un ano máis mantense o listón cun total de 74 participantes, entre os cales figuran os mellores pilotos galegos. O municipal de Carballo, que regresou a pasada temporada ao calendario do Campionato Galego, conseguiu situarse en tan só un ano como un dos circuítos de referencia tanto para os pilotos coma para os afeccionados ao autocross. Na carreira do sábado participarán os mellores condutores e os mellores vehículos de -1.600 (17 inscritos), +1.600 (18), 4x4 (9) e carcross, que é a categoría máis espectacular e tamén a máis numerosa cun total de 30 inscritos. O regulamento completo está dispoñible tamén en www.maismotor.es. A xornada do día 30 comezará ás 10.00 horas coas verificacións; ás 12.00 serán os adestramentos; ás 15.30, as semifinais, e ás 17.30, as finais. O Alcalde de Carballo en funcións, Evencio Ferrero, asegura que o goberno municipal vén "actuando dende o primeiro momento" para ir introducindo cada ano melloras no circuíto e expresou o seu compromiso de seguir atendendo as peticións de entidades coma a Escudaría Máis Motor, que están a dinamizar as instalacións con probas como as dúas do Campionato Galego que se celebraron o ano pasado e que tamén haberá nesta temporada.

Cinco artistas de sona internacional rehabilitarán outros tantos muros de Carballo durante a celebración do Rexenera Fest

PODERÁ VERSE A EVOLUCIÓN DOS TRABALLOS A PARTIR DO 1 DE XUÑO

Cinco artistas de sona internacional rehabilitarán outros tantos muros de Carballo durante a celebración do Rexenera Fest

Venres 29 de maio do 2015

Carballo acolle a partir do luns 1 de xuño a primeira edición do Rexenera Fest, o 1º Festival Internacional de Arte Pública de Carballo. Esta primeira edición terá lugar do 1 ao 7 de xuño de 2015 e reunirá a un coidado elenco formado por cinco artistas provintes de distintas nacións, que intervirán en cinco paredes de grande formato esparexidas polo casco urbano. O proxecto pretende reunir cada ano a artistas do mellor da escena galega, estatal e internacional do mundo da arte urbana, para así facer da vila un gran museo ao aire libre que irá medrando ano tras ano. O festival servirá como unha xanela de Carballo aberta ao mundo, para poñer no mapa a vila a través das súas rúas e favorecendo un turismo cultural diferente na zona urbana do concello. O evento actuará como un axente rehabilitador contra o feísmo urbanístico e utilizará as rúas como un espazo de diálogo e de expresión artística. O obxectivo é rexenerar espazos deteriorados, achegarlle valor engadido á paisaxe urbanística, dinamizar o tránsito peonil e expandir os espazos de lecer. Durante unha semana, os artistas participantes estarán traballando en distintas localizacións, ás que os veciños, veciñas e visitantes poderán achegarse e apreciar a habilidade e mais todo o proceso artístico de cada obra. O Concelleiro de Turismo, Xosé Regueira, quixo felicitar a Mutante, encargados da xestión do festival, polo seu labor e subliñou que o Rexenera quere ser tamén unha fórmula para "darlle valor engadido a Derrubando muros con pintura" e para seguir transformando Carballo a través "dunha obra pública de interese" que favorece que a xente se achegue á vila.

A Pequefeira do Horto Infantil transformou o Xardín Municipal, ateigado de veciños que mercaron os produtos dos cativos

A CITA CONTOU CON SETE POSTOS ABERTOS DURANTE BOA PARTE DA MAÑÁ

A Pequefeira do Horto Infantil transformou o Xardín Municipal, ateigado de veciños que mercaron os produtos dos cativos

Venres 29 de maio do 2015

O Xardín Municipal ateigouse na mañá do venres 29 de maio para a celebración da primeira Pequefeira do Horto Infantil Ecolóxico Municipal. Ata sete postos dos CEIP Gándara-Sofán, Nétoma-Razo, Bergantiños e Xesús San Luís Romero, do Colexio Artai, do CRA Ponte da Pedra e tamén dos cativos e cativas do obradoiro "O cole de herba" -que se desenvolve de cotío nas instalacións da rúa Nardos- venderon leitugas de distintos tipos, cenorias, herbas aromáticas, purín de ortigas, cola de cabalo, flores, acelgas e máis produtos cultivados de forma ecolóxica e de alta calidade. De 11.00 a 12.30 horas os veciños e veciñas puideron ver, palpar, ulir e mercar os froitos do traballo dos cativos e cativas durante o curso mentres eles os animaban entusiasmados a comprar sen parar. Coa recadación obtida na Pequefeira, serán os propios cativos e cativas quen decidan o que fan entre todos, ben investindo de novo no Horto, ben desenvolvendo algunha actividade educativa, comprando novo material, etc. O Concelleiro impulsor da iniciativa, Xosé Regueira, explicou que o Horto Infantil é "un proxecto ilusionante e divertido" que, ademais, "conciencia sobre os produtos ecolóxicos e sobre o traballo do agro". O Alcalde en funcións, Evencio Ferrero, subliñou que "o Horto é educación", e manifestou a súa satisfacción por que tivese tan boa acollida entre os veciños e veciñas e espera "que teña continuidade no futuro". Ademais, constatou unha nova realidade, que, a partir de agora Carballo ten a feira dos xoves, a dos domingos e a Pequefeira.

Carballo acolle o Festifolk Costa da Morte, unha homenaxe á música galega con gaiteiros, Birimbao e Luar na Lubre

O SÁBADO 20 DE XUÑO DE 16.30 A 00.30 HORAS

Carballo acolle o Festifolk Costa da Morte, unha homenaxe á música galega con gaiteiros, Birimbao e Luar na Lubre

Xoves 28 de maio do 2015

O sábado 20 de xuño terá lugar en Carballo o festival de música galega "Festifolk Costa da Morte", unha cita que ten como obxectivo amosar o potencial musical da comarca máis occidental de Galicia e sobre todo da gaita, o instrumento máis característico da nosa bisbarra. Con este propósito reuniranse en Carballo ao maior número posible de gaiteiros para mostrar toda a forza da música tradicional e, dalgunha maneira, visualizar e homenaxear a todos cantos dedican o seu tempo libre a continuar dándolle vida á tradición, a potenciala e anovala. Está previsto que as actividades comecen ás 16.30 horas, co desfile de todos os gaiteiros e gaiteiras polas rúas principais de Carballo. Todos interpretarán tres pezas previamente consensuadas con todos os grupos. Una vez rematado o percorrido, ás 18.30 horas, entregarase o premio ao Gaiteiro do Festifolk. Xusto a continuación, todos os gaiteiros concentrados na Praza do Concello interpretarán ao unísono os tres temas que xa tiñan interpretado polas rúas de Carballo, xunto coa Marcha do antigo reino de Galicia. Ás 22.00 horas iniciarase o festival nocturno, coa actuación de Birimbao, que rematará o seu concerto ás 22.45. Será ás 23.00 horas cando comece a súa actuación o grupo Luar na Lubre, unha das bandas de música de raíces galegas máis internacionais de Galicia, pois dende Palestina a Canadá e dende Arxentina a Alemaña levan percorrido parte do planeta levando a cultura e a música da nosa terra, ademais de levar editadas máis de 300.000 copias dos seus traballos discográficos.

Arrinca "Carballo por etapas", unha cita co mellor da gastronomía da vila na que participan 21 locais hostaleiros

A CITA INCLÚE NOVIDADES COMO UN SHOWCOOKING OU O PEQUECHEF

Arrinca "Carballo por etapas", unha cita co mellor da gastronomía da vila na que participan 21 locais hostaleiros

Xoves 28 de maio do 2015

O venres 29 de maio arrinca a partir das 19.30 horas "Carballo por etapas", unha cita gastronómica que pretende fomentar o turismo e o consumo de produtos autóctonos, dando a coñecer a variedade da cociña e da hostalería da vila. Un total de 21 locais hostaleiros participan para elaborar saborosas tapas ao prezo dun euro empregando produtos de tempada da horta local, os sabores do mar, as mellores carnes ou as conservas de máis alta gama. Con cada tapa entregarase un rasca co que optar a algún dos máis de mil premios que están en xogo, e que van dende gorras, toallas e camisetas ata máis tapas ou botellas de viño. A cita será os días venres 29, sábdo 30 e domingo 31 de maio e venres 5, sábado 6 e domingo 7 de xuño, en horario de 12.00 a 14.00 e de 20.00 a 22.00 horas, agás o 29 de maio e o 5 de xuño en que é só de 20.00 a 22.00 horas. Esta terceira edición conta ademais con novidades, como un Showcooking o 31 de maio a partir das 11.30 horas na Praza do Concello cos recoñecidos chefs Gorka Rodríguez e Adrián Felípez. Cociñarán en directo para os veciños e veciñas e repartirán tapas ata fin de existencias. Outra delas é o Pequechef, un taller de iniciación á cociña para nenos de 3 a 10 anos, tamén o 31 na Praza do Concello, pero a partir das 17.30 horas. Nestes momentos continúa aberto o prazo para anotar aos nenos e nenas no Pequechef. As nais e pais deben facelo en persoa nas instalacións de Axober ou ben o 31 de maio durante a celebración do showcooking na Praza do Concello, xa que deben asinar as autorizacións para que participen os cativos e cativas.

Compartir: