Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Volven as Escolas de Verán de Balonmán Xiria con actividades lúdicas e deportivas durante os meses de xullo e agosto

PARA NENOS E NENAS DE 4 A 14 ANOS; INSCRICIÓNS ATÉ O 13 DE XUÑO

Volven as Escolas de Verán de Balonmán Xiria con actividades lúdicas e deportivas durante os meses de xullo e agosto

Xoves 28 de maio do 2015

Xa está aberto o prazo para anotarse nas Escolas de Verán de Balonmán Xiria que teñen o obxectivo de fomentar a convivencia, o deporte e as actividades lúdicas e culturais entre o 1 de xullo e o 31 de agosto. De luns a venres, de 10.00 a 14.00 horas (con opción de incrementar o horario de 7.00 a 10.00 horas, con ou sen almorzo en Xolda) os cativos e cativas que se anoten poderán realizar obradoiros de artes plásticas, de lectura, de informática, de produción audiovisual, etc., e sobre todo, practicar moito deporte. Segundo explica Marcos Rodríguez, coordinador da actividade, no apartado de informática este ano prestarase especial atención ás redes sociais, facendo fincapé, nomeadamente entre os maiores, nos perigos que poden ter e na mellor maneira de relacionarse con elas. Tamén se incorporará un apartado para a fotografía e o tratamento de imaxes. Ademais, continuarase co taller de teatro co obxectivo de realizar representacións durante a duración das escolas; e incorpórase a posibilidade de animar aos nenos e nenas a ofrecer un servizo á comunidade. Así, os interesados e interesadas escollerán un proxecto para mellorar a sociedade carballesa, elaborarán as accións necesarias para levalo a cabo e a final de verán poderán levalo á práctica. O obxectivo é o de "que todos os nenos conten cunha experiencia deportiva positiva" e axudar ás familias a enfocar o tempo de lecer dos nenos e nenas. As inscricións, dirixidas a escolares nados entre 2011 e 2001 (inclusive) están abertas até o 13 de xuño.

Oito equipos no Torneo de Fútbol Base da SD Sofán, incluído na campaña

SÁBADO 30 DE MAIO NO CAMPO DO CARRAL

Oito equipos no Torneo de Fútbol Base da SD Sofán, incluído na campaña "Vive o fútbol" contra a violencia no deporte

Mércores 27 de maio do 2015

Oito equipos da provincia da Coruña (Ural, Orillamar, Laracha, Paiosaco, Xallas, Dumbría, Cabana e o anfitrión, SD Sofán) participan o sábado 30 de maio no primeiro Torneo de Fútbol Base da SD Sofán, incluído pola Fundación de Fútbol Profesional na campaña contra a violencia no deporte "Afección + Respecto: Vive o Fútbol". A celebración do torneo é "unha aspiración da xunta deportiva" e suporá "un punto de inflexión no traballo que vimos facendo coa base dende o ano 2011", explicou o vicepresidente do club, Manuel Varela. Así mesmo, destacou que todos os clubs participantes destacan, precisamente, polo bo traballo que realizan coa canteira. Na mesma liña, o presidente da SD, Ricardo Serrano, apuntou que o torneo implica "un paso máis no traballo que se está facendo" e expresou o seu desexo de que "sirva de premio para os nenos, os pais e a afección". O Concelleiro de Deportes, Marcos Trigo, resaltou "o traballo da SD Sofán coa base", que definiu coma unha das fortalezas da entidade. Pola súa banda, o Alcalde en funcións de Carballo, Evencio Ferrero, cualifica coma "exemplar" o labor que están a facer as diferentes entidades deportivas do Concello. "En plena crise -dixo- todas iniciaron un período de expansión, e iso é importante porque a xente necesita oportunidades". O Torneo de Fútbol Base encherá de actividade o campo de fútbol do Carral dende as 09.00 ata as 21.00 horas do sábado. O lema da campaña "Afección + Respecto: Vive o Fútbol" estará presente durante toda a xornada.

A Mesa de contratación propón a Gestagua como empresa adxudicataria do contrato de xestión do Ciclo integral da auga

O CANON OFERTADO SUPERA OS 360.000 EUROS

A Mesa de contratación propón a Gestagua como empresa adxudicataria do contrato de xestión do Ciclo integral da auga

Mércores 27 de maio do 2015

A Mesa de Contratación responsable do contrato de concesión do servizo público por procedemento aberto con varios criterios de adxudicación que ten por obxecto o "Ciclo integral da auga do Concello de Carballo" propón á empresa Gestión y Técnicas del Agua SL (Gestagua) como empresa adxudicataria do servizo. A escolla realizouse a través dun único criterio de valoración, recollido no prego de condicións, que era o de ofrecer un canon dun mínimo de 100.000 euros que as empresas tiveron a oportunidade de mellorar á alza. O resultado do acto de apertura do sobre B, no que se recolle a oferta económica das cinco empresas que se presentaron ao procedemento, reflicte que a mellor proposta, cunha valoración máxima de 100 puntos, é a de Gestagua por un importe de 360.012 euros. Agora, haberá que esperar a que en próximos días a Xunta de Goberno Local ratifique a proposta de adxudicación da mesa. Hai que lembrar que, despois dun intento fallido para licitar a concesión por un período de 20 anos e por máis de 58 millóns de euros, acurtáronse os prazos e os importes e decidiuse licitar o servizo por un período dun ano, cun custe para o Concello de 1.700.000 euros máis o 10 por cento de IVE, o que faría un total de 1.870.000 euros. O novo contrato respectará as tarifas e taxas vixentes, que permanecerán inalterables. Nestes momentos o servizo, cuxa concesión remataba en decembro de 2014, está prorrogado ata xuño con Viaqua, a empresa que tivo a concesión durante os últimos vinte anos.

O Horto Infantil Ecolóxico organiza o venres 29 de maio unha Pequefeira na que os nenos e nenas venderán os seus cultivos

A CITA SERÁ NA PRAZA DO CONCELLO A PARTIR DAS 11.00 HORAS

O Horto Infantil Ecolóxico organiza o venres 29 de maio unha Pequefeira na que os nenos e nenas venderán os seus cultivos

Mércores 27 de maio do 2015

O Horto Infantil Ecolóxico de Carballo celebra o venres 29 de maio a súa Pequefeira, unha cita na que os cativos e cativas que de cotío desenvolven a súa actividade no Horto, ben nas instalacións da rúa Nardos a través dos obradoiros, ben a través da colaboración cos centros de ensino, poderán poñer á venda os produtos que teñen plantado e coidado durante o curso. Así, poderán constituír a súa propia cooperativa, promover os seus cultivos, familiarizarse cos cartos, coas moedas e co cambio, e a través da actividade adquirirán conciencia do proceso de crecemento dos produtos do agro, do funcionamento dun negocio e do emprendemento, aprendendo paso por paso, así mesmo, como os froitos chegan aos andeis dos supermercados ou aos postos da feira. Coa recadación obtida na Pequefeira, serán os propios cativos e cativas quen decidan o que fan entre todos, ben investindo de novo no Horto, ben desenvolvendo algunha actividade educativa, etc. O obxectivo é conseguir que os nenos e nenas acaden unha maior autonomía infantil e aprendan a desenvolverse no marco dun negocio agrícola. Está prevista a participación dos CEIP Gándara-Sofán, Nétoma-Razo, Bergantiños e Xesús San Luís Romero, do Colexio Artai, do CRA Ponte da Pedra e tamén dos cativos e cativas do obradoiro "O cole de herba". Todos colocarán os seus postos na Praza do Concello, tal e como se fai nas feiras e mercados tradicionais, de 11.00 a 12.30 horas. Ademais de flores e produtos da horta, tamén poñerán á venda produtos fitosanitarios ecolóxicos elaborados por eles mesmos e ademais preparan sorpresas para os veciños e veciñas que se acheguen.

O Programa das Letras volve cos concertos de fin de curso dos Novos Intérpretes do Conservatorio Profesional de Música

CONTACONTOS, CINE E TEATRO NA BIBLIOTECA E NO PAZO DA CULTURA

O Programa das Letras volve cos concertos de fin de curso dos Novos Intérpretes do Conservatorio Profesional de Música

Martes 26 de maio do 2015

O mércores 27 de maio e o mércores 3 e xoves 4 de xuño teñen lugar os Concertos de Fin de Curso que ofrece o alumnado do Grao Profesional do Conservatorio Profesional de Música de Carballo e que se inclúe no ciclo de Novos Intérpretes que anualmente se celebran neste centro, e que xa tiveron lugar o 25 e 26 de marzo deste ano co alumnado de Grao Elemental como protagonista. Cerca de cen rapaces e rapazas, de primeiro a sexto de Grao Profesional, interpretarán obras de distintos compositores (clásicos e contemporáneos) que foron estudando ao longo do curso académico. As intervencións realizaranse ben como solistas, ben como pequenas formacións, con diferentes instrumentos como a gaita, a trompeta, a guitarra, o piano, a frauta, o violín, a percusión ou o violonchelo. Hai que salientar, no concerto do mércores 27, a participación do Coro de Grao Profesional dirixido por Gloria Pardines. Con estes concertos o profesorado do Conservatorio pretende mostrar o traballo que levan desenvolvendo estes pequenos grandes músicos ao longo de todo o ano e, por outra, intentar fomentar a música clásica entre todos aqueles que se acheguen a escoitar a estas novas promesas. O concerto do día 27 está previsto que teña lugar no auditorio do Pazo da Cultura a partir das 20.00 horas e a entrada é libre. Estas citas tamén están incluídas no Programa das Letras 2015 que a Concellaría de Cultura organiza con motivo do Día das Letras do 17 de maio.

As eleccións municipais do 24 de maio deixan unha corporación con 11 concelleiros do BNG, 5 do PP, 3 de TEGA e 2 do PSOE

A ABSTENCIÓN FOI DUN 37,5 POR CENTO

As eleccións municipais do 24 de maio deixan unha corporación con 11 concelleiros do BNG, 5 do PP, 3 de TEGA e 2 do PSOE

Luns 25 de maio do 2015

Os comicios municipais do 24 de maio saldáronse no Concello de Carballo cuns resultados que reparten os 21 concelleiros da corporación entre os grupos políticos do seguinte xeito: 11 para o BNG (maioría absoluta); 5 para o PP; 3 para TEGA; e 2 para o PSdeG-PSOE. Os outros dous grupos que concorreron ás eleccións, CxG-CCTT e SON, non acadaron representación no salón de plenos. Respecto do número de votos, o BNG acadou 7.512 cunha porcentaxe do 47,01 por cen; o PP, 3.747 cunha porcentaxe do 23,45 por cen; TEGA, 2.275 cunha porcentaxe do 14,24 por cen; PSdeG-PSOE, 1.676 cunha porcentaxe do 10,49 por cen; CxG-CCTT, 217 cunha porcentaxe do 1,36 por cen; e SON, 188 votos cunha porcentaxe do 1,18 por cen. Hai que mencionar que o nivel de abstención foi do 37,59 por cento, superior en sete puntos ao rexistrado en 2011, en que foi do 30,69 por cento. Naquel entón votaron 18.066 veciños e veciñas, mentres que en 2015 o fixeron 16.258 persoas. Así mesmo, a variación no reparto de concelleiros respecto de hai catro anos é a seguinte: o BNG subiu un, de 10 a 11; o PP baixou tres, de 8 a 5; TEGA subiu un, de 2 a 3; e o PSdeG-PSOE subiu un, de 1 a 2. Tamén hai que sinalar que se rexistraron 278 votos nulos (un 1,71 por cento do total) e 365 votos en blanco (2,28 por cento do total). Os interesados e interesadas poden consultar directamente os resultados no web do Ministerio del Interior clicando aquí. Tamén é posible descargar un pdf cos resultados por mesas e colexios electorais clicando aquí.

O Circuíto de Motor de Bértoa acolle o 30 de maio o 3º Autocross Carballo, proba puntuable para o Campionato Galego

INSCRICIÓNS ATÉ O MÉRCORES 27 DE MAIO

O Circuíto de Motor de Bértoa acolle o 30 de maio o 3º Autocross Carballo, proba puntuable para o Campionato Galego

Venres 22 de maio do 2015

Un ano máis a escudaría Máis Motor (+ motor) abre a tempada no Circuíto de Motor de Bértoa, neste caso co 3º Autocross Carballo, quinta proba puntuable para o Campionato Galego de Autocross. Está previsto que o sábado 30 de maio entre 70 e 80 pilotos tomen a saída nas distintas categorías: Kart-Cross, 4x4, -1.600cc e +1.600cc. Nestes momentos segue aberto o prazo de inscrición, até o mércores 27 de maio. Respecto dos horarios da cita, o sábado 30 ás 9.00, 9.15, 11.00 e 11.15 horas serán as verificacións administrativas e técnicas, mentres que ás 12.00 horas, e despois da comprobación da listaxe de pilotos, xa dan comezo os primeiros adestramentos. Xa pola tarde, a partir das 15.30 horas, disputaranse as semifinais, coas finais previstas a partir das 17.15 horas e a rolda de prensa cos vencedores da proba e a entrega de trofeos a partir das 19.30 horas. O presidente de Máis Motor, Juan Puga, quixo agradecer o apoio do Concello de Carballo e dos patrocinadores, que fan posible a celebración da proba, e animou ao público a que acuda ao circuíto, que este ano mellorou o firme cun novo material para a celebración das carreiras. O Autocross Carballo celébrase xusto no ecuador do Campionato Galego, no que os pilotos de Máis Motor están sendo os mellores ata o momento. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, subliñou a importancia desta cita que proba "o dinamismo das entidades de motor de Carballo". O Alcalde, Evencio Ferrero, tamén lle agredeceu a Máis Motor o seu compromiso co autocross e coa cita.

Carballo acolle a Fase Final provincial Alevín e Benxamín de Balonmán con presenza das Escolas Balonmán Xiria

SÁBADO 23 DE MAIO A PARTIR DAS 10.30H NO PAVILLÓN VILA DE NOIA

Carballo acolle a Fase Final provincial Alevín e Benxamín de Balonmán con presenza das Escolas Balonmán Xiria

Xoves 21 de maio do 2015

As Escolas Balonmán Xiria (EBX) organizan o sábado 23 de maio a Fase Final da Liga Alevín e Benxamín de Balonmán que se disputará no Pavillón Municipal Vila de Noia e na que participan un total de oito equipos en categoría alevín e outros tantos en benxamín (clasificados dende os grupos leste e oeste da liga regular). Máis de 200 xogadores, incluídos os dos catro equipos que participan por parte dos anfitrións, ocuparán o pavillón nunha xornada ininterrompida que está previsto que finalice arredor das 20.00 horas (momento para o que está programada a entrega de trofeos) e na que se disputarán un total de 48 partidos, 24 en cada categoría. Entre os equipos, os delegados, os adestradores e público asistente, está previsto que arredor de mil persoas celebren esta festa do balonmán das categorías de base en Carballo. Por parte do Balonmán Xiria está prevista a participación do Laber Xiria e o OAK English Centre Xiria en categoría benxamín, que competirán co Esc. Municipal Abegondo A e B, co AD Alca, coas Escolas OAR, co Arteixo Balonmán e co Balonmán Camariñas; e o LK Xiria e Ifecgas Pereira Xiria en alevín, que competirán co BM Culleredo Paxariñas, co BM Culleredo-Tarrío, co Arteixo Balonmán, coas Escolas OAR, co CBM Ribadosar e co AD Alca. As eliminatorias, segundo explica o delegado provincial da Federación Galega de Balonmán, Bruno López, disputaranse dende os cuartos de final, coa final en categoría Benxamín prevista para as 17.00 horas; e en Alevín para as 19.00 horas.

Volve o Trofeo ciclista Concello de Carballo, que reunirá a 200 deportistas de clubs chegados de Galicia e de Castela-León

SÁBADO 23 DE MAIO A PARTIR DAS 15.00 HORAS

Volve o Trofeo ciclista Concello de Carballo, que reunirá a 200 deportistas de clubs chegados de Galicia e de Castela-León

Xoves 21 de maio do 2015

O sábado 23 de maio celébrase o Trofeo Ciclista Concello de Carballo, unha proba que leva xa máis de 20 anos de andaina e que é unha das poucas probas en estrada de Galicia que inclúe ás mulleres, mantendo, ademais, as mesmas contías nos premios en categoría masculina e feminina. Ademais das femias, a carreira, organizada polo Club Ciclista Carballo-Placasa coa colaboración do Concello, inclúe as modalidades de promesas, infantís, alevíns, cadetes e júnior, con máis de 200 participantes de toda Galicia, e mesmo de Castela e León. Este ano, a cita conta, ademais, co apoio da Federación Galega de Ciclismo, que a inclúe na Copa Galicia co obxectivo de potenciar as probas de ciclismo en estrada. Polo demais, o trofeo conta co mesmo percorrido que en anos anteriores, con saída, meta e zona de quecemento na Gran Vía á altura do Mercado Municipal e co inicio da proba coa categoría de femias a partir das 15.00 horas. O remate das carreiras e a entrega de trofeos está prevista para as 20.00 horas, aproximadamente. Precisamente este ano, os trofeos foron elaborados por Aspaber (Asociación de nais e pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños) e a presidenta do Club Ciclista Carballo, Vanesa Loureiro, explicou que a entidade está "moi contenta co resultado", ademais de que así cumpren co obxectivo de "colaborar o máis posible coas entidades da zona". O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixo felicitar ao club por "seguir promovendo un deporte tan duro como o ciclismo"; e o Alcalde, Evencio Ferrero, transmitiulle os seus parabéns "polos bos resultados deste ano" nas probas nas que participaron.

O Descenso do Anllóns e o Concurso de Cachelas 2015 reparten arredor de 4.000 euros entre premios e subvencións

INSCRICIÓNS: ATÉ O 18 DE XUÑO NO MUSEO DE BERGANTIÑOS

O Descenso do Anllóns e o Concurso de Cachelas 2015 reparten arredor de 4.000 euros entre premios e subvencións

Mércores 20 de maio do 2015

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Festas que dirixe Belén Lendoiro, informa de que a Comisión do San Xoán volve a incluír no programa de 2015 dúas actividades lúdicas e de elevada participación veciñal que pretenden recuperar e fomentar citas tradicionais ou incorporar ás festas un elemento tan representativo de Carballo como é o río. Trátase do Concurso de Cachelas e do Descenso do Anllóns, que cumpren 28 e 18 anos, respectivamente, formando parte das Festas de San Xoán e para as que xa está aberto o prazo de inscrición. Este ano, aumenta a contía dos premios e subvencións, xa que se repartirán en total arredor de 4.000 euros. No caso do XXVIII Concurso de Cachelas, as normas recollen que as cachelas deberán estar situadas no casco urbano de Carballo ou zonas limítrofes e non poderán realizarse con materiais plásticos, botes de spray, pneumáticos, combustible, ou árbores autóctonas. Poderán concorrer todos os grupos que o desexen, que deberán inscribirse no Museo de Bergantiños (Rúa Martín Herrera, 981 702 077; horario de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas de martes a venres e sábados e domingos de feira de 12.00 a 14.00 horas) antes das 13.00 horas do xoves 18 de xuño de 2015. Así mesmo, está aberto o prazo para inscribirse no XVIII Descenso do Anllóns. Poderán concorrer os equipos compostos por tres ou máis membros que se inscriban no Museo de Bergantiños tamén antes das 13.00 horas do 18 de xuño.

Continúa o Programa das Letras con contacontos, música para bebés e teatro na Biblioteca, na Ludoteca e no Pazo da Cultura

CITAS: MÉRCORES 20, XOVES 21, SÁBADO 23 E DOMINGO 24 DE MAIO

Continúa o Programa das Letras con contacontos, música para bebés e teatro na Biblioteca, na Ludoteca e no Pazo da Cultura

Mércores 20 de maio do 2015

Continúa esta semana o Programa das Letras 2015 que organiza o Concello de Carballo con actividades para todos os gustos e públicos. Hoxe mércores 20 de maio na Biblioteca Rego da Balsa, terá lugar o contacontos "Aventuras na cociña", para nenos e nenas de 3 a 8 anos a cargo da compañía Trinke Trinke. Oa protagonistas desta aventura son uns ratiños moi afeccionados á lectura e que tamén coidan moito a súa alimentación. Que terán de especial estes animaliños que veñen do país de Lonxe de Todo? Pois poderán sábelo aqueles que se acheguen á nova Biblio a partir das 18.00 horas. O xoves 21 de maio é a quenda do músico, compositor e desta vez tamén contacontos, Pablo Díaz, autor de "Tic-Tac" ou "Toc-Toc", que visita Carballo para levar a cabo unha sesión de Cantacontos para bebés e familias. Díaz forma parte de varios grupos de música tradicional e folk (Donaire, Ruote, Entrecaixas, Tátara Trío) e ten colaborado tamén con Susana Seivane ou Pablo Seoane. Foi músico acompañante en contacontos da editorial Kalandraka. Esta actividade, que forma parte do proxecto Apego, está organizada polo Concello de Carballo e está prevista na Ludoteca Municipal ás 18.00 horas. A entrada será de balde con inscrición previa na Biblioteca Rego da Balsa, na propia Ludoteca, no enderezo electrónico ou no teléfono 981 758 580. O número máximo de asistentes é de 25 bebés de 0 a 3 anos acompañados/as por unha persoa adulta.

Compartir: