Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Aprobadas as bases e a convocatoria do Premio infantil Carballo mirando ao Mar nas categorías de literatura e vídeo

ADXUDICADO O SUBMINISTRO DE COMBUSTIBLE CUN DESCONTO DUN 5,5%

Aprobadas as bases e a convocatoria do Premio infantil Carballo mirando ao Mar nas categorías de literatura e vídeo

Luns 18 de maio do 2015

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar as bases e a convocatoria do Premio infantil Carballo mirando ao Mar nas modalidades de literatura e vídeo (neste último caso, o punto estaba fóra da orde do día). Entre as dúas categorías repartiranse mil euros en material cultural infantil en galego para os gañadores. O obxectivo deste certame é o de incentivar o coñecemento e a difusión dos espazos naturais da costa de Razo e Baldaio, poñer en valor os recursos costeiros do Concello de Carballo, concienciar sobre a importancia da conservación da contorna natural e vincular a posta en valor e a conservación da natureza e a paisaxe co amor polo propio e coa creatividade poética e visual. No caso do apartado de literatura, o certame está dirixido a nenos e nenas de Primaria do municipio e a extensión dos traballos será dun mínimo de 150 e un máximo de 250 palabras no caso de relatos, e dun mínimo de 10 e un máximo de 25 versos no caso dos poemas; no caso da modalidade de produción audiovisual, está dirixida a rapaces e rapazas de Secundaria e o vídeo deberá ter unha extensión de entre un e catro minutos. Nos dous casos, aínda que o xénero e temática son libres, nas obras debe ter presenza explícita o espazo natural de Razo-Baldaio; o prazo de presentación de traballos finaliza o 1 de xuño; e os premios distribúense da seguinte maneira, tamén nas dúas categorías: 1º premio, material cultural infantil por valor de 250€; 2º premio, material por valor de 150€; e 3º premio, material por 100€. As bases ao completo, proximamente no web municipal.

Carballo formaliza a súa incorporación ao Plan de Transporte Metropolitano da Coruña, coa entrada en servizo no mes de xullo

HABERÁ DESCONTOS NO BILLETE DE ATÉ O 50 POR CENTO

Carballo formaliza a súa incorporación ao Plan de Transporte Metropolitano da Coruña, coa entrada en servizo no mes de xullo

Luns 18 de maio do 2015

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de formalizar coa Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, o acordo de colaboración que permitirá que o municipio se incorpore ao Plan de Transporte Metropolitano da Coruña. Estivo acompañado na cita polos alcaldes de Curtis, Javier Francisco Caínzos e e Ordes, Manuel Regos Boquete, cuxos municipios tamén pasan a formar parte do plan. A cita tamén contou coa presenza da Delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, que explicou que despois das necesarias adecuacións técnicas, o próximo mes de xullo porase en marcha o servizo de transporte metropolitano nestes tres municipios, o que lles permitirá aos case 50.000 veciños destes concellos sumarse as vantaxes que ofrece o plan. A área da Coruña suma xa 17 concellos en total e preto de medio millón de habitantes beneficiados. As principais vantaxes do plan de Transporte Metropolitano de Galicia residen nos descontos entre o 30 e o 50 por cento nos desprazamentos interurbanos, transbordos gratuítos co transporte urbano, o 15 por cento de bonificacións no caso dos usuarios/as habituais, favorecendo máis aos cidadáns que máis usan o transporte, ou bonificacións do 20 ao 50 por cento para familias numerosas. No caso concreto da área da Coruña, destacan os descontos suplementarios anuais de ata 90 euros para os estudantes da Universidade da Coruña beneficiarios das súas axudas ao transporte. O Alcalde de Carballo amosou a súa satisfacción pola sinatura deste acordo que beneficiará aos veciños e veciñas nos seus desprazamentos.

Cápsula, Tokyo Sex Destruction, Terbutalina, Eskizos e Arabian Evils no cartel do Rockin', que abre a tempada de festivais

VENRES 26 DE XUÑO A PARTIR DAS 21.30 HORAS NO REGO DA BALSA

Cápsula, Tokyo Sex Destruction, Terbutalina, Eskizos e Arabian Evils no cartel do Rockin', que abre a tempada de festivais

Sábado 16 de maio do 2015

Xa está pechado o cartel do Rockin' 2015, cada ano unha das citas máis esperadas do programa das Festas de San Xoán e que xa se ten convertido no pistoletazo de saída para a tempada festivaleira da comarca. Este ano, o cartel está conformado por Cápsula (na imaxe), Tokyo Sex Destruction, Terbutalina, Los Eskizos e os carballeses Arabian Evils, con tres grupos galegos e coa presenza dunha formación local para cumprir coa arela do festival de servir tamén de apoio ás formacións da vila e da contorna. Para animar a noite nos descansos e no peche, o festival contará coas intervencións de DJ Antón. A excelente calidade das bandas serve para que o Rockin' estea marcado no almanaque como unha das citas de referencia dentro do panorama rockeiro. Falando xa dos grupos polo miúdo, Cápsula é unha banda que xorde da escena do rock underground en Bos Aires (Arxentina) en 1997 e está formada por Martín Guevara (quitarra e voz), Coni Duchess (baixo e voz) e Ricardo Camino (batería). Recoñecidos polos seus excitantes directos, xiraron polos principais escenarios de Europa, Sudamérica, México e Estados Unidos. Actualmente o grupo ten o seu punto de encontro en Bilbao. Teñen estado en festivais tan prestixiosos como o Sonorama, o Primavera Sound ou o Bilbao BBK Live, compartindo cartel con Pearl Jam en 2010. Definen o seu xénero como unha mestura entre rock'n'roll, psychodelic space e brutal fuzz sendo o seu último traballo "Dead or Alive".

Volve por segundo ano o Mercado Medieval da Milagrosa dobrando o número de postos: entre o 15 e o 17 de maio

HORARIO: DE 16.00 HORAS DO VENRES A ÚLTIMA HORA DO DOMINGO

Volve por segundo ano o Mercado Medieval da Milagrosa dobrando o número de postos: entre o 15 e o 17 de maio

Venres 15 de maio do 2015

Carballo volve a viaxar ao medievo por segundo ano consecutivo no barrio da Milagrosa. Nesta segunda edición a organización, valorando o éxito da primeira convocatoria, dobra o número de postos e intensifica as actividades. En total, serán arredor de setenta os stands que este ano transformarán o barrio nun escenario sacado doutras épocas. O Mercado Medieval terá lugar do venres 15 ao domingo 17 de maio, e ademais de mellorar a súa variedade, duplica a oferta de produtos como cunha aposta polas actividades de lecer paralelas. Haberá exhibición de cetrería -a arte de cazar con aves rapaces- cada dia ás 13.00 e ás 19.00 horas; espectáculos de maxia (ás 12.00, as 14.00, ás 17.30, 19.30 e ás 21.00 horas) e moito máis. Entre as propostas para esta feira medieval, obradoiros de artesanía, ludoteca, carrusel de burros e diversas atraccións infantís, como barco e tiovivo medieval. E tampouco podía faltar o polbo á feira. Nos postos das e dos mercadores medievais haberá dende produtos de alimentación (comida e tetería árabe, crepperia, embutidos, bolos preñaos, comidas de taberna, queixos do país ou franceses, xamón, etc.) até pratería, xoguetes de madeira, xabóns artesáns, flores, bolsos, carteiras, cristal de murano ou pedra semi preciosas. O Mercado Medieval, que está organizado pola Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Profesionais do barrio da Milagrosa, estará aberta dende o venres, ás catro da tarde, até a última hora do domingo. Á apertura asistirá o Alcalde, Evencio Ferrero.

"Carballo por etapas" volve con rascas e tapas a un euro e con novidades como un Showcooking ou o Pequechef

PARTICIPAN UN TOTAL DE 21 LOCAIS HOSTALEIROS

"Carballo por etapas" volve con rascas e tapas a un euro e con novidades como un Showcooking ou o Pequechef

Xoves 14 de maio do 2015

Un ano máis chega aos locais hostaleiros de Carballo a iniciativa "Carballo por etapas", organizada de novo polo Concello e a Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober). Os produtos de tempada da horta local, os sabores do mar, as mellores carnes, as conservas de máis alta gama e o recoñecido Pan de Carballo únense nunha cita gastronómica que pretende fomentar o turismo e o consumo de produtos autóctonos, dando a coñecer a variedade gastronómica e hostaleira de Carballo. Nesta terceira edición mantense o número de participantes con 21 locais cuxos restauradores elaborarán para a súa degustación durante dúas fins de semana tapas creativas, innovadoras, imaxinativas e saborosas ao prezo dun euro. Con cada tapa entregarase un rasca co que optar a algún dos máis de mil premios que están en xogo, e que van dende gorras, toallas e camisetas ata máis tapas ou botellas de viño. Será as fins de semana do 29, 30 e 31 de maio e do 5, 6 e 7 de xuño, con horarios de 12.00 a 14.00 e de 20.00 a 22.00 horas, agás o 29 de maio e o 5 de xuño en que é só de 20.00 a 22.00 horas. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo sinalar durante a presentación algunhas das novidades desta terceira edición, como un Showcooking o 31 de maio a partir das 11.30 horas na Praza do Concello cos recoñecidos chefs Gorka Rodríguez e Adrián Felípez. Cociñarán en directo para os veciños e veciñas e repartirán tapas ata fin de existencias. Outra delas é o Pequechef, un taller de iniciación á cociña para nenos de 3 a 10 anos, tamén o 31 na Praza do Concello, pero a partir das 17.30 horas.

Comezan os preparativos para o verán nas praias carballesas, primeiras da Costa da Morte con selos de calidade ISO e EMAS

LIMPEZA DIARIA DOS AREAIS A PARTIR DO 1 DE XUÑO

Comezan os preparativos para o verán nas praias carballesas, primeiras da Costa da Morte con selos de calidade ISO e EMAS

Xoves 14 de maio do 2015

As praias carballesas comezan a prepararse para a época do ano na que reciben máis visitas. Xa está en marcha o proceso de selección de socorristas -un total de 32- e a partir do 1 de xuño iniciarase o servizo de limpeza diaria dos areais. Ademais, dende hai ano e medio está en vigor unha ordenanza de praias que pretende ofrecerlle á poboación unha información precisa sobre a dinámica dos areais durante as diferentes épocas do ano e axudar así a facer compatible os diversos usos dos areais, dende a realización de probas deportivas até a seguridade das e dos bañistas e o goce das praias, coa súa preservación natural. Pero ademais, en Carballo as praias tamén teñen selo de calidade. Foron os primeiros areais da Costa da Morte en obter os prestixiosos certificados internacionais EMAS e ISO 14.001, os máis esixentes no que a xestión medioambiental se refire. Ambos os dous selos garanten a calidade dos areais de Razo, Baldaio-As Saíñas e Pedra do Sal. Verán tras verán, son varios os areais carballeses que contan tamén con Bandeira Azul, outorgado pola ADEAC, a Asociación de Educación Ambiental. Acaba de coñecerse hoxe que en 2015 Baldaio-As Saíñas e Pedra do Sal contarán con este distintivo. Mais os certificados EMAS e ISO supoñen un paso máis aló. Mentres a bandeira azul avalía, como foto fixa, a situación da praia nun momento determinado, os certificados EMAS e ISO implican un control continuado e a introdución de medidas correctoras. O EMAS, o Esquema Europeo de Ecoxestión e Ecoauditoría, é o de maior prestixio dos implantados en Europa.

Unha exposición amosará o traballo realizado pola Aula de Gravado, que vén de rematar a súa andaina con Alfonso Costa

O MÉRCORES 13 DE MAIO FOI A ENTREGA DE DIPLOMAS

Unha exposición amosará o traballo realizado pola Aula de Gravado, que vén de rematar a súa andaina con Alfonso Costa

Xoves 14 de maio do 2015

O mércores 13 de maio rematou a segunda edición da Aula de Gravado Municipal, que contou coa experiencia e as ensinanzas do recoñecido creador noiés Alfonso Costa. O artista expresou durante a clausura que tentou transmitirlle aos asistentes a maior parte dos seus coñecementos dende que botou a andar a iniciativa a primeiros do mes de abril, e tamén admitiu que aprendeu cousas dos seus alumnos e alumnas, a maioría recoñecidos artistas de Carballo e a contorna. Un total de quince persoas asistiron de forma cotiá para aprender as ensinanzas de Costa e teñen realizado un centenar de traballos que, despois dunha selección, formarán parte dunha mostra no Pazo da Cultura que está previsto que se inaugure a finais do mes de xuño. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, foi o encargado de entregar os diplomas acompañado da Concelleira de Cultura, Mar Eirís. O monotipo e o augaforte sobre madeira e metacrilato son só algunhas das técnicas coas que o alumnado experimentou durante varias semanas coa axuda de Alfonso Costa, unha persoa con moita experiencia á hora de ensinar as claves da arte do tórculo e cunha longa traxectoria artística. Costa ten desenvolvido o seu traballo tanto en España como en Italia, Francia ou Alemaña, participando en importantes exposicións, feiras e certames cos seus deseños. A súa capacidade de traballo e imaxinación semella inesgotable: colabora con publicacións, deseña carteis e trofeos, participa en mostras, pinta murais e tamén ensina, nunha intensa carreira da que o artista con humildade di: "Eu cada día nazo á arte".

Carballo presenta o Depor Campus 2015, un campamento infantil para mellorar as habilidades futbolísticas e deportivas

ENTRE O 13 E O 17 DE XULLO NAS EIROAS

Carballo presenta o Depor Campus 2015, un campamento infantil para mellorar as habilidades futbolísticas e deportivas

Mércores 13 de maio do 2015

O Real Club Deportivo da Coruña, as Escolas Luís Calvo Sanz, o Bergantiños FC e o Concello de Carballo organizan por segundo ano consecutivo o Depor Campus Carballo, un campamento deportivo dirixido a nenos e nenas de 6 a 15 anos que terá lugar entre o 13 e o 17 de xullo de 2015. Para apoiar a iniciativa estivo en Carballo Toché, xogador do Deportivo, que pronto se viu rodeado dos nenos e nenas que estaban adestrando nas Eiroas e que estivo pendente de todos eles, asinando autógrafos e sempre cun sorriso na boca. Converteuse no principal protagonista da presentación dunha iniciativa que será impartida por técnicos e expertos do Deportivo. As actividades do campus terán lugar polas mañás (de 10.00 a 14.00 horas) no complexo deportivo de As Eiroas e os obxectivos da cita son mellorar as habilidades futbolísticas e deportivas dos asistentes, con especial atención á aprendizaxe dos conceptos do xogo individual e das habilidades do xogo do porteiro; e aos valores que representa o Depor: respecto, solidariedade, amizade, xogo limpo, integración, esforzo e felicidade na práctica deportiva. Os asistentes poderán aprender co Método Depor, baseado na mellora do xogador mediante a formulación de desafíos técnicos, xogos de relación co balón, situacións básicas, xogos posicionais e partidos nos que aplicar as ensinanzas. Para obter máis información ou formalizar a inscrición, hai que acudir á sede do Real Club Deportivo (Praza de Pontevedra, 19, 1º) na Coruña; escribir ao enderezo electrónico ou consultar no web . Máis fotos do acto, aquí.

Fernando Romay volve a Carballo como padriño do terceiro Día do Pequebasket: o domingo 17 de maio, Día das Letras

SERÁN 48 EQUIPOS E MÁIS DE 500 NENOS E NENAS NA ZONA BERGANTIÑOS

Fernando Romay volve a Carballo como padriño do terceiro Día do Pequebasket: o domingo 17 de maio, Día das Letras

Martes 12 de maio do 2015

O padriño do Día do Pequebasket repetirá a súa presenza na cita esta terceira edición. Fernando Romay, que tan boa impresión levou o ano pasado do seu paso por Carballo e que tan bo recordo deixou entre todos, grandes e pequenos, volverá a estar na vila o Día das Letras para celebrar un encontro lúdico e deportivo que xa é un referente máis alá de Galicia. A presenza de Fernando Romay, un dos grandes xogadores da historia do baloncesto español, confirma a proxección que ten a actividade organizada pola Escola Basket Xiria e supón un novo pulo para o club. Arbitraxes, recepción de visitantes, reparto dos 600 bocadillos que se prepararán ese día, son só algún dos labores coordinados pola organización. A Escola Basket Xiria e o Concello queren agradecer o traballo desinteresado das 100 persoas, na súa maioría xogadores e nais/pais, que constitúen o voluntariado do club e que poñen todo da súa parte para que todo saia ben. No 3º Día do Pequebasket participarán finalmente 48 equipos pertencentes a 26 clubs, o que supón que a xornada reunirá en Carballo a 502 nenos e nenas de 5 a 8 anos de idade. Ademais de facer deporte, os participantes poderán xogar nas atraccións inchables, descubrir xogos tradicionais, circular en karts adaptados ás súas idades e gozar coa actuación de Os Quinquilláns, que animará a hora da comida cun espectáculo moi participativo. Os interesados e interesadas poden seguir as novas relacionadas coa cita, descargar o cartel e os horarios previstos, así como o díptico coa relación de establecementos de hostalería colaboradores, en .

A Bolsa de Traballo de Carballo xestiona dez contratacións para a rehabilitación de espazos públicos do Concello

SERÁN DEZ CONTRATOS DE SETE MESES PARA A BRIGADA DE OBRAS

A Bolsa de Traballo de Carballo xestiona dez contratacións para a rehabilitación de espazos públicos do Concello

Luns 11 de maio do 2015

A Bolsa de Traballo (BDT) Municipal participa na selección para a contratación do novo persoal que traballará no Concello de Carballo na rehabilitación de contornas municipais e na restauración de espazos públicos mediante o programa de contratación de perceptores de Risga(Renda de Inclusión Social de Galicia) da Xunta de Galicia. Este programa regúlase mediante a Orde do 31 de decembro de 2014, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas ás entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social. Nesta ocasión, e tendo en conta as obras e proxectos a desenvolver por parte do Concello, a Bolsa de Traballo, no seu labor de intermediación laboral proporciona os curriculum vitae máis adecuados e axeitados a cada posto de traballo, en función da súa experiencia laboral e profesional, dos empregos demandados, ou doutras variables tales como a dispoñibilidade tanto de horarios como xeográfica. Os/as dez demandantes de emprego participantes neste proxecto son residentes e están empadroados en Carballo e contarán cun contrato, formalizado o pasado venres día 8 de maio, cunha duración de sete meses. Durante este período desempeñarán tarefas como peóns na Brigadas de Obras e Medio ambiente para a mellora de varias contornas municipais e de espazos públicos. Tamén hai que mencionar que nestes momentos a BDT conta cunha oferta de traballo para cociñeiros/as para Malpica de Bergantiños e Laxe. Imprescindible experiencia laboral. Xornada completa. Interesados e interesadas contactar no Fórum ou no 981 709 011.

Compartir: