Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
bROTHERS iN bAND renderá tributo aos Dire Straits no San Xoán de Carballo cun impresionante espectáculo homenaxe

NA PRAZA DO CONCELLO O SÁBADO 27 DE XUÑO

bROTHERS iN bAND renderá tributo aos Dire Straits no San Xoán de Carballo cun impresionante espectáculo homenaxe

Luns 11 de maio do 2015

Se Auryn ten unha lexión de seguidores entre o público adolescente, bROTHERS iN bAND arrastra a milleiros de persoas de todas as idades. O seu tributo aos Dire Straits é un espectáculo impresionante dunha calidade musical e visual extraordinarias co que están arrasando por toda España. E o sábado 27 de xuño estarán na Praza do Concello de Carballo, cun concerto de máis de dúas horas de duración para bailar e cantar. Contan que Guy Fletcher, teclista de Dire Straits, quedou asombrado cando escoitou aos bROTHERS iN bAND interpretando os temas da banda, e que o propio Mark Knopfler asinou varias das guitarras que tocan os Dire galegos nos seus concertos. A banda impulsada por Óscar Rosende, cantante e guitarrista, naceu no ano 2008 co único obxectivo de render homenaxe ao son de Dire Straits. Hoxe é unha banda tributo de referencia nacional e mesmo internacional. Coa actuación de bROTHERS iN bAND segue a configurarse a oferta musical das festas de San Xoán, unha oferta na que terán cabida todos os estilos e todas as idades. Os máis novos gozarán cos ídolos dos adolescentes de todo o Estado, Auryn, que tocarán na Praza do Concello o día 25. O sábado tocaralles bailar e cantar a unhas xeracións un pouco máis adultas lembrando os éxitos de Dire Straits. E os máis rockeiros terán o venres o seu Rockin’, cun programa que xa está practicamente pechado e que se dará a coñecer en breve. Xunto a todo isto, algunhas das mellores orquestras do panorama español desfilarán pola Praza do Concello na semana grande de Carballo.

Xa son 80 os locais de hostalería do municipio que contan con cubos individuais adaptados para a recollida de vidro

TÉÑENSE INSTALADO UN TOTAL DE 28 COLECTORES HORECA

Xa son 80 os locais de hostalería do municipio que contan con cubos individuais adaptados para a recollida de vidro

Venres 8 de maio do 2015

O Concello de Carballo a través de Carballo Limpo e coa colaboración de Ecovidro e dos hostaleiros da vila vén de rematar a posta en marcha da segunda fase do proxecto Horeca, por medio do cal xa son 80 os locais de hostalería que contan cun cubo individual tipo VACRI (Volteo para a Asistencia de Colectores Rodantes Individuais) para a recollida do vidro. Ademais dos cubos entregados aos hostaleiros, tamén se veñen de colocar 17 novos colectores especiais que serven para que os establecementos se acheguen ao cubo por medio dun dispositivo especial situado nos colectores que fai que o baleirado de vidro se realice dun xeito sinxelo e dunha sola vez. Así mesmo, agora son 28 os colectores Horeca instalados no Concello, que contribúen a que que Carballo sexa o concello de Galicia que máis quilos de vidro por habitante recicla, cunha media de 17 quilos por habitante, un índice que supera amplamente a media galega, situada en 14 quilos por habitante. Dentro deste mesmo proxecto serán tamén 17 os novos colectores de vidro que se instalarán no rural dentro do progresivo proceso de achegamento da reciclaxe a todo o termo municipal. Hai que lembrar que os colectores de vidro situados nas rúas serven para recoller unicamente os envases: botellas, tarros e frascos que se consomen no sector e nos fogares. Desde Carballo Limpo agradécese de antemán a colaboración da cidadanía chamando ao 981 75 49 17, na páxina web <www.carballolimpo.com> ou en Twitter @CarballoLimpo.

Carballo acolle a final da liga regular intercomarcal benxamín de voleibol, coas nenas do Volei Xiria como anfitrioas

SÁBADO 9 DE MAIO ÁS 16.15 HORAS NO PAVILLÓN CARBALLO CALERO

Carballo acolle a final da liga regular intercomarcal benxamín de voleibol, coas nenas do Volei Xiria como anfitrioas

Venres 8 de maio do 2015

O Pavillón Carballo Calero acolle o sábado 9 de maio o Campionato de Volei en categoría benxamín coas nenas do Volei Xiria como anfitrioas da cita. Trátase da final da liga regular intercomarcal que as cativas levan disputando todo o ano na Coruña e que, segundo explica Rosalino Mariño, responsable deportivo do Xiria, se celebra en Carballo "grazas ao apoio do Concello". Disputaranse un total de 16 partidos a partir das 16.15 e ata as 19.00 horas, e no campionato participan, ademais do AD Xiria Hierros Varela Urbieta, o Colexio Liceo A e B, as Calasancias Coruña A, B, C e D, a CDC Santa María del Mar, o Narón Volea, As Mariñas Oleiros e os Franciscanos Coruña. Mariño, que estivo acompañado na presentación da cita por Beatriz Souto, xogadora e adestradora de categorías de base no Volei Xiria, polo Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo resaltar a importancia desta cita para o club, xa que na categoría benxamín "é onde realmente se fan as xogadoras". Aínda que as nenas do Xiria non teñen opción de clasificarse para a fase provincial, xa que son as máis novas de toda a categoría, ao longo do ano acadaron dúas vitorias e esperan que o "factor campo" axude o sábado a obter algún bo resultado. De todas formas, e co obxectivo de inculcar dende idades temperás a práctica deportiva, todos os participantes na cita levarán unha medalla como recompensa polo seu esforzo. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixo subliñar o "mérito" do Volei Xiria no seu traballo para fomentar esta disciplina "nestas idades nun deporte tan bonito, pero tamén moi técnico".

Os atletas Carlos Adán e Esther Pedrosa, padriños da Carreira 10K Carballo que xa é un referente no mundo do atletismo

AS INSCRICIÓNS ESTÁN ABERTAS ATÉ O 15 DE XUÑO

Os atletas Carlos Adán e Esther Pedrosa, padriños da Carreira 10K Carballo que xa é un referente no mundo do atletismo

Mércores 6 de maio do 2015

O Concello xa está quecendo motores para a celebración da Carreira 10K Carballo, una cita que, en verbas do presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, xa é un referente porque "ten cada vez máis participación", medrando ano a ano e contando "cada vez con máis prestixio". Desta volta chega á súa quinta edición e o celebra con padriños de excepción, os atletas Carlos Adán -olímpico en Barcelona 92 e récord galego de 5.000 metros, entre outros logros- e Esther Pedrosa -campioa de España de gran fondo e posuidora de 19 campionatos galegos- que xa teñen confirmado a súa participación na carreira, que terá lugar o domingo 21 de xuño. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixeron agradecer o seu compromiso cunha cita que este ano conta con algunhas novidades. A primeira e máis importante a variación do circuíto para que sexa máis rápido e que está en proceso de ser homologado pola Federación; e tamén por primeira vez ábrese a carreira ás categorías pitufo e biberón, polo que os participantes máis pequenos serán os nacidos no ano 2012. Os interesados e interesadas en participar xa poden anotarse a través do web até o 15 de xuño. Tamén pode obterse máis información sobre a proba nas oficinas Carballo Deporte situadas na Rúa Corcubión s/n e no teléfono 981 702 109.

A Semana do Libro e a Lectura volve a Carballo para seguir inculcando nos máis cativos e cativas o goce de ler e imaxinar

ENTRE O 11 E O 15 DE MAIO NO PAZO DA CULTURA

A Semana do Libro e a Lectura volve a Carballo para seguir inculcando nos máis cativos e cativas o goce de ler e imaxinar

Mércores 6 de maio do 2015

Dez anos leva xa a Semana do Libro e a Lectura sendo un punto de encontro fundamental entre os cativos e cativas do municipio e o goce de ler e imaxinar historias. A cita, organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e o Concello de Carballo, conta un ano máis co patrocinio da Fundación Luís Calvo Sanz e espérase que arredor de 2.200 nenos e nenas participen nas actividades que terán lugar no Pazo da Cultura entre o luns 11 e o venres 15 de maio. Como xa é habitual, a Semana do Libro e a Lectura conta cun lema, neste caso "Da ciencia á ficción", que inspirou ao alumnado dos centros de ensino de Carballo para elaborar unha serie de divertidos materiais que conforman unha das mostras máis visitadas da cita, que inclúe tamén unha exposición de libros da Editorial Kalandraka e doutra elaborada con libros cedidos por distintas editoriais. Como cada edición, o peche é un dos momentos máis especiais da semana. Este ano, terá como protagonistas aos centros CRA Ponte da Pedra, con "O coro das emocións", e ao CEIP Bergantiños, con alumnado de 5º de Primaria presentando varios experimentos científicos. Ademais, e dada a temática do programa, o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) ofrecerá unha entretida sesión na que introducir aos cativos e cativas no mundo da ciencia titulada "Que traballo tan curioso!". Todo, en verbas da Concelleira de Cultura, Mar Eirís, coa finalidade de "espertar nas persoas a necesidade de ler e, sobre todo, o fomento da lectura nos fogares".

Novos cursos da OPE sobre Comercio e Banca, Aplicacións gratuítas para promocionar a empresa e correo electrónico

TRES CITAS QUE TERÁN LUGAR EN MAIO E A PRIMEIROS DE XUÑO

Novos cursos da OPE sobre Comercio e Banca, Aplicacións gratuítas para promocionar a empresa e correo electrónico

Martes 5 de maio do 2015

A Concellería de Promoción Económica que dirixe Xosé Regueira informa de que en próximas datas, durante o presente mes de maio e a primeiros de xuño, terán lugar no Fórum Carballo ata tres accións formativas no marco da Oficina de Promoción Económica (OPE). Todas están destinadas a emprendedores, negocios e empresas. O primeiro marcado no almanaque é un Curso de "Comercio e Banca" que terá lugar os días 9, 16, 23 e 30 de maio. O obxectivo da acción formativa é o de mellorar a rendibilidade mediante actualización de coñecementos en materia financeira e dar a coñecer ferramentas para a mellora xeral do negocio. Neste caso, o encargado de impartir o curso será Xoel Ben, licenciado en Ciencias Políticas e da Administración e Máster en Banca e Actividades Financeiras. O segundo curso terá lugar os días 13 e 14 de maio e titúlase "Aplicacións gratuítas para promocionar a empresa en Internet". O seu obxectivo é o de dar a coñecer as aplicacións gratuítas que poden facer "a vida máis sinxela" para traballar os contidos da empresa en Internet. Por último, está dispoñible o Curso "O correo electrónico" que terá lugar os días 8, 9 e 10 de xuño. O obxectivo da cita é o de aprender a contar cun servizo profesional de correo electrónico e usalo para promocionar as empresas e negocios. Hai que lembrar que todas as citas son de balde, co único requisito de formalizar unha inscrición previa. Para participar ou obter máis información hai que inscribirse na Oficina de Promoción Económica (OPE) chamando ao teléfono 981 709 013 ou enviando un correo electrónico cos datos persoais ao enderezo <paulalema@carballo.org>.

A Aula de Teatro Municipal presenta o espectáculo

VENRES 8 E SÁBADO 9 DE MAIO ÁS 21.00 HORAS NO PAZO DA CULTURA

A Aula de Teatro Municipal presenta o espectáculo "Sombras na noite", baseado nun texto de Woody Allen

Martes 5 de maio do 2015

A Aula de Teatro Municipal de Carballo (ATM) estrea un ano máis un novo espectáculo, o séptimo dende que comezou a súa andaina. Trátase de "Sombras na noite", obra baseada nun texto de Woody Allen e dirixida por Artur Trillo, director, actor e fundador da compañía Talía Teatro. A ATM fundouse no ano 2009 como unha iniciativa do Concello de Carballo na que participan actores e actrices afeccionados ao teatro e desde entón ten estreado, sempre baixo a dirección de Artur Trillo, "A ruleta rusa", "Amores", "Médico a paus", "A herdanza", "Pequeno retablo de verdades e mentiras" e "Lisístrata", con montaxes que van dende clásicos como Molière, Chéjov, Cervantes ou Aristófanes, ata propostas máis actuais de autores variados contemporáneos. Agora atrévense con esta comedia baseada no humor absurdo e delirante de Woody Allen e na que tamén hai algunha dose de suspense e moitas sorpresas. O público enfrontarase a unha historia trepidante e un pouco tola ambientada nas rúas de Nova York. Desta volta, os intérpretes que dan vida aos personaxes son Carmen Cotelo, Cristina Iglesias, Isabel Calvete, Rebeca Blanco, Olga Amigo, Beatriz Cortizas, Anxos Verdes, Rebeca Ferro, Ana Porteiro, María Boado, Paca Pacheco, Celsa Losada, María Freire, María Veira, Marcos Casas, Oier Once, Javier Varela, Jose Menéndez e Javier Fraga. A estrea está prevista para o venres 8 de maio ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura, e haberá unha nova representación o sábado 9 de maio, á mesma hora e no mesmo lugar. A cita é de balde e todas aquelas persoas que desexen asistir, poden reservar as súas entradas en horario de 11.00 a 14.00 horas no 1º andar do Pazo da Cultura ou chamando ao teléfono 981 704 300. O número límite de entradas que se poden reservar é de catro por persoa.

A rede "Paraúgate!" conta xa con 77 empresas inscritas e ten repartido 400 paraugas en negocios e edificios públicos

AS SOLICITUDES PODEN TRAMITARSE NO MAIL <MUSEO@CARBALLO.ORG>

A rede "Paraúgate!" conta xa con 77 empresas inscritas e ten repartido 400 paraugas en negocios e edificios públicos

Luns 4 de maio do 2015

Preto de 400 paraugas colectivos circulan xa polas rúas de Carballo nestes días de choivas primaverais a través da iniciativa "Paraúgate!". Esta rede, unha iniciativa pioneira en Galicia, conta xa cun total de 77 empresas adheridas, cando aínda non se cumpriu o primeiro mes da posta en marcha da campaña. Os empresarios e empresarias dos sectores do comercio e da hostalería están a demandar masivamente os paraugas verdes cos que a Oficina de Promoción Económica (OPE) pretende fomentar o dinamismo comercial e a mobilidade peonil. A experiencia, concibida inicialmente para o casco urbano, está a chegar tamén a outros puntos no municipio, sobre todo da zona costeira. Á parte das 77 empresas adheridas, a rede "Paraúgate!" esténdese tamén aos centros de ensino e edificios municipais. O funcionamento, semellante ao do bookcrossing, é moi sinxelo: consiste en que os veciños e veciñas poidan coller un paraugas en calquera dos establecementos participantes cando o precisen e deixalo de novo no paraugueiro cando remate para que poida usalo outra persoa. As empresas interesadas en sumarse á iniciativa poden facer a solicitude correspondente a través do correo electrónico <museo@carballo.org> ou do número de teléfono 981 709 013. A Oficina de Promoción Económica facilita os paraugas e a cartelería propia da iniciativa. Os interesados e interesadas en obter máis información sobre "Paraúgate!", poden facelo clicando aquí.

Arredor de 500 nenos e nenas e 48 equipos participan no terceiro Día do Pequebasket, a gran festa do baloncesto

O 17 DE MAIO NO PAVILLÓN CARBALLO CALERO E A SÚA CONTORNA

Arredor de 500 nenos e nenas e 48 equipos participan no terceiro Día do Pequebasket, a gran festa do baloncesto

Luns 4 de maio do 2015

O Día do Pequebasket pechou a semana pasada o prazo de inscrición cubrindo todas as expectativas cun total de 48 equipos apuntados e coa organización desbordada pola demanda, xa que moitos clubs tiveron que quedar fóra. Arredor de 500 nenos e nenas de entre 5 e 8 anos ocuparán a Zona deportiva Bergantiños o 17 de maio, Día das Letras, nesta cita que o Presidente da Escola Basket Xiria, Diego Vázquez Reino, definiu na súa presentación como "unha festa do baloncesto" na que, desta volta, ademais de equipos galegos, tamén haberá representación asturiana. Vázquez quixo subliñar que a iniciativa "é pioneira a nivel nacional e un apoio desde a base" para o baloncesto. Francisco Martín Micó, Presidente da Federación Galega de Baloncesto, tamén quixo salientar que o Pequebasket é a "primeira e única cita deste tipo que hai en España" e quixo agradecer a colaboración das nais e pais dos cativos na organización da iniciativa e no seu compromiso co baloncesto. No acto tamén estivo a Vicepresidenta da Deputación da Coruña, Mariel Padín Fernández, que reiterou o apoio do organismo provincial "en todo o que sexa fomentar o deporte, nomeadamente o deporte base". Pechou a presentación do Pequebasket o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que transmitiu os parabéns do Concello "á familia do Basket Xiria" por esta cita que axuda a transmitir os "valores deportivos", con especial importancia en idades temperás, como "o sacrificio e o goce do deporte".

Compartir: