Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Aberto a partir do martes 5 de maio o prazo de inscrición para participar na V Carreira popular 10k Concello de Carballo

A CITA TERÁ LUGAR O DOMINGO 21 DE XUÑO

Aberto a partir do martes 5 de maio o prazo de inscrición para participar na V Carreira popular 10k Concello de Carballo

Luns 4 de maio do 2015

O Concello de Carballo informa de que está aberto a partir do martes 5 de maio o prazo de inscrición para participar na V Carreira Popular 10k Concello de Carballo, que está previsto que teña lugar o domingo 21 de xuño. A competición, organizada polo Concello a través de Carballo Deporte e incluída no Circuíto Provincial de Carreiras Populares da Deputación da Coruña, transcorrerá por un circuíto totalmente urbano que está homologado pola Federación de Atletismo. Este ano a 10k Carballo terá moitas novidades, que abranguen dende o cambio de denominación e da imaxe, pasando a ser a 10k, ata a ampliación das categorías. Por primeira vez ábrese a carreira a pitufos e biberóns, polo que os participantes máis pequenos serán os nacidos no ano 2012. Os primeiros sairán ás 10.00 horas, e os últimos, que serán, precisamente, os biberóns, ás 12.50. Todos os corredores estarán controlados por chip. O prazo de inscrición estará aberto até o 15 de xuño a través de e na ligazón correspondente que estará habilitada a partir do 5 de maio no web municipal. As persoas que precisen máis información sobre a proba e/ou asesoramento para a inscrición presencial poden dirixirse ás Oficinas Carballo Deporte, situadas na rúa Vila de Corcubión (teléfono, 981 702 109). Os interesados e interesadas tamén poden descargar máis abaixo nesta mesma nova o cadro de categorías e distancias e o cartel anunciador da cita en pdf.

O Concello renova a tarxeta Carballo PortaAberta, a disposición dos usuarios das instalacións deportivas e agora tamén das bibliotecas

A TARXETA UTILÍZASE DENDE HAI MÁIS DE DEZ ANOS

O Concello renova a tarxeta Carballo PortaAberta, a disposición dos usuarios das instalacións deportivas e agora tamén das bibliotecas

Luns 4 de maio do 2015

O Concello informa de que vén de poñer en marcha a nova tarxeta Carballo PortaAberta, que cambia non só en canto ao deseño, senón tamén no que se refire á súa aplicación. Así, a tarxeta, que até o de agora era utilizada exclusivamente nas instalacións deportivas, tamén serve agora para as bibliotecas municipais. Deste xeito, os usuarios e usuarias das piscinas ou salas fitness só teñen que facilitar os seus datos a primeira vez que aluguen un libro e a partir dese momento xa estarán dados de alta no servizo da biblioteca. Ademais, as persoas que non sexan usuarias das instalacións deportivas teñen a posibilidade de facer a súa tarxeta nas oficinas de Carballo Deporte, situadas na rúa Vila de Corcubión. Cada titular pode escoller se quere ser usuario só da biblioteca, só das instalacións deportivas ou dos dous servizos sen ningún problema. A tarxeta Carballo Porta Aberta comezou a utilizarse no ano 2004, grazas a un convenio firmado entre o Concello de Carballo e Caixa Galicia, co obxectivo de axilizar o acceso ás instalacións deportivas, o que se consegue mediante un mecanismo que funciona por aproximación. Ademais, este sistema de control de accesos permite saber cantas persoas usan o servizo, que días e a que horas, o que resulta moi útil á hora de organizar o funcionamento das instalacións. Os novos abonados das piscinas, as salas fitness e as bibliotecas xa están a recibir a nova tarxeta, cuxo deseño está inspirado na colorida fachada da piscina Vila de Noia da capital municipal. Na imaxe podemos ver ás nadadoras carballesas Clarisa Alonso e Valeria Gómez coa nova tarxeta diante das oficinas Carballo Deporte.

O Concurso fotopoético "Carballo, mirando ao mar" premia con 5.000 euros os mellores textos e imaxes sobre Razo e Baldaio

PRESENTACIÓN DE TRABALLOS ATÉ O 25 DE MAIO

O Concurso fotopoético "Carballo, mirando ao mar" premia con 5.000 euros os mellores textos e imaxes sobre Razo e Baldaio

Xoves 30 de abril do 2015

Xa está aberto o prazo dende hoxe xoves 30 de abril e até o luns 25 de maio para participar no Premio Fotopoético "Carballo mirando ao mar", incluído no proxecto do Grupo de Acción Costeira GAC3-Costa da Morte. O concurso repartirá 5.000 euros en premios en catro modalidades creativas nas que se deben presentar propostas inéditas sobre a contorna natural de Razo e Baldaio e que están galardoadas con 1.250 euros cada unha: fotografía, textos poéticos, fotopoema e videopoema. O Concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira, explica que os obxectivos da iniciativa son, ademais de incentivar o coñecemento e a difusión dos espazos naturais da costa carballesa, así como poñer en valor os recursos costeiros de Carballo e concienciar sobre a importancia da conservación da contorna natural, os de "aumentar o banco de imaxes" do Concello sobre Razo e Baldaio, "darlle unha oportunidade á creación literaria" e "publicar un libro ao final" cunha escolma dos mellores traballos presentados. Regueira subliña que se trata dun "certame moi digno, con premios moi apetecibles" dirixido a "persoas que teñen algo que dicir no campo da literatura e da imaxe". O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, tamén resaltou que, aínda que pareza mentira dada a excelencia da contorna natural de Razo e Baldaio, "hai moita xente que pensa que Carballo non ten mar". Para Ferrero, "aínda que esa barreira estase rompendo", espera que iniciativas como este premio "sirvan de reclamo para que outras olladas redebuxen o espazo de Razo-Baldaio" e que a contía dos premios "incentive a participación".

Aberto o prazo para anotarse nun curso de "Comercio e Banca" que terá lugar no Fórum Carballo entre o 9 e o 30 de maio

MÁIS INFORMACIÓN NO FÓRUM CARBALLO E NO 981 709 013

Aberto o prazo para anotarse nun curso de "Comercio e Banca" que terá lugar no Fórum Carballo entre o 9 e o 30 de maio

Martes 28 de abril do 2015

A Concellería de Promoción Económica que dirixe Xosé Regueira informa de que o próximo mes de maio terá lugar no Fórum Carballo un curso de "Comercio e Banca". Durante catro sesións os sábados de 16.00 a 20.00 horas entre o 9 e o 30 de maio, tratarase de que os asistentes actualicen os seus coñecementos en materia financeira para mellorar a relación coa súa entidade bancaria e dar a coñecer posibilidades de marketing e diferentes ferramentas para a mellora xeral do seu negocio. Os obxectivos desta acción formativa son contribuír a mellorar a sustentabilidade e rendibilidade do comercio local mediante a actualización dos coñecementos en materia financeira; fornecer aos propietarios e responsables de comercios locais de ferramentas para mellorar a relación coa súa entidade bancaria; actualizar coñecementos sobre finanzas e diferentes posibilidades de marketing; ou dar a coñecer diferentes ferramentas de doada dispoñibilidade para a mellora xeral do negocio dentro do concepto de proximidade en Carballo. O encargado de impartir o curso será Xoel Ben. Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración e Máster en Banca e Actividades Financeiras, Xoel Ben é profesional do sector financeiro, ocupando postos de responsabilidade na xestión de sucursais bancarias en Galicia, e especializándose na atención aos negocios de proximidade. Para participar hai que inscribirse na Oficina de Promoción Económica (OPE) chamando ao teléfono 981 709 013 ou enviando un correo electrónico cos datos persoais a <paulalema@carballo.org>. Máis abaixo, o díptico informativo en pdf.

Luz verde no último pleno do mandato para mellorar zonas de aparcamento e dotar dunha nova caldeira a Piscina Carballo Calero

A SESIÓN PECHOUSE COA COMPARECENCIA DE INÉS RODRÍGUEZ

Luz verde no último pleno do mandato para mellorar zonas de aparcamento e dotar dunha nova caldeira a Piscina Carballo Calero

Martes 28 de abril do 2015

A corporación carballesa despediuse o luns 27 de abril no último pleno do mandato, no que saíron adiante todos os puntos da orde do día e que pechou coa comparecencia da concelleira do BNG Inés Rodríguez. Despois de pouco máis de dúas horas de debate, saíu adiante co voto a favor de todos os grupos excepto TEGA un suplemento de crédito para acondicionar zonas de estacionamento gratuítas na capital municipal. Así, incorporaranse 189.934,35 euros do remanente de tesourería co obxectivo de mellorar as zonas de aparcamento situadas na contorna do Parque de Rego da Balsa e do Pazo da Cultura, así como na Horta do Casino. A actuación consistirá na mellora da pavimentación con aglomerado asfáltico, no pintado das prazas de estacionamento e na colocación de algún tipo de vexetación. Dentro deste suplemento de crédito tamén se incorpora o Plan de Aforro e Investimentos (PAI) da Deputación da Coruña, que supón para Carballo unha achega de 510.509,12 euros que se deben incorporar ao orzamento como un préstamo a xuro 0. Desta cantidade, 466.605,34 euros destinaranse á reurbanización da contorna do IES Alfredo Brañas, do complexo deportivo Vila de Noia e do CEIP Fogar no barrio do Chorís. A actuación consistirá no reacondicionamento das beirarrúas e na actualización dos servizos. Regularanse os aparcadoiros, coa súa redistribución, xa que pasarán a estar en batería, e plantaranse un total de 34 árbores. Ademais, acondicionarase unha pista perimetral de 1,5 metros de ancho arredor de toda a mazá para a práctica deportiva cun firme especialmente deseñado para correr e camiñar.

A fotografía

NESTA EDICIÓN TODOS OS PREMIADOS SON GALEGOS, EXCEPTO UN ACCÉSIT

A fotografía "Ría Triste", do cullerdense Pastor García Queijas, gañadora do XVII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís

Luns 27 de abril do 2015

Un total de 104 imaxes de 48 autores e autoras teñen participado na XVII edición do Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, que reúne a numerosos artistas e fotógrafos afeccionados de toda España. A pesar que que se teñen presentado participantes non só de Galicia, senón tamén doutros puntos da Península como Madrid, Valencia, Andalucía, Navarra ou Cataluña, este ano todos os premiados son de aquí, excepto no caso dun accésit, dun autor de Barcelona. Os galardoados, seleccionados nunha reunión do xurado celebrada o pasado 15 de abril, son os seguintes: o Primeiro Premio, dotado con 700 € e diploma, recaeu na a fotografía que leva por título "Ría triste "presentada por Pastor García Queijas, de Culleredo; como Segundo Premio, dotado con 450 € e diploma, resultou elixida a fotografía que leva por título "Planeta can." presentada por Juan Luís Rúa Prieto, de A Coruña; o Premio Especial Carballo, dotado con 450 € e diploma, foi para a fotografía que leva por título "Carballo no CCB" presentada por José López Pérez, de Santiago. Por último, o xurado tamén decidiu outorgar os seguintes Accésits, dotados con 125 € e diploma cada un, ás seguintes obras: á fotografía "Madeira de castaño" presentada por Mercedes Lea Furelos, de Carballo; e á fotografía"Rabbi at the kotel" presentada por Jordi Cohen Colldeforns, de Barcelona.

Alcaldes da comarca subscriben en Carballo un manifesto elaborado polos sindicatos para apoiar aos produtores de leite

ACUDIRON Á CONVOCATORIA REPRESENTANTES DE ONCE CONCELLOS

Alcaldes da comarca subscriben en Carballo un manifesto elaborado polos sindicatos para apoiar aos produtores de leite

Luns 27 de abril do 2015

A Casa do Concello de Carballo vén de acoller unha xuntanza á que estaban convocados, a petición das principais organizacións profesionais agrarias, Asaja Galicia, Sindicato Labrego Galego (SLG) e Unións Agrarias (UUAA), representantes das corporacións de Bergantiños, Terra de Soneira, Xallas e A Barcala. Durante a reunión, pedíuselles que apoiasen un manifesto de denuncia contra as imposicións das industrias aos produtores de leite en Galicia e no que se solicita que a administración, nomeadamente a Xunta de Galicia, pero tamén o Ministerio de Agricultura, poñan en marcha medidas para frear a situación do sector, que os sindicatos cualifican de "ruinosa", "desesperada" e "inxusta". Entre as súas principais demandas está a de evitar a situación actual dos contratos, con prezos á baixa que poden chegar ata os 21 ou 22 céntimos e que, en verbas da secretaria do SLG, "son os máis baixos da Unión Europea". Tamén solicitan que se reforce o poder negociador das produtoras, que nestes momentos sofren "contratos leoninos baixo a ameaza de deixarlle o leite sen recoller", ou que se garanta a recollida en todas as granxas. Así mesmo, piden medidas para que as granxas reduzan os custes de produción e melloren a súa renda e que se unifiquen criterios para o sector dende a administración. Representantes de once concellos da comarca de todas as cores políticas con representación nas corporacións asistiron á xuntanza, e os sindicatos afirman que contan co apoio doutras corporación que non puideron enviar aos seus representantes. Os sindicatons teñen previsto remitir o manifesto asinado aos responsables da Xunta de Galicia o antes posible.

A feira de Carballo acolle o domingo 26 de abril unha cita lúdica para fomentar a reciclaxe de vidro con Mr. Iglú

DE 10.00 A 15.00 HORAS NA RÚA CORUÑA

A feira de Carballo acolle o domingo 26 de abril unha cita lúdica para fomentar a reciclaxe de vidro con Mr. Iglú

Venres 24 de abril do 2015

O domingo 26 de abril, e coincidindo coa feira tradicional, a rúa Coruña acolle entre as 10.00 e as 15.00 horas a iniciativa "Xoga e Aprende con Mr. Iglú", destinada a fomentar a reciclaxe de vidro dunha forma lúdica e divertida. Esta campaña, organizada por Ecovidro coa colaboración do Concello a través de Carballo Limpo, ten como obxectivo informar e concienciar á poboación sobre a importancia de reciclar correctamente, con especial atención aos envases de vidro, ademais de incrementar a proporción de recollida deste tipo de envases na vila ou resolver as dúbidas existentes sobre o colector iglú verde destinado ao vidro. Hai que lembrar que Carballo é o concello que máis quilos de vidro por habitante recicla de Galicia e por ese motivo Carballo Limpo quere agradecerlle a todas as persoas e empresas que fan posibles estes datos. Pero para conseguir eses índices é fundamental a colaboración activa que está habendo entre Carballo Limpo e Ecovidro, que nestes momentos ten abertas varias liñas de colaboración do Concello, como esta campaña de dinamización prevista para o domingo. Así mesmo, ademais da concienciación da cidadanía e dos hostaleiros, hai que destacar tamén o compromiso do Concello e de Ecovidro co proxecto, por iso os medios que o Concello proporciona están tamén por enriba da media galega. Así, mentres que no resto de Galicia hai unha media de un colector de vidro por cada 200 habitantes, en Carballo hai un colector por cada 115 habitantes, unha cifra que se vai incrementar coa ampliación do servizo de recollida de vidro aos establecementos do sector da hostalería que así o soliciten.

Compartir: