Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O pleno aborda a aprobación dun suplemento de crédito para acondicionar zonas de aparcamento gratuítas por 190.000 euros

NOVA CALDEIRA DE BIOMASA PARA A PISCINA CARBALLO CALERO

O pleno aborda a aprobación dun suplemento de crédito para acondicionar zonas de aparcamento gratuítas por 190.000 euros

Venres 24 de abril do 2015

A corporación celebra o luns 27 de abril o último pleno da corporación do presente mandato antes dos comicios de maio. Un dos principais asuntos da orde do día é a aprobación dun suplemento de crédito para acondicionar zonas de estacionamento gratuítas na capital municipal. Así, incorporaranse un total de 189.934,35 euros do remanente de tesourería para gastos xerais de 2014 co obxectivo de mellorar as zonas de aparcamento situadas na contorna do Parque de Rego da Balsa e do Pazo da Cultura, así como na Horta do Casino. A actuación consistirá na mellora da pavimentación con aglomerado asfáltico, no pintado das prazas de estacionamento e na colocación de algún tipo de vexetación. Segundo sinala o Alcalde, Evencio Ferrero, o suplemento de crédito lévase agora á aprobación do pleno porque será a nova corporación a que decidirá se finalmente o proxecto se leva a cabo e se continúa o proceso de contratación. Non obstante, como o idóneo, en caso de realizarse as melloras, sería que se fixesen antes do inverno, a corporación actual deixa feitos os trámites para que o goberno saínte teña a oportunidade de efectuar as obras a tempo, se así o considera. Dentro do suplemento de crédito, tamén se incorpora o Plan de Aforro e Investimentos (PAI) da Deputación da Coruña, que supón para Carballo unha achega de 510.509,12 euros que se deben incorporar ao orzamento como un préstamo a xuro 0. Desta cantidade, 466.605,34 euros destinaranse á reurbanización da contorna do IES Alfredo Brañas, do complexo deportivo Vila de Noia e do CEIP Fogar no barrio do Chorís. Máis información sobre o proxecto, clicando aquí.

Asinado o contrato de obras de "Sobreanchos e reparación da capa de rodadura en varios camiños de Berdillo, Sofán e Rus"

O IMPORTE DA ACTUACIÓN SUPERA OS 155.000 EUROS

Asinado o contrato de obras de "Sobreanchos e reparación da capa de rodadura en varios camiños de Berdillo, Sofán e Rus"

Venres 24 de abril do 2015

A Casa do Concello vén de acoller o acto de sinatura do contrato administrativo de obras de "Sobreanchos e reparación da capa de rodadura en varios camiños das parroquias de Berdillo, Sofán e Rus no Concello de Carballo". Estiveron no acto o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e un dos representantes da empresa adxudicataria, Construcciones Ramón Vázquez y Reyno, que realizará a actuación por un importe de 155.485 euros (IVE incluído). No seu momento o prezo base de licitación fora de 182.939 euros, polo que a rebaixa no prezo ascende a 27.454 euros. Está previsto que as melloras afecten aos camiños situados entre O Moucho de Berdillo e A Piña en Sofán; entre Calvelo de Abaixo, en Sofán, e Arganosa, en Rus; e entre Canosa e O Outón, en Rus. O prazo de execución previsto é de tres meses a contar dende o día seguinte á sinatura da acta de replanteo. Este proxecto está cofinanciado con cargo aos fondos Feader "Europa inviste no rural" (do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural) da Unión Europea nun 75 por cento. Estes fondos perseguen mellorar a competitividade da agricultura e a silvicultura; o medio e a paisaxe; e a calidade de vida nas zonas rurais, así como a promoción da diversificación da economía rural. A actuación tamén recibe un financiamento dun 12,13 por cento do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente; e dun 12,87 por cento da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Agader.

Carballo e a Fundación Humana renovan o seu compromiso a prol da reciclaxe de roupa e principian unha campaña informativa

HABERÁ UNHA EXPOSICIÓN NO MERCADO E MONICREQUES NOS COLEXIOS

Carballo e a Fundación Humana renovan o seu compromiso a prol da reciclaxe de roupa e principian unha campaña informativa

Xoves 23 de abril do 2015

O Concello de Carballo informa de que estes días acábanse de instalar dous novos colectores de recollida de roupa nas rúas Orquídeas e Igrexa co obxectivo de principiar unha campaña de concienciación sobre a reciclaxe e a reutilización de roupa usada. Neste caso, a administración local vén de renovar o seu compromiso coa Fundación Humana, polo que, xunto coa instalación de novos puntos de recollida, vanse realizar tamén outras accións como unha exposición no Mercado Municipal, obradoiros de monicreques nos colexios do municipio realizados con calcetíns e outros obxectos recollidos dentro da campaña, así como accións de divulgación a pé de rúa. Anualmente recóllense en Carballo froito deste acordo entre o Concello e Humana, arredor de 50 toneladas de restos téxtiles. Os recursos obtidos coa xestión do téxtil usado permiten o financiamento e o desenvolvemento de programas de protección do medio ambiente en España e de cooperación nos países do Sur, nos ámbitos da educación, a agricultura e o desenvolvemento rurais, o desenvolvemento comunitario, as enerxías renovábeis ou a eficiencia enerxética, a loita contra as enfermidades contaxiosas así como a asistencia en situacións de emerxencia. Así mesmo, tamén se levan a cabo proxectos de Axuda Social nos municipios nos que a Fundación está presente, xa sexa en colaboración directa con actuacións que realice o propio concello ou ben a través de entidades locais.

Rapaces e rapazas de seis institutos disputan o domingo 26 de abril no Pazo da Cultura a final galega do Club de Debate

ROIS, PONTEVEDRA, O CARBALLIÑO, PADRÓN, NEGREIRA E CARBALLO

Rapaces e rapazas de seis institutos disputan o domingo 26 de abril no Pazo da Cultura a final galega do Club de Debate

Xoves 23 de abril do 2015

Por cuarto ano consecutivo, diversos concellos galegos, a través dos seus servizos de normalización lingüística (SNL), puxeron en marcha o Club de Debate, un programa co que se incentiva e valora o falar en público, a oratoria, o uso do galego oral ou o pensamento crítico. Os concellos que organizan esta cuarta edición conxunta son nove: Ames, O Carballiño, Ferrol, Negreira, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Carballo. E despois de todo un curso de preparación e de diferentes fases de zona nas que 23 equipos debateron sobre diferentes temas (se todos e todas somos iguais ante a lei; se vivimos nun sistema corrupto; ou se a industria cultural galega conecta axeitadamente coa sociedade), chega a final galega, á que accederon os seis equipos clasificados das fases anteriores: CPI Os Dices, de Rois; IES Luís Seoane, de Pontevedra; IES N.º 1, do Carballiño; IES Macías o Namorado, de Padrón; IES Xulián Magariños, de Negreira; e IES Isidro Parga Pondal, de Carballo. Os rapaces e rapazas participantes nesta actividade son de 3º e 4º de ESO e de 1º de Bacharelato. Esta final galega terá lugar o domingo, día 26 de abril, no Pazo da Cultura de Carballo, a partir das 10.30 horas. Ao longo do día disputaranse seis debates, todos abertos ao público e, en cada un deles, un equipo defenderá a postura a favor e o outro a postura en contra, sempre sobre o mesmo tema: "Herdamos o galego, temos que transmitilo". De cada debate, o xurado, composto por xornalistas, lingüistas e docentes, emitirá unha puntuación coa que se conforma a clasificación final.

As compañías Pisando ovos e Colectivo Fume: o venres 24 e o sábado 25 de abril no programa de Primavera enDanza

NO PAZO DA CULTURA A PARTIR DAS 21.00 HORAS

As compañías Pisando ovos e Colectivo Fume: o venres 24 e o sábado 25 de abril no programa de Primavera enDanza

Xoves 23 de abril do 2015

Despois de que vender todas as entradas para ver As Dríadas no comezo de Primavera enDanza e da boa acollida do "Xoga" de Entremans para público familiar, o programa volve o 24 e o 25 de abril con dúas propostas para público adulto. Así, o venres 24 a compañía galega Pisando Ovos presenta o seu último espectáculo "Que volvan as flores". A creadora e bailarina Rut Balbís enfróntase ela soa a unha peza aberta e viva que se irá transformando a medida que vaia transcorrendo o espectáculo. "Que volvan as flores" reconstrúese cada vez que se representa. Un total de vintecinco cadeiras dan volume ás imaxes que se van construíndo e deconstruíndo, invitando ao espectador a encher coa súa mirada os ocos baleiros e ofrecendo ao espectador unha experiencia diferente cada vez. A compañía Pisando Ovos naceu hai máis de dez anos, tendo como base a súa busca dunha linguaxe propia como medio de expresión. A coreógrafa e bailarina Rut Balbís colabora, ademais, na actualidade, coa compañía Matarile Teatro, Licenciada Sotelo e Cristina Montero, e como axudante de dirección con compañías de teatro como Grupo Chévere e de danza como Ánxela Blanco e Traspediante. Este espectáculo, que ten como axudante de dirección a Janet Novás, deseño de iluminación de Afonso Castro e vestiario de Santos Salgado, comeza ás 21.00 horas no Pazo da Cultura, cun prezo de 3 € o ordinario e de 2 € o prezo reducido (menores de 12 anos, estudantes e maiores de 60). A cita conta coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Carballo, sede do Campionato Estatal Xuvenil de balonmán no que o Xiria pelexará por estar entre os mellores de España

ENTRE O VENRES 24 E O DOMINGO 26 DE ABRIL NO PAVILLÓN VILA DE NOIA

Carballo, sede do Campionato Estatal Xuvenil de balonmán no que o Xiria pelexará por estar entre os mellores de España

Mércores 22 de abril do 2015

O Pavillón Vila de Noia da capital municipal acolle entre o 24 e o 26 de abril o sector do Campionato Estatal Xuvenil Masculino de balonmán que organizan as Escolas Balonmán Xiria (EBX) xunto co Concello de Carballo, as Federacións Galega e Española de Balonmán e a Fundación Deporte Galego. Segundo explica o adestrador das EBX Fernando Vázquez, trátase do sector A que permitirá que o gañador dispute a fase final na que estarán os oito mellores equipos de España da categoría, e na que compite o anfitrión, o Laber Xiria (subcampión galego) xunto co Real Grupo Cultural Covadonga de Gijón (campión de Asturias), o Semillas KWS Balopal de Palencia (subcampión de Castilla León) e o Indupime Bausauri de Bizcaia (terceiro clasificado na Liga Euskadi). Vázquez subliña que se trata dunha eliminatoria "moi igualada" na que calquera pode gañar e na que o Laber Xiria ten posibilidades de pasar á seguinte fase. De conseguirse, sería a cuarta ocasión na que o Xiria pelexa cos mellores de España, ademais de que é a terceira vez na que Carballo e as EBX son os anfitrións desta cita deportiva, na que o público poderá gozar cos mellores equipos que hai nestes momentos na categoría. O Vicepresidente das EBX, José Antonio Rodríguez, quixo destacar a importancia de que o Laber Xiria estea de novo entre os mellores, xa que "por ser algo habitual, non deixa de ter relevancia". Tamén quixo agradecer o esforzo que realizan todo o ano, e, nomeadamente, nestas datas, as familias dos xogadores para conseguir os medios que permiten que estas citas teñan lugar en Carballo.

"Fracasados por el mundo", mellor webserie no Carballo Interplay e "Clases de lo social", premio do público do festival

"FUTURE DUCK", PREMIO Á MELLOR WEBSERIE INTERNACIONAL

"Fracasados por el mundo", mellor webserie no Carballo Interplay e "Clases de lo social", premio do público do festival

Luns 20 de abril do 2015

Despois de tres intensos días de reflexións, debates, encontros e proxeccións, moitas proxeccións -de ata 43 webseries na sección oficial- "Fracasados por el mundo", unha comedia que parodia con ton satírico os programas de televisión que contan a vida dos nosos paisanos que traballan e viven espallados por todo o globo, conseguiu o Premio á mellor webserie de imaxe real na segunda edición do Carballo Interplay. Durante a gala, os Irmáns Lumieira (Carlos Meixide e Suso Alonso) chegaron dende o ano 1954 envoltos nunha nube de fume para asombrarse cos avances tecnolóxicos da nosa era, pero tamén para acompañar con moito humor e a inestimable axuda da música dun piano, alegre, solemne ou mesmo emotiva segundo cadrara, cada un dos momentos da noite. Así foron anunciándose cada un dos premios, coa galega "Clases de lo social" como gañadora do Premio do público, que recolleu o seu director, Pablo Cacheda, moi emocionado; "Fame" como mellor webserie en versión orixinal en galego, coa súa produtora, Silvia Fuentes, reivindicando o valor das webseries como o "i+D do audiovisual"; "Comaland" a aventura de animación dos padriños do festival, Teresa Segura e David Sainz, gañou o Premio á mellor webserie de animación; o Premio ao mellor guión patrocinado pola AGAG levouno "Vincent Finch"; e a mellor webserie internacional, premio que este ano abriu as fronteiras do festival a propostas chegadas dende Argentina, México, Portugal, Italia ou Brasil, foi a británica "Future Duck".

Carballo celebra os seus máis de 20 anos de Irmanamento con L'Isle Jourdain coa visita de preto de 50 persoas do país veciño

DURANTE A SÚA ESTADÍA VISITARÁN PUNTOS DE INTERESE DA COMARCA

Carballo celebra os seus máis de 20 anos de Irmanamento con L'Isle Jourdain coa visita de preto de 50 persoas do país veciño

Luns 20 de abril do 2015

O domingo 19 de abril a Casa do Concello converteuse unha vez máis no punto de encontro entre Carballo e L'Isle Jourdain, neste caso para conmemorar os máis de 20 anos de unión entre as dúas vilas nun acto no que non faltaron o humor e a boa sintonía e no que interviron os alcaldes que naquel entón formalizaron o irmanamento, o liloise Michèle Ghiradi e o carballés Manuel Varela Rey; e os rexedores actuales, Francis Idrac e Evencio Ferrero. Tamén estiveron presentes as respectivas responsables dos comités de irmanamento das dúas vilas, Marie Delpeyroux, por L'Isle Jourdain, e Carmen Rives por Carballo, que actuaron como traductoras e mestras de cerimonias ocasionais. Durante o acto, lembráronse os comezos da relación entre as dúas localidades, que principiou coa estadía do carballés José Manuel González Varela en L'Isle Jourdain, alá polo ano 1984, como lector nun instituto da vila francesa. De aí xurdiron varios intercambios entre alumnado do IES Alfredo Brañas e o centro de ensino liloise e xa en 1994 establecíase o acordo formal de irmanamento. Ademais dos discursos, no acto tamén houbo o protocolario intercambio de agasallos, con obras de artistas carballeses, olería tradicional, os xa típicos carballos de Sargadelos, viño francés ou paté. A delegación de preto de medio centenar de franceses estará en Carballo até o xoves 23 de abril, visitando A Coruña, Malpica, Fisterra ou Santiago e deixando unha visita á feira tradicional para o último día antes de volver a Francia. Os interesados e interesadas poden ver as imaxes da recepción de benvida no Facebook do Concello, clicando aquí.

Cinco empresas presentaron ofertas para optar ao contrato de xestión do Ciclo da auga, por un importe de 1,8 millóns de euros

O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE OFERTAS REMATOU O VENRES 17 DE ABRIL

Cinco empresas presentaron ofertas para optar ao contrato de xestión do Ciclo da auga, por un importe de 1,8 millóns de euros

Luns 20 de abril do 2015

Rematado o período de presentación de ofertas o pasado venres 17 de abril, téñense presentado un total de cinco empresas para optar á concesión do servizo público por procedemento aberto con varios criterios de adxudicación que ten por obxecto o "Ciclo integral da auga do Concello de Carballo". Así, unha vez transcorridos os 30 días preceptivos para a presentación de propostas, agora será a mesa de contratación a que nos próximos días analice as cinco opcións, comprobando que cumpren os requisitos do prego de condicións e estudando cal é a máis proveitosa. Hai que lembrar que, despois dun intento fallido para licitar a concesión por un período de 20 anos e por máis de 58 millóns de euros, o goberno decidiu acurtar os prazos e os importes e licitar o servizo por un período dun ano, cun custe para o Concello de 1.700.000 euros máis o 10 por cento de IVE, o que faría un total de 1.870.000 euros. O único criterio de valoración recollido é o de ofrecer un canon dun mínimo de 100.000 euros, que as empresas poderán mellorar á alza. O novo contrato respectará as tarifas e taxas vixentes, que permanecerán inalterables. Nestes momentos o servizo, cuxa concesión remataba en decembro de 2014, está prorrogado ata xuño con Viaqua, a empresa que tivo a concesión durante os últimos vinte anos. Coa nova licitación, cuxo proceso o goberno espera ter pechado antes de que remate o mandato, evitaríase unha nova prórroga do contrato e a nova corporación contará co prazo dun ano -o período de duración da nova concesión-, despois dos comicios municipais de maio para decidir sobre o futuro da concesión do ciclo integral da auga e o mellor modelo de xestión.

Luz verde para as bases do Concurso fotopoético "Carballo mirando ao mar" para incentivar a promoción de Razo-Baldaio

EXPEDIENTE DE CONTRATACIÓN PARA A REURBANIZAZIÓN DO CHORÍS

Luz verde para as bases do Concurso fotopoético "Carballo mirando ao mar" para incentivar a promoción de Razo-Baldaio

Luns 20 de abril do 2015

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar as bases para convocar o Premio Fotopoético "Carballo mirando ao mar", incluído no proxecto do Grupo de Acción Costeira GAC3-Costa da Morte. Esta iniciativa ten como obxecto incentivar o coñecemento e a difusión dos espazos naturais da costa carballesa de Razo e Baldaio, así como poñer en valor os recursos costeiros de Carballo e concienciar sobre a importancia da conservación da contorna natural. Así mesmo, pretende vincular a posta en valor e a conservación da natureza e a paisaxe co amor polo propio e coa creatividade poética e visual. O concurso ofrecerá a posibilidade de participar en diferentes modalidades, ben cunha foto inédita, cun poema ou conxunto de poemas de creación propia, cun fotopoema (un conxunto de imaxe e poema individual ou colectivo) e, por último, a través dun vídeo poema de creación propia, individual ou colectiva. O último día para presentar traballos será o 25 de maio de 2015 e o prazo estará aberto dende a publicación das bases no web municipal. Outorgaranse catro premios de 1.250 euros cada un por cada unha das catro modalidades do certame, cun total de 5.000 euros en premios. Así mesmo, está previsto realizar unha selección dalgúns dos traballos presentados para realizar unha exposición. O proxecto "Carballo, mirando ao mar", en marcha dende novembro de 2014, ten como reto programar accións que acheguen os recursos do litoral carballés á cidadanía e que trasladen o dinamismo da vila ás persoas que escollen Razo e Baldaio como lugar de veraneo ou visita.

O Horto Infantil Ecolóxico de Carballo cede parte dos seus cultivos para que os aproveite o comedor social de Cáritas

OS NENOS E NENAS RECOLLERON AS LEITUGAS QUE SE DOARÁN

O Horto Infantil Ecolóxico de Carballo cede parte dos seus cultivos para que os aproveite o comedor social de Cáritas

Venres 17 de abril do 2015

O Horto Infantil Ecolóxico de Carballo ten previsto ceder parte dos seus cultivos ao Comedor Social de Cáritas e así axudar no labor social da entidade. Nos últimos días os cativos e cativas do CEIP Bergantiños xa viron como as súas leitugas estaban listas para ser recollidas. Dado que non está previsto celebrar unha Pequefeira antes de que se boten a perder, decidiuse cedelas para unha boa causa. Ademais, os propios nenos e nenas apañaron os cultivos e estiveron de acordo en doar o froito do seu traballo. Hai que lembrar que un dos obxectivos da actividade desenvolvida ao longo de todo o curso é que os nenos e nenas traballen para constituír a súa propia cooperativa e poder celebrar "pequefeiras" nas que desenvolver a promoción dos seus produtos ecolóxicos, aprender a familiarizarse cos cartos, coas moedas e co cambio, e para que sexan conscientes do proceso de produción dos cultivos, de funcionamento dun negocio e do emprendemento, aprendendo paso por paso, así mesmo, como os froitos chegan aos andeis dos supermercados ou aos postos da feira. Nestas "pequefeiras" poderán vender os seus produtos e, coa recadación obtida, decidir o que fan entre todos, ben investindo de novo no Horto, ben desenvolvendo algunha actividade educativa, etc. O obxectivo é conseguir que os cativos e cativas acaden unha maior autonomía infantil e aprendan a desenvolverse no marco dunha cooperativa agrícola. Non é a primeira vez que o Horto Infantil colabora a prol dunha causa social, xa que dende primeiros deste curso reserva un espazo para contribuír á integración dos usuarios e usuarias de APEM.

Apicultura, fotografía, saídas ao medio natural ou obradoiros: nas Semanas de Natureza e Paisaxe de Senda Nova

ENTRE O 23 DE ABRIL E O 20 DE XUÑO

Apicultura, fotografía, saídas ao medio natural ou obradoiros: nas Semanas de Natureza e Paisaxe de Senda Nova

Venres 17 de abril do 2015

A Asociación Ambiental Senda Nova vén de presentar esta semana un novo proxecto no que colabora o Concello de Carballo: as Semanas de Natureza e Paisaxe, que terán lugar entre o 23 de abril e o 20 de xuño e que están especialmente dirixidas a nenos e nenas, aínda que hai algunha cita para todos os públicos. Así, a programación desta iniciativa ocupará moitos dos sábados de abril, maio e xuño e algúns días entre semana co obxectivo de achegarnos a diferentes propostas dos centros de ensino de Bergantiños. Trátase dun programa variado en actividades que vén a enmarcar un pulo en canto a ideas e esforzo de voluntarios e voluntarias e Senda Nova quere agradecer ás entidades colaboradoras na iniciativa (o Concello, a Asociación Cultural Mestra Carmen Cancela e a Asociación Galega de Apicultura), así como ás persoas individuais que a fan posible. Obradoiros con barro e de convivencia para os máis cativos e cativas, iniciacións á apicultura e á fotografía paisaxística tamén para os maiores, ou charlas e saídas ao medio con colexios de primaria son algunhas das citas. Para algunhas, será preciso realizar unha inscrición previa debido ao límite de prazas. É posible solicitar máis información no enderezo electrónico <sendanova@hotmail.com>, ou no teléfono 636 326 083. A primeira das actividades programadas xa é o xoves 23 de abril cunha charla sobre herbas medicinais para 4º e 6º de Primaria do CEIP Bergantiños. O obxectivo é ofrecer usos para a vida cotiá de plantas e flores que se poden atopar con facilidade nos nosos xardíns.

Compartir: