Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Arrinca a Primavera enDanza no Pazo da Cultura co hip hop de

ACTIVIDADES PARALELAS: PRESENTACIÓNS NOS CENTROS DE ENSINO

Arrinca a Primavera enDanza no Pazo da Cultura co hip hop de "As Dríadas" e a fermosa proposta familiar de Entremáns

Xoves 16 de abril do 2015

A programación de Primavera enDanza comeza o venres 17 de abril nunha fin de semana que inclúe dúas pezas coreográficas destinadas a público adulto e público familiar. O venres 17 arrincan os espectáculos coa compañía galega As Dríadas, que presentarán a súa última creación "A Orixe". Trátase dun espectáculo dinámico e divertido sobre a historia do hip hop, desde os seus inicios en New York nos anos 60 ata a actualidade. Ao longo do espectáculo poderemos gozar de diferentes coreografías, atrezzo, gags e expresións teatrais e xestuais que axudarán a todos os espectadores a entender e gozar desta danza urbana. Unha magnífica ocasión para achegarnos ao hip hop e aos seus distintos estilos: B-boying, Locking, Popping, New Style ou Krump. As Dríadas é unha compañía galega fundada no ano 2006, e da que forma parte a bailarina e coreógrafa carballesa, Alba Fernández. Na súa traxectoria destacan as súas producións relacionadas coa danza moderna e o hip hop, dirixidas na súa maioría ao público infantil e xuvenil. Este espectáculo comeza ás 21.00 horas no salón de actos do segundo andar do Pazo da Cultura e conta coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia. O programa continúa o domingo 19 de abril co espectáculo para público familiar "Xoga", da compañía galega Entremans. "Xoga" (na imaxe) é unha aventura para descubrir como es e saber de que estás feito. Un encontro cun enfoque didáctico que combina diferentes elementos artísticos onde o espazo escénico, o audiovisual, a música e a danza serán diversión, unión, pasatempo e espectáculo.

Xa está aquí o Carballo Interplay, o festival de contidos dixitais que transforma a vila nun punto de encontro para a cultura

ACTIVIDADES NO PAZO DA CULTURA E NO FÓRUM ATÉ O 18 DE ABRIL

Xa está aquí o Carballo Interplay, o festival de contidos dixitais que transforma a vila nun punto de encontro para a cultura

Xoves 16 de abril do 2015

Dende o xoves 16 de abril Carballo transfórmase nun "punto no que se pode ofrecer benestar a través da Cultura", en verbas do Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, que así o expresou durante o acto de apertura do Festival Carballo Interplay, CIP15, que estará no Pazo da Cultura e no Fórum Carballo até o sábado 18 de abril. A vila convértese nun lugar no que os creadores de contidos dixitais de toda Galicia, de toda España e mesmo chegados doutras partes máis lonxanas como México, Argentina, Francia ou Reino Unido, entre outros moitos da sección internacional, poden intercambiar experiencias e coñecementos. Así, Regueira explica que "o Concello quere apostar polo gris, pero non polo gris do cemento, senón neste caso pola materia gris" e pola cultura. Nunha apertura na que tamén estiveron presentes a directora do festival, Sonia Méndez; os padriños, Teresa Segura e David Sainz, da webserie "Malviviendo"; e os convidados especiais do CIP15, Xavi Daura e Esteban Navarro de Venga Monjas; o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, subliñou que "Carballo está limitando co mundo e estamos encantados de que estes días o mundo limite con Carballo", nun festival que se converte nun "espazo vivo, alegre e ilusionante" o que xustifica que "mereza a pena seguir loitando pola mocidade e polos novos valores". Os padriños do festival manifestaron a súa ledicia por poder repetir cita despois dos grandes momentos da primeira edición; e Venga Monjas achegaron a nota de humor e aseguraron que "aínda que isto non ten comezado, xa ten pinta de ser un encontro moi divertido".

Xa hai 21 equipos inscritos para participar no III Día do Pequebasket que terá lugar o  17 de maio, Día das Letras

O PRAZO DE ANOTACIÓNS ESTÁ ABERTO ATÉ O 29 DE ABRIL

Xa hai 21 equipos inscritos para participar no III Día do Pequebasket que terá lugar o 17 de maio, Día das Letras

Mércores 15 de abril do 2015

A data de hoxe, 15 de abril, xa hai un total de 21 equipos inscritos para asistir ao III Día do Pequebasket, o que indica que este ano podería baterse o novo récord de participación. A Escola Basket Xiria espera reunir o vindeiro 17 de maio en Carballo a máis de 500 nenas e nenos de 5 a 8 anos de idade, que gozarán xunto coas súas familias dunha xornada de deporte, cultura, xogos e diversión. Ao mesmo tempo que seguen a chegar solicitudes de participación, o equipo organizador do Día do Pequebasket avanza na programación dos distintos apartados da actividade, que ten un marcado carácter familiar e que supón, ao mesmo tempo, unha homenaxe do baloncesto carballés ao Día das Letras Galegas. O prazo de inscrición remata o día 29 de abril, e as solicitudes poden tramitarse a través do web da cita: . Nesta terceira edición non se descarta a posibilidade de contar con equipos de fóra de Galicia e mesmo procedentes do Norte de Portugal, dado que o Día do Pequebasket de Carballo empeza a ser unha cita de referencia máis alá das nosas fronteiras. A Escola Basket Xiria agradece a implicación do Concello de Carballo, a Deputación Provincial da Coruña e a Federación Galega de Baloncesto, así coma de todos os patrocinadores e colaboradores que tan boa acollida están dispensando ao Día do Pequebasket. Na imaxe, podemos ver ao ex baloncestista Fernando Romay no Pequebasket 2014.

Arrinca o II Festival Carballo InterPlay con tres xornadas de intensa actividade audiovisual e dixital en Carballo

DO 16 AO 18 DE ABRIL NO FÓRUM CARBALLO E NO PAZO DA CULTURA

Arrinca o II Festival Carballo InterPlay con tres xornadas de intensa actividade audiovisual e dixital en Carballo

Mércores 15 de abril do 2015

Despois de moitos preparativos, o xoves 16 de abril comezan tres días de intensa actividade audiovisual e dixital en Carballo coa segunda edición do festival Carballo InterPlay (CIP). Xa está todo listo: as webseries da sección oficial e internacional, as conferencias e coloquios, as estreas especiais, os concertos, as sesións golfas e os combates de cultura audiovisual e youtubeira. Estarán connosco no Fórum Carballo e no Pazo da Cultura a xente de Venga Monjas, Malviviendo, Burnin' Percebes, Poetarras, Igmig ou República Disco Apocalipso, entre outros; falaremos de youtubers, de transmedia, do patrimonio audiovisual de Carballo, das webseries feitas en Galicia, do que fixemos no FormaCIP (ciclo de cursos formativos entre novembro de 2014 e abril de 2015) e do que levamos no noso Código Fonte Audiovisual, con Belén Regueira, Beli Marínez, Belén Santa-Olalla, Joan Carles Martorell, a xente de CREA e máis; e estaremos con moitas creadoras e creadores e sobre todo fans de webseries que nos acompañarán durante tres días de diversión e aprendizaxe en Carballo. Máis información, a través das canles que o festival ten abertas para saber máis, participar e seguir todas as citas. Primeiro, no web <www.carballointerplay.com>; tamén con toda a actualidade a través das redes sociais, nomeadamente en Facebook, <www.facebook.com/carballointerplay>; e Twitter @InterplayFest. Ademais, se queredes seguir por Twitter toda a actualidade do festival, podedes facelo co hashtag #CIP15. A apertura, o xoves 16 de abril ás 11.30 horas no Fórum Carballo. Non faltedes!

Despois do éxito da primeira fase, Carballo Limpo amplía o seu programa de compostaxe caseira con 25 novas unidades

ATÉ O MOMENTO TÉÑENSE REALIZADO MÁIS DE 600 VISITAS

Despois do éxito da primeira fase, Carballo Limpo amplía o seu programa de compostaxe caseira con 25 novas unidades

Martes 14 de abril do 2015

Despois do éxito da primeira Fase de implantación do Plan de Compostaxe Caseira do Concello de Carballo, ampliarase o programa, que contaba xa con 60 composteiros, noutros 25 máis noutras tantas vivendas do municipio. Como a experiencia da primeira fase foi moi satisfactoria, nesta segunda repetirase o mesmo procedemento, polo cal esas 25 vivendas que solicitaron participar neste proxecto piloto recibirán gratuitamente un composteiro, unha bolsa de estruturante natural e a formación e seguimento preciso para poñelo en funcionamento. As vivendas seleccionadas son vivendas unifamiliares illadas e tamén se adxudican as unidades seguindo un criterio de reparto de poboación. Na primeira fase realizáronse máis de 600 visitas, máis de 10 por vivenda. O balance da primeira parte do proxecto reflicte que o seguimento de consecución de compost é de case o cen por cen das instalacións realizadas, das cales se espera sacar as primeiras doses de abono nos vindeiros meses do verán. A colaboración e interese dos usuarios e usuarias foi fundamental para continuar con este proxecto que está axudando a reducir as toneladas de lixo que se leva a Sogama. De feito, os 25 composteiros da segunda fase son cedidos por Sogama por medio dun acordo de colaboración co Concello de Carballo. Este proceso prolongarase durante seis meses, nos que se realizará un acompañamento especializado e individualizado a cada unha das casas usuarias. Desde Carballo Limpo agradécese de antemán a colaboración da cidadanía chamando ao 981 75 49 17, no web <www.carballolimpo.com> ou en Twitter @CarballoLimpo.

Aberto o prazo até o venres 17 de abril para anotarse nun Curso de Elaboración de Tapas que se impartirá no Fórum

CITA DIRIXIDA A PROFESIONAIS DA HOSTALERÍA

Aberto o prazo até o venres 17 de abril para anotarse nun Curso de Elaboración de Tapas que se impartirá no Fórum

Martes 14 de abril do 2015

A Concellaría de Promoción Económica e Turismo que dirixe Xosé Regueira informa da celebración dun novo curso gratuíto para profesionais do sector da hostalería sobre a Elaboración de Tapas. A acción formativa terá lugar a partir do 20 de abril durante dúas semanas os luns e os martes (días 20, 21, 27 e 28 de abril). O horario previsto é de 16.00 a 19.00 horas e a actividade desenvolverase nas instalacións do Fórum Carballo. O número de prazas está limitado a 17 e os interesados e interesadas poden anotarse até o venres 17 de abril. Quen queira anotarse tan só debe cumplimentar a ficha de inscrición (que pode descargarse máis abaixo nesta mesma nova) cubrila cos seus datos e enviala a <museo@carballo.org>. Hai que subliñar que a actividade será impartida por Kike Piñeiro, prestixioso chef que gañou en 2012 o X Certame Nacional de Gastronomía (outorgado pola Federación de cociñeiros e reposteiros de España). Está centrado na cociña tradicional galega influenciada polas tendencias internacionais e polas súas múltiples experiencias persoais como chef. Respecto do curso, os seus obxectivos son contribuír a mellorar a calidade gastronómica dos negocios de restauración de Carballo e incrementar a súa oferta gastronómica coa cultura do "tapeo"; impulsar con novas ideas a cociña tradicional; promocionar e poñer en valor o consumo de produtos tradicionais e típicos da comarca de Bergantiños; ou promocionar a cultura do "tapeo" dentro da vila, asesorando aos establecementos para a súa participación nos eventos gastronómicos comunitarios impulsados polo Concello.

Auryn, un grupo con milleiros de fans entre o público novo e adolescente, ofrecerá un dos concertos das festas de San Xoán

A CITA SERÁ O 25 DE XUÑO NA PRAZA DO CONCELLO

Auryn, un grupo con milleiros de fans entre o público novo e adolescente, ofrecerá un dos concertos das festas de San Xoán

Luns 13 de abril do 2015

O grupo Auryn será o encargado de ofrecer un dos concertos principais durante as festas de San Xoán 2015. Auryn ten unha lexión de seguidores entre o público adolescente. Non hai máis que ver as súas redes sociais: 245.000 fans en Facebook e 254.000 en Twitter, a rede dos adolescentes por excelencia. A ese público, que non sempre é tido en conta á hora de programar, vai especialmente dedicado o concerto que ofrecerá o grupo integrado por Blas Cantó, Dani Fernández, Carlos Marco, David Lafuente e Álvado Gango, cinco mozos que se atopan estes días por terras arxentinas e que xa teñen preparados moitísimos concertos por toda España, México e Andorra antes de recalar nas festas de San Xoán de Carballo. Nada máis coñecerse a noticia do concerto a comisión de festas recibiu as primeiras mensaxes de fans de Auryn que queren ter a oportunidade de coñecelos e saudalos durante a súa estadía na capital de Bergantiños. Auryn é un grupo pop composto por cinco vocalistas que levan xa seis anos sobre os escenarios. O seu primeiro álbum, "Endless Road, 7058", saíu á rúa sen o apoio de ningunha discográfica e estivo máis de dous anos na lista de súper vendas. Agora mesmo teñen tres discos xa no mercado, e o tema que máis soa nestes momentos é "Saturday I'm in love". A Comisión de Festas do San Xoán quere ofrecer música para todos os gustos e para todos os públicos. Por iso, nos vindeiros días pecharase o cartel musical das celebracións, que incluirá moitos outros estilos, pero que tamén ten en conta ao público máis novo.

As accións da Oficina de Promoción Económica beneficiaron nun só ano a máis de 500 emprendedores e empresarios

A OPE TUTELOU UN TOTAL DE 54 PROXECTOS

As accións da Oficina de Promoción Económica beneficiaron nun só ano a máis de 500 emprendedores e empresarios

Luns 13 de abril do 2015

Máis de 500 emprendedores e empresarios participaron nas accións formativas, de dinamización e promoción ou de asesoramento impulsadas ao longo do ano 2014 pola Oficina de Promoción Económica e Emprego do Concello de Carballo. Dende o servizo municipal xestionado pola Concellería de Promoción Económica que dirixe Xosé Regueira, foron tutelados nun só ano un total de 54 proxectos emprendedores ou de consolidación de empresas tanto informando sobre trámites de constitución, formas xurídicas ou subvencións coma tramitando todo tipo de solicitudes de axuda para emprendedores. En materia de formación, ao longo do 2014 desenvolveuse un plan integral orientado, por unha banda, ao emprendemento e, por outra, á consolidación das empresas que conforman o tecido económico de Carballo nos ámbitos, fundamentalmente, do comercio, a hostalería e o turismo. Con eses obxectivos celebráronse once cursos: Xestión da Calidade. Normas UNE, Xestión de stocks e preparación de pedidos, Xestión de clientes, O modelo de franquía, Taller de webseries, Curso de regalo e empaquetado, Curso de actualización comercial, Curso de empaquetado de Nadal, Curso de introdución á eficiencia enerxética, Curso de plan de márketing e Curso de redes sociais. Aos 187 participantes nas accións anteriores (todas con prazas limitadas) súmanse o centenar de asistentes ás Xornadas de motivación para emprendedores e as decenas de participantes noutros once talleres no marco do proxecto GAC Carballo Senda do Mar, orientados cara os sectores hostaleiro e turístico.

Os feridos en accidentes de tráfico descenderon un 30 por cento no ano 2014, ademais de baixar os sinistros nun cinco por cen

O 36 POR CENTO DOS INCIDENTES DÉBENSE Á FALTA DE ATENCIÓN

Os feridos en accidentes de tráfico descenderon un 30 por cento no ano 2014, ademais de baixar os sinistros nun cinco por cen

Venres 10 de abril do 2015

A valoración en materia de seguridade que presentou na Comisión Especial celebrada o xoves 9 de abril o Xefe da Policía Local, Roberto Mosquera, reflicte que o número de persoas feridas en accidentes de tráfico rexistradas en Carballo durante o ano 2014 reducíronse nun 30 por cento respecto do ano anterior. Así, entre xaneiro e decembro de 2014 rexistráronse 49 feridos como consecuencia dos sinistros, tanto condutores como ocupantes e peóns, 21 menos que en 2013. Así mesmo, producíronse no casco urbano un total de 135 accidentes (7 menos que en 2013, o que supón un 5 por cento menos) e remitíronse aos xulgados 18 (13 menos que no ano anterior). A Policía Local subliña o labor preventivo realizado en puntos estratéxicos nos que os anos anteriores se rexistrou un elevado número de sinistros, ademais das medidas complementarias como aforadores, novas glorietas, cambios de sentido implantados nalgunhas rúas, ampliación de beirarrúas ou melloras no alumeado público. Respecto das causas máis comúns dos accidentes, en primeiro lugar destaca, cun 36 por cento do total, a de conducir sen prestar a suficiente atención; en segundo, cun 28,6 por cento, non respectar as prioridades de paso; e en terceiro lugar, conducir baixo os efectos do alcol, cun 7,3 por cen. As zonas nas que se rexistraron máis sinistros foron a rúa Gran Vía (con once) e a Vázquez de Parga (con 15), ademais de que cinco se rexistraron na confluencia das dúas vías. Respecto das alcolemias, no ano 2014 realizáronse 63 probas positivas, das que 15 foron en relación con accidentes de tráfico. Tramitáronse 37 por vía xudicial e 26 por vía administrativa.

Máis de 600 atletas participan esta fin de semana na carreira solidaria nocturna por parellas De Dous en Dous

SÁBADO 11 DE ABRIL A PARTIR DAS 19.00 HORAS; SAÍDA NA GRAN VÍA

Máis de 600 atletas participan esta fin de semana na carreira solidaria nocturna por parellas De Dous en Dous

Venres 10 de abril do 2015

Rematado o mércores 8 de abril o prazo de inscrición, xa está confirmado o número definitivo de participantes na carreira nocturna, solidaria e integradora De Dous en Dous, organizada polo Club Atletismo Carballo coa colaboración do Concello e que terá lugar o sábado 11 de abril a partir das 19.00 horas. Finalmente serán 612 os atletas que correrán por unha boa causa, e 398 deles farano na categoría de adultos, por parellas e unidos polas mans cunha goma elástica. As anotacións foron gratuítas para todas as categorías, coa opción "non obrigatoria e solidaria" de entregar un litro ou quilo de comida non perecedoira ao recoller o dorsal antes de comezar a carreira en beneficio de Cruz Vermella e Cáritas. Tamén hai un "dorsal 0" para que o público que asista para ver a carreira e que así o desexe, achegue tamén un quilo de comida. Respecto das categorías, os participantes irán saíndo por orde de pitufo, benxamín, alevín, infantil e cadete a partir das 19.45 horas; mentres que os adultos, que estarán controlados por chip, sairán ás 21.00 horas para realizar un percorrido de 5.000 metros. As parellas de adultos poderán ser de categoría masculina, feminina, mixta e haberá unha categoría especial para aquelas persoas que entre as dúas sumen máis de 100 anos, para darlle unha oportunidade aos veteranos de competir. Os percorridos nos que se indican as rúas que estarán cortadas durante a proba e o regulamento da cita, poden descargarse máis abaixo nesta mesma nova. O Concello anima á veciñanza a colaborar coas súas doazóns.

Compartir: