Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
A UCGAL anima á veciñanza de Carballo a acudir ás dependencias municipais a expor as súas súbidas en materia de consumo

A UNIÓN DE CONSUMIDORES PON EN MARCHA UN PROXECTO NO MUNICIPIO

A UCGAL anima á veciñanza de Carballo a acudir ás dependencias municipais a expor as súas súbidas en materia de consumo

Xoves 9 de abril do 2015

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), en colaboración co Concello de Carballo, pon en marcha un proxecto dirixido a coñecer a demanda real de servizos de información e asesoramento en materia de consumo nos veciños e veciñas do municipio. Malia que a poboación de Carballo supera os 31.000 habitantes, actualmente o Concello non conta cunha oficina de información ás persoas consumidoras, o que motiva que os propios usuarios e usuarias teñan que desprazarse a concellos limítrofes ou ás sedes do Instituto Galego de Consumo en Santiago ou A Coruña. Con este proxecto, cuxa finalidade é eninentemente estatística, a Unión de Consumidores de Galicia ofrecerá periodicamente ás autoridades municipais cumprida información sobre as materias que levan á veciñanza a se informar nas dependencias municipais en temas relacionados con consumo. Para a correcta avaliación das necesidades de información e asesoramento neste eido, persoal da UCGAL atenderá as demandas das persoas interesadas os luns e os xoves en horario de 10.00 a 13.30 horas nas dependencias do Rexistro do Concello (na planta baixa). Está previsto que o proxecto se desenvolva entre os meses de abril e setembro. A Unión de Consumidores de Galicia é unha asociación privada que xurdíu a finais de 1988 co propósito de recoller e servir de canle das reivindicacións do conxunto dos/as consumidores/as e usuarios/as galegos/as na loita por unha progresiva mellora na calidade de vida dos/as cidadáns. A UCGAL desenvolve o seu labor en eidos como sanidade, comercio, servizos, educación, medio ambiente, etc.

A arte carballesa faise internacional co gravador Manuel Facal, que participa até o 11 de abril na feira World Art Dubai

EN NOVEMBRO CONTARÁ CUNHA MOSTRA NOS EMIRATOS ÁRABES

A arte carballesa faise internacional co gravador Manuel Facal, que participa até o 11 de abril na feira World Art Dubai

Xoves 9 de abril do 2015

A obra do artista e gravador carballés Manuel Facal (na imaxe, na súa escultura "Enredos", en Carballo) pode verse até o sábado 11 de abril na feira World Art Dubai. Esta cita, na que participan máis de 25 países, converte durante estes días ao país árabe na capital de arte da rexión de Menasa (Oriente Medio, norte de África e sudeste asiático). O recoñecido artista plástico galego está presente nesta feira artística internacional con catro obras de técnica mixta sobre lenzo. Todas son pezas representativas da súa creación máis recente. Nelas predomina o emprego de cordas e rafias cosidas, realizadas cun traballo de natureza artesanal. Despois desta visita a Dubai, Manuel Facal volverá aos Emiratos Árabes o próximo mes de novembro cunha exposición individual das súas obras. Será na galería de arte Artissima. Cun grande espírito investigador, sempre na máis estrita vangarda, o percorrido creativo de Manuel Facal afástase da linealidade, mesmo en materia de expresión, pois cultivou diversos campos artísticos nos que destaca, sobre todo, como gravador. Manuel Facal formou parte do movemento "Atlántica", que nos anos 80 do século pasado proxectou a súa persoal visión da arte, que deriva cara a modos "pobres" e "colaxe" de considerable relevo. As súas exposicións de pintura e gravado, tanto individuais coma colectivas, sucedéronse por todo o mundo: Nova York, Londres, Puerto Rico, Noruega, Sudamérica e Galicia. Ademais, a súa obra está representada en museos en Latinoamérica, Estados Unidos, España, países escandinavos e Portugal.

O baile contemporáneo chega a Carballo en forma de hip hop, performance, xogos ou imaxinación coa Primavera enDanza

ENTRE O 17 E O 30 DE ABRIL NO PAZO DA CULTURA

O baile contemporáneo chega a Carballo en forma de hip hop, performance, xogos ou imaxinación coa Primavera enDanza

Mércores 8 de abril do 2015

Regresa Primavera enDanza, a cita anual que propón o Concello de Carballo para achegarse á danza contemporánea, manifestación artística cuxa escasa presenza nos escenarios galegos non se corresponde coa súa alta capacidade de creación innovación e repercusión nas artes escénicas actuais. Darlle o seu merecido espazo propio é o obxecto deste ciclo, co que se pretende facilitar ao público o acceso ás principais linguaxes artísticas, así como apoiar o seu desenvolvemento. Cúmprense trece anos de Primavera enDanza cun programa de cinco espectáculos que, ademais das pezas coreográficas tanto de compañías galegas como de España, reserva un espazo para a interacción entre artistas e público, en especial cos encontros que se realizan ao final de cada función e as presentacións das coreografías en diferentes espazos públicos e para distintos espectadores en Carballo. Nesta edición cada cita é moi diferente e abrangue diversos espectadores como nenos e nenas, mozos e adultos, ofrecendo propostas que van desde a danza urbana máis próxima á xente moza, ás coreografías que se achegan á perfomance, que xogan coa imaxe cinematográfica, que empregan a danza como instrumento de xogo ou que empregan a danza para transportarnos a outros mundos. Así o expresou a Concelleira de Cultura, Mar Eirís, durante a presentación do programa, desexando "que a xente se anime a ver a danza porque queremos ver o auditorio cheo". Tamén estiveron presentes o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e Jacobo Sutil, Director da Axencia Galega das Artes Escénicas e Musicais (Agadic).

Carballo, primeira vila galega en implantar "Paraúgate!", que fomenta o uso do paraugas colectivo para pasear e mercar

REPARTIRANSE PARAUGAS DE LIBRE USO EN ESPAZOS PÚBLICOS

Carballo, primeira vila galega en implantar "Paraúgate!", que fomenta o uso do paraugas colectivo para pasear e mercar

Mércores 8 de abril do 2015

Carballo convértese na primeira vila galega en implantar "Paraúgate!", unha rede creada para que os veciños e veciñas e mailos visitantes saian á rúa e utilicen o paraugas colectivo que se atoparán cando fagan as súas compras, gocen das cafeterías, realicen trámites ou simplemente paseen polas rúas da vila. "Paraúgate!" convida a compartir a convivencia nas rúas baixo o símbolo dun paraugas colectivo que pertence aos veciños e veciñas que poden facer libre uso destes paraugas repartidos pola área comercial, establecementos e dependencias municipais máis céntricas de Carballo. Distribuiranse co slogan da campaña e o logotipo do Concello para que todos os carballeses e carballesas poidan utilizalos, os compartan e conviden a pasear aos seus veciños e veciñas polas rúas facendo uso cando o precisen e deixándoo logo de rematar a súa saída para darlle o relevo aos conveciños. Tendo en conta a climatoloxía galega, o paraugas aparece como símbolo de unidade, convidando a colaborar a todos nunha actitude de veciñanza e convivencia cidadá. O termo "Paraúgate!" é unha proposta para compartir, mobilizar e unir a carballeses e visitantes. Cada veciño pode coller o paraugas libremente do espazo público no que se atope, sendo consciente de que está facendo uso dun servizo público e que cando deixe de usalo debe deixalo de novo para que o use outra persoa. O obxectivo, segundo explica o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, é "xerar unha dinámica social que convide a coñecer os nosos comercios e servizos" e "animar á xente a que participe do comercio".

Volven as rutas ciclistas de

ENTRE O 11 DE ABRIL E O 2 DE MAIO

Volven as rutas ciclistas de "Coñece o teu Concello" que fomentan o patrimonio cultural e paisaxístico do municipio

Mércores 8 de abril do 2015

Como cada primavera volven a Carballo as rutas ciclistas "Coñece o teu Concello". Organizadas polo Club Ciclista Carballo Placasa coa colaboración do Concello e Carballo Deporte, teñen como obxectivo dar a coñecer o patrimonio cultural e paisaxístico do municipio nuns percorridos adaptados para a toda a familia que poden realizar todas as persoas maiores de 10 anos. As rutas transcorren entre o sábado 11 de abril e o sábado 2 de maio e contan cunha media de lonxitude de aproximadamente 20 quilómetros para facelas alcanzables para o maior número posible de afeccionados á bicicleta. Dende o Club, Juan Seoane explica que os percorridos están pensados para cubrir a maior parte posible do territorio carballés, e quixo animar a todos os veciños e veciñas a participar. Subliña a beleza da cuarta e última ruta, que discorre por pistas forestais na súa maior parte, "porque nela pode observarse a natureza propia de Carballo" e debe realizarse con bicicleta BTT. Entre algúns dos lugares de interese que poden observarse nas rutas, hai que subliñar o Pazo do Souto, a Igrexa de Santiago de Sísamo, a Igrexa barroca de San Breixo de Oca, o Pazo das Pallas, o Pazo de Vilardefrancos, a Férveda de Rus, a Igrexa de Santa María de Bértoa, ou o Peto de ánimas, ademais doutros templos, castros e cruceiros. Os interesados e interesadas en asistir tan só teñen que presentarse na Praza do Concello cada sábado que haxa ruta a partir das 16.00 horas e inscribirse no momento. A participación é de balde.

Comezan as prácticas profesionais non laborais do Curso de Auxiliar de Comercio da BDT no que participaron 25 persoas

SERÁN 80 HORAS EN EMPRESAS DE CARBALLO OU PRÓXIMAS Á VILA

Comezan as prácticas profesionais non laborais do Curso de Auxiliar de Comercio da BDT no que participaron 25 persoas

Martes 7 de abril do 2015

O mércores 8 de marzo comezan ás prácticas profesionais non laborais das alumnas do Curso de Auxiliar de Comercio celebrado no Fórum Carballo no período comprendido entre o 23 de xaneiro e o 20 de febreiro deste ano, cunha duración lectiva de 80 horas. A acción formativa, organizada pola Bolsa de Traballo do Concello (BDT) contou coa participación de 25 alumnas que acadaron na súa totalidade unha avaliación moi positiva por parte do persoal docente o que, xunto coa probada asistencia, posibilitou que poidan realizar as prácticas profesionais non laborais (PNL). O curso contou cun programa formativo relacionado con operacións auxiliares no punto de venda, reposición, disposición e acondicionamento de produtos, animación no punto de venda, imaxe e etiquetado de produtos, manipulación de alimentos, atención ao cliente, etc. A duración das PNL é de 80 horas lectivas, axustándose no posible ao horario real da empresa. Realizaranse en empresas do sector do comercio tanto de Carballo como doutras localidades próximas como A Coruña, Arteixo ou A Laracha. As empresas colaboradoras son: RE 100 Galicia; Mercartabria SLU (Centro Comercial Gadis); Ecomas supermercados SL (Gadis); Arenal Perfumerías; Inditex; Vegalsa e Carrefour. O mércores 8 de abril comezan dez alumnas en tres supermercados de Gadis e en Arenal Perfumerías. O xoves 9 de abril empezan outras dúas persoas en Re100 Galicia na tenda e no almacén de venda ao por maior. O alumnado restante comeza a semana do 13 de abril no caso do Carrefour e Vegalsa e as cinco persoas de Inditex, arrincan o 20 de abril.

Carballo sinaliza as novas 15 prazas de estacionamento en Zona Azul habilitadas na rúa Jacinto Amigo Lera da capital municipal

TRÁTASE DA SEXTA FASE DE IMPLANTACIÓN DE APARCAMENTO REGULADO

Carballo sinaliza as novas 15 prazas de estacionamento en Zona Azul habilitadas na rúa Jacinto Amigo Lera da capital municipal

Martes 7 de abril do 2015

O Concello vén de realizar hoxe os labores de sinalización para as novas 15 prazas de estacionamento regulado por Zona Azul situadas na rúa Jacinto Amigo Lera da capital Municipal. Ás 11.00 horas xa tiña rematado o pintado dos aparcamentos, que forman parte da sexta fase de implantación da Zona Azul na capital municipal na que está previsto crear 41 novas prazas, non só nesta vía, senón tamén nas rúas Compostela e Poñente. Hai que lembrar que os estacionamentos regulados por zona azul limitan o aparcadoiro nas devanditas prazas a 90 minutos e impide, unha vez finalizado o tempo, que o usuario ou usuaria poda estacionar de novo noutro aparcadoiro azul situado a menos de 250 metros do lugar de chegada. O horario de limitación comprenderá de 9:00 a 20:00 horas, agás os domingos, festivos e a tarde dos sábados, nos que non haberá limitación. O principal obxectivo da Zona Azul é eliminar os denominados vehículos ventosa do centro urbano e facilitar os aparcadoiros nas rúas céntricas para os veciños e veciñas para que podan realizar os seus recados e compras no centro urbano. Nestes momentos Carballo conta con máis de 500 prazas de aparcamentos regulados na zona centro da capital municipal repartidas, segundo consta na Ordenanza de Circulación, na rúa Cervantes, rúa Colón, rúa Desiderio Varela, Valle Inclán, Gran Vía, Praza de Galicia, rúa Martín Herrera, Vázquez de Parga, Barcelona, Fomento, Rúa Pontevedra, Estrela, Vitoria, Ponte, Avenida de Fisterra, rúa Río Anllóns, Igrexa, San Xoan, Rosalía de Castro, Sol, Cemiterio Vello, rúa Río Miño, Álvarez de Sotomaior, Gravador Manuel Facal e Luís Calvo.

Arrinca a Aula de Gravado Municipal co recoñecido artista noiés Alfonso Costa e coa participación de 14 creadores

A ACTIVIDADE DESENVOLVERASE NO FÓRUM CARBALLO

Arrinca a Aula de Gravado Municipal co recoñecido artista noiés Alfonso Costa e coa participación de 14 creadores

Martes 7 de abril do 2015

Dende o luns 6 de abril un total de 14 artistas de Carballo e comarca participan no Fórum Carballo na segunda edición da Aula de Gravado Municipal. Este espazo de formación artística arrincou a finais de 2013 da man do recoñecido gravador carballés Manuel Facal, e agora continúa coa experiencia do recoñecido artista noiés Alfonso Costa, con moita experiencia á hora de ensinar as claves da arte do tórculo e cunha longa traxectoria artística. Costa desenvolveu o seu traballo tanto en España como en Italia, Francia ou Alemaña, participando en importantes exposicións, feiras e certames cos seus deseños. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, considera "un privilexio que unha persoa tan recoñecida no mundo do gravado" sexa a encargada de impartir esta actividade. Durante a toma de contacto co alumnado, entre os que hai artistas xa moi coñecidos como Mon Lendoiro, Santi Picos, O'Mighelo, Chiña ou Antonio Taracido, entre outros, Costa quixo subliñar o aire de improvisación que teñen os gravados porque "o tórculo sempre quere dar sorpresas" e, ao final "o gravado é como un veleno". O artista sinala que nas primeiras semanas da aula o obxectivo será afondar na técnica do augaforte para logo seguir co "monotipo" e experimentar con distintos materiais. Aconsellou certo grado de ousadía por parte do alumnado porque "o importante no gravado é non ter medo", e transmitiu o seu entusiasmo que seguro terá resposta no alumnado nas próximas semanas. A Concelleira de Cultura, Mar Eirís, explicou que, ao igual que coa primeira edición da aula, está previsto realizar unha exposición cos traballos que o alumbado realice durante o curso.

Carballo é o concello galego que máis vidro recicla por habitante, cunha media de recollida de 17 quilos por persoa

O CONCELLO COLOCARÁ 18 NOVOS COLECTORES PARA LOCAIS HOSTALEIROS

Carballo é o concello galego que máis vidro recicla por habitante, cunha media de recollida de 17 quilos por persoa

Luns 6 de abril do 2015

O Concello de Carballo é o municipio que máis vidro recicla por habitante de toda Galicia. Así o reflicten os datos achegados por Carballo Limpo, que amosan que en 2014 os veciños e veciñas reciclaron máis de 500 toneladas de vidro, cunha media de 17 quilos por habitante, un índice que supera amplamente a media galega, situada en 14 quilos por habitante. Tamén é unha cifra superior á doutros concellos cunha poboación similar. Á consecución destes datos contribúe o número de colectores ou "illas verdes" situados en todo o municipio, que tamén superan a media galega. Así, mentres que o promedio en Galicia é dun colector de vidro por cada 200 habitantes, en Carballo hai un colector por cada 115 habitantes. Ademais, Carballo colabora cos hostaleiros da vila para mellorar a reciclaxe dos envases de vidro. Nestes momentos, desde Carballo Limpo estanse realizando entrevistas con 51 novos locais de hostalería que pasarán a formar parte do proxecto para dotalos de cubos individuais de recollida tipo VACRI (Volteo para a Asistencia de Colectores Rodantes Individuais). Estes últimos contan cunha boca ancha e un sistema de elevación hidráulica para facilitar o baleirado do cubo cos residuos de envases de vidro froito da actividade hostaleira nos colectores Horeca, adaptados para este proceso. Os colectores de vidro situados nas rúas, serven para recoller unicamente os envases: botellas, tarros e frascos que se consomen no sector e nos fogares. Nesta segunda fase incrementaranse en 18 os colectores que están a disposición dos hostaleiros, e as "illas verdes" tradicionais serán empregadas para mellorar a recollida de vidro no rural.

O Plan de Formación da Bolsa de Traballo para 2015 conta con nove cursos que beneficiarán a un máximo de 475 persoas

AS ACCIÓNS FORMATIVAS TERÁN LUGAR NO FÓRUM CARBALLO

O Plan de Formación da Bolsa de Traballo para 2015 conta con nove cursos que beneficiarán a un máximo de 475 persoas

Luns 6 de abril do 2015

O Plan de Formación da Bolsa de Traballo Municipal (BDT) de Carballo para 2015 conta cun total de nove accións formativas que se desenvolven ao longo de todo o ano nas instalacións do Fórum Carballo. Está previsto que un máximo de 475 persoas se beneficien destes cursos, que pretenden contribuír á inserción laboral dos veciños e veciñas que os realicen e que para ser beneficiarios deben estar inscritos como demandantes de emprego na BDT. As accións teñen un total de 1.251 horas de formación que afondan en materias que se axustan tanto ás necesidades do mercado de traballo como ás dos inscritos na BDT, e neste caso teñen a seguinte temática: Auxiliar de Comercio, Mozo de Almacén, Competencias Clave, Prevención de Riscos Laborais, Técnicas de Inserción Laboral, Ofimática, Redes Sociais, Cociña e Cafetería e Bar. Os beneficiarios e beneficiarias poden aprender desde técnicas para superar unha entrevista de traballo, ata conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo, ata as mellores formas de construír unha reputación en Internet, as claves das aplicacións informáticas de tratamentos de textos, os coñecementos básicos dun auxiliar de comercio ou mozo de almacén, as competencias para optar aos Certificados de Profesionalidade de nivel 2, ou os procesos para cociñar ou desenvolver o servizo de alimentos e de bebida nun local hostaleiro. O orzamento para o desenvolvemento do Plan de Formación da BDT para 2015 ascende a un total de 43.650 euros.

A Biblioteca Rego da Balsa intensifica o seu programa de actividades coincidindo cos meses do libro e da lingua

O PROGRAMA INCORPORA OBRADOIROS E CONCURSOS

A Biblioteca Rego da Balsa intensifica o seu programa de actividades coincidindo cos meses do libro e da lingua

Luns 6 de abril do 2015

Abril é o mes do libro (23 de abril, Día do Libro), e maio o da lingua (17 de maio, Día das Letras Galegas), e a Biblioteca Rego da Balsa intensifica o seu programa de actividades coincidindo con estas conmemoracións. As instalacións da rúa Bos Aires acollerán proxeccións de películas, contacontos, obradoiros, un concurso, faladoiros, etc., ademais de incluír o programa citas fóra da Biblioteca como co III Día do Pequebasket, o 17 de maio, ou apoiar outras que teñen lugar no Pazo da Cultura, como a Semana do Libro e a Lectura. Comezamos coas xa estables proxeccións que teñen lugar os segundos e cuartos mércores de mes, varias delas en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, co ciclo "Cine con fondo", a través do que se proxectarán, con entrada libre e de balde, as películas para todos os públicos "Charlie e a fábrica de chocolate" (mércores 8 de abril), "Buda explotou por vergoña" (mércores 22 de abril) e "Azur e Asmar" (mércores 27 de maio). Ademais, o mércores 13 de maio, na Semana das Letras, proxectarase un vídeo en que se recollen opinións de persoas diversas de Carballo sobre o uso e prestixio da lingua galega, e no que se aproveitará para presentar unha nova canle de televisión galega, Irmandade TV. Todas as proxeccións son ás 19.00 horas. Tampouco faltan os contacontos para público infantil, que se desenvolverán de tres formas distintas: uns dentro do programa "Ler conta moito" da Xunta de Galicia, outros desenvolvidos por persoal da biblioteca e outros por pais e nais de nenos/as usuarios/as.

Carballo estrea unha nova ruta fluvial pola beira do Anllóns de 8,5 quilómetros de lonxitude: a Ruta dos Muíños do Pan

O CONCELLO VÉN DE ACONDICIONAR ESTE NOVO PERCORRIDO

Carballo estrea unha nova ruta fluvial pola beira do Anllóns de 8,5 quilómetros de lonxitude: a Ruta dos Muíños do Pan

Sábado 4 de abril do 2015

O Concello de Carballo convida a percorrer a Ruta dos Muíños do Pan, un sendeiro de 8,5 quilómetros que une os únicos muíños que se conservan na canle do Anllóns ao seu paso polo municipio. O Concello acondicionou hai unhas semanas unha parte do percorrido que ata agora era intransitable, co obxectivo de ofrecer a veciños e visitantes unha alternativa máis de ocio saudable que se suma á xa consolidada Ruta das Férvedas (PR-G 142) ou ao Paseo do Anllóns, co que a Ruta dos Muíños do Pan comparte unha parte do percorrido. O proxecto da Ruta dos Muíños do Pan xorde da vinculación histórica entre a auga e o pan. A ruta comeza no Muíño da Cheda, unha construción centenaria que deixou de utilizarse non hai moitos anos, pero que se conserva practicamente intacta nun entorno de enorme beleza. Neste punto, ao que se accede dende a AC552 xusto no límite entre os municipios da Laracha e Carballo, arrinca un percorrido moi utilizado polos pescadores; de feito, o Concello de Carballo limpou a marxe esquerda do río seguindo ese sendeiro, que agora está transitable a pé o treito que abrangue dende A Cheda ata a Ponte de Bértoa. Neste novo tramo, probablemente descoñecido por moitos carballeses e carballesas debido ás dificultades de tránsito que ofrecía ata agora, os camiñantes pasarán por outros puntos de interese como o antigo Muíño do Moreno, sede actual da Protectora dos Amigos dos Cans de Carballo; o refuxio de Bértoa, que pertence á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, ou a Ponte Ferreira.

Compartir: