Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O pleno aproba por unanimidade o cumprimento do requirimento de deficiencias e integridade documental do PXOM

LUZ VERDE PARA A INCLUSIÓN NAS ÁREAS DE TRANSPORTE METROPOLITANO

O pleno aproba por unanimidade o cumprimento do requirimento de deficiencias e integridade documental do PXOM

Martes 31 de marzo do 2015

A corporación carballesa vén de celebrar o pleno ordinario de marzo, unha sesión que durou ata case as doce da noite despois de máis de tres horas de debate e que comezou cun minuto de silencio en memoria dos falecidos no tráxico accidente aéreo de Germanwings producido en Francia o pasado 24 de marzo, así como dos dous mariñeiros que faleceron tamén hai unha semana en Laxe. Respecto dos puntos da orde do día que recibiron o visto e prace dos concelleiros, hai que subliñar a aprobación por unanimidade do cumprimento do requirimento de deficiencias e integridade documental do PXOM, un paso máis de cara a aprobación definitiva do planeamento. Despois destas subsanacións requiridas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que tamén aconsellou que as achegas foran ratificadas polo pleno da corporación, agora a resolución está en mans da Xunta, que, unha vez recibidas as subsanacións, poderá ditaminar nun prazo de dous meses a aprobación ou o rexeitamento do PXOM, unha aprobación parcial ou unha aprobación con condicións do planeamento. Dentro dos asuntos que se aprobaron por unanimidade, tamén hai que mencionar a integración do Concello de Carballo nas áreas de transporte metropolitano da Coruña e de Santiago de Compostela, o que suporá un importante aforro para os usuarios e usuarias. Na actualidade a área coruñesa está conformada por trece concellos aos que se sumarán tres en 2015, mentres que a de Santiago conta con vinte aos que se sumarán outros sete. O acordo inclúe a achega necesaria da administración local para poder integrarse no plan, que será de arredor de 26.000 euros para o caso da Coruña, e de arredor de 6.000 no caso de Santiago

Xa hai preto de 100 parellas inscritas na carreira popular, solidaria, integradora e nocturna

O PRAZO DE ANOTACIÓNS SEGUE ABERTO ATÉ O SÁBADO 4 DE ABRIL

Xa hai preto de 100 parellas inscritas na carreira popular, solidaria, integradora e nocturna "De dous en dous"

Martes 31 de marzo do 2015

Segundo os datos contabilizados a 31 de marzo xa son un total de 93 as parellas inscritas para a carreira popular, solidaria, integradora e nocturna "De dous en dous" que se celebrará o sábado 11 de abril e que está organizada polo Club Atletismo Carballo en colaboración co Concello, ademais de ser unha proba oficial da Federación Galega de Atletismo. A cita conta con varias peculiaridades. Así, en primeiro lugar, o feito de que os participantes na categoría de adultos correrán por parellas, de dous en dous, unidos por unha goma elástica polas mans. En segundo lugar, o horario, xa que a carreira será nocturna. En terceiro, o seu carácter solidario, posto que tanto os participantes coma o público poderán entregar, de forma voluntaria, un quilo ou un litro de alimentos non perecedoiros a beneficio de Cruz Vermella e Cáritas. E, por último, é unha carreira integradora, xa que se fomenta a participación de persoas con diversidade funcional, que poderán ir acompañadas ou utilizar os instrumentos necesarios para o seu desprazamento durante o percorrido na forma máis convinte. Á parte das 91 parellas inscritas, tamén hai outros 107 participantes individuais nas categorías cadete, infantil, alevín, benxamín e pitufos. A saída de todas as probas estará situada na rúa Gran Vía, á altura da rúa Álvarez de Sotomayor. A recollida de dorsais farase o mesmo día, a partir das 16.00 horas, no primeiro andar do mercado municipal. O prazo de inscrición está aberto até o sábado 4 de abril e os interesados e interesadas en anotarse poden formalizar a inscrición clicando aquí.

Carballo celebra o Día do Teatro cun vídeo no que participan persoas de diferentes ámbitos culturais, sociais e políticos

A PEZA RECOLLE O MANIFESTO DO ESCRITOR CARBALLÉS XURXO BORRAZÁS

Carballo celebra o Día do Teatro cun vídeo no que participan persoas de diferentes ámbitos culturais, sociais e políticos

Venres 27 de marzo do 2015

Este ano a Asociación de Actores e Actrices de Galicia elixiu ao escritor carballés Xurxo Borrazás para elaborar o Manifesto galego do teatro 2015, que se leu o xoves 26 de marzo na gala de entrega dos Premios María Casares, un texto no que se reivindica o teatro como espazo de liberdade fundamental para a vida e no que se denuncian as dificultades que se lle están poñendo para o seu desenvolvemento. E, coincidindo co Día Mundial do Teatro, que se celebra hoxe, 27 de marzo, o Concello de Carballo difunde a través da rede un vídeo para dar a coñecer ese manifesto e para festexar e visibilizar, polo tanto, o Día Mundial do Teatro. Neste vídeo, feito e difundido desde o Concello carballés, participan persoas de diversos ámbitos culturais e sociais do municipio xunto con membros da corporación. Así, intervén Emi de las Heras, artista plástica; José Manuel Menéndez, presidente da Asociación ambiental Senda Nova e membro da Aula de Teatro Municipal; María M. Veira, tamén da Aula Municipal de Teatro e membro da Asociación Telón e Aparte, entidade impulsora do FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro); Javier Fraga, de Vagalume e da Aula de Teatro; ou Rosalía Fernández Rial, poeta e presidenta da Asociación Cultural Lumieira. Ademais, tamén interveñen o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a Tenenta de alcalde, Milagros Lantes; a Concelleira de Cultura, Mar Eirís; e o Concelleiro de Normalización Lingüística, Xosé Regueira. O vídeo pode verse máis abaixo nesta mesma nova a través de Youtube.

O pleno inclúe o cumprimento do requirimento de deficiencias e integridade documental do Plan Xeral de Ordenación Municipal

A SESIÓN DEBATE A INTEGRACIÓN NAS ÁREAS METROPOLITANAS

O pleno inclúe o cumprimento do requirimento de deficiencias e integridade documental do Plan Xeral de Ordenación Municipal

Venres 27 de marzo do 2015

A corporación carballesa celebra o luns 30 de marzo unha sesión plenaria ordinaria na que un dos principais puntos da orde do día é a aprobación do cumprimento do requirimento de deficiencias e integridade documental do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Así, dende a Secretaría Xeral de Urbanismo da Xunta recomendouse que sexa o pleno o organismo que referende o acordo adoptado a mediados deste mes na Comisión informativa de Urbanismo e Medio Rural que contou con presenza de todos os voceiros municipais, así como de membros do equipo redactor do PXOM e técnicos municipais, sobre as medidas que se adoptarán para cumprir coa integridade documental do planeamento. Tanto naquel entón, como na comisión informativa previa á celebración do pleno que tivo lugar esta semana, o acordo recibiu o apoio unánime dos catro grupos da corporación. Máis información sobre os requirimentos documentais, clicando aquí. Outro dos puntos da orde do día refírese áo visto e prace para a integración do Concello nas áreas de transporte metropolitano da Coruña e de Santiago de Compostela. Na actualidade a área coruñesa está conformada por trece concellos aos que se sumarán tres en 2015, mentres que a de Santiago conta con vinte aos que se sumarán outros sete. O acordo inclúe a achega necesaria da administración local para poder integrarse no plan, que será de arredor de 26.000 euros para o caso da Coruña, e de arredor de 6.000 no caso de Santiago. Máis información sobre o Plan de Transporte Metropolitano, clicando aquí.

O Carballo Handball Festival reunirá entre o 2 e o 4 de abril a 800 rapaces de categorías benxamín, alevín, infantil e cadete

CLÍNIC TEÓRICO PRÁCTICO DE BALONMÁN: LUNS 30 E MARTES 31 DE MARZO

O Carballo Handball Festival reunirá entre o 2 e o 4 de abril a 800 rapaces de categorías benxamín, alevín, infantil e cadete

Xoves 26 de marzo do 2015

A Semana Santa carballesa leva a impronta do deporte grazas ao Carballo Handball Festival '15. Entre o xoves 2 e o sábado 4 de abril a vila transformarase grazas a este torneo de balonmán para categorías benxamín, alevín, infantil e cadete que reunirá a arredor de 800 rapaces repartidos en 15 clubs chegados de Galicia e de Portugal. A cita, organizada polas Escolas de Balonmán Xiria xunto co Concello e a Federación Galega de Balonmán, conta coa participación de clubs de referencia, segundo explica o técnico das Escolas, Fernando Vázquez, como poden ser o Luceros de Cangas, ou a SD Teucro e o BM Cisne de Pontevedra. De Portugal, clubs que, segundo Vázquez, adoitan ser "moi competitivos", tamén veñen nomes importantes como o ABC de Braga, o Ada Maia Ismai ou o São Paulo de Oleiros. Para o adestrador, a cita supón unha oportunidade para "darlle repercusión ás categorías de base", por un lado; e por outro para "promover o Concello de Carballo", xa que arredor dun milleiro de persoas en total, contando aos familiares e responsables dos equipos, ademais dos xogadores, visitarán a vila. Os encontros disputaranse en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas nos pavillóns Vila de Noia e Carballo Calero, e no do CEIP Fogar. Os benxamíns e alevíns irán todos os días pola mañá e pola tarde, mentres que os infantís e cadetes descansarán o xoves e o sábado pola mañá, neste último caso para facer unha saída para coñecer algúns dos lugares máis emblemáticos do municipio, nomeadamente aqueles con interese paisaxístico.

O Concello analiza 50 mananciais do municipio para comprobar a calidade e os parámetros sanitarios das súas augas

COLOCÁRONSE SINAIS PARA INFORMAR DA CLASIFICACIÓN DAS FONTES

O Concello analiza 50 mananciais do municipio para comprobar a calidade e os parámetros sanitarios das súas augas

Mércores 25 de marzo do 2015

O Concello de Carballo vén de rematar o proceso para analizar un total de 50 mananciais públicos do municipio a través dun estudo da Concellaría de Medio Ambiente. O obxectivo deste proceso, realizado entre o 3 e o 20 de febreiro deste ano, foi o de comprobar a calidade e os índices sanitarios das augas seguindo os parámetros establecidos pola Xunta no ano 2010 con motivo do plan de control de fontes do Camiño Xacobeo. As fontes públicas analizadas estaban situadas nas parroquias de Aldemunde (1), Ardaña (4), Artes (2), Berdillo (1), Bértoa (2), Cances (1), Carballo (3), Entrecruces (2), Goiáns (3), Lema (5), Noicela (2), Oza (1), Razo (7), Rus (4), Sísamo (1), Sofán (8) e Vilela (3). Hai que subliñar que o estudo non se realizou nas fontes públicas situadas en parques que beben da traída municipal. No caso destas útimas, porque a súa calidade xa está acreditada ao ser auga tratada. As análises centráronse nos mananciais públicos que teñan uso frecuente por estar en zonas concorridas como prazas, cruces, camiños ou estradas. Unha vez realizadas as análises, procedeuse á sinalización das fontes para informar aos veciños e veciñas da súa idoneidade. Seguindo a sinalización establecida pola Consellería de Sanidade, colocouse un cartel de "Auga non apta para o consumo" naqueles mananciais que non acreditan a "aptitude da auga" por mor dos resultados do estudo. Tamén se colocou unha sinalización que advirte de que en todos os casos se trata de mananciais "sen garantía sanitaria", xa que, máis aló do momento puntual da realización das análises, o Concello non pode garantir a seguridade do consumo da auga por non estar conectada a unha traída con tratamento da auga. Os resultados do estudo reflicten que non se recomenda o consumo en 31 das 50 fontes analizadas.

Carballo asina un convenio para participar no proxecto Apego para promover o uso do galego dende as idades máis temperás

UN TOTAL DE 12 CONCELLOS PARTICIPAN NA INICIATIVA

Carballo asina un convenio para participar no proxecto Apego para promover o uso do galego dende as idades máis temperás

Luns 23 de marzo do 2015

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de asinar en Santiago de Compostela un convenio de colaboración xunto con outros once municipios (A Baña, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Vigo e Santiago) co obxectivo de incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que adquiren o galego como lingua inicial, e promover que o usen de maneira habitual dende as idades máis temperás en todos os ámbitos, tanto no familiar como no social e nas escolas. A iniciativa pretende a promoción, defensa e divulgación do idioma galego entre a poboación e, de forma moi especial, entre a infancia, para tratar de contribuír a elevar os índices de autoestima e de utilización do noso idioma. Trátase dun proxecto aberto á incorporación de novos actores do ámbito público e tamén de organizacións ou institucións interesadas e comprometidas con este obxectivo. Así, o protocolo asinado hoxe, luns 23 de marzo, establece redes de colaboración entre os concellos e entre departamentos da propia administración municipal para desenvolver de forma conxunta e coordinada o citado programa, en ámbitos de intervención como a familia, as escolas e as actividades extraescolares e de ocio. Entre os compromisos adquiridos figura o de dar a coñecer os argumentos que recomendan o uso do galego coas nenas e cos nenos e facilitar, tanto nas familias como no ámbito educativo, o acceso aos recursos, redes, materiais e servizos que faciliten o obxectivo sinalado. Preténdese igualmente sensibilizar sobre a importancia do legado lingüístico que recibimos e as responsabilidades na súa transmisión.

Aberto o prazo de inscrición até o 31 de marzo para anotarse nunha nova edición da Aula de Gravado Municipal

ESTÁN DISPOÑIBLES UN TOTAL DE 20 PRAZAS

Aberto o prazo de inscrición até o 31 de marzo para anotarse nunha nova edición da Aula de Gravado Municipal

Luns 23 de marzo do 2015

O Concello de Carballo convoca unha nova edición da Aula de Gravado Municipal que se desenvolverá durante o mes de abril nas instalacións do Fórum co obxetivo de incentivar a creación e promoción artística e cultural a través da técnica do gravado. Nesta ocasión, o artista invitado a realizar este obradoiro é Alfonso Costa, recoñecido gravador noiés cunha longa traxectoria artística. Este polifacético artista desenvolveu os seu traballo tanto en España como en Italia, Francia e Alemaña, participando en importantes exposicións, feiras e certames expoñendo os seus deseños. A súa obra é moi creativa e inagotable, e cabe destacar os seus traballos en cartelería ilustrando libros, pintando murais, realizando esculturas e, sobre todo, en gravados. A actividade está orientada a afeccionados ás artes plásticas con experiencia artística e con coñecementos básicos de gravado. Ofértanse un total de 20 prazas e á hora da selección, terase en conta a participación na edición anterior da Aula de gravado, a experiencia artística ou a orde de inscrición. A actividade desenvolverase entre o 6 e o 30 de abril de luns a xoves en horario de 17.00 a 21.00 horas nas instalacións da Aula de Gravado no Fórum Carballo. As solicitudes poden entregarse entre o luns 23 de o o martes 31 de marzo de 10.00 a 14.00 horas no Rexistro Xeral da Concellaría de Cultura no Pazo da Cultura (Rúa do Pan, s/n) ou no Rexistro Xeral da Casa do Concello. Hai que lembrar que a primeira edición da Aula tivo lugar entre finais de 2013 e principios de 2014 baixo a supervisión do artista Manuel Facal con grande éxito de participación.

Luz verde para o contrato de "Mellora de capa de rodadura en Cances Grande, Parroquia de Cances", incluída no POS 2015

ADXUDICADO O MANTEMENTO DAS INSTALACIÓNS CONTRA INCENDIOS

Luz verde para o contrato de "Mellora de capa de rodadura en Cances Grande, Parroquia de Cances", incluída no POS 2015

Luns 23 de marzo do 2015

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar o expediente para a contratación da "Mellora de capa de rodadura en Cances Grande, Parroquia de Cances", un proxecto incluído no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS) 2015. O orzamento de adxudicación ascende a 189.765 euros (IVE incluído). No apartado de contratación, a Xunta de Goberno tamén deu luz verde á adxudicación do contrato administrativo de servizos de "Mantemento das instalacións, equipos e sistemas de protección contra incendios (PCI) do Concello de Carballo". A empresa responsable será APER Seguridad e o prezo unitario de cada sistema de abastecemento BIEs (Bocas de Incendio Equipadas) é de 135 euros. O prazo máximo de execución material do contrato será o de catro anos, prorrogables por mutuo acordo das partes mediante dúas prórrogas anuais. A sesión supuxo, así mesmo, a aprobación dunha prórroga para o III Plan de Igualdade de Oportunidades do Concello de Carballo durante dous anos máis. Tamén recibiu luz verde a celebración da V Carreira popular 10 Km Concello de Carballo, que está previsto que se celebre o 21 de xuño deste ano a partir das 9.30 horas polas principais rúas da capital municipal e que está cualificada como "proba oficial da Federación Galega de Atletismo con distancia homologada". A cita tamén conta coa colaboración da Deputación da Coruña xa que está incluída no seu circuíto de carreiras populares.

O Concello emprende unha campaña informativa de Carballo Limpo o domingo 22 de marzo coincidindo coa feira tradicional

REPARTIRANSE FUNÍS PARA O ACEITE USADO A PARTIR DAS 11.00 HORAS

O Concello emprende unha campaña informativa de Carballo Limpo o domingo 22 de marzo coincidindo coa feira tradicional

Venres 20 de marzo do 2015

O Concello de Carballo informa de que na feira tradicional que ten lugar o domingo 22 de marzo está previsto realizar unha campaña informativa de Carballo Limpo no recinto da Milagrosa. Desde hai un tempo, desde o concello se está actuando nun dos aspectos importantes do ciclo da auga para tentar minimizar os efectos dos aceites vertidos polos sumidoiros nos fogares, algo que afecta ao proceso de depuración de augas, coa implantación coa colaboración da empresa Reave dun sistema de recollida de aceite de cociña usado. Durante a actividade do domingo, que comeza ás 11.00 horas, está previsto repartir 500 funís para axudar á reciclaxe de aceite e tamén para ofrecer información sobre a compostaxe doméstica, para o que estarán dispoñibles dúas persoas. Lembrámoslle á cidadanía que os colectores laranxas de recollida de aceite onde se poden depositar as botellas cheas deste residuo están situados nas dúas piscinas municipais, no antiguo ambulatorio, no Pazo da Cultura, no Concello, no mercado de abastos e o Fórum Carballo. Desde Carballo Limpo agradécese de antemán a colaboración da cidadanía chamando ao 981 75 49 17, no web <www.carballolimpo.com> ou en Twitter @CarballoLimpo.

Compartir: