Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Concello vén de poñer en marcha, contratar ou proxectar redes de saneamento que darán servizo a 400 veciños e veciñas

LUZ VERDE PARA A CONTRATACIÓN DE DÚAS REDES EN BÉRTOA

O Concello vén de poñer en marcha, contratar ou proxectar redes de saneamento que darán servizo a 400 veciños e veciñas

Xoves 19 de marzo do 2015

O Concello carballés acaba de poñer en servizo, contratar ou proxectar novas redes de saneamento en distintos puntos do municipio que darán servizo a máis de 400 veciños e veciñas. Así, vén de entrar en servizo a 2ª fase da rede de saneamento en Castelo, parroquia de Vilela, un proxecto incluído no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de carácter municipal (POS) de 2013. A empresa adxudicataria dos traballos foi Viaqua SAU por un importe de 112.827,64 euros (IVE incluído). Hai que mencionar que nos últimos meses de 2014, xa entraran tamén en servizo as redes de saneamento en Liñares e Nogareda, na parroquia de Rus. Por outra banda, este mes de marzo asinouse o contrato para a execución dunha "Rede de saneamento en Cances da Vila, parroquia de Cances", unha actuación que foi adxudicada á empresa Construcciones Ramón Vázquez y Reyno SL por un importe de 52.514 euros (IVE incluído) e que ten un prazo de execución de tres meses, polo que estará rematada durante o primeiro semestre deste ano, ao igual que as redes de A Costa e O Esmorís en Berdillo e O Zarrallo en Sofán. Así mesmo, hai que mencionar que está pendente de contratación a rede de saneamento en O Añón e Porto Lago na parroquia de Bértoa, aprobada en 2014. Tamén o están as de Outeiros, en Rus e O Rodo, en Oza, aprobadas no POS 2015, xa que esperan da autorización de Augas de Galicia para poder executarse. Por outra banda, nos últimos catro anos, elimináronse ata nove pequenas fosas rurais que presentaban mal funcionamento e verquidos, sendo substituídas por estacións de bombeo.

Carballo conmemora o Día da Árbore cunha plantación no Parque do Anllóns e cunha ruta guiada por Aldemunde

AS CITAS ESTÁN PREVISTAS O 21 E 29 DE MARZO

Carballo conmemora o Día da Árbore cunha plantación no Parque do Anllóns e cunha ruta guiada por Aldemunde

Xoves 19 de marzo do 2015

A Asociación Ambiental Senda Nova e o Concello de Carballo, coincidindo co Día da Árbore e o Día Internacional dos Bosques que se conmemora o 21 de marzo, organizan unhas Xornadas de Interpretación dos Bosques que teñen como obxectivo sensibilizar sobre a protección das especies autóctonas e das manchas arbóreas propias do clima atlántico. Ademais, as citas tamén pretenden poñer en valor os espazos naturais da comarca. As actividades comezan coa celebración do Día da Árbore, que este ano será no Parque do Anllóns e terá como principais protagonistas aos nenos e nenas padriños e madriñas que o ano pasado plantaron a súa árbore autóctona no Horto Infantil Ecolóxico da rúa Nardos. Serán os encargados de trasladalos ao seu lugar definitivo no Parque despois dun ano de coidados e crecemento no Horto. Todos os interesad@s poden achegarse a colaborar coa plantación. Só fai falla levar un cubo e unha pa para realizar o traballo. A cita está programada para o domingo 22 de marzo ás 11.30 horas no Parque do Anllóns. Tamén en Carballo, está prevista para o 29 de marzo un roteiro polos Camiños de Aldemunde durante todo o día, xa que hai novos tramos e camiños abertos para o goce do fermoso bosque da parroquia. Os interesad@s en participar poden anotarse no Horto Infantil Ecolóxico os mércores, xoves e venres da semana do 23 ao 29 de marzo en horario de 16.00 a 19.00 horas. O prezo é de 6 euros, e de 3 euros para socios e socias de Senda Nova.

Carballo prepara xa a terceira edición do Día do Pequebasket, que contará coa colaboración do Concello e da Federación

COMO CADA ANO, A CITA SERÁ O 17 DE MAIO, DÍA DAS LETRAS

Carballo prepara xa a terceira edición do Día do Pequebasket, que contará coa colaboración do Concello e da Federación

Xoves 19 de marzo do 2015

O equipo organizador do Día do Pequebasket xa está organizando a terceira edición desta xornada lúdica, festiva e deportiva que se celebrará o vindeiro 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas e coa que colabora dende o primeiro ano o Concello de Carballo. Arturo Ferraces, director deportivo da Escola BasketXiria, e Marcos Díaz Molk, membro da xunta directiva, mantiveron unha reunión na Federación Galega de Baloncesto que resultou moi frutífera. Na xuntanza, na que participaron o presidente da Fegaba, Francisco Martín; a secretaria xeral, Susana Fernández: e as responsables de eventos e prensa, a Federación expresou o seu total apoio á iniciativa, considerada xa como un evento de referencia autonómica que mesmo está sendo imitado en outros lugares de dentro e fóra de Galicia. Precisamente, dado o éxito e a repercusión que tivo o 2º Día do Pequebasket, nesta terceira edición barállase a posibilidade de contar con equipos de fóra de Galicia e mesmo procedentes do Norte de Portugal. Polo momento, a Fegaba está completamente implicada e decidida a colaborar coa Escola BasketXiria para impulsar a actividade, que novamente reunirá en Carballo a centos de nenos de 5 a 8 anos para gozar dunha xornada multideportiva, lúdica e festiva co baloncesto como pano de fondo.

O Horto Infantil, APEM e "Derrubando muros con pintura" colaboran para unir arte, natureza e inserción social

REHABILITARASE A CONTORNA DO MURAL DE EMI DE LAS HERAS

O Horto Infantil, APEM e "Derrubando muros con pintura" colaboran para unir arte, natureza e inserción social

Xoves 19 de marzo do 2015

Os usuarios e usuarias de APEM (Asociación Pro Enfermos Mentais) en Carballo, que dende hai meses veñen traballando no Horto Infantil Ecolóxico, axudarán agora a rehabilitar a contorna do mural que a artista carballesa Emi de las Heras realizou para a iniciativa "Derrubando muros con pintura", creando unha zona axardinada baixo a dirección dos monitores do Horto. Dan así un paso máis na terapia de traballo cos cultivos e as plantas que realizan cada semana nas instalacións da rúa Nardos, entrando nun proxecto novo que, segundo explica o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, servirá non só para "poñer en valor" o traballo de Emi de las Heras, senón tamén para "visibilizar a través da arte urbana o labor que se fai en APEM". Dende a creación do mural de "Derrubando muros", Regueira explica que había unha problemática cos coches -xa que a pintura está situada nun solar onde hai unha área de estacionamento gratuíta e os vehículos podían danala- e tamén, pola disposición da fachada da vivenda na que se sitúa, de acumulación de lixos e malas herbas. Agora, despois de retirarse os residuos e as silvas, os usuarios e usuarias de APEM traballarán baixo a dirección dunha das monitoras do Horto Infantil para crear unha pequena zona verde que separe a pintura dos coches e que cree un espazo con flores e plantas. Deste xeito, subliña Regueira, "daráselle máis dimensión ao traballo de APEM". O Concelleiro tampouco descarta que no futuro se realicen intervencións noutros murais, como os situados nas paredes do antigo colexio "Leus" ou o de Paula Fraile nas Catro Portas.

 Carballo será a sede galega de referencia do programa internacional de balonmán

PARTICIPAN O CONCELLO, BALONMÁN XIRIA, A FGB E PAÍSES BAIXOS

Carballo será a sede galega de referencia do programa internacional de balonmán

Xoves 19 de marzo do 2015

O Concello de Carballo vén de anunciar que será a sede do programa internacional "Handball in Galicia and Holland" ("Balonmán en Galicia e Holanda"), unha iniciativa que vai máis aló do intercambio de experiencias para centrarse na formación de profesionais e na detección de novos talentos, tanto entre os xogadores coma entre os adestradores e os árbitros, no eido desta disciplina deportiva. O proxecto concrétase nun convenio de colaboración entre tres entidades holandesas (The Hague University, Nederlansd Handball Verbond e Provincie Holland Zuid) e outras tres galegas (Concello de Carballo, Escolas Balonmán Xiria e Federación Galega de Balonmán). A iniciativa foi presentada hoxe, xoves 19 de marzo, nun acto no que participaron José Luis Pérez Ouro, presidente da Federación Galega de Balonmán; Javier Álvarez, vicepresidente; Bruno López, delegado territorial; Marcos Trigo, Concelleiro de Deporte; José Antonio Rodríguez Fraga, Vicepresidente das Escolas Balonmán Xiria, e Danielle Den Hertog, unha estudante holandesa que estará en Carballo durante o período de desenvolvemento do programa, do 27 de abril ao 5 de xullo. Nesta primeira visita tivo a oportunidade de coñecer a vila na que residirá durante máis de dous meses, así como as instalacións deportivas municipais. A iniciativa amosa que o traballo que veñen realizando as entidades e o Concello no eido deportivo segue a dar os seus froitos, neste caso co desenvolvemento dunha iniciativa internacional que será enriquecedora para a vila e para o seu deporte.

O Concello emprende a reparación dun total de 38 rúas da capital municipal coa dotación dunha nova capa de aglomerado

OS TRABALLOS PROLONGARANSE ARREDOR DE DÚAS SEMANAS

O Concello emprende a reparación dun total de 38 rúas da capital municipal coa dotación dunha nova capa de aglomerado

Mércores 18 de marzo do 2015

Veñen de comezar estes días os traballos do "Proxecto de reparación de varias rúas do casco urbano de Carballo", que está previsto que se prolonguen durante as próximas semanas aproveitando as boas condicións meteorolóxicas. As actuacións consisten na reparacion daquelas vías, un total de 38, nas que xa se aprecian defectos no pavimento, tales como pel de crocodilo, figuración, fochas, descarnaduras, etc., levándose a cabo un labor de mantemento correctivo, reparando aquelas zonas onde o dano aínda non afectou ás capas base do firme, fresando a capa superficial e volvendo a pavimentar con aglomerado a zona afectada. Os traballos principiaron hoxe na contorna da rúa Castelao (na imaxe), e tamén se realizarán nas rúas Camelias, Alcalde Peinador, Violetas, Begoñas, Tomiño, Darwing, Avenida de Bergantiños, Otero Pedrayo, Ramón y Cajal, Santa María, San Xoán Bautista, Glorieta do Polígono de Bértoa, Alfredo Brañas, Cuba, Fomento, Laracha, Perú, Ponte da Pedra, Ponte, Tarragona, Vila de Noia, Fernando Camarot, Manuel de Falla, Marte, Vila de Cee, Vila de Ponteceso, Vila de Coristanco, Pintor Luís Seoane, Mirtos, Camelias, Caravel, Moreiras, Gardenias, Salqueiros, Lirios, Fiúnchos e Bos Aires. A empresa encargada de realizar os traballos é Construcciones López Cao SL por un importe de 165.770 euros (IVE incluído). Por último, hai que mencionar que nos últimos días tamén se están realizando os labores para repintar os pasos de peóns do casco urbano.

XOVES 19 DE MARZO ÁS 21.00 HORAS

"O crédito" de Jordi Galcerán chega ao auditorio do Pazo da Cultura da man de Eme2, "Morris" e Pedro Alonso

Mércores 18 de marzo do 2015

Esta semana os Venres Culturais baixan o pano da súa programación teatral co espectáculo "O crédito" da produtora Eme2. O texto foi escrito por un dos dramaturgos máis importantes da escena actual catalá, Jordi Galcerán, e vén avalado polo seu enorme éxito nas carteleiras de España. Os seus textos tratan temas de actualidade e reflexionan en clave traxicómica sobre aspectos esenciais da nosa vida cotiá. Este traballo está protagonizado por dous populares e televisivos actores, Antonio Durán "Morris" e Pedro Alonso. Ofrecen unha comedia sinxela e áxil que nos enfronta a conflitos universais como o medo á soidade, o temor a perder aquelas cousas acadadas e o desequilibrio entre as relacións persoais. Dous personaxes enfrontados en situacións comprometidas, humor sen artificios, diálogos trepidantes, e un final en clave de comedia que fascinará ao espectador. Cando precisas cartos vas ao banco e pides un crédito. Se non cho conceden volves para a casa, coa cabeza gacha, pensando que os tempos cambiaron, que o crédito non flúe... pero se cadra, hoxe non. A produtora Eme2, Emoción&Arte, volve contar coa dirección de Fernando Bernués, director habitual da compañía vasca Tanttaka Teatroa, cuxos traballos destacan por unha coidada estética e unha laboura que imprime emoción. A cita é o xoves 19 de marzo ás 21.00 horas; o prezo da entrada é de 4 €, ou ben 3 € para estudantes e maiores de 65 anos. As entradas poden reservarse na Concellaría de Cultura (981 704 300).

Carballo levará a pleno a subsanación documental do PXOM e expuxo o acordo da Comisión de Urbanismo en Augas de Galicia

ENTREVISTA EN SANTIAGO DO ALCALDE CO DIRECTOR DE AUGAS

Carballo levará a pleno a subsanación documental do PXOM e expuxo o acordo da Comisión de Urbanismo en Augas de Galicia

Mércores 18 de marzo do 2015

O Concello someterá á aprobacion do pleno da corporación a subsanacion documental da aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Carballo. Así o explica a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, que informa que esta foi a recomendación que o Concello recibiu por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas despois de notificárselle o acordo unánime adoptado a pasada semana na Comisión informativa de Urbanismo e Medio Rural que contou con presenza de todos os voceiros municipais, así como de membros do equipo redactor do PXOM e técnicos municipais, sobre as medidas que se adoptarán para cumprir coa integridade documental do planeamento. Así, respecto do aspecto máis relevante, referido aos ámbitos UU-R13 e UU-R14, que están afectados pola zona de fluxo preferente recollida nos mapas de zonas inundables do Plan Hidrográfico de Galicia Costa que está en proceso de ser aprobado definitivamente pola Xunta, acordouse por unanimidade que o Concello carballés siga o mesmo criterio que outros concellos que tamén están en proceso de aprobar o seu planeamento de forma definitiva e que se atopan nunha circunstancia similar. Este acordo tamén lle foi exposto hoxe ao director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, nunha xuntanza en Santiago de Compostela á que acudiron o Alcalde, Evencio Ferrero, e a propia Milagros Lantes, na que tamén se lles reiterou que foi un acordo aprobado por unanimidade pola Comisión de Urbanismo.

Arrinca un Curso de Competencias Clave e remata un de Mozo de Almacén organizados pola Bolsa de Traballo Municipal

UN TOTAL DE 75 PERSONAS PARTICIPAN NESTAS ACCIÓNS FORMATIVAS

Arrinca un Curso de Competencias Clave e remata un de Mozo de Almacén organizados pola Bolsa de Traballo Municipal

Martes 17 de marzo do 2015

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de presentar hoxe, 17 de marzo, un Curso preparatorio para as Competencias Clave organizado pola Bolsa de Traballo Municipal (BDT). Esta acción formativa contará coa asistencia de 50 persoas que están inscritas na BDT e ten como obxectivo axudar aos demandantes de emprego a preparar as competencias en lingua galega e matemáticas e a competencia en lingua castelá. A actividade está dirixida a todas aquelas persoas que desexen optar aos Certificados de Profesionalidade de nivel 2, nos que se lles esixe a cualificación académica da ESO (que non posúen). O alumnado estará dividido en dous grupos, un de mañá (en horario de 9.30 a 13.30 horas) e outro de tarde (de 16.00 a 20.00 horas), e cada grupo conta con 25 prazas. Ao finalizar esta formación, o alumnado estará preparado para acudir ás probas que organiza a Xunta de Galicia (Consellería de Traballo) o 23 de maio en Silleda. Evencio Ferrero, que estivo acompañado pola responsable da Bolsa de Traballo e polas persoas encargadas de impartir o curso, quixo desexarlle a todos e todas as participantes que a cita contribúa á súa formación e que lles permita mellorar as súas posibilidades de inserción no mercado laboral. Así mesmo, hoxe rematou un Curso de Mozo de Almacén da BDT que tamén se estivo desenvolvendo no Fórum Carballo e do que se beneficiaron 25 persoas (23 alumnos e dúas alumnas).

Albert Llovera, Martín Varela e Manuel Ríos transformaron o inForum15 nunha xornada chea de motivación e loita

O FORUM ENCHEUSE PARA FALAR DE DIVERSIDADE FUNCIONAL

Albert Llovera, Martín Varela e Manuel Ríos transformaron o inForum15 nunha xornada chea de motivación e loita

Venres 13 de marzo do 2015

De novo o inForum15 transformou o auditorio do Fórum Carballo, que neste caso estivo case cheo para reflexionar sobre a diversidade funcional baixo a dirección de Adolfo López Baña, presidente da Asociación Íntegro, que tirou varias conclusións, entre elas que "a diversidade é enriquecedora". Martín Varela Dourado, Manuel Ríos e Albert Llovera foron uns convidados de excepción que falaron da súa experiencia persoal dente o punto de vista da motivación, da loita e da esperanza. O primeiro en falar, precisamente porque tiña que marchar para coller un tren e participar nun campionato, foi o tenista Martín Varela Dourado, que insiste na súa condición de deportista, porque "nós non somos persoas en cadeira de rodas que xogan ao tenis, somos simplemente tenistas". A súa traxectoria como campión nas pistas fala por el, pero tamén o seu espírito de loita, porque "se eu me sinto capacitado para facer unha cousa, quen é ninguén para dicirme que non podo". Quixo manifestar a súa sorpresa por que as empresas e as institucións non se impliquen máis coas persoas con diversidade funcional, para as que, asegura "sempre hai escusas", pero non gañas de colaborar. Aínda así, transmitiu unha mensaxe moi positiva de esperanza e superación. O mesmo que Manuel Ríos, copiloto de rallies que compite a pesar de ter nacido sen extremidades. Aínda que afirma que "moitas veces póñennos máis trabas das que realmente temos" e que "para unha persoa coma min é moi difícil encontrar traballo", tamén asegura que ten a posibilidade de facer o que lle gusta, aínda que con moito esforzo.

A fidelización do cliente, as novas tecnoloxías ou adaptar horarios, retos do sector comercial de Carballo e comarca

PRESENTADOS OS ESTUDOS DE 2014 DO OBSERVATORIO ECONÓMICO LOCAL

A fidelización do cliente, as novas tecnoloxías ou adaptar horarios, retos do sector comercial de Carballo e comarca

Venres 13 de marzo do 2015

O presidente da Cámara de Comercio da Coruña, Marcelo Castro-Rial Schuler, e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, veñen de presentar no Viveiro de Empresas de Bértoa os dous estudos realizados polo Observatorio Económico Local de Carballo durante o ano 2014. Un deles trata sobre "A dinamización do comercio en Carballo e a súa área de influencia", e o outro é unha "Aproximación ao mercado do crédito en Carballo e a súa área de influencia". Durante a presentación, o presidente da Cámara quixo resaltar o papel da Antena Local, sinalando que "a colaboración co Concello de Carballo permitiu manter esta Antena durante máis de dez anos, prestándose servizo a unhas 550 empresas da comarca e a case 700 emprendedores, así como a numerosos colectivos e asociacións empresariais". Castro-Rial tamén avanzou que a Antena entra agora nunha nova conxuntura, xa que deixará de contar co financiamento de fondos europeos, aínda que resalta que "isto non significa que a Antena vaia desaparecer" e espera abrir novas liñas de colaboración. Evencio Ferrero, pola súa banda, subliñou que a Antena se puxo en funcionamento hai máis dunha década "porque Carballo ten que contribuír á dinamización empresarial". Manifestou a vontade do Concello de seguir "colaborando no desenvolvemento de actividades para favorecer o desenvolvemento empresarial" e subliñou que espera que a implantación de dez novas empresas no Polígono de Bértoa despois da adxudicación de parcelas de Xestur sexa importante para a "dinamización económica do conxunto do territorio".

Compartir: