Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Carballo colabora coa celebración dunha carreira solidaria nocturna por parellas que terá lugar o sábado 11 de abril

XA ESTÁ ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN, ATÉ O 4 DE ABRIL

Carballo colabora coa celebración dunha carreira solidaria nocturna por parellas que terá lugar o sábado 11 de abril

Venres 13 de marzo do 2015

O Club Atletismo Carballo, en colaboración co Concello, a Deputación e a Federación Galega de Atletismo organiza a I Carreira Popular por parellas "De dous en dous" que se celebrará o sábado 11 de abril. Esta proba ten un carácter solidario a favor dos máis desfavorecidos e desfavorecidas e será nocturna, a partir das 19.00 horas. Segundo explica Moncho Ríos, de Atletismo Carballo, o obxectivo da cita é celebrar unha "carreira diferente", non só pola nocturnidade e a solidariedade, senón tamén porque na categoría de adultos as parellas estarán unidas por unha banda elástica. Asunción Vázquez, presidenta de Atletismo Carballo, tamén subliña o esforzo realizado, coa colaboración da Asociación Aloumiños, para incluír na cita a persoas con diversidade funcional "que realizarán a mesma carreira que os demais". Así mesmo, quixo lembrar a Jesús Carpinteiro "por todo o que fixo polo deporte e o seu carácter humano"; e desexou que a xornada sexa, ademais de competitiva, "moi festiva". Respecto do circuíto, a saída de todas as probas está prevista na rúa Gran Vía á altura da rúa Álvarez de Sotomayor e as inscricións pecharanse unha semana antes da proba, o 4 de abril, cun tope de 600 participantes. As anotacións son gratuítas para todas as categorías, coa opción "non obrigatoria e solidaria" de entregar un litro ou quilo de comida non perecedoira ao recoller o dorsal en beneficio de Cruz Vermella e Cáritas. Tamén hai un "dorsal 0" para que o público que o desexe achegue un quilo de comida. Os interesados e interesadas en anotarse poden formalizar a inscrición clicando aquí.

O alumnado do curso de mozo de almacén organizado pola Bolsa de Traballo de Carballo visita Inditex

PODERÁN VER UN EXEMPLO PRÁCTICO NAS INSTALACIÓNS DE ARTEIXO

O alumnado do curso de mozo de almacén organizado pola Bolsa de Traballo de Carballo visita Inditex

Xoves 12 de marzo do 2015

Os alumnos e alumnas do curso de mozo de almacén organizado pola Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo visitan o xoves 12 de marzo as instalacións de Inditex en Arteixo. Os 25 Participantes nesta acción formativa poderán ver un exemplo práctico do que están aprendendo na aula do Fórum sobre a organización do traballo, a cadea de montaxe, o sistema de traballo, os operativos, a distribución do traballo ou a maquinaria que usa unha empresa de referencia mundial no sector téxtil. O curso de mozo de almacén, que comezou o 25 de febreiro e remata o 17 de marzo, inclúe 70 horas de formación teórica e outras tantas de prácticas profesionais en empresas. Os participantes, 23 homes e 2 mulleres, teñen de 25 a 50 anos de idade e non tiñan (ou tiñan moi pouca) experiencia previa como mozos de almacén. O principal obxectivo do curso é que o alumno desenvolva e execute de forma correcta as tarefas propias das ocupacións de mozo de almacén: preparar pedidos e expedición, condución de equipos e maquinaria de almacén, dominar a documentación específica (albarás, follas de stocks, referencias), carga e descarga de mercadorías, recepción, etiquetaxe e situación das mercadorías, fronteo e ordenamento. Neste sentido está prevista unha unidade formativa específica sobre carretas elevadoras. O Plan de Formación da BDT para o primeiro semestre do 2015 tamén inclúe cursos de competencias clave, hostalería, prevención de riscos e comercio. Neste último xa comezou o período de prácticas en empresas.

Aberto o prazo até o 21 de marzo para anotarse nun Curso de menús para eventos dirixido ao sector hostaleiro

TERÁ LUGAR O 23 E 25 DE MARZO NO FÓRUM CARBALLO

Aberto o prazo até o 21 de marzo para anotarse nun Curso de menús para eventos dirixido ao sector hostaleiro

Xoves 12 de marzo do 2015

Co obxectivo de seguir proporcionando unha formación continua e de calidade ao sector turístico de Carballo, a Concellaría de Promoción Económica e Turismo ofrece un novo curso de balde para os hostaleiros no que se combina unha parte teórica co desenvolvemento de exercicios prácticos e que leva por nome "Elaboración de menús para eventos". O responsable comercial dun restaurante ou hotel, debe ter un bo dossier informativo claro, conciso e atractivo para ofertar eventos. Polo tanto, ten que saber elaborar OS menús que quere ofrecer, calcular os custos e saber organizar e comunicar as tarefas ao resto dos departamentos. Ademais, ten que saber analizar os resultados para así facer orzamentos para novos menús. O curso centrarase en desvelar as claves para poder realizar estas tarefas. Será impartido por dúas docentes, Raquel Fondevilla e María José Agrafojo, xa coñecidas polo sector e que xa ofreceron formacións en anteriores iniciativas. O curso desenvolverase o luns 23 e o mércores 25 de marzo de 16.00 a 19.00 horas no Fórum Carballo e conta cun máximo de 20 prazas. O prazo de incrición está aberto até o sábado 21 de marzo. Os interesados e interesadas en participar debe cubrir unha ficha que pode recollerse no Museo de Bergantiños (Rúa Martín Herrera, número 8) ou enviala ao enderezo electrónico <

As 10 novas empresas que se instalarán no polígono de Carballo terán unha bonificación do 95 por cento no ICIO

XESTUR VÉN DE ADXUDICAR PRETO DE 75.000 METROS CADRADOS

As 10 novas empresas que se instalarán no polígono de Carballo terán unha bonificación do 95 por cento no ICIO

Mércores 11 de marzo do 2015

O Concello de Carballo aplicará unha bonificación do 95 por cento do ICIO (Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras) ás dez novas empresas que se instalarán no Parque Empresarial de Bértoa. Esta medida fiscal está incluída na ordenanza reguladora correspondente e constitúe un aliciente máis para atraer novos investimentos ao parque empresarial, especialmente nun momento no que a economía necesita, tanto a nivel xeral coma local, estímulos que contribúan á posta en marcha de novas empresas e á conseguinte xeración de emprego. Xestur vén de adxudicar no polígono industrial de Carballo un total de 74.875 metros cadrados de solo repartidos en dez parcelas, segundo as solicitudes presentadas por outras tantas empresas. A máis importante corresponde a Gallega de Mallas SL, cun total de 35.063 metros cadrados. As demais son Barreiro e Hijos Suministros SL (1.452 metros), José Edesio Cancela Pose (1.930), Casas Cube (21.982), Comercial JM Romay (4.274), Construcciones Janasú (717), Mª Esther Pose Andrade (717), Productos Químicos Bergantiños SL (1.930), Rali 2003 (1.930) e Comercial Romay Castro SL (4.880). Todas elas beneficiáronse dunha bonificación do 50 por cento que permitiu situar o prezo do metro cadrado entre 30,56 e 42,35 euros e facilitar así o acceso dos empresarios ao solo industrial. Os adxudicatarios teñen tres anos de prazo para construír as súas instalacións e tramitar a licenza.

Fotografía, música e teatro con Os Potiños, aCadaCanto e Abrapalabra nos Venres Culturais esta fin de semana

XOVES 12, VENRES 13 E DOMINGO 15 DE MARZO NO PAZO DA CULTURA

Fotografía, música e teatro con Os Potiños, aCadaCanto e Abrapalabra nos Venres Culturais esta fin de semana

Mércores 11 de marzo do 2015

Os Venres Culturais comezan unha fin de semana intensa con tres novas actividades: a apertura da exposición "Diferentes miradas", o concerto de aCadaCanto e a obra de teatro "Ra, Ra, Ra", do ciclo En Familia. Comezamos o xoves 12 de marzo coa apertura da exposición "Diferentes miradas" da Asociación Fotográfica Os Potiños e que estará aberta ata o 29 de marzo no andar -1 do Pazo da Cultura. "Diferentes miradas" é unha mostra fotográfica de diferentes formas de expresión de cada un dos dezaseis membros que colaboran nesta exposición. Iníciase cunha visión creativa e de composición e abrangue outros xéneros como os retratos, paisaxes, xeitos de vida e fotografías de temática máis persoal e familiar, na que se pode ver a motivación creativa de liberdade absoluta e o toque persoal de cada un dos compoñentes da asociación. A Asociación Fotográfica Os Potiños do Carballiño (Ourense) conta con xa 30 anos de traxectoria e foi adaptando a súa actividade aos cambios tecnolóxicos que se produciron no mundo da fotografía. Dende a cámara analóxica á dixital, do revelado de fotos en branco e negro ao procesado no ordenador con programa informáticos. Pero sempre sen perder o fío esencial: a fotografía como arte e vehículo de comunicación. O horario de visita da exposición é de 18.00 a 21.00 horas de luns a domingo.

A Xunta pide que se subsanen varios aspectos da documentación do PXOM, o que se fará antes de que remate a semana

DEBE XUSTIFICARSE A INCLUSIÓN DE DOUS ÁMBITOS NO PLANEAMENTO

A Xunta pide que se subsanen varios aspectos da documentación do PXOM, o que se fará antes de que remate a semana

Mércores 11 de marzo do 2015

O Concello de Carballo vén de recibir os requirimentos por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta respecto da "integridade documental" do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Carballo. Así, a Xunta conta cun mes dende que se lles remite o plan para comprobar que está incluída toda a documentación e esixir as pertinentes subsanacións, en caso de ser necesarias. Xusto no día en que se cumpría o prazo dun mes, o pasado martes 10 de marzo, a notificación da Xunta foi recibida no Rexistro de Entrada do Concello. Segundo explican tanto o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, como a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, a consellería refírese a tres aspectos da documentación, dos cales dous son "cuestións nimias", puntualizan. Así, un recolle a necesidade de que conste unha comunicación á Consellería de Facenda da Xunta da aprobación inicial e provisional do PXOM; e o outro demanda a inclusión dunha cuadrícula de "servidume de estradas", un plano de ordenación do núcleo rural do Quinto e unha xustificación dos criterios das Directrices de Ordenación do Territorio. Non obstante, o terceiro aspecto refírese a dous ámbitos, o UU-R13 e o UU-R14, que están afectados pola zona de fluxo preferente recollida nos mapas de zonas inundables do Plan Hidrográfico de Galicia Costa que está en proceso de ser aprobado definitivamente pola Xunta. Son dous ámbitos de solo urbano non consolidado que se informan "desfavorablemente" e que están situados na zona do San Martiño e nunha área na contorna da rúa Vila de Negreira da capital municipal.

O Concello colabora coa celebración dun Curso gratuíto de Condución Segura que terá lugar o sábado 14 de marzo

ABERTA A INSCRICIÓN EN MÁIS MOTOR PARA MAIORES DE 18 ANOS

O Concello colabora coa celebración dun Curso gratuíto de Condución Segura que terá lugar o sábado 14 de marzo

Mércores 11 de marzo do 2015

A Escudaría Máis Motor xunto coa autoescola San Martín, coa colaboración do Concello de Carballo e a Escola de Autocross ofrecen aos veciños e veciñas maiores de 18 anos a posibilidade de participar nun Curso gratuíto de Condución Segura. Os participantes poderán beneficiarse dunha aprendizaxe inicial que supón o primeiro nivel nos cursos de condución e recibirán unha serie de claves que poden contribuír á prevención de accidentes de tráfico. A actividade celebrarase o sábado 14 de marzo na área pública de estacionamento do Centro Comercial Bergantiños Gadis, que tamén colabora na iniciativa. Hai 30 prazas dispoñibles, que se cubrirán por orde de inscrición. As persoas interesadas atoparán o formulario de solicitude de praza na páxina web <www.maismotor.es>, clicando aquí. Os 30 participantes dividiranse en dous grupos de 15 persoas, aínda que durante a formación teórica, de 13.30 a 14.30 horas, estarán todos xuntos. Para a parte práctica do curso haberá unha quenda de 09.00 a 13.30 horas e outra de 13.30 a 19.00 horas. O obxectivo, subliña Juan Puga, presidente de Máis Motor, é o de ofrecer as ferramentas necesarias para saber "como actuar en caso de vivir algún percance na estrada". Avanza que esta cita está enmarcada dentro do obxectivo da escudaría de "facer algo máis que carreiras" e informa de que xa hai bastantes inscritos. O Alcalde, Evencio Ferrero, asegura que este tipo de citas son "moi necesarias" para afondar na "cultura automobilística" e na "condución responsable". Espera que se cubran todas as prazas e que a iniciativa redunde nunha maior seguridade "tanto para vehículos como para peóns".

Carballo convoca un ano máis o Premio a artigos xornalísticos sobre lingua, que chega á súa décimo primeira edición

PRAZO DE PRESENTACIÓN DE ARTIGOS INÉDITOS: ATÉ O 15 DE ABRIL

Carballo convoca un ano máis o Premio a artigos xornalísticos sobre lingua, que chega á súa décimo primeira edición

Martes 10 de marzo do 2015

O Concello de Carballo, desde o seu Servizo de Normalización Lingüística (SNL) e en colaboración con diversos medios de comunicación escrita, convoca a décimo primeira edición do Premio a artigos xornalísticos normalizadores, un certame que ten como obxectivos promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e fomentar o uso e prestixio do idioma galego e promover o seu uso na prensa. Calquera persoa que teña algo que dicir con respecto á lingua pode presentarse a este certame. Para iso debe escribir un artigo de entre 1.800 e 3.300 caracteres con espazos incluídos e entregalo ou envialo ao Pazo da Cultura de Carballo ata o 15 de abril de 2015. Nese artigo pode falar sobre a situación sociolingüística do noso país, o fomento da lingua galega, o seu estatus, o argumentario a prol do uso do galego, a lexislación e os dereitos lingüísticos, experiencias sociolingüísticas concretas, propostas para o impulso do uso e prestixio social do galego, experiencias útiles ou favorables para a dinamización da lingua, política lingüística en xeral ou nalgún ámbito ou situación determinada, etc. Outorgarase un premio económico ao artigo gañador, dotado con 1.000 euros, ademais da difusión nos diversos medios de comunicación colaboradores: Diario de Bergantiños, El Correo Gallego, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos.

A Biblioteca Rego da Balsa acolle a proxección de "Angrois no esquecemento", documental sobre o accidente de Santiago

MÉRCORES 11 DE MARZO ÁS 19.00 HORAS

A Biblioteca Rego da Balsa acolle a proxección de "Angrois no esquecemento", documental sobre o accidente de Santiago

Martes 10 de marzo do 2015

Ano e medio despois da traxedia do Alvia 04155 en Angrois, Santiago de Compostela, as vivencias persoais e as interrogantes sobre porqué descarrilou o tren aquel 24 de xullo seguen no pensamento dos que lles tocou estar alí. Vítimas, familiares, profesionais dos servizos de urxencia e persoas anónimas que colaboraron no rescate son a única voz deste documental de testemuñas. Intentan ir superando aquela data, recordando os seus, mentres acusan as institucións de facer todo o posible para deixar Angrois no esquecemento sen esclarecer a verdade. Despois do desconcerto dos primeiros momentos, as vítimas e as familias seguen a loitar pola creación dunha comisión de investigación no Parlamento na que se depuren as responsabilidades políticas deste caso. Esixen que se reparen os danos causados e que se garanta que se tomarán todas as medidas necesarias para evitar que un accidente semellante poida ocorrer. O documental "Angrois no Esquecemento" está narrado por unha vintena de voces que, con repouso e reflexión, intentan asimilar e explicar o que supuxo nas súas vidas a traxedia do Alvia: familiares que se esmeran por superar as ausencias que deixou o accidente; superviventes que loitan coas secuelas físicas e psicolóxicas daquela data; profesionais que admiten como se viron superados pola magnitude da traxedia, e que narran o que tardaron en asimilar xornadas interminables de traballo nas que perderon a noción do tempo; e veciños e persoas anónimas que se botaron ás vías sen pensalo e a quen converteron en heroes sen eles buscalo.

Comezan as titorías individuais para os 18 comerciantes que participan no curso de atención ao cliente da OPE

ABERTO O PRAZO PARA ANOTARSE NUN CURSO DE MARKETING

Comezan as titorías individuais para os 18 comerciantes que participan no curso de atención ao cliente da OPE

Luns 9 de marzo do 2015

Os e as comerciantes que participan no curso de atención ao cliente e fidelización organizado pola Oficina de Promoción Económica (OPE) de Carballo veñen de rematar a primeira fase da acción formativa, na que estudaron técnicas de comunicación cos clientes, xestión das reclamacións e organización de campañas, entre outras. Comeza agora unha nota etapa de consultorías. Nesta parte personalizada, que inclúe visitas a todos os participantes ao longo deste mes, farase un diagnóstico de cada comercio e empezarán a aplicarse as ferramentas aprendidas co seguimento dos docentes. No mes de abril desenvolverase unha terceira fase do curso consistente na posta en común dos resultados e a elaboración dun plan de acción final no que se proporán novas accións. O curso de atención ao cliente e fidelización, dirixido a traballadores do sector do comercio, ten como obxectivo achegar aos participantes as ferramentas e técnicas necesarias para que poidan coñecer o grao de satisfacción dos clientes e potenciar a súa fidelización. Dentro da intensa programación da OPE para este mes, o luns 9 de marzo ábrese o prazo de inscrición para un novo taller gratuíto para a dinamización do comercio que leva por título "Marketing e xestión comercial". O obradoiro celebrarase o día 25, de 21.00 a 22.30 horas, no Fórum Carballo, e contará coas intervencións de María José Agrafojo e Raquel Fondevila, que falarán sobre a importancia dunha boa xestión comercial.

Aprobado en Xunta de Goberno o contrato de xestión do ciclo da auga por un importe de 1,8 millóns de euros

ADHESIÓN A UN CONVENIO DE APOIO A FAMILIAS NUMEROSAS

Aprobado en Xunta de Goberno o contrato de xestión do ciclo da auga por un importe de 1,8 millóns de euros

Luns 9 de marzo do 2015

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar o expediente do contrato de xestión do servizo público por procedemento aberto con varios criterios de adxudicación, baixo o modelo de concesión, que ten por obxecto o "Ciclo integral da auga do Concello de Carballo". O goberno acordou licitar o servizo por un período dun ano e cun custe para o Concello de 1.700.000 euros máis o 10 por cento de IVE, o que faría un total de 1.870.000 euros. O único criterio de valoración recollido será un canon dun mínimo de 100.000 euros, que as empresas poderán mellorar á alza. O novo contrato respectaría as tarifas e taxas vixentes, que permanecerán inalterables. Nestes momentos o servizo, cuxa concesión remataba en decembro de 2014, está prorrogado ata xuño con Viaqua, a empresa que tivo a concesión durante os últimos vinte anos. Coa nova licitación, cuxo proceso o goberno espera ter pechado antes de que remate o mandato, evitaríase unha nova prórroga. As empresas terán 30 días de prazo para presentar as súas propostas dende que se abra o proceso. No apartado de contratación tamén recibiu luz verde o expediente para o contrato administrativo de "Subministración de combustible para os vehículos e maquinaria do Concello de Carballo". O contrato sería por un período de dous anos por un prezo anual de 65.167,93 euros. Tamén neste apartado aprobouse o expediente para o contrato de "Subministración da sinalización turística no núcleo urbano de Carballo", cun prezo base de licitación que ascende a un total de 28.519,70 euros (IVE incluído).

Compartir: