Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Vén de entrar en funcionamento a nova rede de abastecemento en Xoane que dará servizo a máis de 300 veciños e veciñas

A ACTUACIÓN ESTIVO INCLUÍDA NO POS DE 2013

Vén de entrar en funcionamento a nova rede de abastecemento en Xoane que dará servizo a máis de 300 veciños e veciñas

Venres 6 de marzo do 2015

Nos últimos días, e dende primeiros do mes de marzo, vén de entrar en funcionamento a nova rede de abastecemento da parroquia de Xoane, que dará servizo a uns 325 veciños e veciñas de Xoane e Xoane da Estrada, así como á Escola de Educación Infantil de Goiáns, e que permitirá que os interesados e interesadas se conecten á rede municipal. Estes traballos de mellora na rede realizáronse no seu día con cargo ao Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de carácter municipal (POS) de 2013 da Deputación da Coruña e a empresa adxudicataria encargada de emprender os traballos foi Viaqua Gestión Integral de Aguas de Galicia, SAU por un importe total de 91.925,55 euros, IVE incluído, sobre un prezo de licitación de 107.355,79 euros. A actuación designouse como "Mellora de abastecemento en Xoane (Parroquia de Goians) e Carracedo (Parroquia de Ardaña)" e contou cun prazo de execución de cinco meses. O POS de 2013 tamén incluíu outra actuación de mellora do saneamento en Castelo, parroquia de Vilela, por un importe de 112.827,65 euros. O importe conxunto das melloras incluídas no POS de 2013, que se completou cun proxecto para o "Rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños das parroquias de Razo, Sofán, Berdillo, Lema, Aldemunde, Goiáns e Carballo", acadou os 289.211,2 euros.

O Concello licitará o contrato de xestión do ciclo da auga por un período dun ano e por un importe de 1,8 millóns de euros

O ÚNICO CRITERIO DE VALORACIÓN SERÁ O CANON, DUN MÍNIMO DE 100.000€

O Concello licitará o contrato de xestión do ciclo da auga por un período dun ano e por un importe de 1,8 millóns de euros

Venres 6 de marzo do 2015

O Concello carballés aprobará na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local prevista para o luns 9 de marzo o expediente de contratación para a concesión do servizo do "Ciclo integral da auga do Concello de Carballo". Despois de que no pleno ordinario de xaneiro non se aprobase por maioría dos membros da corporación o expediente de contratación proposto inicialmente -que tiña un custe total de 58.600.000 euros por un período de 20 anos-, o goberno decidiu licitar o servizo por un período dun ano e cun custe para o Concello de 1.700.000 euros máis o 10 por cento de IVE, o que faría un total de 1.870.000 euros. O único criterio de valoración recollido sería un canon dun mínimo de 100.000 euros, que as empresas poderán mellorar á alza. O novo contrato respectaría as tarifas e taxas vixentes, que permanecerán inalterables. Segundo explica o Alcalde, Evencio Ferrero, coa adxudicación do servizo por un ano concederáselle marxe á corporación resultante dos comicios do mes de maio "para que tome as decisións oportunas". Hai que lembrar que nestes momentos o servizo, cuxa concesión remataba en decembro de 2014, está prorrogado ata xuño con Viaqua, a empresa que tivo a concesión durante os últimos vinte anos. Coa nova licitación, cuxo proceso o goberno espera ter pechado antes de que remate o mandato, evitaríase unha nova prórroga e a nova corporación "terá un tempo prudencial para retomar o asunto como considere". Segundo explica a Concelleira de Contratación, Milagros Lantes, as empresas terán 30 días de prazo para presentar as súas propostas e confía en que haxa variedade de ofertas.

O Concello emprende unha campaña informativa sobre o ciclo da auga o domingo 8 de marzo coincidindo coa feira tradicional

REPARTIRANSE FUNÍS PARA ACEITE USADO A PARTIR DAS 11.00 HORAS

O Concello emprende unha campaña informativa sobre o ciclo da auga o domingo 8 de marzo coincidindo coa feira tradicional

Venres 6 de marzo do 2015

O Concello de Carballo informa de que na feira tradicional que ten lugar o domingo 8 de marzo está previsto realizar unha campaña informativa sobre o ciclo da auga e a importancia que ten o novo proxecto de captación do Anllóns Bardoso que se está executando nestes momentos para o futuro da calidade das augas do municipio carballés e tamén a importancia que ten a colaboración de toda a cidadanía para conseguir preservar a auga e a contorna natural. Desde hai un tempo, desde o concello se está actuando nun dos aspectos importantes do ciclo da auga para tentar minimizar os efectos dos aceites vertidos polos sumidoiros nos fogares, algo que afecta ao proceso de depuración de augas, coa implantación coa colaboración da empresa Reave dun sistema de recollida de aceite de cociña usado. Durante a actividade do domingo, que comeza a partir das 11.00 horas, está previsto repartir 500 funís para axudar á reciclaxe de aceite e tamén para ofrecer información sobre o ciclo da auga, para o que estarán dispoñibles dúas persoas. Lembrámoslle á cidadanía que os colectores laranxas de recollida de aceite onde se poden depositar as botellas cheas deste residuo están situados nas dúas piscinas municipais, no antiguo ambulatorio, no Pazo da Cultura, no Concello, no mercado de abastos e o Fórum Carballo. Desde Carballo Limpo agradécese de antemán a colaboración da cidadanía chamando ao 981 75 49 17, no web <www.carballolimpo.com> ou en Twitter @CarballoLimpo.

O Horto Infantil comeza un novo proxecto para plantar en pacas de palla cos cativos e cativas da Escola As Landras

ESTA TÉCNICA PERMITE CULTIVAR A PESAR DA FALTA DE ESPAZO NO PATIO

O Horto Infantil comeza un novo proxecto para plantar en pacas de palla cos cativos e cativas da Escola As Landras

Venres 6 de marzo do 2015

Os meniños e meniñas da Escola Infantil As Landras acaban de principiar un novo proxecto para plantar en pacas de palla grazas ao acordo de colaboración que o Horto Infantil Ecolóxico Municipal mantén cos centros de ensino do municipio. Así, aínda que o patio do centro é reducido e non conta con espazo para a implantación dun horto propio, a técnica das pacas permitirá que os nenos e nenas tamén participen da actividade do Horto e aprendan xogando as claves dos cultivos e do ciclo dos alimentos. Hai que lembrar que o sistema para cultivar en pacas de palla xa se puxera en marcha con éxito na primavera do ano pasado de forma experimental nas instalacións do Horto Infantil na rúa Nardos e fora todo un éxito. Así, ademais de para superar as limitacións de espazo, as pacas serven para que os nenos e nenas sigan o proceso de cultivo dunha forma moi diferente, observando como un elemento bastante cotián pode transformarse nunha fonte de alimento. Por outra parte, a altura das pacas fai que para nenos e nenas tan cativos o proceso de plantar sexa moito máis sinxelo. Hoxe comezaron coa plantación de leitugas coa axuda das monitoras da Escola Infantil e dun monitor do Horto. Aínda que algúns se mostraron sorprendidos e outros mesmo temerosos de achegarse á terra e á paca, finalmente todos o pasaron estupendamente aproveitando o sol e o tempo primaveral. Nos próximos días seguirán a evolución do plantado e vós tamén poderedes facelo a través do Facebook do Horto infantil: <www.facebook.com/hortoinfantilcarballo>.

Carballo Limpo amplía o seu programa de compostaxe caseira con outros 25 composteiros, o que fará un total de 85 no municipio

SOLICITUDES PARA A SEGUNDA FASE: ATÉ O 31 DE MARZO

Carballo Limpo amplía o seu programa de compostaxe caseira con outros 25 composteiros, o que fará un total de 85 no municipio

Xoves 5 de marzo do 2015

Carballo Limpo amplía o programa de compostaxe caseira posto en marcha en 2014 coa implantación doutros 25 composteiros en 2015 a maiores dos 60 xa implantados. Como a experiencia da primeira fase foi moi satisfactoria, nesta segunda repetirase o mesmo procedemento, polo cal 25 vivendas poderán beneficiarse deste proxecto piloto recibindo gratuitamente un composteiro, unha bolsa de estruturante natural e a formación e seguimento preciso para poñelo en funcionamento. As vivendas serán seleccionadas tendo en conta que deberán ser vivendas unifamiliares illadas e tamén cun criterio de reparto poboacional. Entre as solicitudes coincidentes, de haber sobre demanda, realizarase un sorteo. Na primeira fase realizáronse máis de 600 visitas, máis de 10 por vivenda, cunha valoración moi positiva xa que a consecución de compost foi de case o 100 por cen das instalacións realizadas, das cales se espera sacar as primeiras doses de abono nos vindeiros meses do verán. A colaboración e interese dos usuarios e usuarias foi fundamental para continuar con este proxecto que está axudando a reducir as toneladas de lixo que se levan a Sogama. De feito, os 25 composteiros desta segunda fase son cedidos por Sogama por medio dun acordo de colaboración co Concello de Carballo. As familias interesadas en participar no proxecto poden anotarse até o 31 de marzo.

Aberto o prazo para anotarse en dúas xornadas para a dinamización do comercio que terán lugar o 11 e 18 de marzo

INSCRICIÓNS E MÁIS INFORMACIÓN NO 981 709 013

Aberto o prazo para anotarse en dúas xornadas para a dinamización do comercio que terán lugar o 11 e 18 de marzo

Xoves 5 de marzo do 2015

A Concellería de Promoción Económica que dirixe Xosé Regueira vén de abrir o prazo de inscrición para as dúas xornadas de dinamización do comercio que se celebrarán os días mércores 11 e mércores 18 de marzo no Fórum Carballo. A primeira, titulada "Fai rendible o teu comercio", céntrase na rendibilidade dos investimentos tecnolóxicos nos comercios e na importancia de ter unha estratexia comercial definida para que os empresarios melloren a rendibilidade dos seus negocios. A cita, a cargo de José Luis Mariño, xerente de Difega e especialista en Marketing feiral e do comercio, pretende expoñer as claves desta temática e que os asistentes entren no debate sobre en que e como investir en tecnoloxías no comercio. A segunda xornada, "O urbanismo no meu comercio", trata sobre como inflúe o urbanismo no comercio local dunha zona, en concreto falando da tendencia a facer peonís os centros urbanos. A poñente é Beatriz Moar, Arquitecta Municipal do Concello da Coruña con experiencia nas áreas de Planeamento e Xestión do Solo, que falará sobre as vantaxes e inconvintes de facer peonil un espazo, que difiren en función do que o percibe (viandante, comerciante, condutor, etc.). As dúas citas, de balde, terán lugar no Fórum Carballo en horario de 21.00 a 22.30 horas para facilitar a asistencia das persoas ao cargo dalgún negocio ou establecemento. Os comerciantes interesados en participar poden inscribirse na Oficina de Promoción Económica (OPE) chamando ao teléfono 981 709 013 ou enviando un correo electrónico cos seus datos persoais a <paulalema@carballo.org>.

Rematada a demolición do posto que quedaba en pé na contorna do Fórum no antigo campo da feira da Milagrosa

PODERASE REMATAR A URBANIZACIÓN DO LATERAL DA PRAZA

Rematada a demolición do posto que quedaba en pé na contorna do Fórum no antigo campo da feira da Milagrosa

Xoves 5 de marzo do 2015

O Concello vén de demoler hoxe o último posto que quedaba do mercado gandeiro da Milagrosa situado na contorna do Fórum Carballo. Era o único que estaba en pé no antigo campo da feira, xa que, no seu día, o Concello chegara a acordo con todos os concesionarios restantes. Neste caso, nun pleno celebrado en setembro de 2014, a corporación aprobara por unanimidade a resolución da concesión deste posto. Así, os seus 30 anos de concesión -non prorrogables- expiraban en decembro de 2014 e coa resolución plenaria comezaron os trámites para comunicarllo aos veciños afectados. Unha vez resolto todo o expediente administrativo, finalmente puido procederse hoxe, venres 6 de marzo, á demolición desta estrutura, o que permitirá liberar a contorna do recinto do Fórum e que toda a área sexa utilizada para a mesma finalidade. Agora, o Concello poderá proceder a reurbanizar o espazo que estaba ocupado por este posto e unificar toda a contorna do Fórum. Hai que lembrar que o proceso para eliminar ou reubicar os 27 postos da antiga feira do gando de Carballo comezou hai case unha década, cando empezaba a tomar forma o proxecto para a construción do recinto do Fórum Carballo.

Teatro do Atlántico estrea o venres 6 de marzo

A PARTIR DAS 21.00 HORAS NO PAZO DA CULTURA

Teatro do Atlántico estrea o venres 6 de marzo "O principio de Arquímedes" no marco dos Venres Culturais

Xoves 5 de marzo do 2015

O Pazo da Cultura acolle o venres 6 de marzo a estrea do espectáculo "O principio de Arquímedes" da compañía Teatro do Atlántico, dentro da programación dos Venres Culturais 2015. A obra está interpretada por María Barcala, Toni Salgado, Alberto Rolán e Marcos Vieitez e dirixida por Xúlio Lago. O propio Lago, acompañado dos actores Toni Salgado e Alberto Rolán falou sobre as claves da peza nunha rolda de prensa que tamén contou coa presenza do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e da Concelleira de Cultura, Mar Eirís. Trátase dun drama teatral centrado na figura dun adestrador de natación con alumnos de idade infantil. O feito de abrazar e bicar a un cativo para tranquilizalo do susto de ter que ir á auga sen 'salvavidas' levanta sobre el a sospeita de que poda ser un pederesta que preocupa aos pais dos rapaces. O autor, Josep María Miró, di que "vivimos nunha sociedade que vende medo e seguridade ao mesmo tempo". Unha mestura diabólica que, se cadra, foinos enviada polos americanos, pois é materia que semellan controlar amplamente. Na celebración do seu trinta aniversario, unha das compañías galegas máis sólidas aborda un magnífico texto escrito por un novo autor catalán que está a ser representado en escenarios de diversos países con grande éxito. Un drama contemporáneo sobre o medo, esa sombra negra con presenza inevitable na nosa sociedade. As entradas poden xa reservarse na concellería de Cultura (981 704 300) cun prezo de 4 € e de 3 € o prezo reducido. A función é ás 21.00 horas e a duración do espectáculo, de 90 minutos. A peza está recomendada para maiores de 13 anos.

Carballo colabora coa celebración da "Hora do planeta" cun apagón no alumeado da Praza do Concello o sábado 28 de marzo

CONVÍDASE Á VECIÑANZA A QUE APAGUE A LUZ DE 20.30 A 21.30 HORAS

Carballo colabora coa celebración da "Hora do planeta" cun apagón no alumeado da Praza do Concello o sábado 28 de marzo

Martes 3 de marzo do 2015

O Concello de Carballo vén de adherirse á campaña "A Hora do planeta", promovida por WWF, unha entidade creada en 1968 que traballa a prol da conservación da natureza. Esta iniciativa xorde como unha chamada á acción cidadá que ten o obxectivo de demostrar que a actuación conxunta de persoas de todo o mundo pode server para ofrecer alternativas ao cambio climático. A chamada "Hora do planeta" terá lugar o sábado 28 de marzo entre as 20.30 e as 21.30 horas, cando se apagarán as luces de monumentos, rúas, empresas e fogares por todo o planeta para tratar de concienciar sobre a conservación do medio ambiente. No caso de Carballo, está previsto apagar o alumeado público na contorna da Praza do Concello durante a hora acordada e anímase aos veciños e veciñas a que colaboren dende as súas vivendas reducindo o consumo enerxético durante esa hora mediante o apagado do alumeado das súas vivendas e a limitación do uso de aparellos electrónicos. O ano pasado, máis de 7.000 cidades de 162 países apagaron as súas luces, enviando unha clara mensaxe: os xestos simbólicos poden xerar grandes cambios na busca de que o compromiso global se manteña ao longo de todo o ano. En España, 250 municipios deixaron sen alumeado os seus edificios máis emblemáticos, dende a Torre de Hércules ata as murallas de Ávila ou A Alhambra.

Compartir: