Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Xestur vén de adxudicar máis de 74.000 metros cadrados de solo empresarial no Polígono Industrial de Bértoa

NESTES MOMENTOS QUEDAN DISPOÑIBLES 108 PARCELAS

Xestur vén de adxudicar máis de 74.000 metros cadrados de solo empresarial no Polígono Industrial de Bértoa

Martes 3 de marzo do 2015

O Consello de Administración da empresa pública Xestur vén de adxudicar, no marco do concurso de venda de solo con prezo bonificado, un total de 74.875 metros cadrados no Parque Empresarial de Bértoa, no Concello de Carballo. A superficie adxudicada está repartida en dez parcelas, que van dos 717 aos 35.063 metros cadrados de superficie individual. Unha vez rematado o concurso, as parcelas restantes poden ser adxudicadas directamente, aínda que nas mesmas condicións e prezo establecidos polo prego de bases polo que se rexeu o concurso de venda. No parque empresarial de Bértoa quedan dispoñibles 108 parcelas, cunha superficie total de 284.470 metros cadrados. O prezo de venda, unha vez aplicada a bonificación do 50 por cento, oscila entre 30,56 e 42,35 euros por metro cadrado. As bonificacións sobre o prezo de venda serán de aplicación ás adxudicacións realizadas antes do 30 de novembro de 2015 e para un máximo de 500.000 metros cadrados de solo vendido no conxunto dos parques empresariais propiedade de Xestur. Por outra parte, tamén se adxudicaron as tres únicas parcelas dispoñibles no parque empresarial de Ponteceso, cunha superficie total de 750 metros cadrados. O prezo total das vendas en Carballo e Ponteceso acada os 2.452.583,22 euros, o que supón unha bonificación de máis de 2,4 millóns de euros, xa que a bonificación aplicada nestes parques empresariais é do 50 por cento. Os adxudicatarios comprométense a construír as súas instalacións e obter licenza de actividade nun período de tres anos, polo que a adxudicación de solo suporá unha importante achega á economía da zona.

Carballo presenta proxectos formativos e de contratación para axudar a máis de 150 persoas desempregadas

OBRADOIRO PARA MOZ@S, CURSOS AFD E ACCIÓNS DE CONTRATACIÓN

Carballo presenta proxectos formativos e de contratación para axudar a máis de 150 persoas desempregadas

Luns 2 de marzo do 2015

Ademais de presentar un Programa Integrado de Emprego (PIE) conxunto cos concellos de Malpica e A Laracha para a formación de 60 persoas nos sectores da hostalería e o comercio, a Concellería de Formación e Emprego de Carballo ten en marcha outros tres proxectos que suporán, en conxunto, a preparación e/ou contratación de máis de 150 persoas desempregadas. En concreto, o Concello vén de solicitar un obradoiro para 20 mozos e mozas dentro dos proxectos mixtos de formación e emprego subvencionados pola Xunta de Galicia e orientados a mellorar a empregablidade das persoas de 18 a 25 anos (menores de 30 en caso de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento) incluídas no ficheiro do sistema nacional de garantía xuvenil, é dicir, "que non estean traballando nin participando en actuacións educativas ou formativas", segundo consta na convocatoria da Consellería de Traballo e Benestar. O obxectivo é cualificalos profesionalmente "coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social". No caso de Carballo presentouse un proxecto de "Revalorización de espazos públicos e urbanos" que inclúe un módulo para 12 alumnos e alumnas sobre montaxe de mobles e elementos de carpintería e outro de colocación de pedra natural para 8 persoas. A formación duraría seis meses. Ademais, dentro do programa de Accións Formativas para Desempregados (AFD), o Concello de Carballo solicita un total de 7 cursos que suporían a formación dun total de 105 persoas en 2015.

O Concello pecha o exercicio 2014 cun remanente de tesourería para gastos xerais de case seis millóns de euros

AS DÉBEDA POR HABITANTE NON CHEGA AOS 40 EUROS

O Concello pecha o exercicio 2014 cun remanente de tesourería para gastos xerais de case seis millóns de euros

Sábado 28 de febreiro do 2015

O Concello de Carballo contará en 2015 cun remanente de tesourería para gastos xerais que ascende a un total de 5.989.656,74 euros. Son datos ofrecidos polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero e pola Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, nunha rolda de prensa na que tamén se deu conta do resultado orzamentario de 2014 que presenta 21.154.689,16 euros de dereitos recoñecidos netos ou ingresos fronte a 20.130.632,99 euros de obrigas recoñecidas, ou gastos, o que reflicte un diferencial de arredor de 980.000 euros, un requirimento que as contas deben cumprir para respectar as directrices do Ministerio de Facenda e o plan de estabilidade orzamentaria. Ferrero quere subliñar que o remanente "mellorouse dunha forma importante respecto de 2013" o que permitirá o financiamento de obras xa en curso, como o Proxecto Anllóns-Bardoso, que nestes momentos supón pagos regulares, algúns deles mesmo superiores aos 700.000 euros "aos que se pode facer fronte sen ter que recorrer a operacións de tesourería ou operacións bancarias", subliña o Alcalde. O rexedor tamén explica que non vai haber operacións de incorporacións de remanente antes dos comicios de maio, xa que os cartos só se empregarán para "pagar obras xa contratadas", como as xa mencionadas do Anllóns-Bardoso ou a mellora dos servizos informáticos co Concello e a instalación dunha caldeira de biomasa para a piscina Vila de Noia da capital municipal, entre outras. Ferrero tamén quere salientar que a corporación que resulte das eleccións de maio vai estar nunha "extraordinaria" e "moi favorable" situación económica grazas a este resultado de contas.

O piloto Albert Llovera, que vén de culminar o Dakar, será un dos protagonistas da próxima sesión do inFórum15

A CITA ESTÁ PROGRAMADA PARA O XOVES 12 DE MARZO

O piloto Albert Llovera, que vén de culminar o Dakar, será un dos protagonistas da próxima sesión do inFórum15

Sábado 28 de febreiro do 2015

Xa está en marcha a segunda entrega do inFórum15. Está previsto que se celebre o xoves 12 de marzo e contará coa participación do deportista andorrano Albert Llovera, todo un exemplo de superación que vén de converterse no heroe do Dakar 2015. Albert Llovera ofrecerá pola mañá unha charla dirixida a estudantes e pola tarde intervirá no auditorio do Fórum Carballo para o público en xeral. Nacido en Andorra en 1966, Albert Llovera Massana é un amante do deporte dende moi pequeno. Con só 17 anos era toda unha promesa do esquí e mesmo competiu nos Xogos Olímpicos de Inverno. Un ano despois tocoulle vivir o golpe máis duro da súa vida. Durante a súa participación na Copa de Europa de Esquí sufriu un accidente que o deixou parapléxico. Pero lonxe de truncarse a súa traxectoria deportiva, e tras unha longa recuperación, Albert Llovera volveu á competición, primeiro no baloncesto e despois nos rallys, demostrando que con esforzo e superación non hai límites. Algúns datos salientables da súa carreira son, por exemplo, que foi o primeiro piloto de rallys do mundo en competir cunha discapacidade. Comezou no automobilismo en 1987 subido nun quad para disputar o Campionato de Andorra. Logo pasouse aos coches e no 2001 deu o salto ós rallys, onde segue na actualidade competindo tanto en asfalto como en terra. No seu palmarés figuran sete campionatos do Mundo, oito campionatos de España en terra, e tres participacións no Dakar, a última este mesmo ano, no que acadou na 41º posición e foi 8º en buggys. Colaborou coa NASA no deseño de varios dispositivos de adaptación para a condución.

A Federación Galega de Atletismo outorga un premio especial ao Concello de Carballo polo seu apoio a este deporte

O VENRES 27 DE FEBREIRO MARCOS TRIGO RECOLLE O GALARDÓN EN SADA

A Federación Galega de Atletismo outorga un premio especial ao Concello de Carballo polo seu apoio a este deporte

Venres 27 de febreiro do 2015

A Federación Galega de Atletismo vén de conceder un premio especial ao Concello de Carballo "polo seu apoio, promoción e colaboración co atletismo galego". A entrega do galardón está prevista para o venres 27 de febreiro ás 19.30 horas na Gala Anual do Atletismo Galego que se celebra no auditorio da Casa da Cultura do Concello de Sada. Ao acto asistirá o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, que agradece o xesto da Federación Galega de Atletismo e reitera o compromiso do goberno municipal de Carballo coa promoción do deporte en xeral e do atletismo en particular. De feito, un dos obxectivos do goberno para este mandato no eido deportivo era poñer fin á eiva da falta de actividade de atletismo organizada, un obxectivo superado coa creación de dúas entidades centradas na práctica e na promoción do atletismo, Os Muditos e Atletismo Carballo. O compromiso do Concello de Carballo reflíctese, de feito, no apoio directo ás actividades organizadas polas dúas entidades (5 km Correndo pola Praia de Razo, a Pedestre do Anllóns ou a Carreira de Dous en Dous do mes de abril, entre outras) e acada a súa máxima expresión nas dúas grandes probas organizadas dende Carballo Deporte que se celebran ao longo do ano. Por unha banda, a Carreira de Campo a Través en idade escolar, que reúne a arredor de 500 nenos en cada edición e que supón unha clara aposta pola promoción do deporte dende a escola. Por outra, a Carreira Popular Concello de Carballo, que cada ano gaña en participación. Na edición do 2014 a cita congregou a 1.500 deportistas, 1.330 nas categorías absolutas e 270 nas inferiores.

Aberto o prazo até o 13 de marzo para participar nun Safari fotográfico no marco do proxecto "Carballo, mirando ao mar"

A ACTIVIDADE PARA FOTÓGRAFOS AFECCIONADOS E PROFESIONAIS

Aberto o prazo até o 13 de marzo para participar nun Safari fotográfico no marco do proxecto "Carballo, mirando ao mar"

Venres 27 de febreiro do 2015

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Promoción Económica e Turismo que dirixe Xosé Regueira, organiza un safari fotográfico o sábado 14 de marzo. A actividade desenvolverase durante a tarde, en horario de 15.00 a 19.00 horas. A ruta fotográfica percorrerá diferentes lugares de interese natural e paisaxístico do litoral carballés. A iniciativa enmárcase no proxecto "Carballo, mirando ao mar", que pretende poñer en valor e dar a coñecer a costa do municipio e os seus espazos naturais (en concreto o Lugar de Importancia Comunitaria-LIC Razo-Baldaio). Co mesmo motivo, xa se realizou o primeiro safari en xullo do ano pasado. O obxectivo desta iniciativa é elaborar unha exposición fotográfica coas obras dos participantes. Nesta actividade poden participar todas aquelas persoas que o desexen, fotógrafos afeccionados e profesionais. Os únicos requisitos son ser maior de idade e contar cunha cámara Reflex ou similar para poder realizar as fotografías. A asistencia é gratuíta e o Concello pon a disposición dos asistentes un autobús, que sairá do Museo de Bergantiños o día da actividade ás 14.30 horas. Para inscribirse é necesario cubrir unha ficha que pode ser entregada no Museo de Bergantiños (Rúa Martín Herrera, 8) ou enviada ao enderezo electrónico <museo@carballo.org>; tamén pode chamarse ao 981 702 077. A data límite para inscribirse é o venres 13 de marzo. Máis información, no propio Museo de Bergantiños. Tamén é posible descargar a ficha de inscrición en pdf máis abaixo nesta mesma nova.

O Concello organiza dous roteiros, un de sendeirismo e outro ornitolóxico, dentro do proxecto "Carballo, mirando ao mar"

PRAZOS DE INSCRICIÓN, ATÉ O 6 E O 13 DE MARZO

O Concello organiza dous roteiros, un de sendeirismo e outro ornitolóxico, dentro do proxecto "Carballo, mirando ao mar"

Xoves 26 de febreiro do 2015

O Concello de Carballo, dentro do proxecto "Carballo, mirando ao mar", organiza dous roteiros polo Lugar de Interese Comunitario (LIC) Razo-Baldaio, un roteiro de sendeirismo e outro ornitolóxico, de asistencia gratuíta, cos que colabora a Asociación Ambiental Senda Nova, quen realizará as visitas guiadas polo espazo natural. A administración local será a encargada de proporcionar un bus para os desprazamentos ata os lugares de interese. A Concellaría de Promoción Económica e Turismo é a encargada de executar o proxecto "Carballo, mirando ao mar", que persegue a posta en valor do noso litoral entre a poboación local, así como tamén a promoción da costa entre os turistas que visiten o Concello durante o desenvolvemento destas actividades. Un dos obxectivos principais da iniciativa é a divulgación dos recursos litorais, así como a súa interpretación e a súa posta en valor desde as perspectivas da sensibilización, conservación e sustentabilidade da riqueza patrimonial e ambiental de Carballo. Os interesados e interesadas en participar debe cubrir unha ficha que pode recollerse no Museo de Bergantiños (Rúa Martín Herrera, número 8) ou enviala ao enderezo electrónico <

O Concello organiza visitas guiadas cos centros de ensino á ETAP e á EDAR de Carballo para sensibilizar sobre o consumo de auga

PRIMEIRA CITA: MÉRCORES 25 DE FEBREIRO CO CEIP A CRISTINA

O Concello organiza visitas guiadas cos centros de ensino á ETAP e á EDAR de Carballo para sensibilizar sobre o consumo de auga

Mércores 25 de febreiro do 2015

O Concello de Carballo, no marco do "Proxecto Anllóns-Bardoso: posta en valor dos ríos", organiza unha serie de visitas guiadas á ETAP (Estación de Tratamento de Auga Potable) e á EDAR (Estación de Depuración de Augas Residuais) do municipio co obxectivo de sensibilizar aos escolares sobre a importancia destes procesos. O Concello realizará durante as próximas semanas visitas coordinadas cos centros de ensino de Carballo ás instalacións que reproducen o ciclo de auga na vila: a estación potabilizadora e a estación depuradora, co obxectivo de incidir sobre o consumo e aforro de auga. As visitas serán desenvolvidas por educadores/as ambientais de Adega (Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galicia), entidade que leva anos traballando o tema da auga co desenvolvemento de diferentes proxectos. O alumnado asistente poderá ver o funcionamento do ciclo da auga en Carballo, dende que o momento en que a auga se colle no río ata que chega ás nosas casas e finalmente se devolve ao río logo do proceso de depuración. Poñerase o acento na necesidade de usar este valioso recurso con responsabilidade. Tamén se fará fincapé da importancia que ten un xesto tan cotiá como é o de abrir a billa e o custo que supón para todas as persoas que viven no Concello. As visitas comezaron o mércores 25 de febreiro con alumnado do CEIP A Cristina que primeiro estiveron na ETAP e logo na EDAR.

Volven os Venres Culturais despois da paréntese do Entroido coa música de NARF e os monicreques de Mundo Mandarina

VENRES 27 DE FEBREIRO E DOMINGO 1 DE MARZO NO PAZO DA CULTURA

Volven os Venres Culturais despois da paréntese do Entroido coa música de NARF e os monicreques de Mundo Mandarina

Mércores 25 de febreiro do 2015

Logo da paréntese das celebracións do Entroido, esta fin de semana continúa a programación dos Venres Culturais 2015 con dúas propostas, unha para o venres 27 de febreiro e outra En Familia para o domingo 1 de marzo. O primeiro en reabrir este ciclo de espectáculos é o cantautor compostelán Fran Pérez NARF (na imaxe) que trae a Carballo o concerto da súa xira "Cancións da lingua viaxeira". NARF é un compositor e cantante galego de longo percorrido, parte do cal está ligado ao entorno do mundo lusófono. A súa obra caracterízase pola forte personalidade e a busca constante de orixinalidade. Logo de ser recoñecido nos Premios da Música "Martín Códax" 2013 como mellor intérprete galego de rock e blues, NARF continúa coas súas presentacións en solitario. O variado repertorio deste espectáculo, de formato intimista, recolle as mellores cancións dos seus últimos traballos discográficos, así como temas inéditos nacidos da intensa relación deste músico viaxeiro con artistas de países do ámbito da lusofonía, con outros creadores que comparten a mesma orixe e a mesma paixón pola palabra cantada. Máis de vinte anos de camiño con pouco máis ca unha quitarra ao lombo. Escoitaremos cantar en galego, en portugués, en linguas de orixe bantú ou en inglés, con letras de poetas galegos, portugueses ou mozambicanos. Lugar especial neste concerto terá "Nas tardes escuras" (2013), o último disco de NARF, trío sobre poemas de Rosalía de Castro. O concerto comeza ás 21.00 horas e o prezo da entrada de 3 € e reducido de 2 €.

Vén de principiar un Curso de Mozo de Almacén da Bolsa de Traballo Municipal do que se beneficiarán 25 alumnos

DIRIXIDO A PERSOAS ENTRE 25 E 50 ANOS

Vén de principiar un Curso de Mozo de Almacén da Bolsa de Traballo Municipal do que se beneficiarán 25 alumnos

Mércores 25 de febreiro do 2015

O Concello de Carballo organiza a través da Bolsa de Traballo Municipal (BDT) un Curso de Mozo Almacén do que se beneficiarán 25 desempregados que estaban inscritos na Bolsa. A presentación foi o mércores 25 de febreiro ás 10.00 horas e está previsto que a acción formativa teña un total de 70 horas de duración repartidas en horario de 9.00 a 14.00 horas até o 17 de marzo. O alumnado presenta tres características comúns que son ter entre 25 e 50 anos; non ter traballado nesta ocupación máis de tres anos e querer traballar nesta ocupación. O obxectivo do curso é que os participantes aprendan a desenvolver e executar de forma correcta as tarefas propias das ocupacións de mozo de almacén, concretamente: preparar pedidos e expedición, condución de equipos e maquinaria de almacén, dominar a documentación específica (albarás, follas de stocks, referencias), carga e descarga de mercadorías, recepción, etiquetaxe e situación das mercadorías, fronteo e ordenamento. Así mesmo, o Concello xestiona prácticas formativas en empresas para aquelas persoas que superen a parte teórica. Foron preseleccionadas para realizar esta acción formativa un total de 401 persoas inscritas na BDT. Finalmente, presentáronse á selección 81 persoas das que se escolleron 25. Os restantes constan como suplentes. Como en todos os cursos de formación realizados pola BDT, a selección fíxose tendo en conta as bases xerais de selección do alumnado inscrito na BDT do Concello aprobadas pola Xunta de Goberlo Local o 1 de xullo de 2013.

O pleno aproba a modificación do contrato de mantemento e subministro do alumeado para colocar 300 novos puntos de luz

UNANIMIDADE PARA A CONTA DE RECADACIÓN DE 2014

O pleno aproba a modificación do contrato de mantemento e subministro do alumeado para colocar 300 novos puntos de luz

Martes 24 de febreiro do 2015

O pleno da corporación aprobou o luns 23 de febreiro a modificación do contrato de "Servizos enerxéticos e mantemento con garantía total das instalacións de alumeado público exterior mediante un contrato mixto de subministro e servizos do Concello de Carballo" cos dez votos a favor do grupo de goberno e a abstención dos tres grupos da oposición. Con este cambio ampliarase o número de puntos de luz do municipio -na actualidade e trala renovación das lámpadas, un total de 7.500- coa colocación de 292 novas luminarias. Por un lado, o obxectivo é incluír unha serie de puntos de luz que non estaban recollidos no contrato pero que se substituíron e se incorporan agora á rede pública; e por outro, os novos focos mellorarán o alumeado de varios parques e espazos públicos de todo o territorio municipal. Hai que mencionar que Carballo é o primeiro Concello galego que cumpre coa normativa que a Unión Europea fixa para o alumeado público e que persegue mellorar a eficiencia e o aforro enerxético, a diminución de gases de efecto invernadoiro e limitar o resplandor nocturno e a contaminación lumínica. A redución do consumo eléctrico, despois dos primeiros meses de balance co novo sistema implantado pola concesionaria, a UTE Ferroser-Ferrovial, cífrase nun 80 por cento, o que suporía unha redución na factura duns 150.000 euros ao ano. Así mesmo, hai que mencionar que dende a substitución por LED téñense reducido notablemente os avisos por avarías e incidencias.

Compartir: