Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Concello amplía o contrato do servizo de mantemento e subministro do alumeado para colocar 300 novos puntos de luz

A REDUCIÓN DO CONSUMO ELÉCTRICO ESTÍMASE NUN 80 POR CENTO

O Concello amplía o contrato do servizo de mantemento e subministro do alumeado para colocar 300 novos puntos de luz

Venres 20 de febreiro do 2015

A corporación carballesa celebra o luns 23 de febreiro unha sesión plenaria ordinaria na que o principal punto da orde do día é a modificación do contrato de "Servizos enerxéticos e mantemento con garantía total das instalacións de alumeado público exterior mediante un contrato mixto de subministro e servizos do Concello de Carballo". Con este cambio ampliarase o número de puntos de luz do municipio -na actualidade e trala renovación das lámpadas, un total de 7.500- coa colocación de 292 novas luminarias. Por un lado, o obxectivo é incluír unha serie de puntos de luz que non estaban recollidos no contrato pero que se substituíron e se incorporan agora á rede pública; e por outro, os novos focos mellorarán o alumeado de varios parques e espazos públicos de todo o territorio municipal. Hai que mencionar que Carballo é o primeiro Concello galego que cumpre coa normativa que a Unión Europea fixa para o alumeado público e que persegue mellorar a eficiencia e o aforro enerxético, a diminución de gases de efecto invernadoiro e limitar o resplandor nocturno e a contaminación lumínica. A redución do consumo eléctrico, despois dos primeiros meses de balance co novo sistema, cífrase nun 80 por cento, o que suporía unha redución na factura duns 150.000 euros ao ano. O Alcalde, Evencio Ferrero, tamén quixo mencionar que co novo contrato téñense reducido notablemente as incidencias, que, despois da substitución dos focos por lámpadas LED, teñen baixado ostensiblemente. Por último, quixo lembrar que o contrato conta cunha garantía total para a reposición sen custe adicional do material danado, ben sexa por deterioro, ou tamén por roubo.

Volve a Feira das Oportunidades mantendo a oferta e con elevados descontos en produtos de calidade

NO PARQUE DO SAN MARTIÑO A FIN DE SEMANA DO 7 E 8 DE MARZO

Volve a Feira das Oportunidades mantendo a oferta e con elevados descontos en produtos de calidade

Venres 20 de febreiro do 2015

Unha carpa no Parque do San Martiño acolle a fin de semana do 7 e 8 de marzo a sétima edición da Feira das Oportunidades, unha cita que congrega a máis de 30 establecementos comerciais do municipio que poñen á venda excedentes de tempada, moi por debaixo do prezo de mercado pero cunha excelente calidade e co prestixio engadido do comercio carballés, xa que nesta cita só participan establecementos do municipio que sexan socios do CCA. Como en cada edición, ademais dos stands propios dos negocios socios do CCA e o da organización, hai un ocupado por La Voz de Galicia e unha área de descanso. A cita mantén practicamente as mesmas características que en anos anteriores, cunha pequena incorporación. Os dous días a partir das 17.00 horas Animart ofrecerá obradoiros de maquillaxe e globoflexia na carpa para os máis cativos e cativas. O horario de apertura é de 10.00 a 21.00 horas de forma ininterrompida e o orzamento estimado da feira, que conta coa colaboración do Concello a través da Oficina de Promoción Económica, e da Dirección Xeral de Comercio, ascende a 20.000 euros. María del Carmen Freire, xerente do CCA, quixo sinalar a ampla variedade de produtos que ofrece a cita, que van dende os máis habituais de moda téxtil de calzado e complementos, ata outros menos habituais, coa presenza mesmo dunha empresa de combustible de biomasa. O Alcalde, Evencio Ferrero, quixo subliñar o atractivo desta cita "nunha época na que hai que fomentar a práctica comercial de proximidade". Desexou que as tendas "esgoten os stocks" e que haxa unha notable afluencia.

 A Biblioteca celebra o 21 de febreiro o Día Internacional da Lingua Materna cun concerto infantil de Magín Blanco

A PARTIR DAS 11.30 HORAS NO 2º ANDAR DO EDIFICIO

A Biblioteca celebra o 21 de febreiro o Día Internacional da Lingua Materna cun concerto infantil de Magín Blanco

Venres 20 de febreiro do 2015

Magín Blanco, o creador de exitosas producións musicais infantís como "A nena e o grilo", "A nena e o grilo nun barquiño", "Gatuxo" e outras moitas composicións que forman parte de propostas musicais para público familiar como "María Fumaça" e "Rosalía Pequeniña", chega á Biblioteca Rego da Balsa de Carballo para interpretar en directo unha selección de temas que el mismo compuxo acompañados dunha narración, que ao igual que sucede nas súas publicacións, constrúen unha historia de cancións e contos. O formato que nesta proposta empregará Magín é un contacontos musicado en donde as letras das cancións e as súas introducións son as que marcarán o ritmo da actividade. Así, durante o directo as cancións e os contos abrirán as portas para que nenas e nenos poidan crear o seu propio universo e achegarse ás historias dende a perspectiva do autor, ao tempo que comparten con el os espazos propios dos libros, como é a Biblioteca, e nos que tamén a música ten un lugar moi importante. É esta unha proposta moi próxima entre o público e o autor, na que Magín busca a complicidade do público compartindo con el o seu proceso creativo, buscando a súa axuda e participación na interpretación das cancións e na procura de novos argumentos creativos. Este concerto, que terá lugar este sábado 21 de febreiro, ás 11.30 h, no piso superior da Biblioteca Rego da Balsa de Carballo, ten entrada libre e de balde, e organízase para conmemorar o Día Internacional da Lingua Materna.

Comeza o período de prácticas en empresas para o alumnado do Curso de auxiliar de comercio da Bolsa de Traballo

ESTA SEMANA REALÍZASE A SELECCIÓN PARA O DE MOZO DE ALMACÉN

Comeza o período de prácticas en empresas para o alumnado do Curso de auxiliar de comercio da Bolsa de Traballo

Xoves 19 de febreiro do 2015

Esta semana remata o Curso de auxiliar de comercio incluído no Plan de Formación da Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo. O xoves 19 de febreiro foi o último día de asistencia ás aulas para as 25 alumnas, aínda que a maioría asistirán ao Curso de manipulación de alimentos co que se pechará o programa teórico (algunhas xa teñen o título, polo que están exentas). A falta das avaliacións finais dos titores, o nivel das alumnas é tan bo que, en principio, todas cumprirán os requisitos para pasar á seguinte fase: as prácticas en empresas. As incorporacións serán paulatinas, e antes de tomar contacto co mundo laboral as alumnas recibirán dúas sesións preparatorias. As 80 horas de formación teórica que rematan esta semana dividíronse en tres grandes bloques: atención ao cliente (técnicas de comunicación con clientes, técnicas de atención básica a clientes, incluíndo a atención telefónica e a xestión das reclamacións; e a calidade do servizo de atención ao cliente); operacións auxiliares no punto de venda (reposición, reconto, e operacións de caixa de produtos, animación do punto de venda, imaxe do establecemento, merchandising, técnicas e estratexias de venda, imaxe e etiquetado de produtos) e manipulación de alimentos. O complemento serán outras 80 horas de formación práctica.

Justo Beramendi, Xan Fraga e Manuel B. Desar falan sobre o futuro demográfico de Galicia na Biblioteca Rego da Balsa

VENRES 20 DE FEBREIRO ÁS 19.00 HORAS

Justo Beramendi, Xan Fraga e Manuel B. Desar falan sobre o futuro demográfico de Galicia na Biblioteca Rego da Balsa

Xoves 19 de febreiro do 2015

«Galicia é un corpo social con personalidade de seu. Se o pobo galego avellenta e torna feble, Galicia tamén o fará. Desde esta óptica, o Instituto de Estudos das Identidades, encadrado no Museo do Pobo Galego, decidiu pór en marcha uns foros de reflexión e debate sobre o grave reto demográfico que afronta o país. Este libro nace desa iniciativa e das achegas dunha escolma de expertos e persoeiros que avalían as causas, consecuencias e remedios precisos que atinxen a nosa baixa fecundidade como ser colectivo. Os desafíos non se superan ignorándoos. Tampouco este. Por iso, situar o problema na axenda e na ágora públicas resulta imprescindible. O compromiso co futuro do noso pobo demanda que se fale con paixón e rigor sobre como superar esta situación, na que levamos instalados máis de dúas décadas. Galicia sobreviviu a unha chea de circunstancias adversas durante séculos, pero nunca encarou un reto semellante ao que vén padecendo desde hai anos. Morren máis galegos e galegas dos/as que nacen, e con ese déficit vital o país vai esmorecendo. Pero non é tempo de laios, nin de remorsos ou reproches. É tempo de espertar e traballar xuntos por unha Galicia vizosa e nova, orgullosa do seu pasado e afouta cara ao seu porvir.». Este é o texto de presentación do libro "Galicia, un pobo con futuro? O noso devalo demográfico", obra editada por Xerais e impulsada polo Instituto de Estudos das Identidades do Museo do Pobo Galego que se presentará o venres 20 de febreiro ás 19.00 horas na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo.

O Horto Infantil abre o prazo para anotarse nun novo obradoiro que terá lugar a partir do 4 de marzo

OFÉRTANSE SEIS NOVAS PRAZAS PARA "O COLE DE HERBA"

O Horto Infantil abre o prazo para anotarse nun novo obradoiro que terá lugar a partir do 4 de marzo

Mércores 18 de febreiro do 2015

O Horto Infantil Ecolóxico Municipal abre o prazo para anotarse nun novo obradoiro coa finalidade ensinarlles aos nenos e nenas como medran as plantas a través do ciclo vital dos xirasoles. O prazo de inscrición comeza o xoves 19 de febreiro e as anotacións poden realizarse a través do enderezo electrónico <hortoinfantil@carballo.org>; por mensaxe privada no Facebook do Horto Infantil; ou nas propias instalacións da rúa Nardos os luns e mércores de 16.00 a 19.00 horas e martes, xoves e venres de 17.00 a 20.00 horas. Non se admitirán as inscricións que intenten realizarse antes do comezo do prazo. O obradoiro desenvolverase os mércores de 18.00 a 19.30 horas entre o 4 de marzo e o 17 de xuño. Hai un total de 15 prazas dispoñibles. Durante a duración da actividade, os cativos e cativas realizarán unha plantación de xirasoles para ensinarlles as distintas formas de xerminar unha semente e que eles poidan ir vendo como medra día a día. Así, os xirasoles poden medrar ata 3 metros en seis meses e producir flores de 50 centímetros de diámetro. Ademais, o proxecto realizarase con materiais que os nenos e nenas teñan nas súas casas, sen utilizarse materiais mercados agás as sementes. Por outra banda, o Horto Infantil Ecolóxico informa de que, despois do parón invernal, quedaron seis prazas libres no obradoiro "O cole de herba", que ten lugar os martes e venres de 18.00 a 19.30 horas. O sistema e os prazos de inscrición son os mesmos que para o novo obradoiro. Para o resto de talleres, permanece aberta a listaxe de agarda por se se producise algunha baixa. E lembrade que todas as actividades que teñen lugar no Horto Infantil son gratuítas.

Carballo, A Laracha e Malpica formarán a 60 persoas do comercio e da hostalería a través dun Plan Integrado de Emprego

A INICIATIVA DURARÁ UN TOTAL DE DOCE MESES ENTRE 2015 E 2016

Carballo, A Laracha e Malpica formarán a 60 persoas do comercio e da hostalería a través dun Plan Integrado de Emprego

Martes 17 de febreiro do 2015

Os concellos de A Laracha, Carballo e Malpica de Bergantiños veñen de solicitar unha subvención para a posta en práctica dun Programa Integrado de Emprego (PEI) entre este ano e o vindeiro. O obxectivo é mellorar as posibilidades de inserción laboral de 60 persoas desempregadas, sobre todo das que teñen maiores dificultades para acceder a un posto de traballo, e reorientalas cara os sectores produtivos con maiores índices de inserción profesional na súa área de influenza. Segundo os datos do Servizo Público de Emprego a decembro do 2014, os tres concellos aglutinan a 5.374 desempregados, o que supón un 72 por cento do total da comarca de Bergantiños. O Programa Integrado de Emprego desenvolverase en cooperación cos diferentes axentes económicos con presenza nos municipios de Carballo, Malpica e A Laracha: asociacións de comerciantes, centros comerciais abertos, asociacións económicas e profesionais, etc. Todos os cursos serán impartidos por persoal cualificado, e para que a formación sexa o máis completa posible está previsto que os participantes realicen prácticas en empresas. O PIE de Malpica, Carballo e A Laracha terá 12 meses de duración, dende o 1 de setembro deste ano ata o 31 de agosto do 2016. As accións formativas repartiranse entre as instalacións dispoñibles nos tres concellos. O custo total do programa é de 158.400 euros. O primeiro paso da iniciativa consistirá nunha serie de accións preparatorias, de cara á posterior inserción, que consistirán na creación de grupos de traballo sectoriais con empresas e institucións relacionadas cos seis cursos específicos que se van impartir.

China ou Exipto,

O MARTES 17: ENTERRO DA SARDIÑA A PARTIR DAS 21.00 HORAS

China ou Exipto, "Maléfica" ou "Grease", "MasterChof" ou os mesmísimos Kiss, nun multitudinario Concurso de Entroido

Luns 16 de febreiro do 2015

Aínda que a choiva apareceu de forma intermitente, unha vez máis o Concurso e Desfile de disfraces, comparsas e carrozas de Entroido amosou o seu poder de convocatoria. Máis de 600 persoas repartidas en sete carrozas e 22 comparsas (nove na categoría de adultos e 13 na de infantil), ademais dos grupos e os disfraces individuais que se inscribiron a última hora, animaron unha tarde na que as rúas do centro carballés se encheron de numerosos veciños e veciñas. Despois de máis de dúas horas de desfile, os gañadores foron os seguintes. En categoría infantil, en comparsas: 1º premio para "Un mundo pequeno" (250 euros); 2º premio (110€) para "Os Bergantiñáns"; 3º premio (60€) para "Grease"; 1º accésit (60€) para "A Tribu de Nanuk"; e 2º accésit (60€) para "Os títeres". En grupos: 1º premio (100 euros) para "Fagan Xogo"; 2º premio (70€) para "O Lago dos cisnes". En individual: 1º premio (90 euros) para "Cajita sorpresa"; 2º premio (70€) para "Electronic Man"; 3º premio (50€) para "Mjnjum"; 4º premio (30€) para "Kiss"; e 5º premio (30€) para "Avestruz". En categoría adultos, carrozas: 1º premio (450 euros) para "Esfollando Andrés", de A Laracha (na imaxe); 2º premio (295€) para "Militares Norbi quiere un tanque", de Carballo. O accésit (130€) foi para a carroza "Exipto sae de troula". Comparsas: 1º premio (295 euros) para "Master Chof", de Carballo; 2º premio (150€), para "As Lavadoras Glamurosas", de A Laracha. En grupos: 1º premio (125 euros) para "Os aviadores"; 2º premio (60€), para "As recicladoras". Por último, en adultos individual houbo un único premio de 60 euros para "O Cazarrecompensas".

Despois do éxito do Curso de cociña saudable, que terá terceira edición, a seguinte cita centrarase na elaboración de tapas

O XOVES 12 DE FEBREIRO TIVO LUGAR A ENTREGA DE DIPLOMAS

Despois do éxito do Curso de cociña saudable, que terá terceira edición, a seguinte cita centrarase na elaboración de tapas

Venres 13 de febreiro do 2015

O xoves 12 de febreiro rematou o Curso de cociña saudable para hostaleiros organizado polo Concello de Carballo a través da Concellería de Promoción Económica. Os participantes fixeron un excelente balance da iniciativa e comprometéronse a incluír menús saudables nas súas cartas, recollendo así o convite realizado polo Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, no peche da actividade formativa. Na última xornada participou tamén o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que expresou o seu desexo de que os coñecementos adquiridos contribúan a mellorar o negocio da hostalería local, un sector, dixo, que cada vez máis é un reclamo para os visitantes que se achegan á capital da comarca. O curso, desenvolvido nas instalacións da Escola de Hostalería do Fórum Carballo, rematou coa elaboración de tres apetecibles pratos: hamburguesas de garavanzo, que tiveron unha excelente acollida; cuscús con tofu mariñado e crema de améndoa con pera ao xenxibre como sobremesa. Despois da degustación do menú, o Alcalde fixo entrega aos 24 hostaleiros dos diplomas acreditativos da súa participación nesta nova acción formativa, que pronto terá continuidade. O Concelleiro de Promoción Económica anunciou que a próxima actividade será un curso de elaboración de tapas que será impartido por un premio estatal da especialidade. Ademais, e ante o interese amosado polos profesionais do sector, avanzou que haberá un terceiro curso de cociña saudable. Máis imaxes, no Facebook do Concello aquí.

Carballo prepárase para a chegada dos disfraces, as comparsas e as carrozas de Entroido: segue aberto o prazo de inscrición

AS ACTIVIDADES COMEZAN CUNHA MOSTRA NO PAZO DA CULTURA

Carballo prepárase para a chegada dos disfraces, as comparsas e as carrozas de Entroido: segue aberto o prazo de inscrición

Mércores 11 de febreiro do 2015

Está a piques de rematar a conta atrás para a celebración do Entroido carballés. Así, continúa aberto o prazo de inscrición no Concurso e Desfile de disfraces, comparsas e carrozas nas oficinas do 1º andar do Pazo da Cultura: no caso de comparsas e carrozas ata o 13 de febreiro ás 14.00 horas; e no do resto de categorías até unha hora antes do mesmo día do desfile, o domingo 15 de febreiro ata ás 17.00 horas (nese caso na Praza do Concello). Como en anos anteriores, o concurso está dirixido tanto a adultos como a nenos e nenas e recolle diferentes modalidades de participación, individual, grupos, comparsas e carrozas, así como un premio especial ao Choqueiro de Bergantiños (participante que pode estar inscrito en calquera das categorías). O concurso está dotado con 6.745€, dos cales 4.100 € están destinados a gratificacións por participar de 150 ou 250 € (aos 20 primeiros inscritos nas modalidades de carrozas ou comparsas), xa que un dos obxectivos principais do concurso é incentivar a participación, e 2.546 € aos 17 premios previstos. Co obxecto de velar pola seguridade de participantes e espectadores, o Concello quere facer fincapé na importancia de respectar as medidas de seguridade, en especial, na construción de carrozas. Nestes momentos, hai xa un elevado número de inscricións, tanto de Carballo como de outros concellos limítrofes. Este ano, por mor dos traballos da rúa Colón, o palco situarase na rúa Desiderio Varela diante da Ludoteca. En caso de choiva, o desfile celebrarase no Pavillón Bergantiños.

Compartir: