Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Nace

MÉRCORES 11 DE FEBREIRO ÁS 19.00 HORAS NA BIBLIOTECA

Nace "Parabéns para ti", un videoclip e canción creados para fomentar a celebración dos aniversarios en galego

Martes 10 de febreiro do 2015

"Parabéns para ti / nesta data querida / Moitas felicidades / Moitos anos de vida. / Hoxe é día de festa / cantan as nosas almas / para ti miña vida / unha salva de palmas!". Así é a letra da canción do videoclip impulsado dende o Concello de Carballo a través do seu Servizo de Normalización Lingüística e a Mesa pola Normalización que ten como obxectivo facilitar que nenas e nenos, e tamén maiores, celebren e feliciten os aniversarios en galego. A canción contou coa colaboración do Coro Vagalume carballés e a partir da presentación o videoclip será publicado en Youtube para que a el poida ter acceso todo o mundo e poida utilizarse para aprender a canción; usalo para felicitar os aniversarios a través das redes sociais; utilizar o vídeo en centros de ensino, ludotecas, festas, etc. Ademais, o Concello distribuirao nas escolas infantís, centros de ensino e ludotecas do municipio. A canción e o vídeo foron totalmente producidas en Carballo e por xente do municipio. A adaptación musical da popular canción "Parabéns para ti" é obra de Nanny Mouro. De poñerlle voz ao tema encargáronse Paula Fraga, como voz principal, e Carla Serrano, Julia Antelo, Noah Abelenda e Sara Pose nos coros. A canción gravouse nos estudios da Escola da Rúa. Da posta en escena para o videoclip encargouse o Coro Vagalume, coa participación de arredor de 40 nenos e nenas. A gravación e produción do vídeo é obra de Mamá Lola estudios. O videoclip gravouse na Biblioteca Rego da Balsa. A presentación desta canción e do videoclip é aberta ao público e ten lugar este mércores 11 de febreiro, ás 19.00 horas na Biblioteca Rego da Balsa.

Rexistrado na Xunta o PXOM de Carballo: oito caixas, vinte arquivadores e 30 quilos de documentación

URBANISMO DISPÓN DE CATRO MESES PARA EMITIR A SÚA RESOLUCIÓN

Rexistrado na Xunta o PXOM de Carballo: oito caixas, vinte arquivadores e 30 quilos de documentación

Martes 10 de febreiro do 2015

O Concello vén de remitirlle hoxe á Secretaría Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia a documentación do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo que foi rexistrado ao longo da mañá nas dependencias autonómicas e que supuxo a entrega de 20 arquivadores A-Z, oito caixas e 30 quilos de documentación elaborada e tramitada dende hai máis de dez anos. O PXOM foi aprobado provisionalmente por unanimidade nun pleno extraordinario de pouco máis dunha hora de duración celebrado o luns 2 de febreiro, mais agora é a Xunta a que ten que ditaminar a aprobación definitiva do planeamento. Segundo explican os técnicos municipais, a Secretaría Xeral de Urbanismo ten un mes para comprobar a integridade documental do PXOM, é dicir, para revisar se falta algún expediente ou algún trámite. Tamén poden determinar se hai que realizar algunha emenda ou modificación que lle notificarán a administración local. Unha vez o Concello cumpra con estes últimos requirimentos, a Xunta contará cun prazo máximo de tres meses para emitir o seu ditame. De non pronunciarse nese prazo, o PXOM entenderíase tacitamente aprobado por silencio administrativo positivo. Porén, en caso de emitirse unha resolución, hai catro posibilidades. Pode ditaminarse a aprobación ou o rexeitamento do PXOM, unha aprobación parcial ou unha aprobación con condicións. En todo caso, dende hoxe comeza a conta atrás para conseguir que o Concello deixe de rexerse polas normas subsidiarias dos anos 80, en vigor dende a ratificación en novembro de 2011 da anulación por sentenza de 2007 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) do PXOM de maio de 2003.

Luz verde para o expediente de contratación de obras de "Aglomerado de vías locais nas parroquias de Oza, Razo e Lema"

APROBADAS AS BASES DO CERTAME FOTOGRÁFICO XOSÉ MANUEL EIRÍS

Luz verde para o expediente de contratación de obras de "Aglomerado de vías locais nas parroquias de Oza, Razo e Lema"

Luns 9 de febreiro do 2015

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de contratación para a realización de obras de "Aglomerado con MBC de varios tramos de vías locais nas parroquias de Oza, Razo e Lema no Concello de Carballo", unha actuación incluída no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal, POS 2014. O orzamento de execución por contrata ascende a 93.000 euros e entre os criterios que se terán en conta para a adxudicación hai que mencionar a oferta económica (con 40 puntos), ou os programas de traballo e actuación medioambiental, o plan de control de calidade ou o esquema do plan de seguridade e saúde. No apartado de contratación, a sesión tamén supuxo a aprobación dunha prórroga dun ano para o contrato do "Servizo de dirección e coordinación da Banda de Gaitas Municipal de Carballo". Así mesmo, a sesión supuxo o visto e prace para as bases do XVII Certame fotográfico Xosé Manuel Eirís, un concurso que ten como obxecto contribuír á creación artística e a fomentar a divulgación da fotografía, e que leva celebrándose dende 1997 na honra do que foi animador cultural de Carballo, Xosé Manuel Eirís. A dotación total do premio é de 1.850 euros , entre o 1º Premio, o 2ª Premio e o Premio Especial Carballo. O prazo de presentación dos traballos comezará o mércores 11 de febreiro de 2015 e rematará o 10 de marzo do mesmo ano. As bases estarán a disposición dos interesados e interesadas unha vez aberto o prazo tanto nas oficinas de Cultura como no web municipal.

Alfredo Brañas disfrázase no Entroido para celebrar a chegada das comparsas, os disfraces, as carrozas e o enterro da sardiña

ACTIVIDADES DO 13 AO 21 DE FEBREIRO NAS RÚAS E PARROQUIAS

Alfredo Brañas disfrázase no Entroido para celebrar a chegada das comparsas, os disfraces, as carrozas e o enterro da sardiña

Xoves 5 de febreiro do 2015

Carballo prepara o Entroido 2015 cunha serie de actividades nas rúas e nas parroquias do municipio pensadas "para todas as idades", segundo a Concelleira de Cultura, Mar Eirís, e coa colaboración das entidades culturais e asociativas do municipio, así como da Concellaría de Terceira Idade e da Concellaría de Seguridade e Tráfico. Este ano o cartaz anunciador mestura tradición e modernidade disfrazando a estatua de Alfredo Brañas cun traxe que semella sacado de "Xogo de tronos", como comentaba entre risos o Alcalde, Evencio Ferrero, para celebrar a chegada de Don Carnal. O programa repite citas xa tradicionais, como son o Concurso e Desfile de disfraces, comparsas e carrozas do domingo 15 de febreiro; e o tradicional Enterro da Sardiña, o Martes de Entroido (día 17), unha actividade que na última edición contou cun cortexo fúnebre de arredor de 200 persoas. Entre as dúas citas máis esperadas, o Concello reparte máis de 7.000 euros en premios e subvencións, sendo 6.745 (dos que 4.100 destínanse a subvencións e 2.546 a premios) para o Concurso de disfraces e 400 euros para subvencionar a dez grupos do Enterro da Sardiña. Este ano, o presentador do Concurso será Toño Casais, de Talía Teatro, actor cunha "destacada traxectoria", salienta Eirís, non só en Talía, senón en Teatro do Atlántico ou o Centro Dramático Galego; en series de televisión como "Libro de familia" e "Serramoura"; ou en programas como Luar. Por cuarto ano, a Aula de Teatro Municipal será a encargada de animar o Enterro da Sardiña xunto coa Cruz Vermella.

Os ditames dos técnicos municipais ratifican que os informes preceptivos de Augas de Galicia están incluídos no PXOM

O ALCALDE DEFENDE O LABOR DOS TRABALLADORES DO CONCELLO

Os ditames dos técnicos municipais ratifican que os informes preceptivos de Augas de Galicia están incluídos no PXOM

Xoves 5 de febreiro do 2015

O documento do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Carballo aprobado provisionalmente nunha sesión plenaria extraordinaria celebrada o luns 2 de febreiro conta con toda a documentación esixida por Augas de Galicia, segundo ratifican os informes elaborados polos departamentos de Intervención e Secretaría do Concello, así domo polo departamento de asesoría xurídica da Oficina Técnica e polo Arquitecto municipal. Así o asegura o Alcalde, Evencio Ferrero, que subliña que os traballadores municipais "en todo momento deixaron meridianamente claro que os requisitos de Augas de Galicia están cumpridos". Nunha rolda de prensa na que estivo acompañado pola Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes; polo Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo; e polo de Obras, Luís Lamas -os tres, membros da Comisión de Urbanismo-, Ferrero sinalou que na comisión informativa previa ao pleno "falouse expresamente dos informes de Augas de Galicia e da Dirección Xeral de Patrimonio", e que todos os grupos políticos da corporación "coñecen os detalles de todos os informes que se incluíron no planeamento". Milagros Lantes fixo fincapé en que están cumpridos todos os requisitos que a Lei de Augas 9/2010 esixe para a aprobación dun plan de urbanismo, xa que tan só é preceptivo o informe de Augas de Galicia previo á aprobación inicial do documento, un ditame que está nas dependencias municipais dende o 5 de decembro de 2011, e no que se informa "favorablemente" o Plan Xeral de Ordenación Municipal.

O pleno apoia por unanimidade a aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Carballo

O PXOM REMITIRASE AGORA Á XUNTA PARA A SÚA APROBACIÓN DEFINITIVA

O pleno apoia por unanimidade a aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Carballo

Martes 3 de febreiro do 2015

Nun pleno extraordinario de pouco máis dunha hora de duración celebrado o luns 2 de febreiro, a corporación carballesa apoiou de forma unánime a aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Concello de Carballo. Despois de once anos de tramitación, do traballo de tres concelleiros na área de Urbanismo -Manuel Andrade, de TEGA; José Antonio Viña, do PSOE; e Milagros Lantes, do BNG-, do estudo de preto de dúas mil alegacións revisadas en 32 comisións de Urbanismo e dun total de 47 xuntanzas de representantes de todos os grupos políticos da corporación, finalmente os 12 tomos e 30 quilos de documentación recollidos no PXOM serán remitidos á Xunta para a súa aprobación definitiva, despois dunha sesión que podería definirse como histórica pola transcendencia do seu acordo. A Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, foi a encargada de expoñer o traballo realizado para elaborar o plan final, un PXOM que cualifica como "un documento enriquecido, pulido e mellorado coas achegas de todos", xa que Lantes subliña que "non é o plan que faría o PP, pero tampouco o que faría o PSOE, nin Terra Galega, nin o plan que faría o BNG". Ao final "non é o plan de ninguén", explica Lantes, "porque é o plan que fixemos entre todos". Na mesma liña expresou o seu parecer o voceiro do PSOE, José Antonio Viña, e aínda que os líderes de PP e TEGA, Miguel Ferreiro e Manuel Andrade, realizaron un discurso crítico para cos contidos e o proceso de elaboración do plan, finalmente todos os concelleiros da corporación votaron a favor.

As treboadas e as paisaxes "realistas" do pintor Xulio García Rivas: nunha exposición pictórica no Pazo da Cultura

A MOSTRA PODE VISITARSE ATÉ O 1 DE MARZO DE 18.00 A 21.00 HORAS

As treboadas e as paisaxes "realistas" do pintor Xulio García Rivas: nunha exposición pictórica no Pazo da Cultura

Venres 30 de xaneiro do 2015

Treboadas da Costa da Morte, ondas do Orzán, ríos con bambús, nimbos ou xardíns inspiran os cadros que o pintor Xulio García Rivas expón até o 1 de marzo na sala Alberto Gende do terceiro andar do Pazo da Cultura. Licenciado en Belas Artes e na actualidade profesor de debuxo no IES Alfredo Brañas de Carballo, García Rivas manifestou no acto de inauguración da mostra a vontade de "realismo" que reside nas súas obras, unha "realidade de fondo", xa que "a realidade da obra de arte é moi superior á súa representación" e nela podemos atopar "misterio, maxia, paixón...". Tamén quixo resumir o seu obxectivo como pintor de paisaxes cunha cita do artista do romanticismo alemán, Caspar David Friedrich (1774-1840): "...a tarefa do pintor de paisaxes non é a fiel representación do aire, a auga, as pedras e as árbores, senón que é a súa alma e o seu sentimento o que ten que reflectirse". Respecto da traxectoria de García Rivas, ten realizado numerosas exposicións individuais e colectivas por toda Galicia e conta con obras nas coleccións das Deputacións da Coruña e Pontevedra, da Irmandade Galega de Caracas, de Afundación, da Casa de Galicia en Madrid, da Fundación Caja Madrid ou da Xunta de Galicia. Todos os traballos que presenta na mostra están realizados sobre papel, de gran formato os acrílicos e de formato menor as acuarelas. Nas súas propostas a abstracción e a figuración non son conceptos opostos, senón que proceden da realidade profunda da arte que é a súa linguaxe. Todas as imaxes da inauguración, no Facebook do Concello, aquí

Máis de 300 nadadores participan no Máster Galego de Inverno na Piscina Carballo Calero o domingo 1 de febreiro

A COMPETICIÓN PRINCIPIA A PARTIR DAS 10.00 HORAS

Máis de 300 nadadores participan no Máster Galego de Inverno na Piscina Carballo Calero o domingo 1 de febreiro

Venres 30 de xaneiro do 2015

Un total de 301 nadadores participan o domingo 1 de febreiro en Carballo no Campionato Galego de Natación Máster de Inverno que organizan a Federación Galega de Natación e a Agrupación Deportiva Fogar coa colaboración do Concello de Carballo, a Deputación da Coruña, a Secretaría Xeral para o Deporte e DS Axiña. Un total de 19 equipos galegos repartidos entre 187 homes e 114 mulleres nadan na piscina Carballo Calero a partir das 10.00 horas. A competición desenvolverase nunha única xornada que se estenderá ata a tarde con tan só un intermedio dunha hora de descanso. A AD Fogar de Carballo e Oleiros estará representada por un total de 39 nadadores (24 homes e 15 mulleres) que pelexarán polo campionato competindo cos representantes do Portamiñá lucense e o Travesas vigués que parten como favoritos ao título xa que participan con 45 e 44 nadadores respectivamente. Así o expresou o coordinador da AD Fogar da Xuventude de Carballo, Alberto Tomé, que lembrou que espera que o club revalide o campionato e repita o éxito doutras ocasións (tempadas 2001-02, 2004-05 e 2010-11). Tamén quixo subliñar o elevado número de participantes deste ano, baténdose o record de asistencia, o que explica pola proximidade do Campionato de España, que terá lugar no mes de febreiro en Pontevedra. Así, os nadadores poderían aproveitar a cita galega de Carballo para ultimar a súa posta a punto.

Cheo absoluto no auditorio do Fórum Carballo na primeira xornada do ciclo de charlas formativas inForum15

EXPERTOS DO SECTOR FALARON DE PUBLICIDADE E REDES SOCIAIS

Cheo absoluto no auditorio do Fórum Carballo na primeira xornada do ciclo de charlas formativas inForum15

Venres 30 de xaneiro do 2015

O auditorio do Fórum Carballo estivo cheo a rebentar durante toda a xornada do xoves 29 de xaneiro na primeira cita do inForum15 un novo espazo promovido pola Concellaría de Formación e Emprego para a información, a formación e o debate no que terán cabida todo tipo de temas e para todo tipo de públicos. A posta de largo centrouse na publicidade e nas redes sociais, e estivo dirixida ao público adolescente pola mañá e a empresarios e ao público en xeral pola tarde. O día comezou co Garda Civil José Ramón Couto, que falou con rapaces e rapazas de ESO e Bacharelato sobre as claves e os perigos das redes sociais. Moitos e moitas quedaron sorprendidos ao coñeceren novos aspectos das redes e medidas básicas de precaución, como non entablar amistade a través de Facebook se non coñecemos á persoa que está do outro lado; contar cun antivirus no móbil e non facilitar ningún dato persoal; ou sempre pechar a sesión despois de iniciala e empregar contrasinais seguros. Pola tarde foi o prato forte coa presenza do xornalista Luís Fraga, como condutor do acto, e de tres expertos de altura: Martín Barbaresi, Director de Marketing do Grupo Calvo e responsable da campaña "Ellas lo saben"; Mariano Munuera, Social Media Strategist de Gadis e responsable da campaña "Vivamos como galegos!"; e Carlos Fernández Guerra, Community Manager da Policía Nacional e responsable de conseguir máis de 1,3 millóns de seguidores para o Twitter @policia, sendo a administración pública con máis 'followers' en todo o mundo.

A aprobación provisional do PXOM debaterase o luns 2 de febreiro nun pleno extraordinario da corporación

O PLAN CONTA COS INFORMES FAVORABLES DOS TÉCNICOS MUNICIPAIS

A aprobación provisional do PXOM debaterase o luns 2 de febreiro nun pleno extraordinario da corporación

Xoves 29 de xaneiro do 2015

Despois de 32 reunións da comisión de Urbanismo dende a aprobación inicial do documento, de anos de intenso traballo e de contar con todos os informes preceptivos da Xunta de Galicia e dos técnicos municipais, o luns 2 de febreiro a corporación carballesa debaterá nun pleno extraordinario a aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). O mércores 28 de xaneiro celebrouse unha comisión (na imaxe) na que se presentaron os informes municipais sobre o documento elaborados por Secretaría, Intervención, o Arquitecto municipal e a Asesoría Xurídica de Urbanismo e na que se acordou a convocatoria do pleno ao estar xa completo o expediente do documento. Para sacar adiante o plan durante a sesión, é necesario contar coa maioría absoluta do pleno da corporación, xa que a vixencia do documento, de 16 anos, require que se supere a maioría simple para a súa ratificación. Na comisión, o grupo de goberno foi o único que votou a favor da aprobación do PXOM, xa que o asunto contou coa abstención do resto dos grupos. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, espera que o luns o documento sexa aprobado por unanimidade, especialmente despois de que "todas as emendas foran analizadas, debatidas e votadas unha a unha por unanimidade" de todos os grupos da corporación nas comisións, e despois do "espírito de consenso" e o "traballo en positivo" que se ten realizado co obxectivo de sacar adiante o PXOM. A Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, subliña que "o plan ideal non existe" e que todos os grupos teñen realizado concesións para acadar "un documento asumible por todos".

A veciñanza de Carballo doou máis de 54 toneladas de roupa usada durante 2014 depositándoa nos 13 colectores do municipio

A ONGD HUMANA É A ENCARGADA DE XESTIONAR A RECOLLIDA

A veciñanza de Carballo doou máis de 54 toneladas de roupa usada durante 2014 depositándoa nos 13 colectores do municipio

Mércores 28 de xaneiro do 2015

Os veciños e veciñas de Carballo doaron durante o ano 2014 un total de 54.450 quilos de roupa e calzado usados nos 13 colectores que ten instalados no municipio a ONGD Humana en virtude dun acordo subscrito co Concello. Humana Fundación Pueblo para Pueblo é un organización non gobernamental para o desenvolvemento (ONGD) que dende 1987 promove a protección do medio ambiente a través da reciclaxe e a reutilización téxtil e que leva a cabo programas de cooperación en África, América Latina e Asia, así como de Axuda Social en España. Os datos que reflicte a recollida amosan a sensibilización cidadá en materia de reutilización e reciclaxe. "Estamos moi contentos cos resultados deste ano. As veciñas e veciños amosan coa reciclaxe téxtil o seu compromiso co medio ambiente, coa loita contra o cambio climático e cos proxectos de cooperación ao desenvolvemento e de Axuda Social que levamos a cabo", apunta Darío Gómez, responsable de Humana en Galicia. Como complemento á recollida selectiva do téxtil, Humana realizou unha aportación de 3.000 euros aos Servizos Sociais do Concello de Carballo para axudas de emerxencia. Esta contribución enmárcase no programa de Axuda Social da Fundación que ten como obxectivo destinar ao ámbito local parte dos recursos obtidos coa xestión da roupa usada recollida. Na delegación de Galicia, Humana dispón de 331 colectores que o ano pasado recolleron 1.983 toneladas de téxtil usado. En España a Fundación conta con 5.200 contedores que anualmente recollen ao redor de 18.000 toneladas de roupa.

Compartir: