Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Volven ao Pazo os Venres Culturais coa

XOVES 29 E VENRES 30 DE XANEIRO

Volven ao Pazo os Venres Culturais coa "Ultranoite" de Grupo Chévere e a exposición pictórica de Xulio García Rivas

Mércores 28 de xaneiro do 2015

Este venres 30 de xaneiro continúa a programación dos Venres Culturais coa actuación de Grupo Chévere que pon en escena o seu último espectáculo, "Ultranoite no país dos ananos". É unha honra volver a contar na programación cultural de Carballo co Grupo Chévere, na que participan con asiduidade (na edición do FIOT 2013 participaron coa obra "Ultranoite: O teatro máis alá do teatro" e coa premiada "Eurozone"). Desta volta poderemos gozar coa súa última produción de gran formato. Un musical, ou cabaré nihilista, como eles o cualifican, sobre a derrota, e coa que realizar unha viaxe retranqueira ao tempo e ao lugar que nos tocou vivir. Podémolo chamar Galicia se queremos. Nesta ocasión, o gran equipo de seis actores e tres músicos, vén da man de dous autores emparentados polo seu mal humor e un lirismo tan afinado como insultante: Jonathan Swift e Celso Emilio Ferreiro. Co estómago na man, fixeron sketchs cheos de tópicos, "chascarrillos" e lugares comúns cun aire de festival de fin de curso para ceibar risas cómplices e, co corazón aberto, unha presa de músicas e cancións sen lugar para a esperanza pero de lirismo e beleza arrebatadora. A capacidade de transgredir xéneros e a vertente humorista e participativa, tan presente nesta obra, forman parte dos méritos que levaron a Chévere a gañar o Premio Nacional de Teatro 2014, que por primeira vez recoñece o traballo dunha compañía galega. As entradas poden xa reservarse na Concellaría de Cultura (981 704 300) e o seu prezo é de 4 € e de 3 € reducido. A función: ás 21.00 horas.

Luz verde no pleno para o Plan de Aforro e Investimentos da Deputación que rehabilitará a zona escolar e deportiva do Chorís

REXEITADO O CONTRATO DE XESTIÓN DO CICLO INTEGRAL DA AUGA

Luz verde no pleno para o Plan de Aforro e Investimentos da Deputación que rehabilitará a zona escolar e deportiva do Chorís

Martes 27 de xaneiro do 2015

O pleno da corporación vén de sacar adiante cos votos a favor de BNG e PSOE o Plan de Aforro e Investimentos (PAI) da Deputación da Coruña que supón para Carballo unha achega de 510.509,12 euros. Desta cantidade, as administracións locais deben destinar unha porcentaxe á redución da débeda municipal, que no caso de Carballo, dado o seu baixo nivel de endebedamento, sería de 43.903,78 euros. Os 466.605,34 euros restantes destinaranse á reurbanización da contorna do IES Alfredo Brañas, do complexo deportivo Vila de Noia e do CEIP Fogar no barrio do Chorís. A actuación consistirá no reacondicionamento das beirarrúas e na mellora dos servizos, incluíndo o saneamento e abastecemento de auga, e os servizos de gas e da rede eléctrica. Regularanse os aparcadoiros, coa súa redistribución, xa que pasarán a estar en batería; e co seu acondicionamento, xa que realizaranse con céspede portante. Crearanse novas áreas de estacionamento, co acondicionamento da que xa está en uso no solar municipal onde se sitúan os depósitos de auga; e, despois do acordo cos propietarios, con outra nova área de aparcadoiros na rúa Vila de Coristanco, preto do CEIP Fogar. Habilitarase unha glorieta para regular a circulación na confluencia das rúas Avenida de Bergantiños e Vila de Corcubión. Plantaranse un total de 34 árbores e crearase unha pista perimetral de 1,5 metros de ancho arredor de toda a mazá para a práctica deportiva cun firme especialmente deseñado para correr e camiñar. Por último, crearase un novo portalón de acceso ao CEIP Fogar para facilitar a entrada do camión anti incendios.

Arrincan os traballos do proxecto de Reurbanización da rúa Colón, que conta cun orzamento que supera os 230.000 euros

A VÍA ESTARÁ PECHADA MENTRES DUREN AS OBRAS

Arrincan os traballos do proxecto de Reurbanización da rúa Colón, que conta cun orzamento que supera os 230.000 euros

Martes 27 de xaneiro do 2015

Veñen de comezar esta semana os traballos para reurbanizar a rúa Colón da capital municipal coa colocación da sinalización horizontal e vertical que reflicte os cambios na circulación que suporán as obras. Así, a rúa Cervantes (na imaxe) pasará a ser de dobre sentido, de tal forma que os vehículos que veñan dende a rúa Valle Inclán poderán subir pola marxe da vía que está pegada ás vivendas en dirección Gran Vía. Dende a Gran Vía en dirección á rúa Colón, que permanecerá pechada ao tráfico mentres duren os traballos, tan só poderán baixar os vehículos da empresa responsable das obras ou os provedores do Mercado Municipal. O Alcalde, Evencio Ferrero, asinou con Construcciones Ramón Vázquez y Reino o contrato para a realización das obras a primeiros do pasado mes de decembro, mais no seu momento decidiuse que os traballos non comezasen ata despois das datas de Nadal para facilitar o labor comercial propio da época. A actuación foi adxudicada por un importe de 233.046 euros, IVE incluído. Esta proposta, incluída no Plan DTC 93 da Deputación da Coruña, afonda no proxecto de humanización e mellora da mobilidade no centro carballés no que traballa o goberno municipal e suporá a peonalización da vía. A actuación implica a eliminación das prazas de aparcamento, a eliminación das beirarrúas e das varandas que separan a Praza da vía, e a creación dunha ampla zona de carga e descarga para facilitar o labor dos comerciantes nos días de feira e mercado, ademais de que os vehículos poderán circular do mesmo xeito que na rúa Valle Inclán. Manteríanse as árbores e gañaríase espazo para a Praza do Concello. O prazo de execución é de catro meses.

Luz verde para o contrato de obras de "Sobreanchos e reparación da capa de rodadura en varios camiños de Berdillo, Sofán e Rus"

O ORZAMENTO DE LICITACIÓN É DE 182.000 EUROS

Luz verde para o contrato de obras de "Sobreanchos e reparación da capa de rodadura en varios camiños de Berdillo, Sofán e Rus"

Luns 26 de xaneiro do 2015

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar o expediente de contratación para as obras de "Sobreanchos e reparación da capa de rodadura en varios camiños das parroquias de Berdillo, Sofán (na imaxe) e Rus no Concello de Carballo". O prezo de licitación é de 182.939,90 euros e entre os criterios de adxudicación terase en conta a oferta económica (cun máximo de 40 puntos), así como o programa de traballo, o programa de actuación medioambiental -incluíndo o plan de control de calidade e o esquema do plan de seguridade e saúde-, ou a proposta de redución de prazos de execución como criterio de carácter específico. Este proxecto está cofinanciado con cargo aos fondos Feader (Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural) da Unión Europea, que perseguen mellorar a competitividade da agricultura e a silvicultura; o medio e a paisaxe; e a calidade de vida nas zonas rurais, así como a promoción da diversificación da economía rural. No apartado de contratación tamén saíu adiante o expediente para o contrato administrativo de servizos de "Asesoría xurídica do Centro de Información á Muller de Carballo"; así como o contrato administrativo de servizos de "Vixilancia da Unidade Asistencial de Drogodependencias de Carballo" (UAD). Entre os asuntos de trámite recibiu luz verde o cambio de vehículo dunha licenza de taxi e tamén se aprobaron dúas licenzas de obra, unha para a nivelación de dúas parcelas na parroquia de Oza; e outra para a prórroga para unha licenza de parcelación para un terreo situado na rúa Cervantes.

As redes sociais, a publicidade, adolescentes e empresarios: protagonistas da primeira xornada do ciclo InForum15

XOVES 29 DE XANEIRO NO FORUM CARBALLO

As redes sociais, a publicidade, adolescentes e empresarios: protagonistas da primeira xornada do ciclo InForum15

Sábado 24 de xaneiro do 2015

Carballo estrea InForum15, un ciclo de charlas "con temáticas moi diversas de interese para a sociedade", segundo explica o Concelleiro de Formación e Emprego, Marcos Trigo. Trátase dun novo espazo para a información, a formación e o debate no que terán cabida todo tipo de temas e para todo tipo de públicos no Fórum Carballo. A primeira das citas, o xoves 29 de xaneiro, está centrada nas redes sociais e a publicidade e terá lugar en dúas quendas. Unha de mañá, orientada ao público adolescente cunha charla dirixida a alumnado do segundo ciclo da ESO e de Bacharelato dos centros de ensino de Carballo. Estará repartida en dúas sesións, unha ás 10.00 e outra ás 12.00 horas, e contará coa presenza do axente da Garda Civil José Ramón Couto, que falará sobre as ferramentas necesarias para manexarse con máis seguridade nas redes sociais. A quenda de tarde está aberta a todo o público, aínda que está especialmente orientada a empresarios, e contará con dous relatorios. O primeiro ás 18.00 horas con Martín Barbaresi, Director de Marketing do Grupo Calvo e Premio Ampe de Ouro pola campaña "Ellas lo saben"; e con Mariano Munuera, Social Media Strategist de Gadis e responsable da campaña "Vivamos como galegos!". O segundo será ás 19.00 horas e contará coa presenza de Carlos Fernández Guerra, Community Manager da Policía Nacional e responsable de conseguir máis de 1,3 millóns de seguidores para o Twitter @policia, sendo a administración pública con máis 'followers' en todo o mundo. Trigo quixo subliñar a calidade da cita, "un bo paso de inicio" para o InForum15.

Os Venres Culturais principian o seu ciclo "En familia" coa proposta de Tanxarina Títeres "A casa do avó"

DOMINGO 25 DE XANEIRO ÁS 18.00 HORAS

Os Venres Culturais principian o seu ciclo "En familia" coa proposta de Tanxarina Títeres "A casa do avó"

Venres 23 de xaneiro do 2015

O domingo 25 de xaneiro iníciase o programa do Ciclo En Familia que forma parte da programación de Venres Culturais, coa actuación da compañía Tanxarina Títeres que pon en escena o seu último espectáculo, "A casa do avó". Tanxarina é unha das compañías máis veteranas e recoñecidas do teatro de monicreques galego, tanto dentro de Galicia como fóra. Foi creada en 1981 en Redondela e está formada por Eduardo Rodríguez Cunha, Tatán, Miguel Borines e Andrés Giraldez. Dedícase á produción e distribución de espectáculos dirixidos a todo tipo de públicos, aínda que principalmente aos nenos, combinando diversas técnicas de animación de bonecos co traballo actoral dos propios manipuladores. Esta relación escénica entre títeres e actores é un dos sinais de identidade da compañía. A súa traxectoria é moi extensa e os seus espectáculos foron representados en diversos países como Arxentina, Brasil, Costa Rica, Austria, Grecia, Francia, Colombia. Eduardo Rodríguez Cunha, Tatán foi galardoado na última edición do FIOT co Xograr de Outono, en recoñecemento ao seu labor de titiriteiro, actor, mestre e dinamizador desta arte de monicreques que impulsou esta arte en Galicia. "A casa do avó" aborda un tema moi actual pero desde o punto de vista dos máis pequenos. Roberto recibe a noticia de que o seu avó vai quedar sen casa. Ante esta inxusta situación comeza a buscar unha solución e, nesta busca, dispárase un mundo de pequenas e divertidas aventuras protagonizadas polas máis variadas personaxes. Un encontro cómico e poético que desemboca nun final feliz propiciado polo apoio solidario.

A Oficina de Promoción Económica oferta un Curso de Atención ao Cliente e Fidelización para profesionais do comercio

PRAZO DE INSCRICIÓN ABERTO A PARTIR DO LUNS 26 DE XANEIRO

A Oficina de Promoción Económica oferta un Curso de Atención ao Cliente e Fidelización para profesionais do comercio

Venres 23 de xaneiro do 2015

A Oficina de Promoción Económica de Carballo (OPE) organiza un Curso gratuíto de Atención ao Cliente e Fidelización dirixido a profesionais do sector do comercio que terá entre o 24 de febreiro e o 15 de abril e que conta cun total de 40 horas formativas. Así, da man da Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Regueira, está previsto desenvolver dez horas teóricas iniciais no Fórum Carballo, outras 20 horas de prácticas nos establecementos comerciais no mes de marzo e por último outras 10 horas para rematar coa acción formativa no Fórum durante o mes de marzo. A OPE planificou o curso, que conta con 20 prazas, para responder ás solicitudes dos propios traballadores e propietarios dos establecementos comerciais da vila, que requiren este tipo de formación co obxectivo de mellorar a súa competitividade no mercado. Entre os contidos que se abordarán durante a actividade, hai que subliñar as claves das técnicas de comunicación cos clientes, a creación de campañas, a fidelización 2.0 ou a xestión de reclamacións. A parte práctica inclúe unha consultaría personalizada para cada comercio, coa realización dun diagnóstico e a posta en marcha dalgunha das ferramentas aprendidas. A parte final tamén supón a elaboración dun plan de acción desenvolvido a partir das conclusións do curso. Os interesados e interesadas en anotarse poden informarse no Fórum Carballo (Praza dos Bombeiros Voluntarios s/n, barrio da Milagrosa) en horario de oficina ou no correo <paulalema@carballo.org>. Tamén chamando ao teléfono 981 709 013. O prazo de inscrición está aberto entre o luns 26 de xaneiro e o martes 17 de febreiro.

Un curso de auxiliar de comercio abre o Plan de Formación da Bolsa de Traballo para o primeiro semestre de 2015

BENEFICIARANSE UN TOTAL DE 125 PERSOAS DESEMPREGADAS

Un curso de auxiliar de comercio abre o Plan de Formación da Bolsa de Traballo para o primeiro semestre de 2015

Venres 23 de xaneiro do 2015

A Concellería de Formación e Emprego que dirixe Marcos Trigo vén de poñer en marcha hoxe, venres 23 de xaneiro, o primeiro dos cinco cursos incluídos no Plan de Formación da Bolsa de Traballo (BDT) para o primeiro semestre do 2015. Hoxe rematou o proceso de selección dos participantes neste primeiro curso, nos que serán formadas 25 persoas para poder traballar como auxiliares de comercio. O curso inclúe 80 horas lectivas, que comezan hoxe e conclúen o 20 de febreiro, e outras 80 de prácticas en empresas do sector para aqueles alumn@s que superen a primeira parte da formación. As clases desenvolveranse de luns a venres de 9.30 a 13.30 horas. Para realizar a selección dos e das participantes (os criterios están establecidos nas bases publicadas no BOP), dende a Bolsa de Traballo foron enviados un total de 257 sms convocando aos usuarios e usuarias que se inscribiron na BDT como demandantes de emprego no sector do comercio, xa que o fin último do departamento que dirixe Marcos Trigo é a inserción laboral. Á preselección acudiron 36 das persoas convocadas, entre as cales foron seleccionadas as 25 perdoas que realizarán o curso. O Plan de Formación da BDT inclúe tamén cursos de mozo de almacén, competencias clave, hostalería e prevención de riscos e terá beneficiado a un total de 125 persoas ao final do semestre. Os interesados e interesadas en participar nesta ou noutras accións formativas gratuítas para desempregados ofertadas no Fórum Carballo poden obter máis información ou anotarse na BDT no propio Fórum ou nos teléfonos 981 709 011 e 981 709 010, así como no Twitter: @bdtcarballo.

O Concello rehabilitará a Zona escolar e deportiva do Chorís con novos servizos, beirarrúas e a creación dunha pista deportiva

A ACTUACIÓN FINANCIARASE CON 466.000 EUROS DO PAI DA DEPUTACIÓN

O Concello rehabilitará a Zona escolar e deportiva do Chorís con novos servizos, beirarrúas e a creación dunha pista deportiva

Venres 23 de xaneiro do 2015

A sesión plenaria ordinaria do pleno de xaneiro inclúe entre os asuntos da orde do día a aprobación do Plan de Aforro e Investimentos (PAI) da Deputación da Coruña que supón para Carballo unha achega de 510.509,12 euros. Desta cantidade, as administracións locais deben destinar unha porcentaxe á redución da débeda municipal, que no caso de Carballo, dado o seu baixo nivel de endebedamento, sería de 43.903,78 euros. Os 466.605,34 euros restantes destinaranse á reurbanización da contorna do IES Alfredo Brañas, do complexo deportivo Vila de Noia e do CEIP Fogar no barrio do Chorís. A actuación consistirá no reacondicionamento das beirarrúas e na actualización dos servizos, incluíndo o saneamento e abastecemento de auga, e os servizos de gas e da rede eléctrica. Regularanse os aparcadoiros, coa súa redistribución, xa que pasarán a estar en batería; e co seu acondicionamento, xa que realizaranse con céspede portante. Crearanse novas áreas de estacionamento, co acondicionamento da que xa está en uso no solar municipal onde se sitúan os depósitos de auga; e, despois do acordo cos propietarios, con outra nova área de aparcadoiros na rúa Vila de Coristanco, preto do CEIP Fogar. Habilitarase unha glorieta para regular a circulación na confluencia das rúas Avenida de Bergantiños e Vila de Corcubión. Plantaranse un total de 34 árbores e crearase unha pista perimetral de 1,5 metros de ancho arredor de toda a mazá para a práctica deportiva cun firme especialmente deseñado para correr e camiñar. Por último, crearase un novo portalón de acceso ao CEIP Fogar para facilitar a entrada do camión anti incendios.

Chega a Carballo o 23 de xaneiro o TEDxGalicia, un espazo de charlas no que reflexionar e debater sobre novas ideas

O PAZO DA CULTURA ACOLLE DEZ RELATORIOS CO LEMA "FAINO TI"

Chega a Carballo o 23 de xaneiro o TEDxGalicia, un espazo de charlas no que reflexionar e debater sobre novas ideas

Xoves 22 de xaneiro do 2015

O Pazo da Cultura acolle o venres 23 de xaneiro unha proposta de divulgación organizada pola Fundación Galicia Sustentable -coa que colabora o Concello de Carballo-. Trátase do TEDxGalicia, un evento vinculado ao TEDx, un programa de conferencias locais e organizadas de forma independente que xurde co ánimo de difundir as ideas que merecen ser coñecidas. As charlas do TEDxGalicia non tratan de dar respostas, senón de confrontar opinións e xerar dúbidas. TED é unha organización sen ánimo de lucro dedicada á difusión de ideas moi diversas, que naceu hai 25 anos en California e que apoia ideas que cambian o mundo a través de múltiples iniciativas. A conferencia anual TED invita a pensadores e emprendedores a falar durante 18 minutos e despois difúndense as súas charlas a través de TED.com. A edición que se celebra en Carballo leva por título, "Faino ti", buscando provocar a reflexión sobre as responsabilidades individuais e a capacidade persoal que temos para alterar a realidade e provocar o cambio que efectivamente queremos. As charlas principian ás 16.00 horas e rematan ás 20.00 horas. Participarán 10 relatores, sobre temas tan variados como emprendemento, acción social ou arte: Milagros Cotelo (artista), Lucía Santiago (divulgadora musical), Blanca Olivié (coach), Pedro Giménez (xestor ONG), María Castro (iniciadora de Xuntos Podemos), Iván Gómez (analista de datos), Enrique e Marcos Saavedra (deseñadores de produto), Iñaki Quenerapú (iniciador social), Jorge Cebreiros (pequeno empresario), Ana Corredoira (granxeira) e Fernando Sánchez Salinero (inspirador).

Nace InForum15, un ciclo estable de charlas formativas que arrinca co community manager da Policía Nacional

A CITA É O VENRES 29 DE XANEIRO ÁS 19.00 HORAS

Nace InForum15, un ciclo estable de charlas formativas que arrinca co community manager da Policía Nacional

Xoves 22 de xaneiro do 2015

Carlos Fernández Guerra, o responsable do éxito da Policía Nacional en Twitter, é un dos convidados á estrea de inFórum15, un novo espazo para a información, a formación e o debate no que terán cabida todo tipo de temas e para todo tipo de públicos. InFórum15, unha iniciativa da Concellería de Formación e Emprego, desenvolverase ao longo do ano cunha programación de calidade na que se terán en conta as preferencias dos distintos sectores da sociedade. Aínda que todas as charlas estarán abertas a toda a poboación, nesta primeira entrega de inFórum15 terán especial protagonismo os estudantes, por unha banda, e os empresarios e empresarias, por outra. A estes últimos irá especialmente dirixida a conferencia de Carlos Fernández Guerra, un dos community manager máis coñecidos e recoñecidos a nivel internacional tras conseguir que a Policía Nacional sexa o corpo policial con máis seguidores do mundo, 1.350.000 nestes momentos, mesmo por riba do FBI. Carlos Fernández Guerra estará no Fórum Carballo o día 29, a partir das 19 horas, para falar sobre a importancia das redes sociais dentro de calquera estratexia publicitaria e, por suposto, para falar do éxito de @policia. Se queres escoitalo comodamente sentad@ reserva a túa praza enviando unha mensaxe a través da páxina de Facebook de Fórum Carballo: www.facebook.com/forumcarballo.amilagrosa ou do perfil de Twitter que o Fórum vén de estrear: @forumcarballo. Con inFórum15 o Fórum Carballo dá un paso máis na súa aposta pola formación e a información de calidade.

Asinado o "Reacondicionamento de vestiarios e instalacións na Piscina Carballo Calero" para reparar os danos do incendio

NOVA ÁREA DE ESTACIONAMENTO NA ZONA BERGANTIÑOS

Asinado o "Reacondicionamento de vestiarios e instalacións na Piscina Carballo Calero" para reparar os danos do incendio

Xoves 22 de xaneiro do 2015

A Casa do Concello vén de acoller o acto de sinatura do contrato administrativo de obras de "Reacondicionamento de vestiarios e instalacións en xeral na Piscina Carballo Calero", uns traballos que arranxarán os danos provocados por un incendio declarado o pasado mes de outubro nas instalacións. Estiveron no acto o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e un dos representantes da empresa adxudicataria, Construcciones Mouzo y Souto SL, que realizará a actuación por un importe de 46.675,37 euros (IVE incluído). O prazo de execución previsto é de catro semanas. Hai que lembrar que, aínda que o Complexo Deportivo Carballo Calero abriu as súas portas pouco despois do incendio, os vestiarios non están funcionando a pleno rendemento a causa dos danos, non só na estrutura senón tamén nos condutos de ventilación. A empresa espera comezar pronto coas melloras para que a piscina estea en perfectas condicións o antes posible. Así mesmo, e dentro das actuacións de Mobilidade Carballo, tamén hai que mencionar que nos próximos días entrará en servizo unha nova área de estacionamento gratuíto de vehículos na contorna da Piscina Carballo Calero grazas ao acordo acadado entre o goberno municipal e os propietarios dun terreo situado na esquina das rúas Carballo Calero e Carré Aldao. Debido ao seu emprazamento, o novo párking permitirá atender a elevada demanda de prazas que se rexistra a determinadas horas do día nesa zona. Os operarios municipais xa estiveron traballando na limpeza da parcela, na que se delimitarán dúas ringleiras de vehículos. Interesad@s poden ver unha imaxe do solar no Facebook do Concello, aquí.

Compartir: