Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Aberto o prazo para anotarse no II Curso de Cociña Saudable para hostaleiros: no Fórum a partir do 3 de febreiro

MÁIS INFORMACIÓN NO 981 702 077 OU EN <MUSEO@CARBALLO.ORG>

Aberto o prazo para anotarse no II Curso de Cociña Saudable para hostaleiros: no Fórum a partir do 3 de febreiro

Mércores 21 de xaneiro do 2015

A Concellaría de Promoción Económica e Turismo informa da celebración do II Curso de Cociña Saudable, unha acción dirixida aos profesionais do sector da hostalería co obxectivo de seguir ofrecéndolles unha formación gratuíta e de calidade e favorecer a posta en valor do sector, alén de contribuír á mellora competitiva dos hostaleiros. A actividade terá lugar no Fórum Carballo os días 3, 5, 10 e 12 de febreiro de 17.00 a 19.30 horas. O curso ten como obxectivos proporcionar información nutricional aos profesionais do sector, ofrecerlles ferramentas eficaces para desenvolver menús saudables, incrementar a oferta gastronómica dos locais ou promover a participación e a mobilización do colectivo profesional na concienciación cidadá cara hábitos alimentarios máis saúdables. Así, na actualidade estase a constatar que algúns dos transtornos de saúde máis comúns e prexudiciais no mundo occidental están directamente relacionados coa forma de alimentarnos. Esta actividade pretende concienciar da relación que existe entre alimentación e saúde, e unha das mellores formas é a través dos profesionais da hostelaría. Ao remate da formación, cada participante contará cunha carpeta de contidos que inclúe as fichas de receitas en formato apto para o seu uso profesional nas cociñas. O curso conta cun límite de 25 prazas e os interesados e interesadas poden inscribirse antes do sábado 31 de xaneiro a través do enderezo electrónico <museo@carballo.org>. Tamén é posible obter máis información no teléfono 981 702 077. O díptico informativo e a folla de inscrición, máis abaixo nesta mesma nova en pdf.

O Concello solicítalle á Deputación da Coruña que mellore a seguridade viaria e a sinalización da Avenida da Milagrosa

PIDE A COLOCACIÓN DE PASOS DE PEÓNS ELEVADOS

O Concello solicítalle á Deputación da Coruña que mellore a seguridade viaria e a sinalización da Avenida da Milagrosa

Martes 20 de xaneiro do 2015

O Concello de Carballo vén de remitirlle un escrito á Deputación da Coruña no que lle solicita ao organismo provincial que mellore a seguridade viaria na estrada CP-1906 ao seu paso pola Avenida da Milagrosa. Así, a administración local expón que, segundo os informes da Policía Local, nos últimos meses a vila vén sufrindo un incremento das incidencias de tráfico no ámbito urbano, nomeadamente en travesías de titularidade provincial, como é o caso da CP-1906 (Fisterra-Campo da Feira). A Avenida da Milagrosa é a día de hoxe unha rúa urbana, aínda que o seu trazado e a súa catalogación a clasifican como vía provincial. O Concello sinala que, ademais, é unha rúa que configura un dos eixes comerciais con máis movemento no casco urbano, como é o da Milagrosa, que cada 2º, 4º e 5º domingo de mes alberga unha concorrida feira. Así mesmo, é o punto de conexión entre a circulación que se achega dende a estrada de Fisterra en dirección a Santiago e Ordes, o que fai que soporte unha alta densidade de tráfico lixeiro e pesado, que convive co tráfico local e cos peóns que empregan os servizos da contorna, como son a Igrexa, o Fórum, o comercio local, as entidades bancarias, etc. Por todo o anterior, e segundo informes da Policía Local, o Concello considera "urxente" a mellora da sinalización horizontal e vertical, así como que se adopten medidas para calmar o tránsito coa colocación de pasos de peóns elevados. Así, téñense detectado excesivos casos de circulación moi por riba do límite da vía de 50 km/h.

Carballo conta cunha nova casa de acollida, Fogar Dona Basilisa, xestionada por Cáritas e situada no barrio da Milagrosa

DO SERVIZO PODERÁN BENEFICIARSE MULLERES DE TODA A COMARCA

Carballo conta cunha nova casa de acollida, Fogar Dona Basilisa, xestionada por Cáritas e situada no barrio da Milagrosa

Luns 19 de xaneiro do 2015

Carballo conta dende o sábado 17 de xaneiro cun novo servizo de acollida para mulleres, o Fogar Dona Basilisa, que abre as súas portas despois dun dilatado período de obras e trámites burocráticos. As instalacións, situadas no barrio da Milagrosa, terán como principal función ofrecer acubillo a aquelas mulleres que vaian dar a luz e non teñan onde ir, que decidan non abortar, ou tamén para aquelas que xa teñan fillos e que soliciten axuda. A vivenda conta cun total de sete prazas, unha delas reservada para mulleres con diversidade funcional, e está completamente equipada, mesmo con berces para os bebés. O espazo recibe o nome de Fogar Dona Basilisa debido á muller que cedeu os inmobles que, despois dunha adaptación e reforma, acollen agora o servizo. O orzamento dos traballos foi de 233.732 euros e as instalacións serán xestionadas por Cáritas Diocesana de Santiago, xa que a vivenda será para axudar non só a mulleres de Carballo, senón de toda a contorna. O encargado de presidir o acto de inauguración foi o Arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio Barrio, que estivo acompañado polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e polo cura párroco Don José García Gondar, ademais de por numerosos membros da corporación, rexedores de vilas da comarca de Bergantiños, como Malpica, Ponteceso ou A Laracha, ou representantes de Cáritas e da parroquia. No peche do acto, Ferrero quixo subliñar que "as grandes obras non son as que custan máis diñeiro, senón aquelas que fan á xente máis feliz" e quixo agradecer o labor da parroquia por poñer en marcha servizos que redundan no beneficio de todos os carballeses e carballesas.

A chuvia non impediu que arredor de 400 escolares corresen a  fase local da Carreira de Campo a Través de Carballo

OS GAÑADORES ESTARÁN NA FASE INTERCOMARCAL DO 24 DE XANEIRO

A chuvia non impediu que arredor de 400 escolares corresen a fase local da Carreira de Campo a Través de Carballo

Venres 16 de xaneiro do 2015

Preto de 400 nenos e nenas do Club Atletismo Carballo, a AD Fogar, o CEIP A Cristina, o CEIP Fogar, o CEIP Nétoma Razo, o CEIP Xesús San Luis Romero e o Colexio Artai participaron hoxe, venres 16 de xaneiro, na fase local da Carreira de Campo a Través que organizan a Secretaría Xeral para o Deporte, a Federación Galega de Atletismo e o Concello de Carballo co patrocinio de Coca-Cola. As categorías da proba foron benxamín, infantil, alevín e cadete e as probas fóronse celebrando sen incidentes a partir das 10.15 horas, cos escolares desafiando a choiva e o frío desta xornada de xaneiro e comezando polos cadetes (2.500 metros en categoría masculina e de 1.200 metros en feminina), infantís (con 1.200 metros e 800 metros respectivamente), alevíns (cunha volta de 800 metros para a categoría masculina e de 600 para a feminina) e benxamíns (con 500 metros para as dúas categorías). Nesta proba puntuable para o Campionato Intercomarcal que se celebra o sábado 24 de xaneiro, clasificáronse os dous mellores equipos e os/as oito primeiros/as atletas de cada categoría. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, foi o encargado, xunto con outros membros da organización, de entregar as medallas aos primeiros clasificados no complexo deportivo As Eiroas. Máis abaixo nesta mesma nova, os interesados e interesadas poden consultar os nenos e nenas que quedaron nas tres primeiras posicións en cada proba das distintas categorías.

O Concello emprega os restos de madeira e borralla da caldeira de biomasa para abonar os bancais do Horto Infantil

OS OBRADOIROS VOLVEN O 9 DE FEBREIRO

O Concello emprega os restos de madeira e borralla da caldeira de biomasa para abonar os bancais do Horto Infantil

Xoves 15 de xaneiro do 2015

Despois do parón invernal, está previsto que no mes de febreiro volvan ao Horto Infantil Ecolóxico de Carballo os obradoiros para nenos e nenas de Infantil e Primaria que se veñen celebrando desde a apertura das instalacións, na primavera do ano pasado. Por ese motivo, estes días están avanzando os traballos para acondicionar os bancais despois dos rigores do inverno, e que estean en perfectas condicións para o regreso dos cativos e cativas. Así, os monitores do obradoiro "O Cole de Herba" xa están abonando a terra, tamén coa axuda dos usuarios e usuarias de APEM (Asociación Pro Enfermos Mentais) de Carballo, que dende hai algún tempo, e grazas a un acordo co Concello, tamén participan nos labores que se levan a cabo no Horto. Estanse empregando os restos de borralla e madeira xerados pola nova Caldeira de biomasa da Casa do Concello para abonar a terra, así como sistema para escorrentar aos caracois e lesmas que poden danar os cultivos. Ademais, as pacas de palla que no seu momento serviron para levar a cabo un proveitoso experimento de cultivo, agora, superado xa o seu ciclo aproveitable, están sendo desfeitas e empregadas tamén como abono. Deste xeito aprovéitase ao máximo a materia orgánica, empregada non só para xerar calor e enerxía na caldeira do Concello, senón tamén para levar o seu ciclo aínda máis alá e usala como abono para achegarlle á terra o fósforo que precisa dunha forma natural. Tamén se aproveitan ao máximo os recursos do Horto, que transcende o seu traballo cos cativos e cativas para ser tamén un foco de actividade para APEM.

O Concello solicítalle á Deputación a colocación de tres pasos de peóns elevados na estrada de Razo ao seu paso por Oza

O OBXECTIVO É REDUCIR OS ACCIDENTES DE TRÁFICO

O Concello solicítalle á Deputación a colocación de tres pasos de peóns elevados na estrada de Razo ao seu paso por Oza

Martes 13 de xaneiro do 2015

O Concello de Carballo vén de remitirlle á Deputación da Coruña un escrito no que lle solicita a instalación de varios pasos de peóns elevados na estrada CP-1902 entre Carballo e Razo ao seu paso pola parroquia de Oza, en concreto, nos lugares de As Encrucilladas e As Torres, co obxectivo de reducir a alta siniestralidade viaria que se produce nese tramo. A administración local explica na súa petición que nos últimos anos téñense producido nesa mesma estrada numerosos accidentes de tráfico, nomeadamente nos treitos situados nos lugares mencionados, polo que a veciñanza ten solicitado "de xeito reiterado" que se tomen medidas para "mellorar a seguridade viaria nun ámbito polo que circulan moitas persoas e no que está situado o Local social parroquial". O Concello lembra tamén no seu escrito que neste treito da estrada de Razo se reproduce unha problemática similar á que no seu momento existía noutra estrada de titularidade provincial, a CP-1909 entre Carballo e Caión, á altura dos lugares de Guilfonxe, Requeixo e O Campo, na parroquia de Bértoa. A administración local sinala que, na actualidade, logo da colocación dos pasos de peóns elevados nese ámbito "non se producen practicamente accidentes de tráfico no treito da súa influencia". Por tanto, espera que, coa instalación de pasos de peóns similares na estrada entre Carballo e Razo se conseguiría que "moitos dos vehículos que circulan por ela o fagan a velocidades máis adecuadas, evitando situacións de inseguridade viaria".

Unha vintena de propostas enchen a programación de lecer de xaneiro, febreiro e marzo da man dos Venres Culturais

TEATRO, MÚSICA, EXPOSICIÓNS OU MAXIA NO PAZO DA CULTURA

Unha vintena de propostas enchen a programación de lecer de xaneiro, febreiro e marzo da man dos Venres Culturais

Luns 12 de xaneiro do 2015

Os tres primeiros meses de 2015 veñen cargados coas propostas culturais e de lecer que o Concello estrutura, a través da Concellaría de Cultura que dirixe Mar Eirís, arredor dos Venres Culturais. Espectáculos de temática variada, "sempre á vangarda" traendo a Carballo as últimas estreas do teatro e das artes escénicas galegas e "con citas moi recoñecidas e de grande calidade", subliña Eirís. Así, hai que destacar a presenza de Grupo Chévere, compañía que ten no actor Miguel de Lira (en cartel nos cines con "A Esmorga") a súa cabeza máis visible e que ten recibido recentemente o Premio Nacional de Teatro, sendo a primeira compañía galega á que lle conceden este galardón. Ou do dramaturgo, actor, narrador oral e director Cándido Pazó, que recibiu en 2014 o Premio da Cultura Galega no apartado de artes escénicas. En música volve o RockCarballo e o programa conta con dous dos galardoados nos premios Martín Códax da Música, Fran Pérez NARF que o recibiu en 2013, e Acadacanto, en 2014. As citas "En familia" contan con teatro, maxia e os monicreques de Eduardo Rodríguez, "Tatán", distinguido co Xograr de Outono do FIOT en 2014. E hai programadas ata catro exposicións con pintura e fotografía chegadas de Carballo e de distintos puntos de Galicia. Non hai que esquecerse das citas paralelas cunha estrea de cine documental e o TEDxGalicia. A partir do martes 13 de xaneiro póñense á venda nas Oficinas de Cultura os Bonos de Teatro (21 € ou 16 € con prezo reducido) para un total de sete citas entre os meses de xaneiro e marzo. O resto das citas, ou son de balde, ou contan con entrada individual e todas terán lugar no Pazo da Cultura.

Asinado o contrato de obras para emprender a "Mellora de capa de rodadura no lugar de Nétoma (Razo)" por 84.000 euros

CONVENIO COA AGADIC NA XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Asinado o contrato de obras para emprender a "Mellora de capa de rodadura no lugar de Nétoma (Razo)" por 84.000 euros

Luns 12 de xaneiro do 2015

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de asinar na Casa do Concello con representantes da empresa Construcciones Ponciano Nieto SL o contrato de obras para emprender a "Mellora de capa de rodadura no lugar de Nétoma (Razo)". O proxecto está incluído no "Plan DTC 93: unha Deputación para todos os concellos" do organismo provincial e o prezo de adxudicación é de 84.032,33 € (IVE incluído), sobre un prezo de adxudicación de 89.196,84 euros. O prazo de execución previsto é de 3 meses dende a sinatura da acta de replanteo e os responsables da adxudicataria manifestaron a súa intención de comezar os traballos o antes posible, e sempre que as condicións meteorolóxicas sexan favorables. Hoxe luns 12 de xaneiro tamén tivo lugar a primeira sesión da Xunta de Goberno Local do ano 2015. Un dos principais asuntos da orde do día foi a aprobación do Convenio coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para levar a cabo a programación de actuacións no primeiro semestre do ano, incluídos os espectáculos dos programas Venres Culturais e de Primavera enDanza. Así mesmo, aprobáronse os prezos públicos para os espectáculos que teñan lugar no Pazo da Cultura no 2015. Coa finalidade de facilitar a asistencia aos cidadáns pertencentes aos grupos de idade máis desfavorecidos e de potenciar a participación nas citas de mozos e mozas, os prezos reducidos establécense así, para estudantes con carné de estudantes, maiores de 65 e menores de 12 anos: para un prezo ordinario de 3€ o reducido será de 2€; para un de 4€ o reducido será de 3€; e para un de 5€, o reducido será de 3,5€.

Aberto o prazo para adquirir solo empresarial no Polígono de Bértoa con bonificacións do 50 por cento no prezo de venda

PRESENTACIÓN DE OFERTAS EN XESTUR: ATÉ O 13 DE FEBREIRO

Aberto o prazo para adquirir solo empresarial no Polígono de Bértoa con bonificacións do 50 por cento no prezo de venda

Luns 12 de xaneiro do 2015

Xestur Galicia abre o martes 13 de xaneiro o prazo para adquirir parcelas no Parque Empresarial de Bértoa con bonificacións de até o 50 por cento no prezo do solo empresarial a través dun concurso de venda. O prazo de presentación de propostas está aberto até o venres 13 de febreiro de 2015 e as bonificacións insírense na Axenda da Competitividade Industrial de Galicia e aplicaranse ao solo dispoñible no Parque Empresarial de Bértoa carballés no seu índice máximo do 50 por cen. Estarán vixentes até o 30 de novembro de 2015, e para un máximo de vendas de 500.000 metros cadrados. No momento en que foran vendidos ditos 500.000 metros cadrados, as bonificacións deixarán de ter efecto. Ao consurso poderán presentarse todas as empresas interesadas na adquisición de solo e que cumpran os requisitos que se establecen no prego de bases que pode consultarse en <www.xesturgalicia.com> e nas oficinas de Xestión do Solo de Galicia - Xestur, S.A., en horario de 09.00 a 14.00 horas, onde tamén hai que formalizar as ofertas. A apertura das proposicións realizarase o 20 de febreiro de 2015 ás 11.00 horas, nas oficinas da sede central de Xestur en Santiago de Compostela. Hai que lembrar que aos descontos que ofrece Xestur, hai que sumar unha bonificación do 95 por cento para o Imposto sobre Construcións Instalacións e Obras (ICIO) que o Concello de Carballo ofrece en función do investimento realizado e do número de empregos que se creen na nova empresa. Así, o investimento mínimo debe ser de 100.000 euros e debe crearse alomenos un emprego estable.

Xa no Museo de Bergantiños o almanaque do Concello para 2015, con imaxes de

MÁIS INFO NO 981 702 077 OU NO MUSEO DE BERGANTIÑOS

Xa no Museo de Bergantiños o almanaque do Concello para 2015, con imaxes de "Derrubando muros con pintura"

Venres 9 de xaneiro do 2015

A Concellaría de Promoción Económica e Turismo que dirixe Xosé Regueira informa de que xa está dispoñible de forma gratuíta para todos os veciños e veciñas que o desexen o almanaque promocional do Concello de Carballo para 2015. Desta volta, o calendario recolle imaxes de moitos dos murais da iniciativa "Derrubando muros con pintura" que están situados en diferentes puntos da capital municipal. Así, aparecen imaxes das obras de Paula Fraile e Roberta Venanzi na Glorieta da Rúa do Sol; de Mon Lendoiro a carón da Biblioteca Rego da Balsa; de Santi Picos na rúa Gravador Manuel Facal; de Emi de las Heras a carón do Parque de Rego da Balsa; de Antonio Taracido na rúa Gravador Manuel Facal; de Alejandra Martínez na rúa Vila de Noia; de Laura Torrado na rúa Vázquez de Parga; de Paula Fraile nas "Catro portas"; de Sokram no Pazo da Cultura; de Samia Singh na rúa Jacinto Amigo Lera; de Lidia Cambón na Avenida da Milagrosa; de Elin Kawa na Escola de Pacita na Alfredo Brañas; de Eva Facal na rúa Sol; de Cristina Castro na Avenida da Milagrosa; de Mou na esquina da Avenida das Flores; de Carlos Fernández e Susana Llorente na rúa Jacinto Amigo Lera; e de Roberta Venanzi na traseira da antiga estación de autobuses, na rúa Arcebispo Romero Lema. As persoas interesadas en ter un exemplar poder recollelo de forma gratuíta no Museo de Bergantiños no seu horario habitual. Máis información no propio Museo situado na rúa Martín Herrera nº 8, no teléfono do Museo, o 981 702 077, ou en .

A empresa adxudicataria presenta ante os voceiros municipais un informe no que se reflicte a situación do alumeado público

ACORDOUSE A DOTACIÓN DE LÁMPADAS LED PARA OS PARQUES

A empresa adxudicataria presenta ante os voceiros municipais un informe no que se reflicte a situación do alumeado público

Xoves 8 de xaneiro do 2015

Os voceiros de todos os grupos municipais da corporación, coa presenza de José Antonio Viña, do PSOE, Manuel Andrade, de TEGA, Miguel Ferreiro, do PP, e do Alcalde, Evencio Ferrero, veñen de manter unha xuntanza na que a empresa adxudicataria do servizo de alumeado público, Ferroser-Ferrovial, presentou un informe no que se recolle a información relativa aos niveis lumínicos do Concello e sobre a situación dos puntos de luz no municipio e das reclamacións presentadas. O Alcalde, logo de que o PP presentara no último pleno de 2014 unha moción acerca da situación do alumeado público, convocou a reunión para analizar a situación e traballar naqueles aspectos que sexan susceptibles de mellora. Unha das conclusións da xuntanza é que está previsto realizar un modificado do contrato actual para que a empresa coloque lámpadas LED nos parques públicos e mellore así o seu alumeado. Antes desta xuntanza, a Casa do Concello tamén acolleu outra reunión de voceiros (na imaxe) na que, neste caso, se abordou a situación actual da licitación do Contrato de xestión integral do ciclo da auga. Despois de coñecerse a sentenza do Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais (TACRC) pola que se decidiu reiniciar o proceso de adxudicación, os voceiros escoitaron de man dos técnicos municipais e da empresa encargada da elaboración do contrato as modificacións que se realizarán no prego de condicións antes de reiniciar o proceso. En todo caso, e como na primeira ocasión, debe ser o pleno o organismo que valide o contrato debido á súa elevada contía, xa que, sumando os 20 anos de concesión, a cifra rolda os 58,6 millóns de euros.

Compartir: