Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Concello reinicia o proceso para licitar o Contrato de xestión do ciclo da auga despois de coñecer a sentenza definitiva do Tribunal

O GOBERNO CONFÍA EN PODER ADXUDICALO ESTE MANDATO

O Concello reinicia o proceso para licitar o Contrato de xestión do ciclo da auga despois de coñecer a sentenza definitiva do Tribunal

Mércores 7 de xaneiro do 2015

O Concello reiniciará o proceso para adxudicar o Contrato de xestión de servizo público por procedemento aberto con varios criterios de adxudicación, baixo a modalidade de concesión, que ten por obxecto o "Ciclo integral da auga no Concello de Carballo". Así o anunciou a Concelleira de Contratación, Milagros Lantes, despois de que o pasado luns 5 de xaneiro se coñecera a resolución definitiva do Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais (TACRC) respecto dun dos recursos presentados por Viaqua -actual concesionaria do servizo ata que se produza unha nova adxudicación- que aínda estaba pendente de resolución. Segundo explica Lantes, que estivo acompañada na rolda de prensa polo Alcalde, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo, o TACRC manifesta que "existen motivos de impugnación que non teñen relación coa formulación das ofertas, pero que se traducen en obrigas contractuais para o futuro adxudicatario". Así, mentres o tribunal rexeitou as reclamacións de Viaqua relativas ao obxecto do contrato, aos seus custos ou respecto de varias aclaracións que esixía a empresa, si considera que deben modificarse os puntos relativos ás garantías do contrato e respecto da revisión de prezos e o equilibrio económico-financeiro. No primeiro caso, considérase axeitado incluír unha xustificación respecto das garantías esixidas. Ademais o seu importe calculouse tendo en conta 25 anos de contrato, sumando unha posible prórroga de 5 anos. Porén, o Tribunal estima que debería de calcularse por 20 anos, xa que, chegado o momento, a prórroga non ten por que formalizarse.

Os Reis Magos de Oriente chegan a Carballo na tradicional Cabalgata que remata cunha recepción na Praza do Concello

VISITAN TAMÉN ONCE PARROQUIAS DO MUNICIPIO

Os Reis Magos de Oriente chegan a Carballo na tradicional Cabalgata que remata cunha recepción na Praza do Concello

Luns 5 de xaneiro do 2015

O Concello de Carballo e a Asociación Xuvenil Fogar da Xuventude organizan a tradicional Cabalgata de Reis que percorre o luns 5 de xaneiro as principais rúas da capital municipal. O itinerario inclúe a chegada dos Reis Magos ás 17.00 horas ao Centro Comercial Bergantiños-Gadis, de onde está previsto que as súas Maxestades saian ás 17.30 horas. Despois do percorrido, os Reis Magos dirixiranse á carpa situada na Praza do Concello, onde recibirán persoalmente aos cativos e cativas. A chegada á Praza do Concello está prevista para as 19.15 ou 19.45 horas, aproximadamente. Mentres esperan aos Reis Magos, os nenos e nenas que o desexen poderán gozar de animación de rúa na Praza do Concello a partir das 18.00 horas con actividades de globoflexia e xogos de animación ata a chegada da cabalgata. A cita conta co patrocinio do Concello de Carballo e a colaboración do CCB-Gadis e La Caixa. Así mesmo, está prevista a colaboración de Protección Civil de Carballo, a Policía Local, a Brigada de Obras, Automóbiles Gonzacar e Alquileres Reneymar. Tampouco hai que esquecer que os Reis Magos teñen previsto visitar as parroquias carballesas, xa que o sábado 4 xa pasaron por Ardaña de camiño á capital municipal e o luns 5 tamén están en Berdillo, Baldaio, Sísamo, Bértoa, Oza e Entrecruces a partir das 18.30 horas. O martes 6 visitan pola mañá Razo, Lema, Cances e Sofán. As citas nas parroquias seguen itinerarios e horarios de anos anteriores.

O establecemento "Mar de Encuentros" gaña por segundo ano consecutivo o Concurso de Escaparatismo de Nadal

D'FIESTA E MAIELA, GAÑADORES DO SEGUNDO E TERCEIRO PREMIO

O establecemento "Mar de Encuentros" gaña por segundo ano consecutivo o Concurso de Escaparatismo de Nadal

Martes 30 de decembro do 2014

O martes 30 de decembro falláronse os premios do Concurso de Escaparatismo de Nadal, un certame que busca incentivar o comercio local e premiar o esforzo dos participantes no coidado da imaxe comercial dos seus establecementos. Finalmente, competiron 14 negocios da capital municipal con propostas moi variadas e coidadas. O xurado estivo composto por Julia Rodríguez en representación de Axober; María del Carmen Freire en representación do Centro Comercial Aberto (CCA); Susa Piñeiro en nome da Asociación de comerciantes, hostaleiros e profesionais do barrio da Milagrosa; e Inés Andrade, Dolores Vázquez e Paula Lema, da Oficina de Promoción Económica (OPE), organizadora do concurso, en representación do Concello de Carballo. As candidaturas valoráronse tendo en conta especialmente os criterios de calidade artística; composición; iluminación; utilización de elementos tradicionais do Nadal na contorna dos escaparates; orixinalidade; ou esforzo e dedicación do promotor no resultado. Logo das deliberacións, o xurado decidiu outorgar o primeiro premio valorado en 1.000 € a Mar de Encontros, que gaña o concurso por segundo ano consecutivo; o segundo premio de 500 €, foi para D'Fiesta; e o terceiro premio por un valor de 250 € a Maiela. Ana María Écija, de Mar de Encuentros, manifestou a súa sorpresa por gañar por segundo ano consecutivo, aínda que explicou que traballou moito no escaparate para conseguilo. Os interesad@s poden ver mellor o escaparate gañador no Facebook do Concello, aquí.

Carballo Limpo e Sogama colaboran nunha campaña de promoción da reciclaxe na feira da Milagrosa o domingo 28 de decembro

A UNIDADE MÓBIL ESTARÁ SITUADA DE 9.00 A 15.00 HORAS

Carballo Limpo e Sogama colaboran nunha campaña de promoción da reciclaxe na feira da Milagrosa o domingo 28 de decembro

Venres 26 de decembro do 2014

O domingo 28 de decembro e coincidindo coa feira, o Concello informa de que se realizará unha campaña de promoción da reciclaxe entre a poboación, para a que se contará cunha unidade móbil na Praza da Milagrosa (en fronte da Capela) que estará aberta en horario de 9.00 a 15.00 horas. Esta iniciativa de colaboración entre Carballo Limpo e Sogama forma parte dunha serie de accións que Carballo Limpo leva a cabo para promover a reciclaxe e así mellorar os índices de impropios nos diferentes colectores. O Concello quere destacar que a colaboración dos carballeses e carballesas fai que Carballo estea obtendo uns índices de reciclaxe por enriba da media galega e estatal. Así, segundo o Informe de Análise do Servizo de recollida de lixo realizado por Ecoembes, entidade encargada do control e a difusión da reciclaxe de envases lixeiros, en 113 colectores, a puntuación do municipio é de 81 sobre 100, despois de examinarse os parámetros de mantemento, limpeza e desbordamento. No que se refire ao papel e cartón, neste ano prevese recoller un 42 por cento máis de que o ano pasado. Este dato é consecuencia da implantación de 128 Illas verdes no rural, mais sobre todo de cada un dos carballeses e carballesas que colaboran día a día coa reciclaxe. Desde Carballo Limpo, agradécese de antemán a colaboración da cidadanía chamando ao 981 75 49 17 para o Punto Limpo Móbil, no web <www.carballolimpo.com> ou enpregando o Twitter @CarballoLimpo.

Desestimado o segundo recurso, presentado por Gestaqua, sobre o proceso de adxudicación do Contrato do servizo de augas

HAI OUTRA RECLAMACIÓN PENDENTE, POLO QUE SE MANTÉN A SUSPENSIÓN

Desestimado o segundo recurso, presentado por Gestaqua, sobre o proceso de adxudicación do Contrato do servizo de augas

Venres 26 de decembro do 2014

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado da Concelleira de Contratación, Milagros Lantes, vén de facer público que o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais (TACRC) acaba de "desestimar" e "inadmitir" o recurso presentado pola empresa Gestaqua para impugnar o prego de condicións do Contrato de xestión de servizo público por procedemento aberto con varios criterios de adxudicación, baixo a modalidade de concesión, que ten por obxecto o "Ciclo integral da auga no Concello de Carballo". Hai que lembrar que a sociedade presentou un recurso en novembro directamente diante do Tribunal en Madrid no que alegaba que non contara co tempo necesario para formalizar a súa oferta diante do Concello en prazo. Finalmente, o TACRC remitiu esta semana ao Concello a súa decisión, na que non só se rexeita o recurso de Gestaqua, senón que se recomenda "levantar a suspensión do procedemento" que o Concello está mantendo por "prudencia" segundo subliña Milagros Lantes. Non obstante, hai que lembrar que Viaqua, actual concesionaria ata que se produza unha nova adxudicación do servizo de aguas, tamén presentou en novembro un primeiro recurso contra o prego que aínda non conta, en todos os seus aspectos, cunha resolución definitiva do TACRC. Por ese motivo, e seguindo o mesmo criterio de "prudencia", o Alcalde explica que se manterá a suspensión ata que chegue esta resolución definitiva que será a que ditamine se se pode continuar co procedemento ou hai que realizar algún tipo de modificación no prego de condicións.

Rexistrado no Concello o documento para a aprobación provisional do PXOM, paso previo para presentar o planeamento no pleno

DESPOIS DO TRÁMITE PLENARIO, RESTARÍA O VISTO E PRACE DA XUNTA

Rexistrado no Concello o documento para a aprobación provisional do PXOM, paso previo para presentar o planeamento no pleno

Venres 26 de decembro do 2014

O responsable do equipo redator do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Carballo, Álvaro Fernández Carballada, acompañado da Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, vén de rexistrar no Concello co número 16670 os 30 quilos de documentación incluídos no planeamento carballés no que xa se recollen todas as modificacións suxeridas polos distintos informes sectoriais emitidos pola Xunta e especialmente o reflectido na Memoria Ambiental, documento recibido no Concello a primeiros do mes de decembro. Agora, os servizos técnicos do Concello, como son a Oficina Técnica, Intervención e a Secretaría, que neste último caso ten que dilixenciar páxina por páxina todas as alegacións presentadas no seu momento, deberán emitir os seus informes antes que de o PXOM sexa presentado diante do pleno para a súa aprobación provisional, algo que o goberno espera que ocorra ao longo do mes de xaneiro. Tamén serán informados todos os membros da Comisión de urbanismo, na que están representados todos os grupos políticos da corporación. Tanto o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, como Milagros Lantes amosaron a súa satisfacción por esta "boa nova" que permitirá que o Concello conte cun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal despois dun longo proceso no que, ademais de participar todos os grupos da corporación, tamén se lle deu a oportunidade aos veciños e veciñas de que alegasen e coñecesen o planeamento polo miúdo. En todo caso, logo da aprobación provisional por parte do pleno, será a Xunta a que teña a última palabra e a responsable de tramitar a aprobación definitiva do plan.

Carballo alega contra a inclusión dunha parcela situada na área de influencia do río Bardoso como receptora de lodos de depuradora

RECLAMOUSE DIANTE DA DIRECCIÓN XERAL DE PRODUCIÓN AGROPECUARIA

Carballo alega contra a inclusión dunha parcela situada na área de influencia do río Bardoso como receptora de lodos de depuradora

Luns 22 de decembro do 2014

O Concello de Carballo vén de sumarse ao Concello da Laracha e ten presentado unha alegación contra a inclusión dunha parcela situada no polígono 131 do municipio veciño como receptora de lodos de depuradora (PTLD). Os terreos, situados en Montemaior, nunha zona limítrofe con Carballo, lindan polo vento norte co rego das Seixiñas, que á súa vez desemboca as súas augas no rego do Bardoso. A reclamación tense presentado diante da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria que mantén en exposición pública a listaxe de parcelas propostas para ser receptoras de lodos de depuradora co obxecto de trasladar a información que se considere relevante relativa á situación de mananciais, puntos de captación e condicións non inventariadas. Carballo expón na súa alegación e informe técnico, elaborados por unha enxeñeira do Concello, a situación do proxecto de mellora do sistema de abastecemento de auga a Carballo Anllóns-Bardoso, que suporá completar o abastecemento actual coa execución dun novo depósito regulador (na imaxe, nestes momentos case rematado) e unha nova toma no río Bardoso cunha estación de tratamento asociada que completará a actual toma do Anllóns. Na reclamación solicítase que se teña en conta que as augas da parcela seleccionada "desembocan no río Bardoso, no cal se realizará a captación de auga para o abastecemento á poboación do núcleo de Carballo". O Concello larachés xa ten presentado a súa alegación seguindo tamén as directrices dos técnicos municipais ao considerar que a inclusión da parcela podería afectar a varios afluentes do Bardoso.

O Concello anima aos veciños e veciñas a que adopten na Canceira Municipal, na que nestes momentos hai doce animais

SON MACHOS E FEMIAS DE SEIS MESES A SEIS ANOS

O Concello anima aos veciños e veciñas a que adopten na Canceira Municipal, na que nestes momentos hai doce animais

Sábado 20 de decembro do 2014

Doce animais esperan un fogar na Canceira Municipal, que comparte espazo co Punto Limpo no Parque Empresarial de Bértoa. Achégase o Nadal e moitas cartas dos máis cativos e cativas aos Reis Magos, o Apalpador ou Papá Noel conteñen a petición dunha mascota. É importante aprenderlles aos pequerrechos que un can é un amigo, pero non un xoguete. Esta mensaxe está sempre presente na canceira de Carballo que promove as adopcións, pero tamén insiste na responsabilidade que se asume ao facerse cargo dun animal. Trátase dun ser vivo que pasa a estar baixo do coidado dunha persoa que deberá comprometerse na súa custodia e na súa atención. As imaxes e as características dos exemplares que están en adopción en cada momento do ano están accesibles para os veciños no web Carballo Limpo (www.carballolimpo.com) no apartado dedicado á Canceira que conta cunha ligazón para ver os animais adoptables nese intre, clicando aquí. Os adoptables neste momento son machos e femias de diferentes idades, desde canciños pequenos de seis meses a exemplares adultos de seis anos. Principalmente son mestizos e hainos de beagle, golden, pequinés e boxer. O horario de atención ao público da canceira é os xoves e sábados de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas. O teléfono de contacto é o 981 754 917. Outro xeito de contactar coas instalacións é a través do envío dun correo electrónico ao seguinte enderezo <carballo@laceriaservigal.es>. Animádevos a adoptar este Nadal.

O Concello xestionou 64 permisos para celebrar festas patronais e populares en 2014 que supuxeron 103 xornadas festivas

AS CITAS IMPLICARON A MOBILIZACIÓN DE 426 COLECTORES DE LIXO

O Concello xestionou 64 permisos para celebrar festas patronais e populares en 2014 que supuxeron 103 xornadas festivas

Venres 19 de decembro do 2014

O balance das festas patronais e populares celebradas no Concello de Carballo durante 2014 reflicte que se rexistraron 64 solicitudes de permisos para festexos que supuxeron un total de 103 xornadas festivas (sen contar o San Xoán). Do total dos permisos, 39 foron para a celebración de festas de carácter patronal, que se traduciron en 78 xornadas de festa nas parroquias e no casco urbano; e 25 festas populares (gastronómicas, de asociacións, etc.) que supuxeron outras tantas xornadas de festa para sumar o total de 103. Atendendo aos datos por meses, durante o verán é cando se rexistra máis actividade, con 10 xornadas festivas, das que cinco foron patronais (5 días) e cinco festas doutro tipo (5 días) en xuño; 19 xornadas festivas, con 8 festas de carácter patronal (13 días) e 6 festas doutro tipo (6 días) en xullo; e 37 xornadas festivas, con 12 festas de carácter patronal (29 días) e 8 festas doutro tipo (8 días) ao longo do mes de agosto. As solicitudes de permiso deben ir acompañadas da documentación que esixe a lei, e nelas inclúense os diferentes servizos que o Concello pon a disposición das entidades para a boa marcha das celebracións e que inclúe servizo de colectores, de limpeza, de colocación de infraestrutura e de alumeado festivo. No caso do servizo de colectores, hai que mencionar que Urbaser, a empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo, recibiu 62 solicitudes para a colocación de colectores con motivo das festas que supuxeron a mobilización de 426 unidades, das que 35 foron colectores de vidro. Isto supuxo a realización de 124 viaxes para colocar e retirar as unidades antes e despois dos festexos.

O Concello solicita ante Unión Fenosa e Industria que cesen os frecuentes cortes de subministro eléctrico no Polígono de Bértoa

A ADMINISTRACIÓN LOCAL TRANSMITE AS QUEIXAS DOS EMPRESARIOS

O Concello solicita ante Unión Fenosa e Industria que cesen os frecuentes cortes de subministro eléctrico no Polígono de Bértoa

Venres 19 de decembro do 2014

O Concello de Carballo vén de remitirlle un escrito a Gas Natural Unión Fenosa Distribución e á Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia no que se lles solicita que busquen unha solución para os problemas de subministro eléctrico rexistrados no Parque Empresarial de Bértoa. A administración local transmite así as denuncias presentadas polo presidente da Asociación "As Eirosas" de Empresarios do Polígono Industrial e Comercial de Carballo, Antonio Gómez Caamaño, nas que expón que os cortes de electricidade "xa datan do ano 2004" e que "a día de hoxe, dez anos despois, parece que continúan sen solucionarse". A Asociación de Empresarios subliña que esta situación ten provocado "enormes prexuízos, sobre todo económicos" ás empresas do Polígono de Bértoa. O Concello tamén salienta que esta circunstancia tamén transmite "unha imaxe negativa para que novos proxectos de emprendeduría avalíen ou non a posibilidade de instalarse" no Parque Empresarial carballés. O Concello solicita que "á maior brevidade se leven a cabo os investimentos ou as melloras necesarias" para que se solucione o problema e que "as empresas poidan desenvolver as súas actividades con normalidade e sen interrupcións para que non se vexan afectadas negativamente tanto a calidade dos servizos como a competitividade dos seus produtos". Por último, os empresarios tamén solicitan da Consellería de Industria que inste a Gas Natural Unión Fenosa a que se reparen os danos rexistrados no cableado de alta e media tensión do Parque Empresarial con motivo dos fortes temporais rexistrados o inverno pasado.

Carballo pasará a formar parte das áreas do Plan de transporte metropolitano da Coruña e de Santiago a partir de 2015

OS BENEFICIARIOS TERÁN IMPORTANTES DESCONTOS NO PREZO DO BILLETE

Carballo pasará a formar parte das áreas do Plan de transporte metropolitano da Coruña e de Santiago a partir de 2015

Xoves 18 de decembro do 2014

As áreas do Plan de Transporte Metropolitano da Coruña e de Santiago de Compostela integrarán en 2015 ao Concello de Carballo segundo vén de anunciar a Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia. Na actualidade a área coruñesa está conformada por trece concellos aos que se sumarán tres o próximo ano, mentres que a de Santiago conta con vinte aos que se sumarán outros sete. O PTM (Plan de Transporte Metropolitano) implica unha serie de beneficios para os cidadáns que se traducen nun aforro medio anual para un usuario frecuente do transporte público de entre 300 ata 1.200 euros, dependendo da orixe e destino dos seus desprazamentos. O Concello de Carballo ten reservada nos orzamentos de 2015 unha partida de 25.000 euros para asumir a parte do financiamento da medida que lle corresponde á administración local (un 20 por cento). Na práctica, os usuarios e usuarias tan só terán que adquirir unha tarxeta que non só facilitará os desprazamentos á capital da provincia e á de Galicia cun desconto dun 40 por cento no prezo do billete, senón que tamén permitirá aos veciños e veciñas empregar o transporte urbano, unha vez en destino, de forma gratuíta nos momentos posteriores á súa chegada e mesmo aproveitar todas as vantaxes do Plan de Transporte Metropolitano nas cidades galegas a nivel autonómico. A administración local está satisfeita pola nova, xa que ten reiterado en varias oportunidades a necesidade da inclusión do Concello nas áreas tanto da Coruña como de Santiago de Compostela.

Compartir: