Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Xestur saca a concurso solo empresarial no Polígono Industrial de Bértoa con bonificacións do 50 por cento no prezo de venda

O PROCESO ABRIRASE DESPOIS DAS FESTAS DE NADAL

Xestur saca a concurso solo empresarial no Polígono Industrial de Bértoa con bonificacións do 50 por cento no prezo de venda

Mércores 17 de decembro do 2014

O consello de administración de Xestur Galicia aprobou esta semana bonificacións de ata o 50 por cento no prezo de venda do solo empresarial propiedade desta empresa pública dependente do Instituto Galego de Vivenda e Solo. As bonificacións insírense na Axenda da Competitividade Industrial de Galicia e aplicaranse ao solo dispoñible no Parque Empresarial de Bértoa carballés no seu índice máximo do 50 por cen. Estarán vixentes até o 30 de novembro de 2015, e para un máximo de vendas de 500.000 metros cadrados. No momento en que foran vendidos ditos 500.000 metros cadrados as bonificacións deixarán de ter efecto. A bonificación dos prezos obriga á empresa pública a convocar un concurso público de venda deste solo, concurso que será convocado despois das festas de Nadal. Ao mesmo poderán presentarse todas as empresas interesadas na adquisición de solo e que cumpran os requisitos que se establezan no correspondente prezo de bases. Hai que lembrar que aos descontos que ofrece Xestur, hai que sumar unha bonificación do 95 por cento para o Imposto sobre Construcións Instalacións e Obras (ICIO) que o Concello de Carballo ofrece en función do investimento realizado e do número de empregos que se creen na nova empresa. Así, o investimento mínimo debe ser de 100.000 euros e debe crearse alomenos un emprego estable. Ademais, hai que mencionar que o Parque Empresarial de Bértoa conta na actualidade con 718.000 metros cadrados de nova creación con 45 hectáreas distribuídas en 128 parcelas.

O Apalpador chega a Carballo para contar a súa historia e recoller os desexos dos nenos e das nenas durante o Nadal

VISITARÁ A BIBLIOTECA, A LUDOTECA E OS COMERCIOS DA MILAGROSA

O Apalpador chega a Carballo para contar a súa historia e recoller os desexos dos nenos e das nenas durante o Nadal

Mércores 17 de decembro do 2014

O Apalpador é a figura mítica dun xigante carboeiro, ligado á tradición do Nadal, do que existen testemuñas nas comarcas de Sarria, Quiroga, Lemos, Terra de Trives e os Ancares, aínda que se está a recuperar en toda Galicia. O Apalpador baixa a noite do 24 ou 31 de decembro para visitar os nenos e as nenas, tocándolles no ventre para ver se comeron abondo durante o ano, deixándolles unha presada de castañas e algún regalo e desexándolles que teñan un ano novo cheo de felicidade e fartura, murmurándolles "así esteas todo o ano". E para contar a súa historia e recoller os desexos das nenas e nenos, achegarase estes días a Carballo ata en tres ocasións. A primeira, o xoves 18 de decembro, xa que estará na Biblioteca Rego da Balsa ás 18.00 horas. Despois, o martes día 23 achegarase á Ludoteca Municipal, tamén ás 18.00. E, finalmente, o domingo 28 de decembro estará pola mañá pola zona dos comercios da Milagrosa. Deste xeito, as nenas e os nenos poderán coñecer mellor este personaxe mítico do Nadal e, ao mesmo tempo, poderán contarlle que tal se portaron e que desexos de agasallos teñen. Ademais, tanto na Biblioteca Rego da Balsa como na Ludoteca Municipal, os nenos e as nenas poderán recoller modelos de cartas para expresar os seus desexos de Nadal e poderanos depositar alí mesmo para que lles cheguen directamente ao Apalpador ou aos Reis Magos. Ademais, tanto o Apalpador como os Reis Magos, que entenden todas as linguas do mundo, convidan a que lles escriban en galego, pois gústalles que as nenas e os nenos lles escriban na lingua propia de onde son.

O goberno saca adiante os orzamentos xerais da corporación para 2015 nun pleno de preto de tres horas de duración

OS VECIÑOS PUIDERON INTERVIR PARA FALAR SOBRE A ORDENANZA DE LIXO

O goberno saca adiante os orzamentos xerais da corporación para 2015 nun pleno de preto de tres horas de duración

Martes 16 de decembro do 2014

O goberno carballés sacou adiante nunha sesión plenaria extraordinaria celebrada o luns 15 de decembro os presupostos xerais da corporación para 2015 por maioría simple, cos votos a favor do grupo municipal do BNG, a abstención do PSOE e os votos en contra de PP e TEGA. Nun pleno de preto de tres horas de duración, a Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, foi a encargada de presentar unhas contas que no apartado de gastos reflicten un importe de 22.326.719 euros e no de ingresos de 22.753.238 euros, centrándose, segundo estivo explicando polo miúdo Lendoiro, na prudencia, o realismo e a solvencia, sen esquecer o gasto social, a dotación de servizos, a economía, o emprego e os proxectos para seguir humanizando o centro da vila. Os interesados e interesadas en obter máis información das contas, poden clicar aquí. O pleno, no que se incluíron numerosos asuntos de trámite que non fora posible abordar na sesión ordinaria de novembro porque tivera que interromperse ao pouco de comezar a causa das protestas do público asistente, transcorreu neste caso con absoluta normalidade, aínda que tamén estivo marcado pola reclamación de parte da veciñanza con motivo da Ordenanza fiscal nº 6 reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida de lixo. Neste caso, puideron manifestar a súa postura ao abeiro do Regulamento de Participación Cidadá a través da intervención de Roberto Arán Vecino, que falou en nome dos presentes. Aínda que a súa solicitude foi presentada fóra de prazo e non é regular alterar a orde do día nos plenos extraordinarios, finalmente permitiuse que a veciñanza expuxese a súa postura.

Preto de setenta rapaces e rapazas participan no Pazo da Cultura no Concerto de Nadal do Conservatorio de Carballo

MÉRCORES 17 DE DECEMBRO ÁS 19.30 HORAS

Preto de setenta rapaces e rapazas participan no Pazo da Cultura no Concerto de Nadal do Conservatorio de Carballo

Martes 16 de decembro do 2014

O Pazo da Cultura acolle o mércores 17 de decembro un Concerto de Nadal do alumnado de Grao Elemental e Profesional do Conservatorio de Carballo. Este recital inclúese no ciclo de Novos Intérpretes, que anualmente ofrecen os alumnos e alumnas deste centro. Preto de setenta rapaces e rapazas interpretarán obras de distintos compositores (clásicos e contemporáneos) que foron estudando ao longo deste primeiro trimeste do ano académico. As intervencións realizaranse ben como solistas ben como pequenas formacións que abranguen desde os dúos ata os cuartetos con diferentes instrumentos. Así mesmo tamén intervirán neste concerto o Grupo de Percusión de Grao Elemental dirixido por Francisco Vecino, o Grupo de Violíns de Grao Profesional dirixido por Eduardo Coma, o Grupo de Frautas de Grao Profesional dirixido por Isaura Rey, o grupo Fórmula Brass Junior dirixido por Javier Bardanca e a agrupación coral do alumnado de Grao Elemental dirixido por Gloria Pardines. Con estes concertos o profesorado do Conservatorio pretende introducir ao alumnado nun novo espacio escénico, o auditorio, para afrontar en moitos casos, ao seu primeiro concerto e familiarizarse coa interpretación para todos os asistentes, saíndo así das aulas de ensaio. Por outra, tamén se tenta achegar ao público en xeral o traballo que están a realizar e dese xeito, compartir e intentar fomentar a música clásica entre todos aqueles que se acheguen a escoitar a estas novas promesas do Conservatorio de Carballo.

A piques de rematar os traballos para cubrir o depósito de captación de auga da II Fase do proxecto Anllóns-Bardoso

AS OBRAS MARCHAN SEGUNDO OS PRAZOS PREVISTOS

A piques de rematar os traballos para cubrir o depósito de captación de auga da II Fase do proxecto Anllóns-Bardoso

Martes 16 de decembro do 2014

Avanzan a bo ritmo os traballos da Fase II da "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)", que están sendo realizados pola UTE (Unión Temporal de Empresas) formada por Construcciones Ramón Vázquez y Reino SL e Demaín Obras y Servicios SL por un importe de 2.413.950 euros (IVE incluído). Esta semana estanse executando as obras para cubrir o depósito de captación de auga bruta (na imaxe) que logo subministrará á nova ETAP (Estación de Tratamento de Auga Potable) incluída no proxecto e situada na parroquia de Sofán. Trátase dunha instalación que, coa potabilizadora xa existente, terá capacidade para abastecer todo o territorio carballés. O Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, explica que se están respectando as datas estipuladas no proxecto técnico e que todo marcha segundo o previsto. Os prazo de execución marca que o groso da actuación debería estar listo a primeiros de maio de 2015, logo de oito meses e medio de execución. Hai que lembrar que a adxudicataria engadiulle no seu momento ao proxecto orixinal melloras sen custo adicional para o Concello valoradas en 301.755,82 euros que supoñen a realización de tres redes de saneamento na Costa, no Esmorís e no Cadaboso, na parroquia de Berdillo. Os interesados e interesadas poden ver no Facebook do Concello unha pequena galería con imaxes dos traballos realizados nos últimos días. O custo total das obras incluídas na Fase I e Fase II do proxecto de "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)" ascende a 3.438.820 euros.

Arrinca o II Inverno Ancestral de Senda Nova, un programa que persegue recuperar as lendas e costumes da contorna

CARBALLO ACOLLE SETE DAS CITAS QUE TERÁN LUGAR ATA FEBREIRO

Arrinca o II Inverno Ancestral de Senda Nova, un programa que persegue recuperar as lendas e costumes da contorna

Luns 15 de decembro do 2014

Máis dun cento de persoas estiveron o sábado 13 de decembro na carpa da Asociación Ambiental Senda Nova na rúa Colombia de Carballo para celebrar un magosto e presentar a segunda edición do Inverno Ancestral. Este programa ten como obxectivo a recuperación do patrimonio inmaterial nunha época do ano que dende tempos antigos serviu para desenvolver unha importante vinculación entre netos e avós nas conversas a carón da lareira. Desas conversas fóronse mantendo as lendas, historias e costumes antigas que son as protagonistas de moitas das citas do Inverno Ancestral que terán lugar en Carballo e noutros municipios da contorna ata febreiro de 2015. A iniciativa céntrase especialmente nas "Historias de inverno, escoitando aos nosos avós", sete citas en diferentes centros sociais e locais parroquiais nas que se revivirán contos e anécdotas de cada un dos lugares grazas á colaboración de narradores locais. Todas son ás 19.00 da tarde e en Carballo están previstas na Biblioteca Rego da Balsa, en Oza, Entrecruces e Lema coa colaboración do Concello. No programa, que ofrece distintas alternativas, tamén hai espazo para os xogos e xoguetes tradicionais. Na carpa da Rúa Colombia está previsto celebrar un obradoiro sobre este tema o 20 de decembro, mentres que, xa o 18 de xaneiro, o CEIP Xesús San Luís Romero acolle unha "Tarde de xogos tradicionais" coa colaboración da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (AGXPT).

Os catro cursos para desempregados impartidos no Fórum en 2014 remataron coa capacitación de 40 veciños e veciñas

AS ACCIÓNS FORMATIVAS INCLUÍRON PRÁCTICAS EN EMPRESAS

Os catro cursos para desempregados impartidos no Fórum en 2014 remataron coa capacitación de 40 veciños e veciñas

Venres 12 de decembro do 2014

O Concelleiro de Formación e Emprego, Marcos Trigo, despediuse esta semana dos alumnos e alumnas do Curso de Cociña que se estivo impartindo no Fórum Carballo nos últimos meses e que vén de rematar. Trátase da última, e a de máis horas lectivas, das catro Accións Formativas para Desempregados (AFD) que se levaron a cabo este ano no Concello, e con moi bos resultados, segundo se desprende tanto das valoracións dos estudantes coma do equipo docente. A profesora de cociña, Marisa Rodríguez, tamén acompañou ao alumnado no seu último día, no que remataron o módulo formativo sobre creación de empresas. O Concelleiro de Formación e Emprego expresou o seu desexo de que os coñecementos teóricos e prácticos adquiridos (xa que o curso incluíu 80 horas de formación en empresas) lles sirvan para abrirse camiño no mundo laboral, e lembrou que a hostalería é un dos sectores que máis persoal se demanda tanto a través do Servizo Público de Emprego coma a través da Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo. Mentres que esta semana o alumnado do Curso de Cociña viviu o seu último día de curso, o 4 de decembro rematou a a acción formativa de Servizos de Restaurante, e o venres 5 o de Operacións Auxiliares de Montaxe de Instalacións Electrotécnicas e de Telecomunicacións en Edificios, así como o Curso de Soldadura Oxigás e Soldadura MIG/MAG. En total, estas accións formativas permitiron capacitar a un total de 40 veciños e veciñas de Carballo e de toda a comarca nas catro especialidades impartidas.

O Concello aborda nun pleno extraordinario a aprobación dos orzamentos xerais da corporación para 2015, de 22,3 millóns

A SESIÓN RETOMA OS ASUNTOS SUSPENDIDOS NO PLENO DE NOVEMBRO

O Concello aborda nun pleno extraordinario a aprobación dos orzamentos xerais da corporación para 2015, de 22,3 millóns

Venres 12 de decembro do 2014

A corporación carballesa celebra o luns 15 de decembro un pleno extraordinario no que o principal asunto da orde do día é a aprobación do orzamento xeral para 2015, que no apartado de gastos reflicte un importe de 22.326.719 euros e no de ingresos de 22.753.238 euros, centrándose, segundo explican os responsables do goberno, na prudencia, o realismo e a solvencia, sen esquecer o gasto social, a dotación de servizos, a economía, o emprego e os proxectos para seguir humanizando o centro da vila. Máis información das contas polo miúdo, clicando aquí. A sesión inclúe tamén os asuntos que non puideron tratarse na sesión ordinaria do mes de novembro, que tivo que suspenderse ao pouco de comezar debido ás interrupcións do público asistente, que protestaba de novo pola Ordenanza fiscal nº 6 reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida de lixo. Así, a orde do día recolle a modificación da composición da Mesa local de Comercio, coa incorporación ao organismo da Asociación de Comerciantes e Hostaleiros do barrio da Milagrosa e, por parte da corporación, da Concelleira de Feiras e Mercados, Milagros Lantes Seara. Outro dos asuntos refírese á aprobación dun acordo de imposición e ordenación de prezos públicos por actividades de Formación e Emprego do Concello, regulándose así o uso das instalacións do Fórum por parte de distintas entidades. Seguindo cos temas de trámite, abordarase a aprobación definitiva do estudo de detalle da parcela E-41 da rúa da Madeira no Parque Empresarial de Bértoa. Trátase dun espazo no que se está construíndo unha nave para a empresa Casas Cube SL.

Panxoliñas, teatro, maxia, monicreques, o Apalpador ou as cabalgatas de Reis: protagonistas do Nadal Cultural 2014

CITAS ENTRE O 13 DE DECEMBRO E O 11 DE XANEIRO

Panxoliñas, teatro, maxia, monicreques, o Apalpador ou as cabalgatas de Reis: protagonistas do Nadal Cultural 2014

Xoves 11 de decembro do 2014

Carballo festexa un ano máis as datas de Nadal cun programa de actividades para todos os públicos, aínda que centrado especialmente nos máis cativos e cativas. O programa do Nadal Cultural 2014 intégrano tanto actividades organizadas directamente polo Concello como por asociacións, centros educativos, agrupacións musicais, etc., e teñen lugar en escenarios variados como con as sedes das entidades, as igrexas parroquiais, o Pazo da Cultura ou a Ludoteca, coa novidade este ano da incorporación da Biblioteca Rego da Balsa. Dentro do programa, unha das citas máis esperadas é o Nadal Pequespectacular que reúne espectáculos de diversos formatos e estilos e que inclúe catro propostas nas que atopar teatro, música, monicreques e maxia. A primeira delas é o venres 25 de decembro con Sarabela Teatro e "O último dragón" para cativos e cativas a partir de 5 anos; a segunda, o sábado 27 coa música de Pablo Díaz e a Banda Tic Tac que presentan o espectáculo "Toc, toc"; o luns 29 é a quenda do ilusionista Pedro Volta que trae a maxia ao Nadal con "Ilusionante" para maiores de 5 anos; e as citas pechan o martes 30 de decembro cos monicreques de La Tartana e "El guardián de los cuentos", para nen@s a patir de 4 anos. Os interesados e interesadas poden reservar as entradas a partir do xoves 18 de decembro e ata o día 30 nas oficinas do Pazo da Cultura ou no 981 704 300 de 11.00 a 14.00 horas cun máximo de 4 localidades por persoa. Todas as representacións son ás 18.00 horas no Pazo da Cultura. O prezo para todos os espectáculos é de 3€, ou de 2€ en caso de desconto.

A campaña "Xoga Limpo este Nadal!" une solidariedade e reciclaxe para non deixar a ningún neno sen xoguete estas festas

INICIATIVA COA COLABORACIÓN DO CONCELLO E CRUZ VERMELLA

A campaña "Xoga Limpo este Nadal!" une solidariedade e reciclaxe para non deixar a ningún neno sen xoguete estas festas

Mércores 10 de decembro do 2014

O Concello -a través de Carballo Limpo coa axuda de Urbaser- e a Asemblea Local de Cruz Vermella unen esforzos este Nadal para mellorar os índices de reciclaxe e recollida de residuos e tamén para conseguir que ningún neno quede sen xoguetes estas festas. Así, a campaña "Xoga Limpo este Nadal!" incide en tres aspectos ben diferentes pero que están relacionados, segundo explica o Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo. En primeiro lugar a través dunha "vertente solidaria" coa recollida de xoguetes novos ou semi novos por parte de Cruz Vermella para que sexan repartidos entre a xente máis necesitada co obxectivo de que os cativos e cativas de toda a vila teñan "un Nadal o máis feliz posible". En segundo, a través da concienciación para que os veciños e veciñas leven os xoguetes vellos ou rotos -que xa non serven para ser cedidos- ao Punto Limpo situado no Parque Empresarial de Bértoa, xa que, ao non ser lixo, non deben ser depositados nos colectores de rúa. E, por último, coa creación dun dispositivo especial de recollida de cartón, papeis e envoltorios dos agasallos os días posteriores a Nadal e Reis (25 e 26 de decembro; e 7 e 8 de xaneiro) porque nesas datas xérase un maior volume deste tipo de residuos. Todo coa vontade, segundo explica o Alcalde, Evencio Ferrero, de "aproveitar as sinerxías" dos diferentes aspectos da iniciativa para seguir mellorando os índices de reciclaxe do Concello, que xa son "moi bos" e superiores aos da media galega e española; e tamén para cumprir o desexo de "todos os nenos e nenas, que queren ser como os demais e poder xogar este Nadal".

O Conservatorio e o Concello poñen en marcha por terceiro ano consecutivo o curso de iniciación

INSCRICIÓNS ENTRE O 11 E O 19 DE DECEMBRO NO PAZO DA CULTURA

O Conservatorio e o Concello poñen en marcha por terceiro ano consecutivo o curso de iniciación "Música e movemento"

Mércores 10 de decembro do 2014

Por terceiro ano consecutivo, o Concello e o Conservatorio Profesional de Música de Carballo poñen en marcha o curso "Música e movemento". Esta iniciativa ten como obxectivo achegar a música aos máis cativos e cativas, así como introducilos no descubrimento das familias instrumentais. A actividade persegue que cando podan acceder aos estudos musicais oficiais teñan unha pequena base musical e un coñecemento das distintas ferramentas musicais que lles facilite a eleción do instrumento que desexen estudar. A esta convocatoria poden concorrer todos aqueles rapaces e rapazas de 2º de Educación Primaria, prioritariamente veciños e veciñas de Carballo, que desexen iniciarse no mundo da música. O curso é de carácter gratuíto e ten un límite de 30 prazas que se adxudicarán por estrita orde de rexistro. Para anotarse nesta convocatoria os/as interesados/as teñen un prazo que transcorre entre o 11 e o 19 de decembro (ambos os dous días incluídos) e deberán inscribirse a través dunha solicitude que poderá recollerse nas Oficinas de Cultura (situadas no 1º andar do Pazo da Cultura) ou descargándoa máis abaixo nesta mesma nova en Word e pdf. Na instancia xa se aclara a documentación que se deberá achegar con ela así como o lugar para presentala (Rexistro de Entrada do Concello de Carballo, preferentemente no Rexistro do Pazo da Cultura de luns a venres de 10.00 a 14.00 horas).

A escritora María Reimóndez visita a Biblioteca de Carballo para presentar a súa premiada última novela, "Dende o conflito"

XOVES 11 DE DECEMBRO ÁS 19.00 HORAS

A escritora María Reimóndez visita a Biblioteca de Carballo para presentar a súa premiada última novela, "Dende o conflito"

Mércores 10 de decembro do 2014

A escritora gañadora do último premio Xerais, o máis relevante da literatura galega actual, é a encargada de continuar a intensa programación de actividades da Biblioteca Rego da Balsa de Carballo. María Reimóndez visita as novas instalacións este xoves 11 de decembro para presentar a novela premiada, "Dende o conflito", e farao a través dunha conversa coa xornalista carballesa Belén Puñal. En "Dende o conflito", unha xornalista galega que cobre conflitos bélicos para a BBC, Saínza Combarro, vive en carne propia o dilema de optar polo cinismo e a resignación á hora de relatar o que ve cos seus propios ollos ou optar por defender a verdade íntima de quen é testemuña dos feitos máis arrepiantes. A través dela, a novela fala da importancia do exercicio xornalístico nas situacións de conflito, pero sobre todo da importancia de buscar unha posición ética de relación con todas aquelas persoas esquecidas e que fican silentes do outro lado das noticias. Incluso, por paradoxal que semelle, as propias xornalistas. "Dende o conflito" é unha novela sobre a evolución e a construción dunha persoa que loita por ser exactamente o que ela quere ser. Rende, ademais, homenaxe ás mulleres xornalistas que souberon poñer a verdade dos conflitos bélicos por enriba de todo. Da man da protagonista viaxamos desde o Congo a Iraq, desde Etiopía a Afganistán, desde Sri Lanka a Haití, pero tamén a Berlín, Barcelona, Compostela e Vilalba, que son os lugares onde Saínza se protexe da violencia buscando o agarimo e o refuxio dos afectos.

Compartir: