Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Horto Infantil emprega os restos da poda de inverno para mellorar a fertilidade da terra e aproveitar a biomasa

OS NENOS E NENAS AXUDARÁN NOS LABORES DE RESTRUTURACIÓN

O Horto Infantil emprega os restos da poda de inverno para mellorar a fertilidade da terra e aproveitar a biomasa

Mércores 10 de decembro do 2014

As abundantes choivas deste inverno provocaron que algúns dos bancais do Horto Infantil Ecolóxico Municipal quedasen anegados, non só por mor da auga, senón tamén debido ás características arxilosas da terra. Nos últimos días comezouse a traballar para salvar os cultivos, reacondicionar os bancais a través da drenaxe e reconducir a auga. E agora vén de entrarse nunha nova fase ao comezar un novo proceso que consiste en transformar a terra empregando a biomasa. Así, os restos da poda de inverno recollidos pola Brigada de Obras Municipal (na imaxe traballando na Praza do Concello) están sendo tratados no Horto coa axuda dunha trituradora de biomasa ata conseguir a granulometría axeitada. Logo, os nenos e nenas que están traballando estes días nas instalacións da Rúa Nardos a través do programa de actividades dos centros de ensino, colaborarán cos labores para mesturar esta biomasa coa terra actual. O obxectivo é incrementar a fertilidade dos bancais, mellorar a calidade da terra, e reducir os tempos de cultivo, que na actualidade, nalgúns casos, poderían ser de dous anos. Este proceso tamén contribúe a achegarlle máis nitróxeno aos bancais, o que tamén redunda na mellora da fertilidade. Por outra banda, a biomasa tamén se utilizará nos corredores situados entre os bancais para evitar que se empapen coa choiva, así como para crear humus para os cultivos, pechándose así o proceso de aproveitamento dos restos da poda. As imaxes do proceso no Facebook do Horto Infantil, clicando aquí.

O Concello presenta alegacións aos Mapas de zonas inundables solicitando a redución das zonas de dominio e fluxo preferente

OS VECIÑOS E VECIÑAS TEÑEN PRESENTADO 84 RECLAMACIÓNS

O Concello presenta alegacións aos Mapas de zonas inundables solicitando a redución das zonas de dominio e fluxo preferente

Martes 9 de decembro do 2014

O Concello de Carballo vén de presentar hoxe, último día do prazo de exposición pública, as súas alegacións aos Mapas de perigosidade e risco de inundacións costeiras e fluviais da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa reflectidos no Informe de zonas inundables delimitadas do municipio elaborado pola Xunta a través de Augas de Galicia. Un dos puntos principais nos que inciden as reclamacións refírese, por un lado, ás "importantísimas diferenzas" na delimitación do dominio público hidráulico e na zona de fluxo preferente que existen entre o resultado dos mapas actuais elaborados por Augas "e outras propostas existentes realizadas nos anos 2004 e 2009" que, segundo o Concello "resultan moito máis lóxicas e adaptadas á realidade do noso municipio". Así, solicítase "que se corrixan as zonas de dominio público hidráulico probable grafiadas nos mapas de perigoridade", reducíndoas "conforme ás limitacións e criterios legais correspondentes". As alegacións tamén reflicten o que o Concello considera unha "falta de consideración das consecuencias de tipo social e económico" que terá a "inclusión dentro das zonas de fluxo preferente de áreas densamente poboadas". Respecto do proceso de elaboración dos mapas, as reclamacións tamén sinalan a falta de cooperación co Concello á hora do desenvolvemento xeral da avaliación do risco de inundacións e solicítase que á hora de elaborar a terceira fase do proceso se conte cos concellos para que podan expresar os seus puntos de vista e achegar información relevante para a elaboracion dos Plans de Xestión de Risco.

O Concello lembra que a normativa prohibe as deposicións de cans na rúa e que non deben estar soltos en espazos públicos

A POLICÍA LOCAL VIXIARÁ O CUMPRIMENTO DA ORDENANZA

O Concello lembra que a normativa prohibe as deposicións de cans na rúa e que non deben estar soltos en espazos públicos

Sábado 6 de decembro do 2014

O Concello de Carballo solicita aos veciños e veciñas que cumpran coa Ordenanza municipal reguladora da limpeza, salubridade e hixiene no termo municipal de Carballo e non deixen os excrementos dos seus cans nas rúas da vila. Así, segundo a norma "queda absolutamente prohibido que os propietarios ou posuidores de cans deixen as deposicións dos seus animais en parques infantís ou xardíns de uso frecuente por parte dos nenos, así coma nas beirarrúas e zonas de paso de peóns, e en xeral, en toda a vía pública". Ademais "as deposicións que se produzan serán recollidas polos propietarios ou posuidores dos cans e colocaranse de maneira hixienicamente aceptable nos colectores de recollida de lixo". Por último, "queda prohibido depositalos en papeleiras públicas ou nas entradas das cloacas da rede de sumidoiros". Está previsto que a Policía Local intensifique nos próximos días os labores de inspección, ademais de controlar a documentación que deben posuír os propietarios de certos cans e impartir as sancións cando proceda. As infraccións polo incumprimento da normativa están clasificadas como leves e graves. No primeiro caso, pasear un animal sen portar as bolsas ou recipientes para a recollida das súas dexeccións, ao ser requirido da súa exhibición polos funcionarios da inspección, e sen que se teña producido aínda a dexección do animal pode supoñer 50 euros. Infracción grave é deixar depositadas na vía pública as dexeccións dun animal, con 250 euros de sanción.

Carballo presenta un orzamento de 22,3 millóns para 2015, cunhas contas "realistas" e "prudentes" baseadas na solvencia

NON SE INCREMENTARÁN OS IMPOSTOS NO APARTADO DE INGRESOS

Carballo presenta un orzamento de 22,3 millóns para 2015, cunhas contas "realistas" e "prudentes" baseadas na solvencia

Venres 5 de decembro do 2014

O goberno carballés propón un orzamento para 2015 que no apartado de gastos reflicte un importe de 22.326.719 euros -un 4,11 por cento menos que en 2014 con 957.394,91 euros menos- e no de ingresos de 22.753.238 euros -cun descenso do 2,33 por cento respecto da previsión para o exercicio anterior con 541.754 euros menos-. Segundo explica a Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, son unhas contas que manteñen os criterios de "realismo" e "prudencia" que teñen caracterizado os orzamentos de todo o mandato que está a piques de rematar, ao atoparnos nun "contexto de crise que aínda continúa". Xustifica o descenso no importe global dos gastos pola non inclusión no apartado de investimentos da segunda fase do proxecto de abastecemento a Carballo Anllóns Bardoso (cun importe de 2,4 millóns) ao estar xa contratada e en avanzado proceso de execución e de certificación de obras no exercicio 2014. E tamén porque non se inclúe o Plan de Aforro e Investimento da Deputación para Carballo, que supón 510.509,12 euros que non se reflicten ao concederse baixo a fórmula de préstamo. O Alcalde, Evencio Ferrero, subliña que "o control rigoroso do gasto" deixa unhas contas para a nova corporación que se elixirá en 2015 "con moi boa saúde económica", cunha solvencia demostrada pola carga financeira, de tan só un 7,4 por cento, "a máis baixa dos últimos quince anos". Ferrero prevé un remanente de tesourería elevado para poder seguir medrando o próximo ano e defende as boas contas "porque por segundo ano consecutivo o Concello non tivo que facer operación de tesourería pola súa boa situación financeira".

O Concello convoca un Concurso de Escaparatismo de Nadal que repartirá 1.750 euros en premios

SOLICITUDES DO 5 AO 15 DE DECEMBRO NO REXISTRO DO CONCELLO

O Concello convoca un Concurso de Escaparatismo de Nadal que repartirá 1.750 euros en premios

Venres 5 de decembro do 2014

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Regueira, informa da convocatoria dun Concurso de Escaparatismo de Nadal que ten como principal obxectivo premiar o esforzo dos participantes no coidado da imaxe comercial dos seus establecementos. Poderán participar neste concurso os titulares dun establecemento comercial no termo municipal de Carballo. Os escaparates deberán estar preparados ás 19.00 horas do martes 16 de decembro de 2014, momento a partir do cal poderá realizarse a visita por parte do xurado. Os escaparates non poderán desmontarse antes do 25 de decembro, co obxecto de que poidan contemplarse durante as festas de Nadal. O tema a desenvolver será alegórico e relacionado co ambiente propio das Festas de Nadal e valoraranse as candidaturas tendo en conta especialmente os seguintes criterios: calidade artística; composición; iluminación; utilización de elementos tradicionais do Nadal na contorna dos escaparates; orixinalidade; uso do galego; esforzo e dedicación do promotor no resultado. Os interesad@s en participar poden presentar as solicitudes no Rexistro Xeral do Concello desde o día 5 de decembro ata o día 15 de decembro, ambos os dous incluídos, en horario de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas; e os sábados de 9.30 a 13.30 horas.

Asinados os contratos de Reurbanización da rúa Colón e de reparación da estrada de Vilar de Francos ao Padreiro

A EMPRESA ADXUDICATARIA É CONSTRUCCIONES RAMÓN VÁZQUEZ Y REINO

Asinados os contratos de Reurbanización da rúa Colón e de reparación da estrada de Vilar de Francos ao Padreiro

Venres 5 de decembro do 2014

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e Diego Vázquez, director xerente de Construcciones Ramón Vázquez y Reino, veñen de asinar na Casa do Concello o contrato para a realización do proxecto de Reurbanización da rúa Colón da capital municipal, adxudicado por un importe de 233.046 euros, IVE incluído, sobre un orzamento de licitación de 241.500 euros. Esta proposta, incluída no Plan DTC 93 da Deputación da Coruña, afonda no proxecto de humanización e mellora da mobilidade no centro carballés no que traballa o goberno municipal e suporá a peonalización da vía. A actuación implica a eliminación das prazas de aparcamento, a eliminación das beirarrúas e das varandas que separan a Praza da vía, e a creación dunha ampla zona de carga e descarga para facilitar o labor dos comerciantes nos días de feira e mercado, ademais de que os vehículos poderán circular do mesmo xeito que na rúa Valle Inclán. Manteríanse as árbores e gañaríase espazo para a Praza do Concello. O prazo de execución previsto é de catro meses dende a sinatura da acta de replanteo, aínda que está previsto que os traballos non comecen ata despois das datas de Nadal, para facilitar o labor comercial propio desta época. Diego Vázquez tamén asinou con Ferrero o contrato de Sobreanchos e reparación da estrada de Vilar de Francos ao Padreiro por un importe de 30.250 euros (IVE incluído), sobre un prezo de adxudicación de 36.036,5 euros. Neste caso, o prazo de execución é de dous meses dende a sinatura da acta de replanteo.

Mantense en suspenso a adxudicación do Contrato de xestión do servizo de augas pola presentación dun segundo recurso

A RESOLUCIÓN DO TRIBUNAL: APROXIMADAMENTE EN DÚAS SEMANAS

Mantense en suspenso a adxudicación do Contrato de xestión do servizo de augas pola presentación dun segundo recurso

Xoves 4 de decembro do 2014

O proceso de adxudicación do Contrato de xestión de servizo público por procedemento aberto con varios criterios de adxudicación, baixo a modalidade de concesión, que ten por obxecto o "Ciclo integral da auga no Concello de Carballo" continuará en suspenso durante aproximadamente outras dúas semanas por recomendación do Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais (TACRC). Así, hai que lembrar que a primeiros do mes de novembro xa se paralizara o proceso a raíz dun recurso presentado ante o Concello por Viaqua, actual adxudicataria do servizo e para quen remata a concesión o 31 de decembro de 2014. O Concello deixou a licitación en suspenso á espera da resolución do TACRC que, finalmente e tras examinar a reclamación, decidiu desestimala. Non obstante, e simultaneamente, a empresa Gestaqua presentou un segundo recurso, neste caso directamente diante do Tribunal en Madrid. Esta reclamación si está sendo tida en conta polo TACRC, que recomenda "suspender provisionalmente" o proceso "ata o momento en que se dite a resolución do recurso". Así, ata que o Tribunal se pronuncie, non poderán abrirse os sobres da única oferta presentada durante o prazo legal, de 30 días naturais, e que rematou o luns 3 de novembro. O Concello espera que a resolución se produza nas dúas próximas semanas, mais "por prudencia", subliña a Concelleira de Contratación, Milagros Lantes, seguiranse as directrices marcadas polo Tribunal e "esperaremos tamén a que se resolva o recurso de Gestagua".

O PXOM incorpora a Memoria Ambiental da Xunta e podería ir ao pleno para a súa aprobación provisional a primeiros de 2015

MANTERÍASE A CAPACIDADE RESIDENCIAL NUNHAS 30.000 VIVENDAS

O PXOM incorpora a Memoria Ambiental da Xunta e podería ir ao pleno para a súa aprobación provisional a primeiros de 2015

Xoves 4 de decembro do 2014

O Concello acaba de recibir esta semana a Memoria Ambiental do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Carballo, un documento elaborado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia e un requisito indispensable para poder presentar o PXOM ante o pleno para a súa aprobación provisional. Así, Augas de Galicia vén de remitir tamén o seu informe sobre o planeamento, a última documentación que faltaba para que puidera saír adiante a Memoria Ambiental. Segundo explica a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, a Memoria realiza un informe esencialmente "favorable" que suporá a incorporación de varias pequenas modificacións relativas ás especies protexidas presentes en zonas como as antigas minas da Brea; referentes aos mapas de zonificación acústica; ou ás incorporacións realizadas no último informe emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio. Así mesmo, e respecto do Informe de zonas inundables delimitadas do municipio elaborado por Augas de Galicia, a memoria recomenda a actualización do PXOM coa incorporación nun anexo dos Mapas provisionais de perigosidade e risco de inundacións costeiras e fluviais da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa que nestes momentos están en período de exposición pública. Respecto da edificabilidade do PXOM, a capacidade residencial permanece practicamente inalterable respecto da aprobación inicial, con 30.002 vivendas (máis de 12.000 novas), mantendo o obxectivo de concentrar o crecemento en "solo urbano consolidado", priorizándose o colmatado das medianeiras e das parcelas baleiras fronte a novas construcións.

Preto de 1.200 nenos e nenas participaron cos seus debuxos no Concurso de Cartel e Postal de Nadal do Concello 2014

REPARTÍRONSE PRETO DE 600 EUROS EN PREMIOS E MATERIAL DIDÁCTICO

Preto de 1.200 nenos e nenas participaron cos seus debuxos no Concurso de Cartel e Postal de Nadal do Concello 2014

Mércores 3 de decembro do 2014

O martes 2 de decembro tivo lugar no Pazo de Cultura a reunión do xurado que fallou o Concurso de Cartel e Postal de Nadal 2014 (na imaxe a postal gañadora), convocado pola Concellaría de Cultura do Concello de Carballo. O xurado estivo constituído por alumnado dos centros de ensino, representado neste caso por Mencía Barca Amado e Rubén Ferreiro Ponte, do CEIP Nétoma Razo; e Kevin Teijeiro Santos e Tatiana Esperante Rodríguez, do CEIP A Cristina. Tamén participou como xurado un representante dunha asociación cultural, José Manuel Menéndez Varela, da AC Senda Nova; e en nome do Concello de Carballo, a Concelleira de Festas e Facenda, Belén Lendoiro Esmorís. Nesta edición presentouse ao certame alumnado dos seguintes centros educativos: CEIP Bergantiños, CEIP Fogar, CEIP Xesús San Luís Romero, CEIP Nétoma-Razo, CEIP Gándara-Sofán, CRA Ponte da Pedra, CEIP A Cristina, EI As Landras, Colexio Artai, EEI Encrucilladas-Oza, EEI Gontade, EI As Estreliñas e EI A Ledicia, cun total de 1.182 nenos e nenas participantes. Logo das oportunas deliberacións, resultou elixida como 1º premio e Postal gañadora, cun regalo valorado en 175 euros aproximadamente, o debuxo presentado por Ana María Hernández Pardo, de 10 anos, do CEIP Fogar. Tal e como se recolle nas bases, o centro educativo ao que pertence o gañador ou gañadora deste concurso conta cun premio por valor de 150 euros en material didáctico, que este ano recae no CEIP Fogar.

Carballo promociona os seus recursos de interese e as súas actividades turísticas e de ocio en Culturgal

EN PONTEVEDRA ENTRE O VENRES 5 E O DOMINGO 7 DE DECEMBRO

Carballo promociona os seus recursos de interese e as súas actividades turísticas e de ocio en Culturgal

Mércores 3 de decembro do 2014

Carballo participa un ano máis, dende o venres 5 e até o domingo 7 de decembro, en Culturgal, a Feira das Industrias Culturais 2014 que ten lugar en Pontevedra. O Concello espera aproveitar este escaparate para dar a coñecer os recursos de interese que ten Carballo, como as súas praias, a lagoa de Baldaio, a Ruta das Férvedas, a gastronomía local, o ocio activo, etc., así como as distintas actividades culturais e deportivas que se desenvolven ao longo do ano no Concello. Ademais, durante os tres días de feira distribuirase merchandising e material divulgativo. Así mesmo, está previsto desenvolver actividades concretas de promoción. O venres 5 presentarase o FIOT, Festival Internacional Outono de Teatro, un proxecto de referencia nas artes escénicas en toda Galicia. O sábado 6 está previsto celebrar a presentación de "Contos de taberna", un proxecto de promoción económica que rematou sendo un libro de historias e ilustracións sobre os bares de Carballo. As persoas asistentes levarán como agasallo un pan de Carballo. Tamén o sábado presentarase o documental "Derrubando muros con pintura", que plasma a opinión dos artistas e a evolución dos murais deste proxecto artístico urbano nas rúas de Carballo. Xa o domingo, último día de feira, o público coñecerá a iniciativa "Carballo, mirando ao mar", un proxecto de posta en valor dos recursos litorais de Carballo. E para rematar, falarase do Carballo InterPlay, o primeiro festival de webseries do estado, e do seu crecemento na súa segunda edición co proxecto formativo FormaCIP.

O Concello demanda ante Educación a mellora do peche do CEIP Nétoma-Razo e máis especialistas para o CEIP Bergantiños

ESTUDARASE A UNIFICACIÓN DE HORARIOS PARA COLEXIOS E INSTITUTOS

O Concello demanda ante Educación a mellora do peche do CEIP Nétoma-Razo e máis especialistas para o CEIP Bergantiños

Martes 2 de decembro do 2014

A Consellería de Educación ten previsto abordar a mellora do peche do CEIP Nétoma-Razo de Carballo, uns traballos urxentes debido ao estado de deterioro da estrutura de formigón, que de non arranxarse podería resultar perigosa para os nenos e nenas. Así transcendeu nunha longa xuntanza que o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado da Concelleira de Educación, Mar Eirís, vén de manter co Xefe Territorial de Educación, Indalecio Cabana Leira, en presenza da Inspectora de zona e do Inspector Xefe, e na que se relataron varias das necesidades do Concello en materia de ensino. Abordouse tamén o estado doutra das obras pendentes, a mellora do peche do CEIP Gándara-Sofán, cunha estrutura similar ao do centro de Razo. Trátase dunha actuación que, segundo aseguran dende Educación, está a piques de rematar. En materia de obras, expúxose así mesmo a posibilidade de dotar cunha pérgola os accesos ás novas aulas do CEIP Bergantiños trala ampliación do centro. Porén, dende a Xefatura Territorial consideran que coa solución adoptada, que consistiu na realización de axustes horarios para que se lle permita aos nenos e nenas facer as filas dentro do patio cuberto das novas instalacións, xa se evita que teñan que esperar expostos á choiva e o vento durante o inverno. Respecto á xestión dos centros, Ferrero e Eirís falaron das demandas nas nais e pais do CEIP Bergantiños para que o colexio conte con máis especialistas en pedagoxía terapéutica. Neste caso, non obstante, dende Educación entenden que os informes reflicten que as necesidades do centro xa están cubertas e non se prevé a dotación de máis especialistas.

Elefante Elegante estrea en Carballo

O XOVES 4 DE DECEMBRO ÁS 21.00 HORAS NO PAZO DA CULTURA

Elefante Elegante estrea en Carballo "Kassa", unha reflexión teatral multidisciplinar sobre a vivenda e os desafiuzamentos

Martes 2 de decembro do 2014

A compañía galego portuguesa con sede na Coruña Elefante Elegante estrea o xoves 4 de decembro no Pazo da Cultura carballés o seu novo espectáculo "Kassa", unha proposta construída a través da danza, a música, a interpretación e os recursos audiovisuais na forma, que reflexiona no fondo e dende a emoción sobre os desafiuzamentos e o mercado da vivenda e sobre a repercusión que as situacións que se producen no marco desta problemática teñen na sociedade actual e na futura. Así o explican María Torres e Gonçalo Guerreiro, principais valedores de Elefante Elegante, que estrea en Carballo grazas a unha residencia no Pazo da Cultura dende o 21 de novembro, cando xa montaron a súa escenografía -cunha casa deseñada polo arquitecto Carolo Losada Soto- no escenario do auditorio. Dende entón, moito traballo e os últimos toques dunha montaxe que comezou a concibirse hai dous anos e a plasmarse en ensaios dende o pasado setembro. Trátase dun espectáculo que conta coa colaboración de moitas persoas, dende músicos como a cantante Iria Pinheiro coa orquestra Os Modernos, Carlos Suárez ou Ramón Bermejo, entre outros; ata a bailarina Marta Alonso, que a través da danza clásica trae á escena un pouco de esperanza; pasando polo traballo audiovisual (mesmo cunha webcam en directo) e de vídeo mapping (técnica de proxección de imaxes sobre superficies reais para conseguir efectos de movemento ou 3D) do técnico Dani Pais; ou a dirección de movemento de Fredi Muíño, que, segundo explica, xuntou "o eclecticismo de distintas disciplinas para crear algo coherente".

Compartir: