Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
A nova Biblioteca de Carballo acada no seu primeiro mes máis de mil socios e socias e supera os 1.600 préstamos

NUMEROSA AFLUENCIA NAS ACTIVIDADES E OBRADOIROS PROGRAMADOS

A nova Biblioteca de Carballo acada no seu primeiro mes máis de mil socios e socias e supera os 1.600 préstamos

Venres 28 de novembro do 2014

O venres 24 de outubro de 2014, Día Internacional das Bibliotecas, en Carballo produciuse a agardada inauguración da nova Biblioteca Pública Municipal Rego da Balsa, que abriu as súas portas ao público o seguinte luns, o día 27. E xusto un mes despois desa apertura as cifras confirman que este novo espazo para a difusión do libro e a lectura era moi agardado, necesario e demandado. Máis de mil socias e socios e máis de 1.600 préstamos nun mes son cifras de récord, que significan que, de media, cada día se deron de alta unhas corenta persoas e que a xente levou para a casa, tamén cada día, máis de 60 libros, discos ou películas. Eses 1.669 préstamos significan que nun só mes, a nova biblioteca prestou case tanto material cultural como a outra biblioteca municipal -que sigue en marcha-, en seis meses, o que é un impulso moi importante para a lectura en Carballo. Ademais, a boa acollida deste novo espazo xa se ve a simple vista co ambiente que cada día hai nela, e coa alta participación na case decena de actividades para públicos diversos que até o momento acolleu. Tamén foron xa varias as visitas escolares que acolleu en horario de mañá -como a que pode observarse na imaxe entre alumnado do CPI Xosé Pichel e os creadores e creadoras do libro "Contos de Taberna"- e iranse incrementando nas vindeiras semanas. A boa acollida deste novo servizo co que conta Carballo tamén se percibe nas redes sociais, pois nun só mes, os seus perfís contan con máis de 1.000 seguidores e seguidoras. Podédelo comprobar en Facebook, aquí; e aquí en Twitter.

O Concello expón no Fórum os mapas do Informe de zonas inundables de Augas de Galicia, que afecta a 2.200 vivendas

PODERÁN CONSULTARSE ATÉ O 12 DE DECEMBRO

O Concello expón no Fórum os mapas do Informe de zonas inundables de Augas de Galicia, que afecta a 2.200 vivendas

Venres 28 de novembro do 2014

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Planificación e Desenvolvemento Urbano que dirixe Milagros Lantes, ten previsto expoñer no corredor central do Fórum Carballo dende o luns 1 e até o venres 12 de decembro os Mapas de perigosidade e risco de inundacións costeiras e fluviais da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa reflectidos no Informe de zonas inundables delimitadas do municipio elaborado pola Xunta a través de Augas de Galicia, e que neste momento está en período de exposición pública. Os veciños e veciñas poderán consultar esta documentación que afecta a un total de 2.200 vivendas en todo o municipio. A Oficina Técnica Municipal ten realizado unha análise destes mapas no que se reflicte que arredor do río Anllóns resultarían afectadas 589 parcelas vacantes e 544 parcelas edificadas, cun total de 2.147 vivendas atinxidas na capital municipal no treito que transcorre entre a Ponte da Milagrosa e o Muíño do Quinto. A maioría delas pasarían a ser "zona de dominio público hidráulico", ou "zona de fluxo preferente", polo que non se podería construír nesas áreas. Seguindo con outras zonas, arredor da canle do río Grande (en Rus, Entrecruces e Ardaña) estarían afectadas 340 parcelas vacantes e 6 construídas; en Rego da Balsa estarían afectadas 99 vacantes e en Queo e Abaixo, 46 vacantes e 1 edificada; por último, en Razo e Oza, resultarían afectadas 169 parcelas vacantes e 19 construídas. Segundo o informe, non se podería construír en arredor de 1.000 parcelas vacantes do municipio.

A SD Sofán únese co Concello e a SD Agolada nun partido de fútbol solidario para recoller alimentos a prol de Cruz Vermella

DOAZÓNS: NO CAMPO O DOMINGO 30 E NA SEDE DE CRUZ VERMELLA

A SD Sofán únese co Concello e a SD Agolada nun partido de fútbol solidario para recoller alimentos a prol de Cruz Vermella

Venres 28 de novembro do 2014

O domingo 30 de novembro o Campo "O Carral" de Sofán acolle a celebración dun partido solidario para recoller alimentos non perecedoiros a beneficio de Cruz Vermella. Aproveitando que xoga na casa, a SD Sofán, coa colaboración da SD Agolada -equipo visitante-, o Concello de Carballo, a propia Cruz Vermella e La Voz de Galicia, aproveita a cita deportiva, prevista para as 16.15 horas, para que os afeccionados e afeccionadas realicen as súas doazóns. Matilde Anido, presidenta da Asemblea Local de Cruz Vermella en Carballo, subliña que desta volta as necesidades céntranse no aceite e nas latas de conservas, xa que o Banco de Alimentos ten proporcionado suficientes legumes, pasta e arroz para cubrir a demanda. Anido subliña que "todo neno debería ter dereito a gozar cunhas patacas fritas", polo que espera que os veciños e veciñas respondan ás peticións de aceite e conservas, aínda que calquera alimento non perecedoiro será ben recibido. Así mesmo, quixo agradecer a achega dunha veciña de Zas que contribúe con catro sacos de patacas. O obxectivo é conseguir "que todos os nenos e nenas teñan no Nadal unha mesa mellor que a de todos os días", explica Anido, ademais de cubrir as necesidades básicas de xente en dificultades. Todo, en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero, nun "paso máis na solidariedade". Ademais de no propio campo de fútbol de Sofán, onde haberá un espazo habilitado para recoller os alimentos, as doazóns tamén poden realizarse estes días directamente na sede de Cruz Vermella, situada na rúa Vázquez de Parga, nº 119, nas antigas vivendas dos mestres.

Animundis, nova compañía teatral en Carballo, estrea na vila a súa primeira produción, un musical para público infantil

DOMINGO 30 DE NOVEMBRO ÁS 18.00 HORAS, DE BALDE

Animundis, nova compañía teatral en Carballo, estrea na vila a súa primeira produción, un musical para público infantil

Xoves 27 de novembro do 2014

Carballo acolle a estrea o domingo 30 de novembro ás 18.00 horas do primeiro espectáculo teatral e musical da compañía Animundis, creada por xente carballesa ou residente na vila e que tamén escolleu a capital de Bergantiños como escenario para a súa posta de largo. Benjamín Queiro é a alma máter de Animundis e responsable do texto, da adaptación de guión e das composicións musicais desta primeira peza que leva o mesmo nome que a compañía, "Animundis". Trátase dun musical para todos os públicos, pero especialmente para nenos e nenas de 3 a 10 anos, no que os maiores gozarán tanto coma os cativos de composicións que van do funky, ao swing e ao rock. "Animundis" narra a conmovedora e divertida historia de Bim "o pingüín frioleiro" e Kiwi "o paxaro que non pode voar". Os dous teñen un soño e farán todo o posible para conseguilo nunha educativa obra na que os risos están asegurados, mais que amosa, así mesmo, as eivas dunha sociedade intolerante grazas á utilización non só da música menos convencional, senón tamén das novas tecnoloxías multimedia. Na presentación desta nova iniciativa, Queiro explica que, a pesar de que os membros da compañía contan con experiencia por separado na creación de espectáculos, trátase da súa primeira produción profesional no mundo do teatro, polo que non falta o "nerviosismo", así como a arela de que "aínda que o domingo ao ser a estrea non sexa a mellor función de todas", si sexa o primeiro paso para que esta produción "aporte moito ao panorama galego das artes escénicas".

O proxecto "Derrubando muros con pintura" transfórmase tamén nunha curta documental da man de Mamá Lola Studios

PRESENTACIÓN: MÉRCORES 26 DE NOVEMBRO ÁS 21.00 HORAS NO FÓRUM

O proxecto "Derrubando muros con pintura" transfórmase tamén nunha curta documental da man de Mamá Lola Studios

Martes 25 de novembro do 2014

"Derrubando muros con pintura" pasa das paredes ás imaxes en movemento da man da produtora carballesa Mamá Lola Studios. Dende finais de 2013 os muros e medianeiras de Carballo teñen ido mudando a súa aparencia nun longo proceso que aínda non ten rematado. Todo a través da iniciativa "Derrubando muros con pintura", impulsada pola Concellaría de Promoción Económica, que está transformando a vila nun museo ao aire libre e que conta xa con 20 obras que se irán ampliando nos próximos meses con novos murais. A maioría dos traballos son de artistas locais, pero tamén teñen chegado dende o estranxeiro (India, Xapón ou Italia) para transformar completamente as rúas dun pobo con importantes eivas urbanísticas. Agora, toda a actividade desenvolvida nos últimos meses toma a forma dunha curta documental realizada por Mamá Lola na que en 25 minutos se reflicte o labor realizado durante case un ano por este amplo e heteroxéneo grupo de artistas. Un dos responsables de Mamá Lola, Fran Rodríguez, explica que o traballo quere reflectir "o punto de vista do artista" afondando no que significa para eles "ter un mural pintado na súa propia vila", ademais de explicar un pouco as motivacións que se agochan detrás das súas obras. Cun estilo directo, prescindindo da voz en off e empregando as variacións cromáticas, un dos obxectivos da peza é reflexionar sobre a diferenza entre o "Carballo que é e o que pode ser", sinala Rodríguez. Para poder velo, os interesad@s tan só teñen que acudir o mércores 26 de novembro ao Fórum Carballo, ás 21.00 horas, á estrea para o público deste traballo audiovisual no que tamén colabora o Concello.

O pleno aproba as declaracións sobre o 25 de novembro e José Mato nunha sesión suspendida polas interrupcións do público

OS ASISTENTES PROTESTARON POLA ORDENANZA DE RECOLLIDA DE LIXO

O pleno aproba as declaracións sobre o 25 de novembro e José Mato nunha sesión suspendida polas interrupcións do público

Martes 25 de novembro do 2014

A corporación carballesa aprobou por unanimidade, nun pleno de apenas 10 minutos de duración, os tres primeiros puntos incluídos na orde do día que foron a acta da sesión anterior, así como a Declaración institucional con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres e outra Declaración referida á situación do veciño de Carballo, José Mato Roibal. As dúas poden consultarse máis abaixo en pdf nesta mesma nova. Mais ao pouco de comezar e cando ía abordarse a aprobación da modificación na composición da Mesa local de comercio, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, decidiu suspender a sesión debido ás interrupcións do público asistente, que protestaba de novo pola Ordenanza fiscal nº 6 reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida de lixo. Nunha rolda de prensa posterior, Ferrero sinala que dende o goberno foise "escrupulosamente democrático ao permitir o uso de algo que non se permite en ningunha administración pública", como é o uso de carteis por parte dos asistentes, e que a sesión suspendeuse porque "non se escoitaba e non era posible desenvolvela con normalidade". O Concelleiro e voceiro municipal, Xosé Regueira, sinala que a situación que se viviu o luns 24 pola noite no salón de plenos foi "anómala dende o punto de vista democrático" e subliña que "as desestabilizacións da orde do día foron constantes", xa que "a corporación ten que poder tratar con tranquilidade puntos que son moi importantes para o conxunto da sociedade", polo que considera que obstaculizar a actividade cotiá dunha sesión plenaria non é o "método máis axeitado" para protestar.

O Alcalde recibiu no Concello aos pilotos carballeses que subiron ao podio no Campionato Galego de Autocross

MAIKEL VILARIÑO RESULTOU GAÑADOR NA MODALIDADE DE CARCROSS

O Alcalde recibiu no Concello aos pilotos carballeses que subiron ao podio no Campionato Galego de Autocross

Luns 24 de novembro do 2014

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, ofreceron unha recepción aos catro pilotos carballeses que subiron ao podio no Campionato Galego de Autocross. Maikel Vilariño, Campión Galego de carcross, e os Subcampións Daniel Mariño (carcross), Daniel Castro (1.600cc) e Miguel Cotelo (+1.600 cc) recibiron o recoñecemento do Concello e asinaron no Libro de Honra. Marcos Trigo destacou a excelente tempada realizada polos pilotos locais e o Alcalde agradeceulles que non só leven o nome das súas escudarías, senón tamén o de Carballo, polos circuítos galegos, e expresou o "orgullo" do goberno municipal polos resultados acadados. Na recepción oficial participaron tamén o Presidente da escudaría Máis Motor, Juan José Puga, e outros representantes da entidade, que anunciaron a súa intención de ampliar o seu ámbito de actuación de cara á vindeira tempada mediante a organización de probas de motos e un trial infantil que reunirá en Carballo a nenos e nenas a partir de seis anos de idade. "O circuíto de Carballo xa está consolidado e somos dos primeiros a nivel estatal", subliñou o Vicepresidente de Máis Motor, Iván René Barreiro, quen expresou o desexo da escudaría de converter Carballo "nun referente non só a nivel galego, senón estatal". O Alcalde destacou que o Circuíto Municipal "é unha ferramenta dispoñible para sacarlle o mellor partido para coches e motos" e manifestou o compromiso do goberno de seguir mellorándoo ano a ano. Nese sentido, o Concello de Carballo ten previsto conceder prioridade á petición da escudaría para acondicionar unha bancada para os afeccionados no Circuíto de Bértoa.

Carballo conmemora o 25 de Novembro coa Feira das Asociacións e coa lectura dunha Declaración contra a violencia machista

OS ACTOS PECHAN O MARTES 25 CUNHA FUNCIÓN DE TEATRO MUSICAL

Carballo conmemora o 25 de Novembro coa Feira das Asociacións e coa lectura dunha Declaración contra a violencia machista

Luns 24 de novembro do 2014

O Xardín Municipal acolleu o domingo 23 de novembro a Feira das Asociacións, unha cita que acaba de cumprir dez anos e que acolle stands cunha representación das principais entidades asociativas do municipio para amosar o traballo que desenvolven a prol dos servizos sociais e da defensa dos dereitos das mulleres. Nesta edición estiveron o Centro de Información á Muller de Carballo (CIM), a Asociación Pro Enfermos Mentais (APEM), a Asociación Comarcal de pais e nais de diminuídos psíquicos de Bergantiños (Aspaber), Cáritas, a Asociación Íntegro para a diversidade funcional, Cruz Vermella, a Asociación contra o cáncer, a Asociación Galega de Fibromialxia e a Asociación para a loita conta as enfermidades dos riles (Alcer), así como a Mesa pola Normalización Lingüística. A Feira encádrase no marco das actividades para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional conta a violencia machista, e contou coa presenza do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; da Tenente de Alcalde, Milagros Lantes; da Concelleira de Igualdade e Benestar, Inés Rodríguez; da responsable do CIM, Nieves Castañón; e doutros representantes da corporación, así como das forzas e corpos de seguridade con presenza no municipio. Inés Rodríguez foi a encargada de abrir o acto lembrando que o 25 de novembro é unha xornada para denunciar unha lacra social e para que se tomen as medidas necesarias para eliminala. Agradeceu o traballo que desenvolven as entidades carballesas que dedican o seu tempo a traballar a prol dos demais, así como o labor de todas as asociacións que traballan a favor da igualdade. Todas as imaxes no Facebook do Concello, aquí.

Aberto o prazo para que os nenos e nenas do municipio participen no Concurso de Cartel e Postal de Nadal 2014

O CERTAME REPARTE 575 EUROS EN PREMIOS

Aberto o prazo para que os nenos e nenas do municipio participen no Concurso de Cartel e Postal de Nadal 2014

Sábado 22 de novembro do 2014

O Concello de Carballo convoca, un ano máis, o tradicional Concurso de Cartel e Postal de Nadal que ten por obxecto seleccionar a tarxeta de felicitación do Concello de Carballo e o cartel que anunciará as vindeiras festas de Nadal 2014. Poderán participar neste concurso todos os nenos e nenas do municipio de Carballo, en concreto alumnado de Educación Infantil e Primaria, coa única limitación de presentar unha soa obra por neno/a. As obras deberán ser presentadas por un colexio ou entidade. A autoría dos traballos deberá ser individual (dun só alumno/a) e os debuxos non poderán incluír elementos que sobresaian do debuxo, como palillos, algodón, purpurina, papel pegado, etc., pola dificultade de reproducir un cartel con estes engadidos. Repartiranse 575 euros en premios e, ademais, o colexio ou entidade do traballo gañador do 1º Premio recibirá 150 euros en material didáctico. Así mesmo, os colexios ou entidades que colaboren coa organización presentando os traballos dos seus alumnos e presente un número razoable de obras, recibirán un vale para mercar material didáctico e educativo por un importe aproximado de 30 euros. O xurado estará constituído por tres adultos designados polo Concello de Carballo e alumnado de ensino primario. O prazo de presentación xa está aberto e remata o luns 1 de decembro ás 14.00 horas, debendo relizarse a entrega dos traballos nas odicias da Concellaría de Cultura situadas no primeiro andar do Pazo da Cultura. Os interesados e interesadas poden consultar as bases ao completo nun documento en pdf nesta nova.

O Concello colabora co Centro Social San Xoán Bautista para axudar á xente sen fogar a través do Albergue de transeúntes

A PARROQUIA ESTREA UNHA VIVENDA DE ACOLLIDA CON SETE PRAZAS

O Concello colabora co Centro Social San Xoán Bautista para axudar á xente sen fogar a través do Albergue de transeúntes

Sábado 22 de novembro do 2014

O Concello de Carballo colaborará co Albergue de transeúntes do Centro Social San Xoán Bautista para axudar á xente sen fogar. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado doutros membros da corporación, vén de visitar as instalacións, que acaban de cumprir dous anos, están situadas a carón da Igrexa e do Centro social e teñen espazo para acoller a once persoas sen teito. A estadía máxima prevista é de tres noites nas que os beneficiarios contan un espazo para durmir e tamén poden alimentarse a través do Comedor Social de Cáritas. O Concello espera contribuír así a axudar aos máis necesitados, xa que as persoas que carecen de vivenda teñen dereito a ser protexidas polas mesmas normas que o resto da sociedade, e mesmo con maior protección dada a súa situación de máxima exclusión: relacional, residencial, laboral ou mesmo sanitaria. Os datos reflicten que o Albergue ten rexistrado unha ocupación cada vez maior nos últimos anos, con 12 persoas durante 30 noites en 2012, cando se inaugurou precisamente un 20 de novembro; con 40 persoas durante 105 noites en 2013; e con 91 persoas durante 240 noites no que levamos de 2014. O acto tamén serviu para abrir a campaña de Nadal de Cáritas, que mantén a súa carpa solidaria no adro da Igrexa; así como para que o director de Cáritas Interparroquial de Bergantiños, Francisco Suárez, lera un manifesto a prol do dereito das persoas a contar cunha vivenda digna e axeitada; por último, visitáronse as novas instalacións de Cáritas (situadas nas antigas oficinas de Extensión Agraria, agora no Fórum) e a nova vivenda de acollida temporal.

Compartir: