Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
A Obra Social "la Caixa" colabora con 45.000 euros co Concello e outras cinco entidades para atender proxectos sociais e solidarios

O OBXECTIVO É AXUDAR AOS COLECTIVOS MÁIS NECESITADOS

A Obra Social "la Caixa" colabora con 45.000 euros co Concello e outras cinco entidades para atender proxectos sociais e solidarios

Venres 21 de novembro do 2014

A Obra Social "la Caixa" vén de achegar 45.000 euros para colaborar con seis proxectos sociais de Carballo e a súa contorna. Nun acto no que estiveron presentes representantes de todas as entidades que se benefician destas axudas (Aspaber, Afaber, APEM, Vieiro e o Centro Social San Xoán Bautista), o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Director de área de negocio de "la Caixa" na Coruña, José Manuel Caamaño, este último quixo "reafirmar" o "compromiso" da súa entidade co labor social "en momentos difíciles", o que se plasma nestas achegas para "asociacións que traballan de forma desinteresada e relevante" para atender necesidades moi diversas. Así mesmo, expresou o seu "orgullo" por poder desenvolver esta obra social "en tempos especialmente complicados". A maior das cinco achegas concedidas, que ascende a 10.000 euros, terá como destino o Plan de emerxencia social do Concello de Carballo. A axuda recibida permitirá subministrar alimentos, medicamentos e cubrir servizos básicos para os veciños e veciñas como a auga ou a electricidade. En definitiva, servirá para atender as necesidades básicas dos cidadáns que se encontren en situación precaria e co obxecto de favorecer a súa inserción social. Evencio Ferrero quixo agradecer esta doazón e o "esforzo e compromiso" de "La Caixa" co Concello en nome de toda a veciñanza. Desexou que no futuro se vaian reducindo "as necesidades sociais" e que a incorporación das persoas á vida laboral "se vaia facendo con máis normalidade", o que permitirá ir superando pouco a pouco estes "momentos de dificultade".

O pleno inclúe a aprobación dunha declaración contra a violencia de xénero polo 25 de novembro e outra referida a José Mato

A MEDIA DE PAGO A PROVEDORES ESTÁ EN 27,13 DÍAS

O pleno inclúe a aprobación dunha declaración contra a violencia de xénero polo 25 de novembro e outra referida a José Mato

Venres 21 de novembro do 2014

A sesión plenaria ordinaria do mes de novembro, prevista para o luns 24 ás 20.30 horas, inclúe na orde do día a aprobación dunha declaración institucional con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. O documento acorda, en primeiro lugar, que o Concello lle traslade á Xunta de Galiza o seu compromiso na colaboración necesaria para "o cumprimento da Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero"; apoiar ao "asociacionismo que traballa no combate contra a violencia de xénero" e desenvolver, en colaboración co tecido social "novas campañas de concienciación sobre a responsabilidade social e a necesidade de illar aos agresores"; e, por último, "deseñar un plan de sensibilización permanente contra a violencia machista que englobe ao conxunto da sociedade". Está previsto ler esta declaración o domingo 23 de novembro nun acto durante a Feira das Asociacións que se celebra cada ano a prol da eliminación da violencia de xénero. Ademais, a orde do día inclúe a aprobación doutra declaración, neste caso referida á situación do veciño José Mato Roibal. Nun texto breve, recóllese o acordo para "instar á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado á necesaria intervención institucional para demandar das autoridades colombianas unha pronta resolución no xuízo ao noso veciños, José Mato; e tamén se manifesta "a solidariedade coa familia e coa plataforma constituída en apoio a José Mato".

O Concello alegará o Informe de zonas inundables de Augas de Galicia, que afecta a máis de 2.100 vivendas do casco urbano

SEGUNDO O MAPA, NON SE PODERÍA EDIFICAR EN MÁIS DE 1.000 PARCELAS

O Concello alegará o Informe de zonas inundables de Augas de Galicia, que afecta a máis de 2.100 vivendas do casco urbano

Venres 21 de novembro do 2014

O Concello de Carballo, despois de abordar o asunto esta semana nunha xuntanza da Comisión de Urbanismo e Medio Rural, presentará alegacións ao Informe de zonas inundables delimitadas do municipio realizado de acordo cos Mapas de perigosidade e risco de inundacións costeiras e fluviais da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa elaborados pola Xunta de Galicia e neste momento en período de exposición pública. Segundo explican o Alcalde, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, este informe ten un "grave impacto sobre o Concello", o que se reflicte na análise realizada pola Oficina Técnica Municipal sobre como repercute o recollido neste documento tanto no casco urbano como no resto do territorio. As conclusións indican que arredor do río Anllóns resultarían afectadas un total de 589 parcelas vacantes e 544 parcelas edificadas, cun total de 2.147 vivendas afectadas no treito que transcorre entre a Ponte da Milagrosa e o Muíño do Quinto. A maioría delas pasarían a ser "zona de dominio público hidráulico", ou "zona de fluxo preferente", polo que non se podería construír nesas áreas. Seguindo con outras zonas, arredor da canle do río Grande (en Rus, Entrecruces e Ardaña) estarían afectadas 340 parcelas vacantes e 6 construídas; en Rego da Balsa estarían afectadas 99 vacantes e en Queo e Abaixo, 46 vacantes e 1 edificada; por último, en Razo e Oza, resultarían afectadas 169 parcelas vacantes e 19 construídas. En resumo, o informe tería impacto en máis de 2.200 vivendas en todo o municipio e en arredor de 1.000 parcelas vacantes nas que non se podería construír.

O Concello recibe as bandeiras que acreditan os certificados internacionais de calidade para as súas praias: ISO 14.001 e EMAS

O ACTO CONTOU COA PRESENZA DE RESPONSABLES DE AENOR E LABER

O Concello recibe as bandeiras que acreditan os certificados internacionais de calidade para as súas praias: ISO 14.001 e EMAS

Xoves 20 de novembro do 2014

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, xunto co Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo, e o responsable de Protección Civil de Carballo, Javier Souto Facal, veñen de recibir de mans do Director da delegación de Aenor en Galicia, Martín Pita, e do Director xerente de Corporación Laber, Antón García, as tres bandeiras -unha para Razo, outra para Baldaio-As Saíñas e a terceira para Pedra do Sal- que acreditan a concesión de dúas certificacións internacionais que avalan a calidade medioambiental e de xestión de servizos das praias do municipio. Trátase do ISO 14.001 e do Esquema Europeo de Ecoxestión e Ecoauditoría (EMAS), este último cualificado por Martín Pita como o "sistema máis esixente que hai no mundo a nivel ambiental". Segundo explica Pita, dende primeiros deste ano téñense realizado numerosos controis de augas, de servizos e mesmo da area das praias para acreditar un bo servizo para o cidadán e tamén "de protección do medio ambiente". Subliña que a obtención destas certificacións vai ter repercusión nos usuarios e usuarias, xa que a melloría "nótase cando se traballa seguindo un método e un sistema". Lembra que Carballo xa contaba cun certificado ISO 9000 para formación, dando o salto agora cara ao medio ambiente. Espera que o exemplo seguido polo Concello, primeiro na Costa da Morte en emprender o proceso de certificación para os seus areais, sexa seguido por outros municipios da contorna, porque estes distintivos "non son só para empresas, xa que a administración tamén ten a responsabilidade de liderar e dar exemplo".

O xornalista Afonso Eiré trae á Biblioteca Rego da Balsa feitos históricos de Galiza contados en primeira persoa

XOVES 20 DE NOVEMBRO ÁS 19.00 HORAS

O xornalista Afonso Eiré trae á Biblioteca Rego da Balsa feitos históricos de Galiza contados en primeira persoa

Mércores 19 de novembro do 2014

Continúa a intensa programación de actividades da Biblioteca Rego da Balsa de Carballo. Neste caso, coa presentación dun libro, dunha novidade editorial relevante na que Carballo e a súa veciñanza tamén son protagonistas. Así, o xoves 20 de novembro o xornalista chantadino Afonso Eiré presenta o seu último libro, "Eu estaba alí. Pequenas historias de Galiza", e farao a través dunha conversa na que estará acompañado polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Este libro é unha implacable crónica dalgúns dos principais feitos que no último medio século se produciron en Galiza, escrita por quen estivo presente e os viviu ou sufriu de preto. Unha voz apaixonada que relata en primeira persoa a epopea dun pobo que vai tomando conciencia de seu. Unha homenaxe aos seus protagonistas, case sempre anónimos, sen os cales é imposible entender a nosa actualidade. E, entre eles, tamén a veciñanza da parroquia carballesa de Baldaio, que na década dos 70 conseguiu a devolución da marisma para o pobo fronte aos intereses dunha empresa privada que se dedicaba a extraer area. Uns sucesos contados con detalle e contextualizados para completar a nosa historia, entre os que están, entre moitos outros, vitorias populares como as de Baldaio ou As Encrobas; o primeiro día do Parlamento de Galicia; o movemento Nunca Máis; o asasinato de Moncho Reboiras ou o do último guerrilleiro, o Piloto; a fin de Xosé Cuíña na Xunta; o Xurelo, o barco que viaxou á fosa atlántica para frear os vertidos nucleares; e moitos máis.

Numerosos mozos e mozas participaron esta semana nas Xornadas de Motivación para Emprender celebradas no Fórum

A CITA ESTIVO ORGANIZADA POLO CONCELLO E A DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Numerosos mozos e mozas participaron esta semana nas Xornadas de Motivación para Emprender celebradas no Fórum

Mércores 19 de novembro do 2014

O Fórum Carballo acolleu o 18 e 19 de novembro unhas Xornadas de Motivación para Emprender organizadas polo Concello -a través da Oficina de Promoción Económica (OPE)- e a Deputación da Coruña, coa colaboración do Igape e da Xunta de Galicia, nas que se abordaron as claves para poñer en marcha unha idea de negocio ou para ofrecer alternativas cara á inserción laboral. Numerosos mozos e mozas asistiron ás sesións, nas que se trataron temas como as fontes de financiamento, o deseño de marca, o marco legal para o emprendedor ou os pasos para poder pasar dunha idea a unha empresa. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Vicepresidente segundo da Deputación da Coruña, Antonio Cañás Varela, foron os encargados de pechar esta cita que desexaron que fora proveitosa para os asistentes. Cañás Varela expresou a súa satisfacción ao comprobar o cheo do auditorio, proba do cada vez maior poder de convocatoria destas citas. Defendeu "o traballo dos emprendedores e emprendedoras" porque son os que crean emprego e manteñen "vivo o tecido produtivo dunha sociedade" e animou aos mozos e mozas a que poñan en marcha as súas ideas "porque dun proxecto truncado tamén está a clave para poder acadar éxito no próximo intento". O Alcalde tamén gabou as xornadas porque "permiten incubar novos proxectos empresariais". Espera que servisen para buscar "outro tipo de oportunidades laborais" e tamén "novos nichos de mercado" co obxectivo de acadar "a inserción laboral no espazo en que vivimos" e que chegue a "oportunidade de demostrar as nosas valías". Galería de imaxes, aquí.

Aprobado o convenio entre o Arcebispado de Santiago e o Concello para poder executar as obras de mellora da rúa Martín Herrera

EXPEDIENTE PARA CONTRATAR UNHA REDE DE SANEAMENTO EN CANCES

Aprobado o convenio entre o Arcebispado de Santiago e o Concello para poder executar as obras de mellora da rúa Martín Herrera

Luns 17 de novembro do 2014

A Xunta de Goberno Local incluíu, fóra da orde do día, a aprobación do Convenio entre o Arcebispado de Santiago de Compostela e o Concello de Carballo en relación ao terreo do adro da Igrexa Parroquial San Xoán Bautista de Carballo. Trátase dun acordo necesario para que a administración local emprenda o acondicionamento e mellora da rúa Martín Herrera da capital municipal, un proxecto que inclúe a reurbanización do espazo situado entre o Museo de Bergantiños e a Praza de Galicia, que afecta tamén ao adro da Igrexa e que conta cun orzamento previsto de 349.126,33 euros. A parcela dedicada ao adro, que conta cunha superficie de 997,50 metros cadrados, é propiedade do Arcebispado, que deberá realizar a cesión do seu uso para executar as obras de acondicionamento previstas, que inclúen a colocación dun novo pavimento e a semi peonalización da vía dun xeito parecido ao empregado noutras dúas do centro. A cesión, segundo consta no acordo, realizaríase por un prazo inicial de 30 anos, e, unha vez transcorrido este prazo, as partes poderán acordar sucesivas prórrogas de cinco anos cada unha. O Concello será o encargado de realizar as reparacións necesarias para manter o uso ao que se destina o adro coa remodelación, así como a vixilancia das instalacións mentres dure o período de cesión. Así mesmo, o contrato para a realización dos traballos deberá estar asinado nun prazo de doce meses dende a sinatura do convenio. Unha vez aprobado este convenio, agora deberá ser referendado e asinado tanto polo Arcebispado como polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.

As praias carballesas obteñen dous certificados internacionais que avalan a súa calidade medioambiental e de xestión de servizos

NA TEMPADA DE PRAIAS TAN SÓ SE REXISTRARON 8 DÍAS DE "BO TEMPO"

As praias carballesas obteñen dous certificados internacionais que avalan a súa calidade medioambiental e de xestión de servizos

Venres 14 de novembro do 2014

Os areais de Razo, Baldaio-As Saíñas e Pedra do Sal xa contan con dúas certificacións internacionais que avalan a súa calidade medioambiental e de xestión de servizos. Trátase do ISO 14.001:2004 e do Esquema Europeo de Ecoxestión e Ecoauditoría (EMAS), este último un dos máis esixentes dos que están implantados en Europa, segundo subliña o Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo. O proceso para a consecución destes distintivos para Carballo, único concello da Costa da Morte que conta con certificados de calidade para as súas praias, comezou en xaneiro deste ano, e, segundo explica o responsable de Protección Civil, Javier Souto Facal, supuxo a realización de numerosas auditorías e controis de boas prácticas que inclúen dende análises relativos á limpeza dos areais e das súas augas, ao servizo de socorrismo pasando pola xestión da empresa de recollida de lixo ata o funcionamento das áreas de Medio Ambiente e Praias do Concello. Tamén se comproba que a xestión cumpre con políticas de sostibilidade e protección medioambiental. Segundo Trigo, estes certificados supoñen "un paso máis aló" que "obriga" ao Concello a "seguir mellorando" e a continuar coas políticas xa emprendidas de "comunicación e transparencia na xestión das praias", con medidas como a creación dunha ordenanza reguladora específica para os areais e a consecución de distintivos, como a Bandeira Azul ou os ISO, que simbolizan o "compromiso cos usuarios e usuarias das praias". Ademais, segundo salienta o Concelleiro, estes certificados poñen o litoral do municipio "ao mesmo nivel que o de areais moi coñecidos de Euskadi e do Norte de España".

A nonaxenaria artista de orixe carballesa Antonia Villaverde Pumar expón unha

NO PAZO DA CULTURA ATÉ O 7 DE DECEMBRO DE 17.00 A 21.00H

A nonaxenaria artista de orixe carballesa Antonia Villaverde Pumar expón unha "Retrospectiva" dos seus óleos

Venres 14 de novembro do 2014

Antonia Villaverde Pumar, ou "Antoñita" como a chamaban durante a inauguración da exposición os seus familiares e amigos, expón, aos seus 94 anos de idade unha selección dos traballos ao óelo que leva realizando ao longo de toda unha vida chea de coñecementos. Carballesa de nacemento, trasladouse de moi nova á Coruña coa súa familia e logo á Arxentina. Volveu para estudar na Escola de Artes e Oficios e perfeccionar os seus coñecementos artísticos. Dona Antoñita asegura que tivo a arela de pintar "dende nena" e, aínda que agora, pola idade, non conserva a precisión no manexo da espátula, técnica que empregaba nos seus cadros ao óleo, continúa a debuxar e a realizar obras en acuarela e pastel. Quixo lembrar as súas estadías en Inglaterra, cando visitaba á súa irmá e baixaba as escaleiras do Támesis para poñerse a pintar. E realizou unha emocionada lembranza de seu pai, no seu tempo encargado de construír algúns dos edificios máis coñecidos de Carballo, como a Escola de Arrabales, as Escolas do Xardín ou o edificio do Mercado. Ademais, do mesmo xeito que cedeu dez cadros para o Fogar dona Basilisa de Carballo, como quixo agradecer o cura párroco don José García Gondar, e outro dos seus cadros está no baptisterio da Igrexa parroquial, ofreceulle tamén ao Alcalde, Evencio Ferrero, a cesión de varias das súas obras para o Museo de Bergantiños e para a colección de pinturas do Concello. Ferrero amosoulle o "agradecemento dos veciños e veciñas por acordarse das súas profundas raíces" e dos "seus primeiros pasos", e pola súa xenerosidade". Os interesad@s poden ver no Facebook do Concello unha galería de imaxes do acto, clicando aquí.

Preto de 400 escolares participan na fase local da Carreira de Campo a Través que ten lugar no Polígono de Bértoa

VENRES 16 DE XANEIRO A PARTIR DAS 10.15 HORAS

Preto de 400 escolares participan na fase local da Carreira de Campo a Través que ten lugar no Polígono de Bértoa

Venres 14 de novembro do 2014

Preto de 400 nenos e nenas do Club Atletismo Carballo, a AD Fogar, o CEIP A Cristina, o CEIP Fogar, o CEIP Nétoma Razo, o CEIP Xesús San Luis Romero e o Colexio Artai participan o venres 16 de xaneiro na fase local da Carreira de Campo a Través que organizan a Secretaría Xeral para o Deporte, a Federación Galega de Atletismo e o Concello de Carballo co patrocinio de Coca-Cola. As categorías da proba son benxamín, infantil, alevín e cadete e cada equipo estará formado por seis corredores/as dos que puntuarán os catro mellor clasificados/as ou tres primeiros (neste caso só na categoría cadete). As probas iranse celebrando a partir das 10.15 horas no circuíto do Parque Empresarial de Bértoa comezando por cadete (cun percorrido de 2.500 metros en categoría masculina e de 1.200 metros en feminina), infantil (con 1.200 metros e 800 metros respectivamente), alevín (cunha volta de 800 metros para a categoría masculina e de 600 para a feminina) e benxamín (con 500 metros para as dúas categorías). A entrega de medallas contará coa presenza do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; e do Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo. Nesta proba puntuable para a fase Intercomarcal que se disputa o 24 de xaneiro, clasificaranse os dous mellores equipos e os/as oito primeiros/as atletas de cada categoría. Os interesados e interesadas en obter máis información poden consultar a normativa da proba ao completo nun documento nesta mesma nova.

Compartir: