Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Concello tramitou un total de 243 expedientes para a limpeza de soares urbanos e parcelas rústicas nos anos 2013 e 2014

SEGUNDO A ORDENANZA MUNICIPAL E A LEI DE PREVENCIÓN DE INCENDIOS

O Concello tramitou un total de 243 expedientes para a limpeza de soares urbanos e parcelas rústicas nos anos 2013 e 2014

Xoves 13 de novembro do 2014

O Concello de Carballo leva tramitado durante o ano 2013 e no que vai de 2014 (con datos actualizados a 13 de novembro) un total de 253 expedientes de talas para a limpeza de soares urbanos e de parcelas rústicas en cumprimento da Ordenanza reguladora da limpeza, salubridade e hixiene no termo municipal de Carballo; así como da Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais. Destes expedientes, 136 correspóndense con soares situados no casco urbano, de acordo coa aplicación das ordenanzas municipais; e 110 correspóndense con parcelas rústicas, de acordo coa aplicación da Lei. Ademais, un total de sete expedientes tramitáronse por motivos de seguridade, por árbores que invaden a vía pública (que impiden o paso de vehículos, etc.). No ano 2013 rexistráronse un total de 145 expedientes, mentres que no que vai de 2014 téñense tramitado 108. Hai que subliñar que a media mensual de denuncias ten pasado de 12 no 2013 a 10,8 en 2014, o que se debe a que cada vez máis cidadáns manteñen limpos os soares e fincas de forma voluntaria. De todas formas, en 2013 téñense tramitado dúas execucións subsidiarias de limpeza e tres en 2014. Nestes casos, poden impoñerse multas coercitivas e esíxelle aos donos o pago a posteriori dos labores realizados subsidiariamente polo Concello. A administración local pide e agradece a colaboración da veciñanza para poder evitar a proliferación de terreos baleiros no interior dos núcleos urbanos pouco adecuados á estética urbana, coidando dun mantemento aceptable que evite o deterioro da imaxe externa e que garanta a seguridade.

O segundo Carballo Interplay comeza co FormaCIP, un ciclo con 14 cursos sobre o sector audiovisual a partir de novembro

ABERTA A INSCRICIÓN PARA AS CATRO PRIMEIRAS ACCIÓNS FORMATIVAS

O segundo Carballo Interplay comeza co FormaCIP, un ciclo con 14 cursos sobre o sector audiovisual a partir de novembro

Mércores 12 de novembro do 2014

Un amplo grupo de recoñecidos profesionais do sector audiovisual galego en activo serán os encargados entre novembro de 2014 e abril de 2015 de impartir os 14 obradoiros incluídos no FormaCIP, o "preludio", segundo explica o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, da segunda edición do festival Carballo Interplay (CIP). Unha cita, que, en verbas da súa directora, Sonia Méndez, contou na súa primeira edición cunha grande repercusión, "non só a nivel estatal, senón tamén a nivel internacional en cidades como Los Ángeles ou Roma", o que fixo que o festival fora unha experiencia que "superou as expectativas". A segunda edición volve en abril de 2015 coa mesma arela de ser unha cita "pioneira" e, neste caso, transcendendo o mundo das webseries. Así, seguirá habendo o concurso que foi a razón de ser da cita, pero "dando un pequeno xiro", abrirase a outras narrativas dixitais, como por exemplo o webdocumental ou as curtas, para, segundo subliña Méndez, seguir a "medrar no mundo de Internet e das novas tecnoloxías". E para seguir afondando nas claves do sector audiovisual e na oferta formativa do Concello, xurdiu o FormaCIP, que tivo o seu xermolo no Taller de webseries celebrado na primeira edición do CIP. O luns 17 de novembro comeza o primeiro dos catro obradoiros para os que xa está aberto o prazo de inscrición e que constitúen unha primeira quenda. A segunda, cos outros dez talleres, principia en xaneiro. Todos custan tan só 20 euros e abordan temas como a edición, a cámara, o son, o guión, o videoclip, a interpretación, etc. Máis info e inscricións, aquí.

Avanzan os traballos no Complexo deportivo Carballo Calero para reabrir a Piscina e a Sala fitness o luns 17 de novembro

RETOMARANSE OS HORARIOS HABITUAIS DAS INSTALACIÓNS

Avanzan os traballos no Complexo deportivo Carballo Calero para reabrir a Piscina e a Sala fitness o luns 17 de novembro

Martes 11 de novembro do 2014

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Deporte que dirixe Marcos Trigo informa de que o luns 17 de novembro reabrirán as súas portas a Piscina e a Sala fitness do Complexo deportivo Carballo Calero. Os traballos de acondicionamento das instalacións a raíz do incendio que se produciu o pasado 24 de outubro dividironse en dúas fases. A primeira avanza a bo ritmo para intentar repoñer o servizo o antes posible e nas mellores condicións, segundo indicou o Concelleiro de Deportes, Marcos Trigo, durante a visita que realizou ás instalacións o luns 10 de novembro (na imaxe). O vaso da piscina xa está operativo despois de levar a cabo os controis sanitarios pertinentes, e na sala fitness tamén está todo listo para retomar a actividade. A peor parte correspondeu aos vestiarios grandes, que resultaron máis danados, debido a que o lume afectou ás instalacións. Os traballos desenvolveranse nunha segunda fase e demoraranse unhas semanas máis. Nos restantes vestiarios, nos cales a afección foi menor, dende Carballo Deporte realizarase unha reorganización para que a merma da capacidade afecte o menos posible aos abonados e abonadas, así como aos clubes que utilizan a instalación municipal para a súa actividade diaria debido á grande cantidade de deportistas que moven. O complexo retomará o día 17 ao seu horario habitual. Así, tanto a Piscina coma a Sala fitness funcionarán de luns a venres de 7.15 a 13 e de 15.30 a 22.30 horas e os sábados de 9.00 a 13.30 horas. Recuperaranse, así mesmo, os cursos de natación, algúns dos cales foron trasladados provisionalmente á piscina Vila de Noia e outros foron suspendidos por falta de capacidade.

O Concello e APEM únense a prol da integración e colaboran para que os membros da entidade fagan uso do Horto Infantil

A ASOCIACIÓN MELLORARÁ ALGÚNS MURAIS DE "DERRUBANDO MUROS"

O Concello e APEM únense a prol da integración e colaboran para que os membros da entidade fagan uso do Horto Infantil

Martes 11 de novembro do 2014

O Concello dá un paso máis dentro do proxecto do Horto Infantil Ecolóxico Municipal avanzando a prol da diversificación das instalacións e da integración. Así, a través dun acordo entre a administración local e APEM (Asociación Pro Enfermos Mentais) os usuarios e usuarias da sede da entidade en Carballo -situada na rúa Papoulas, moi preto do Horto na rúa Nardos- traballarán nos próximos meses nos cultivos e nas actividades do Horto nun proxecto que persegue "un Carballo máis xusto e consciente", en verbas do Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, e que ofreza "oportunidades para todos", segundo subliña o Alcalde, Evencio Ferrero. Nun primeiro momento, e aproveitando o parón nos obradoiros de tarde dos cativos e cativas, que debido á falta de luz dos meses de inverno non volven ata o 9 de febreiro, os usuarios e usuarias de APEM visitarán o Horto unha vez á semana para evitar que o traballo dos nenos e nenas se bote a perder e continuando co seu labor coidando os bancais. Porén, Regueira explica que está previsto incrementar as actividades no futuro, incluso celebrando cursiños específicos para os membros de APEM. De feito, non é a súa primeira incursión nas instalacións da rúa Nardos, que xa coñeceron e nas que estiveron traballando a primavera pasada de man de Senda Nova. No futuro está previsto seguir ampliando as actividades do Horto Ecolóxico colaborando tamén con outros colectivos, como as asociacións de maiores do municipio, porque "para o Concello sempre é un obxectivo fundamental facer políticas integradoras", segundo Regueira.

NUMEROSA PARTICIPACIÓN NA RUTA BTT CELEBRADA O 9 DE NOVEMBRO

"Carballo, mirando ao mar" naceu entre música e deporte para achegar o litoral de Razo e Baldaio á capital municipal

Luns 10 de novembro do 2014

O venres 7 de novembro comezou de forma oficial o proxecto "Carballo, mirando ao mar", un programa que ten como reto programar accións que acheguen os recursos do litoral carballés á capital municipal, e que trasladen o dinamismo da vila ás persoas que escollen Razo e Baldaio como lugar de veraneo ou visita. En primeiro lugar, facendo ver a importancia dos valores ambientais e económicos da nosa costa e a súa consideración como un recurso definitivo para que Carballo sexa un destino dentro da Costa da Morte. Promocionando as potencialidades do espazo Razo-Baldaio para incrementar o volume de turistas e visitantes. E, dando un paso máis aló, conseguindo aumentar as estadías medias e a repercusión económica do turismo fóra da época estival. Por último, poñendo en valor os recursos litorais en relación coa totalidade do territorio municipal, rompendo así a idea de que Carballo non é un concello costeiro. Todo a través de múltiples actividades, de carácter produtivo, deportivo, ecolóxico e mesmo musical, como no caso da presentación de "Carballo, mirando ao mar", no Pazo da Cultura, cun concerto de Os dous de sempre máis un, que tocaron temas tradicionais e de composición propia, a maioría vinculados co mar ou de lugares mariñeiros; e Birimbao, que presentaron o seu disco e sacaron ao escenario a dous carballeses, Manolo Trigo e Juan Cancela, que interpretaron dúas cancións tradicionais da comarca. O domingo 9 de novembro tivo lugar a primeira acción concreta de promoción do litoral, cunha ruta ciclista BTT que desafiou a choiva inicial para rematar cun agradable percorrido pola costa carballesa da man do Club Monte Neme.

A rúa Valle Inclán será sinalizada como rúa de prioridade peonil e o límite de velocidade establecerase en 20 quilómetros por hora

INSTALARANSE INDICADORES DE RÚA RESIDENCIAL S-28 E S-29

A rúa Valle Inclán será sinalizada como rúa de prioridade peonil e o límite de velocidade establecerase en 20 quilómetros por hora

Luns 10 de novembro do 2014

Nos vindeiros días, logo da colocación do mobiliario urbano na Rúa Valle Inclán, procederase a colocar a sinalización definitiva para a vía mediante os sinais S-28 e S-29 de rúa residencial. Segundo estudios do RACC, tense detectado que moitos conductores descoñecen a mensaxe do sinal S-28 de rúa residencial, polo que a Concellaría de Seguridade considera necesario reforzar a información sobre este sinal. O indicador S-28 alerta da entrada nunha rúa especialmente acondicionada para prioridade peonil, e na que se aplican as normas especiais de circulación seguintes: a velocidade máxima dos vehículos está limitada a 20 km/h e os conductores deben conceder prioridade aos peóns; os vehículos só poden estacionarse nos lugares designados por sinais ou marcas; os peóns poden usar toda a zona de circulación; os xogos e os deportes están autorizados nesta vía; os peóns non deben estorbar inutilmente aos conductores. O sinal S-29 indica o final da limitación e a volta as normas xerais de circulación. Convén recalcar que a rúa é de prioridade peonil, polo que as persoas poden desprazarse dun modo imprevisto e é posible que non vexan os vehículos, por iso é sempre recomendábel adaptar a velocidade ao máximo permitido na vía (20 km/h), manter unha distancia apropiada e, ao achegarse aos peóns, adoptar as precaucións necesarias para a súa seguridade, especialmente cando se trate de nenos e nenas, persoas anciás ou persoas con mobilidade reducida. Os peóns son as persoas máis fráxiles na circulación e a súa seguridade depende en grande medida do comportamento dos condutores.

Ecoembes cualifica cun 81 sobre 100 o servizo de recollida de lixo no Concello, cun nivel de impropios dun 18 por cento

OS BOS ÍNDICES DÉBENSE Á IMPLANTACIÓN DE 128 ILLAS VERDES NO RURAL

Ecoembes cualifica cun 81 sobre 100 o servizo de recollida de lixo no Concello, cun nivel de impropios dun 18 por cento

Sábado 8 de novembro do 2014

Ecoembes, entidade encargada do control e a difusión da reciclaxe de envases lixeiros, ven de facer entrega ao Concello do Informe de Análise do Servizo de recollida de lixo, no que se analizaron por parte dos inspectores da entidade 113 colectores que recibiron unha puntuación de 81 sobre 100, despois de examinarse os parámetros de mantemento, limpeza e desbordamento. Na mesma comunicación, Ecoembes recoñece o "esforzo realizado por parte do Concello e da empresa concesionaria para acadar uns niveis de impropios inferiores ó 20 por cento" referíndose á recollida de envases lixeiros (colector amarelo), xa que o índice de impropios no Concello (18,57%) está moi por baixo dos índices de Galicia (28,30%) e do Estado (24,90%) -hai que mencionar que as cifras están actualizados en outubro de 2014-. Dentro dos bos datos da recollida, destaca a previsión de aumento dun 13 por cento nas toneladas de envases neste ano 2014 con respecto ao ano pasado, o cal suporía pasar de 222 toneladas do ano pasado a mais de 250 neste ano. Si destacable é o dato anterior, no que se refire ao papel e cartón, neste ano prevese recoller un 42 por cento máis de que o ano pasado, pasándose de 172 a 300 toneladas. Este dato é consecuencia da implantación de 128 Illas verdes no rural e do bo facer da nova empresa concesionaria da recollida de lixo axudaron a conseguir estes exitosos datos, pero non queda ningunha dúbida que son todos e cada un dos carballeses e carballesas que colaboran día a día coa reciclaxe os que de verdade conseguen que cada vez teñamos un Carballo mais limpo e sostible.

Inminente comezo das obras da Fase I da "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo" logo da sinatura do replanteo

O IMPORTE DOS TRABALLOS SUPERA O MILLÓNS DE EUROS

Inminente comezo das obras da Fase I da "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo" logo da sinatura do replanteo

Venres 7 de novembro do 2014

A Casa do Concello vén de acoller o acto de sinatura da acta de replanteo da Fase I da obra de "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)" no que estiveron presentes o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero e representantes da empresa adxudicataria, a UTE (Unión Temporal de Empresas) Anllóns Bardoso I formada por Construcciones López Cao SL e Construcciones Ramón Vázquez y Reino SL. O prezo de adxudicación é de 1.024.870 euros (IVE incluído) e o prazo de execución é de catro meses (120 días naturais) a contar dende o día seguinte ao da sinatura formalizada hoxe, venres 7 de novembro. Hai que subliñar que a UTE tense comprometido a realizar melloras técnicas e de obra sen custo adicional por un importe de 112.453,05 euros. Esta adxudicación prodúcese despois da resolución do contrato para a realización destes mesmos traballos coa UTE formada por Extraco Construcións e Proxectos SA e Decoraciones J. Bello SL. O Consello Consultivo de Galicia ratificou esta rescisión despois de que, unha vez rematado o prazo de execución, que entón era de 8 meses, a UTE só tivera certificados arredor de 9.000 euros fronte aos 1.024.648,57 euros do prezo do contrato anterior. Os traballos están cofinanciados nun 70 por cento con fondos Feder (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) e o prazo de xustificación que esixe a UE (Unión Europea) para conceder a subvención remata en marzo de 2015, cando a obra debería estar executada. Coa nova adxudicación do proxecto, e de cumprirse o prazo de execución ofertado pola UTE, deberían poder certificarse os traballos a tempo e cumprirse os prazos estipulados pola UE.

PRESENTACIÓN: VENRES 7 DE NOVEMBRO CUN CONCERTO GRATUÍTO

"Carballo, mirando ao mar" nace para seguir poñendo en valor a nivel produtivo, deportivo e ecolóxico a costa carballesa

Xoves 6 de novembro do 2014

A finais do mes de outubro rematou o proxecto "Carballo, sendas do mar", unha iniciativa promovida polo GAC-3 Costa da Morte e o Concello de Carballo na que se puxeron en valor os recursos do litoral carballés a través de numerosas accións formativas e tamén da creación dunha ruta autoguiada dende o porto de Razo ata Baldaio. Agora, e a partir do venres 7 de novembro, esta proposta ten continuidade co programa "Carballo mirando ao mar", tamén promovido polo GAC-3 coa colaboración do Concello e que pretende implantar unha serie de accións que acheguen os recursos do litoral á capital municipal e mellorar o dinamismo do espazo natural Razo-Baldaio. O obxectivo é a posta en valor dos recursos paisaxísticos, patrimoniais e deportivos do litoral. Ata xuño de 2015 e cun orzamento de 59.414 euros, o programa inclúe a realización de numerosas actividades. Entre elas, desenvolveranse obradoiros sobre o sector marisqueiro e sobre oportunidades emprendedoras desde perspectivas sostibles que axuden a adoptar medidas para fomentar e mellorar as competencias profesionais arredor do litoral, e en particular, as destinadas ás mulleres. Así mesmo, realizaranse actividades para escolares, entre as que se inclúen rutas para a observación de aves, mariscad@r por un día, voluntariado de limpeza e conservación do espazo natural Razo- Baldaio -Lugar de Importancia Comunitaria (LIC)-, bautismos de surf ou un concurso literario infantil sobre o LIC. O novo proxecto GAC nace co obxectivo de sensibilizar á poboación de que Carballo ten costa, e non só no verán.

Compartir: