Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
En suspenso o proceso de adxudicación do Contrato de xestión integral do servizo de augas por unha reclamación de Viaqua

Á ESPERA DA RESOLUCIÓN DO TRIBUNAL DE RECURSOS CONTRACTUAIS

En suspenso o proceso de adxudicación do Contrato de xestión integral do servizo de augas por unha reclamación de Viaqua

Xoves 6 de novembro do 2014

O Concello de Carballo informa de que está paralizado momentaneamente o proceso de adxudicación do Contrato de xestión de servizo público por procedemento aberto con varios criterios de adxudicación, baixo a modalidade de concesión, que ten por obxecto o "Ciclo integral da auga no Concello de Carballo". O motivo é a presentación por parte de Viaqua, actual adxudicataria do servizo e para quen remata a concesión o 31 de decembro de 2014, dunha reclamación sobre un dos aspectos do prego de condicións. O asunto está sendo estudado polo Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais (TACRC) e, mentres o organismo competente non dite ningunha resolución, o proceso queda en suspenso. Hai que mencionar que o prazo legal de presentación de ofertas, de 30 días naturais, rematou o luns 3 de novembro e ata ese momento tíñase rexistrado a oferta dunha única empresa. Non obstante, en caso de que a reclamación de Viaqua sexa admitida, esta oferta non tería validez xa que debería abrirse entón un novo proceso de adxudicación. De rexeitarse, seguiríase co proceso. Hai que lembrar que o novo contrato sería por un prazo de 20 anos prorrogables ata un máximo de 25, por un importe de 2.342.000 euros anuais. O custe total por todo o período do servizo sería próximo aos 58.600.000 euros. A nova concesionaria deberá asumir a xestión integral do servizo, incluído o saneamento, o abastecemento e a depuración de augas, segundo estipulan as directrices europeas. O contrato foi aprobado nunha sesión plenaria extraordinaria celebrada o pasado 22 de setembro.

Un total de 500 veciños e veciñas participan no Programa de Exercicio Físico para Maiores que vén de arrincar esta semana

IMPARTIRANSE MÁIS DE 1.200 SESIÓNS REPARTIDAS EN 18 GRUPOS

Un total de 500 veciños e veciñas participan no Programa de Exercicio Físico para Maiores que vén de arrincar esta semana

Martes 4 de novembro do 2014

Acaba de empezar o curso esta semana para os 498 carballeses e carballesas que participan no Programa de Exercicio Físico para Maiores promovido polo Concello de Carballo. As prazas están completas, e, de feito, quedaron en listaxe de agarda outras 18 persoas. A maior demanda rexístrase, como é lóxico, no casco urbano. Dos 18 grupos formados, sete asisten ás súas sesións semanais no Pavillón Vila de Noia. Os outros once repártense entre os centros sociais das parroquias de Artes, Berdillo, Cances, Entrecruces, Imende, Noicela, Oza, Outón, Razo, Sísamo e Sofán. En total impartiranse 36 sesións semanais, que suman 1.220 ao ano. O Programa de Exercicio Físico para Maiores pretende influír nos maiores para conseguir estilos de vida activos e saudables, mellorar a súa calidade de vida e facilitar a súa inserción social actuando sobre o proceso natural de envellecemento. De maneira máis específica, este tipo de actividades permítenlles manter un nivel suficiente de capacidade funcional xeral, mellorar a saúde reducindo o risco de desenvolver doenzas cardiovasculares e oseoarticulares e mellorar a súa seguridade ao facer exercicio. Os 18 grupos recibirán dúas sesións semanais de execicio físico de entre 30 e 45 minutos de duración, e que constarán de exercicio aeróbico e acondicionamento muscular e de exercicios de flexibilidade de baixo impacto oseoarticular.

Carballo conta desde hoxe cunha das tres Unidades de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar (UDIAF) de Galicia

TRÁTASE DUN SERVIZO GRATUÍTO EMPRAZADO NO ANTIGO AMBULATORIO

Carballo conta desde hoxe cunha das tres Unidades de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar (UDIAF) de Galicia

Luns 3 de novembro do 2014

O semisoto do antigo ambulatorio carballés acolle dende hoxe un novo servizo público e gratuíto: unha Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar (UDIAF) promovida e xestionada pola AGAT (Asociación Galega de Atención Temperá) e a Xunta de Galicia (a través da Consellería de Traballo e Benestar) e grazas á cesión do local por parte do Concello de Carballo. O obxectivo do novo servizo, un dos tres únicos que existen en toda Galicia xunto cos de Lalín e Vilagarcía, é ofrecer unha asistencia integral, dende a proximidade, aos nenos e nenas de cero a seis anos que presentan discapacidades ou dificultades no seu desenvolvemento -con problemas motrices, de linguaxe ou de comportamento emocional e cognitivo ou en risco de padecelos- e tamén prestar apoio ás súas familias. O espazo que ocupa a entidade correspóndese coas antigas oficinas da UAD (Unidade Asistencial de Drogodependencias), conta con preto de 180 metros cadrados repartidos nunha recepción, tres salas de atención, unha sala de xuntanzas, unha oficina, un almacén e aseos. O servizo estará atendido dende hoxe por unha psicomotricista, unha logopeda, unha administrativa e a coordinadora do servizo e psicóloga Yaiza Antelo. Poden ser beneficiarios e beneficiarias todas as familias de Bergantiños, co único requirimento de estar empadroadas nun dos concellos da comarca. Nestes momentos xa hai 14 familias en listaxe de agarda. Ademais de no local, pode contactarse no teléfono 881 94 64 10 ou no enderezo <bergantinos@atenciontemprana.com>. Os interesad@s poden ver no Facebook do Concello unha galería de imaxes do acto, clicando aquí.

Luz verde para o expediente de contratación para realizar obras de "Reparación de varias rúas no casco urbano de Carballo"

APROBADA A PROGRAMACIÓN DO NOVEMBRO CON MÚSICA 2014

Luz verde para o expediente de contratación para realizar obras de "Reparación de varias rúas no casco urbano de Carballo"

Luns 3 de novembro do 2014

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar o expediente de contratación para o contrato administrativo de obras de "Reparación de varias rúas no casco urbano de Carballo 2014" por un prezo de licitación de 183.854,74 euros. Entre os criterios de adxudicación hai que subliñar os programas de traballo ou de actuación medioambiental, o plan de control de calidade e o plan de seguridade e saúde cun total de 60 puntos; e a oferta económica, cunha valoración máxima de 40 puntos. Hai que mencionar que o investimento realizado dende 2012 por parte do Concello carballés na mellora de vías no casco urbano chega a preto de 700.000 euros. Cando remate o último cuadrimestre do ano 2014 teranse realizado melloras por un importe de 774.481,07 euros, tanto con cargo ao plan DTC da Deputación provincial como con cargo ao remanente de tesourería, como é o caso da actuación aprobada hoxe de reparación de rúas e que xa está incluída neste importe. Outro dos asuntos da orde do día foi a aprobación da programación do Novembro con Música 2014, que recolle a celebración de recitais, concertos de música tradicional, rock ou en familia, un festival de corais ou o tradicional Concerto de Santa Cecilia. No apartado de Cultura tamén recibiu luz verde unha actuación teatral da compañía Elefante Elegante para presentar o seu novo espectáculo "Kassa". Por último, a sesión supuxo a aprobación de dous vaos laborais, dúas licenzas de obra e dúas licenzas de primeira ocupación.

Nace o Formacip, un ciclo de formación audiovisual con 14 obradoiros que impartirán en Carballo recoñecidos profesionais

OS PRIMEIROS TALLERES COMEZAN A MEDIADOS DE NOVEMBRO

Nace o Formacip, un ciclo de formación audiovisual con 14 obradoiros que impartirán en Carballo recoñecidos profesionais

Luns 3 de novembro do 2014

O Concello de Carballo oferta a través do festival Carballo Interplay (CIP) un ciclo de formación audiovisual composto por diversos obradoiros impartidos por recoñecidos profesionais de diferentes ámbitos do audiovisual galego. Trátase do Formacip, un ciclo de 14 talleres que terán lugar dende mediados deste mes de novembro até abril do vindeiro ano, cando está previsto que se celebre a segunda edición do festival. Os obradoiros, a un prezo de 20 euros cada un, abordarán diversos ámbitos profesionais do audiovisual, dende aqueles máis técnicos aos máis creativos. Haberaos de operador/a de cámara HD, de iniciacción á edición profesional, ao son profesional, aos after effects, de elaboración de créditos ou de remontaxe. Mais tamén se abordarán cuestións como o cinema do "eu", a elaboración de guións para a ficción televisiva, a arte da cinematografía, o xogo cos actores, as curtametraxes de ficción, a realización de videoclips musicais, a construción de arquivos audiovisuais ou novos formatos e medios no vídeo experimental. Ao cargo da formación correrán profesionais como os directores Jorge Coira, Eloy Domínguez Serén , Javi Camino, Xacio Baño ou Xoán Escuredo; os directores de fotografía Víctor Rodríguez, Óscar Martínez Chamorro e Alberto Díaz Betitxi, o técnico de realización, Daniel Viqueira Carballal, os guionistas Fran Carballal e Enrique Lojo, o realizador Manuel Viqueira, a deseñadora Isabel Vila; o director e a directora da produtora Esferobite, Juan Lesta e Belen Montero, o técnico de realización Daniel Viqueira, a produtora Beli Martínez e o cineasta Marcos Nine. A información completa dos cursos, con prazos de inscrición, temarios, datas, etc., clicando aquí.

O Fórum ten acollido este ano preto de 100 accións formativas e informativas organizadas por máis de 50 entidades

EN OUTUBRO AS INSTALACIÓNS ESTIVERON OCUPADAS 29 DÍAS

O Fórum ten acollido este ano preto de 100 accións formativas e informativas organizadas por máis de 50 entidades

Sábado 1 de novembro do 2014

O Fórum Carballo tense convertido no centro de referencia de entidades de toda Galicia á hora de planificar as súas accións formativas e informativas. O complexo situado barrio da Milagrosa ten acollido no que vai de ano un total de 95 actividades de todo tipo, e practicamente non hai un día, nin sequera nas fins de semana, no que non estean ocupadas algunhas das aulas, o auditorio, os talleres ou mesmo os corredores. O mes de outubro foi especialmente intenso neste sentido, xa que as portas do Fórum só estiveron pechadas dous días, os domingos 5 e 12. Entre os usuarios do servizo municipal estiveron entidades deportivas coma as Escolas Balonmán Xiria, a Federación Galega de Surf, o Comité Galego de Árbitros ou o Club Ciclista Carballo Placasa; entidades coma Forem Galicia ou Axober; servizos públicos coma o de Veterinarios Oficiais, a Oficina Agraria ou a Oficina de Promoción Económica do Concello (OPE); partidos políticos e institucións coma a Deputación da Coruña ou o propio Concello de Carballo. Das 95 actividades contabilizadas este ano, 27 foron promovidas directamente por algún dos departamentos municipais ou coa colaboración dos mesmos, pero o que poñen de manifesto os datos é que o Fórum non é unicamente un edificio institucional, senón un gran complexo aberto a todas as entidades e empresas que traballan, fundamentalmente, no ámbito da formación.

"Cos pés na terra" rematou falando de exemplos de innovación na industria musical, agroalimentaria e gastronómica

OS ASISTENTES PUIDERON VER OBXECTOS CREADOS CON IMPRESORAS 3D

"Cos pés na terra" rematou falando de exemplos de innovación na industria musical, agroalimentaria e gastronómica

Venres 31 de outubro do 2014

As claves do novo modelo de negocio musical, a industria de transformación agroalimentaria ou a gastronomía mirada a través da ollada das impresoras 3D. Eses foron os temas que se abordaron na última xornada no congreso "Innovando, cos pés na terra" que ocupou as instalacións do Fórum Carballo o 30 e 31 de outubro da man de Axober e coa colaboración do Concello de Carballo. Do mesmo xeito que o obxectivo da xornada do xoves 30 foi o de coñecer as experiencias de empresas máis próximas a nós, cun "excelente nivel", en verbas de Manuel Pan, de Abertal Networks, coordinadora da iniciativa, con exemplos "alucinantes" que fan pensar na "necesidade de repetir un congreso como este no futuro"; o venres o obxectivo foi o de abrir as portas da innovación, coñecendo de primeira man exemplos de persoas que teñen éxito nos seus negocios. Paco de Pin foi o primeiro en expoñer a súa experiencia. É un dos fundadores de Nordesía, empresa especializada no deseño e produción de eventos artísticos e no management e distribución de artistas. Un dos seus últimos traballos foi no Womex de Compostela, celebrado este mes de outubro. De Pin contou moitas das súas experiencias, con reflexións acerca da evolución do negocio musical, que viviu un dos seus golpes coa chegada dos formatos dixitais. Fixo fincapé na necesidade de reconverter o sector e tamén nas posibilidades que existen para promocionar o traballo dos galegos no mundo, por exemplo, aproveitando os Centros de Galicia espallados por moitos países, a rede máis numerosa que existe de calquera nacionalidade en todo o planeta.

Unha ruta auto guiada dende o porto de Razo ata Baldaio xa permite percorrer a "Senda do Mar" de Carballo

REMATA O PLAN DE ECOTURISMO PROMOVIDO POLO CONCELLO E O GAC

Unha ruta auto guiada dende o porto de Razo ata Baldaio xa permite percorrer a "Senda do Mar" de Carballo

Venres 31 de outubro do 2014

O proxecto "Carballo, Senda do Mar", promovido polo Concello de Carballo a través do GAC-3, chega á fin cos seus obxectivos cumpridos. A Senda do Mar xa é unha realidade. Aproveitando os recursos existentes creouse unha ruta autoguiada dende o porto de Razo ata Baldaio que está sinalizada mediante 20 pivotes de madeira que conteñen unha etiqueta cun indicador QR a través do cal, mediante un dispositivo móbil, pódese acceder a contidos multimedia: audioguías, fotos, textos, vídeos, etc. Ademais, este sistema está xeorreferenciado, é dicir, é accesible desde portais como Google Maps, e permite continuar a ruta axudado do móbil. Os usuarios e usuarias tamén pode acceder á realidade aumentada mediante o sistema Layar, de maneira que pode recoñecer todos os puntos QR/NFC existentes na zona, localizar os contidos en tempo real e, cun só clic, establecer a ruta dende a súa posición ata o recurso. Nos contidos dalgunhas etiquetas dáse a posibilidade, así mesmo, de participar nun xogo a base de preguntas tipo test. O proxecto inclúe textos, unha galería fotográfica, 14 mini vídeos e 10 locucións breves, e todo ese material está disponible en seis idiomas: galego, castelán, inglés, francés, alemán e portugués. As novas tecnoloxías xogan un papel fundamental dentro do proxecto, pero tamén se ten creado diverso material de apoio en soporte físico.

Compartir: