Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
"Cos pés na terra" pon sobre da mesa o traballo de empresas moi próximas para innovar e ofrecer ideas para saír da crise

XOVES 30 E VENRES 31 DE OUTUBRO NO FORUM

"Cos pés na terra" pon sobre da mesa o traballo de empresas moi próximas para innovar e ofrecer ideas para saír da crise

Xoves 30 de outubro do 2014

O Fórum acolle o xoves 30 e o venres 31 de outubro o congreso "Innovando, cos pés na terra", unha cita que ten o obxectivo de poñer en valor o traballo de empresas "que están moi cerca de nós e que están poñendo en marcha proxectos tremendamente interesantes", segundo explicou o presidente de Axober, Isidro Varela Bardanca, que resumiu as claves da proposta durante a súa inauguración. Así, as experiencias locais contrastaranse con proxectos chegados de fóra, de lugares tan dispares como Granada ou a Universidade de Stanford, para aprender sobre innovación, un dos factores que axudan a saír das crises económicas. Como colofón, a #55 Lacon Network, unha xuntanza que empresarios e emprendedores relacionados con Internet e as novas tecnoloxías realizan cada último venres de mes en distintas vilas galegas para intercambiar impresións e falar das novidades do sector. A apertura contou tamén coa presenza de Norberto Penedo, Director de Innovación do Igape (Instituto Galego de Promoción Económica) que quixo transmitirlle á organización os seus parabéns polo programa das xornadas, que serve "para coñecer o que se fai aquí e traer tamén o de fóra" crendo en que "hai posibilidades de futuro". O Alcalde, Evencio Ferrero, pechou o acto, subliñando que "os novos indicadores amosan que a innovación será clave para saír da crise", polo que hai que "buscar novas oportunidades" e "xerar actividades económicas con perspectivas de futuro". Para rematar, desexou que as empresas presentes na iniciativa dean os seus "mellores froitos". Galería da primeira xornada no Facebook do Concello, aquí.

Industria tentará chegar a un acordo coa aseguradora antes de emprender a vía xudicial polos danos da balsa de Monte Neme

EN CASO DE XUÍZO, CADA PARTE RECLAMARÁ DE FORMA INDIVIDUALIZADA

Industria tentará chegar a un acordo coa aseguradora antes de emprender a vía xudicial polos danos da balsa de Monte Neme

Mércores 29 de outubro do 2014

A Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia tentará chegar a un acordo coa aseguradora AXA polos danos derivados da rotura dunha balsa mineira en Monte Neme o pasado 10 de febreiro deste ano. Así, e dado que a antiga concesionaria está en concurso de acredores, tanto a consellería como os concellos afectados, Carballo e Malpica, consideran que AXA debería facerse cargo dos gastos derivados dos danos provocados ao ser a entidade aseguradora responsable no momento do suceso. Dado que AXA rexeita asumir esta responsabilidade, barallouse a posibilidade de emprender a vía xudicial, mais a consellería tratará antes de chegar a un acordo que evite os xulgados. Esta é unha das principais conclusións da xuntanza mantida en Santiago de Compostela entre o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o de Malpica, Eduardo Parga Veiga; e o Concelleiro de Obras e Servizos de Carballo, Luís Lamas, con Borja Verea Fraiz, responsable da Secretaría Xeral Técnica de Industria; Ángel Bernardo Tahoces, Director Xeral de Enerxía e Minas; Isidoro Martínez Arca, Xefe Territorial da Coruña; e Francisco Conde López, Conselleiro de Economía e Industria. Así mesmo, e en caso de que non prospere o acordo amigable, falouse dos pasos que se darán en caso de que a situación se dirima nos tribunais. Chegouse á conclusión de que cada parte, os concellos por un lado e a consellería por outro, deberá reclamar de forma individualizada, aínda que exista a posibilidade de chegar a un acordo para que a causa a leve o mesmo avogado e as argumentacións vaian en sintonía.

Asinado o contrato de "Subministro da caldeira de biomasa para a mellora da eficiencia enerxética da piscina Vila de Noia"

O ORZAMENTO DA ACTUACIÓN ASCENDE A 225.000 EUROS

Asinado o contrato de "Subministro da caldeira de biomasa para a mellora da eficiencia enerxética da piscina Vila de Noia"

Mércores 29 de outubro do 2014

A Casa do Concello vén de acoller o acto de sinatura do contrato de "Subministro da caldeira de biomasa para a mellora da eficiencia enerxética da piscina municipal Vila de Noia" no que estiveron presentes o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero e representantes da empresa adxudicataria, a UTE (Unión Temporal de Empresas) Galicende Sande e Galisol. O prezo de adxudicación foi de 225.028,14 euros (IVE incluído) sobre un prezo de licitación de 241.987,89 euros, mentres que o prazo de execución previsto é de 49 días, o que supón unha redución de máis dun mes sobre o prazo estipulado inicialmente de 84 días naturais. Hai que mencionar que estes traballos están parcialmente financiados polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), a través dunha subvención aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia para proxectos de equipamentos térmicos de biomasa, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR (Programa de Desenvolvemento Rural) de Galicia 2007-2013. A achega será dun total de 110.000 euros, procedentes nun 75 por cento dos fondos Feader (con 82.500 euros); nun 12,13 por cento do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (con 13.343 euros); e nun 12,87 por cento da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia. O orzamento inclúe o custo do equipo térmico, o custo do sistema de almacenamento de combustible, do sistema de alimentación de combustible, a montaxe e os accesorios necesarios. A parte do financiamento que corresponde ao Concello levarase a cabo con cargo ao remanente de tesourería.

O congreso "Innovando, cos pés na terra" porá en común iniciativas emprendedoras a través de charlas e obradoiros

O XOVES 30 E O VENRES 31 DE OUTUBRO NO FÓRUM CARBALLO

O congreso "Innovando, cos pés na terra" porá en común iniciativas emprendedoras a través de charlas e obradoiros

Mércores 29 de outubro do 2014

O xoves 30 e o venres 31 de outubro celébrase no Fórum Carballo o congreso "Innnovando, cos pés na terra", promovido por Axober e que conta coa colaboración do Concello de Carballo. Estas xornadas pretenden divulgar diversas iniciativas innovadoras, tanto locais coma de fóra, co obxectivo de transmitir e poñer en valor estas experiencias cos asistentes, que terán ademais a posibilidade de compartir impresións cos emprendedores que as puxeron en marcha. Así mesmo, todos os indicadores apuntan á innovación como un dos factores que axudan a saír das crises, outro dos motivos para a celebración desta cita. O xoves está previsto que haxa presentacións de iniciativas emprendedoras locais e un interesante obradoiro que, aplicando a metodoloxía da Universidade de Standford, axuda a deseñar produtos. Xa o venres as xornadas contarán con tres personalidades destacadas no mundo da innovación: Paco de Pin, unha das persoas de referencia dentro da industria musical e do espectáculo desde fai máis de 20 anos; Antonio Muíños, unha referencia absoluta a nivel internacional da industria de transformación agroalimentaria; e Paco Morales, que desde o seu restaurante Noor de Granada ven de revolucionar o mundo da gastronomía a nivel mundial co lanzamento das Gastroimpresoras. Para obter máis información, os interesados e interesadas poden contactar coa secretaría técnica do congreso, a cargo de Abertal Networks, a través do enderezo electrónico <info@abertal.com> ou no teléfono 981 757 815. O programa completo pode consultarse en <www.axober.org/cospesnaterra>.

Luz  verde no pleno para as melloras en vías e saneamentos do POS 2015 por un importe que supera os 660.000 euros

AS ACTUACIÓNS REALIZARANSE EN SETE PARROQUIAS DO MUNICIPIO

Luz verde no pleno para as melloras en vías e saneamentos do POS 2015 por un importe que supera os 660.000 euros

Martes 28 de outubro do 2014

O pleno da corporación, reunido nunha sesión plenaria ordinaria, vén de sacar adiante o Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal, POS 2015, que ten un importe total de 663.675,60 euros. A proposta recibiu os votos a favor de BNG e PSOE e as abstencións de TEGA e PP, nunha sesión que contou unicamente con dous puntos de relevancia na orde do día. O importe íntegro do POS destínase a melloras no medio rural para dotar de novos saneamentos que continúen a completar a rede do municipio e para o acondicionamento de vías nas parroquias de Oza, Rus, Cances, Ardaña, Artes, Sofán e Entrecruces (na imaxe a súa fervenza). A totalidade do investimento do POS dedícase a actuacións de mellora para seguir redundando na dotación de servizos ao medio rural, especialmente co acondicionamento das vías estruturantes do municipio. Respecto das características concretas das actuacións, o plan inclúe cinco proxectos. O máis cuantioso é o de "Sobreanchos e reparación en varios camiños das parroquias de Ardaña, Artes, Sofán e Rus no Concello de Carballo", por 239.747,96 euros. Nesta actuación hai que destacar o acondicionamento das vías de Noví ás Pallas, de Pontenova a Vilardefrancos e de Ramil a Calvos, neste último caso conectando Rus coa estrada de Cerceda a Santa Comba. O obxectivo é ampliar as marxes das vías ata crear unha estrada de 5,5 metros que permita o cruce entre dous vehículos. Con estes traballos quedarían mellorados arrredor do 95 por cento das vías estruturantes do municipio.

Carballo integra a compostaxe nos colexios cun programa no que xa participan os CEIP Bergantiños, Fogar e Gándara-Sofán

OS NEN@S COLABORARÁN NO PROCESO A TRAVÉS DE COMPOSTEIROS

Carballo integra a compostaxe nos colexios cun programa no que xa participan os CEIP Bergantiños, Fogar e Gándara-Sofán

Martes 28 de outubro do 2014

Os nenos e nenas dos centros de ensino de Carballo poden xa optar a participar nun proxecto de compostaxe escolar no que aprender as claves do proceso de creación de compost contando coa supervisión do profesorado do propio colexio e de persoal de Adega (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia). Así, grazas á colaboración entre o Concello, a entidade ecoloxista e o persoal docente, a experiencia comezou a finais do pasado curso no CEIP Gándara-Sofán, os pioneiros na iniciativa. Así mesmo, o Horto Infatil Ecolóxico (na imaxe) tamén ten dende maio pasado o seu propio composteiro e os cativos e cativas xa teñen obtido a primeira mostra que empregaron para fertilizar os seus cultivos. Neste curso téñense sumado ao proxecto os CEIP Bergantiños e Fogar, nos que estes días estanse celebrando as primeiras charlas formativas a cargo de Adega sobre a xestión dos residuos e o funcionamento da compostaxe, ademais de realizarse a dotación de material. Segundo explica María Lafuente, vogal de residuos de Adega e coordinadora do proxecto, o obxectivo é reducir o máis posible o volume de lixo que se envía a Sogama e ao mesmo tempo "recuperar a esterqueira de toda a vida e pechar o ciclo do tratamento de residuos orgánicos dende a nosa propia casa". Os nenos e nenas poderán levar os refugallos para depositar nos composteiros e realizar o seguimento do proceso coa axuda do profesorado e de Adega, xa que, aínda que o obxectivo e que cada colexio cree compost pola súa conta, nas primeiras etapas do proceso é necesario certo grao de control e aprendizaxe.

Arrincan os cursos incluídos no programa Mabel de busca activa de emprego para usuarios e usuarias da Bolsa de Traballo

EN DÚAS QUENDAS O 27 E 28 DE OUTUBRO E O 3 E 4 DE NOVEMBRO

Arrincan os cursos incluídos no programa Mabel de busca activa de emprego para usuarios e usuarias da Bolsa de Traballo

Luns 27 de outubro do 2014

Dentro do programa Mabel (Métodos Activos de Busca de Emprego Local), promovido pola Deputación da Coruña, a Concellería de Formación e Emprego de Carballo vén de poñer en marcha hoxe luns 27 de Outubro o primeiro dos dous cursos dirixidos a usuari@s da Bolsa de Traballo (BDT) (na imaxe) e para o que as 15 prazas están cubertas. Esta primeira iniciativa formativa está dirixida a persoas sen ocupación anterior ou que traballasen menos de tres meses. As catro horas de formación dedicaranse ao currículo, á entrevista de traballo e a busca de emprego por Internet. O programa concreto céntrase na introdución aos métodos activos de busca de emprego; na localización de bases de datos de empresas a través de Internet, Inem, prensa, etc.; na elaboración de carta de presentación; na elaboración de currículo; no coñecemento de buscadores de emprego a través de Internet; e nas claves acerca de como presentarse a unha entrevista de traballo. O curso, de catro horas de duración celébrase en dúas sesións o 27 e 28 de outubro en horario de 10.30 a 12.30 horas. O segundo taller será os días luns 3 e martes 4 de novembro. Neste caso, a acción formativa está dirixida en exclusiva a maiores de 45 anos que sexan parados de longa duración, e as sesións centraranse na elaboración do currículo e na entrevista de traballo. Para participar neste tipo de accións formativas é preciso formar parte da BDT, o que pode facerse contactando no enderezo <bdt@carballo.org> ou a través do 981 709 011. Tamén poden acudir ao Fórum Carballo ou seguir o servizo a través da conta de Twitter @bdtcarballo.

O Concello solicita ante Sanidade que supla a ausencia dunha pediatra e a mellora das especialidades do Centro de Saúde

O ALCALDE DEFENDE QUE A VILA PRECISA UN SEGUNDO SERVIZO ASISTENCIAL

O Concello solicita ante Sanidade que supla a ausencia dunha pediatra e a mellora das especialidades do Centro de Saúde

Luns 27 de outubro do 2014

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de manter unha xuntanza na Coruña co Xerente de Xestión Integrada do Sergas, Francisco José Vilanova Fraga, e con outros responsables da área, na que expuxo as principais necesidades do Centro de Saúde de Carballo. Entre os asuntos máis urxentes, abordouse a necesidade de suplir a ausencia dunha pediatra que leva case un ano de baixa continuada sen ser substituída. Segundo explica Ferrero, dende Xestión Integrada admitiron que existe ese problema e comprometéronse a buscar unha solución. A situación ten sido obxecto de numerosas reclamacións por parte de nais e pais da vila, xa que a pediatra de baixa ten un cupo de 859 nenos e nenas que son atendidos por un médico diferente de cada vez que acoden ao Centro de Saúde. Outra das cuestións máis urxentes é a listaxe de agarda para a realización de ecografías que se detecta no Centro de Especialidades -de oito meses xa que é un servizo que só funciona os venres- e o feito de que non se realicen todo tipo de ecografías -xa que as de "partes blandas" deben ser realizadas na Coruña debido ás características do equipamento do Centro de Saúde carballés. Dende o Sergas, tamén amosaron a súa vontade de traballar para remediar esta situación, e reducir a espera non só no caso das ecografías, senón tamén no caso doutras especialidades como en traumatoloxía, reumatoloxía ou cirurxía, con listaxes de agarda de seis meses nos tres casos. Neste sentido, dende a Área de Xestión Integrada comprometéronse a traballar para mellorar os indicadores e acordouse manter unha nova xuntanza dentro de medio ano para realizar un seguimento das accións postas en marcha.

Carballo colabora co Eixo Atlántico para xerar unha Axenda Urbana que contribúa a saír da crise e a influír nas políticas europeas

XUNTANZA NO CONCELLO DA COMISIÓN DE PLANEAMENTO DA EURORREXIÓN

Carballo colabora co Eixo Atlántico para xerar unha Axenda Urbana que contribúa a saír da crise e a influír nas políticas europeas

Venres 24 de outubro do 2014

A Casa do Concello de Carballo vén de acoller unha xuntanza de traballo da Comisión de Planeamento, Innovación e Territorio do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular na que un dos principais asuntos foi o informe do Secretario Xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao, sobre a elaboración dunha Axenda Urbana que beneficie ás 34 cidades coas que conta o Eixo na actualidade e que serán 38 a partir de xaneiro de 2015 coa incorporación das Deputacións de Lugo e A Coruña e doutros dous concellos de Portugal. Os obxectivos desta Axenda son contribuír a que as cidades do Eixo deixen atrás a crise; a que opten á nova programación europea de urbanismo e aos fondos europeos neste ámbito; e tamén contribuír á creación da política urbana europea que a comisión e o parlamento europeos elaborarán a partir de 2015, defendendo os intereses das cidades do noroeste peninsular, que contan cunha masa de poboación de aproximadamente sete millóns de habitantes. Vázquez Mao subliñou que Carballo é un dos "puntos máis en vangarda" para liderar o ámbito territorial do Concello como "porta da Costa da Morte", ademais dun exemplo de como unha "cidade media" situada na contorna dunha gran cidade como é A Coruña pode "liderar masa crítica e servir de ligazón entre as grandes cidades e as pequenas". A Axenda Urbana do Eixo pretende converterse nun foro de debate durante os próximos dous anos e medio para poder presentar as súas conclusións en 2017, traballando para "coordinar a todas as cidades" e ás "súas comunicacións" co "obxectivo común" de "crear cidades competitivas para saír da crise".

O pleno inclúe a aprobación do POS 2015, que recolle melloras en saneamentos e vías no rural por un importe de 663.000 euros

ACTUACIÓNS EN OZA, RUS, CANCES, ARDAÑA, ARTES, SOFÁN E ENTRECRUCES

O pleno inclúe a aprobación do POS 2015, que recolle melloras en saneamentos e vías no rural por un importe de 663.000 euros

Venres 24 de outubro do 2014

A corporación carballesa celebra o luns 27 de outubro un pleno ordinario da corporación no que o principal punto da orde do día é a aprobación do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal, POS 2015, que ten un importe total de 663.675,60 euros, dos que a Deputación achega 662.375,02 euros e o Concello os 1.300,58 restantes. O importe íntegro do POS destínase a melloras no medio rural para dotar de novos saneamentos que continúen a completar a rede do municipio e para o acondicionamento de vías nas parroquias de Entrecruces, Oza, Rus, Cances, Ardaña, Artes e Sofán. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo subliñar que a totalidade do investimento do POS se dedica a actuacións de mellora e que ningunha porcentaxe se destina a gasto corrente co obxectivo de seguir redundando na dotación de servizos ao medio rural, especialmente coa mellora das vías estruturantes do municipio, aquelas que comunican as diferentes parroquias entre si. O POS recolle cinco proxectos, sendo o máis cuantioso o de "Sobreanchos e reparación en varios camiños das parroquias de Ardaña, Artes, Sofán e Rus no Concello de Carballo", por 239.747,96 euros. Nesta actuación hai que destacar o acondicionamento das vías de Noví ás Pallas, de Pontenova a Vilardefrancos e de Ramil a Calvos, neste último caso conectando Rus coa estrada de Cerceda a Santa Comba. O obxectivo é ampliar as marxes das vías ata crear unha estrada de 5,5 metros que permita o cruce entre dous vehículos. Con estes traballos quedarían mellorados arrredor do 95 por cento das vías estruturantes do municipio.

Compartir: