Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Concello e os centros de ensino do municipio colaboran para levar tamén ás aulas a actividade do Horto Infantil Ecolóxico

PARTICIPAN CATRO COLEXIOS, AS DÚAS ESCOLAS INFANTÍS E O CRA

O Concello e os centros de ensino do municipio colaboran para levar tamén ás aulas a actividade do Horto Infantil Ecolóxico

Venres 24 de outubro do 2014

O Concello e os centros de ensino de Carballo únense para poñer en marcha nos próximos días iniciativas que leven tamén ás aulas as actividades levadas a cabo no marco do Horto Infantil Ecolóxico da rúa Nardos. Así, o obxectivo, segundo explica o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, é que os nenos e nenas de 2 a 11 anos de Educación Infantil e Primaria, poidan realizar prácticas conscientes a nivel medioambiental, coñecer as claves da produción de alimentos e, así mesmo, poñer de manifesto que "o coidado da terra tamén ten saídas laborais". Despois dos primeiros sete meses de experiencia no Horto cos obradoiros gratuítos, Regueira realiza un balance moi positivo, pasándose de "nenos e nenas que se resistían a vir, a cativos que non queren ir aos cumples dos compañeiros porque lles toca Horto". O concelleiro subliña ademais o carácter transversal da iniciativa, que pretende redundar no fomento de valores, no respecto á xente con discapacidades, na convivencia, na cooperación e tamén "no respecto polos ríos, o medio ambiente e os alimentos". Os centros de ensino que se animaron a poñer en marcha iniciativas en colaboración co Horto son o CEIP Bergantiños, o CEIP Xesús San Luís Romero, o CEIP Gándara-Sofán, o Colexio Artai, as escolas unitarias do CRA e as Escolas Infantís Municipais As Landras e A Braña, aos que Regueira quixo agradecerlles a súa colaboración. Todos os centros, ben coa súa presenza directa no Horto en sesións semanais en horas lectivas, ou ben implantando mini hortos e invernadoiros nas súas instalacións, realizarán actividades de agricultura e cultivos ecolóxicos.

Continúa a Escola do Espectador do FIOT analizando os puntos de vista do público ao enfrontarse ao espectáculo teatral

ÚLTIMAS SESIÓNS: MARTES 21 E MARTES 28 DE OUTUBRO

Continúa a Escola do Espectador do FIOT analizando os puntos de vista do público ao enfrontarse ao espectáculo teatral

Martes 21 de outubro do 2014

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) acolle o martes 21 de outubro a terceira sesión da novidosa actividade "Escola do Espectador", incluída por primeira vez no programa deste ano, e conducida polo crítico teatral Camilo Franco. A actividade está prevista para as 20.30 horas no Pazo da Cultura de Carballo. A asistencia é gratuíta aínda que se recomenda aos interesados que se anoten con anterioridade no enderezo electrónico <fiot.carballo@gmail.com> ou soliciten máis información no teléfono 981 704 300. Durante esta próxima sesión, os asistentes analizarán as obras da semana pasada: "The Gagfather", de Yllana; "Fuenteovejuna" de Obskené; "Harket ", de Panicmap; e "Los brillantes empeños", de Grumelot, estas dúas incluídas no Ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado). Tomando estas funcións como base abordarán as diferenzas entre as lecturas "profesionais" e as do espectador común, facendo fincapé en porqué sempre se utiliza a expresión "éxito de crítica e público" como se fosen completamente diferentes. Baixo a batuta de Franco, os asistentes seguirán afondando na idea de como varía o punto de vista e a lectura dunha obra en función de como ou en calidade de que o espectador acode ao teatro. A última sesión da "Escola do Espectador" terá lugar o 28 de outubro tamén ás 20.30 horas. A "Escola do Espectador" completa outras iniciativas que facilitan o achegamento ao feito teatral xa tradicionais do FIOT. A través deste novo proxecto preténdese formar aos espectadores naqueles aspectos técnicos e artísticos que permitan a comprensión, amplíen a lectura e contribúan a formar unha opinión fundamentada.

"Greenwich Art Show", unha proposta de Macarena recuerda Sheperd, é a encargada de pechar a quinta edición do OTNI

XOVES 23 DE OUTUBRO A PARTIR DAS 21.00 HORAS: ENTRADA, 4 EUROS

"Greenwich Art Show", unha proposta de Macarena recuerda Sheperd, é a encargada de pechar a quinta edición do OTNI

Martes 21 de outubro do 2014

O xoves 23 de outubro remata a quinta edición do Ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado), unha sección do FIOT que comezou timidamente pero que consolida o seu lugar e seduce cada vez máis aos espectadores, que se interesan e gozan con propostas diferentes, novas linguaxes escénicas, a experimentación e as dramaturxias máis contemporáneas. A encargada de poñer o punto e final é Macarena Recuerda Sheperd, que visita o OTNI por segunda vez despois de presentar "That`s the story of my life". Desta volta, "Greenwich Art Show" é o retrato dun fotógrafo, unha muller e unha cidade explicada a través das fotografías que o noso protagonista tomou entre os anos 1942 e 1945 e a reconstrución dunha posible historia de amor. A peza pretende ser o biópic do fotógrafo e dunha das mulleres que casualmente posa en varias das súas fotografías supostamente documentais. Esta casualidade pon en dúbida que o coñecido como pai da fotografía sincera, finxira retratar a verdade das rúas, chamándose a si mesmo fotoperiodista cando en realidade son escenificacións con actores. Un espectáculo orixinal e misterioso, no que se confunden xogo e realidade e se expón a fraxilidade do que cremos verdadeiro. Macarena Recuerda Sheperd segue a investigar as técnicas de animación en directo, vídeo e stop motion, construíndo unha peculiar dramaturxia baseada nas imaxes que converte o espectáculo teatral nunha performance. A cita é a partir das 21.00 horas no Pazo da Cultura e as entradas poden mercarse o mesmo día na billeteira do Pazo da Cultura entre as 19.30 e as 21.00 horas ou de forma anticipada en <www.servinova.es> ou no 902 504 500.

A hostalería acapara case a cuarta parte das ofertas de emprego que chegan á Bolsa de Traballo de Carballo

ARREDOR DE 1.400 DEMANDANTES DE EMPREGO ESTÁN INSCRITOS NA BDT

A hostalería acapara case a cuarta parte das ofertas de emprego que chegan á Bolsa de Traballo de Carballo

Luns 20 de outubro do 2014

Un 23,46 por cento das ofertas de emprego recibidas pola Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo teñen como obxectivo cubrir postos no sector da hostalería. Cociñeiros/as e camareiros/as son dúas das tres ocupacións con máis saída laboral, un dato que non só se reflicte na actividade da BDT, senón tamén no informe Servizo Público de Emprego sobre as ocupacións máis contratadas na comarca de Bergantiños, no que os camareiros/as figuran no primeiro lugar con máis do dobre de contratos formalizados que o segunda. Non obstante, nin cociñeiros/as nin camareiros/son son os empregos máis demandados polos usuarios/as da BDT. As mulleres queren traballar, sobre todo, coma dependentas de comercio, repoñedoras, caixeiras de supermercado, limpadoras ou administrativas. As que se ofrecen para o sector da hostalería fano como pinches de cociña ou camareiras, pero en xeral sen cualificación. De igual xeito, os homes ofrécense para postos que requiren pouca ou ningunha preparación, coma mozos de almacén e carga/descarga, repartidores, albaneis, condutores ou repoñedores. Para postos de camareiros e/ou pinches de cociña hai moi poucos candidatos, e ningún para cociñeiro profesional. A Concellaría de Formación e Emprego pretende fomentar a formación das persoas desempregadas, precisamente, nos sectores que lles ofrecen maiores posibilidades de inserción. No caso da hostalería, preto de 30 persoas están a prepararse con esa finalidade nos cursos de Cociña e Servizos de restaurante que se imparten na Escola de Hostalería do Fórum.

Carballo acolle o congreso "Innovando, cos pés na terra" no que participará Paco Morales, inventor das gastroimpresoras

O XOVES 30 E O VENRES 31 DE OUTUBRO NO FÓRUM CARBALLO

Carballo acolle o congreso "Innovando, cos pés na terra" no que participará Paco Morales, inventor das gastroimpresoras

Xoves 16 de outubro do 2014

O xoves 30 e o venres 31 de outubro celébrase no Fórum Carballo o congreso "Innnovando, cos pés na terra", promovido por Axober e que conta coa colaboración do Concello de Carballo. Estas xornadas pretenden divulgar diversas iniciativas innovadoras co obxectivo de transmitir e poñer en valor estas experiencias cos asistentes, que terán ademais a posibilidade de compartir impresións con estes emprendedores. O xoves terá lugar a sesión Carballo Innova, con diversas presentacións de iniciativas emprendedoras locais. Pola tarde, impartirase un obradoiro de Design Thinking, unha metodoloxía da Universidade de Standford para o deseño de produtos. O venres contarase coa presenza de tres personalidades destacadas no mundo da innovación: Paco de Pin, unha das persoas de referencia dentro da industria musical e do espectáculo desde fai máis de 20 anos; Antonio Muíños, unha referencia absoluta a nivel internacional da industria de transformación agroalimentaria; e Paco Morales, que desde o seu restaurante Noor de Granada vén de revolucionar o mundo da gastronomía a nivel mundial co lanzamento das Gastroimpresoras. A asistencia ao congreso é gratuíta, mais o aforo está limitado a 100 persoas no caso das conferencias e a 25 persoas no caso do obradoiro, polo que é necesario preinscribirse. Para máis información ou para realizar as inscripcións, os interesados de interesadas poden contactar coa secretaría técnica do congreso, a cargo de Abertal Networks, a través do enderezo electrónico <info@abertal.com> ou no teléfono 981 757 815. O programa pode consultarse en <www.axober.org/cospesnaterra>.

Asinado por un millón de euros o contrato da Fase I da "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)"

A ADXUDICATARIA É UNHA UTE FORMADA POR LÓPEZ CAO E RAMÓN VÁZQUEZ

Asinado por un millón de euros o contrato da Fase I da "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)"

Xoves 16 de outubro do 2014

A Casa do Concello vén de acoller o acto de sinatura do contrato da Fase I da obra de "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)" no que estiveron presentes o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o Concelleiro de Obras, Luís Lamas, e representantes da empresa adxudicataria, a UTE (Unión Temporal de Empresas) Anllóns Bardoso I formada por Construcciones López Cao SL e Construcciones Ramón Vázquez y Reino SL. O prezo de adxudicación é de 1.024.870 euros (IVE incluído) e o prazo de execución é de catro meses (120 días naturais) a contar dende o día seguinte ao da sinatura da acta de comprobación de replanteo. Hai que subliñar que a UTE tense comprometido a realizar melloras técnicas e de obra sen custo adicional por un importe de 112.453,05 euros. Os responsables da UTE manifestaron a súa intención de comezar a traballar o antes posible, tan pronto estea elaborado o plan de seguridade. Subliñan, así mesmo, que a climatoloxía, aínda que pode favorecer o desenvolvemento dos traballos se é benigna, neste caso non impide, de ser adversa, que as obras se realicen con normalidade. Hai que lembrar que esta adxudicación prodúcese despois da resolución do contrato para a realización destes mesmos traballos coa UTE formada por Extraco Construcións e Proxectos SA e Decoraciones J. Bello SL. O Consello Consultivo de Galicia ratificou esta rescisión despois de que, unha vez rematado o prazo de execución, que entón era de 8 meses, a UTE só tivera certificados arredor de 9.000 euros fronte aos 1.024.648,57 euros do prezo do contrato anterior.

Os madrileños Grumelot abren a quinta edición do Ciclo OTNI do FIOT coa arriscada produción "Los brillantes empeños"

XOVES 16 DE OUTUBRO ÁS 21.00 HORAS

Os madrileños Grumelot abren a quinta edición do Ciclo OTNI do FIOT coa arriscada produción "Los brillantes empeños"

Mércores 15 de outubro do 2014

"Los brillantes empeños", da compañía madrileña Grumelot, abre o xoves 16 de outubro (21.00 horas, 6€) a programación do V Ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) coa súa arriscada e complexa obra "Los brillantes empeños", dirixida polo talentoso director arxentino Pablo Messiez, que tamén é o autor dos textos. A función estreouse con moito éxito e excelentes críticas en xuño pasado durante o Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro, coprodutor da obra xunto con Nave73. Messiez aliouse con Grumelot, integrada por actores formados na compañía Nacional de Teatro Clásico (Carlota Gaviño, Rebeca Hernando, Javier Lara, José Juan Rodríguez, Íñigo Rodríguez-Claro e Mikele Urroz) para explorar a dramaturxia española do século XVII e os seus posibles significados hoxe en día, desde unha linguaxe escénica contemporánea. Esta é unha historia familiar arredor de seis irmáns, uns libros, un pasado reinventado e o recordo do pai e unha ánfora que non se nomea porque non existe. Algo pasou coas palabras hai tempo, por iso usarán os versos clásicos como medicina, como redención. "Los brillantes empeños" encaixa perfectamente no fío condutor da XXIII edición do FIOT xa que é un espectáculo contemporáneo, complexo e arriscado, no que os versos clásicos de Tirso de Molina, Teresa de Ávila ou Lope de Vega serven para narrar e calmar a dor actual. Máis que unha historia, é unha obra de intriga e de confusións sobre o tempo pasado e presente, pero, sobre todo, de sensacións e emocións que atrapan ao espectador nunha atmosfera estraña e máxica.

Compartir: