Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Asinado na Casa do Concello o contrato da Fase II da "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)"

O IMPORTE DA ADXUDICACIÓN É DE 2,4 MILLÓNS DE EUROS

Asinado na Casa do Concello o contrato da Fase II da "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)"

Xoves 10 de xullo do 2014

A Casa do Concello vén de acoller o acto de sinatura do contrato da Fase II da "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)", uns traballos que realizará unha UTE (Unión Temporal de Empresas) formada por Construcciones Ramón Vázquez y Reino SL e Demaín Obras y Servicios SL por un importe de 2.413.950 euros (IVE incluído). Estiveron na Alcaldía formalizando o contrato representantes das empresas e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. O prazo de execución das obras é o ofertado polo contratista de oito meses e medio. Así mesmo, a adxudicataria comprométese a realizar melloras sen custo adicional valoradas en 301.755,82 euros e que implican a realización de tres redes de saneamento na Costa, no Esmorís e no Cadaboso, na parroquia de Berdillo. Hai que lembrar que nestes momentos está en marcha o proceso para adxudicar de novo e conseguir así que se leven a cabo os traballos da Fase I deste proxecto despois de que se teña ratificado na Xunta de Goberno Local do 16 de xuño a resolución da execución por incumprimento de contrato por parte da UTE formada por Extraco Construcións e Proxectos SA e Decoraciones J. Bello SL. O proxecto, nas súas dúas fases, inclúe actuacións cofinanciadas por fondos europeos Feder a través da convocatoria de 2011 e que completan un proxecto global de mellora do abastecemento de auga.

Os voceiros municipais analizan o novo contrato e a ordenanza para o saneamento e abastecemento de auga previstos para 2015

A CONCESIÓN ACTUAL CON VIAQUA REMATA O 31 DE DECEMBRO

Os voceiros municipais analizan o novo contrato e a ordenanza para o saneamento e abastecemento de auga previstos para 2015

Xoves 10 de xullo do 2014

A Casa do Concello vén de acoller unha xuntanza na que participaron os voceiros de todos os grupos políticos municipais e na que se analizaron as claves do prego de condicións do novo contrato, do regulamento e da ordenanza que recollerá a normativa para o saneamento e abastecemento de auga a partir de 2015 e que se inclúen no Plan Director de Abastecemento de auga 2015-2030. Hai que lembrar que a actual concesión, que recae na empresa Viaqua, remata o 31 de decembro de 2014, polo que a administración local xa está perfilando as características do novo contrato. Moitas das condicións que están agora en vigor deberán variar a partir de 2015, xa que tanto o contrato como a ordenanza deberán adaptarse á directiva europea proposta pola UE e que pretende avanzar cara a un consumo responsable da auga. Así, a partir do próximo ano as taxas deberán organizarse por bloques de consumo, de tal xeito que quen máis consuma máis pagará. A directiva da Unión Europea tamén inclúe outras medidas disuasorias do consumo irresponsable e indiscriminado para avanzar na conservación dos recursos hídricos do planeta. Na xuntanza estiveron presentes, ademais dos técnicos, os voceiros de PP, TEGA e PSOE, Miguel Ferreiro, Manuel Andrade e José Antonio Viña; a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes; o Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas; e o Alcalde, Evencio Ferrero.

O X Curso de Verán sobre normalización lingüística aborda as claves dunha maior transmisión interxeracional do galego

UN TOTAL DE 60 PERSOAS TRABALLAN EN LINGUA NO FÓRUM CARBALLO

O X Curso de Verán sobre normalización lingüística aborda as claves dunha maior transmisión interxeracional do galego

Mércores 9 de xullo do 2014

O Fórum Carballo acolle entre o 9 e o 11 de xullo o X Curso de verán sobre dinamización lingüística "Traballando en lingua: para a transmisión interxeracional do galego", unha cita que visita a vila cada ano da man do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña (UDC), organizadora do curso xunto coa Coordinadora de Traballadores/as da Lingua Galega (CTNL) e coa colaboración do Concello de Carballo e a Xunta de Galicia. Representantes de todos os estamentos que teñen algo que ver con esta iniciativa quixeron estar no acto de apertura do curso, no que se subliñou a importancia de loitar contra o feito de que o galego se estea convertendo "nunha lingua residual entre a mocidade urbana", en verbas de Xosé Ramón Freixeiro Mato, Director do Servizo de Normalización Lingüística da UDC. Para el "a sociedade galega no seu conxunto ten que decidir o destino da lingua" e nestes momentos "ou a escola compensa a falta de transmisión do galego nas familias ou o futuro da lingua vai estar comprometido". Así o expresou en presenza da Secretaria da CTNL, Rosa Moreiras; do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; do Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; do Reitor da UDC, Xosé Luís Armesto; e das 60 persoas que durante tres días traballarán en lingua e a prol do idioma, nun curso que cada ano rexistra unha maior participación.

O transporte e a enerxía sostibles, a reciclaxe, a minería ou os bosques: preocupacións medioambientais dos mozos europeos

O XEM DEIXA A VILA DESPOIS DUNHA INTENSA SEMANA DE TRABALLO

O transporte e a enerxía sostibles, a reciclaxe, a minería ou os bosques: preocupacións medioambientais dos mozos europeos

Martes 8 de xullo do 2014

Os 28 mozos e mozas galegos, eslovacos, italianos e franceses que participan en Carballo da man de Senda Nova no proxecto europeo XEM -Xuventude, Europa, Medio ambiente- teñen claras as súas preocupacións de cara a unha mellor protección do medio natural: reducir a contaminación apostando por un transporte sostible, crear vivendas autosuficientes enerxeticamente, difundir a reciclaxe, fuxir da minería e conservar a masa forestal. Eses son os temas dos seis traballos realizados durante a pasada semana nesta iniciativa que ten como obxectivo fomentar entre a mocidade os estilos de vida saudables e o respecto á integración da sociedade na defensa do medio ambiente. Ante o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo, o salón de plenos transformouse nunha sala de conferencias na que os mozos e mozas, de entre 18 e 25 anos, expuxeron as conclusións dun intenso programa que remata hoxe, martes 8 de xullo, cun concerto no Pub O'Patacón e cos participantes deixando a súa impronta nun dos muros da localidade a través do programa de Senda Nova "Pintamos moito". Marcos Trigo aproveitou para despedirse dos mozos e mozas desexando "que a vosa semana en Carballo superase as vosas expectativas" e que "do que falástedes poida ser trasladado á vosa vida cotiá". Así mesmo, asegurou que o Concello "recollerá o testemuño, xa que moitas das solucións que propoñedes poden ser aplicadas".

Arrincan as actividades do Verán Cultural coas primeiras Noites de cine e diversión para os máis cativos e cativas

XOVES 10 E VENRES 11 DE XULLO EN RAZO E NO XARDÍN MUNICIPAL

Arrincan as actividades do Verán Cultural coas primeiras Noites de cine e diversión para os máis cativos e cativas

Luns 7 de xullo do 2014

O Verán Cultural 2014 arrinca o xoves 10 de xullo coa primeira das sesións das Noites de cine, nesta edición cun total de vinte citas divididas entre once parroquias e a capital municipal. Son proxeccións que contan coa colaboración das entidades e asociacións do municipio e que terán lugar de martes a xoves nos meses de xullo e agosto. Nesta primeira cita a Praia de Razo acolle ás 22.30 horas a proxección de "Gravity", película nominada a sete Oscar na edición dos premios de 2014 e protagonizada por Sandra Bullock e George Clooney. E a programación continúa o venres 11 de xullo no Xardín Municipal cunha proposta para o público familiar: "Dous pallasos en máis apuros". Os sete magníficos máis un, ou quen veñen sendo Pedro Brandariz e Fran Rei, regresan de novo a Carballo na pel de dous aloucados pallasos que veñen dispostos a presentar o seu abraiante número de circo cheo de risco e emoción: O Vaso da Morte. Pero, coma sempre, nada lles sae como estaba previsto. Todos os seus exercicios acrobáticos, propios dos mellores artistas circenses, convértense nunha sucesión de desastres, desencontros e accidentes, pasando do Máis Difícil Aínda ao cómico Peor Imposible. O circo e o clown únense neste espectáculo no que todo o público poderá rir a esgalla durante as improvisacións, os gags desternillantes e as farsas antigas de circo. A cita, de balde, é a partir das 20.00 horas.

A ONG Humana recolleu preto de 26 toneladas de téxtil e calzado usado no Concello de Carballo no primeiro semestre de 2014

ESTE LABOR REDUCE AS EMISIÓNS DE CO2 NO MUNICIPIO

A ONG Humana recolleu preto de 26 toneladas de téxtil e calzado usado no Concello de Carballo no primeiro semestre de 2014

Venres 4 de xullo do 2014

Humana Fundación Pueblo para Pueblo recolleu 25.570 quilos de roupa e calzado usados en Carballo ao longo do primeiro semestre de 2014. A recollida selectiva é unha ferramenta eficaz de xestión de residuos, proba disto é que o téxtil que os veciños e veciñas depositaron nos puntos habilitados para tal fin evitou a emisión de 81 toneladas de CO2 á atmósfera segundo cálculos dun informe da Comisión Europea de Medio Ambiente. Humana é unha Organización non Gobernamental para o Desenvolvemento (ONGD) que dende 1987 promove a protección do medio ambiente e leva a cabo proxectos de cooperación en África, América Latina e Asia, así como de Axuda Social en España grazas aos recursos que obtén da xestión do téxtil usado. A reciclaxe téxtil contribúe á protección do medio ambiente ao reducir en parte os residuos que xera a cidadanía, outorgando unha segunda vida a unha roupa que doutro xeito iría parar ao vertedoiro para ser incinerada. A Fundación xestiona a recollida selectiva de roupa usada no municipio a través dunha rede de 13 colectores instalados en lugares de fácil acceso. Dende o inicio da súa actividade en España, o obxectivo de Humana é xestionar de xeito eficaz as doazóns de roupa usada, unha filosofía que ten moito sentido nunha sociedade na que o consumo de téxtil fai que o volume de pezas que se desbotan medre de xeito progresivo ano tras ano.

A Policía Local patrullará por primeira vez o litoral carballés no verán para velar pola seguridade e o cumprimento da ordenanza

SÁBADOS E DOMINGOS DE XULLO E AGOSTO A PARTIR DAS 15.00 HORAS

A Policía Local patrullará por primeira vez o litoral carballés no verán para velar pola seguridade e o cumprimento da ordenanza

Venres 4 de xullo do 2014

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Seguridade e Tráfico que dirixe Xosé Regueira, informa de que a partir do sábado 5 de xullo e durante todas as fins de semana do verán o litoral carballés contará cunha patrulla da Policía Local para velar pola seguridade nos areais do municipio. O obxectivo desta medida é o de reducir o número de furtos, así como controlar o tráfico de vehículos nos momentos de maior afluencia de visitantes e evitar os estacionamentos indebidos. Ademais, a patrulla, que percorrerá a zona litoral os sábados e domingos entre as 15.00 e as 20.00 horas, tamén será a encargada de velar polo cumprimento da Ordenanza de Praias que afronta o seu primeiro verán dende a súa entrada en vigor. As forzas de seguridade recomendan aos bañistas e visitantes que, ante calquera irregularidade, chamen á Policía Local, que lle remitirá as súas inquedanzas aos axentes que se atopen no areal, ou ben que llo transmitan in situ para contribuír a facer unha praia máis segura e amigable para todos os veciños e veciñas. Hai que lembrar, ademais, que as praias de Carballo contarán durante o estío con 32 socorristas que velarán pola seguridade dos bañistas. O servizo principiou o mércores 11 de xuño con 20 traballadores, aos que se sumaron outros 12, ata un total de 32, entre o 1 de xullo e o 31 de agosto. A actividade prolóngase até o 10 de setembro (que coincide co comezo do curso lectivo), mes no que haberá de novo 20 socorristas.

O Curso de Turismo da UDC pecha a súa andaina reflexionando sobre a relación entre a natureza e o turismo na Costa da Morte

AS ACTIVIDADES E RUTAS: UN MEDIO PARA ATRAER VISITANTES

O Curso de Turismo da UDC pecha a súa andaina reflexionando sobre a relación entre a natureza e o turismo na Costa da Morte

Venres 4 de xullo do 2014

Conchi Álvarez e Graciela Lamas, Tania Carreira Rial e Manuel Canosa foron os encargados de pechar o IV Curso de Verán da Universidade da Coruña (UDC) "A evolución do turismo no marco da sociedade global. Retos para a súa planificación e xestión" falando de "Natureza e turismo na Costa da Morte: actividades, rutas e excursións". Despois dunha xornada o xoves 3 de xullo na que as sesións xiraron arredor das innovacións turísticas, da importancia da auga como valor turístico para Galicia, da valoración que os visitantes fan da atención recibida nos establecementos galegos ou da situación actual e as perspectivas de futuro das axencias de viaxe que operan en Galicia, o venres 4 o peche centrouse no valor que as actividades deportivas e recreativas poden ter para atraer e fidelizar visitantes para a comarca a través de diferentes perspectivas. Así, Álvarez e Lamas falaron dunha experiencia pioneira, que se reflicte no web <www.caminodosfaros.com> e na que conseguiron recuperar unha ruta con oito etapas entre Malpica e Fisterra que dende hai un ano congrega a centos de persoas. Grazas ás redes sociais e sempre con traballo altruista de voluntarios e voluntarias, despois de 12 meses o proxecto "ten vida propia" como explican as súas propias impulsoras, e consigue atraer á comarca a visitantes chegados de moitos puntos diferentes de Galicia e incluso de toda España ou o estranxeiro.

Amancio Prada, Rodrigo Romaní e María do Ceo nun Verán Cultural 2014 que tamén trae maxia, libros, cine e folclore

ENTRE O 4 DE XULLO E O 29 DE AGOSTO

Amancio Prada, Rodrigo Romaní e María do Ceo nun Verán Cultural 2014 que tamén trae maxia, libros, cine e folclore

Xoves 3 de xullo do 2014

Dez citas repartidas noutras tantas fins de semana do verán entre o 4 de xullo e o 29 de agosto conforman o programa do Verán Cultural 2014, unha proposta da Concellería de Cultura que dirixe Mar Eirís dirixida a todos os públicos e que mantén a gratuidade dos espectáculos que terán lugar no Xardín Municipal e na Praza do Concello. Nomes como Amancio Prada, Rodrigo Romaní ou María do Ceo. Citas consolidadas como o Festival Sereas e Piratas, a Praza dos Libros ou o Festival de Música e Baile Tradicional. Teatro e maxia para os máis cativos e cativas. As sesións ao aire libre das Noites de cine e romarías e exposicións. Todo nun programa no que, segundo Eirís, "a pesar do contexto económico mantense a duración e a calidade". Segundo a Concelleira, o Verán Cultural é xa "un referente, non só para Carballo, senón para toda a comarca" e espera que o esforzo contribúa a que a vila "siga a ser un referente no futuro". Para o Alcalde, Evencio Ferrero, o programa deste ano é unha nova proba "de que Carballo é un concello con moitísima vida cultural", especialmente ao traer de volta a nomes como o de Amancio Prada, a quen tivo a oportunidade de ver hai 40 anos no salón de actos do IES Alfredo Brañas; ou de Rodrigo Romaní, a quen tamén puido ver no seu primeiro concerto en Carballo "alá polos anos 70". Pode descargarse o programa completo clicando aquí.

Preto de 30 mozos e mozas de Italia, Francia, Eslovaquia e Galicia colaboran no proxecto XEM de defensa do medio ambiente

ESTARÁN EN CARBALLO ATÉ O 9 DE XULLO

Preto de 30 mozos e mozas de Italia, Francia, Eslovaquia e Galicia colaboran no proxecto XEM de defensa do medio ambiente

Xoves 3 de xullo do 2014

Un total de 28 mozos e mozas, 22 deles chegados dende Italia, Francia e Eslovaquia e o resto galegos e galegas xúntanse estes días en Carballo da man do proxecto europeo XEM -Xuventude, Europa, Medio ambiente-, unha iniciativa que ten como obxectivo fomentar entre a mocidade os estilos de vida saudables e o respecto á integración da sociedade na defensa do medio ambiente. Así, entre o 2 e o 9 de xullo tres entidades europeas ademais da Asociación Ambiental Senda Nova, promotora do proxecto en Carballo, reflexionan sobre estes eixos a través de distintas actividades, que van desde rutas de sendeirismo ata encontros de traballo ou unha visita á feira de Carballo como a que realizaron todos os participantes hoxe, xoves 3 de xullo, pola mañá. Entre as citas, sacaron tempo para manter un encontro no Salón de plenos da Casa do Concello co Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo, no que recibiron a benvida dos responsables municipais en nome de todos os veciños e veciñas. Grazas a unha tradutora que fixo de intérprete do galego ao inglés, puideron seguir as verbas de Ferrero, que lles desexou aos participantes unha boa estadía que "sexa de proveito para o mutuo coñecemento dos nosos pobos"; e de Trigo, que subliñou que "nestes proxectos o máis importante é a experiencia de intercambio con persoas doutros países, que viven en circunstancias similares, pero ao mesmo tempo moi diferentes", polo que ofrecen novas perspectivas.

O Curso de Turismo da UDC visita Carballo por cuarto ano consecutivo coa arela de innovar o sector na Costa da Morte

ENTRE O MÉRCORES 2 E O VENRES 4 DE XULLO NO FÓRUM CARBALLO

O Curso de Turismo da UDC visita Carballo por cuarto ano consecutivo coa arela de innovar o sector na Costa da Morte

Mércores 2 de xullo do 2014

Arredor de 20 persoas -entre estudantes ou titulados en Turismo e profesionais relacionados con este sector- participan no IV Curso de Verán da Universidade da Coruña (UDC) "A evolución do turismo no marco da sociedade global. Retos para a súa planificación e xestión". O Fórum Carballo transfórmase entre o mércores 2 e o venres 4 de xullo nun espazo no que debater sobre unha actividade económica tan fundamental como é o turismo, especialmente nunha zona litoral como é a Costa da Morte. Así o explica o director do curso, Antón Álvarez Sousa, da Facultade de Socioloxía da UDC, que engade que "se conseguimos que este grupo de asistentes comece a implantar pequenas innovacións no eido do turismo, teremos conseguido algo moi importante". Segundo Sousa, "ás veces resulta difícil dinamizar o sector", especialmente con negocios xa establecidos, mais hai que seguilo intentando, e prestando tamén atención aos novos emprendedores: o futuro. O curso tentará abordar todos estes aspectos, con especial atención "a un recuncho singular, emerxente e polo de atracción" como é a Costa da Morte, en verbas do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. O rexedor subliñou no acto de apertura que Carballo ten xa a tradición de acoller cursos de verán da UDC, e lembrou que grazas a un da Escola Técnica Superior de Arquitectura neste momento estáse mudando a faciana do casco urbano coa iniciativa "Derrubando muros".

O Volei Praia volve ao areal de Razo grazas ás Escolas da explanada e á emoción e foliada dos trofeos de Verán

COMPETICIÓNS: SEREAS E PIRATAS E TORNEO CONCELLO DE CARBALLO

O Volei Praia volve ao areal de Razo grazas ás Escolas da explanada e á emoción e foliada dos trofeos de Verán

Mércores 2 de xullo do 2014

Volve un ano máis á praia de Razo "unha das actividades deportivas que move a máis xente durante o verán", en verbas do Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo: as Escolas de Volei Praia que teñen lugar cada tarde de 16.00 a 20.00 horas na explanada do 1 de xullo ao 31 de agosto. Moitas carballesas e carballeses son fieis a esta cita, acompañe o tempo ou non, que é completamente gratuíta e na que, segundo subliña Rosalino Mariño, da Asociación de Volei Praia Costa da Morte, organizadora da actividade coa colaboración do Concello, acaban participando persoas de todas as idades, aínda que sempre ten moita repercusión nos máis novos. Para Mariño, o volei praia "é unha actividade idónea para Razo e para calquera areal", e ademais serve "para captar xogadores para o volei de pista o resto do ano", como así sucedeu na pasada campaña de verán, "grazas á que duplicamos as fichas" para os equipos do Xiria Volei, sinala Mariño. Coas Escolas de Volei Praia volven tamén as competicións, este ano con dúas citas marcadas no almanaque: o 1 e 2 de agosto co III Torneo Sereas e Piratas; e o 10 de agosto co VII Torneo-Foliada Concello de Carballo. Mariño resalta que na segunda cita está previsto incrementar a participación respecto de anos anteriores, ao non coincidir con ningunha proba da Federación Galega de Voleibol.

Compartir: