Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
A Xunta de Goberno local aproba o expediente de contratación para licitar a concesión da Cafetería do Pazo da Cultura

BASES PARA A CONVOCATORIA DE CABALGATAS DE REIS DE 2014

A Xunta de Goberno local aproba o expediente de contratación para licitar a concesión da Cafetería do Pazo da Cultura

Luns 24 de febreiro do 2014

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar, fóra da orde do día, o expediente de contratación para sacar a licitación a concesión da Cafetería do Pazo da Cultura. A adxudicación sería por un prazo de tres anos, coa posibilidade de prórroga por outro ano máis -de haber mutuo acordo entre as partes- e o importe mínimo anual da oferta económica debe ser de 16.560 euros ao ano, polo tanto, non inferior á cantidade actual, e dividida en doce mensualidades. As condicións son similares ás do prego de condicións da licitación anterior, téndose incorporado unha actualización dos prezos de venda ao público. Nos parámetros de adxudicación, a oferta económica é a variable que ten máis peso, aínda que tamén se teñen en conta outros aspectos como a proposta de menús ou os servizos ofrecidos. Dentro do apartado de expedientes de contratación, a sesión tamén inclúe o referente ao contrato administrativo de servizo de "Asistencia técnica para a redacción do Plan Director do Saneamento de Carballo". Así, nestes momentos o Concello está preparando o prego de condicións para sacar a licitación o servizo de abastecemento e saneamento de auga, xa que está a piques de rematar o prazo da concesión actual, que recae en Viaqua, e estanse realizando varios estudos para incorporar os datos obtidos ao expediente.

O Fórum acolle unha xornada formativa sobre innovación dirixida a pemes que queiran mellorar a súa competitividade

MÉRCORES 26 DE FEBREIRO ÁS 20.30 HORAS: DE BALDE

O Fórum acolle unha xornada formativa sobre innovación dirixida a pemes que queiran mellorar a súa competitividade

Venres 21 de febreiro do 2014

O mércores 26 de febreiro ás 20.30 horas celébrase no Fórum Carballo unha xornada informativa da Factoría de Innovación da Coruña, promovida pola Escola de Organización Industrial (EOI) e a Deputación da Coruña coa colaboración do Concello de Carballo; e cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo. Durante o encontro, de asistencia gratuíta, presentarase aos empresarios locais o Programa de Adestramento Individualizado da Factoría de Innovación da Coruña, no que poderán participar 101 Pemes (pequenas e medianas empresas) que, coa axuda dun coach especializado e o soporte dunha ampla rede de consultores, serán capaces de identificar, definir e poñer en marcha polo menos un proxecto de I+D+i, que lles permitirá mellorar o seu posicionamento no mercado e as fará máis competitivas. Ademais, tamén se expoñerá o amplo programa de actividades que a Factoría de Innovación desenvolverá na provincia da Coruña, co obxectivo de reforzar a capacidade innovadora das empresas, favorecendo a implantación de iniciativas de I+D+i que dinamicen a súa actividade e melloren os procesos de produción e xestión que desenvolven.

O pleno de febreiro aborda a aprobación dun proxecto para humanizar a rúa Colón e transformala nunha vía peonil

A SESIÓN INCLÚE A ORDENANZA DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR

O pleno de febreiro aborda a aprobación dun proxecto para humanizar a rúa Colón e transformala nunha vía peonil

Venres 21 de febreiro do 2014

A corporación carballesa celebra o luns 24 de febreiro unha sesión plenaria ordinaria na que un dos principais asuntos da orde do día é a aprobación do Plan "DTC 93: unha Deputación para todos os Concellos" que financia o organismo provincial coruñés e no que se inclúe a realización de tres actuacións de mellora para o municipio. A máis relevante e de maior orzamento é a de "Reurbanización da rúa Colón", que con 241.500 euros (IVE incluído) afonda no proxecto de mellora da humanización e da mobilidade no centro carballés no que traballa o goberno municipal e suporá a peonalización da vía. Segundo explica o Alcalde, Evencio Ferrero, o obxectivo da transformación das rúas do centro, como xa acontecera coas Coruña, Hórreo e parte da Desiderio Varela, e agora máis recentemente coa Valle Inclán, é o de "favorecer a actividade comercial", "dignificar a contorna da Praza do Concello" e "reforzar un espazo con grande intensidade de uso". O proxecto suporía a eliminación das prazas de aparcamento, a eliminación das beirarrúas e das varandas que separan a Praza da vía e a creación dunha ampla zona de carga e descarga para facilitar o labor dos comerciantes nos días de feira e mercado. Manteríanse as árbores e gañaríase espazo para a Praza do Concello. O goberno xa traballa en alternativas para reubicar as prazas de estacionamento que se eliminan e os vehículos poderán circular con normalidade do mesmo xeito que na rúa Valle Inclán.

A Feira das Oportunidades cumpre seis anos ofrecendo produtos de calidade con descontos de ata o 80 por cento

SÁBADO 8 E DOMINGO 9 DE MARZO DE 10.00 A 21.00 HORAS

A Feira das Oportunidades cumpre seis anos ofrecendo produtos de calidade con descontos de ata o 80 por cento

Xoves 20 de febreiro do 2014

Unha carpa no Parque do San Martiño acolle a fin de semana do 8 e o 9 de marzo a VI Feira das Oportunidades, unha cita que congrega a máis de 30 establecementos comerciais do municipio que poñen á venda excedentes de tempada, moi por debaixo do prezo de mercado pero cunha excelente calidade e co prestixio engadido do comercio carballés, xa que nesta cita só participan establecementos do municipio que sexan socios do CCA. Segundo explica a xerente do Centro Comercial Aberto, María del Carmen Freire, os descontos van "do 50 ao 80 por cento" e subliña a grande "variedade" dos produtos, que na maioría están relacionados coa moda, pero que tamén inclúen electrodomésticos, agasallos, beleza e benestar ou incluso este ano unha empresa de mandos e portas automáticas. Como cada edición, ademais dos stands propios dos negocios socios do CCA e o da organización, hai un ocupado por La Voz de Galicia e unha área de descanso. Freire quere agradecer a colaboración do Concello e a Dirección Xeral de Comercio por apoiar unha cita cun orzamento de máis de 20.000 euros, xa que grazas ás súas achegas os asociados pasan de pagar 40 ou 45 euros por metro cadrado de stand a pagar 10 euros. Tanto o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, como o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, transmitiron os seus parabéns ao CCA pola iniciativa.

A Aula de Gravado Municipal pecha a súa primeira andaina despois de máis de dous meses e a participación de 20 artistas

ESTÁ PREVISTO REALIZAR UNHA EXPOSICIÓN COLECTIVA

A Aula de Gravado Municipal pecha a súa primeira andaina despois de máis de dous meses e a participación de 20 artistas

Mércores 19 de febreiro do 2014

O Concello de Carballo acaba de pechar a primeira edición dunha Aula de Gravado Municipal impartida polo coñecido artista carballés Manuel Facal e na que teñen participado arredor de vinte creadores da zona para perfeccionar os seus coñecementos nesta técnica. Na cita, no Fórum Carballo, lugar onde se impartiu este obradoiro, estiveron presentes o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, a Concelleira de Cultura, Mar Eirís, os participantes na iniciativa, que amosaron parte dos traballos realizados durante a súa andaina no curso, e o propio Manuel Facal, quen expresou o seu desexo de que esta actividade poida ter continuidade no futuro e de que os participantes teñan un brillante futuro nas súas carreiras artísticas. Ademais, esta primeira etapa da Aula dará proximamente os seus froitos, xa que está previsto realizar unha exposición colectiva coas obras elaboradas polos artistas durante o curso. Entre eles, hai que subliñar un grande número de creadores de Carballo e da zona, que xa colaboran xuntos noutras iniciativas como a exposición "Miradas (dúas)", a feira Mercarte ou a mostra colectiva que se realiza cada ano polo San Xoán. Algúns son Viki Rivadulla, Emi de las Heras, Mon Lendoiro, O'Mighelo, Milagros Cotelo, Pedro Tasende, Eva Facal, Caridad Camarero, Antonio Taracido ou Santiago Picos, entre outros.

Chapas e contos en Carballo para celebrar de xeito ameno o 24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro

ACTIVIDADES NA LUDOTECA PARA OS MÁIS CATIVOS E CATIVAS

Chapas e contos en Carballo para celebrar de xeito ameno o 24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro

Mércores 19 de febreiro do 2014

O 24 de febreiro de 1837 naceu en Santiago de Compostela a gran poeta nacional galega, Rosalía de Castro. E, desde hai uns anos, a proposta da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG), estableceuse ese día 24 de febreiro como Día de Rosalía, celebración á que este ano decidiu sumarse tamén o Concello de Carballo, por acordo unánime do pleno do 27 de xaneiro. Así, para celebrar este día e para difundir a obra da autora, o Concello organiza dúas actividades na Ludoteca municipal de Carballo dirixidas a nenas e a nenos. O venres 21 de febreiro, ás 17.30 horas, terá lugar o obradoiro "Chapando a Rosalía", no que se fará unha lectura de poemas escollidos de "Cantares Gallegos" e, tras comentárenos as nenas e os nenos brevemente, escollerán uns versos que, xunto cun debuxo da autora, transformarán nunha chapa para poder lucir nas súas chaquetas, cazadoras, camisolas, mochilas, etc. E, o propio Día de Rosalía, o luns 24, tamén ás 17.30 horas na Ludoteca, terá lugar unha narración oral participativa, "A paisaxe de Rosalía", que inventa as aventuras e trasnadas da pequena Rosalía a partir dos seus poemas. As nenas e os nenos terán que implicarse na narración para ir resolvendo unha serie de probas (a través de rimas, adiviñas, debuxos, etc.) para que a historia poida continuar. Ao mesmo tempo, irán facendo un mural sobre o camiño que Rosalía ten que seguir na súa aventura. Ambas as dúas actividades son abertas e gratuítas.

Teatro do Atlántico presenta nos Venres Culturais unha historia de soidade, misterio e amor: "A charca inútil"

VENRES 21 DE FEBREIRO ÁS 21.00 HORAS

Teatro do Atlántico presenta nos Venres Culturais unha historia de soidade, misterio e amor: "A charca inútil"

Martes 18 de febreiro do 2014

Despois do éxito da música de Sondeseu, os Venres Culturais volven coa proposta de Teatro do Atlántico: "A charca inútil". Nela, un profesor en crise, que fora agredido na escola, non quere volver ao ensino. Non obstante, accede a lle dar clases particulares a un peculiar alumno, mentres inicia unha curiosa relación coa nai deste: unha muller inmersa no universo que ela mesma creou como refuxio dunha realidade insoportable. O vello mestre servirá de vínculo nesta estrana relación, sometida sempre por un terrible acontecemento. "A charca inútil" é unha fermosa e tenra historia de soidade e misterio, de amor, medo e morte, onde personaxes, fráxiles como nenos, procuran desesperadamente a felicidade. Teatro do Atlántico, a veterana compañía de Xulio Lago e María Barcala constituída en 1985, escolleu ao autor español contemporáneo David Desola, para presentarnos esta inquietante e conmovedora obra, coa que o dramaturgo gañou o Premio Lope de Vega 2007. Teatro do Atlántico leva realizadas ata o momento 28 producións, entre as que podemos suliñar "Casa de Bonecas", de Ibsen, "Amor de don Perlimplin con Belisa no Xardín", de García Lorca, "O encoro", de Conor McPherson ou"A raíña da beleza de Leenane", de Martín McDonagh, entre outras. A cita é o venres 21 de febreiro a partir das 21.00 horas. O prezo da entrada é de 4 € (3 € con desconto) e a duración prevista do espectáculo de 90 minutos.

Aberto o prazo de inscrición para participar na realización dunha webserie no I Festival Carballo InterPlay

ATÉ O 3 DE MARZO NA WEB DO CIP

Aberto o prazo de inscrición para participar na realización dunha webserie no I Festival Carballo InterPlay

Luns 17 de febreiro do 2014

Continua aberto o prazo de inscrición para participar no Taller de Webserie que se impartirá no marco do que é o I Festival de Webseries de España, o Carballo InterPlay (CIP). Este obradoiro do CIP é unha actividade gratuíta enmarcada dentro do festival que pretende achegarlles aos e ás participantes os conceptos básicos para realizar unha serie web, dende a idea orixinal pasando polo proceso de desenvolvemento do guión, produción, rodaxe e montaxe. O obxectivo é a creación dunha webserie composta por cinco capítulos cunha temática que xire arredor do Concello de Carballo. A presentación da devandita webserie farase dentro da programación do CIP. O taller será impartido polo director Javi Camino, da produtora Magnetova Material, creador e director, entre outras cousas, da serie web "El Viudo Quiere Mimos". Así mesmo, o taller desenvolverase durante as mañás das fins de semana de marzo no Fórum Carballo e estará destinado a mozas e mozos de entre 16 e 35 anos que estean censados en Carballo. Os interesados e interesadas só teñen que cubrir a folla de inscrición para o taller e enviala por correo electrónico a <actividades@carballointerplay.com> xunto cunha fotocopia escaneada do seu documento nacional de identidade. O prazo de inscrición remata o luns 1 de marzo (inclusive).

Carballo pecha o 2013 cun remanente que supera os 6,6 millóns de euros e o incrementa en 1,5 millóns respecto de 2012

A DÉBEDA POR HABITANTE É UN 70% MENOR QUE A MEDIA GALEGA

Carballo pecha o 2013 cun remanente que supera os 6,6 millóns de euros e o incrementa en 1,5 millóns respecto de 2012

Venres 14 de febreiro do 2014

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, veñen de dar conta en rolda de prensa do peche orzamentario do exercicio de 2013. Segundo Ferrero, o Concello cumpriu coa estabilidade orzamentaria requirida, ademais de con "todas as obrigas económicas e a regra do gasto". A liquidación do orzamento, que debe presentarse oficialmente o 1 de marzo ante a administración do Estado, reflicte un remanente de tesourería positivo para gastos xerais de 6.627.338,71 euros, o que supón 1.557.192,82 euros máis que o exercicio anterior, en que foi de 5.070.145,89 euros. O Alcalde manifestou a intención de incorporar parte deste remanente para realizar melloras no municipio, ao igual que se fixera o ano pasado. Porén, a lei implica restricións respecto á natureza destas actuacións, que só poderán afectar a ámbitos como os saneamentos, o tratamento de lixo, o alumeado público, proxectos medioambientais, enerxía, comercio, turismo, transporte, investigación ou xestión do coñecemento, entre outros. Así, non se poderán realizar nin melloras urbanas nin adquisición de novos equipamentos. Por tanto, o Concello destinará parte do remanente a "solucionar posibles tensións de tesourería polo proxecto Anllóns-Bardoso", así como a mellorar a eficiencia enerxética ou a continuar coas melloras en materia de saneamento e subministro de auga e coa promoción turística do municipio.

"Carballo na memoria" achégase aos escolares na procura da súa colaboración para a recuperación de imaxes históricas

MÁIS INFO EN WWW.CARBALLONAMEMORIA.ORG

"Carballo na memoria" achégase aos escolares na procura da súa colaboración para a recuperación de imaxes históricas

Venres 14 de febreiro do 2014

O proxecto "Carballo na memoria" vén de visitar o IES Alfredo Brañas de Carballo, no que un numeroso grupo de alumnos e alumnas encheu o salón de actos para coñecer as claves desta iniciativa que pretende recuperar a historia fotográfica da vila coa colaboración de todos os veciños e veciñas. O profesor do centro e historiador Xan Fraga, o responsable de Abertal Networks, empresa encargada da parte técnica do proxecto, Manuel Pan e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, presidiron unha sesión centrada en explicar as claves de "Carballo na memoria" e as diversas formas en que a mocidade pode colaborar para axudar neste labor de "recuperación global da memoria histórica", en verbas de Pan. Así, os máis novos poden participar dixitalizando directamente as imaxes que atopen nas súas casas ou nas dos seus veciños e veciñas e familiares, mais tamén preguntando polo contido das fotos "e sacando o coñecemento máis alá das imaxes", segundo Pan. Tamén poden difundir as claves do proxecto entre os seus maiores e axudalos a ver as imaxes que están no web, nas que seguramente poderán recoñecerse ou os lugares que aparecen. Pan, ficho especial fincapé na importancia das fotos das parroquias, de aldeas e lugares que normalmente son menos comúns ou máis difíciles de atopar. E tamén explicou un pouco o funcionamento xeral do proxecto e do web de "Carballo na memoria".

Tres dos entroidos máis senlleiros de Ourense, Pantallas, Felos e Vergalleiros: en imaxes e traxes no Pazo da Cultura

HORARIO DE VISITA: ATÉ O 28 DE FEBREIRO DE 18.00 A 21.00 HORAS

Tres dos entroidos máis senlleiros de Ourense, Pantallas, Felos e Vergalleiros: en imaxes e traxes no Pazo da Cultura

Xoves 13 de febreiro do 2014

A mostra fotográfica da artista ourensá Rita Blanco "Xunguir non é esmorecer, senón medrar" permanece no Pazo da Cultura para contar a historia de tres dos entroidos máis singulares de Ourense, provincia na que están rexistradas entre 80 e 100 figuras recoñecidas de Entroido. Neste caso, a raíz dunha invitación para desfilar na Festa da Primavera de Murcia, xurdiu a convivencia de dúas maneiras de sentir o desenfreo de don Carnal: os Felos de Maceda e as Pantallas de Xinzo de Limia. Nun encontro posterior, sumáronse tamén os Vergalleiros de Sarreaus da Limia. Afastándose da "rivalidade" que ás veces existe entre os distintos entroidos ourensáns, Rita Blanco ilustra esta tradición cunhas imaxes nas que se observa a estes personaxes interactuando entre si cando, habitualmente, nunca se mesturan e só se circunscriben ao seu territorio. A exhibición consta de máis de 30 fotografías capturadas en distintos momentos, ademais de dous traxes orixinais destes Entroidos, un de Pantalla e outro de Felo. Rita Blanco ofreceu durante a inauguración da mostra un ameno faladoiro que segundo o Alcalde, Evencio Ferrero, mesturou fotografía, etnografía e antropoloxía para resumir as claves dunhas "tradicións que se van reflectindo na sociedade". Blanco amosou o agarimo que sinte polo Entroido achegando datos como que a forma da característica "carouta" do Felo naceu como unha forma de facerlle burla aos bispos; ou que as Pantallas levan vexigas de vaca para facer ruído. A mostra: no andar -1 do Pazo até o 28 de febreiro de 18.00 a 21.00 horas. Máis imaxes da exposición, no Facebook do Concello, aquí.

Os rapaces e rapazas do Club de Debate carballés participaron en Ames na xornada formativa da fase clasificatoria

A SELECCIÓN PARA A FASE FINAL TERÁ LUGAR EN TEO EN MARZO

Os rapaces e rapazas do Club de Debate carballés participaron en Ames na xornada formativa da fase clasificatoria

Xoves 13 de febreiro do 2014

Os rapaces e rapazas do IES Parga Pondal de Carballo que participan no Club de Debate veñen de manter esta semana no Concello de Ames a xornada de formación (na imaxe) que serve de punto de partida para a fase clasificatoria da competición prevista para o mes de marzo no Concello de Teo. Esta actividade, que tivo lugar no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, serviu para darlle ferramentas ao alumnado e ao profesorado para mellorar as técnicas de debate. A actividade, que durou toda a mañá, centrouse en formar e preparar os equipos e persoas participantes en técnicas de expresión, comunicación e habilidades sociais. Tamén se deron a coñecer as normas, tempos e estrutura da dinámica de funcionamento do certame co obxectivo de favorecer a posta en situación por parte dos equipos. A maiores diso, abordáronse ás técnicas de busca de información, preparación de argumentos e roles, posicionamentos a favor e en contra, etc. Tratouse dunha xornada de formación eminentemente práctica, activa e participativa. Os concellos de Ames, Carballo, Santiago de Compostela e Teo presentarán un total de nove equipos de escolares que cursan estudos de Educación Secundaria e Bacharelato a esta terceira edición do Club, sendo a zona con maior participación.

Compartir: