Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Inés Rodríguez toma posesión como nova concelleira do BNG na corporación e asumirá as áreas de Igualdade e Benestar

LUZ VERDE PARA UN RECOÑECEMENTO EXTRAXUDICIAL DE 61.000 EUROS

Inés Rodríguez toma posesión como nova concelleira do BNG na corporación e asumirá as áreas de Igualdade e Benestar

Martes 28 de xaneiro do 2014

A corporación carballesa vén de celebrar a sesión plenaria ordinaria do mes de xaneiro na que Inés Rodríguez Muíño (na imaxe) -que estivo arroupada por algún dos seus familiares nas bancadas- prometeu o seu cargo como concelleira do BNG en substitución de Silvana Castro, que renunciou á sua acta hai un mes por motivos persoais. O Alcalde carballés, Evencio Ferrero, desexoulle "os maiores éxitos" no seu novo labor. Asumirá exactamente as mesmas delegacións que a súa predecesora, as de Igualdade e Benestar, e tamén pasará a ocupar o seu lugar nas correspondentes comisións informativas e órganos colexiados. Así, Inés Rodríguez será titular nas comisións de Benestar e Participación Social e na de Promoción Económica, Obras, Medio Ambiente e Servizos; e suplente nas de Urbanismo e Medio Rural e de Facenda, Especial de Contas, Réxime Interior e Contratación. No que respecta aos órganos colexiados, será representante do Consello Escolar no CEIP Bergantiños e na Escola Infantil "As Landras"; formará parte da comisión de baremación de "As Landras" e na comisión mixta do Consorcio e o Concello no mesmo centro; e por último, formará parte do Comité Local da Cruz Vermella. O PP aproveitou as modificacións realizadas pola incorporación de Inés Rodríguez para realizar tamén algún pequeno cambio de designación que quedara pendente trala renuncia de Alberto Sueiro Pastoriza o pasado mes de outubro.

Asinado o Contrato de servizos enerxéticos e mantemento do alumeado público coa UTE formada por Ferroser e Ferrovial

O IMPORTE DA ADXUDICACIÓN ASCENDE A 9,3 MILLÓNS DE EUROS

Asinado o Contrato de servizos enerxéticos e mantemento do alumeado público coa UTE formada por Ferroser e Ferrovial

Martes 28 de xaneiro do 2014

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e Alfonso Clemente, Director en Galicia e Asturias de Ferrovial Servizos e Administracións Locais (AALL) en representación da UTE (Unión Temporal de Empresas) formada por Ferroser e Ferrovial -e que se denominará Xestión enerxética e alumeado público Carballo-UTE- veñen de asinar na Alcaldía da Casa do Concello o "Contrato de servizos enerxéticos e mantemento con garantía total das instalacións de alumeado público exterior mediante un contrato mixto de subministro e servizos do Concello de Carballo". Despois do acto de sinatura, no que tamén estivo presente o Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, celebrouse unha pequena xuntanza, na que participou o técnico municipal José Facal, na que se abordaron algúns detalles da concesión do servizo, como a substitución dos puntos de luz, os próximos pasos que se darán, ou a posibilidade de solicitar axudas a distintos organismos para seguir avanzando no aforro enerxético. Hai que lembrar que o importe da adxudicación é de 796.800 euros ano (IVE incluído) por un período de once anos e nove meses, o que faría un custo total de 9.362.400 euros. A UTE Ferroser-Ferrovial asumirá, por un lado, a xestión enerxética do Concello, negociando directamente coas empresas para conseguir o mellor prezo posible no subministro; e, por outro, o mantemento e substitución dos 7.500 puntos de luz do municipio por lámpadas LED de baixo consumo.

Aprobadas as bases para celebrar o I Festival de Webseries Carballo Interplay (CIP) que repartirá 5.000 euros en premios

ADXUDICADO O CONTRATO PARA A ANÁLISE DA REDE DE ABASTECEMENTO

Aprobadas as bases para celebrar o I Festival de Webseries Carballo Interplay (CIP) que repartirá 5.000 euros en premios

Luns 27 de xaneiro do 2014

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar fóra da orde do día, as bases para a posta en marcha da primeira edición do festival de webseries Carballo Interplay (CIP) que tera lugar do 24 ao 27 de abril. Así, os/as realizadores/as que queiran participar nesta cita poderán presentarse ao concurso dende a data de publicación das bases até o día 23 de marzo de 2014. Poderán concorrer aquelas webseries producidas entre os anos 2012 e 2014 que teñan un mínimo de tres capítulos emitidos no momento de presentarse ao festival. Os episodios remitidos poden ser de calquera duración, temática e xénero, ou de imaxe real ou animación. Nesta primeira edición do festival só se aceptarán webseries de produción estatal. Os capítulos proxectaranse entre os días 25 e 26 de abril no Auditorio do Pazo da Cultura do Concello de Carballo e o xurado estará composto por diferentes profesionais do mundo das webseries, do audiovisual e da cultura, así como de representantes de asociacións profesionais relacionadas co sector. Está previsto repartir un total de 5.000 euros en premios: á mellor webserie de imaxe real (1.500 € e trofeo); á mellor webserie de animación (1.500 € e trofeo); á mellor web serie galega (1.000 € e trofeo); un Premio do Público (1.000 € e trofeo); e dous trofeos sen dotación económica á mellor actriz e ao mellor actor.

A veciñanza, os comerciantes e os hostaleiros da rúa Valle Inclán festexan con música e chocolate a apertura ao tráfico da nova vía

NUMEROSOS MEMBROS DA CORPORACIÓN ARROUPARON A INAUGURACIÓN

A veciñanza, os comerciantes e os hostaleiros da rúa Valle Inclán festexan con música e chocolate a apertura ao tráfico da nova vía

Sábado 25 de xaneiro do 2014

Dende o sábado 25 de xaneiro a rúa Valle Inclán do centro carballés está definitivamente aberta ao tráfico despois duns traballos de reforma que mudaron completamente a súa faciana. A veciñanza da vila, ao igual que os comerciantes e hostaleiros da rúa, así como numerosos membros da corporación, quixeron darlle a benvida á nova vía semipeonil cunha festa na que non faltou a comida, a música e a cinta inaugural. Logo dunha breve actuación da Banda de Gaitas Municipal, o primeiro en cortar a cinta foi o Alcalde, Evencio Ferrero, en nome da corporación. Seguíronlle Fátima Bello, de Arnica, en representación dos comerciantes; Horacio Vila do Mesón A Cabaña, en nome dos hostaleiros; o director do proxecto e técnico municipal José Facal; e finalmente o responsable de Construcciones Ramón Vázquez y Reyno, Diego Vázquez, como encargados da obra. A choiva acompañou un acto que de seguido se trasladou a dúas pequenas carpas situadas diante do Mesón A Cabaña e de Cafetería Habanos 79, onde volveron sonar as gaitas e onde comezou a repartirse o chocolate, o pan de ovo e os pasteis entre os numerosos asistentes ao acto, antes de que o grupo O tren da unha continuara coa festa. Unha celebración que conmemora un paso máis dentro da humanización do casco urbano, que continuará no futuro para crear unha gran zona comercial no centro da vila.

O creador carballés Pedro Tasende expón a súa "vida intensa" a través da súa prolífica obra pictórica no Pazo da Cultura

ATÉ O 25 DE FEBREIRO DE 17.00 A 21.00 HORAS NO ANDAR -1

O creador carballés Pedro Tasende expón a súa "vida intensa" a través da súa prolífica obra pictórica no Pazo da Cultura

Venres 24 de xaneiro do 2014

O carballés Pedro Tasende, arquitecto, deseñador e creativo plástico multidisciplinar, amosa por primeira vez de xeito individual o seu traballo pictórico no Pazo da Cultura. Despois de colaborar coa exposición "Miradas 2" (até o 25 de xaneiro no Pazo da Cultura) e de actuar en Carballo co seu grupo musical Tímperis, agora amosa outra das súas facianas a través de corenta obras que reflicten diferentes técnicas e estilos. Baixo o título "A vida intensa" reúne unha selección de traballos recentes cos que suxire que todo está exposto a unha montaña rusa sentimental, enriquecendo o proceso existencial dunha busca sempre inconformista. O propio Tasende explica que a selección recolle a súa creación dende setembro do ano pasado ata hoxe en día, "un curto e intenso período de tempo". As súas técnicas máis empregadas son pintura sobre madeira e lápices de cores e subliña que mantén "un afán expresionista en todos os cadros", coa intención de "contar unha historia" con eles. Céntrase especialmente en varios elementos, os corpos, que para el plasman "a expresión do mundo interior" xa que "as nosas faces e corpos falan con honestidade e amosan sen censura os nosos sentimentos"; as miradas; e tamén a abstracción, na que atopa "liberdade absoluta". Os interesados e interesadas en visitar a mostra, poden facelo até o 25 de febreiro no andar -1 do Pazo da Cultura, na sala de exposicións fronte ao auditorio.

O Concello carballés pecha o exercicio de 2013 abonando as facturas a provedores nun prazo medio de quince días

RECOÑECEMENTO EXTRAXUDICIAL DE CRÉDITO DE 61.000 EUROS

O Concello carballés pecha o exercicio de 2013 abonando as facturas a provedores nun prazo medio de quince días

Venres 24 de xaneiro do 2014

A corporación de Carballo celebra o luns 27 de xaneiro ás 20.30 horas unha sesión plenaria ordinaria na que un dos puntos da orde do día é o apartado de seguimento de órganos de alcaldía, no que como cada trimestre, dáse conta co Informe de intervención e tesourería do cumprimento da Lei 15/2010 de xullo de loita contra a morosidade. No derradeiro trimestre do pasado exercicio, o Concello de Carballo pagou dentro do prazo esixido por lei de 30 días un total de 903 facturas por un importe de 1.812.000 euros cun período medio de pago de 12,29 días. Fóra do prazo establecido por lei, rexistráronse 107 facturas por un custo de 176.419, 76 euros, excedéndose o prazo en 14,52 días (cunha media de pago de 44,52). Sumando todas as facturas rexistradas entre outubro e decembro de 2013, pagáronse un total de 1.010 cun prazo medio de abono global de 15,70 días, de tal xeito que, segundo explica o Alcalde, Evencio Ferrero, tense "mellorado o pago a provedores". Ferrero manifestou que dende o grupo de goberno "estamos altamente satisfeitos e felicitamos á totalidade de departamentos que repercuten nesta boa xestión económica para as empresas que teñen relación co Concello de Carballo", coas que a administración local cubre as súas obrigas coa máxima celeridade posible. Dentro do apartado económico, a sesión plenaria tamén inclúe a aprobación un recoñecemento extraxudicial de crédito por un importe total de 61.158,31 euros.

O Concello convoca a XVI edición do Certame Fotográfico ´Xosé Manuel Eirís´ con premios por importe de 1.850 euros

PRAZO DE PRESENTACIÓN: DO 30 DE XANEIRO AO 24 DE FEBREIRO

O Concello convoca a XVI edición do Certame Fotográfico ´Xosé Manuel Eirís´ con premios por importe de 1.850 euros

Venres 24 de xaneiro do 2014

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Cultura que dirixe Mar Eirís, informa de que está aberto o prazo para participar nunha nova edición do Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, que xa cumpre dezaseis anos. Con este concurso o Concello de Carballo quere contribuír á creación artística e a fomentar a divulgación da fotografía. Así mesmo esta iniciativa pretende perpetuar o recordo do que foi animador cultural de Carballo a través dunha das súas afeccións. As obras presentaranse nun formato comprendido entre 25x35 como mínimo e 40x50 como máximo, debendo ir montadas sobre cartón pluma ou soporte similar. O importe total dos premios e de 1.850 euros, establecéndose un primeiro premio de 700 euros e diploma, un segundo de 450 euros e diploma, e o Premio Especial Carballo dotado con 450 euros e diploma á mellor fotografía que faga referencia directa ao municipio de Carballo e en calquera dos seus aspectos e así o indique, ademais o xurado poderá conceder accesits por importe de 250 euros. Cada autor ou autora poderá presentar un número máximo de tres obras, aínda que cada imaxe non poderá obter máis dun premio. As fotografías realizaranse en branco e negro ou cor e o tema é libre.

Os comerciantes e hostaleiros da rúa Valle Inclán únense para celebrar cunha chocolatada a apertura da nova vía

INAUGURACIÓN: VENRES 24 DE XANEIRO ÁS 20.15 HORAS

Os comerciantes e hostaleiros da rúa Valle Inclán únense para celebrar cunha chocolatada a apertura da nova vía

Xoves 23 de xaneiro do 2014

Os comerciantes e hostaleiros da rúa Valle Inclán, coa colaboración do Concello de Carballo, celebran o venres 24 de xaneiro a partir das 20.15 horas a apertura ao tráfico rodado da nova vía despois de que teñan rematado os traballos para a súa transformación nunha rúa semi peonil. Tanto o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, como Diego Vázquez, responsable de Construcciones Ramón Vázquez y Reino, empresa encargada das obras, como os representantes dos comerciantes e hostaleiros da vía aseguraron en rolda de prensa estar moi satisfeitos, tanto coa marcha das obras como co resultado final. Para Ferrero, a actuación estivo "ben organizada e executada"; en nome dos comerciantes, Teresa Viña, de "Mírame", subliñou a boa marcha dos traballos e as facilidades que ofreceu a empresa para que cada quen puidera desenvolver o labor nos seus negocios con normalidade durante o prazo de execución; e o propio Vázquez quixo agradecer a colaboración da veciñanza para facilitar as obras. Por todo iso decidiuse conmemorar a finalización do proxecto, e tamén celebralo co obxectivo, segundo Teresa Viña, "de axudar á xente a que coñeza a nova rúa" e de invitar a todos os veciños e veciñas a que gocen deste novo espazo no centro da vila. Durante a inauguración está previsto cortar unha cinta, unha chocolatada e a actuación do grupo musical O tren da unha.

Rapazas e rapaces de Carballo participan un ano máis no Club de Debate no que está prevista a presenza de 22 equipos

PARTICIPAN UN TOTAL DE OITO CONCELLOS

Rapazas e rapaces de Carballo participan un ano máis no Club de Debate no que está prevista a presenza de 22 equipos

Xoves 23 de xaneiro do 2014

Os servizos de normalización lingüística (SNL) de oito concellos galegos organizan conxuntamente unha nova edición do Club de Debate (na imaxe a anterior edición), un programa no que se incentiva e valora o falar en público, a oratoria, o uso do galego, a análise ou o pensamento crítico. Nesta competición participan tamén 10 rapazas e rapaces de Carballo. O 16 de xaneiro asinouse en Ferrol a segunda addenda ao protocolo de colaboración mediante o que se vén organizando o Club de Debate desde o curso 2011-2012. Cada un destes novos acordos confirma a participación dos concellos na organización do programa e, en cada caso, engade aqueles que se incorporan. Asemade determina as zonas de competición que vai haber na edición e quen acollerá a final, xunto coa súa data e tema. Os concellos que organizan esta terceira edición conxunta son: Ames, Carballo, Ferrol, O Carballiño (novidade nesta edición), Pontevedra, Rois, Santiago e Teo. A participación prevista é de 22 equipos e dun total de 178 rapaces e rapazas (os equipos necesariamente teñen que ser mixtos) de 16 centros educativos, entre o que está o IES Parga Pondal de Carballo. O primeiro ano acolleu a final Pontevedra, o segundo Santiago e este terceiro tócalle a Ferrol, seguindo o espírito de que o programa vaia rotando pola xeografía galega.

Os Venres Culturais arrincan cunha proposta de Quico Cadaval e Producións Teatrais Excéntricas: "Da Vinci tiña razón"

VENRES 24 DE XANEIRO A PARTIR DAS 21.00 HORAS

Os Venres Culturais arrincan cunha proposta de Quico Cadaval e Producións Teatrais Excéntricas: "Da Vinci tiña razón"

Luns 20 de xaneiro do 2014

Os Venres Culturais 2014 arrincan co teatro de Producións Teatrais Excéntricas e o seu "Da Vinci tiña razón" baixo a dirección de Quico Cadaval. Excéntricas é unha compañía moi querida polo público carballés, tendo visitado o Pazo da Cultura en numerosas ocasións. Esta, a súa última proposta, estreouse o xoves 16 de xaneiro en Santiago e de seguro será un dos éxitos da tempada teatral en Galicia. Ademais, Carballo é o primeiro lugar ao que acoden logo da súa estrea, polo que os veciños e veciñas da vila serán dos primeiros en gozar desta comedia. Respecto das características da obra, trátase dunha produción de gran formato -con seis actores e actrices, algo pouco común nestes tempos- que devolve á vila a Evaristo Calvo, Victor Mosqueira ou ao malpicán Santi Romay -xa presentes en producións coma "Un cranio furado"-, e que tamén inclúe a María Costas, María Garat e Ana San Martín. "Da Vinci tiña razón" mestura a burguesía de sofá, o moble-bar, o vodevil e o humor cun "toque" policial. Todo acontece nunha luxosa casa de campo dunha urbanización clónica de alto nivel, na que vive un alto funcionario e a súa familia, que reciben a visita de fin de semana dun estreito colaborador e a súa nova esposa. A cita, de 100 minutos de duración, ten un prezo de 4 € e de 3 € con desconto e é a partir das 21.00 horas no Pazo da Cultura.

Carballo Limpo estrea unha nova páxina web con novos datos e servizos e un sistema para enviar avisos a través do móbil

WWW.CARBALLOLIMPO.COM

Carballo Limpo estrea unha nova páxina web con novos datos e servizos e un sistema para enviar avisos a través do móbil

Sábado 18 de xaneiro do 2014

Carballo Limpo estrea unha nova páxina web <www.carballolimpo.com>. Cun deseño mais actual e grazas á tecnoloxía "responsive design" está adaptada para distintos dispositivos como móbiles ou tabletas. Esta nova web está financiada a cargo dos traballos de promoción do servizo incluídos na nova concesión da recollida de lixo, que recae na UTE Carballo formada por Urbaser e Servigal. Ademais do deseño, tamén se teñen actualizado os datos de contacto de cada un dos servizos e conta con incorporacións como a da recollida de aceites usados ou a limpeza viaria. Dentro desta nova iniciativa tamén se incorpora un novo web para a Canceira Municipal onde se informa do funcionamento do servizo, da ordenanza, dos trámites de animais perigosos, de que facer cando atopamos un can perdido ou mesmo incorporando imaxes e datos dos cans que en cada momento hai en adopción e como facer para poder adoptalos. Por último, unha das novidadesque hai que salientar é a posibilidade de que, si accedemos a <www.carballolimpo.com> desde un smartphone poderemos enviar avisos desde o mesmo e incluso adxuntar imaxes para facilitar o traballo. Este novo servizo espera poder animar aínda mais a que a cidadanía colabore co Concello en solucionar aquelas cuestións coas que se atope no día e día e poder notificalas dun xeito sinxelo desde o seu teléfono móbil.

Seis centros de ensino de Carballo e o novo Club de Atletismo da vila participaron na Carreira da fase local de Campo a través

O IES PARGA PONDAL E O COLEXIO ARTAI COPARON O MEDALLEIRO

Seis centros de ensino de Carballo e o novo Club de Atletismo da vila participaron na Carreira da fase local de Campo a través

Venres 17 de xaneiro do 2014

Un total de 587 nenos e nenas dos centros de ensino de Carballo, algúns deles pertencentes ao Club Atletismo Carballo, participaron hoxe, venres 17 de xaneiro, na fase local da Carreira de Campo a Través que organizan a Secretaría Xeral para o Deporte, a Federación Galega de Atletismo e o Concello de Carballo. Os dous centros que coparon os primeiros postos no podio foron o IES Parga Pondal e o Colexio Artai, con sete e seis metais, respectivamente, seguidos do CEIP A Cristina, o CEIP Bergantiños, Atletismo Carballo, o CEIP Nétoma Razo e por último o CEIP Xesús San Luís Romero. Tamén hai que mencionar que os centros que remataron primeiros na clasificación tamén foron quen presentaron un maior número de corredores, con 218 do Parga Pondal e 140 do Artai. Por parte do CEIP Bergantiños participaron 72 nenos e nenas; 69 por parte do CEIP A Cristina; 67 do Nétoma-Razo e 21 do Xesús San Luís Romero. As categorías da proba foron benxamín, infantil, alevín e cadete e as probas fóronse celebrando sen incidentes a partir das 10.15 horas, cos escolares desafiando os pequenos chuvascos e comezando polos cadetes (2.500 metros en categoría masculina e de 1.200 metros en feminina), infantís (con 1.200 metros e 800 metros respectivamente), alevíns (cunha volta de 800 metros para a categoría masculina e de 600 para a feminina) e benxamíns (con 500 metros para as dúas categorías).

Compartir: