Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Salón ExpoVoda celebra a súa segunda edición con máis de 30 stands e incrementando o espazo de exposición

SÁBADO 1 E DOMINGO 2 DE FEBREIRO NO FÓRUM CARBALLO

O Salón ExpoVoda celebra a súa segunda edición con máis de 30 stands e incrementando o espazo de exposición

Venres 17 de xaneiro do 2014

O Fórum acolle a fin de semana do 1 e 2 de febreiro Expo Voda, o II Salón de Vodas, Comuñóns e Celebracións de Carballo que chega a esta segunda edición despois do éxito da celebrada en 2013 -cunha asistencia estimada de 5.000 persoas- e incrementando a superficie expositiva. Así o expresa María del Carmen Freire, xerente do Centro Comercial Aberto Carballo (CCA), entidade organizadora da cita coa colaboración do Concello de Carballo, a Dirección Xeral de Comercio e a Deputación da Coruña, entre outras entidades. Freire subliña que outra das novidades é que o desfile de moda terá lugar no exterior para "incrementar a capacidade de asistencia" xa que o ano pasado detectouse que o espazo interior non chegaba para acoller a toda a xente interesada na cita. A xerente tamén quere destacar a variedade da oferta dos stands, con 30 xa confirmados e á espera de engadir algún máis, para ocupar preto de 500 metros cadrados de superficie. Así, haberá fotógrafos, empresas de animación, karaoke e inchables para nenos, coctelería, empresas de deseño, etc. Como o ano pasado, haberá as degustacións gastronómicas da man de establecementos hostaleiros e increméntase o espazo para comuñóns, xa que no I ExpoVoda espertaron moito interese. Respecto do horario, será ininterrompido de 11.00 a 21.00 horas, co desfile ás 19.00 horas.

Os Venres Culturais ofrecen preto de 20 actividades centradas no teatro, a música, a maxia, o cine e as exposicións

ENTRE OS MESES DE XANEIRO E MARZO

Os Venres Culturais ofrecen preto de 20 actividades centradas no teatro, a música, a maxia, o cine e as exposicións

Xoves 16 de xaneiro do 2014

Un ano máis o Concello de Carballo ofrece unha programación estable entre os meses de xaneiro e marzo con propostas moi diversas, que revisten un especial interese e dirixidas a todos os públicos. Serán preto de 20 citas que combinan a proposta dos profesionais coa actuación de afeccionados do municipio. Os principais eixos temáticos arredor dos que xiran en 2014 os Venres Culturais son o teatro, o cine, a maxia, os concertos e as exposicións coa presenza de nomes como Cándido Pazó, Quico Cadaval, Sondeseu ou Chystyan Magic. A Concelleira de Cultura, Mar Eirís, subliña o esforzo realizado para que sexa unha oferta con continuidade, que inclúe un ou dous espectáculos cada fin de semana, con especial atención aos venres, para as citas teatrais, e aos domingos para as citas En Familia, dirixidas aos máis cativos e cativas. De feito, a partir do 17 de xaneiro póñense á venda nas Oficinas de Cultura os Bonos Venres (16 € ou 12 € con prezo reducido) e os Bonos En Familia (9 € ou 6 €) para poder asistir a estes dous ciclos de espectáculos. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo felicitar ao Departamento de Cultura pola "calidade do programa" e subliñar que o Concello non ten reducido a asignación dedicada á cultura, xa esta que debe ser "un dereito" máis convertendo a Carballo "nun bo exemplo de calidade cultural".

O Salón ExpoVoda consolídase na súa terceira edición como unha cita de referencia para vodas, comuñóns e celebracións

SÁBADO 31 DE XANEIRO E DOMINGO 1 DE FEBREIRO NO FÓRUM CARBALLO

O Salón ExpoVoda consolídase na súa terceira edición como unha cita de referencia para vodas, comuñóns e celebracións

Xoves 16 de xaneiro do 2014

O Fórum acolle a fin de semana do sábado 31 de xaneiro e o domingo 2 de febreiro a terceira edición de ExpoVoda, o Salón de Vodas, Comuñóns e Celebracións de Carballo que se consolida como unha cita obrigada para coñecer as novidades e tendencias do sector. A feira está organizada polo Centro Comercial Aberto Carballo (CCA) coa colaboración do Concello de Carballo e a Dirección Xeral de Comercio. A xerente do CCA, María del Carmen Freire, explica que xa hai 25 expositores confirmados cunha ampla oferta que vai dende a dotación de discotecas móbiles, ata o servizo fotográfico, de roupa e complementos de voda para os noivos e tamén para os convidados, oferta para comuñóns, gastronomía variada -incluídos os dóces de voda-, etc. Os establecementos participantes proceden na súa maioría de Carballo, mais tamén chegan da Coruña, Arteixo ou A Laracha. Como en anos anteriores, haberá degustacións gastronómicas da man de establecementos hostaleiros e desfiles de moda. Ao contrario que o ano pasado, en que se dispuxo dunha carpa na Praza dos Bombeiros Voluntarios do Fórum, este ano os desfiles volverán ter lugar no interior do edificio, no vestíbulo do auditorio da nave 1. Respecto do horario, será ininterrompido de 11.00 a 21.00 horas, co desfile ás 19.00 horas. O acceso ao recinto pode obterse a través dos convites que reparten os establecementos participantes ou abonando 2 € por unha entrada que permite o paso sempre que haxa aforo dispoñible.

Carballo organiza un obradoiro para que as persoas non nacidas en Galicia coñezan mellor a lingua e cultura galegas

ACTIVIDADE GRATUÍTA: INSCRICIÓNS ATÉ O MARTES 4 DE FEBREIRO

Carballo organiza un obradoiro para que as persoas non nacidas en Galicia coñezan mellor a lingua e cultura galegas

Mércores 15 de xaneiro do 2014

Non naciches en Galicia e apetéceche coñecer costumes de aquí ao mesmo tempo que dás a coñecer os teus? Queres saber que é un carballo, o agarimo, a troula ou o polbo? Gustaríache coñecer a lingua e cultura galegas, para saber máis ou para acceder mellor a un traballo aquí? Gustaríache que che dixesen: "Que rápido aprendiches a falar galego!"? Estas son algunhas das preguntas que desde o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo lle lanzan ás persoas nacidas fóra de Galicia para espertarlles o seu interese en participar nunha nova edición do Obradoiro de integración lingüística e cultural que organiza, co obxectivo de que comecen a ser novas galegas e novos galegos e a ter un primeiro contacto formativo coa nosa lingua e cultura, o que lles pode ser de grande utilidade para, por exemplo, acceder ao mundo laboral ou coñecer mellor a nosa sociedade. Neste obradoiro práctico, que terá lugar entre o 11 de febreiro e o 3 de abril de 2014, desenvolveranse diversas actividades para coñecer a lingua (escrita e oral), a música, a literatura, a prensa, a xeografía, etc., galegas, e para facilitar o acceso ao mundo laboral, e a integración na sociedade galega e carballesa.

Preto de 600 escolares participan na fase local da Carreira de Campo a Través que ten lugar no Polígono de Bértoa

VENRES 17 DE XANEIRO A PARTIR DAS 10.15 HORAS

Preto de 600 escolares participan na fase local da Carreira de Campo a Través que ten lugar no Polígono de Bértoa

Mércores 15 de xaneiro do 2014

Preto de 600 nenos e nenas dos centros de ensino de Carballo, así como dos clubs, asociacións, ANPAs e outras entidades do municipio participan o venres 17 de xaneiro na fase local da Carreira de Campo a Través que organizan a Secretaría Xeral para o Deporte, a Federación Galega de Atletismo e o Concello de Carballo. As categorías da proba son benxamín, infantil, alevín e cadete e cada equipo estará formado por seis corredores/as dos que puntuarán os catro mellor clasificados/as ou tres (só na categoría cadete). As probas iranse celebrando a partir das 10.15 horas comezando por cadete (cun percorrido de 2.500 metros en categoría masculina e de 1.200 metros en feminina), infantil (con 1.200 metros e 800 metros respectivamente), alevín (cunha volta de 800 metros para a categoría masculina e de 600 para a feminina) e benxamín (con 500 metros para as dúas categorías). A entrega de medallas contará coa presenza do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; e do Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo. Nesta proba puntuable para o Campionato Intercomarcal, clasificaranse os dous mellores equipos e os/as oito primeiros/as atletas de cada categoría. Os interesados e interesadas en obter máis información poden consultar a normativa da proba ao completo nun documento nesta mesma nova ou ben o web do programa XOGADE (Xogos galegos deportivos en idade escolar).

Adxudicados os traballos para a "Mellora da capa de rodadura no lugar de Nétoma (Razo)" por un importe de 84.000 euros

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Adxudicados os traballos para a "Mellora da capa de rodadura no lugar de Nétoma (Razo)" por un importe de 84.000 euros

Mércores 15 de xaneiro do 2014

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar, fóra da orde do día, a adxudicación do contrato administrativo de obras de "Mellora da capa de rodadura no lugar de Nétoma (Razo)", incluída no Plan DTC 93 "Unha Deputación para todos os Concellos" da Deputación Provincial da Coruña. A empresa encargada da realización dos traballos será Construcciones Ponciano Nieto SL por un prezo de adxudicación de 84.032,33 euros. O prazo de execución de obra previsto é de tres meses contados a partir da sinatura da acta de comprobación de replanteo. Na imaxe pode verse o lugar de Nétoma. Hai que mencionar que dentro do Plan DTC 93 do organismo provincial tamén está incluído o proxecto de "Reurbanización da rúa Colón", adxudicado por un importe de 233.046 euros, IVE incluído e que será executado por Construcciones Ramón Vázquez y Reino despois das datas de Nadal cun prazo de execución previsto de catro meses; e o de "Sobreanchos e reparación da estrada de Vilar de Francos ao Padreiro" por un importe de 30.250 euros (IVE incluído), cun prazo de execución de dous meses dende a sinatura da acta de replanteo e tamén adxudicado á empresa Ramón Vázquez. Volvendo á Xunta de Goberno Local, e tamén fóra da orde do día, aprobáronse as xustificacións das subvencións para a realización de viaxes escolares 2014 por un importe de 6.315 euros repartidos en trece centros de ensino do municipio. Entre os asuntos de trámite, a sesión tamén supuxo a aprobación dunha licenza de obra e dunha licenza de primeira ocupación.

Os Venres Culturais comezan coa "Demolición" de Talía Teatro e a exposición fotográfica "Tinta" do carballés Juan Casares

XOVES 15 E VENRES 16 DE XANEIRO

Os Venres Culturais comezan coa "Demolición" de Talía Teatro e a exposición fotográfica "Tinta" do carballés Juan Casares

Martes 14 de xaneiro do 2014

O venres 16 de xaneiro o Pazo da Cultura sube de novo o pano do auditorio para iniciar as actividades do programa dos Venres Culturais 2014. Será con teatro, unha das artes escénicas máis apreciadas polos carballeses e carballesas. A compañía encargada de realizar esta apertura é a ceense Talía Teatro que, baixo a dirección do recentemente galardoado co Premio da Cultura Galega das Artes Escénicas outorgado pola Xunta de Galicia, Cándido Pazó, presentan en Carballo a súa última proposta: "Demolición". A trama desta dramaturxia, escrita e dirixida por Pazó para dous actores, recolle humor e emoción, divertimento e reflexión sobre o fracaso colectivo e as consecuencias nunha sociedade fráxil. En palabras do seu autor, un "comidrama". Un texto de tendencias e referencias realistas e actuais. De intención dinámica e amena. Cunha apertura ás diversas lecturas que os espectadores estean dispostos a facer. Dous homes atópanse. Non saben nada un do outro e non parecen ter case nada en común. Pouco a pouco, descobren que todo é aparencia, que a fraxilidade humana resoa nas súas vidas. A función está prevista para as 21.00 horas no Pazo da Cultura e o prezo da entrada ordinaria é de 4 €, con prezo especial reducido de 3 € para estudantes e maiores de 65 anos. Aínda e posible mercar o Bono que inclúe toda a programación dos Venres Culturais (5 funcións de teatro e 2 concertos) por un prezo de 21 € ou 16 € con desconto no Pazo da Cultura de 11.00 a 14.00 horas.

Entran en funcionamento os colectores soterrados de recollida selectiva de lixo situados fronte ao mercado municipal

O VENRES RETIRARANSE OS ANTIGOS CONTEDORES DA RÚA CERVANTES

Entran en funcionamento os colectores soterrados de recollida selectiva de lixo situados fronte ao mercado municipal

Luns 13 de xaneiro do 2014

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Obras e Servizos que dirixe Luís Lamas informa de que a partir de hoxe, luns 13 de xaneiro, entran en funcionamento os colectores soterrados de recollida selectiva de lixo (incluíndo dous de residuos orgánicos -contedor verde-, dous de envases -contedor amarelo- e un de papel -contedor azul) situados fronte ao mercado municipal. Segundo explican o Alcalde, Evencio Ferrero, e Luís Lamas (na imaxe cun representante de Urbaser, empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo), até o venres manterase este servizo simultaneamente cos colectores antigos situados na rúa Cervantes -e que até o de agora daban servizo ao mercado- para facilitar a transición, pero a partir do sábado unicamente estarán en funcionamento os soterrados. Hai que lembrar que esta actuación estivo incluída nun proxecto de mellora máis amplo para o mercado realizado a través dunha subvención da Consellería de Economía e Industria na que tamén se conta con fondos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional). Así, ademais da contenerización soterrada, a actuación supuxo a instalación de vídeo cámaras, dunha báscula de repeso e a dotación de novos expositores para o edificio do Mercado Municipal. O orzamento total ascendeu a 46.355 euros, dos que a subvención achegou o 75 por cento: 34.766,25 euros. A empresa encargada de realizar o soterramento foi J.F. Varela, de Sofán.

Aprobadas as bases para o XVI Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís que repartirá ata 1.850 euros en premios

SOLICITUDE DE SUBVENCIÓN PARA O MANTEMENTO DA UAD

Aprobadas as bases para o XVI Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís que repartirá ata 1.850 euros en premios

Luns 13 de xaneiro do 2014

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar as bases do XVI Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís que un ano máis repartirá ata 1.850 euros en premios e que cada ano congrega a numerosos participantes da comarca, de Galicia e incluso de toda España. O obxectivo desta cita é o de contribuír á creación artística e a fomentar a divulgación da fotografía ademais de perpetuar o recordo do que foi animador cultural de Carballo, Xosé Manuel Eirís, a través dunha das súas afeccións, a fotografía. Está previsto que o prazo de presentación de traballos comece 30 de xaneiro e remate o 24 de febreiro de 2014 e cada participante poderá presentar un máximo de tres obras. A distribución da contía dos premios é de 700 euros e diploma para o gañador (na imaxe, a fotografía vencedora en 2013, realizada polo fotógrafo da comarca Marcos Rodríguez); de 450 euros e diploma para o segundo premiado; e un "Premio Especial Carballo" de 450 euros e diploma para a mellor imaxe que faga referencia ao municipio en calquera dos seus aspectos. Por último, o xurado pode conceder accésits por un importe total de 250 euros. O Concello poderá expoñer os traballos presentados en catro meses a partir da data do fallo, mentres que o xurado contará coa presenza de persoas expertas en fotografía e imaxe, así como con representantes do Concello e das asociacións do municipio.

O Concello retoma a mellora de camiños en Carballo, Sofán, Berdillo, Aldemunde, Goiáns, Sísamo, Cances, Oza, Razo e Lema

O IMPORTE DOS TRABALLOS SUPERA OS 270.000 EUROS

O Concello retoma a mellora de camiños en Carballo, Sofán, Berdillo, Aldemunde, Goiáns, Sísamo, Cances, Oza, Razo e Lema

Venres 10 de xaneiro do 2014

O Concello de Carballo vén de retomar despois do descanso de Nadal os traballos de mellora de camiños que afectan a un total de dez parroquias do municipio e que suman un importe total de 273.613 euros. As actuacións estanse levando a cabo en Sofán (na imaxe), Berdillo, Aldemunde, Goiáns, Sísamo, Cances, Oza, Razo e Lema e os labores están agrupados arredor de dous proxectos. Por unha banda, unha actuación incluída no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS) de 2013: o "Rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños nas parroquias de Razo, Sofán, Berdillo, Lema, Aldemunde, Goiáns e Carballo no Concello de Carballo". O prezo de adxudicación é de 84.458 euros (IVE incluído) e o prazo de execución de 90 días. Por outra, estase realizando o "Rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños das parroquias de Sísamo, Cances, Oza, Razo e Lema no Concello de Carballo". Neste caso as obras están financiadas con cargo ao remanente de tesourería das arcas municipais, do que se destinou un millón de euros a diferentes actuacións. O prezo de adxudicación é de 188.155 euros (IVE incluído) e o prazo de execución de 45 días. Nos dous casos a empresa adxudicataria é Construcciones Ramón Vázquez y Reino, cuxos representantes asinaron o contrato do Alcalde, Evencio Ferrero, a primeiros do mes de decembro.

Uxía e Antón despídense no Colexio Artai das accións divulgativas de Carballo Limpo nos centros de ensino para o curso 2013-2014

XOVES 9 DE XANEIRO ÁS 12.00 HORAS

Uxía e Antón despídense no Colexio Artai das accións divulgativas de Carballo Limpo nos centros de ensino para o curso 2013-2014

Mércores 8 de xaneiro do 2014

O xoves 9 de xaneiro ás 12.00 horas levarase a cabo a última das accións de divulgación da reciclaxe deste curso 2013-2014 organizada por Carballo Limpo. Está previsto que a cita teña lugar no Colexio Artai, onde Uxía e Antón ensinaranlle ao alumnado as claves da reciclaxe de residuos e da recollida selectiva a través dun divertido obradoiro. Uxía e Antón (na imaxe nun dos obradoiros no CEIP Xesús San Luís Romero) son dúas personaxes deseñadas no seu día polo inesquecible deseñador carballés Alberto Gende para Carballo Limpo e agora cobran vida por medio de un actor e unha actriz que os caracterizan e divulgan en vivo toda a información que antes so se facía en papel. Os alumnos asistentes serán os do ciclo de Primaria dos centros carballeses, que se pretende que, ademais de aprender, sexan os transmisores e transmisoras da importancia que ten a colaboración da cidadanía na conservación do nosa contorna. Esta actividade foi completada cunha promoción no mercado onde estes personaxes realizaron tamén accións de divulgación. Ademais, os nenos e nenas recibiron un caderno divulgativo que tamén Alberto Gende deseñara no seu día, pero coas actualizacións realizadas en Carballo Limpo derivadas dunha nova empresa de recollida de lixo como é Urbaser-UTE Carballo, Da xestión da canceira por Servigal ou da xestión de aceites por Reave.

Carballo retoma despois do Nadal as melloras nun total de 40 vías da capital municipal, incluíndo as rúas Valle Inclán e Ambulatorio

O IMPORTE CONXUNTO DAS OBRAS ROLDA O MEDIO MILLÓN DE EUROS

Carballo retoma despois do Nadal as melloras nun total de 40 vías da capital municipal, incluíndo as rúas Valle Inclán e Ambulatorio

Martes 7 de xaneiro do 2014

Esta semana, e despois do descanso de Nadal, retómanse na capital municipal varios traballos de mellora de rúas que afectan a numerosos puntos do casco urbano. Así, continúan as melloras na rúa Valle Inclán (na imaxe) co acondicionamento do treito entre a rúa Concepción Arenal e a Cervantes despois de que a vía estivera aberta durante o Nadal para facilitar a actividade comercial propia destas datas. Os traballos deberían estar rematados antes de finais do mes de xaneiro. Hai que lembrar que as obras están sendo realizadas pola empresa Construcciones Ramón Vázquez y Reino por un importe de 165.184,34 euros, IVE incluído. A rúa está recibindo o mesmo acabado que o treito da Rúa Desiderio Varela que transcorre entre a rúa Camiño Novo e a Rúa Colón, con calzada de lastras e beirarrúas de pedra con bordes de granito negro ao mesmo nivel que a vía. Así mesmo, continúan a partir de hoxe, 7 de xaneiro, as obras na Avenida do Ambulatorio, traballos que está realizando Construcciones Ponciano Nieto SL e que teñen un orzamento de 136.532,52 euros. Esta actuación supón a renovación dos servizos da vía e a creación dunha beirarrúa na marxe esquerda dende a Rúa Muíño e ata o Centro de Saúde. Hai que lembrar que mentres duren as melloras a vía mantén un único sentido da circulación, para facilitar o desenvolvemento dos labores.

Compartir: