Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Arredor de 200 corredores e corredoras participan no Trofeo Ciclista Concello de Carballo o sábado 25 de maio

A PARTIR DAS 15.30 HORAS NA PRAZA DO CONCELLO

Arredor de 200 corredores e corredoras participan no Trofeo Ciclista Concello de Carballo o sábado 25 de maio

Xoves 23 de maio do 2013

O Club Ciclista Carballo-Placasa organiza un ano máis o Trofeo Concello de Carballo, que conta coa colaboración da administración local. Vanesa Loureiro, presidenta da entidade, explica que arredor de 200 corredores e corredoras de toda Galicia participan nesta proba xa consolidada dentro do calendario da Federación Galega de Ciclismo e que leva celebrándose máis de 20 anos. Está previsto que compitan ciclistas de categorías principiante, alevín, infantil, cadetes, femias e júnior repartidos en diferentes lugares, horarios e percorridos. Repartiranse un total de 27 trofeos elaborados en olería de Buño, co obxectivo de "promocionar a artesanía galega e da zona", en verbas de Loureiro. A cita é o sábado 25 de maio a partir das 15.30 horas en que comeza a proba coa saída dos júnior da Praza do Concello. A presidenta do Club Ciclista Carballo-Placasa subliña que esta cita está organizada "con moita ilusión", xa que serve para conmemorar o 25 aniversario da entidade, e anunciou que está previsto que Carballo acolla tamén o 20 de xullo o Campionato Galego de categorías femias, cadetes e júnior, xa que "á Federación Galega gustoulles o percorrido". En todo o ano, Galicia celebra tan só tres probas con presenza de femias, e dúas delas terán lugar en Carballo da man do Club.

Carballo acolle o IX Curso de Verán sobre Normalización que ten como obxectivo procurar apoios para dinamizar a lingua

A CITA É OS DÍAS 17, 18 E 19 DE XULLO

Carballo acolle o IX Curso de Verán sobre Normalización que ten como obxectivo procurar apoios para dinamizar a lingua

Xoves 23 de maio do 2013

De "as portas están abertas" a "este proxecto é teu"; a importancia da democracia implicativa; experiencias de implicación desde a base ou desde entidades; a participación na dinamización en Euskal Herria; as potencialidade do xogo serio para a implicación en proxectos; a comunicación implicativa; etc. Estes son algúns dos temas que se traballarán no curso que a Universidade da Coruña, en colaboración coa Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), a Xunta e o Concello de Carballo, organiza do 17 ao 19 de xullo no edificio Forum Carballo. Trátase da novena edición do Curso de Verán sobre Normalización Lingüística, no que os obxectivos principais son reflexionar sobre o papel central da participación, a implicación e o traballo colaborativo nos procesos de cambio social e coñecer e procurar formas de busca e apoio da participación e implicación na dinamización lingüística. Ao longo dos tres días intervirán expertos como a madrileña Carmen Espinar, da Rede Cimas, de profesionais comprometidos/as coa transformación social, que na conferencia inaugural falará sobre métodos e estratexias de implicación. O prazo de matrícula xa está aberto e pode facerse a través do web da Universidade da Coruña facendo clic aquí.

A organización ADEAC concede o distintivo de Bandeira Azul ás praias carballesas de Razo, As Saíñas e Pedra do Sal

É O ÚNICO CONCELLO DA COSTA DA MORTE QUE CONTA CON TRES

A organización ADEAC concede o distintivo de Bandeira Azul ás praias carballesas de Razo, As Saíñas e Pedra do Sal

Xoves 23 de maio do 2013

O Concello de Carballo contará este verán con tres Bandeiras Azuis nos areais de Razo As Saíñas e Pedra do Sal (na imaxe a de 2012). Recupérase así o distintivo para o areal de Razo, que en anos anteriores non puidera facer ondear a bandeira, e Carballo convértese de novo no único municipio da Costa da Morte con tres distintivos. A ONG Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) concede a Bandeira Azul para recoñecer a calidade das praias, así como das súas augas, ademais dos servizos que ten dispoñibles, como o de duchas, áreas de estacionamento, limpeza ou socorrismo. O símbolo da Bandeira Azul recoñece non só a calidade do areal, senón tamén a calidade dos servizos, da xestión ambiental, da seguridade e en xeral das instalacións das que dispoñen as praias, atendendo á accesibilidade, ao feito de que exista recollida selectiva, ao servizo de salvamento e socorrismo (que un ano máis estará dotado en 2013 con 32 efectivos nos areais do municipio), etc. Para conseguir a Bandeira Azul é preciso realizar numerosos controis, entre os que destacan as análises periódicas das augas dos areais. Hoxe en día a campaña da Bandeira Azul desenvólvese anualmente en máis de 40 estados de cinco continentes, incluíndo a práctica totalidade dos estados da Unión Europea.

Carballo participa, xunto con outros nove concellos, no primeiro circuíto provincial de carreiras populares da Deputación

A CITA NO MUNICIPIO É O 16 DE XUÑO

Carballo participa, xunto con outros nove concellos, no primeiro circuíto provincial de carreiras populares da Deputación

Mércores 22 de maio do 2013

O Concello de Carballo participa, xunto con outros nove concellos da Coruña, no I Circuíto Provincial de Carreiras Populares, que inclúe un total de dez probas deportivas. Esta iniciativa presentouse nun acto ao que asistiron representantes dos municipios organizadores de cada unha das carreiras: Carballo, Cambre, Ribeira, Ares, Mugardos, Ferrol, A Coruña, Santiago, Ames e Negreira. Segundo o presidente provincial, Diego Calvo, que estivo acompañado do presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, e da directora técnica da Federación, María Dolores González Fernández, a posta en marcha desta iniciativa comeza a modo de experiencia piloto con dez carreiras. "A nosa idea é continuar con este circuíto en próximos anos, e a nosa idea é tamén abrir unha convocatoria para que calquera carreira que cumpra con todos os requisitos deportivos que esixe a lei poida entrar neste novo premio provincial". Tamén relatou o motivo polo cal este circuíto comeza con dez probas, xa que ao tratarse dun proxecto piloto o obxectivo é abarcar a maior parte do territorio posible. Ademais, todas as carreiras que compoñen este circuíto contan cunha grande tradición, gran acollida popular e todas elas están incluídas no calendario da Federación de Atletismo, garantindo así que estas competicións cumpran con todos os requisitos necesarios.

 O Descenso do Anllóns e o Concurso de Cachelas 2013 reparten máis de 3.000 euros entre premios e subvencións

INSCRICIÓNS: ATÉ O 20 DE XUÑO NO MUSEO DE BERGANTIÑOS

O Descenso do Anllóns e o Concurso de Cachelas 2013 reparten máis de 3.000 euros entre premios e subvencións

Luns 20 de maio do 2013

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Cultura que dirixe Mar Eirís, informa de que a Comisión de Festas inclúe no programa do San Xoán 2013 dúas actividades lúdicas e de elevada participación veciñal que teñen moi boa acollida e cada vez unha maior tradición. Con elas preténdese recuperar e fomentar tradicións tan importantes como as cachelas ou incorporar ás Festas un elemento tan representativo de Carballo como o río Anllóns. Así, xa está aberto o prazo para anotarse na XXVI edición do Concurso de Cachelas. As cachelas deberán estar situadas no casco urbano de Carballo ou zonas limítrofes e non poderán realizarse con materiais plásticos, botes de spray, pneumáticos, combustible, ou árbores autóctonas. Poderán concorrer todos os grupos que o desexen, que deberán inscribirse no Museo de Bergantiños (Rúa Martín Herrera, 981 702 077; horario de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.00 horas de martes a venres e sábados e domingos de feira de 12.00 a 14.00 horas) antes das 13.00 horas do mércores 20 de xuño de 2013. Así mesmo, está aberto o prazo para inscribirse no XVI Descenso do Anllóns. Poderán concorrer os equipos compostos por 3 ou máis membros que se inscriban no Museo de Bergantiños tamén antes das 13.00 horas do día 20 de xuño.

Carballo acolle o 25 e 26 de maio no Pavillón Vila de Noia o Torneo Internacional Catro Nacións de Balonmán Feminino

ESTÁ PREVISTA A PARTICIPACIÓN DA SELECCIÓN ITALIANA

Carballo acolle o 25 e 26 de maio no Pavillón Vila de Noia o Torneo Internacional Catro Nacións de Balonmán Feminino

Luns 20 de maio do 2013

Carballo acolle o sábado 25 e o domingo 26 de maio o Torneo Internacional Catro Nacións de Balonmán Feminino no que participan as seleccións de Italia, Cataluña, Euskadi e Galicia e que está organizado pola Federación Galega de Balonmán (FGB) coa colaboración do Concello de Carballo, das Escolas de Balonmán Xiria e da Xunta de Galicia. Este torneo chega xa á súa quinta edición despois de terse celebrado en Cataluña en dúas ocasións, no País Vasco e na Coruña. Bruno López, delegado provincial da FGB, explica que esta cita é unha oportunidade para darlle pulo ao balonmán feminino, "aínda sen explotar" por completo, e pensouse en Carballo para organizala debido ás satisfactorias colaboracións coa Federación en citas pasadas. A competición ten lugar no Pavillón Vila de Noia e divídese en semifinais (o sábado 25 ás 18.30 entre Italia e Cataluña; e ás 20.30 entre Galicia e Euskadi), a loita polo 3º e 4º posto (domingo 26 ás 11.00 horas) e a finalísima (domingo 26 ás 13.00 horas). A entrega de premios está prevista para as 14.30 horas. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, subliña que este torneo contribúe a reforzar a nova sección de balonmán feminino das Escolas Xiria, e invitou aos carballeses e carballesas a que asistan ao pavillón para vivir "un espectáculo de primeirísimo nivel".

Adxudicado o contrato para o subministro dun punto de información para o apoio ao turismo de congresos no Fórum Carballo

APROBACIÓN DO CONVENIO MUSICAL 2013

Adxudicado o contrato para o subministro dun punto de información para o apoio ao turismo de congresos no Fórum Carballo

Luns 20 de maio do 2013

A sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local supuxo, fóra da orde do día, a adxudicación do contrato administrativo de subministro do "Deseño, construción, decoración e montaxe dun punto de información para o apoio ao turismo de congresos no Fórum Carballo". O prezo de adxudicación con IVE é de 28.387,25 euros e o contrato recae na mercantil Escenoset SL. O licitador comprométese á entrega e instalación dos bens ofertados no prazo máximo dun mes dende o día seguinte ao da formalización do contrato. Así mesmo, a sesión supuxo a adxudicación do contrato administrativo de subministro para a "Elaboración dun punto de información móbil", que tamén recae na empresa Escenoset SL, neste caso por un importe de 31.541,40 euros con IVE. A entrega e instalación tamén debe producirse no prazo máximo dun mes dende a formalización do contrato. Por último, no apartado de contratación, adxudicouse o contrato administrativo de servizos de "Actualización da cartografía informatizada a E:1/5000 (Has 15379) e E:1/2000 dos núcleos rurais incorporados no documento de aprobación inicial do PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal) do Concello de Carballo". A empresa adxudicataria é Ditecar Cartografía y Topografía SL por un prezo de 31.702 euros, IVE incluído. O prazo máximo previsto de execución material é de tres meses dende a data de formalización do contrato.

O programa Venres Culturais remata coas actuacións teatrais de Coro Vagalume e a música de Aires de Bergantiños

DÍAS 18, 19 E 25 DE MAIO NO PAZO DA CULTURA

O programa Venres Culturais remata coas actuacións teatrais de Coro Vagalume e a música de Aires de Bergantiños

Xoves 16 de maio do 2013

Co remate do mes de maio pecha tamén a programación dos Venres Culturais, que tamén completa as celebracións do Día das Letras. Teatro e música mestúranse nunha oferta que comeza coas propostas da Asociación Cultural Coro Vagalume. A primeira delas é "Monster vs. Addams", unha arrepiante e divertidísima obra que enfronta a dúas das familias máis coñecidas do mundo do cómic de terror: a familia Monster e a familia Addams. O carácter dispar de ambas e unha serie de malentendidos desencadearán unha tras outra cómicas escenas que farán rir ao público e pasalo fantasticamente. Este espectáculo está protagonizado polo grupo de teatro xuvenil da AC Coro Vagalume, que conta cunha longa traxectoria no teatro afeccionado. A duración prevista do espectáculo é de 50 minutos e a entrada é de balde, aínda que precisa de invitación previa. Para conseguila, poñerse en contacto con AC Coro Vagalume. A cita é no auditorio do Pazo da Cultura o sábado 18 a partir das 20.00 horas. O mesmo día e no mesmo lugar, pero ás 21.30 horas é a quenda do recen creado grupo de teatro para adultos da mesma asociación, neste caso co seu primeiro espectáculo: "Engominados". Un amor rebelde e imposible é o eixe desta historia que acontece na Norteamérica dos anos 50, onde as bandas marcan cada unha o seu estilo.

O "expresionismo" de Novais invade de "Sensacións" a sala de exposicións do andar -1 do Pazo da Cultura

PODE VISITARSE ATÉ O 9 DE XUÑO DE 17.00 A 20.30 HORAS

O "expresionismo" de Novais invade de "Sensacións" a sala de exposicións do andar -1 do Pazo da Cultura

Mércores 15 de maio do 2013

A pintora María Luisa Rojo-Novais Grandío, máis coñecida artisticamente como Novais, expón a súa mostra "Sensacións" no andar -1 do Pazo da Cultura até o 9 de xuño. Novais afirma que o seu estilo bebe do "expresionismo", pero tamén do "impresionismo" e que adoita empregar "diferentes técnicas", xa que en "Sensacións" poden verse ata tres ou catro maneiras de abordar o óleo. A artista asegura que lle "gusta pintar", porque lle ofrece a posibilidade de "dar diferentes posibilidades de min". O público que se achegue ata o Pazo da Cultura poderá desfrutar de máis de vinte obras que se unen entre o expresionismo e a abstracción con cores intensas e formas características da pintora. Con trazo forte e vibrante e variedade de cores e formas, emerxen as figuras transmitindo constante movemento. Novais quixo expresar o seu agradecemento ao Concello de Carballo e ao Pazo da Cultura por cederlle un "espazo tan amplo e impresionante" para expoñer o seu traballo, mentres que o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, manifestou que dende o Concello "estamos encantados de que calquera persoa que queira transmitir a súa experiencia artística" o faga no Pazo da Cultura. A exposición pode visitarse en horario de 17.00 a 20.30 horas.

O festival Rockin´ abre as Festas de San Xoán ofrecendo un cartel no que prima a "calidade musical"

VENRES 21 DE XUÑO ÁS 22.00 HORAS NO REGO DA BALSA

O festival Rockin´ abre as Festas de San Xoán ofrecendo un cartel no que prima a "calidade musical"

Mércores 15 de maio do 2013

Despois de varios anos buscando o seu espazo e a súa propia identidade, o festival Rockin´ chega á súa "maioría de idade", en verbas de José Antonio Deus, membro da Comisión de Festas de San Xoán 2013. Explica que ao longo da súa historia, dende o seu nacemento como Rockin´ Praza en 2008, no festival "sempre houbo actuacións de moita calidade" e despois dun percorrido no que cambiou de formato e localizacións acada por fin "entidade propia" para converterse nun "referente musical de calidade en Carballo xunto co Sereas e Piratas e o Xiria Pop". Polo tanto, na organización da edición de 2013, mantense a "filosofía de primar a calidade musical" como obxectivo en lugar de tentar "encher un recinto" recorrendo a "grupos de radio fórmula". Por iso, ao longo da súa traxectoria, o festival ten acadado o "respecto" por parte do público. A cita deste ano está programada para o venres 21 de xuño a partir das 22.00 horas nunha carpa situada no parque de Rego da Balsa, detrás da antiga estación de autobuses. E os grupos que enchen o cartel son os madrileños Sex Museum e Layabouts, os barceloneses Stay e os vigueses Moon Cresta. Así mesmo, a DJ Sandrita Dinamita será a encargada de pinchar para animar o festival, ao igual que fixera o ano pasado.

O monologuista Carlos Blanco ameniza a entrega do IX Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo

A CAMPAÑA "GÚSTAME O GALEGO": NO PAZO A PARTIR DAS 18.00 HORAS

O monologuista Carlos Blanco ameniza a entrega do IX Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo

Martes 14 de maio do 2013

O Pazo da Cultura de Carballo acolle o mércores 15 de maio, unha tarde completa para dicir que gusta o galego. Alí estará, a partir das 18.00 horas, o fotocol da campaña Gústame o galego, no que todas as persoas que queiran poderán fotografarse con fotos con lemas suxestivos a prol da lingua, como por exemplo "Gústame que nos pubs poñan música en galego", "Gústame que me entren en galego"; "Gústame que no deporte o galego non quede fóra de xogo", "Gústame que me digan "qrt m8" ;-)", etc. E, as persoas que participen, levarán de agasallo unha chapa. Esta campaña, que xa recorreu boa parte do territorio galego, estivo tamén recentemente nos centros de ensino carballeses IES Alfredo Brañas e Isidro Parga Pondal, e todas as fotos difúndense nas redes sociais e pódense ver no Facebook www.gustame.gl. A partir das 21.00 horas, con entrada libre e gratuíta, será a vez de Carlos Blanco, que fará unha actuación ao vivo no auditorio para dicir tamén o moito que gusta o galego. Esta actuación dun dos mellores monologuistas e actores galegos centrada na lingua servirá de marco excepcional para a entrega do IX Premio a artigos xornalísticos normalizadores, que recibirá a gañadora desta edición, a escritora compostelá Mariña Pérez Rei.

O grupo de música pop El sueño de Morfeo serán os encargados de ofrecer o concerto do día grande das Festas de San Xoán

DÍA 24 DE XUÑO NA PRAZA DO CONCELLO

O grupo de música pop El sueño de Morfeo serán os encargados de ofrecer o concerto do día grande das Festas de San Xoán

Luns 13 de maio do 2013

A Comisión das Festas de San Xoán 2013 vén de confirmar un dos pratos fortes do programa deste ano, o concerto que o grupo El sueño de Morfeo ofrecerá o día grande, o luns 24 de xuño, ás once da noite na Praza do Concello. El sueño de Morfeo é un grupo de música pop-rock con influencias folk formado en Asturias en 2002. Está integrado por Raquel del Rosario (voz), Juan Luis Suárez (guitarra) e David Feito (guitarra). Publicaron o seu primeiro disco, que levaba o nome actual do grupo, en 2005, e ao que seguiron "Nos vemos en el camino" e "Cosas que nos hacen sentir bien", cos que tiveron numerosos éxitos e conseguiron diferentes premios. O seu último disco é "Buscamos sonrisas", e inclúe cancións tan coñecidas como "Depende de ti" ou "Lo mejor está por llegar". El Sueño de Morfeo representará a España no festival de Eurovisión en Malmö, Suecia, baixo o nome de ESDM, interpretando a canción "Contigo hasta el final". Esta programación musical complementaras co festival Rockin, cuxo programa será presentado proximamente, e cos concertos que terán lugar no transcurso da Festa do Bosque, coa que se pecharán, como vén sendo tradicional, as Festas de San Xoán.

Compartir: