Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Programa das Letras propón citas relacionadas coa lectura, o teatro, a música, a pintura, o deporte ou a gastronomía

ACTIVIDADES ENTRE O 10 E O 26 DE MAIO

O Programa das Letras propón citas relacionadas coa lectura, o teatro, a música, a pintura, o deporte ou a gastronomía

Venres 10 de maio do 2013

Carballo celebra o Día das Letras a través dun programa de actividades que transcorre entre o 10 e o 26 de maio e que se centra nunha serie de citas arredor da promoción da lingua, o libro e a lectura, pero que tamén propón citas teatrais, musicais, gastronómicas, deportivas ou artísticas. O Programa das Letras 2013 está organizado pola Concellaría de Cultura, aínda que tamén conta coa colaboración das asociacións culturais do municipio, que contribúen coa celebración de diversos actos, e de organismos como a Deputación provincial. Como cada ano, o momento máis esperado é o maratón "As letras en voces", o venres 17 de maio no Xardín Municipal (se chove, no segundo andar do Mercado Municipal) de 11.00 a 13.30 horas. Trátase dunha lectura pública e colectiva dos autores homenaxeados no Día das Letras na que calquera que queira participar le un fragmento literario de calquera dos cincuenta autores que teñen sido recoñecidos este día, con especial atención ao escollido este ano, o dramaturgo santiagués Roberto Vidal Bolaño. Como novidade desta edición, os alumnos e alumnas da Aula Municipal de Teatro realizarán unha lectura dramatizada de textos da obra "Criaturas" do propio Vidal Bolaño. Os interesados e interesadas en reservar horario para ler no maratón un texto de calquera dos autores homenaxeados, poden facelo no Pazo da Cultura ou no teléfono 981 704 300; e no fax 981 704 302.

Primavera enDanza remata cunha proposta de Thomas Noone Dance e unha cita En Familia para os máis cativos e cativas

SÁBADO 11 E DOMINGO 12 DE MAIO

Primavera enDanza remata cunha proposta de Thomas Noone Dance e unha cita En Familia para os máis cativos e cativas

Xoves 9 de maio do 2013

A programación de Primavera enDanza remata esta fin de semana con dúas pezas coreográficas destinadas a público adulto e infantil. A primeira das citas é o sábado 11 de maio coa compañía catalá Thomas Noone Dance, que regresa de novo a Carballo, esta vez para presentar a súa última creación "Lugares extrañamente desastrosos". Un espectáculo de danza contemporánea moi dinámica e explosiva, cunha linguaxe moi expresiva, onde tamén hai sitio para o humor e a ironía. No escenario hai tres parellas e un músico. Cada unha das parellas baila a súa relación, as súas emocións. Comparten certo sentido dun inminente desastre, unha danza dinámica e explosiva e unha intensa linguaxe expresiva. Os elementos escenográficos eluden esta ruta cara ao desastre emprendida polos seis bailaríns. O coreógrafo británico Thomas Noone Dance crea esta compañía en Barcelona, coa intención de que as súas coreografías transmitan emocións a partir dunha forte habilidade técnica. Este espectáculo comeza ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura e conta coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia. O prezo da entrada é de 5 € (de 3,5 € con desconto para maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné) e a duración prevista do espectáculo é de 60 minutos.

Un total de 19 establecementos participan en "Carballo por etapas" para promocionar a hostalería e a gastronomía local

OS DÍAS 10, 11, 12 E 17, 18 E 19 DE MAIO

Un total de 19 establecementos participan en "Carballo por etapas" para promocionar a hostalería e a gastronomía local

Mércores 8 de maio do 2013

A Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober), coa colaboración do Concello de Carballo, pon en marcha "Carballo por etapas", unha cita organizada dende o sector da hostalería que pretende ampliar as liñas dinamizadoras do sector empresarial a outros sectores como o do turismo e o dos produtos autóctonos como a horta, o mar e o pan, promocionando Carballo e a súa comarca e dando a coñecer a súa variedade gastronómica e cultural. A cita consiste na elaboración e comercialización para a súa degustación durante dúas fins de semana de menús especiais con produtos orixinarios da zona servidos en forma de tapa. Nos distintos locais tamén se ofrecerá o mesmo produto en forma de menú. Cada establecemento participante, cun total de 19 inscritos, poderá elaborar con total liberdade e creatividade a súa propia receita. Cada tapa terá un custo dun euro e o menú de 18 euros. A fin de semana do venres 10,11 e 12 de maio o evento está dedicado á comarca coas Xornadas do Atún Calvo e produtos da horta. A fin de semana do 17, 18 e 19 de maio realízase unha homenaxe á festividade das Letras Galegas con Cociña Pondaliana. Os horarios son de 12.00 a 14.00 e de 20.00 a 22.00 horas, agás o 10 de maio en que é só de 20.00 a 22.00 horas.

Carballo pon en marcha "enCántame! en galego", un ciclo de concertos de grupos en galego de estilos modernos e variados

DÍAS 16, 17 E 18 DE MAIO NA SALA A RESERVA

Carballo pon en marcha "enCántame! en galego", un ciclo de concertos de grupos en galego de estilos modernos e variados

Mércores 8 de maio do 2013

O Concello de Carballo , a través das concellarías de Normalización Lingüística, Cultura e Xuventude do Concello de Carballo, e coa colaboración da Sala A Reserva, pon en marcha o programa "enCántame! en galego". Trátase dunha iniciativa que propón música en galego en directo e que nace cos obxectivos de visibilizar que se fai música na lingua propia e de calidade e de estilos variados, de ofrecer unha programación musical atractiva especialmente dirixida ao público xuvenil e de promover a presenza da música en galego en diferentes espazos, ademais de vincular a celebración das Letras Galegas coa creatividade en galego máis aló do estritamente literario. Neste inicio do programa "enCántame! en galego" está prevista a actuación dos grupos Ulträqäns, o xoves 16; Balankandra, o venres 17; e Ataque Escampe, o sábado 18 de maio. Todos os concertos teñen lugar na Sala A Reserva, con apertura de portas a partir das 23.00 horas. As entradas pódense mercar na propia sala carballesa ou na Taberna O Patacón, e teñen un prezo único de 4 € para cada un dos concertos. Ademais, tamén se poñen á venda un número limitado de bonos para os tres concertos a un prezo único de 9 €.

O goberno presenta unha proposta para aforrar preto de 150.000 euros ano ano no subministro e mantemento do alumeado público

XUNTANZA DE VOCEIROS MUNICIPAIS NA CASA DO CONCELLO

O goberno presenta unha proposta para aforrar preto de 150.000 euros ano ano no subministro e mantemento do alumeado público

Mércores 8 de maio do 2013

A Casa do Concello acolleu unha xuntanza dos voceiros de todos os grupos políticos municipais na que se expuxo un Proxecto de Servizos Enerxéticos do Alumeado Público Exterior do Concello de Carballo no que se estuda sacar unha concesión para o servizo de mantemento do alumeado público do municipio. Neste proxecto recóllense os datos dunha auditoría enerxética na que se plasma a situación actual do alumeado e se propoñen as medidas que deberían tomarse no futuro para que o Concello puidese aforrar preto de 150.000 euros ao ano na factura de subministro enerxético, mantemento, conservación e reposición das instalacións de alumeado. O gasto anual total previsto para o ano 2013 estímase en 979.867,78 euros (IVE incluído) dos que 646.999,95 serían de enerxía eléctrica; 284.118,68 de mantemento; e 48.750 euros de reposicións. O estudo propón varias medidas para reducir este custo, como serían a substitución de todas as luminarias convencionais por luminarias LED reguladas; adaptar as luminarias máis recentes ao sistema LED Retrofit; cumprir coa normativa de alumeado de estradas; realizar un proxecto de legalización de eficiencia e etiqueta enerxética e situar un sistema de información xeográfica. Segundo conclúe o estudo, tan só a instalación da nova tecnoloxía LED, con redución punto a punto, implicaría un aforro superior a un 80 por cento, o que permitiría reducir o gasto anual durante a vixencia do contrato a menos de 830.000 euros.

Mariña Pérez Rei, escritora e profesora, gañadora do IX Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo

ENTREGA DO PREMIO: O MÉRCORES 15 DE MAIO NO PAZO DA CULTURA

Mariña Pérez Rei, escritora e profesora, gañadora do IX Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo

Martes 7 de maio do 2013

O xurado do IX Premio a artigos xornalísticos normalizadores reuniuse o luns 6 de maio, para decidir o artigo gañador deste certame, ao que se presentaron 46 traballos. Decidiu concederlle por unanimidade o premio, dotado con 1.000 euros e a publicación do artigo en De Luns a Venres, Diario de Bergantiños, Dioivo, El Correo Gallego, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, O Compás da Costa, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos ao artigo titulado "O sotaque de Aurelia", de Mariña Pérez Rei. Segundo o xurado, o recoñecemento deste artigo débese á súa capacidade de incidencia en públicos amplos e variados, á súa calidade lingüística e estilística, á súa relación coa actualidade, ao manexo axeitado de recursos estilísticos e ao encadramento nun tema de actualidade, o despoxo de Aurelia Rei como metáfora e moito máis, que amplía o campo de incidencia do artigo a outros públicos alén dos estritamente interesados no debate sociolingüístico. O premio será entregado o mércores día 15 de maio nun acto púbico no Pazo da Cultura de Carballo que contará coa presenza do coñecido actor, autor e director teatral Carlos Blanco.

O Concello emprende a mellora da rodadura en varias vías do casco urbano e avisa de tráfico lento en rúas como Gran Vía ou Luís Calvo

ESTÁ PREVISTO QUE OS TRABALLOS DUREN 15 DÍAS

O Concello emprende a mellora da rodadura en varias vías do casco urbano e avisa de tráfico lento en rúas como Gran Vía ou Luís Calvo

Martes 7 de maio do 2013

O Concello informa, a través da Concellaría de Obras e Servizos que dirixe Luís Lamas, de que o xoves 9 de maio principian na capital municipal os traballos de mellora do firme incluídos no proxecto de "Conservación do pavimento das rúas do casco urbano de Carballo" do Plan DTC 94 da Deputación da Coruña, "Unha Deputación para todos os concellos". Construcciones López Cao SL é a empresa encargada das obras que teñen un prezo de adxudicación de 134.310 euros, con IVE. A actuación consiste en reparar principalmente o pavimento afectado polo tráfico de vehículos pesados que atravesan a cotío o núcleo carballés. Afectará, por unha banda, á glorieta da rúa Sol, ás rúas Vila de Negreira, Vila de Corcubión, Avenida de Bergantiños, Vila de Ordes e Gran Vía, que é o percorrido habitual que realizan os camións que se dirixen a Santiago e Ordes; e por outro lado, realizaranse melloras nas rúas Vázquez de Parga, Emilio Pardo Bazán, glorieta do Haley, rúas Perú (na imaxe), Luís Calvo e Daniel Rodríguez de Castelao, percorrido habitual dos camións que se dirixen a Fisterra. O Concello pide a colaboración dos veciños e veciñas, xa que durante as obras, de aproximadamente dúas semanas de duración, está previsto que haxa cortes parciais, de alomenos un carril, das vías afectadas, o que pode derivar en tráfico lento. A administración local solicita aos usuarios e usuarias que traten de empregar rutas alternativas e pide desculpas polas posibles molestias ocasionadas.

As Escolas Infantís públicas de Carballo comezan unha campaña solidaria de recollida de útiles e alimentos

COLABORAN OS SERVIZOS SOCIAIS DO CONCELLO

As Escolas Infantís públicas de Carballo comezan unha campaña solidaria de recollida de útiles e alimentos

Luns 6 de maio do 2013

Os membros das comunidades escolares das escolas infantís públicas As Landras e A Braña de Carballo veñen de comezar unha campaña de recollida de alimentos e útiles destinados ás crianzas das familias máis desfavorecidas debido á actual situación de crise económica. Segundo informan en cartas enviadas aos pais e nais das dúas escolas infantís, o que se pretende é "devolver aos nenos o benestar necesario con esas pequenas cousas que poidamos achegar". Así, durante o período do curso escolar, as familias poderán achegarse a calquera das dúas escolas infantís e depositar nun espazo denominado "Recanto Solidario" alimentos, roupa, ademais de obxectos cotiás e necesarios para o benestar das crianzas, que non sempre entran dentro das axudas que os Servizos Sociais tramitan, tales como: cueiros, xeles, xampús, xoguetes, colonia, crema, toalliñas, cepillos de dentes, pasta de dentes, bastonciños, útiles de baño, carriños, etc. Tamén haberá un peto para que, todas aquelas persoas que prefiran entregar diñeiro, o poidan depositar alí mesmo. Con estas achegas económicas farase unha compra que se depositará no mesmo Recanto para ser distribuído igualmente entre aqueles que máis o precisen.

Adxudicados os contratos de coordinación de seguridade e asistencia técnica para a Fase I do proxecto Anllóns-Bardoso

APROBACIÓN DO EXPEDIENTE DO PROGRAMA CONCILIA

Adxudicados os contratos de coordinación de seguridade e asistencia técnica para a Fase I do proxecto Anllóns-Bardoso

Luns 6 de maio do 2013

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de adxudicar o contrato administrativo de servizos de asistencia técnica e dirección de obra e o contrato administrativo de servizos de coordinación de seguridade e saúde da Fase I da obra "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)". No primeiro caso, a empresa responsable será Egis-Eyser SA cun prezo de adxudicación de 6.897 euros con IVE e o prazo de execución é equivalente ao da duración dos traballos. No segundo contrato o traballo recae en Pablo Sánchez Matos por un prezo de adxudicación de 4.598 euros, IVE incluído. O prazo máximo de execución material do contrato é, ao igual que no caso anterior, o prazo de execución das obras ata a súa recepción. Así mesmo, e no apartado de contratación, recibiu luz verde o expediente para o contrato administrativo de xestión de servizo público, mediante a "Concesión de programa Concilia de protección, vixilancia e almorzo aos escolares de centros públicos de Educación Infantil e Primaria (CEIP) do municipio de Carballo". O sistema de adxudicación será o de procedemento aberto mediante varios criterios de adxudicación sendo a duración prevista do contrato de catro anos a partir da data da súa formalización coa posibilidade de dúas prórrogas anuais até un máximo de seis anos. O orzamento base de licitación establécese sobre o que percibirá como máximo o adxudicatario por usuario do servizo e mes.

A campaña "Presume de praceiro/a" repartiu os últimos 150 euros en vales de compra entre tres clientes do mercado

ORGANIZA A DIRECCIÓN XERAL DE COMERCIO COA AXUDA DO CONCELLO

A campaña "Presume de praceiro/a" repartiu os últimos 150 euros en vales de compra entre tres clientes do mercado

Venres 3 de maio do 2013

O Mercado Municipal acolleu esta mañá o último dos dous sorteos que se levaron a cabo dentro da campaña "Presume de praceiro/a" posta en marcha pola Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria en preto dun centenar de prazas de abastos de toda Galicia. Participaron na rifa aqueles clientes e clientas do mercado municipal que nos últimos días mercaron nos postos da praza e depositaron as súas papeletas nunhas urnas destinadas a tal fin incluíndo, ademais dos seus datos persoais, o posto do mercado do seu praceiro/a favorito. No sorteo estiveron presentes o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a Concelleira de Feiras e Mercados, Milagros Lantes; un representante da Dirección Xeral de Comercio; e a xerente do Centro Comercial Aberto, CCA-Carballo, María del Carmen Freire. Resultaron elixidos 3 gañadores: 1º Premio, vale de 75 euros: Mercedes Lorenzo Rodríguez; 2º Premio, vale de 50 euros: Veva Vázquez Cotelo; e 3º Premio, vale de 25 euros: Jesusa Tuset Costa. Os cheques serán cambiables unicamente no propio mercado en forma de desconto nas próximas compras a través de vales por un importe de 5 euros. A validez dos cupóns para que os afortunados e afortunadas poidan canxealos remata o 31 de maio de 2013.

O primeiro Día Autonómico do Pequebasket congrega en Carballo a máis de 300 nenos e nenas de entre 4 e 8 anos

VENRES 17 DE MAIO NO PAVILLÓN BERGANTIÑOS

O primeiro Día Autonómico do Pequebasket congrega en Carballo a máis de 300 nenos e nenas de entre 4 e 8 anos

Venres 3 de maio do 2013

Máis de 300 nenos e nenas de arredor de 30 equipos chegados das catro provincias galegas participan o venres 17 de maio no primeiro Día Autonómico do Pequebasket. Trátase dunha cita pioneira e non competitiva dirixida a cativos e cativas de entre 4 e 8 anos e que ten como obxectivo que os participantes desfruten dun día lúdico festivo coa súa familia, de xogar os seus primeiros partidos amigables sen ter en conta os resultados e compartindo actividades nas zonas de xogo e lecer. A xornada tamén estará aberta a calquera neno ou nena que se acerque e desexe participar, para así amosarlles que o xogo a diversión e o deporte están relacionados, sendo a base para formalos como persoas do futuro, segundo explica a organización. Segundo conta o presidente das Escolas de Basket Xitia, Diego Vázquez, a súa entidade levaba xa varias edicións organizando a cita a nivel local e desta volta considerouse a posibilidade de dar o salto co obxectivo de "que se converta nun evento estable a nivel galego e incluso a nivel nacional". Arturo Ferraces, director da actividade, explicou que a cita está organizada en partidos 4x4 para que os nenos e nenas "estean o maior tempo posible en contacto co balón". A cita xira arredor da zona Bergantiños, estando as 5 ou 6 pistas de minibasket necesarias situadas no pavillón.

Alumnado do Parga Pondal participa o sábado 4 de maio en Santiago na final galega do Club de Debate

O TEMA DA CITA É "O GALEGO É UNHA OPORTUNIDADE"

Alumnado do Parga Pondal participa o sábado 4 de maio en Santiago na final galega do Club de Debate

Venres 3 de maio do 2013

Alumnado do IES Parga Pondal da capital municipal participa o sábado 4 de maio en Santiago de Compostela na final galega do Club de Debate, na que participan os equipos gañadores das seis zonas territoriais en que se divide o certame: Santiago, Ourense, Vigo, Bergantiños, Pontevedra e Ferrol. O tema sobre o que os equipos teñen que debater, defendendo aleatoriamente tanto a postura a favor como a postura en contra, é "O galego é unha oportunidade". Os debates son abertos ao público e teñen lugar no Auditorio de Galicia. O primeiro dos debates está previsto para as 10.15 horas e haberá seis ao longo de todo o día. Os dous equipos que máis puntos reciban neses seis debates protagonizarán un debate final, ás 18.45 horas, do que sairá o equipo gañador, que levará como premio unha viaxe cultural dunha fin de semana para 25 persoas. Os equipos participantes nesta final son o CPI dos Dices (Rois), o CPR María Auxiliadora-Salesianos (Ourense), o IES Castelao (Vigo), o IES Sánchez Cantón (Pontevedra) e o IES Saturnino Montojo (Ferrol), ademais do IES Parga Pondal. O equipo de Carballo está formado por Icía Lista, Alejandro Belo, Anxo Pensado, Patricia Bermúdez, Lidia Manteiga, Alberte Añón, Fidel Fernández, Antía Baget e Mario Santiago, todos/as eles/as alumnos/as de 4º de ESO e 1º de Bacharelato.

Compartir: