Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Carballo prepara no Fórum as primeiras xornadas dedicadas integramente á formación profesional e á empresa

VENRES 31 DE MAIO E SÁBADO 1 DE XUÑO

Carballo prepara no Fórum as primeiras xornadas dedicadas integramente á formación profesional e á empresa

Martes 23 de abril do 2013

O Fórum Carballo vén de acoller unha xuntanza na que se están ultimando os detalles do I Foro da Formación e a Empresa que está previsto que se celebre o venres 31 de maio e o sábado 1 de xuño. Esta cita ten como obxectivo buscar un punto de unión entre os centros de ensino, as familias, o alumnado e os empresarios para favorecer a reflexión sobre a Formación Profesional, así como facilitar contactos cara a inserción laboral e crear un marco para o futuro que beneficie tanto ao mundo académico como ao empresarial. Segundo a organización, na que están representados o Concello de Carballo, Axober (Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños), a Cámara de Comercio da Coruña e os tres institutos de Carballo -IES Alfredo Brañas, Isidro Parga Pondal e Monte Neme- este Foro sería un primeiro paso para poder ampliar o marco nos próximos anos e crear unha verdadeira feira empresarial na comarca. O recinto Fórum Carballo acollería a iniciativa converténdose no verdadeiro punto de encontro para o foro, no que está previsto que teñan lugar obradoiros, conferencias, mesas redondas e actividades lúdicas para que participe o alumnado dos institutos, especialmente os de Bacharelato e Ciclos Formativos, pero tamén profesorado e empresarios.

Aberto dende o mércores 1 de maio o prazo para anotarse na III Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo

PODEN FORMALIZARSE AS INSCRICIÓNS ATÉ O 10 DE XUÑO

Aberto dende o mércores 1 de maio o prazo para anotarse na III Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo

Luns 22 de abril do 2013

O Concello, a través do organismo autónomo Padroado Deportivo Municipal, organiza a III Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo que ten lugar o domingo 16 de xuño de 2013. Trátase dunha proba oficial da Federación Galega de Atletismo (FGA) cunha distancia homologada de 10.000 metros, e baixo o control técnico do Comité de Xuíces da FGA. A proba está incluída no calendario do I Circuito Provincial de Carreiras Populares da Coruña da Deputación Provincial, que xunto con Carballo inclúe aos concellos de Ribeira, Ares, Cambre, Mugardos, Ferrol, A Coruña, Santiago, Bertamiráns e Negreira. Colaboran na organización da proba a FGA, a Asociación Deportiva Media Ducia de Carballo, o Colexio Oficial de Fisioterapias de Galicia, a Deputación Provincial da Coruña e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Carballo. Na III Carreira Popular "10 Km Concello de Carballo", pode participar toda persoa nada nas datas correspondentes por categoría, estea ou non federada, ate un máximo de 1.000 inscritos, con excepción de atletas federados estranxeiros, agás os portugueses que non fosen internacionais co seu país e de todas as participacións que fosen contrarias ás disposicións da FGA. As inscricións son gratuítas e poden realizarse a través da páxina web www.championchipnorte.com, onde pode obterse máis información.

Adxudicado en Xunta de Goberno Local o contrato de obra para unha "Rede de saneamento en Pedra Furada"

LUZ VERDE PARA A CONVOCATORIA DE CATRO SUBVENCIÓNS

Adxudicado en Xunta de Goberno Local o contrato de obra para unha "Rede de saneamento en Pedra Furada"

Luns 22 de abril do 2013

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de adxudicar o contrato de obra para a creación dunha "Rede de saneamento en Pedra Furada" -na imaxe a Rúa Pedra Furada-, unha actuación incluída no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal, POS Adicional 2012. O prezo de adxudicación é de 31.460 euros con IVE sobre un valor estimado do contrato de 38.527,37 euros. Os traballos serán realizados por Construcciones Vázquez y Reyno SL e o prazo de execución é de cinco meses a contar dende o día seguinte ao da sinatura da acta de comprobación e replantexamento. Así mesmo, e dentro do apartado de contratación, a Xunta de Goberno sacou adiante o expediente do contrato administrativo para o "Servizo de prevención alleo do persoal do Concello de Carballo". A adxudicación realizarase mediante procedemento aberto e o contrato ten por obxecto a realización das actividades preventivas de vixilancia da saúde e especialidades técnicas que engloban a seguridade, hixiene e ergonomía no traballo incluíndo: recoñecementos médicos, medicina no traballo, plans de prevención de riscos laborais e plans de emerxencia e memoria anual de actividades. O orzamento anual do contrato é de 12.110 euros con IVE, sendo o seu período de duración inicial de catro anos.

O Concello emprende a mellora da capa de rodadura e o rebacheo de vías en máis de 15 quilómetros de estradas en 14 parroquias

O ORZAMENTO DAS ACTUACIÓNS SUPERA OS 300.000 EUROS

O Concello emprende a mellora da capa de rodadura e o rebacheo de vías en máis de 15 quilómetros de estradas en 14 parroquias

Sábado 20 de abril do 2013

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Obras e Servizos que dirixe Luís Lamas, vén de comezar esta semana, aproveitando o bo tempo e o cese das choivas, varios traballos de rebacheo e mellora de vías en todo o municipio, unhas melloras que afectan a 14 parroquias e a máis de 15 quilómetros de estradas do Concello. En primeiro lugar estanse desenvolvendo os traballos de rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños das parroquias de Carballo (rúa Nardos), Goiáns, Oza, Lema, Rebordelos, Sofán, Sísamo, Berdillo, Rus e Entrecruces incluídos no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS) 2012 por un importe de 95.698 euros. Así mesmo, e tamén no ámbito do rural, está en marcha o proxecto de Rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños nas parroquias de Rus, Artes, Bértoa, Lema, Goiáns, Sísamo, Sofán e Carballo por un prezo de adxudicación de 74.620,70 euros. Por último, tamén está en marcha o proxecto de Conservación do pavimento das rúas do casco urbano de Carballo por un prezo de adxudicación de 134.310 euros. As dúas últimas actuacións están incluídas no Plan DTC 94 da Deputación da Coruña, "Unha Deputación para todos os concellos".

O Concello pon en marcha o servizo de recollida selectiva no rural coa colocación de 165 novos colectores de cartón e envases

COLOCARANSE NAS PRINCIPAIS ESTRADAS QUE CRUZAN O MUNICIPIO

O Concello pon en marcha o servizo de recollida selectiva no rural coa colocación de 165 novos colectores de cartón e envases

Venres 19 de abril do 2013

O Concello de Carballo, a través das concellarías de Servizos e Medio Ambiente, vén de poñer en marcha as primeiras "Illas Verdes" do municipio. Trátase de puntos de reciclaxe e recollida selectiva de residuos que estarán repartidos por todos os espazos rurais do Concello, completándose así o servizo de recollida selectiva de lixo existente dende hai anos no casco urbano. Para a colocación dos colectores tivéronse en conta os fluxos de poboación das diferentes vías do municipio, polo que os novos puntos instalaranse nas estradas principais que vertebran o territorio como son as de Santiago, Ordes, A Coruña, Caión, Razo e Malpica. Nos últimos días xa se teñen colocado as primeiras illas nos núcleos de Rús, Sofán e Berdillo (na imaxe), mentres que en vindeiras datas completaranse un total de 100 destes puntos coa incorporación de 165 novos colectores azuis de cartón e papel (un total de 79) e amarelos de envases lixeiros (86) aos colectores verdes de RSU (Residuos Sólidos Urbanos) e iglús de vidro xa existentes. Tanto o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, como os concelleiros Luís Lamas e Marcos Trigo quixeron realizar un chamamento á colaboración cidadá para conseguir que "participe a veciñanza", en verbas de Lamas, o que repercutirá tanto na conservación do medio ambiente como no aforro de custos do servizo municipal de recollida de lixo.

O Centro de Formación informa da convocatoria das probas de acceso á formación profesional para o emprego de nivel 2 e 3

ORDE PUBLICADA NO DOG DO VENRES 19 DE ABRIL

O Centro de Formación informa da convocatoria das probas de acceso á formación profesional para o emprego de nivel 2 e 3

Venres 19 de abril do 2013

O Centro Municipal de Formación do Concello de Carballo informa de que a Dirección Xeral de Emprego e Formación convoca as probas de avaliación en competencias clave para acceder ás accions formativas dos novos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación dentro da formación profesional para o emprego na Comunidade Autónoma de Galicia (publicado no DOG núm. 76 do venres 19 de abril de 2013). Estas probas están dirixidas a traballadores desempregados e /ou ocupados que desexen optar nun futuro a cursos de Formación Profesional para o emprego de nivel 2 e 3, é dicir aquela formación onde se requira para poder participar a titulación mínima da Educación Secundaria Obligatoria (ESO) para os cursos de nivel 2 e o Bacharelato ou equivalentes (ou titulación superior) para os cursos de nivel 3. As persoas interesadas deben entregar perfectamente cuberto o anexo I, recollido na orde publicada no DOG, até o día 3 de maio, e acudir os días 22 e/ou 23 de xuño aos correspondentes exames que poden ser de lingua galega, lingua castelán, matemáticas, dixital, tecnoloxía, inglés e ciencia. Os exames terán lugar no recinto feiral de Silleda. Para obter máis información, dirixirse ao Servizo de Orientación Laboral do Concello.

Presentadas un total de 1.923 alegacións ao PXOM carballés, das que 1.400 están referidas ao medio rural do municipio

A COMISIÓN DE URBANISMO REUNIRASE A MEDIADOS DE MAIO

Presentadas un total de 1.923 alegacións ao PXOM carballés, das que 1.400 están referidas ao medio rural do municipio

Xoves 18 de abril do 2013

A Comisión informativa de Urbanismo vén de manter a súa primeira xuntanza dende que rematara o período de exposición pública de dous meses do documento para aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Carballo. Durante a reunión coñeceuse o número exacto de alegacións presentadas, 1.923, das que a ampla maioría, un total de 1.400 (máis do 70 por cento do total), refírense ao medio rural do municipio; 378 a solo urbano; 69 a solo urbanizable; 66 están clasificadas como "varios"; e 3 refírense a solo rústico. O equipo redactor está nestes momentos traballando na clasificación das alegacións, tendo sido procesadas ata o momento 1.004. Unha vez que teñan sido todas procesadas e rigorosamente revisadas polos técnicos, comezará o estudo pormenorizado de cada unha delas. Segundo explica o equipo redactor, está previsto que estean todas clasificadas a finais do mes de abril, de tal xeito que a próxima xuntanza da Comisión de Urbanismo, na que se falará do contido e da natureza de cada unha das alegacións, poida ter lugar a mediados do mes de maio. A partir de entón será cando se estableza un calendario para tentar resolver as alegacións o antes posible. Unha das propostas baralladas onte era comezar a resolver empezando polas reclamacións referidas ás parroquias, aínda que o sistema concretarase máis adiante.

A proposta teatral de "Gaivotas subterráneas" e a música local do Rockarballo: no programa dos Venres Culturais

VENRES 19 E SÁBADO 20 ÁS 21.00 HORAS NO PAZO DA CULTURA

A proposta teatral de "Gaivotas subterráneas" e a música local do Rockarballo: no programa dos Venres Culturais

Mércores 17 de abril do 2013

O programa Venres Culturais continúa a fin de semana do 19 e 20 de abril con dúas propostas de lecer ben diferentes: unha estrea teatral e a música do mellor pop-rock carballés. No primeiro caso, cóntase a historia de Nino Carpio, que traballa nunha empresa de seguros e busca a Mario -músico e amigo da infancia-, ao que lle propón unha estafa. O autor contemporáneo español Alfonso Vallejo crea unha desacougante atmosfera ao redor da relación entre estes dous vellos amigos que nos fai gozar dun duro combate entre dous recoñecidos actores galegos: Luís Iglesia B. e Xabier Deive. Só dous personaxes e altas doses de intriga, non exentas de humor acedo, para indagar nas paixóns e nas retortas da identidade do ser humano. O equipo de traballo desta produción está vinculado a tres empresas diversas que se alían para explorar novas relacións e formas de funcionar: RTA, Voz Audiovisual e Talía Teatro, que asume a dirección e versión da man de Artur Trillo. A cita é o venres 19 ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura. A duración prevista do espectáculo é de 75 minutos, mentres que o prezo da entrada é de 4 € (3 € para maiores de 65, menores de 12 e persoas con carné de estudante).

Presentados corenta e seis traballos ao IX Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2013

A CAMPAÑA "GÚSTAME O GALEGO" VISITA O IES ALFREDO BRAÑAS

Presentados corenta e seis traballos ao IX Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2013

Luns 15 de abril do 2013

O Concello de Carballo ten recibido -unha vez finalizado o prazo de presentación o pasado xoves 11 de abril- un total de 46 traballos para o IX Premio a artigos xornalísticos normalizadores. Os membros do xurado comezarán a analizar e avaliar os diferentes traballos e, na última semana de abril ou na primeira de maio, xuntaranse na capital bergantiñá para elixir o artigo gañador. O xurado desta novena edición está composto por: Xurxo Chapela, xornalista carballés; Belén Puñal, xornalista carballesa; Carlos Callón, gañador da última edición do premio; Nel Vidal, como representante do Concello, secretario, sen voto. Os obxectivos do Premio a artigos xornalísticos normalizadores son promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso e prestixio do idioma galego e promover o uso do galego na prensa. Outorgarase un premio económico ao artigo gañador, dotado con 1.000 euros, ademais da difusión nos doce medios colaboradores coa iniciativa. Nas oito edicións anteriores foron premiados/as autores/as como Xurxo F. Carballido, Olga Patiño, Ana R. Barreiro, Ramón Vilar, Miguel Mosquera, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, Pilar García Negro, Marica Campo, Marcos Abalde ou Carlos Callón. O gañador ou gañadora desta edición darase a coñecer en maio.

Carballo contribúe ao desenvolvemento do proxecto RedeXiana2 para o fomento do emprego na provincia

INSCRICIÓNS NOS CURSOS DO 15 AO 26 DE ABRIL, INCLUSIVES

Carballo contribúe ao desenvolvemento do proxecto RedeXiana2 para o fomento do emprego na provincia

Venres 12 de abril do 2013

A Deputación da Coruña desenvolve en colaboración co Concello de Carballo accións formativas dirixidas a persoas desempregadas dos concellos da Laracha, Cabana de Bergantiños, Carballo, Coristanco, Malpica de Bergantiños, Ponteceso e Santa Comba. Carballo renova unha vez máis como entidade sede do proxecto Rede Xiana 2, e polo tanto será a encargada de facilitar as instalacións do Forum Carballo para a realización dos cursos de formación. O Concello de Carballo colabora coa Deputación en proxectos de formación e inserción laboral dende hai moitos anos, e é entidade sede do proxecto Rede Xiana dende o ano 2009, impartindo cursos de atención sociosanitaria e panadería e bolería. A formación enmárcase no proxecto RedeXiana2 (Xestión Integral, Accesibilidade, Novas Tecnoloxías e Adaptabilidade no mercado laboral galego), cofinanciado polo organismo provincial e o Fondo Social Europeo. O proxecto inclúe un programa formativo que combina formación teórica con experiencia laboral en entidades e empresas da provincia de sectores económicos relacionados coa formación impartida. O Concello cede as instalacións municipais do Forum para impartir accións formativas, que poden ser accións formativas de base ou específicas. O prazo de inscrición para participar está aberto entre o 15 e o 26 de abril, ambos inclusive.

A fotógrafa Mónica Noya expón a súa "persoal" visión sobre como "Vivir do mar" até o 10 de maio no Pazo da Cultura

EN HORARIO DE 18.00 A 21.00 HORAS

A fotógrafa Mónica Noya expón a súa "persoal" visión sobre como "Vivir do mar" até o 10 de maio no Pazo da Cultura

Venres 12 de abril do 2013

A fotógrafa santiaguesa afincada en Carballo Mónica Noya Pérez expón na sala do andar -1 do Pazo da Cultura a mostra titulada "Vivir do mar". Trátase dun proxecto académico que a artista realizou para a Escola de Artes Pablo Picasso e que pretende descubrir "o día a día e o modo de vida dunha vila costeira", nas propias verbas de Noya. A mostra consta de 23 instantáneas de carácter documental sobre a actividade do sector pesqueiro en Malpica, e a fotógrafa a descrebe como unha aposta "moi persoal" e tamén como unha maneira de homenaxear ás persoas que aparecen nas imaxes, algunhas delas, como Manolo "con moito mérito despois de 45 anos traballando no mar". Trátase dun documento gráfico que para esta santiaguesa "de interior" xurdiu froito da "curiosidade" e co obxectivo de "mostrar a realidade sen ningunha distorsión", valorando a mostra dende o punto de vista da "intensidade humana e social", máis que a través da estética. É a segunda ocasión en que estas fotografías ven a luz en forma de exposición, xa que a primeira vez amosáronse en Malpica porque, como di a propia autora, "creo que llo debía" como agradecemento pola colaboración e a acollida da vila mariñeira, na que traballou varios días en embarcacións, na lonxa ou cos percebeiros. Pode visitarse de 18.00 a 21.00 horas até o 10 de maio.

Concello e Xunta ultiman os detalles do convenio que plasma o traslado das oficinas de Emprego e Medio Rural ao Fórum

OCUPARÁN VARIOS ESPAZOS NA NAVE 2 DO RECINTO

Concello e Xunta ultiman os detalles do convenio que plasma o traslado das oficinas de Emprego e Medio Rural ao Fórum

Venres 12 de abril do 2013

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado do Concelleiro de Formación e Emprego, Marcos Trigo, e do responsable do Centro de Formación, Juan Lorenzo, vén de manter unha xuntanza coa Xefa Territorial da Xunta na Coruña, Belén Docampo, para ultimar os detalles do traslado das dependencias da Oficina de Emprego (da Consellería de Traballo e Benestar) e das oficinas consellerías de Medio Rural e Mar (Oficina Agraria Comarcal) e de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (neste último caso con seis persoas do distrito ambiental II do Servizo de Conservación da Natureza) situadas en distintos puntos da vila ao complexo Fórum Carballo. Durante a reunión examinouse o texto do convenio con detalle, estudándose os termos do acordo e coordinando os últimos fíos para que sexa ratificado o antes posible tanto pola Xunta como polo pleno do Concello carballés. As tres consellerías implicadas informaron favorablemente o pasado mes de febreiro a realización dos distintos trámites para adquirir un dereito de uso sobre os espazos do edificio (na planta baixa e andar 1 da nave 2 do Fórum) onde xa están situadas as oficinas do Centro Municipal de Formación e do servizo de Orientación Laboral do Concello. A cesión de uso sería gratuíta e por un prazo de 25 anos para poder desenvolver as actividades administrativas relativas aos departamentos citados.

Compartir: