Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
A campaña "Presume de praceiro/a" reparte 150 euros en vales de compra entre tres clientes do mercado municipal

INICIATIVA DA DIRECCIÓN XERAL DE COMERCIO COA AXUDA DO CONCELLO

A campaña "Presume de praceiro/a" reparte 150 euros en vales de compra entre tres clientes do mercado municipal

Venres 12 de abril do 2013

O Mercado Municipal vén de acoller o primeiro dos dous sorteos que se levarán a cabo dentro da campaña "Presume de praceiro/a" posta en marcha pola Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria en preto dun centenar de prazas de abastos de toda Galicia. Participaron na rifa aqueles clientes e clientas do mercado municipal que nos últimos días mercaron nos postos da praza e depositaron as súas papeletas nunhas urnas destinadas a tal fin incluíndo, ademais dos seus datos persoais, o posto do mercado do seu praceiro/a favorito. No sorteo estiveron presentes o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a Concelleira de Feiras e Mercados, Milagros Lantes; unha representante da Dirección Xeral de Comercio; e o dono de Carnicería Santiago, elixido como "mellor praceiro" polos clientes do mercado na anterior campaña e encargado de ser a "man inocente" que seleccionou as papeletas premiadas. Finalmente, resultaron elixidos 3 gañadores: 1º Premio, vale de 75 euros: Herminia Varela Cures; 2º Premio, vale de 50 euros: Mari Luz González Rama; 3º Premio, vale de 25 euros: Manuel Varela Díaz. Os cheques serán cambiables unicamente no propio mercado en forma de desconto nas próximas compras a través de vales por un importe de 5 euros. A validez dos cupóns remata o 31 de maio de 2013.

Aspaber clausura coa entrega de diplomas un exitoso curso de Coidador de persoas con discapacidade física e psíquica

O ALCALDE E A DIRECTORA DE FUNDOSA PRESIDIRON O PECHE

Aspaber clausura coa entrega de diplomas un exitoso curso de Coidador de persoas con discapacidade física e psíquica

Venres 12 de abril do 2013

Aspaber (Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños) vén de clausurar nas súas instalacións da Brea un curso de Coidador de persoas con discapacidade física e psíquica no que teñen participado un total de 17 persoas entre os meses de novembro e febreiro e cun aproveitamento de 300 horas. Ademais dunha parte máis formativa, a actividade incluíu o desenvolvemento de prácticas, tanto no Centro de Día de Aspaber, como en outras entidades, como centros da terceira idade, etc. O peche da actividade consistiu na entrega de diplomas, na que, ademais do presidente e a directora de Aspaber, Francisco Costa e Dolores Vázquez, estiveron presentes o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, a directora territorial de Fundosa (Fundación ONCE para a Cooperación e Inclusión Social de Personas con Discapacidade), Menchu Iglesias, e as persoas responsables de impartir o curso. Costa aproveitou para felicitar aos futuros coidadores e ás familias, e agradeceu a colaboración da Fundación ONCE, impulsora do curso, sen esquecer solicitar a súa axuda para actividades futuras, especialmente nestes tempos "en que os medios son francamente xustos". Vázquez subliñou o excelente rendemento do curso, que "superou todas as expectativas" e que serviu "non só para a formación laboral", senón tamén para "traballar no propio ámbito familiar".

Alumnado da localidade bretoa de Vannes visita Carballo nun intercambio con rapaces e rapazas do IES Monte Neme

ESTARÁN NA VILA ATÉ O VENRES 19 DE ABRIL

Alumnado da localidade bretoa de Vannes visita Carballo nun intercambio con rapaces e rapazas do IES Monte Neme

Venres 12 de abril do 2013

Un grupo de alumnos e alumnas da localidade bretoa de Vannes (Francia) visita Carballo até o venres 19 de abril nun intercambio con alumnado do IES Monte Neme da capital municipal. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero e a Tenente de Alcalde e representante do Concello no Consello Escolar Municipal, Milagros Lantes, recibiron no salón de plenos da Casa Consistorial a estes rapaces e rapazas que chegaron á vila o xoves 11 de abril e que durante as próximas xornadas convivirán nas aulas con alumnado do IES Monte Neme e serán acollidos en distintas familias en toda a vila. Baixo a supervisión de directiva e profesorado do instituto, e nunha mestura de galego, castelán e francés, recibiron a benvida do rexedor, que subliñou o feito de que coñece a "preciosa" vila de Vannes de primeira man, así como parte da Bretaña francesa, desexando que "esta visita permita establecer amizades entre persoas de Galicia e Bretaña". A delegación de Vannes xa ten estado no Museo de Bergantiños e no centro da vila, pero nos próximos días tamén coñecerán A Coruña, Santiago de Compostela e Portugal, ademais de participar en varias clases coa sección bilingüe de francés do IES Monte Neme. Durante a recepción, o Alcalde recibiu da delegación francesa un agasallo consistente en sidra bretoa e unha caixa de doces típicos, mentres que os rapaces e rapazas franceses recibiron un pequeno lote de libros.

A realidade laboral e os segredos da cociña galega nas propostas teatrais dos Venres Culturais para a fin de semana

VENRES 12 ÁS 21.00 HORAS E DOMINGO 14 ÁS 18.00 HORAS

A realidade laboral e os segredos da cociña galega nas propostas teatrais dos Venres Culturais para a fin de semana

Xoves 11 de abril do 2013

Esta fin de semana continúa a programación cultural do Concello de Carballo do mes de abril, dentro da proposta Venres Culturais, con dous espectáculos destinados a público adulto e público infantil, neste último caso co diclo En Familia. O venres 12 de abril continúa o teatro de adultos coa compañía Redrum Producións que presenta o seu espectáculo "Curriculum Vitae" (na imaxe), unha comedia de rabiosa actualidade que aborda o tema das entrevistas de traballo. Varios autores son os responsables de ironizar sobre o traballo lixo, as ETT's, o enchufismo, os curriculos absurdos, etc., a través dunha visión distinta, divertida e sorprendente. Son Diego Ameixeiras, Araceli Gonda, Avelino González, Manolo Cortés e Xosé Prieto. Redrum Producións é unha compañía de recente creación que está formada por actores e actrices do sector audiovisual e que visitou a Rúa dos Contos no FIOT 2012. Este espectáculo comeza ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura e conta coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). As entradas poden reservarse no 981 704 300 nas oficinas da Concellaría de cultura. O prezo ordinario é de 3 € e de 2 € o prezo reducido. A duración prevista do espectáculo é de 80 minutos.

O alumnado do Parga Pondal apúntase, xunto co Alcalde e o Concelleiro de Dinamización Lingüística a "Gústame o galego"

O MARTES 16 A INICIATIVA VISITA O IES ALFREDO BRAÑAS

O alumnado do Parga Pondal apúntase, xunto co Alcalde e o Concelleiro de Dinamización Lingüística a "Gústame o galego"

Xoves 11 de abril do 2013

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o Concelleiro de Normalización Lingüística, Xosé Regueira, e o alumnado e profesorado do IES Isidro Parga Pondal da capital municipal veñen de sumarse á campaña "Gústame o galego" que pretende visibilizar o apoio individual de persoas ao proceso de normalización lingüística a través de fotos con frases suxestivas sobre o uso do galego en diversos ámbitos e situacións. De 10.00 a 13.00 horas rapaces e rapazas foron pasando por un pousadoiro no que plasmar a través dunha imaxe o sentir de cada un acerca do idioma. Os obxectivos desta acción son visibilizar e difundir o apoio de persoas a nivel individual ao proceso de normalización lingüística, favorecer que persoas de todo tipo e de todas as idades se impliquen e posicionen a prol do fomento do galego, provocar unha mínima reflexión sobre a necesidade de fomento do galego en distintos ámbitos e situacións e achegar tanto a espazos públicos como á rede e aos medios mensaxes favorables a prol da normalización lingüística en todos os ámbitos, e facéndoas visibles a través de persoas concretas. O Alcalde escolleu o lema "...que no deporte o galego non quede en fóra de xogo", mentres que Xosé Regueira optou por "...poder entenderme en galego con máis de 200 millóns de persoas".

A campaña de dinamización lingüística "Gústame o galego" chega ao alumnado dos IES Parga Pondal e Alfredo Brañas

XOVES 11 E MARTES 16 DE ABRIL

A campaña de dinamización lingüística "Gústame o galego" chega ao alumnado dos IES Parga Pondal e Alfredo Brañas

Mércores 10 de abril do 2013

"Gústame... que non me traduzan o café con leite". "Gústame... que intentes falar galego, aínda que che custe un pouquiño". "Gústame... o galego ata no carné de identidade". "Gústame... como empezan a falar galego @s pequerrech@s". Estas son algunhas das suxestivas frases coas que o alumnado e profesorado dos IES Parga Pondal -o xoves 11- e Alfredo Brañas -o martes 16 de abril- se poderán retratar para dicir que lles gusta o galego. "Gústame o galego" é unha campaña xeral de fomento da lingua coa que se visibiliza o apoio individual de persoas ao proceso de normalización lingüística a través de fotos con frases suxestivas sobre o uso do galego en diversos ámbitos e situacións. Os obxectivos desta acción son visibilizar e difundir o apoio de persoas a nivel individual ao proceso de normalización lingüística, favorecer que persoas de todo tipo e de todas as idades se impliquen e posicionen a prol do fomento do galego, provocar unha mínima reflexión sobre a necesidade de fomento do galego en distintos ámbitos e situacións e achegar tanto a espazos públicos como á rede e aos medios mensaxes favorables a prol da normalización lingüística en todos os ámbitos, e facéndoas visibles a través de persoas concretas.

O Club Ciclista Carballo volve co ciclo de rutas "Coñece o teu Concello" durante os meses de abril e maio

PRIMEIRA CITA: SÁBADO 13 DE ABRIL ÁS 16.00 HORAS

O Club Ciclista Carballo volve co ciclo de rutas "Coñece o teu Concello" durante os meses de abril e maio

Martes 9 de abril do 2013

Un ano máis, e xa van tres, o Club Ciclista Carballo organiza, coa colaboración do Concello de Carballo, o ciclo de rutas en bicicleta "Coñece o teu Concello", que percorre sobre dúas rodas os lugares máis emblemáticos do municipio co obxectivo de poñer en valor o seu patrimonio cultural e artístico, ademais de fomentar a práctica do deporte. "Congratulámonos de que o Club Ciclista aposte non só polo deporte, senón tamén por dar a coñecer o noso Concello", subliña o Concelleiro Marcos Trigo. As rutas transcorren entre o sábado 13 de abril e o domingo 19 de maio e contan cunha media de lonxitude de aproximadamente 20 quilómetros para facelas alcanzables a persoas de todas as idades a partir dos 10 anos. En anos anteriores a proposta ten acadado un notable éxito, cunha media de 50 participantes por ruta que fai que a cita teña continuidade cada primavera. Cada unha das rutas conta con paradas programadas en monumentos ou espazos de relevancia do municipio, como cruceiros, castros, igrexas ou espazos naturais. A primeira delas ten lugar o sábado 13 de abril. De 19 quilómetros de lonxitude e baixa dificultade, transcorre por Sísamo, Goiáns, Cances e Oza. Os interesados e interesadas en asistir tan só teñen que presentarse na Praza do Concello a partir das 16.00 horas.

Despois da escasa resposta dos bancos, a Comisión de coordinación social aposta polos particulares para crear unha bolsa de vivenda

O OBXECTIVO É AXUDAR AOS AFECTADOS POLOS DESAFIUZAMENTOS

Despois da escasa resposta dos bancos, a Comisión de coordinación social aposta polos particulares para crear unha bolsa de vivenda

Martes 9 de abril do 2013

A Comisión de Coordinación Social do Concello de Carballo vén de manter a súa terceira xuntanza, unha reunión de hora e media de duración na que se recompilaron os pasos que se teñen dado ata o momento para conseguir a creación dunha bolsa de vivenda municipal con alugueres reducidos destinada a axudar a aquelas persoas en dificultades a causa de situacións de desafiuzamento. A resposta das entidades bancarias para poñer a disposición desta bolsa as vivendas baleiras do municipio que están no seu poder ten sido escasa ou máis ben nula, obténdose tan só unha morna resposta dunha das que operan no municipio. Por este motivo, a comisión acordou que o Concello se adhira ao convenio marco da FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias) para poder formar parte dunha bolsa que conte coa colaboración dos concellos de todo o estado. Este Fondo de Vivendas funcionaría grazas aos gobernos locais que elaboran os informes sobre a situación dos solicitantes e informan sobre o Fondo aos cidadáns. Con esto conseguiríase ter a disposición da futura bolsa carballesa un total de tres vivendas de tres entidades financeiras distintas. Porén, a comisión non abandona a idea de crear unha Bolsa de Vivenda independente, unicamente xestionada polo Concello, esperando a colaboración e a solidariedade dos veciños e veciñas.

O Concello traballa para plasmar algunhas das ideas do alumnado da Escola de Arquitectura e mellorar o urbanismo carballés

ESTÚDASE A COLOCACIÓN DUNHA LONA XIGANTE COA CASA DE CHINTO

O Concello traballa para plasmar algunhas das ideas do alumnado da Escola de Arquitectura e mellorar o urbanismo carballés

Venres 5 de abril do 2013

O pasado mes de xullo máis de 35 alumnos e alumnas da Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSA) da Universidade da Coruña (UDC) estiveron analizando o casco urbano carballés co obxecto de propoñer solucións para mellorar a capital municipal no marco do curso "Estratexias cidadás para os tempos da crise". Divididos en seis grupos, realizaron un interesante traballo de campo movéndose pola vila e intercambiando impresións cos veciños e veciñas para ofrecer propostas e solucións que se plasmaron en forma de conclusións en outros seis traballos: "Invasión", "Carballando", "Espazos mixtos", "Quedamos na lembranza", "Ocúpame" e "Outra realidade". Agora estas seis propostas toman forma nun libro editado pola ETSA coa colaboración do Concello e Conservas Calvo que leva o título das xornadas e que recompila toda a interesante información e traballo que se realizou durante unha semana no Fórum Carballo e nas rúas da vila. Cristóbal Crespo, profesor da ETSA e coordinador do curso, lembrou durante a presentación deste libro algunhas das orixinais ideas xurdidas durante o que denominou unha gran "tormenta de ideas", como a creación dunha rede ficticia de metro en lugares sinalados do casco urbano para poñelos en valor, recuperar a historia da cidade ou cubrir as feas medianeiras do centro con imaxes do Carballo de hai 50 ou 60 anos.

O equipo de 1º de Bacharelato do IES Parga Pondal competirá representando a Carballo na fase galega do Club de Debate

A CITA SERÁ NO AUDITORIO DE GALICIA EN SANTIAGO O 4 DE MAIO

O equipo de 1º de Bacharelato do IES Parga Pondal competirá representando a Carballo na fase galega do Club de Debate

Venres 5 de abril do 2013

O equipo de dez alumnos de 1º de Bacharelato do IES Isidro Parga Pondal de Carballo será o que represente ao Concello na fase galega do Club de Debate que está previsto que teña lugar no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela o vindeiro sábado 4 de maio. O Pazo da Cultura de Carballo vén de acoller a celebración da fase previa e eliminatoria desta iniciativa, na que competiron o equipo gañador e o grupo de 4º de ESO formado tamén por dez alumnos e alumnas do IES Isidro Parga Pondal. O Club de Debate é unha actividade organizada desde os servizos de normalización lingüística dos concellos participantes que ten como obxectivo favorecer o emprego da lingua galega entre a mocidade, especialmente os usos orais en contextos formais e informais, potenciar a fluidez comunicativa ligada á oratoria, promover o pensamento crítico e analítico e fomentar a diversidade de opinións, a tolerancia fronte a diferentes cuestións e o traballo en equipo. O Concelleiro de Normalización Lingüística, Xose Regueira, foi o encargado de abrir a competición, tentando liberar aos participantes dos lóxicos nervos iniciais e subliñando "o carácter case experimental" desta primeira eliminatoria, xa que é a primeira vez que Carballo toma parte de forma activa nun Club que xa leva varios anos en marcha, e no que desta volta colaboran os concellos de Ames, Cee, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vigo, ademais do de Carballo.

O programa Venres Culturais comeza con música e teatro a cargo de Quico Cadaval e Mofa e Befa e do festival Rockarballo

VENRES 5 E SÁBADO 6 DE ABRIL NO PAZO DA CULTURA

O programa Venres Culturais comeza con música e teatro a cargo de Quico Cadaval e Mofa e Befa e do festival Rockarballo

Xoves 4 de abril do 2013

Mofa e Befa, vellos coñecidos de Carballo, regresan á escena no Pazo da Cultura para colocar un dos mitos contemporáneos no seu sitio: o espírito romántico. A revolución que transformou o mundo e o converteu nun espazo de liberdade serve agora de desculpa para a creación de cancións e filmes con doses de edulcorantes sintéticas. Si, os transboleiros e as afterbaladas que martirizan aos usuarios e usuarias de transportes públicos e visitantes de centros comerciais. O romántico fica reducido a música de cantores, ollares de carneiro de galáns de telenovela e á memoria para lembrar os aniversarios de voda. Mofa e Befa, sensibles ao auténtico espírito romántico, queren lembrar os cumes treboentos, as negras sombras, os monstros feitos de materia morta, os amores de vampiros prolongándose nos séculos, as mulleres dacabalo fumando pitillos e os navíos errantes de matrícula holandesa. Un instrutivo repertorio de Mofa e Befa (Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira) que se ve completado polos luminosos esclarecementos do doutor Cadaval e polo romántico bálsamo das aveludadas melodías de Piti Sanz. A cita, que abre o programa Venres Culturais, é o venres 5 de abril ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura. A entrada é de 4 €, 3 € con desconto e a duración prevista do espectáculo é de 100 minutos. Os interesados e interesadas en saber máis sobre a compra de entradas, premer aquí.

Máis de 20 actividades de teatro, música, danza, cine e exposicións conforman a programación cultural de abril e maio

VENDA DE ENTRADAS E BONOS A PARTIR DO 2 DE ABRIL

Máis de 20 actividades de teatro, música, danza, cine e exposicións conforman a programación cultural de abril e maio

Luns 1 de abril do 2013

O venres 5 de abril principia a programación do Pazo da Cultura para os meses de abril e maio. A oferta inclúe máis de vinte actividades para todos os públicos que se organizan en dous ciclos: Venres Culturais e Primavera enDanza. O programa Venres Culturais esténdese os dous meses e comprende espectáculos de teatro e de música, así como cine e exposicións. Pola súa banda, Primavera enDanza volve un ano máis, e xa van once, intentando achegar ao público a danza contemporánea. Nesta ocasión chega nun formato máis concentrado, tendo lugar nas dúas primeiras semanas do mes de maio. Está formado por 3 espectáculos de compañías galegas e unha de fóra de Galicia, dirixidos tanto a público adulto como a infantil. A Concelleira de Cultura, Mar Eirís, quixo subliñar que se trata dunha programación "variada e de calidade" que quere contribuír a que Carballo siga sendo "un punto de referencia comarcal para a cultura" mantendo cada ano citas estables relacionadas coa música, a danza e o teatro. Quixo agradecer, así mesmo, a colaboración da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), da Deputación da Coruña e das asociacións e entidades do municipio que contribúen á construción do programa. O Alcalde, Evencio Ferrero, defendeu a necesidade dunha programación que contribúa a crear "industria cultural", xa que "a danza e o teatro tamén son economía" e "si en algo non debemos recortar é na difusión cultural".

Compartir: