Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Luz verde no pleno aos Presupostos xerais para 2013 cunha emenda para incrementar os gastos en Formación e Emprego

APROBADO UN RECOÑECEMENTO EXTRAXUDICIAL DE 37.000 EUROS

Luz verde no pleno aos Presupostos xerais para 2013 cunha emenda para incrementar os gastos en Formación e Emprego

Martes 26 de marzo do 2013

O pleno da corporación vén de sacar adiante na sesión ordinaria de marzo os Presupostos xerais para 2013 cos votos a favor dos grupos políticos de BNG e PSOE e en contra de PP e TEGA. As contas aprobáronse coa inclusión de dúas emendas respecto das cifras iniciais presentadas o pasado 16 de marzo e que poden consultarse premendo aquí. A primeira refírese ao Capítulo 1 de gastos de persoal, no que se poderá incorporar a promoción interna dos anos 2010, 2011 e 2012, o que supón un incremento de 61.800,65 euros dese apartado. Esta cantidade achegarase dende o Capítulo 6 de Investimentos reais do orzamento, en concreto da partida de Urbanización de terreos que tiña un importe de 180.000 euros. A segunda emenda estará nos orzamentos a raíz dunha proposta do PSOE que incrementa en 30.000 euros a partida de gastos en Formación e Emprego co compromiso de que o goberno local destine a maior parte deste investimento a accións formativas propias do Concello. Esta cantidade restaríase do importe destinado a Augas e Sumidorios. Así mesmo, esta proposta do líder socialista, José Antonio Viña, supón a creación dunha partida no Capítulo 1 de gasto destinada á Concesión do Alumeado Público en previsión de que a contratación deste servizo sexa posible ao longo do exercicio de 2013, dado que neste momento estanse elaborando as prescricións técnicas para licitar o Mantemento do Alumeado Público.

O goberno convocará unha comisión informativa de urbanismo para realizar unha valoración das alegacións presentadas ao PXOM

MÉRCORES 17 DE ABRIL

O goberno convocará unha comisión informativa de urbanismo para realizar unha valoración das alegacións presentadas ao PXOM

Luns 25 de marzo do 2013

O goberno carballés vai convocar unha comisión informativa de urbanismo para o mércores 17 de abril na que está previsto realizar ante todos os grupos políticos municipais e coa axuda do equipo redactor unha valoración das alegacións presentadas ao documento para aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Así, e unha vez rematado o venres 22 de marzo o período de exposición pública de dous meses marcado por lei, darase conta do número total de alegacións rexistradas, que a día de hoxe ascende a 1.850. Tamén se realizará unha clasificación atendendo á tipoloxía das alegacións, dependendo de se refiren a chan urbano, rústico, etc. Nesa xuntanza está previsto, así mesmo, que se realice unha estimación dos prazos previstos para resolver estas alegacións. Hai que lembrar que o documento para aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo estivo a disposición de todos os veciños e veciñas durante dous meses no edificio Fórum Carballo, así como a través da páxina web municipal. Desde o primeiro día en que os planos e documentos estiveron a disposición do público a afluencia de cidadáns ten sido constante, así como a media de descargas e visitas a través da web.

Adxudicadas obras de mellora de rúas e camiños na capital e parroquias, así como para redes de saneamento en Ardaña e Rus

LUZ VERDE PARA OS VENRES CULTURAIS E PRIMAVERA ENDANZA

Adxudicadas obras de mellora de rúas e camiños na capital e parroquias, así como para redes de saneamento en Ardaña e Rus

Luns 25 de marzo do 2013

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de adxudicar os contratos de obra de tres actuacións incluídas no Plan DTC 94 da Deputación da Coruña, "Unha Deputación para todos os concellos". En primeiro lugar, Construcciones López Cao SL realizará os traballos de "Conservación do pavimento das rúas do casco urbano de Carballo" por un prezo de adxudicación de 134.310 euros (con IVE) sobre un prezo de licitación de 149.513,02 euros e cun prazo de execución previsto de tres meses a contar dende o día seguinte á firma da acta de comprobación e replantexamento. En segundo, Construcciones Ramón Vázquez y Reino asumirá o contrato administrativo de obras de "Rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños nas parroquias de Rus, Artes, Bértoa (na imaxe), Lema, Goiáns, Sísamo, Sofán e Carballo do Concello de Carballo" por un prezo de adxudicación de 74.620,70 euros (con IVE) sobre un prezo de licitación de 91.001,5 euros. O prazo de execución neste caso tamén é de tres meses. Por último, a Xunta de Goberno dou luz verde á adxudicación, tamén a Construcciones Ramón Vázquez y Reino, do contrato administrativo de obras de "Mellora da rede de saneamento nas parroquias de Ardaña e Rus". O prezo de adxudicación é de 74.052 euros (con IVE), sobre un valor estimado de contrato de 92.586,85 euros. Neste caso, o prazo de execución segue a ser de tres meses.

O Fórum acolle Expo Voda, o I Salón de Vodas, Comuñóns e Celebracións de Carballo: a fin de semana do 6 e 7 de abril

HORARIO: ININTERROMPIDO DE 11.00 A 21.00 HORAS

O Fórum acolle Expo Voda, o I Salón de Vodas, Comuñóns e Celebracións de Carballo: a fin de semana do 6 e 7 de abril

Venres 22 de marzo do 2013

O recinto Fórum Carballo acolle a fin de semana do 6 e 7 de abril Expo Voda, o I Salón de Vodas, Comuñóns e Celebracións que se celebra no municipio e na Costa da Morte. Arredor dunha vintena de establecementos da vila participan na iniciativa, pero tamén se ofrecen servizos doutros lugares próximos para ampliar a oferta con propostas que non están dispoñibles en tendas da comarca. É o caso de Fotomatón Galicia, situada na Coruña, que permite contratar unha cabina de fotomatón para que os invitados poidan sacar as fotos que queiran durante a celebración; ou un servizo de aluguer de coches clásicos que participa dende Arteixo. María del Carmen Freire, xerente do Centro Comercial Aberto Carballo (CCA), entidade organizadora da cita coa colaboración do Concello de Carballo e a Dirección Xeral de Comercio, explica que a feira non está dirixida tan só a parellas, senón tamén a invitados ou a outras celebracións que non sexan vodas. Inténtase cubrir toda a oferta posible, incluíndo traxes, perruquería e banquetes, pero tamén servizos financeiros, de seguros e incluso inmobiliarios. Trátase dun salón "que non pretende a venda inmediata, senón futuros contactos cos establecementos", segundo Freire. Durante o salón, con horario ininterrompido de 11.00 a 21.00 horas, haberá degustacións gastronómicas e un desfile de moda ás 19.00 horas.

O pleno aborda a aprobación do orzamento de 2013 e do Inventario Municipal de Bens, que ascende a 262 millóns de euros

O RECOÑECEMENTO EXTRAXUDICIAL DE CRÉDITO BAIXA UN 88 POR CENTO

O pleno aborda a aprobación do orzamento de 2013 e do Inventario Municipal de Bens, que ascende a 262 millóns de euros

Venres 22 de marzo do 2013

A sesión plenaria ordinaria do mes de marzo -que se celebra o luns 25- inclúe na orde do día a aprobación do Inventario Municipal de Bens do Concello de Carballo, que recolle a existencia de 16.091 bens por un importe de 262.512.290,05 euros. Desa cantidade, a ampla maioría correspóndese con bens inmobles, xa que hai recoñecidos 7.823 por un valor de 257.430.204,47 euros. O Concello conta con 69 mobles histórico artístico de considerable valor económico, por 290.183,51 euros; así como con 47 vehículos valorados en 356.720,54 euros. O segundo apartado en importancia dentro do inventario é o de bens mobles, como aparatos informáticos, mobiliario, etc., por un importe de 4.386.970,78 euros. Outro dos asuntos que aborda o pleno é o visto bo para o segundo Recoñecemento extraxudicial de crédito do exercicio de 2012 do Concello de Carballo, un mecanismo polo que se recoñecen para o seu pago as facturas presentadas no Rexistro do Concello antes do 31 de decembro de 2012 e que por diversos motivos non se puideron abonar antes do remate do exercicio. O importe é de 37.867 euros, que sumados aos 37.287,36 euros do primeiro recoñecemento de 2012, aprobado nun pleno o 10 de xaneiro, suma un total de 75.155,56 euros, un 88 por cento menos que o importe do exercicio anterior, que ascendía a 482.877,35 euros. Respecto do total do orzamento, o recoñecemento de 2012 supón un 0,39 por cento.

Senda Nova incorpora dous novos percorridos de sendeirismo para a cuarta edición do programa Primavera en ruta

DOMINGOS ENTRE O 24 DE MARZO E O 9 DE XUÑO

Senda Nova incorpora dous novos percorridos de sendeirismo para a cuarta edición do programa Primavera en ruta

Xoves 21 de marzo do 2013

A Asociación Ambiental Senda Nova, coa colaboración do Concello de Carballo, organiza unha nova edición, por cuarto ano consecutivo, de "Primavera en ruta", unha iniciativa que propón un total de nove percorridos de sendeirismo co obxectivo de fomentar a práctica deportiva e o espírito de convivencia no marco da contorna natural. Este ano conta coa novidade da incorporación de dúas rutas inéditas, unha polo Concello de Coristanco seguindo as pegadas dunha vía romana e titulada Vía Alcaianus. E outra como peche da actividade denominada A ruta do río Xabriña, no concello do Covelo (Pontevedra). O presidente de Senda Nova, Xosé Manuel Menéndez, quixo lembrar as orixes do programa Primavera en Ruta, cunha semente que se plantou en 2007 con 12 persoas que se xuntaban as fins de semana para percorrer a comarca e "cos mesmos obxectivos que os de agora, unir os puntos de interese ambiental, cultural e paisaxístico" da zona, ademais de "fomentar a práctica deportiva e o espírito de convivencia dentro da contorna natural". O Concelleiro de Promoción Económica, Xose Regueira, agradeceu "que existan entidades como Senda Nova, que poñen en valor os nosos recursos" xa que "se nós non sabemos valorar o que temos, dificilmente poderemos transmitirllo aos demais".

As participantes no curso "Muller e vida" organizado polo CIM con motivo do 8 de marzo, recolleron os seus diplomas

A INICIATIVA CONTOU CUN TOTAL DE 30 MULLERES

As participantes no curso "Muller e vida" organizado polo CIM con motivo do 8 de marzo, recolleron os seus diplomas

Xoves 21 de marzo do 2013

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado da responsable do CIM (Centro de Información á Muller) Nieves Catañón, e da encargada de impartir a actividade, vén de entregar no Pazo da Cultura os diplomas do curso "Muller e vida", de 18 horas de duración, que se desenvolveu dende primeiros deste mes con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Un total de 30 mulleres do municipio participaron nesta iniciativa, que tivo lugar cada xoves no Pazo da Cultura e que afondou nos seguintes contidos: "Son unha muller e teño autoestima", "Dereito civil, os meus dereitos", "Dereito administrativo, as miñas relacións coas administracións", "Relacións paterno-filiais, resolución de conflitos", "Saúde sexual e enfermidades de transmisión sexual", "Métodos anticonceptivos", "Hábitos de vida saudable", "Axudas saudables" e por último "Organización de compras e do fogar". Así mesmo, todas elas asistiron ao Cinefórum no que se proxectou a película "Globos de agua" (2006), unha curtametraxe de ficción sobre conciliación laboral e familiar producida polo proxecto europeo Equal Camp de Túria Concilia. Durante o acto, as mulleres aproveitaron para plantexarlle ao Alcalde algunha das súas necesidades, especialmente polas dificultades que atravesan a raíz da crise económica.

O municipio conta con 121 novos colectores de papel e cartón pregado instalados a través do programa Carballo Limpo

CONTACTO CO SERVIZO NO 981 754 917

O municipio conta con 121 novos colectores de papel e cartón pregado instalados a través do programa Carballo Limpo

Martes 19 de marzo do 2013

Seguindo a liña das últimas accións do novo plan de limpeza que se está levando a cabo a través do programa Carballo Limpo, estase procedendo á instalación de 121 novos colectores de papel e cartón pregado. O reparto destes colectores azuis faise en función da poboación, polo que 61 deles están sendo instalados no centro urbano e os 60 restantes estanse ubicando no rural do municipio carballés co obxectivo de mellorar a recollida selectiva nestas zonas. Así, hai que lembrar que Carballo dispón dun servizo de recollida selectiva de lixo co que os habitantes do municipio poden contribuír á defensa do medio, separando os refugallos no seu domicilio. Así, os restos orgánicos deben depositarse no colector verde, os bricks e as latas no colector amarelo e o papel e o cartón no azul. O vidro vai aos iglús verdes. As baterías e os medicamentos son recollidos nos establecementos colaboradores e nas farmacias da Vila, respectivamente. O Concello dispón, ademais, dun servizo de recollida de aceite de cociña usado nos colectores laranxas. Desde as entidades implicadas en Carballo Limpo recordan que se anima á poboación a colaborar co proxecto e facer as súas achegas e suxestións. Para poñerse en contacto co servizo pódese chamar ao teléfono 981 754 917, consultar a web www.carballolimpo.com e agora tamén a través da conta de Twitter @CarballoLimpo.

Última semana para presentar alegacións ao documento para aprobación inicial do PXOM: até o venres 22 de marzo

MÁIS DE 5.000 VISITAS NA PÁXINA WEB PARA CONSULTAR O PLAN

Última semana para presentar alegacións ao documento para aprobación inicial do PXOM: até o venres 22 de marzo

Luns 18 de marzo do 2013

Principia a última semana na que os interesados e interesadas poderán formular as alegacións que consideren pertinentes para a defensa dos seus dereitos e intereses ao documento para aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Carballo. O período está aberto até o venres 22 de marzo, despois de dous meses de exposición pública tanto a través da páxina web municipal como con toda a documentación e planos relacionados co PXOM no recinto Fórum Carballo, ademais de nas diferentes parroquias do municipio. O horario de consulta no Fórum é de luns a venres de 10.00 a 14.00 horas, e martes e xoves de 17.00 a 20.00 horas. Os cidadáns son atendidos por técnicos municipais que poden solucionar as súas dúbidas, ademais de poder contar os xoves, a través de cita previa, coa presenza de membros do equipo redactor. Segundo os datos do Rexistro Municipal actualizados a venres 15 de marzo de 2013, xa se teñen presentado un total de 667 alegacións. Por outra banda, a través da web municipal -e segundo cifras do luns 18 de marzo- téñense contabilizado un total de 5.004 visitas de 2.494 direccións web diferentes nos 55 días que o documento leva exposto ao público. Destas visitas, en xaneiro rexistráronse 2.144, mentres que no mes de febreiro houbo 1.893 e no que vai do mes de marzo contabilizáronse 967.

Carballo presenta un orzamento centrado no benestar, na dinamización económica e no emprego por 21,9 millóns de euros

OS INVESTIMENTOS REAIS SUPOÑEN O 20,8 POR CENTO DO PRESUPOSTO

Carballo presenta un orzamento centrado no benestar, na dinamización económica e no emprego por 21,9 millóns de euros

Sábado 16 de marzo do 2013

O goberno municipal vén de presentar unhas contas para 2013 que, segundo explica a Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, "repectan a normativa e cumpren coa regra de gasto e cos requisitos económico financeiros para o equilibrio orzamentario". O importe ascende a 21.936.446,61 euros no apartado de ingresos e de 21.057.765,23 euros no de gastos, cun incremento dun 7,25 por cento e dun 5,4 por cento respectivamente en cada un dos apartados respecto das contas do exercicio anterior e un superávit, esixido polo plan económico financeiro, de 878.681,38 euros. Lendoiro explica que se trata "dun presuposto realista e moi prudente", que ten en conta "a situación económica xeral", garantindo "a eficiencia na xestión dos servizos" ao mesmo tempo que pensa no "benestar das persoas", en "dinamizar a economía do Concello" e en "impulsar a formación e o emprego", especialmente coa potenciación do Fórum Carballo. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, informou de que en 2012 se ingresou máis do previsto, nun 108,23 por cento, e houbo contención do gasto, xa que se consumiu o 80 por cento do orzamentado. Os ingresos do Concello por habitante son de 770,97 euros e os gastos de 566,72 euros, mentres que a carga financeira é "moi baixa", dun 3,96 por cento, cuns índices de aforro neto do 17 por cen, e do 20 por cen de aforro bruto. Uns números que reflicten "a excelente situación financeira, cun orzamento que permitirá manter o nivel de servizos e ademais incrementar os investimentos".

Preto dun centenar de obras conforman a exposición do XV Certame Xosé Manuel Eirís que gañou Marcos Rodríguez

NO TERCEIRO ANDAR DO PAZO DA CULTURA ATÉ O 25 DE ABRIL

Preto dun centenar de obras conforman a exposición do XV Certame Xosé Manuel Eirís que gañou Marcos Rodríguez

Venres 15 de marzo do 2013

O Concello de Carballo vén de inaugurar na sala da baixocuberta do Pazo da Cultura a Exposición do XV Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, conformada por unha escolma de 90 obras das 178 imaxes que se teñen presentado ao concurso. Nesta selección atópanse as catro imaxes gañadoras: o primeiro posto é para "Cóntamo todo", premiada con 700 euros e diploma, e realizada polo fotógrafo ceense Marcos Rodríguez. Para o segundo premio, dotado con 450 euros e diploma, resultou elixida a fotografía que leva por título "El tiempo espera" presentada por Xavier Ferrer Chust, de Vila-Real (Castellón). O Premio Especial Carballo, que distingue as imaxes centradas no municipio e dotado con 450 euros e diploma, recaeu na fotografía que leva por título "Auxilio" presentada por Eduardo Verdes Pereira, de Laracha. Por último, o xurado tamén decidiu outorgar dous accésits dotados con 125 euros cada un e diploma ás seguintes obras: á fotografía "Bosque de arena" presentada por Áurea Malvido, de Pontevedra; e á fotografía "Lake" presentada por Laura Cuba, de Oleiros. Esta edición ten rexistrado 75 participantes e dáse o caso de que Marcos Rodríguez gaña por segunda vez o concurso, tengo resultado vencedor coa imaxe "Toda unha vida" na edición de 2010.

Difundir a cultura emprendedora e mellorar as infraestruturas tecnolóxicas: algúns dos retos da innovación empresarial

ESTUDO ELABORADO POLO OBSERVATORIO ECONÓMICO LOCAL

Difundir a cultura emprendedora e mellorar as infraestruturas tecnolóxicas: algúns dos retos da innovación empresarial

Mércores 13 de marzo do 2013

A difusión dunha cultura empresarial e de innovación, a mellora das infraestruturas tecnolóxicas e o fomento da implantación de sistemas de xestión avanzados baseados nas novas tecnoloxías son algúns dos principais retos da innovación empresarial tanto no Concello de Carballo como na súa área de influencia para os próximos anos. Así o reflicten as conclusións do estudo "A innovación empresarial en Carballo e a súa área de influencia" realizado polo Observatorio Económico Local do municipio durante o ano 2012 e que vén de ser presentado no Viveiro de Empresas da Antena Local da Cámara de Comercio coa presenza do seu presidente, Marcelo Castro-Rial Schuler e do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Tamén asistiu ao acto o director xeral da Cámara, Gonzalo Ortiz Amor, así como representantes da vida comercial e empresarial da zona. Este estudo consiste nunha análise detallada da innovación empresarial en Carballo e a súa contorna, tendo en conta que forma parte dun sistema de innovación máis amplo que abarca toda Galicia. Segundo Marcelo Castro-Rial, "a innovación é algo que afecta a todos os aspectos dunha empresa para que sexa máis competitiva", pero é necesario "esforzo e cultura innovadora" así como a colaboración institucional.

Compartir: