Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Xuntanza entre todos os Alcaldes de Bergantiños e representantes da plataforma de afectados polas participacións preferentes

MOCIÓN CONXUNTA DE APOIO POR PARTE DOS CONCELLOS DA COMARCA

Xuntanza entre todos os Alcaldes de Bergantiños e representantes da plataforma de afectados polas participacións preferentes

Martes 12 de marzo do 2013

Un grupo de representantes da Plataforma de afectados polas participacións preferentes e obrigas subordinadas veñen de reunirse na Casa do Concello de Carballo con todos os alcaldes da comarca de Bergantiños para solicitar o seu apoio. Un total de oito afectados expuxeron a súa situación diante do Alcalde carballés, Evencio Ferrero, que actuou como anfitrión, e dos rexedores de Cabana, Manuel Muíño; Coristanco, Antonio Pensado; Laxe, Antón Carracedo; Malpica, Eduardo Parga; A Laracha, José Manuel López Varela; e Ponteceso, José Luis Fondo. Todos eles adquiriron o compromiso de aprobar nos plenos das súas corporacións unha moción conxunta de apoio aos afectados, na que se lle solicita á Xunta de Galicia a que se dirixa aos distintos organismos e autoridades políticas e monetarias competentes para, no caso das comercializacións indebidas destes produtos híbridos, eliminar as quitas e evitar que se realicen trocos por outro tipo de produto financeiro que non poida ter liquidez a curto prazo ou poida supoñer perda no valor nominal dos títulos dos seus produtos; e tamén que se manteña, axilice e reforce o sistema de arbitraxe. Precisamente nesto último fixo fincapé Xan Fernández Carrera, voceiro da plataforma, que considera que a arbitraxe é o sistema que mellor defende os seus dereitos para que poidan recuperar o seu diñeiro.

Os voceiros municipais debaten unha proposta para regular os fondos edificables e incorporala ao PXOM

CONVOCARASE UNHA XUNTANZA DA COMISIÓN DE URBANISMO

Os voceiros municipais debaten unha proposta para regular os fondos edificables e incorporala ao PXOM

Venres 8 de marzo do 2013

A Oficina Técnica Municipal, en colaboración co equipo redactor do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) -documento que nestes momentos está sendo sometido ao período legal de exposición pública de dous meses que remata o 22 de marzo-, vén de elaborar varias propostas sobre os fondos edificables co obxectivo de reducir o máis posible o número de edificios que quedarían fóra de ordenación unha vez que o PXOM reciba a aprobación definitiva. Así, debido á diferenza existente entre os fondos edificables (distancia máxima entre a fachada do inmoble e a parte posterior) permitidos tanto polas normas subsidiarias dos anos 80 como polo PXOM aprobado en 2003 e os fondos autorizados polo planeamento que está en proceso de aprobación, un certo número de vivendas do casco urbano quedarían fóra da ordenación. Nas normas anteriores, a distancia permitida era de 30 metros para as plantas baixas e 20 para as plantas altas, mentres que agora o PXOM estipula que sexan 20 e 15 metros, respectivamente. Por este motivo, os técnicos do Concello xunto cos responsables de redactar o Plan veñen de presentarlle ao goberno unha das propostas estudadas que será debatida pola Comisión Municipal de Urbanismo (que inclúe menbros de todos os grupos municipais) para poder incorporar ao PXOM en proceso de aprobación provisional estas novas directrices.

O presidente do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade visita Aspaber e interésase pola limpeza viaria

RECEPCIÓN NO CONCELLO CO ALCALDE E MEMBROS DA CORPORACIÓN

O presidente do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade visita Aspaber e interésase pola limpeza viaria

Venres 8 de marzo do 2013

O presidente do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI), Luis Cayo Pérez Bueno, acompañado do ex presidente de CEPES (Confederación Empresarial Española de Economía Social) e membro do Padroado da Fundación Carlos Martín (que traballa a prol da mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual) Marcos de Castro, vén de visitar as instalacións de Aspaber (Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños) na Brea para interesarse tanto polo seu labor, como polo contrato da entidade co Concello para realizar o servizo municipal de limpeza viaria a través do seu Centro Especial de Emprego. No seu percorrido tamén visitaron o Concello, acompañados pola directora de Aspaber, Dolores Fernández, así como por outros membros da directiva da asociación, e sendo recibidos polo Alcalde, Evencio Ferrero; a Concelleira de Contratación, Milagros Lantes; o Concelleiro de Formación e Emprego, Marcos Trigo; e o Concelleiro de Servizos, Luís Lamas. Cayo Pérez quixo gabar ao Concello polo "valor" que ten manter un contrato con Aspaber UTE para realizar o traballo de limpeza viaria, pero tamén se interesou pola posibilidade de introducir no futuro cláusulas sociais nos pregos de contratación municipais de acordo coa lexislación española e as directrices europeas que así o permiten.

O ceense Marcos Rodríguez volve a gañar o Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís na súa XV edición

O SEGUNDO PREMIO RECAEU NUN ARTISTA DE CASTELLÓN

O ceense Marcos Rodríguez volve a gañar o Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís na súa XV edición

Venres 8 de marzo do 2013

O xoves 7 de marzo ás 16.00 horas reuníronse no Pazo da Cultura de Carballo os membros do xurado do XV Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís para fallar os premios que este ano teñen un importe total de 1.850 euros. Con este concurso o Concello de Carballo quere contribuír á creación artística e a fomentar a divulgación da fotografía. Nesta última edición presentáronse un total de 177 imaxes de 75 participantes, e os galardoados son: co 1º Premio, dotado con 700 € e diploma, a fotografía que leva por título "Cóntamo todo" presentada por Marcos Rodríguez Cotelo (na imaxe), de Cee, que gaña o certame por segunda vez; co 2º Premio, dotado con 450 € e diploma, resulta elixida a fotografía que leva por título "El tiempo espera" presentada por Xavier Ferrer Chust, de Vila-Real (Castellón); o Premio Especial Carballo, dotado con 450 € e diploma, recaeu na fotografía que leva por título "Auxilio" presentada por Eduardo Verdes Pereira, de Laracha. Por último, o xurado tamén decidiu outorgar dous accésits dotados con 125 € cada un e diploma ás seguintes obras: á fotografía "Bosque de arena" presentada por Áurea Malvido, de Pontevedra; e á fotografía "Lake" presentada por Laura Cuba, de Oleiros.

Máis de 900 persoas teñen solicitado a súa inclusión na Bolsa de Traballo Municipal que está en marcha desde novembro

A LISTAXE DE ESPERA É DE ARREDOR DE 450 DEMANTANTES

Máis de 900 persoas teñen solicitado a súa inclusión na Bolsa de Traballo Municipal que está en marcha desde novembro

Venres 8 de marzo do 2013

A Bolsa de Traballo Municipal, que está en marcha dende o pasado novembro, xa conta a día de hoxe con máis de 900 solicitudes de demandantes de emprego, das que 477 persoas xa están dadas de alta, e arredor de 450 están en listaxe de espera, con citas concertadas para manter entrevistas coas técnicas responsables do servizo, situado no complexo Fórum Carballo na Milagrosa. Así mesmo, a Concellaría de Formación e Emprego ten realizado un estudo estatístico sobre o funcionamento da Bolsa durante os seus primeiros tres meses de vida (entre o 19 de novembro e o 15 de febreiro). Segundo estes datos, neste período téñense rexistrado un total de 389 persoas dadas de alta, mentres que durante este tempo, o número de postos de traballo ofertados pola Bolsa foron un total de 15, para os que o servizo tramitou para as empresas un total de 31 currículums. O número de postos cubertos pola Bolsa de Traballo foron 5, mentres que ao remate do trimestre quedaron dúas ofertas pendentes de cubrir con candidatos. Ademais neste intervalo téñense realizado 55 modificacións de currículums por parte dos usuarios e usuarias. Atendendo á discriminación por sexo, o número de homes no servizo é de 217 (55,78 por cento) fronte a 172 mulleres (44,22 por cento).

"Rosalías. Daquelas que cantan" homenaxea a Rosalía de Castro e a todas as mulleres con motivo do 8 de marzo

VENRES ÁS 21.00 HORAS NO PAZO DA CULTURA

"Rosalías. Daquelas que cantan" homenaxea a Rosalía de Castro e a todas as mulleres con motivo do 8 de marzo

Xoves 7 de marzo do 2013

O venres 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Pazo da Cultura de Carballo acolle ás 21.00 horas o espectáculo "Rosalías. Daquelas que cantan". Organizada pola Asociación Cultural Lumieira, a cita consiste nun acto musical e poético en homenaxe a Rosalía de Castro no que participan as cantantes Uxía e Dolores Platas, o grupo feminino Habelas hainas ou a poetisa carballesa Rosalía Fernández Rial. Da escenografía encárgase a artista Chiña e tamén está prevista algunha que outra sorpresa enriba do escenario. Este espectáculo multidisciplinar organizado por Lumieira, conta coa colaboración do Concello de Carballo e, ademais do Día da Muller, tamén conmemora o 150 aniversario da publicación de "Cantares Gallegos", de Rosalía de Castro. A Asociación Lumieira desenvolve este "acto musical e poético desde unha perspectiva que conxuga tradición e actualidade". Segundo salienta a presidenta da entidade e participante no espectáculo, Rosalía Fernández Rial, "partimos, asemade, da idea de que todas nós somos, dalgún xeito, Rosalías (de aí o nome do acto) e temos en común as letras e as músicas, nosas e súas, de todas". Así o espectáculo, de acceso libre para todos os veciños e veciñas ata completar o aforo, ten un fío condutor coherente e conxunto.

Carballo conmemora o Día Internacional da Muller cunha serie de charlas e a celebración dun Cinefórum

PROXECCIÓN DA PELÍCULA: O 8 DE MARZO NO FÓRUM CARBALLO

Carballo conmemora o Día Internacional da Muller cunha serie de charlas e a celebración dun Cinefórum

Martes 5 de marzo do 2013

A Concellaría de Igualdade e Benestar, a través do Centro de Información á Muller (CIM) conmemora o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, a través dun ciclo de ponencias que se desenvolven durante todo o mes. Profesionais de distintos ámbitos informan ás mulleres acerca de temas xurídicos, sociais, psicolóxicos, de saúde, de resolución de conflitos, de relacións paterno filiais, de economía doméstica, etc. A cita é todos os xoves de 10.00 a 13.30 horas no Pazo da Cultura (Rúa do Pan, s/n). Nestas ponencias participan as profesionais do CIM de Carballo e a Educadora Familiar. Haberá dous grupos de 20 mulleres. Por outra banda, o mesmo día 8 de marzo o Fórum Carballo (situado na Praza dos Bombeiros Voluntarios, s/n - barrio da Milagrosa) acolle un Cinefórum coa película "Globos de agua" (2006), unha curtametraxe de ficción sobre conciliación laboral e familiar producida polo proxecto europeo Equal Camp de Túria Concilia. A través dunha historia de ficción, aínda que moi real, Fernando Canet reflicte a necesidade que teñen todas as persoas de conciliar a súa vida laboral coa familiar e persoal. A sesión ten lugar de 10.00 a 13.30 horas. Esta actividade está aberta a calquera persoa que queira participar, e consiste na proxección da película e un debate a continuación dirixido por unha profesional da Asociación Faraxa que colabora neste acto.

O Concello de Carballo asina convenios de prácticas profesionais con 40 empresas do municipio e a súa contorna

SOLICITADAS NOVE ACCIÓNS FORMATIVAS PARA O FÓRUM

O Concello de Carballo asina convenios de prácticas profesionais con 40 empresas do municipio e a súa contorna

Martes 5 de marzo do 2013

O Concello de Carballo, a través do Centro Municipal de Formación (situado no complexo Fórum Carballo), solicitou á Consellería de Traballo e Benestar un total de nove accións formativas para desenvolver nas instalacións da Milagrosa ao longo do presente exercicio. O Concello faino ao abeiro da orde do 31 de decembro pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma para o ano 2013, e os cursos aos que opta Carballo son os seguintes: cociña, soldadura con electrodo revestido e TIG, operacións auxiliares de montaxe de instalacións electrónicas e telecomunicacións en edificios, servizos de restaurante, soldadura oxigás e soldadura MIG/MAG, colocación da pedra natural, montaxe de mobles e elementos de carpintería, programación de sistemas informáticos e administración de servizos de Internet. Todas as accións formativas solicitadas están encamiñadas á obtención dun novo certificado de profesionalidade, o que supón a acreditación das cualificacións profesionais recollidas en cada un deles.

Viki Rivadulla expón a súa visión dun mar "rexo", "forte" e "reivindicativo" no andar -1 do Pazo da Cultura

HORARIO HABITUAL: ATÉ O 30 DE MARZO DE 18.00 A 21.00 HORAS

Viki Rivadulla expón a súa visión dun mar "rexo", "forte" e "reivindicativo" no andar -1 do Pazo da Cultura

Venres 1 de marzo do 2013

A artista muxiá Viki Rivadulla expón no andar -1 do Pazo da Cultura de Carballo a mostra "O meu mar". Titulada a partir dun poema de Gonzalo López Abente, esta exposición , segundo explica a propia autora, pretende recoller a través de 24 pinturas e 7 esculturas unha visión dun mar "creador dunha eterna traxedia", pero tamén un mar "rexo e forte" ao que hai que "devolverlle moito do que nos dá". Para Rivadulla tamén é unha presenza "reivindicativa" de "tribos mariñeiras", xente "traballadora e humilde que quere seguir vivindo do mar" porque "non pode haber futuro na Costa da Morte que non teña en conta o mar e as súas xentes". Ademais de no título, a autora subliña que a poesía e a literatura tamén teñen unha fonda pegada nesta mostra, xa que contén unha parte dedicada ás "Viúvas de vivos e mortos" de Rosalía de Castro, e outra sección para "A árbore da lingua". As obras de "O meu mar" pobóanse de mulleres e homes da Costa da Morte, recollendo "esa potencia creativa que somos", en verbas de Rivadulla, porque "o meu mar tamén é o mar dos poetas". E por iso, a mostra pechouse cun pequeno recital coa colaboración dos poetas Miro Villar, Suso Bahamonde, Paco de Tano, X. H. Rivadulla Corcón, Rosalía Fernández e Paco Souto.

Presentadas máis de 250 alegacións ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) dende o comezo do período de exposición pública

REXISTRADAS PRETO DE 4.000 VISITAS NA WEB MUNICIPAL

Presentadas máis de 250 alegacións ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) dende o comezo do período de exposición pública

Mércores 27 de febreiro do 2013

Despois de que teña transcorrido pouco máis dun mes dende o comezo do período de exposición pública do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Carballo -coa publicación no DOG o 22 de xaneiro de 2013-, xa se teñen presentado un total de 255 alegacións ao documento, segundo datos do Rexistro de Entrada a 27 de febreiro de 2013. Por outra banda, a través da web municipal -e segundo cifras da mesma data- téñense contabilizado un total de 3.917 visitas de 1.969 direccións web diferentes nos 34 días que o documento leva exposto ao público. Destas visitas, en xaneiro rexistráronse 2.144, mentres que no mes de febreiro que está a piques de rematar xa houbo 1.773. No que respecta aos visitantes, dos 1.969, un total de 1.016 rexistráronse en xaneiro e 953 en febreiro. Así, aínda que o documento xa leva a disposición de todos os veciños e veciñas máis dun mes, o goteo de persoas solicitando información, xa sexa no Fórum Carballo (edificio onde se poden realizar as consultas de luns a venres de 10.00 a 14.00 horas, e martes e xoves de 17.00 a 20.00 horas) ou a través da web municipal continúa a ser constante. Hai que lembrar que os interesados e interesadas aínda poden formular as alegacións que consideren pertinentes para a defensa dos seus intereses, até o 22 de marzo de 2013.

O pleno apoia aos afectados polas preferentes, ás universidades públicas e o mantemento de Carballo como base do Grumir

MODIFICACIÓN DA ORDENANZA DO PROGRAMA CONCILIA

O pleno apoia aos afectados polas preferentes, ás universidades públicas e o mantemento de Carballo como base do Grumir

Martes 26 de febreiro do 2013

A corporación vén de celebrar a sesión ordinaria correspondente ao mes de febreiro na que saíron adiante varias mocións relativas a diferentes asuntos e na que a maioría dos puntos foron aprobados por unanimidade en pouco menos de media hora. Así, recibiron luz verde dúas mocións co visto e prace de todos os grupos. A primeira, que quedara sobre da mesa no pleno anterior, plasma o apoio dos concelleiros aos afectados polas participacións preferentes e obrigas subordinadas, moitos deles presentes no salón de plenos da Casa do Concello. No texto, ínstase á Xunta de Galicia a que se dirixa aos distintos organismos e autoridades políticas e monetarias competentes e que se adopten as modificacións legais oportunas para, no caso das comercializacións indebidas destes produtos híbridos, eliminar as quitas e evitar que se realicen canxes por outro tipo de produto financeiro que non poida ter liquidez a curto prazo ou poida supoñer perda no valor nominal dos títulos dos seus produtos; e tamén que se manteña, axilice e reforce o sistema de arbitraxe. A segunda moción unánime esixe o mantemento de Carballo como base do Grumir (Grupo Municipal de Intervención Rápida). Así, solicítaselle á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a inclusión do municipio como base de atención na nova distribución dos servizos de emerxencias.

Luz verde na Xunta de Goberno para a demolición da estrutura dun edificio situado no número 19 da Rúa Valle Inclán

SOLICITADA UNHA SUBVENCIÓN PARA A LIMPEZA DE PRAIAS

Luz verde na Xunta de Goberno para a demolición da estrutura dun edificio situado no número 19 da Rúa Valle Inclán

Luns 25 de febreiro do 2013

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar a demolición da estrutura dun edificio situado no número 19 da Rúa Valle Inclán da capital municipal (na imaxe) fronte á Casa da Xuventude. Así, as propietarias veñen de solicitar a licenza urbanística para derrubar esta construción inacabada de formigón armado, de planta baixa e tres forxados e que conta con más de 40 anos de antigüidade, para deixar o solar baleiro. A estrutura está formada por muros, piares e vigas de formigón e bovedillas cerámicas e, segundo a documentación técnica achegada, o seu estado de conservación é deficiente. Así mesmo, a sesión supuxo a aprobación da demolición dunha estrutura no número 40 da Rúa Vázquez de Parga, situada entre medianeiros de planta baixa, primeiro andar e baixo cuberta e que está parcialmente derruída. A superficie construída total desta última estrutura a demoler é de 127 metros cadrados e o volume da construción de 303 metros. No apartado de licenzas de obra, a sesión tamén supuxo luz verde para a correspondente á mellora do subministro eléctrico en Vilar do Carballo, Oza Vella e Os Canedos; outra para a rehabilitación dunha vivenda unifamiliar en San Miguel de Vilela e outra para a construción dunha vivenda unifamiliar na Avenida das Flores.

Compartir: